20120324

Pleno Truncado (20120323)

Esta entrada estará truncada. Pero non só porque o pleno foi longo para referilo nunha soa volta, senón por obriga: o pleno quedou truncado.
Un pequeno resume inclúe a aprobación inicial do PXOM reformado para a súa exposición durante dous meses, ou que as cousas aprobadas ou rexeitadas nunca o foron só cos votos do goberno, pero sobre todo que o pleno durou catro horas longas, e ás catro horas, as 12 da noite, o alcalde consultou a legalidade para ver que se facía. Resulta que os acordos deben ser tomados todos un mesmo día; como xa ían na parte de rogos e preguntas, non había problema ó respecto, pero xa era tarde e había a dúbida de se o apartado ía ser longo ou non, o que deu lugar a rematar falando sobre como leva o alcalde os plenos e, mentras a oposición acusa ó alcalde de levalo mal, o alcalde defendíase dicindo que o que facía era deixar falar á xente e non limitar as intervencións. Como o tempo pasaba, ó final o alcalde tomou a decisión tras consultar ó grupo, de cortar o pleno. Habería que completalo no seguinte pleno ordinario, logo dentro duns dous meses, aínda que a próxima semana haberá un pleno extraordinario. A discusión deu lugar a algunha cousa comentable, pero polo momento, isto trúncase aquí.
Por suposto, as preguntas de O Tesón, plantexadas hai catro meses, tampouco foron contestadas ó non rematar o pleno.
Continúa en pleno truncado II e III.

20120323

Diferenzas en novas, honra, credibilidade ...

No seu momento aludín no blog a que Paco Rivas deixara a cadeira de UPRi no concello para coller unha cadeira máis importante na Consellería de Medio Ambiente en Asturias. Ó ser imputado nun caso de tráfico de influenzas [importante: por unha denuncia anónima], os medios trouxeron varios días novas do tema, da súa dimisión inmediata (foi arredor do 24 de xaneiro). No blog non apareceu nada.
Agora non aparece nada en formato dixital nos medios (que eu vira), pero onte unha pequena nota nunha esquina daba a nova de que xa non estaba imputado.
Coido que por entradas anteriores é patente que non comparto diversas ideas e decisións con Paco Rivas. Non obstante, hoxe si dedico unha pequena entrada ó tema, pois coido que é unha descompensación que, a parte de posibles culpabilidades éticas (algo que entendo que non se xulga nos xulgados, fronte á culpabilidades legais, que si se xulga) que poidera haber, a diferenza de tratamento antes e agora é grave. Sobre todo, o dar primeiro (como é lóxico secuencialmente) a nova da súa imputación, implica que haberá máis xente que se enterara da imputación que posteriormente da súa exoneración, a parte do tempo que a xente o clasificamos como imputado. Isto induce un dano na honra, independentemente da súa actuación.
Así, esta entrada pretende, dende unha posición de confrontación en diversos temas, contribuír á volta a un estado de credibilidade anterior a unha persoa. Sen máis.

20120322

Ribadeando: cambio de dominio por cambios en Blogger

Hoxe, calquera que se fixe na barra de dirección no navegador, poderá ver que esta páxina non ten a dirección habitual de http://ribadeando.blogspot.com, senón unha variación da mesma: http://ribadeando.blogspot.com.es/. Entraría na páxina coma sempre, coa vella, pero de xeito automático terá saltado á nova. Cousa do proveedor do servizo, que ten variado ademáis algunha outra cousiña de onte a hoxe. Espero, sen ningún cambio negativo para ti que estás a ler.

Por fin, pleno en Ribadeo (avisado)

Confírmase que mañá habará pleno en Ribadeo, pola tarde, un venres e variando polo tanto o que leva sendo usual dende que o concello entrou na era democrática: pleno ordinario o segundo luns de cada mes impar, ou senón, en luns sucesivos.
Tamén voltamos a ver outro pleno avisado na propia web do concello, que neste sentido parece que pouco a pouco e por fin, tenderá a normalizar a situación de aviso de temas.
Na orde do día, a parte da aprobación da acta anterior, figura:
-A aprobación inicial do regulamento de creación de ficheiros de datos de carácter persoal do Concello de Ribadeo (a lembrar que a creación de tales ficheiros e a súa regulación leva xa cousa de unha década regulada).
-As aprobacións iniciais dos convenios urbanísticos entre o Concello e varios titulares propietarios na rúa Pintor Fierros, entre o Concello e varios propietarios na rúa Daniel Cortezón e entre o Concello e Construcciones Os Molineros S.L. na avenida de Rosalía de Castro.
-O Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa segunda exposición pública.
-A dación de contas da relación certificada de obrigas pendentes de pago a 31.12.2011 de conformidade co Real Decreto Lei 4/2012, de 24 de febreiro, polo que se determinan obrigas de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiación para o pago a proveedores das entidades locais (relación que xa foi comentada no blog).
-E a dación de conta de decretos da Alcaldía, rogos e preguntas, máis as mocións de partidos.
No capítulo de mocións figuran catro do PSOE sobre reducción de multas de tráfico, modificación de criterios das axudas dos Programas de Cooperación, declaración do Día de Rosalía de Castro e outras accións con este motivo e sobre o Día Internacional das Mulleres.
Dúas mocións do PP sobre actuacións a incluir dentro do PEIM Rural e sobre promoción de emprego e creación e consolidación de novas empresas no Concello de Ribadeo.
Asemade, catro do BNG sobre dereitos das mulleres, apoio á iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galicia, contra a privatización e suba das tarifas das escolas infantís pertencentes á Xunta e para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro.

20120321

Chegou a primavera a Ribadeo

Hoxe comeza astronómicamente a primavera.
Comeza con neves próximas e baixada da temperatura: á beira pódese ver unha previsión para Ribadeo de 3ºC de mínima. Para recibila, novas frías do bispado en relación á desaparición de tallas das parroquias da zona rural, cunha declaración na que lamenta "las circunstancias y las formas en que el expárroco don José Emilio ha dejado el ministerio sacerdotal. Su marcha ha provocado desconcierto y desasosiego en muchos feligreses, lo que ha afectado negativamente a la imagen y la misión pastoral y evangelizadora de la Iglesia". Non estou seguro de que con esto quede pechado o tema, pois aínda faltan cousas por recuperar. E, na veciñanza, a Pontenova hai uns días declinou a celebración dun festexo por cartos, e agora enfróntase á posibilidade da non celebración doutro por non haber troita.
Non obstante, en Ribadeo hai novas que procuran o optimismo, dende a plantación de árbores (hoxe é tamén o día forestal mundial) á mobilización de Amarante en favor de países en desenvolvemento, pasando polo anuncio de menús en diversos establecementos de Ribadeo, como O Cabazo ou o Parador.
O aumento de luz chegou. A mellora de ánimo da poboación pode estar en camiño. Verémolo.

20120320

Listado críptico: Publicación do listado de facturas certificadas do Concello de Ribadeo en virtude do RDL 4/2012

Na páxina do concello aparece hoxe a publicación do listado de facturas certificadas do Concello de Ribadeo en virtude do RDL.
Animo a botarlle unha ollada. Abaixo deixo as cinco primeiras liñas como mostra:
20800607/B    502057432    750,00    22/04/2008    P    2008
1                     00691602S    300,00    11/07/2008    P    2008
050940/1        06166173B      84,25     23/04/2010   P    2010
23                   09423055R  1500,00     19/05/2008   P    2008
382                 10544759H    450,00     05/01/2011   P    2010
Máis indicacións non hai: supoño que haberá que protexer o anonimato dos acreedores, e está claro cales son os importes.
Na páxina 40 (de 60) aparece no medio unha única cantidade, con significado tamén claro por coñecido: 1780620,78, a suma de importes. E logo de moitas páxinas en branco, na 60, algo de interpretación máis difícil:
51438,33    30/04/2012#19381,28|31/05/2012#32057,05

23582,28    31/03/2012#23582,28
18423,65    30/07/2012#18423,65
5395,89      30/07/2012#5395,89
72127,50    31/03/2012#72127,50
23636,47    30/05/2012#23636,47
5009,84      30/09/2012#5009,84
...
Por certo, onte non houbo pleno; preguntando a quen sabía algo do tema cheguei a que será o venres (actividade do venres, por exemplo, en competición co ciclo de cine do O Tesón)

Un borrador para un comunicado

Feito para pensar e discutir, é só un borrador. Se estás participando no 15M na zona, posiblemente o atoparás noutro lugar. Se non, pódelo igualmente pensar. É o que teñen os borradores: pódense variar á vontade. Anímase á participación para a súa mellora. Por certo, non é un borrador meu, pero coido que neste caso non hai que pagar dereitos.

-

¿Imos á folga? Asemblea cidadá da Mariña – Occidente de Asturias

As folgas xerais non se convocan por causas particulares dunha empresa, senón para amosar o rexeitamento do conxunto dos traballadores e a cidadanía ás políticas laborais ou económicas dun goberno. Por iso, cando desde a CEOE se di que a folga convocada para o vindeiro día 29 de marzo é unha folga política, desde a Asemblea da Mariña-Occidente estamos de acordo: é unha folga contra a política laboral do actual goberno.

O que sucede é que o movemento 15M non se asusta da verba “política”, dado que precisamente a nosa intención é a de non deixar a política nas mans dos profesionais da política. Levamos xa máis de dez meses pedindo aos políticos transparencia e aos cidadás participación, e nesta ocasión non vai ser diferente. Os nosos movementos non dependen de quén convoca ou quén asiste a un acto. Unha cidadanía maior de idade pode avaliar cada situación e posicionarse fronte a ela cun discurso propio, coincidindo ás veces con uns e outras con outros, sen tutelas nin coacións dos diferentes actores.

Hoxe nos enfrontamos á reforma laboral presentada polo goberno. A súa proposta baséase na filosofía de que facilitar a xestión das empresas polos seus propietarios á súa vontade facilitará a creación de emprego, non dubidando para iso en eliminar os dereitos dos traballadores, permitindo que se unha empresa gaña menos que antes (hoxe, todas) ou simplemente pensa que vai pasar, poida despedir barato aos seus traballadores, ou baixarlles o salario unilateralmente; cas empresas poidan mover á xente onde e cando queiran, poidindo despedir barato a quen non estea disposto, que se poidan contratar xoves por un ano con despido libre ou que os incrementos salariais acordados polos sindicatos e a patronal poidan en caso de necesidade deixar de aplicarse nunha empresa en dificultades. Unha tras outra, medidas que facilitan o despedimento e a rebaixa dos dereitos e favorecen ao empregador.

Din que con esta reforma trátase de crear emprego, pero despois din que este non vai crearse até que medre a economía. É dicir, que non vai crear emprego, que o emprego o xenera o crecemento, o mesmo que cando se creou emprego fai oito anos, coa anterior lexislación laboral.

Tamén din que se trata de que nunha futura crise non se despida aos traballadores, senón que se poidan repartir empregos e salarios dentro da empresa, pero iso foi precisamente o que acordaron en xaneiro empresarios e sindicatos, sen necesidade de abaratar o despedimento, antes de aproba-la reforma.

Os máis deles pensan ca reforma vai axudar aos empresarios a competir con produtos máis baratos no mercado internacional, pero non falan do que vai supoñer a baixada dos salarios para os pequenos comercios e empresas que venden os seus produtos e servizos no mercado local.

Desde a Asemblea Cidadá pensamos que:

1. A reforma laboral vai supoñer unha baixada xeralizada dos salarios, e así unha merma da nosa capacidade adquisitiva, polo que as empresas que venden os seus produtos na nosa comarca verán baixar as vendas, o que vai reducir á súa carga de traballo e incrementa-lo noso desemprego.

2. A estratexia da rebaixa salarial para competir no mercado europeo (o noso mercado) non pode triunfar se vai ser a mesma en tódolos países da UE, indo quedar simplemente na destrución do sistema europeo de benestar.

3. En definitiva, apoiar esta reforma é optar por un sistema económico global no que os traballadores vivan cada vez peor, para que a riqueza siga a acumularse nas mans do 0,1% da poboación, dos banqueiros, dos executivos das grandes multinacionais e dos líderes dos grandes partidos políticos que lles serven de coartada.

Por iso desde aquí queremos chamar a tódolos cidadás á participar na folga, pero non quedándose na casa, senón deixándose ver nos diferentes actos que se propoñan o vindeiro xoves 29, para facer patente o noso desacordo coa reforma. Para que non digan que non fumos traballar porque os piquetes nolo impidiron. Chamamos tamén ás mulleres e homes que traballan na casa, cuxo esforzo parece que non existe por non ter un salario, para que rexeiten unha reforma que vai a obrigalos a traballar tamén fóra da casa pola baixada dos salarios. Chamamos aos parados, para que levanten á súa voz contra unha reforma que vai condealos a traballar gratis para a adminisitración se non aceptan rotar en traballos precarios “se é preciso en Laponia”.

Chamamos a quen ten emprego e ao quen non o ten para que loiten xuntos, porque a unión fai a forza, e hai que parar esta estratexia de enfrontarnos uns cos outros que só pretende que non vaiamos na procura dos auténticos culpables nin das verdadeiras solucións.

Contra unha reforma política, unha folga política. Por suposto: os cidadás facendo política, de xeito transparente e sen intermediarios.

Porque as cousas importantes é mellor facelas un mesmo.

Asemblea Cidadá da Mariña-Occidente

20120319

Unha ría, unha vida (publicado o 20060203 en A Mariña de El Progreso)

Publicado na p. 3, está un pouco fóra de tempo polas circunstancias concretas que se citan, pero non polo fondo da cuestión:
-
Remata de chegar ás miñas mans a proposta da Plataforma para a Defensa da Ría para o establecemento dun plan de protección. E prevexo que sigan a chegar boas palabras e malos actos moito tempo máis. Nembargantes, como a situación ten que cambiar (ou cambiamos nós, que é outra posibilidade), paso a leelo e póñome en situación: a fin de mes está previsto un cumio galaico-astur e a Plataforma pretende entregar ás autoridades unha versión revisada da proposta que está a difundir agora. É dicir, o leelo e criticalo é parello a unha esmola para a ría. E quero a ría, ou sexa que de esmola, nada: contribución.
Pídese a declaración de espazo protexido, e unha comisión permanente e con participación cidadá para o seguemento e control da súa conservación.
É dicir, leis, pero asegurando o seu cumprimento. Claro, do anterior se desprende que se debe renunciar a calquera recheo, e máis cando parece que a beira asturiana xa está farta de que sexa a parte galega quen faiga recheo tras recheo.
Como as leis necesitan unha concreción despois de promulgadas, nas propostas inclúense medidas derivadas a curto e medio prazo. Por exemplo, e fronte a presión urbanística que se deixa sentir na redacción do Plan xeral de ordeación urbana, propónse a ampliación ata 500 m da prohibición de construír, ou o saneamento de puntos concretos que lle fai falta, ou algunha medida para poñer en valor o propio que ten como espazo natural. É certo que o borrador presentado non fala moito dos tesóns, pero na actualidade e tras as derradeiras obras, a súa capacidade de recuperación é asombrosa, como se pode ver día tras día mesmo fronte a Mirasol, o que parece dicir que non corren perigo mentras a draga pase algunha tempada fóra da ría.
Vai sendo hora de que nos decatemos que a ría ten unha vida propia, que defende con tesón das agresións que sufre, pero que como calquera ser vivo pode enfermar debido a elas. E eso está pasando.
É hora de cuidar un espazo que polo momento serviunos a nós e non elixir o mal camiño de tentar medrar económicamente a costa do medio ambiente, dun xeito desordenado e sen futuro.
A ría é algo parello a unha galiña dos ovos de ouro: alguén se imaxina aunha galiña así estabulada nunha granxa con outras iguais?