20110607

Un ano de prórroga

Última hora: o próximo curso os dous IES de Ribadeo permanecerán separados, retrasando un curso máis a unión. Segundo parece, as obras marchan a bo paso, pero non á velocidade necesaria para rematar obras e acondicionamento do edificio a tempo para o próximo curso. Así pois, de momento seguirá a haber dous centros, o IES Porta da Auga e o IES Dionisio Gamallo Fierros.

La vida sigue igual ...

Non hai cambios. Así o decidiu a executiva do PSOE en Ribadeo. Todo seguirá igual que no tempo anterior, que levou ó PSOE ribadense de 4 a 3 e agora a 1 concelleiro.
Así falan nos medios hoxe, de continuidade. E de autocrítica, aínda que o que aparece nos xornais non sexa tal. A refundación local queda para outra. En canto ás ideas, non se expoñen.
Mentras, imos descubrindo noutro lugar o método fetén das eleccións: o azar.
Queda para o sábado a constitución do novo pleno. A declaración de rexistro de intereses dos concelleiros, aprobada no último pleno do anterior mandato, non sei cando ten que darse, se antes ou despois.

20110606

Voltando un pouco sobre Obama

Atópome a tira recortada dun vello artigo, 'leccións e retos da victoria de Obama', que se pode ver na rede que é do 13 de novembro do 2008. Unha relectura non deixa de ser curiosa, pero trata dun tema diferente ó que me viu á cabeza ó ver o título: as espectativas e realidades de Obama en comparación con outras espectativas e realidades, como as dos concellos actuais ou as do movemento 15M.
É un tipo que cae ben. Sen estar entusiasmado con el, mirábao dun xeito positivo, cousa que desapareceu totalmente cando lle deron o Nobel. Non é que teña antipatía ó Nobel da Paz, é que a Obama llo deron por espectativas que xa nese momento eran de dubidoso cumprimento mesmo como tales espectativas.
Respecto ós concellos, coido que se pode estar máis ou menos contento cun resultado determinado, ou mesmo co resultado xeral, pero non vaiamos dar o Nobel antes de tempo, o mesmo que pasou con Obama.
E respecto ó movemento do 15M, non hai o problema do Nobel: se nalgures despertou o entusiasmo, coido que sempre foi mediatizado polas poucas posibilidades reais de repercusión inmediata.
Ben, o caso é que Obama, anos despois, presenta unha realidade 'real', abondo apartada do entusiasmo que aparecía xusto despois do seu victorioso paseo electoral. As condicións, dirase. Nos outros casos tamén  haberá condicións, pero no 15M prantexouse unha acción a longo prazo, e os resultados da indignación non se esperaban doados, senón froito dun traballo, contando con esas condicións, e sen ter unha folla de rota totalmente delimitada. Quizáis fóra convinte máis claridade no movemento, ou máis uniformidade, ou ... pero precisamente unha fermosa poesía dío ben clariño: fáise camiño ó andar. E nesas estamos.
En canto á outra realidade comentada, a dos concellos, coido que pola estrutura correspondente (eleccións, propaganda, entidades constituídas, ...) pode estar máis achegada ó de Obama que ó do 15M, pero rara vez se atopará nesa nube de entusiasmo que non deixa ver, algo terá influído xa o movemento 15M e a experiencia de vecindade de partidos, electos e electores para ter en conta os versos de Antonio Machado: 'golpe a golpe, verso a verso' ... con traballo, con lembranza do camiño, día a día, tanto por parte dos electos como dos electores. En canto ós partdos, son entidades, non persoas: as persoas están detrás/dentro.
A finais desta semana cosntitúense os novos plenos nos concellos: con esperanza, pero coa realidade por diante, con traballo dos políticos e tamén dos veciños, que o voto non exime destas outras cousas.

20110605

Asamblea cidadá da Mariña e Occidente na Caridade (20110604)

Comezou con retraso, a eso das 5 e vinte, na praza do concello de A Caridade, a capital do concello de El Franco e con pouca xente, non máis de 30 persoas. A cousa foi tomando forza de xeito que ás 7:30, ó remate, pasabamos de 70 persoas e xa se fora angunha. Entre os asistentes, máis dunha decea de persoas de Ribadeo. Pegada a unha entidade financieira, unha tenda de campaña como lembranza dos acampados nas vilas e un cartel no chan para quen non quixera falar en público pero si escribir. Sen coreo de consignas, sen octavillas (repartíronse sobre a manifestación de hoxe nos lagos de Salave e un par de copias sobre as propostas de funcionamento da asamblea de Sol). Vixianza da Guardia Civil (en Navia parece ser que foi a Policía Municipal, e en ambos casos, en contra do que pasou cos periodistas, que non había, non foron avisados)
'primeira lectura'
Non farei unha semblanza do estado de ánimo, senón só unha recollida de información básica. Unha primeira toma de palabra, unha longa cita do blog de Muñoz Molina, e logo, sucesión de intervencións de diverso tipo, tamén con algún tempo morto.
Alusións á diversidade dos presentes pero cunha maioría de cousas que unen e o obxectivo claro de variar o sistema; á acción más que á cita de palabras, que hai moitas, todas interpretables para o caso; á existencia de bo rollo como clave para unha transformación; a que non chega co bo rollo, senón a honradez; honrados si, pero burros non; lembranza de que existe unha crise; alusións a que en comezo había menos xente que na asamblea anterior, en Navia, e discusión sobre a itineracia da asamblea e horario, determinando que o próximo día de asamblea fóra o sábado ás 20:00 na praza do concello na Veiga; alusións a que o seguinte máis podía ser en Ribadeo, e, para favorecer a asistencia, algunha mesmo se podería desenvolver nunha praia. O nome en relación ás idas e á definición do que é o movemento... rama de discusión que naceu morta, típica discusión que se sabe que vai sair e morrer, pero que é necesario pasar nun proceso dentro da heteroxeneidade de xente. Impostos ós ricos do 1% (hai mecanismos que permiten algo diso, fronte a taxas altas noutros lugares), un límite de interese máximo imposto ás entidades financieiras esta mesma semana (que favorece ós grandes bancos, encabezados por Botín), índice de Gini de 36 en España en 2010 (+2 de desigualdade só no último ano) ...
a media tarde
Acordouse facer unha petición con propostas concretas ós alcaldes que o sábado 11, pola mañá, 'coronarán' os concellos. O xeito de facelo discutiuse, pero non quedou uniformizado. O que si quedou claro é que non había un 'prazo para pensar' ata a constitución das corporacións, pero si se necesitaba en xeral o telo, recollendo entón diversos aspectos a apuntar ós alcaldes entre os que saíron á palestra na asamblea. Entre eles, un maior recurso a plebiscitos, a organización de plenos rotatorios para que non queden concentrados en un sitios e o menos illados da cidadanía posible, a petición de difusión ampla das convocatorias dos plenos e a invitación ós alcaldes á asistencia á próxima asamblea.
Tamén quedou clao que se necesita organización: xurdiu a típica discusión sobre cargos e funcións: funcións si, rotatorias, cargos non, pero non quedaron etablecidas máis que posibles funcións, non o reparto das mesmas, algo que quedou para a asamblea da Veiga.
Houbo unha pequena discusió sobre a falte de medios de difusión na asamblea, pero segundo parece avisáronse aínda que non estiveran. Quedous een difundir asemade o tratado na asamblea, no blog creado a tal efecto e no grupo en facebook.
O establecemento dunha serie de normas de funcionamento para a asamblea quedou para o próximo sábado, xunto coa difusión de por que se está alí entre a xente que acuda á feira de mostras da Veiga. Para isto último, acordouse que a xente participante levara impreso algún documento en folios e/ou algún cartel, paa favorecer a difusión, tendo ademáis en contra que o barullo nunha festa (e a veiga stá coa feira de msotras) fará inaudibles moitas das verbas que alí se digan (espérase ter megafonía; se non pode ser un desastre)
Léronse algúns puntos traídos da asamblea de Sol e quedou craro que a paciencia é algo fundamental nun movemento que, a nivel Mariña-Occidente, está en pañais, e que se debería ater ó principio de democracia real, pero tendo en conta que dentro do movemento xeral existen tendencias particulares e non se está por divisións entre os poucos que acudimos.
En resume, avance pouco a pouco, pero avance...

20110604

Rebaixas

Remato de escoitar hai un pouco na radio sobre unha magnífica crema feita con veleno de serpe, para o cute, importada direitamente de Los Ángeles, onde parece ser que a usan as estrelas da pantalla con magníficos resultados, non hai outra igual en toda Europa (non di se hai competencia noutros lugares do mundo), e por riba, rebaixada! Si, si, se mercas unha fanche unha pequena rebaixa, pero se mercas dúas a rebaixa é maior e aínda regalan a terceira, e vale menos que unha soa sen a crema... chama xa!
Pasado medio camiño entre eleccións e constitución de plenos, as rebaixas de tódolos niveis, clases e cores están comezando a sucederse nos concellos veciños: con botar unha ollada ós xornais abonda para comprobalo.
En Ribadeo, sen necesidade de pactos, a cousa está abondo máis tranquila, non hai rebaixas nos tratos interpartidos, pero quizáis si de xeito interno. Seguindo a tónica dende xa antes das eleccións, os partidos van saíndo de si en orde de votantes. Despois das declaracións iniciais do BNG, o PP reconfirmou a súa estrutura previa, da que (me) parecía que non estaban moi conformes polos resultados obtidos, segundo os comentario na prensa. O seguinte en votos, UPRi, despois de sembrar a dúbida sobre a adicación ó concello do cabeza de lista durante todo este tempo, por fin hoxe sae desmentido que teña en vista irse con cargo á 'Asturias de Cascos'. O por que tardou tanto o desmentido nonsei se se saberá, pdeo despois do movemento de hai un ano no que estaba anunciada a súa asunción dun posto na Xunta, o retraso neste segundo anuncio negativa de marcha coido que non lle fixo ningún ben. E o último en votos PSOE) tamén é o último en  decidirse: a margarida está sen rematar de desfollar, polo que parece. Ista semana que ven terá que ser.

Mentras os embigos de cada quen seguen no punto de mira, hai anos que, por poñer un exemplo, a ría de Ribadeo segue a ser 'río de Ribambo' para Google (por certo, en Trabada). Menos mal que 'Obeso' adelgazou ata converterse de novo en Obe ou Ove, segundo a escala na que se esteña a mirar...

Esta tarde, concentración 15M na Caridade a partires das 17:00 ...
Para rematar, corto e pego dende o facebook de Gonzalo Peña Ares, referido ás eleccións municipais:
Votos obtidos polo PP: 8.474.031
Votos obtidos por outros partidos: 13.519.956
Votos nulos ou en branco: 973.518
Abstencións: 11.710.762
É dicir, grazas á vixente Lei Electoral, o PP gobernará en prácticamente toda España (case sempre con maioría absoluta) cun total de 8.474.031 votos (24%) fronte a 26.204.236 que non os votaron (76%).

20110603

De fóra e daquí

De fóra e daquí
    Daquí: esta fin de semana non haberá o certame de intérpretes mozos Hernán Naval. Dun xeito inesperado, pódese atopar a nova nos xornais. A razón aducida non depende tanto de Ribadeo como de fóra: a falta de participantes. De calquera xeito, o cambio de datas por mor das eleccións influíu na diminución de xente, e a iso se atribúe que precisamente no ano décimo do pasamento de Hernán non teña lugar o certame que leva o seu nome, que sería o IV celebrado.
    De fóra: chámame a atención un titular, "A patronal prefire influír nos políticos a pactar". Será certo, pero non é novidade, alomenos estes últimos anos. Quizáis a novidade é que se produza nun novo contexto postelectoral, por esperado que sexa. Volverá aquelo de 'TINA' (There Is Not Alternative, non hai alternativa, fronte a HAINA, Here Always There Is Alternative, aquí sempre hai alternativa) mesmo despois das acampadas do 15M e estar anunciados de desahucio o PSOE (que non os socialistas)? Mentras o 'diccionario biográfico español' segue a sorprender a propios e estranos, mentras Merkel fai amagos para calmar ós agricultores españois despois de arruinalos coa metedura de pata dunha ministra de land alemana, aquí seguiremos con decisións seudosalomónicas dun goberno 'en funcións'.
    ... Menos mal que hai tamén outra novas: Wikileaks consegue un premio xornalístico a traverso de Assange a pesares dos procesos no que o están a misturar. Extenderánse tamén as boas novas ós comentarios anteriores?

20110602

Recomezo. Necesario, vital.

Despois do aviso feito no blog o pasado 26, en Tapia aumenta de novo a tensión polo ouro. Foron 3 propietarios en 5 anos, aumentados de novo hai pouco, e comezan os problemas. Unha manifestación para esta fin de semana, domingo ás 12, que queren cortar prohibindo o paso a uns terreos que son de paso público (a propiedade parece que tampouco é deles, pero non está clara) e polos que a xente camiña a diario, está trazada unha rota de longo recorrido, etc. Un recomezo de 'ouro non' seis anos despois, con outras promesas máis abondantes, máis crise para facer forza, condicións de mina máis edulcoradas, ... pero texemanexes político-económicos, propaganda, etc, como antes.
Para ir quencendo motores, o sábado ás 5 da tarde, na Caridad, concentración 15M. A segunda que se celebra na zona, despois da de Navia, marcando un recomezo contínuo na protesta cidadá.
Hai poucos días vin unha cita de Unamuno: 'ás veces, o silenzo é a peor mentira' ...

20110601

Maio e os blog de Ribadeo

O pasado maio marcou a paisaxe bloguera de Ribadeo. No ecosistema blogueiro, coa cantidade de bitácoras existente, pode parecer que non se nota moito a defunción de dúas, pero hai que considerar a súa importancia.
En primeiro lugar, unha defunción anunciada, a de 'Eleccións municipais Ribadeo 2011', que tivo a súa derradeira entrada o día 23, cunha duración vital dun mes escaso. Coido que a calidade de comentarios realizados foi unha perda ó non realizarse por un período abondo máis extenso, tanto de preparación como posterior ás eleccións. De calquera xeito, tanto o seu título como as súas intencións declaradas, deixaban ben ás claras o anuncio da súa morte.
Outro blog que morreu, esta vez co mes, foi 'Desmontando tópicos', un blog de comentarios económicos que durou un ano e se despediu onte con máis de 8000 visitas ás costas. Coido que a calidade dos seus comentarios será botada en falta por moitos dos que o seguíamos día a día. Queda un pequeno resquicio de que volte á vida; é unha posibilidade agradable.
En canto a este blog, maio marcou os dous días de máis visitas ata o momento, se ben como mes, quedou segundo en número de visitas dende a súa creación. Non é un mal balance para un vello blog o que se quede en veterano nas lides do contador. E tamén se pode colixir algo dos intereses e consideración que ten a xente que o visita ó ver que o día da marca, 270 persoas xustas, foi o seguinte ás eleccións, e o propio día das votacións, o segundo en visitas ata o momento. De novo, grazas a todos os que o seguides.