20081027

Matapiollos: Bush e Zapatero

Despois deste últimos días de 'política internacional económica', síntome perpelxo co tema. Dende hai moito tempo a política déixame así, pero parece que hai momentos nos que ese 'así' é maior.
Resulta que, para arbitrar unha política económica mundial, en Europa lánzase a idea de reunirse moitos países para deseñar as liñas. É dicir, a ONU... pero non a ONU, que serian moitos, senón unha mini ONU, pero máis que o G8.
Como non é a ONU, e é necesario un liderazgo, toman o mando os EUA, e é entón cando xurde a idea de que ese cúmio terá como obxectivo 'refundar o capitalismo', obxectivo recollido por Bush, pero que non saíu direitamente dos norteamericanos.
É dicir, non se trata de reformar, senón de voltar máis forte un sistema que saíu vencedor da guerra fría para amosar pouco despois todas as súas carencias. O caso é que a novena economía do mundo (máis ou menos, segundo os parámetros usados) non é chamada á xuntaza, e parece ser cuestión de vendetta entre os principais mandatarios convocante, os EUA, e do país en cuestión, España a raíz da retirada de apoio en Iraq, cando o pobo español opinou de xeito moi maioritario que non pintábamos nada bo en Iraq.
E, mentras, comeza unha xira o Presidente español polo mundo enteiro, entre países que contan económicamente, para lograr entrar nese grupo privilexiado co aval de que o sistema bancario español está en boas condicións debido ás manobras estabilizadoras legais que implantou hai uns quince anos a raíz dos movementos do Banco de España. En troques, temos que o ladrillo non foi 'estabilizado' pola conseguinte lexislación, e está cada vez máis de capa caída arrastrando a outros sectores económicos e facendo que a depresión para a xente en España sexa de tanta intensidade como nos países punteiros nela (quitemos os 'máis punteiros' como Islandia...). Pero o caso é que o sitio sería máis ben para o Presidente, e non para quenes puxeron esas pedras angulares, segundo parece, para a economía española. A nivel nacional, non embargantes, os bancos piden apoio para non quedar discriminados fronte ós bancos estranxeiros, a pesares de deixar ben claro que non o necesitan, e por outra banda, as axudas estatais para pisos habilítanse para rendas máis altas, sabendo que esas axudas irán beneficiar ó peto da xente que propiciou a crise do ladrillo... ou non é asi?
Logo, podemos atoparnos anuncios como un de onte pagado por unha cadea de emisoras de radio; 'segundo unha lei de Denver, é ilegal prestar a aspiradora ó veciño', é a frase do tirón para presentar uns EUA descoñecidos (cousa que viría a solventar a cadearadiofónica) mentras aquí se pretende que sexan ilegais cousas como prestar un libro (sen pagar un canon, claro...) e pouca xente levantou a voz cando se impuxo o canon ás bibliotecas, ou ós materiais de memoria dixital para conservar cousas de xente que nunca recibirá o importe dese canon, ou moitas outras cousas máis que irán deixando sentir os seus efectos pouco a pouco.
Ó mellor é que teño variación na percepción polo cambio de horario...

20081026

De domingo vai a cousa


Finaliza o fin de semana. Despois de dar nota da nova directiva de Amadores, unhas fotos para variedades. Unha, o pantallazo que da conta dunha carta dun ribadense no El País de hoxe queixándose do servizo de correos, en España, pero tocando tamén a Ribadeo. Non o coñezo, e non sei siquiera se é ribadense dende hai moito tempo ou non.


Dúas das fotos pertencen ó derrumbe que houbo esta noite na rúa da muralla, no seu extermo de abaixo, fronte á fábrica de xeo. A casa que fai esquina a Antonio Otero está abandoada e caéndose, o que coido que motivou o derrumbe.
A outra pertence ás obras de Viejo Pancho, que colo antes que outras da mesma obra para ver un efecto da 'Saturday night fever' en Ribadeo. A dicir que esta mañá contei nos traballos vinteún vasos de vidro, algún roto (e xa vin xente recollendo algún), a parte doutros de plástico, botellas, etc.

20081025

Amadores

Hoxe tivo lugar a Asamblea xeal ordinaria e extraordinaria de elección de directiva de Amadores da Música. Como a entrada será longa, comezo cun aperitivo dando sinxelamente os nomes da nova diretiva; noutro momento xa sacarei a crónica de ambas asambleas.
Mª Guadalupe Lindín Lanza (Presidente)
Mª Cecilia Barcia Villarino
Mª Griselda Ríos González
Leandro Sendín Fernández
Mª Teresa González Piñeroa
Secundino Fernández Martínez
José Exposito González
Enrique González Amago
José Ramón Fernández López
Ismael Porto Barcielas
e continúa Salvador Fernández Fernández.
Nota posterior: Nova directiva de Amadores da Música (II)

20081024

Capela da Virxe do Camiño






Dia tras día pasando diante dela fai que se mire. E non gusta o que se ve. O desuso únese ó descuido, e a eles, o abandono. Unha ventana aberta permitiu a foto do interior. O exterior só ten cuidado dende a derradeira vez de amaños o cartel que nonconcorda moito co estilo da capela. e agora, o xardín de Sela convertido en Parque de Indianos na súa dianteira. Onte mesmo comentaba que a súa presenza debeu servir para que se conservase o xardín de Sela e se ampliara o ancho da rúa naquela zona, permitindo hoxe unha 'zona verde' que habería caído se a capela non tivera a disposición estratéxica que ten, de espaldas ó pobo, coa entrada polo oeste.

Mañá, sábado

Despois de deixar dúas novas notas de prensa do concello, sobre o parque de indianos e a recuperación das cetáreas de Rinlo (audio incluído), unha pequena entrada para lembrar un feito importante para a comunidade ribadense, incluída a parte no exilio: Mañá celébrase a asamblea anual de Amadores, e a extraordinaria despois dela, esta última para a elección de nova directiva. Despois destes último sdías, parece que si haberá nova proposta de diretiva, non voltando a presentarse varios cargos da diretiva anterior, incluído o presidente, Daniel Rodríguez. Veremos mañá como se desenvolven as asambleas, despois da forte contestación dalgunhas decisións tomadas pola diretiva saínte.

Cogomelos


Andamos na época. Martes, polo mal tempo, non poideron saír os alumnos do IES Porta da auga recollelos para logo montar a exposición. Outro día será. Mentras, na mesma horta pensada para acoller ó 'patio de recreo' do xeriátrico público ribadense, en Ove, un par de días antes habíaas a mansalva, só dun par de tipos, pero grandes, grandes. De feito pensei que conservalas sería alicerce para os residentes maiores poder recoller algunha, sen gran esforzo. Costará moito mantelas?
A resposta é que seguro que moito menos que o ascensor panorámico, que hoxe nos dá ós opositores un pequeno gusto: a obra está paralizada para facer estudos e, no seu caso, reformala. Mágoa que eses estudos sexan para ver se a obra principal, a baixada do ascensor, se pode facer máis pegada ó talud (e polo tanto, posiblemente máis fea, despois dos 'eloxios' de Patrimonio e o premio de arquitectura dos que da conta a prensa e eu non me enterei no seu momento). O caso é que pode pararse por eso, e non para facer un estudo orzamentario de mantemento. Será o equivalente ó 'Parque de indianos', para deixar máis descontenta a xente? Bo, polo menos neste caso o proxecto é coñecido dende hai tempo.
Respecto dos eloxios, procurando en internet, atopeinos (e, a verdade, non me parecen tanto eloxio senón máis benunha xustificación política): "O deseño da torre non presenta inconvintes desde o punto de vista formal ou arquitectónico para a necesaria protección e conservación da imaxe do conxunto histórico declarado e resulta compatible e coherente cos seus valores culturais", e "A apertura e posta en valor deste itinerario favorece a conservación do conxunto histórico sentando unhas novas bases para a dinamización urbana, social, turística e cultural dunha zona do conxunto histórico que está sendo abandonada e por mor desta situación ve como o seu patrimonio arquitectónico e compoñente social deteriórase".
Hoxe terá lugar unha conferencia de Xoán Ramón Fernańdez Pacios no Museo do Mar de S. Cibrao que tratará de "Os corsarios na costa de Lugo. Séculos XVII-XIX". A promoción destaca que en Ribadeo tamén houbo barcos corsarios. Reseño algunha parte da entrevista: "Un de Ribadeo que tivo máis ben pouca sorte o home é o que se chama López Sampedro, un comerciante de 1798 ribadense que comercia con liño e cáñamo e arma un barco a corso chamado La casualidad. Tiña 50 canóns. Na segunda saída ao mar atrápao a fragata inglesa Endymion e foi vendido. Ao final de todo na charla falarei do apresamento en 1808 dun barco corsario en Ribadeo que mediante enganos o meten no porto e apresan á tripulación sen botar tiro algún." "O ano 1762 tamén é outro pico, porque volvemos a estar en guerra, temos presenza de barcos corsarios vizcaínos en Ribadeo Los dos Amigos, de alcumes El Gran Patricio e El Rayo de Júpiter." "Naqueles séculos hai comerciantes ribadenses que arman barcos a corso. Juan Francisco Cenzano chegou sen nada dende Logroño con 23 anos, se casa cunha viúva rica, se casou ata tres veces, aproveita os cartos das mulleres e monta o barco que se chama Nuestra Señora de la Portería y Ánimas alias La Barquilla, con base en Ribadeo. Atraca un barco holandés preto de Cariño. O que lles pasa aos mariñeiros corsarios é que as mercancías quedan nos almacéns dos armadores, que tardan en vendelas e os bos dos mariñeiros corsarios teñen que mercar comida e roupa e as mercan nos almacéns dos mesmos armadores. Despois de seis meses sen vender, acaban marchándose." " morte de Bautista Durham, corsario que morreu en Ribadeo en 1762".
E, en Ribadeo onte houbo unha charla para a muller, na Casa do mar, quizáis a máis numerosa das relativas ós foros da muller das que ten habido no casco urbano.
Aproveito o mesmo periódico de hoxe para ter algunha cifra das inversións da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar (Ministerio de Medio Ambiente) o próximo ano: O ascensor da Atalaia recibirá 1.059.101 euros, que se sumarán ó 400.000 deste; 874.107 serán, dos 3,2 millones do total previsto, para recuperar a enseada da Vilavella, construir a senda peonil ás Aceas e a rehabilitación dos muíños de marea e de regato; e 21.000 euros para os sondeos arqueolóxicos nas Grobas.
E, como os cogomelos, saíndo da terra para en pouco tempo morrer e deixar pouco rastro, son as previsións con que o Concello de Barreiros se dotou para determinadas aportacións dos construtores para saneamento: desapareceron e non se van reclamar polo momento os avales, co que o previsto desfase futuro que estaba anunciado en Barreiros entre servicios e poboación xa é visible.
Bo (e frío, agora por baixo dos oito graos) venres.

20081023

Amencendo





Nunha crise económica como a que se nos aviciña, (ver, por exemplo, algunha nova de hoxe)pode que non sexa tan mala cousa mirar ó pasado para aprender e procurar ideas. Fáise a nivel internacional, rebuscando na crise do 29, (por certo, o 24 de outubro foi o día de referencia, de comezo da baixada que daría lugar o día 29 ó 'crac' da bolsa de Nova Iorque) e pode que tamén fora bo que se fixera a nivel local. Tal vez nos atopáramos con xeitos de facer en tempos nos que a facenda local non dispoñía dos recursos que ten nestes días a pesares do estado de contas actual de moitas delas (é certo, e non se pode esquecer, que os servizos asignados -cumpridos ou non-, tamén son máis numerosos agora), e tamén con actitudes dos veciños que podían ser máis propicias ó entendemento ou a colaboración.
As fotos que acompañan (Unha vidrieira da parte oeste do mercado de abastos, adicatoria a Ramón González da praza de abastos de Ribadeo, fachada norte e plano de distribución de postos) poden servir para lembrar un tempo no que o capital empregábase nestas terras para facer o ben ós veciños, axudando ó tempo que competindo cos poderes públicos e o seu escaso orzamento (pode que non sexa boa idea meterse en temas anexos como as diferencias de capital daquel entón... ou si). O edicifio ten unha placa que lembra ó benefactor, e foi reparado en diversas ocasións xa sen benefactor presente a cargo da facenda local ou de axudas públicas, como no caso das vidrieiras, aínda recentes. Pero a súa función e vista xeral son como na súa construcción; tentouse facer máis aproveitable (e máis rendible para a xente que o usa) con pequenos cambios, incluído o cartel de metacrilato que indica a distribución de postos no interior, e que manifesta que xa pasou no seu uso por tempos mellores: hoxe o cartel / pano de distrubición presenta ocos que indican outro xeito de discorrer a vida de Ribadeo, máis alonxada do mercado e máis próxima ó super-mercado ou hiper-mercado, máis alonxada pois do propio viciño en favor de relacións máis difusas con entidades de base lonxana. Os tempos cambian, pero se lles botamos unha ollada e temos presentes os cambios, ó mellor podemos comandalos en troques de vernos abocados a un cambio imposto dende fóra: do pasado á estratexia de futuro...
Cambiando de tema, hoxe dous alumno sdo IES Porta da Auga van á Coruña para, hoxe e mañá, facer de xurado dunha mostra de cine científico. Xa veremos que contan da experiencia ó voltar.

20081022

Pouco a pouco

Pouco a pouco vai mellorando a técnica. Remato de engadir o primeiro mp3 no blog de notas de prensa do concello de Ribadeo. Co tempo, espero que chegue a xeralizarse a cousa.