20081014

Unha nota de prensa

Sobre o tema da comisión para o hospital:
"
NOTA DE PRENSA CONXUNTA SOBRE A COMISIÓN DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ EN MATERIA SANITARIA

Asinantes:
Asociación de Veciños “O Castro” de Foz
Asociación de Veciños de Forxán
Asociación de Veciños de Cangas
Asociación de Veciños “O Vencello” de Burela
Asociación de Veciños “O Tesón” de Ribadeo
Asociación de Veciños de San Cibrao

As Asociacións de Veciños “O Castro” de Foz, de Forxán, de Cangas, “O Vencello” de Burela, “O Tesón” de Ribadeo e de San Cibrao veñen de manter unha reunión urxente para valorar o acordo ó que chegaron coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo sobre os representantes veciñais que deben compoñer a Comisión de Participación Cidadá en materia sanitaria.

Tras unha intensa reunión mantida entre o vicepresidente de Asociación de Veciños de Forxán (en representación das seis Asociacións) e o presidente da Federación chegouse a un acordo polo que as Asociacións citadas serían as que propuxesen ós compoñentes da Comisión para que desde a Federación se elevase dita proposta á Consellería de Sanidade para o seu nomeamento.

Debido ó pouco tempo do que se dispón (o prazo máximo para que a Federación de Asociación de Veciños de Lugo presente a lista de compoñentes á Consellería de Sanidade remata este xoves 17 de outubro) as Asociacións asinantes deste comunicado decidiron repartirse os oito postos dispoñibles (catro titulares e catro suplentes) con independencia que unha vez constituída a comisión podan participar outras asociacións veciñais interesadas. Trátase dunha solución urxente coa que se busca traballar polo interese xeral e en representación de toda A Mariña. En próximas datas faranse públicos os nomes dos compoñentes da Comisión.
"
Como comentario, non me entusiasma o acordado, pero coido que é un primeiro paso.

Crisis?

'Os pobre sodes máis pobres, e punto' tomado dunha viñeta de Romeu (10/10/2008), en síntese, mentras contemplo a foto Bush-Berlusconi con cara de burla.

20081013

Arte e distribución xeográfica

Un post máis hoxe para reflexar unha información suplementaria dos códigos postais. Información que por certo está relacionada no caso de Galicia coa prestación de servizos que as estruturas estatais/autonómicas/provinciais/locais ofrecen na realidade e as prometidas, e as que funcionan.
O tema está relacionado con temas sociais, pero tamén políticos, económicos ou culturais.

Fotos da aduana




O outro lugar comentado por cultura como 'en estado inadecuado'.

Fotos da fonte dos catro canos





Conforme quedei na entrada do outro día, paso fotos indicativas do estado actual da fonte dos catro canos.

13 de outubro

O 12 de outubro, día do Pilar, adicado en España ás Forzas armadas por iso de que a virxe do Pilar é a súa patroa, ten sido durante o século pasado 'día da raza' e 'día da hispanidade'. A verdade, eso de día da raza non sei moi ben a que viña, sendo a península dende a antigüidade un crisol de pobos. Respecto ó día da hispanidade, vale con fixarse un pouco nos inmigrantes 'latinoamericanos' para dar abondo que pensar con o que é iso da hispanidade, aínda coas innegables semellanzas que deixou o trato de varios séculos. En troques, a min gústame máis algo que ano tras ano se vai deixando nun segundo lugar: o descobrimento (re-descobrimento, din os descendentes daqueles viquingos que chegaron parece ser a Groenlandia sen deixar grande impronta) de América por Cristóbal Colón, algo que cambiou a vida europea e americana para sempre. Algo do que, no primeiro momento non se tivo grande conciencia, coa idea de Cristóbal Colón de chegar ás indias, e de aí o nome dos indios, e de aí que Colombia sexa hoxe o nome dun país e non dun continente. Que un estado que propiciou unha relación tal entre dúas ramas da humanidade por aquela illadas, use o día para conmemorar outras cousas por riba daquela paréceme un esquecemento histórico e unha (unha máis) das interpretacións históricas axustadas a intereses en troques de obxectivas.
Por iso, felicidades ás Pilar aínda que sexa cun día de retraso, e lamentos para todos polo que pode significar o día 12 e non significa.

20081011

John Rutherford

O sábado 4 de outubro de 2008 ás 19:00 horas tivo lugar no Salón de Actos da Real Academia Galega o acto de recepción como académico de honra de John Rutherford, quen deu lectura ao discurso de ingreso, intitulado "O fermoso sorriso do profeta Daniel". O discurso foi contestado en nome da institución polo académico numerario don Antón Santamarina Fernández.
O discurso de ingreso coincide no tempo coa exposición 'O sorriso de Daniel", exposición do Consello da Cultura Galega, e tratou sobre o sorriso deste personaxe no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela (máis, no 'El Correo Gallego').

Progresos






    Hoxe a prensa trae progresos da humanidade: o premio Nobel para Martti Ahtisaari, ó tempo que Videla ingresa no cárcere. Por suposto, tamén atentados ó longo do mundo, que deixaron de ser novidade hai moito tempo, en particular por Afghanistán-Paquistán-Iraq, e a nova emerxente dende hai meses, as últimas desgrazas económicas motivadas dende a crise financieira, destacando entre estas a nivel España a maior caída das que se ten noticia da bolsa de Madrid nun día.    Respecto á última, a ver, se a bolsa está insegura e o goberno garante ata 50 000€ nos bancos para beneficiar que non se queden sen liquidez, pois parece lóxico que as inversións da xente con aforros 'medios' que se podan mover o fagan con esa dirección, distribuídas nominalmente para que a protección abranga o máis aló posible.
    En Ribadeo tamén progresos: repítese a 'nova' de que vivenda restaurará dúas casas para poñer pisos de alquiler a disposición de xente nova, mentras Patrimonio vai intervir para mellorar a restauración da fonte dos catro canos e tamén 'fará suxerencicas' na correspondente á balconada da Aduana vella. Haberá que sacar fotos de ambas.
    E tamén progresos noutros eidos: un que sae na prensa, a reclamación dun camioneiro por un accidente contra a Deputación. Se por andar mal polas estradas poñen multas, por facer mal as estradas o lóxico é que tamén se esixa responsabilidades á administración, aínda que sexan polo momento casos atípicos tanto pola falta de concienciación como pola inclinación xudicial cara ás institucións fronte ós individuos.
    E un novo blog ribadense en galego. Remacho o de en galego porque ata o momento a Atalaia tiña un blog moi activo en castelán, que se vai ver así complementado.
    As fotos, tentando tamén recoller progresos ... máis ou menos. Unha, do comezo das obras de 'humanización' da Avenida de Calvo Sotelo (enténdese entre a peonil Rodríguez Murias e a costa de Conchita, polo momento, de xeito provisional, sen nome 'oficial' que eu saiba). Outras dúas corresponden a unha obra con frente a Ramón González, pero que se pode ver moito mellor dende o calexón que da a Doutor Moreda (no mesmo caso que o de Conchita), e a vista dende o fondo dese calexón cara ó mercado de abastos doado por D. Ramón González Fernández en 1925, como se pode ver na outra foto, da súa fachada leste, terminando pola fachada norte, onde se pode ver, despexadas as árbores de follas polas últimas cortas da semana, á esquera a rúa Doutor Moreda e á dereita a José Vicente Pérez Martínez (Avenida de Galicia/Avenida de Asturias).