20120315

Cachondeo a conta da sanidade. Quen cura á sanidade na Mariña? Pequena historia para comprender os últimos anos.

Hai xa moito tempo, a metade da viaxe do bipartito en Santiago, que se formou unha plataforma de defensa da sanidade pública no hospital da costa. Daquela había un cheiro a que o hospital ía quedar desatendido para promover o 'grande hospital' de Lugo, que era só era un proxecto en marcha. Antes aínda houbo un tempo no que o hospital creou unha comisión de seguemento (como o resto dos hospitais comarcales de Galicia) á que foron invitadas as asociacións de veciños. Como daquela non había na costa asociacións federadas, a representación nun primeiro momento asignouse ás asociacións de Lugo, o que, coas perspectivas que se prevían, era algo así como poñer ós interesados en marchar a coidar dos intereses de quedar. A cousa logrou pararse  e participaron varias asociacións de veciños da zona, entre elas, O Tesón (por certo, que o tema serviu para engrosar un sistema de federación de asociacións veciñais totalmente viciado pola política e clientelismo no que a asociacións ribadense se negou a entrar). A comisión apenas chegou a ter dúas reunións ó manifestarse crítica co funcionamento do sistema e quedou arrumbada, pero do coñecemento mutuo naceu a plataforma de defensa do hospital da costa, que se integrou xunto con outras resultantes no sistema de defensa da sanidade pública. Dela tamén pode dicirse que cambiou, en certo xeito, dexerou, pois foise facendo máis sindical e política e menos veciñal, de forma que a representación veciñal na estrutura (que é unha estrutura non exactamente definida, senón informal) na actualidade redúcese ó contacto informativo do que vai sucendendo e a pouco máis, como a participación nalgunha protesta, collendo o timón un grupo con intereses particulares, aínda que esteñan relacionados co mantemento do hospital.
E veu non só a inauguración do macrohospital lucense, senón tamén a crise. Polo medio foron anunciadas de xeito sucesivo varias veces a ampliación do hospital. Ampliación de verbo, que non de acción. O que si houbo foi pouco a pouco eliminación de material, persoal e servicios. Eso si, pouco a pouco. Pero incrementando na zona a desfeita na saidade pública. Agora anúnciase outra 'nova' ampliación polo Presidente da Xunta. Haberá quen o crea? Ou quizáis a pregunta sexa: será a ampliación (e retorno de servizos) antes das eleccións?
No blog referínme varias veces ó tema, agrupadas (só) as últimas na etiqueta sanidade.

20120314

Dando unha nova sobre Ribadeo e o cine

Hoxe mesmo recibín nova dun novo blog adicado a Ribadeo e ó cine relacionado, no que nos seus primeiros pasos parece un particular blog de historia de Ribadeo: http://cinesribadeo.blogspot.com/.

Queixiñas

Onte pola mañá houbo unha pequena manifestación no IES Gamallo Fierros. Foi circunscrita ó ciclo de Educación Infantil, e non saíron do centro. Nada que ver coas de valencia, por exemplo. Neste caso a dirección do centro axusta que é debido a cousas coxunturais, e polo tanto a)non ten importancia, b)é algo pasaxeiro, e ademáis c)afecta a unha parte pequena do alumnado. É dicir, nada do que preocuparse: está todo controlado. É ben certo que non saen no xornal declaracións das alumnas do ciclo, senón só a súa protesta.
A orixe está nas obras para a unión dos dous IES, que levan anos de retraso en relación ó previsto inicialmente.
Non se fala de queixas por ensino de mala calidade, senón só de condicións no ensino: "non se cumpren os requisitos estipulados legalmente para impartir o ciclo"; "deficiencias como furados nas paredes, aulas improvisadas, ruídos" ... vamos, nada anormal que non sexa transitorio como a vida mesma.
de que se queixan? En canto ós ruídos, podo testemuñar que nalgúns países non teñen portas de papel nas aulas, e hai auténtico illamento. Aulas improvisada háinas en moitos centros, funcionando por décadas enteiras en fondos de pasillo ou despachos. Furados nas paredes pode ser algo esaxerado, pero dudo que se vexa o exterior, e cnetros con paredes repisadas haber, háinos. En canto a non cumprir o legalmente establecido, non sei a que se refire en concreto, pero polas normativas soe circular unha coletilla do tipo 'cumplirase (...) sempre que sexa posible', co que todo resolto, pois se se estima que non é posible nun momento dado (duración indeterminada) sinxelamente non se cumpre.
Así pois, problema solucionado. E aquí a xente é pacífica, non como en Valencia. Respecto a esto último, claro que os recortes polo momento foron menores aquí, conservando aínda algún carto para a calefacción, por exemplo.
Por certo, dos profesores non se fala nada. Mellor, que se non comezarían a dicir mal dos funcionarios (xa é tradicional).

20120313

A emigración, a debate

Non é novidade que voltamos ser un país de emigrantes. As novas da marcha van aparecendo máis que nos xornais, nas revistas. Mais boto en falta que se debata algo máis sobre elo. É dicir, chócame que quizáis se debatera máis sobre o significado da emigración en épocas de bonanza, de retorno, cando a emigración diminuíra, que agora, en franco avance.
E é que a pesares de que o móbil de non ter futuro é compartido antes e agora, as características son diferentes, e o impacto, tamén. Non se trata só da formación que se nos vai de entre as mans, fronte á non cualificación maioritaria anterior, e polo tanto a unha perda do que agora se chama con eufemismos tipo 'inversión en capital humano' incomparablemente maior. En troques, quizáis (e dígoo como posibilidade, porque está a falta dun estudo ou alomenos dunha discusión), a emigración sexa menos traumática para quen emigra ó controlar máis o medio de chegada ou poder comunicarse mellor coa súa orixe. Ou tamén, a importancia do retorno económico para a terra de emigración sexa abondo menor que antano, pois as remesas enviadas sexan tamén relativamente abondo menores ou ata inexistentes, ó ter a xeración anterior, mellor ou peor, solucionado o seu sustento. É dicir, dentro dunha traxedia como a emigración, a actual pode representar uns efectos suavizados para as persoas, pero agravados para a sociedade.
Claro que quizáis non se fai o debate correspondente porque quen podería poñer remedio estáse beneficiando dos efectos, e quen sae perxudicado ten abondo en que pensar...

20120312

A nota de prensa do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, 20120312, sen comentar

EXPLICACIÓN PÚBLICA DA MIÑA SITUACIÓN INTERNA NA FORMACIÓN POLÍTICA NA QUE MILITO

    Na miña opinión non é un momento agradable para o nacionalismo galego ver como xestionaron a vitoria os que gañaron na XIII Asemblea do BNG hai poucas semanas e como xestionaron a derrota moitos dos que nela perderon, iso si, por estreita marxe. De un tempo a esta parte, eu e moita xente do Bloque apostamos e arriscamos desde o compromiso sincero co país para mudar o BNG desde dentro, cousa que a día de hoxe non ten acontecido.

    Pero moi por riba de todo isto, o momento social, económico e institucional que vive a nosa sociedade lévame a confirmar a miña permanencia a título individual na formación política na que levo 17 anos, é dicir, o Bloque Nacionalista Galego.

    Entendo que Ribadeo en particular e Galiza en xeral, merecen que as persoas que nos presentamos por unhas siglas a unhas eleccións e que chegamos a pedir o voto para elas, sigamos nelas exercendo o noso labor político e institucional durante o período que corresponda. Iso si: Eu non renuncio a seguir traballando para cambiar o BNG desde dentro. Así son e así hei seguir, pensando como pensamos moitos/as de nós de que o BNG ten que dirixirse doutro xeito á sociedade, para que esta confíe nel, como xa fai en Ribadeo, e así poder servirlle máis e mellor para defendela e transformala para ben con dignidade, con benestar e con xustiza. Este foi, é, e será o meu norte en política, máis aló do que unha organización como o BNG impoña nun momento determinado.

    Non desexo, e farei canto poida para que estes desencontros nos que actualmente se encontra o BNG poidan afectar ao goberno municipal de Ribadeo, máxime cando a sociedade ribadense nos demanda rigor, compromiso, dedicación e que as loitas internas partidarias non lle pasen factura á gobernabilidade do Concello no que temos a honra e a responsabilidade de servir.

    Decido persoalmente por todo isto quedar onde xa estou, aínda que a dirección actual do BNG deba saber que non fico incondicionalmente e que polo tanto agardo pasos na Dirección política do BNG que demostren que nesta organización hai sitio para todos/as e que evidencien que eu e outros compañeiros/as, nestes momentos, adoptamos a decisión correcta. O tempo, como testemuño fiel, dirá se estivemos acertados ou non.
 
    Ribadeo, 12 de marzo de 2012

Asdo. Fernando Suárez Barcia
Militante do BNG e actualmente Alcalde de Ribadeo

O comezo da privatización dos concellos?

Resulta que este fin de semana os xornais trouxeron unha nova sobre o control ós concellos. Que si había que controlalos máis para traelos ó rego do gasto, e había que cambiar algunhas cousas legais. Isa era a cuestión. Pero no medio, nun lugar pequeno, eses cambios inclúen a posibilidade de que a xente de Madrid encargue auditoriás a empresas privadas.
Ata o momento, os concellos podían crear (igual que outras administracións) entidades xurídicas que funcionaban como empresas privadas, aínda que o capital fóra enteiramente público. A xustificación, iso da eficiencia da empresa privada, con menores gastos, máis independencia do poder político, ...é dicir, como se o privado fora de por si mellor que o público para funcionar, e non houbera quebras, ineficiencias, recortes por unha beira e beneficios para outros, clientelismo e aproveitamento das administracións, ... En fin, había a posibilidade de que o público accedera a métodos privados. Tamén de que o público encargara servizos a empresas privadas, desentendéndose da xestión deles e sendo un mero asegurador de que esos servizos se fixeran.
As dúas verquentes anteriores poderían indicar unha privatización, pero son sinxelamente unha desviación de recursos cara ó privado (o segundo) e un camuflaxe interesado o primeiro. Agora haberá esta nova versión, a supervisión do público por entidades privadas. Se viviramos nun mundo perfecto, quizáis non habería nada que obxectar. Pero non é o caso. E ata o de agora, eran as persoas as que tiñan asignado o seguemento, control e variación do poder político (se fixeran efectivas esas funcións ou non). Pero agora resulta que pasan a ser as empresas (contratadas, é dicir, previo pago, coas administracións como clientes, e polo tanto debéndose ó poder político e non ós cidadáns) as que controlarán por lei, sendo así alonxado unha vez máis o control dos cidadáns, aumentando o número de pasos ata chegar ó cidadán, e polo tanto, aumentando a opacidade, diminuíndo a eficacia do sistema administrativo, que ó tempo verá como se queda sen carga de traballo, se lle acusa -unha vez máis- de non traballar e se lle botará as culpas de ineficacia, ...
Sí, é certo, iso non é privatizar os concellos, é permitir que empresas privadas cos seus propios intereses, e non os cidadáns, marquen o camiño a seguir. Mentras, se os concellos son ineficaces, non pasa ren: aplánase o camiño a unha futura reforma. O resto, irá vindo.

20120311

Ribadeo marabilloso: o pozo Mouro no río Lexoso, preto de Remourelle

Ribadeo ten lugares marabillosos. O Pozo Mouro no río Lexoso, preto de Remourelle (aprox. 43º30'30"N, 7º10'9"W) é un deles. A visitar en particular estes días, recén arrasada a zona de acceso coa tala de eucaliptus e posterior plantación, facilitando a chegada ata a zona da fervenza e do pozo. As fotos non dan fe abondo.
Vista da fervenza e Pozo Mouro, dende o fin do camiño. Pode observarse certo desorde na parte inferior esquerda da foto debido ás cortas de eucaliptus, que deixan pelado o monte de a superficie en terra e pedra.
Un eucalipto recén plantado á beira do camiño de acceso. Máis abaixo háinos no que debera ser o medio do camiño, que no futuro evitará que se poda chegar ata o Pozo Mouro de non procurar outra vía.
O camiño aberto ampliamente, coa fervenza ó fondo.
Os restos non recollidos do arrase e posterior plantación están por calquera parte. Incluíndo botellas, bandexas de plantóns ou aínda neumáticos.
A continuación, dous vídeos da zona. Un, dende o lugar de onde está tomada a primeira foto, e outro, dende o pé do río.


Prezos Ribadeo 2012

Entre os moitos indicadores de como vai a cousa (a 'economía' en sentido amplo) están os prezos dos locais comerciais. Por aquelo do ladrillo e o movemento de cartos que representou a compra/venda de casas, estes anos falouse moito máis dos prezos dos pisos, pero hoxe na Voz de Galicia José Alonso fai un repaso a prezos e alquileres. Un resume:
R. Reinante: 20 m2 - 450 €/mes (22,5 €/m2mes, alquilado)
R. San Roque: 40 m2 - 500 €/mes (12,5 €/m2mes, por alquilar)
R. Transversal: 100 m2 -145 000 € para venda (145 €/m2)
Paralela a Rosalía de Castro: 750 m2 - 5 €/m2mes (ou 680 €/m2 para venda)
Claro que o prezo depende de máis circunstancias que o sitio xenérico. Non é o mesmo unha zona dunha rúa que outra, ou ir na procura dun local pequeno e atopar só grandes dispoñibles, ou viceversa. Pero aínda así, os datos da nova son unha indicación valiosa de como anda o mercado de baixos e a actividade comercial, o pulso económico da vila.