20081006

Un par de precisións sobre piscifactorías e Ribadeo


O outro día, na entrada sobre piscifactorías, a) tiña mal unha ligazón, a correspondente ó informe sobre patrimonio, e b) deixei sen poñer a captura de pantalla correspondente nel á piscifactoría de Foxo Longo, Meirengos,que adxunto agora (como sempre, ampliable premendo o botón esquerdo do rato sobre ela).

Un par de verdades


Xusto despois do desenlace da loita xudicial de Acuinor contra Adega, atópome con dúas citas que quero reflexar aquí:
"... de aí que os ecoloxistas véxanse enfrontados case sempre ós pobres, os ricos escóndense detrás."
"Se queres someter á xente, dalle milagres, misterio e autoridade; pero, sobre todo, dalle pan."
As dúas, de Suso de Toro e Timothy Garton Ash, extraídas de artigos que non considero precisamente notables entre os dos seus autores, manifestan unha cara latente, pero que poucas voltas sae á luz, da loita polo común: Normalmente enfrontámonos entre xente que ten que defender o de todos porque ve que é de todos contra outra que defende intereses particulares tentando sacar unha tallada que máis ou menos ve como necesaria para si, mentras os auténticamente detentadores dos intereses están cómodamente sentados á espera dos resultados, movendo os fíos por detrás. Ocorre nas guerras tradicionais, onde os soldadiños de a pé non defenden os seus intereses, senón os dunha patria copada por intereses de grandes señores , dende a antigüidade ós nosos días, e ocorre mesmo aquí, en Ribadeo, en diversas loitas, como a de Acuinor, na que se me acusou de intervir de xeito interesado acusando ós rinlegos de ser unha forza de choque de desempregados a favor dun señor, por este artigo. Non é o único caso onde vexo actuar localmente estas verdades. Lévoo sufrido en propia carne con xente que traballa, mesmo durante só unhas semanas, en locais de copas. Daría para un estudo psicolóxico.
A foto, do primeiro paso en coche pola ponte aberta (recén aberta e xa reclamando ampliacións por non telo feito antes de xeito adecuado), notándose nas beiras o pandeo da construcción.
... e unha reseña interesante da entrada de John na Academia Galega.

20081005

Unha sentencia que beneficia a todos

Despois de ver a nova na prensa, fixen unha pequena procura para ver a nota de prensa orixinal de ADEGA pola reclamación de Álvarez-Cascos contra Adega pola paralización das obras de Rinlo (que, por certo, seguen paralizadas de xeito impresentable coa lágoa Cascos rampante). coido que asentencia beneficia a Ribadeo en conxunto, a parte de constituír un pequeno freo (pequeno, repito) á xente que quere pasar arrasando co seu poder de cartos ou político:
Desestimada a demanda de Álvarez-Cascos contra ADEGA
3 de outubro de 2008. Un xulgado de Compostela ven de DESESTIMAR A DEMANDA CIVIL interposta por ACUINOR contra ADEGA por ter paralisado as obras da piscifatoría de Rinlo (LIC As Catedrais). O xuiz, que tamén impón as costas ao demandante, exclupa a ADEGA de actuar con "mala fe e comportamento abusivo” e rexeita que houbera "abuso de dereito" algún. Ben ao contrario: ADEGA coa súa acción conseguíu preservar a integridade dunha parte importante do patrimonio natural galego e defender a legalidade diante dos atropelos de empresas depredadoras.
Queremos tamén agradecer os múltiples apoios e a solidariedade recibida, así como transmitir unha mensaxe de ánimo e esperanza á veciñanza dos concellos afectados por un Plano Acuícola que vai multiplicar as agresións aos espazos protexidos da nosa costa.
Coido que a nova pode completarse en relación a outra das piscifactorías previstas polo plan acuícola en Ribadeo:
Aquí, unha nota de prensa de Adega, o informe de urbanismo sobre o plano acuícola (vese abondo mal), e o informe de Patrimonio (a ver en particular, na p.2, sobre o plan para as Grobas, en imaxe ampliable, á beira)

20081004

Accidente(s)


Despois de conseguir conectar a internet, o que estes días ás veces non é doado, entérome dun novo acciedente no cruce do fin do xardín. Se mal non lembro, é o segundo que se produce alí esta semana, despois de problemas dun camión cun turismo ó comezo dela, saíndo da zona de 'casas baratas'. O de antonte foi no tramo entre a mesma saída e onde vai o coche branco na imaxe do sigpac.
Despois da comisión de protavoces de onte, xa temos ponte, esperemos que pronto con outra saída para Ribadeo da autovía, e xa temos homenaxe institucional a Calvo Sotelo, cousas ambas tratadas antonte na charla de onda cero... mañá quedamos.

20081003

De enfermidade



Ribadeo foi declarado foco de lingua azul.A viciñanza dos focos asturianos xa o fixo posible. Os contaxios, en sanidade, existen. E vai ter un impacto negativo na gandeiría da zona. Abondo maior que a compra dun novo camión de bombeiros, en canto a economía, e esperemos que abondo menor en canto a saúde que que o Sergas recoñeza por fin que ten que haber mariñanos na Comisión de control sanitario.
Voltemos sobre este tema da comisión: resulta que no seu momento, o Sergas colleu só a viciñós de lugo proque de alí eran as asociación constitutivas da Federación de Asociacións de Lugo. Agora, será a mesma federación a que designe os representantes da costa. Pero resulta que na costa non hai polo momento asociacións federadas. É dicir, obriga de federarse para as asociacións que queran defender o seus dereitos. Non parece o método máis xusto se se queren defender dereitos en troques de constituír unha estrutura piramidal que acompañe dun ou outro xeito ó poder.
O Tesón enviou unha carta ó alcalde para apoiar que as asociacións mariñáns estiveran no consello, pero esta solución que se propón non é a idónea por ser unha imposición que facilitará 'castes' nas asociacións, e unha adscripción obrigatoria a un sistema de representatividade viciñal que, deste xeito, se malogra convertíndose nunha especie de 'sindicato vertical'.
Carta de O Tesón ó alcalde:
...
Expón
Que diferentes novas de prensa deron noticia de que a representación mariñá ante o Sergas para a xestión do Hospital da Costa era deficiente, contravindo aínda as normas de dita representación,
Que a representación veciñal, dun xeito incomprensible, se está alevar dende Lugo obviando a existencia de asociacións de veciños na Mariña,
Que dita situación pode repercutir no peor funcionamento sanitario na zona,
Que a comarca mariñá, e en particular Ribadeo, xa padecen diversas deficiencias estruturais no ámbito sanitario,
Que é lóxico pensar que representantes da capital de provincia atendan máis polos intereses da propia capital que polos da nosa zona, que tamén representan,
Polo que
Insta a vde. a presentar a correspondente queixa institucional diante do Sergas para ter a representación mariñá que corresponde.
...
As imaxes, dunha barandilla múltiples veces maltratada e que volta a estar necesitada de reparación, a da baixada do Parque do Mineral cara a zona dos Bloques. E a outra, dunha pintada coa que non remato de estar de acordo, pero que por desgraza estase a convertir nunha realidade: parece que o cidadán tende a delegar cada vez máis na súa función votante como un único tipo de participación política e ata certo punto, tamén social, o que alenta a contraparticipación e con ela, a menor representatividade das institucións, copadas cada vez máis por xente alonxada do pobo excepto na mercadotecnia eleitoral, o que retroalimenta negativamente facendo que cada vez a xente teña menos interese no voto, nunha espiral da que nestes momentos é difícil saír.

20081001

De onte e de hoxe


Onte entereime do servizo de Google de procurasde webs anteriores a 2001. Se nel se procura Ribadeo, atoparase en terceiro e cuarto lugar a miña vella web, aínda activa pero totalmente desfasada, creada aló hai máis de 14 anos. da un pouco de nostalxia.
Onte tamén traía a prensa a reapertura da ponte xa con dous carrís por sentido, engadindo hoxe dous pequenos detalles: a ponte é un feito illado na autovía do Cantábrico na zona, que segue retrasada respecto ó resto de comunidades cantábricas, e ó acto non foron invitados os concelleiros ribadenses, (boeno, todos...) quenes ademáis se reunirán para decidir algo que coido debera estar xa requetedecido, a petición dun acceso adecuado nas rotondas de Vilaselán para que a xente non pase de longo de Ribadeo vindo dende Galicia. Dun sxeito ou outro, a ponte representa o futuro par Ribadeo, hoxe.
E, no medio, tamén nos poidemos enterar de que se prepara outra homenaxe a Calvo Sotelo. Coido que xa se fixo algún na vila, mellor dito, algúns, pero parece que non chegan. Polo tanto, seguirán.
A foto amosa tamén un presente duro: a limpeza do talud da Atalaia para a instalación dun ascensor sen estudo económico de mantemento nunha época de recesión.

1 de novembro



Estas datas son persoais. As fotos, do mercado de flores o xoves.

Movementos, pero non á vista



Parece que antonte foi a presentación do curso na Escola Municipal de Música; entérome a auga pasada, e seguro que habería algún cartel ou mesmo que enviarían hai tempo algunha comunicación ás casas. Pero polo menos, non son consciente de ter visto nada deso. E xa teño escoitado de varias persoas que non se enteraron, o que contrasta cos anuncios e propaganda feitos outros anos. Parece como se se quixeran evitar problemas: lévome unha sorpresa ó coñecer algunha protesta con visos de converterse en protesta de APA; eso si, dunha nova APA. O caso é que a suba de matrícula na escola xerou protestas soterradas na xente, e posiblemente saian por algún sitio. Algo así como que antes non se protestara moito porque non se pagaba moito, mentras que agora, ó aumentar a matrícula, a xente collera conciencia de que a escola ten que ofrecer un determinado servizo e os alumnos deben de esixilo. É dicir, servizo ligado a cartos e non a dereitos. Triste parece, o que me leva a unha cita de Suso de Toro: "Ser cidadáns implica a responsabilidade de deixar que atinxa a un todo canto sucede na sociedade".Tomar conciencia dela mellora non só ó individuo, senón sobre todo á sociedade.
Pero a cuestión é que é inmediata e necesítase unha preparación desa responsabilidade para ter conciencia da súa aplicación no momento preciso, e non andar retrasado nela ou con outros intereses. Remato de ler que pais de Mondoñedo van aprender a selo. É dicir, a auga pasada, cando os fillos xa están a crecer e esas funcións educativas parentais xa tiñan que estar a funcionar.
De calquera xeito, mellor tarde que nunca.
As fotos, amosando unha obra enquistada (comezada e deixada en Mirasol, apra facer a variante externa ó porto e rematar de pechalo; outro día voltarei sobre o tema) e dunha casa restaurada preto da antiga cárcere, referida para restaurar en "Ribadeo falls"