20080927

Outro artigo xa vello: fotos

    Fotos 
    Paseando por calquera vila, en particular en Ribadeo, poden atoparse fotos elocuentes. Xunto a outras, testimonio de enlaces matrimoniais, banquetes e demáis, amósanse algunhas que fan de testimonio gráfico da xeografía ribadense.
    Hoxe chamáronme a atención dúas, expostas no mesmo escaparate, nas que se amosa nunha, Ribadeo coa ría, e, noutra, a ría con Ribadeo. Pode parece que son a mesma, pero non. Na primeira, a foto céntrase en Ribadeo, collendo da ría os portos, a ponte, a bocana... Na outra, a protagonista é a ría, co entrante da Liñeira nun primeiro plano e a pequenez ribadense facendo de contención das augas polo fondo, contención á que se engade aposentada enriba a terra ata Foz en máis aló. O caso é que, nestes días nos que xa se ten ouvido falar dun novo recheo no porto comercial, ambas sirven para ter unha imaxe das implicacións que dita obra pode ter no futuro. 
    Cabe lembrar que aló polos anos sesenta D. Isidoro Asensio advertira en diversas ocasións, en particular sobre o daquela proxecto dun muro/escolleira de contención para a praia que agora é “dos Bloques“, que un muro tal traería unhas consecuencias graves, convertindo a área nun cenagal. Eso é o que se pode observar hoxe en día calquera persoa que pase preto do lugar, tra-la construcción dunha obra semellante máis de dez anos despois do estudio de D. Isidoro. Dende aquela, as obras sobre a ría non pararon de facerse; máis ben cabería dicir arrebatar sitio á ría para convertila en terra firme ou dificulta-lo movemento das augas. E con elas, o aumento amosado dos tesóns e as cada vez máis frecuentes e perentorias necesidades de dragado, entre outras. 
    Hai moitas preguntas en relación ó xa feito. Algunhas delas son sinxelas, con respostas que apunto deben ser incomprensibles como razón posible pola que non se dan. Por exemplo, ¿hai explicación para que non se fixeran estudios de impacto ambiental en ningunha delas? Ou ben, sabido que a obra do recheo onde hoxe está a lonxa presentouse como unha conquista de chan industrial, entón, ¿por que a maior parte dela permanece ben con herba, ben con asfalto, mesmo ocupado por un aparcamento ó aire libre de remolques de embarcacións? Respecto a esta última obra, lembro alguén que me sentenciou: “se da un posto de traballo, está ben feito“. Dende logo, deu ben poucos; ¿non quitaría máis dos que deu? 
    Ben, hoxe preséntase unha nova obra para encher uns oito mil metros cuadrados da rada norte de Mirasol e convertilo en terreos onde meter... non se sabe moi ben que. Parece que en principio ían construírse naves de almacenamento. Logo, tamén galpóns onde albergar maquinaria auxiliar da construcción naval. O caso é que nas fotos que dixen ó comezo nótase ben que a ría na beira de Ribadeo está chea de pedras e cemento, e que, se na beira asturiana se tivera feito o mesmo, non xa cousas máis ou menos “bucólicas“ como as aves que lle dan renome, senón tamén bens económicos como o turismo terían desaparecido en boa parte. Calquera que se de unha volta por Mirasol poderá observar que as naves xa construídas ou ben teñen un aproveitamento que deixa que desexar ou ben serven de sinxelo almacenamento barato para empresas ubicadas noutro lado e que embarcan os seus productos en Ribadeo. Unha curiosidade que pode observar calquera persoa allea ás operacións portuarias que non lea como é debido a prohibición de entrada ó porto: fálase en contra do “porto seco“ ou da “estación de transferencia de mercadorías“, pero na realidade, o que se denosta de lugares así, a saber, que supoñen un paso máis no proceso de transporte, é precisamente o que se está a facer con esos almacéns: acumulación de mercadoría por longo tempo e non para pequenos axustes entre a chegada ó peirao e o seu embarque. Claro, o arrendamento das naves é barato, por suposto non cobre o custe do recheo, e fai o espacio “competitivo“. Mirando as fotos tamén se ten outra sensación clara. O recheo vai cubrir prácticamente a metade da superficie da dársena, case toda a parte sur. E a gran maioría da superficie de atraque, se ben é de esperar que parte do novo borde sexa adicada tamén a peirao. Mais así, ¿cánto tempo se tardará en facer o recheo de toda a rada entre Mirasol e a lonxa? 
    Pode que, ó ser do interior, se me escape algún detalle necesario para a comprensión do conxunto. Ou que polo pouco espacio non teña en conta outros datos como que dende que eu lembro se ven falando de polígono industrial en Ribadeo sen haber nada novo ata o momento, mentras na ría xa perdín a conta das obras que se levaron a cabo. Aínda así, cónstame que a maioría do pobo de Ribadeo está contra un novo recheo gratuíto máis, un novo atentado que non se mantén nin económicamente, que é a bandeira usada nestes casos para arrasar co que se poña por diante. En fin, este é un artigo e non un informe técnico no que discutir máis a fondo o tema. O que parece é que ese informe non se fixo nin por parte dos impulsores do recheo, ou peor aínda, que por algunha razón se está a escamotear da vista do público. Antonio Gregorio Montes

Un artigo xa vello: comentario a pé de páxina

    ... afortunadamente, o último envite contra da ría non saíu adiante... Comentario a pé de páxina. 
    A Corporación Municipal de Ribadeo parece ter pasado de páxina co tema do recheo. A ese cambio refírese o título: comentario sobre o cambio que presenta un novo panorama. 
    O artigo que se publicou na Comarca o pasado 27 de decembro, “Despois das lembranzas, a Deus rogando ...“ tivo para min un aquel de inocentada: escrito xusto antes de coñecerse a noticia da viravolta dos responsables municipais sobre o recheo, apareceu impreso despois de varios días de comentarios de prensa sobre ese feito. Unha vez relido, nembargantes, parece ter resistido os embates do cambio. O forzar a Portos (e polo tanto á Xunta) polo aviso e posterior manifestación, a falta de estudios previos, a súa exposición, a execución “limpa“ das obras... seguen a ser o reflexo da realidade. Pódese ver claramente tanto agora como antes: o Plan Director do Porto parece ser coñecido en detalle só por xente dalgún xeito afín ó poder e que acepta o botar máis lixo na ría (eu pedino, pero ...); aínda así, non hai o estudio previo da súa necesidade, a súa bondade ou as súas consecuencias. En canto a realización limpa das obras, calquera que teña visto como parte dese plan, o aumento do cierre no Porto Deportivo, íase ca marea en cada subida ou baixada, sinxelamente dudarao. 
    Parece que a Xunta quere aplicar aquelo de "a quen non quere caldo, dúas tazas". Dúas tazas: ese é o resultado pretendido por unha institución con xente que parece ter, recursos e poder a parte, abondo máis tablas que a do Concello ribadense, aínda que pese ós votantes deste conxunto que foi tan ben recibido como cambio necesario. Así, dunha volta, fai o que pretendía no peirao "deixando claro quen manda" e desacredita o governo dun Concello posible opositor. 
    A negociación mantida... , ¿que parte da negociación? ¿Aquela na que se pretende deixar que enchan a ría de escombro a cambio de axilizar obras que competen a Fomento e xa están sinaladas e en fase de licitación? ¿A parte que di que se favorecerá a creación do Polígono Industrial despois de vinte anos (non me lembro exactamente cántos máis, nin creo que importe moito)? ¿Aqueloutra que pretende acelerar un PXOU/PXOM do que a primeira edición, auspiciada pola Xunta, tivo que volverse atrás por razóns legais? A boa intención que de seguro puxeron nas “negociacións“ os nosos representantes municipais non borra as consecuencias: quedaron co cu ó aire. A "boa fe" xa veremos se se ve correspondida (aínda con promesas non escritas sobre cousas xa gañadas e que se deben ó pobo) ou máis ben o fai tomando conta do dito aquél de "Roma non paga traidores" que me lembraron esta mesma tarde. De calquera xeito, alédome de que os nosos representantes poideran tomar no seu apoio unha manifestación ben nutrida e de que lles servira para algo; é unha magoa que non sexa citada como apoio a tódalas "cousas conseguidas" na correspondente nota de prensa: ó fin, foi o pobo quen apoiou, o pobo que representan por elección. Por certo, ¿alguén oiu que a Xunta dixera que fixo concesións para chegar a un acordo? Sempre quedarán outras dúbidas no ar. Unha, por exemplo, a de se o tema do recheo non serviu de cortina de fume para ocultar a máis que probable polémica sobre a subida das taxas municipais. 
    Como nota a pe de páxina xa é abondo. Pero sobre o que se ten visto por diante e por detrás creo que se pode escribir un libro enteiro. A constitución dunha comisión de seguemento seguro que xeraría moita máis información, a xuntar á dos aspectos técnicos, sucesivos enganos e ocultación de información, presións a tódolos niveis, aspectos caciquís, ... E aínda non rematou o tema, a obra nin a oposición. 
    Antonio Gregorio Montes

20080926

Caca, culo, pedo, pis ... e Barras eléctricas Galaico-Asturianas

Mentras as eleccións norteamericanas pasan a ser a principal nova nacional, outras cousas menores ocupan o nicho que lles deixa a nova principal. Unha nova levoume ó título da entrada de hoxe, lembrando con que fruición os pícaros pequenos manifesta unha rebeldía con sorriso ó permitírselles mentar unha retahíla de palabras semellante ás do título. A nova non vai de nenos pequenos, senón de cans, e relacionada coa desagradable proliferación de cagadas de cans en diversos sitios, como na Atalaia. Resulta que nunha pequena cidade israelí van promover a análise xenético dos cans para identificar a orixe das cagadas e así multar ós propietarios que non as recollan. Que vaia apuntando o concello.
Engadín no título a Barras porque no medio do paŕagrafo anterior fóise a luz, 10:30 da mañá do 27 de setembro de 2008, un día máis e un corte de luz máis (eso si, parece que no verán tamén hai vacacións para os cortes), que voltou a fastidiar á xente de Ribadeo. Un dato máis a engadir á base de datos de fallas de Barras, lembrando que segundo a empresa, todo está moi por encima do establecido legalmente.
Hoxe aparece nalgunha prensa aló polo fondo que en Madrid, a presidenta da Comunidade inaugurou un colexio "Leopoldo Calvo Sotelo, marqués de la Ría de Ribadeo", que non só honrará a Calvo-Sotelo senón que fará propaganda do entrono na nosa ría e do seu nome oficial, mentras que máis achegado a nós, o rexeitamento da UNESCO ó teleférico que uniría Santiago coa Cidade da cultura recebe á súa vez o rexeitamento do alcalde santiagués e fai lembrar aínda que de xeito lonxano ó noso futuro 'ascensor da Atalaia', segundo me fixo ver José Mª.
E, no entorno de Ribadeo, arranca en Celeiro o grupo de acción costeira, algo co obxectivo adicado á mellora de vida dos mariñeiros mariñáns pero que pola súa estrutura e disposición de cartos lémbrame á Asociación Ponte dos Santos que está a finalizar a súa actividade en Ribadeo por estas datas.
Un pouco máis preto, en Burela, institucionalízase unha iniciativa moito máis modesta pero que, de triunfar, a medio prazo podería ter tamén abondo máis impacto, un banco de tempo, un sistema de intercambio de traballos sen cartos, baseado no trueque.
Por último, hoxe e mañá poderase ver a Ponte dos santos chea de camións: son as probas de resistencia que farán que se corte o tráfico ó tempo que camións cargados estaciónanse no recén posto asfalto para probar que a ponte non se virá abaiso ás primeiras de cambio. Miguel o fotógrafo terá unha boa oportunidade de tomar fotos aéreas do evento, unha curiosidade ribadense.

Váise movendo ...



... o tema da legalidade urbanística. Hoxe mesmo aparece na prensa outro capítulo das multas por irregularidades urbanísticas.
Como complemento, deixo as dúas fotos dos extremos da rúa Trinidad.
mentras, a nivel mundial vése unha vez máis aquelo de 'facer virtude da necesidade', e aínda arriba con 'glamour': en tempos de diminución das pesquerías tanto por sobrepesca como polos efectos da contaminación, e a conseguinte proliferación de medusas, 'medusa alta cociña'.

20080925

Anécdota ilustrativa sobre a burocracia


Se non fora xa coñecendo o mundo, deixaríame de moi mala leche unha entrada como esta. Así, o que me produce é ganas de sorrir, e por eso elixo poñer no blog una feito que pasou en Ribadeo e que ilustra o que é a burocracia.
O caso é que un veciño foi facer unha xestión ó concello. Eso xerou uns gastos, que tamén pagou nunha institución bancaria. Xustificou o pago no concello e foise tranquilamente para a casa. Ó cabo duns días recebe unha chamada na casa: está no rexistro de morosos no concello. Motivo? Non pagara esa xestión. Pero está paga... Non, falta 1 céntimo! Fíxose a conta mal no mesmo concello ... enténdao, non é pola reclamación do céntimo, pero eso implica que está no rexistro de morosos e eso pode ter outro tipo de consecuencias (para petición de axudas, por exemplo)... co que tras unha conversa telefónica, o veciño decide aboar o céntimo pasando polo concello e así ter a festa en paz.
Cando mo contou, dixen que eu deixaría que me embargaran, pero amosouse convincente co tema da conversa da inclusión nun suposto rexistro de morosos e deixei apuntado o asunto para referilo aquí.
O caso é que a xestión dese céntimo coido que costoulle ó concello máis que a simple non inclusión do "moroso" en rexistro algún, por non dicir o tempo empregado polo veciño no abono de 1c, a parte do gasto de papel da documentación de tal abono.
A burocracia é así, mesmo en Ribadeo, e mesmo por 1c.
Por certo, vin os dous papeis, o do pago principal, de máis de 300€, e o de ingreso de 1c., non é que mo contaran de terceiras: burocracia é burocracia, e é difícil saírse dela. Cambiar as cousas soe ter dificultades. Pero pode pagar a pena.

20080924

Pleno extra



Non é só que sexa extraordinario, senón que vai representar máis entrada de cartos ó pobo, desta para cuestións inmobiliarias e urbanísticas. Ó contrario que por norma xeral, terá lugar ás sete da tarde, e dubidaría moito que se salira do guión de aprobado rápido e unánime.
Coido que, despois de tantos ARI e a crise inmobiliaria, hai que plantearse o xeito de pensar respecto á construcción. En países europeos levan tempo tirando para atrás na construcción de primeira vivenda e promocionando a rehabilitación, co resultado de trabalos máis especializados, mellor ocupación do solo, unha ligazón mellor co entorno... non quero dicir que sexa unha panacea, pero o certo é que primar primeiras vivendas en troques de mantemento adecuado das existentes é un erro que costa moitos cartos e deterioro (a particulares e institucións). As multas impostas polo concello no casco urbano para obrigar a un mínimo mantemento dos edificios aproxímanse ó tema dun xeito lateral, pero marcan unha dirección da que a medio prazo será difícil saír.

20080923

Política ou outra cousa?

Despois de ler a última nota de prensa de hoxe (e de amañar tódalas entradas do mes no blog de notas de prensa do concello de Ribadeo que estaban sen as citas textuais), versando sobre os bancos nas proximidades do forte de San Damián, e saber que a terra onde estaban os bancos fora mercada polo concello hai máis de dez anos, e que os protagonistas de dita compra estaban metidos agora na polémica, pregúntome se a nivel municipal o que estamos a vivir son actividades políticas ou outra cousa diferente...

Felicidades, John!

Despois de ler a Suso de Toro este fin de semana quedei coa impresión de que me perdera algo: a inclusión de John Rutherford na Real Academia Galega. Resulta que non, que non o perdín: hoxe sae na prensa a confirmación de que as liñas de Suso de Toro eran na realidade un adianto dunha honra (que leva asociada un traballo) a Rutherford. Por certo, unha vez pregunteille por curiosidade se tiña algo que ver con Ernest Rutherfod, científico neozelandés afincado en Inglaterra. Resulta que non.