20080904

Inflacción. Unha de cal e outra de area, ou eran dúas?

De cando en vez hai novas moi curiosas. Aquí, unha delas que manifesta claramente a intervención humana no clima, mesmo de xeito accidental e pasaxeiro.
Outras novas ou artigos non son tan curiosas nin estranos: "Y, al menos, una visión optimista del mundo nos debería permitir pensar que los electores acaban valorando también a políticos que reconocen la complejidad y toman sus decisiones con transparencia". Aínda que cos tempos que corren, mesmo pareza que si son estranos, pois eso de que as decisións a tomar polos políticos deben contemplar a complexidade da vida e ademáis, ser transparentes, como que non está moi en boga. Pois iso, unha visión optimista do mundo...
Por outra parte, novas como que a comarca xa ten tres hoteis de catro estrelas e vai camiño do cuarto, poden ser síntoma do progreso da comarca... ou non, pois non só os políticos son os que teñen que considerar as cousas de xeito complexo, e hai algo máis que a economía e a mellora na acumulación de cartos (dalguén). As novas poden ser máis ponderadas, pero é difícil pola mecánica das cousas. Non é ponderación xuntar á nova anterior o panem et circenses que representa que seis bandas actúen mañá no Musikeo. É mala cousa que actúen? Non, en principio. Pero onte mesmo escoitei a xente, veciños de Ribadeo, protestar moi forte por ter as actuacións dos venres pasados no solar/aparcamento da avenida troncal, retumbando de potencia nas vivendas veciñas.
Mentras, os concellos organizan a información usando a propaganda, e así atopámonos nas novas de hoxe algunha cousa curiosa máis, como que comezan as obras do ascensor da Atalaia e temos un panexírico a favor do mesmo por parte do concello, porque vai permitir 'humanizar' unha zona próxima a Atalaia... mentras queda afectado 'per saecula saeculorum' o talud, a parte dos gastos que producirá, que segundo declaracións do mesmo alcalde actual (non do pasado), non se sabe cántos van ser (nin como se van cubrir)
Un aumento de información (sabendo e podendo discriminala) non é malo. Pode que facilite por exemplo, a transparecia. Por eso o manter blogs por parte dos concelleiros pode non ser mala cousa. En Ribadeo hai longo tempo que din nova de dous blog diferentes de políticos diferentes: http://oblogdehoracio.blogspot.com/, e http://www.blogoteca.com/upri/, se ben es último, tratado hoxe na prensa como o blog de F. Rivas, remite non a si mesmo, senón a UPRi, que debera ser algo máis que Rivas. Nese xeito, tamén o BNG de Ribadeo ten páxina. De calquera xeito, pouco se actualizan calquera dos tres, como se pode comprobar, ganando de longo en canto a renovacións o de Horacio, e manténdose o da UPRi dende as eleccións, no que parece un reflexo político condicionado. Iso si, os dous blog son 2/3 dos blog declarados de políticos mariñanos, polo que vemos que Ribadeo ocupa a cabeza política mariñán en internet. En cambio, coido que imos ter que esperar tempo ata que se concrete o da 'administración electrónica', con xestións da administración local por internet, algo no que por exemplo Trabada vai máis aló. E non será porque aquí non se fixera algún proxecto europeo sobre gobernanza electrónica, como e-gov, no que participou ACISA.
Como esto estase a alongar, deixo varias ligazóns para abrir boca un tema que está estes días a punto de entrar no candeleiro: o plan galego de 'Parques de Tecnoloxía alimentaria' (=piscifactorías). Aquí, a presentación do proxecto (de hai cousa de un ano). Aquí, a parte correspondente á piscifactoría de Foxo Longo (Meirengos, tamén chamada de Rinlo), e aquí, a da punta do Corvo (a veciña ó Castro das Grobas), ambos, con información do ano pasado. Ademáis, estarían os planos correspondentes do PXOM de Ribadeo por riba. Adega está esperando a ver a saída definitiva no DOG, pero traballando xa sobre o tema, coa proposta dun Plano de acción.

20080903

Perspectivas diferentes

Hoxe a prensa trae dúas entrevistas a dous hostaleiros de Ribadeo. Un, propietario dun cámping, e outro, dun hotel. As perspectivas que ofrecen son totalmente diferentes. O campista, unha moi baixa ocupación mesmo en agosto. O hostaleiro, batendo récords de pernoctas. Evidentemente, son só dous casos, e pode haber moitos outros con visións do tema diferentes a pesares de ter circunstancias de partida aparentemente veciñas. Mais, se nos paramos un pouco, coinciden algunhas cousas que permiten unha explicación e unha xeralización a traverso dela. A primeira, a tranquilidade: o cámping está situado nun lugar próximo á autovía, algo que ten que facer mella dende o ano pasado en que se inaugurou a autovía, cando o illamento que hai é unha tela, mentras o hotel está situado nunha zona moi tranquila de Ribadeo. O segundo, os accesos. Quéixase o campista de que non van repararllos. Os do hotel están abondo bo estado. As instalacións parece que, en relación ós seus semellantes, son boas en ámbolosdous casos. Pero de novo volta a queixarse o campista en que o concello non promociona; calquera que pase polo hotel ve que ten unha autopromoción forte, non do concello. Ademáis, os clientes pertencen lóxicamente a diferentes segmentos de consumidores, e en principio, os do cámping son de nivel de consumo inferior ós do hotel, e xa se sabe que as crises afectan menos canto máis cartos se teñen. En fin, o hotel remata de beneficiarse dunha duplicación de prazas, e xa é unha empresa dunha certa entidade. O cámping segue a ser unha pequena empresa de tempada. E xa é coñecido tamén que as empresas más grandes poden ter máis recursos...
O anterior, a parte naturalmente da pericia dos empresarios, que é a que senta as bases de grande parte das diferencias de competitividade anteriores (aínda que non de todas nin moito menos, aí están por exemplo as regulacións que sofren ou disfrutan)
O caso é que, como de antigo, cada un fala da feira segundo como lle vai nela.

20080902

Mellor que en Ibiza. Unha curta

Despois de ver días pasados unha nova no El País, conclúo que en Ribadeo ai máis liberdade hostaleira que en Ibiza. Aquí non se cerrou ningún local, quedan reformas pro facer despois de ser vistas hai anos, o concello segue a pagar indemnización (ridícula, pero segue) por molestias por ruidos sen inmutarse, ... o único que contraría é que este ano notouse a baixa de consumo dos veraneantes.
acompañando ó anterior quería deixar unha (ou varias) fotos de grafittis na zona escolar. Mirando o enderezo internet http://monlongo.com/, xa non teño tanta prés. O derradeiro grafitti que aparece na páxina é un dos que decoran a úa fronte o Gamallo Fierros, nos muros dunha antiga casa de indianos.
ben, coa entrevista de hxoe ó presidente da comisión das festas, pode dicirse que comezan as festas, así que, boas festas!

20080901

Cando a lei non se cumpre


    Despois de citalo moitas veces sen poñelo no blog a última a pasada semana, aí vai un vello artigo (publicado en “A Mariña” de O “El Progreso” o 14 de novembro de 1996, p.2, segundo copia en imaxe). Un artigo que coido que pode relerse hoxe en relación a outras moitas circunstancias, aínda que estea escrito con referencias de hai doce anos:

Cando a lei non se cumpre

    “... No es terrorismo de estado el combatir el terrorismo, incluso si se hace mal, incluso si se hace ilegalmente. No es terrorismo de estado, es otra cosa” (Declaracións de D. Manuel Fraga ó “El País”, 6/10/96). Preguntóme, ¿que outra cousa? Non é a primeira vez que oigo cousas semellantes, pero creo que si que é a primeira que o vexo escrito. Parece ademáis evidente que está dicindo o que pensa.
    O de menos é que quen di esto sexa unha persoa en concreto, aínda que, como neste caso, corresponda ó presidente da Xunta de Galicia. O de máis é que se manifesta publicamente un apoio á ilegalidade, a unha ilegalidade violenta, dáselle publicidade e aquí non pasa nada. Máis aínda, eu suponía que os representantes das institucións públicas, actuando como tais, deberan cando menos acatar a leí. (Atención. Non confundir acatar con atacar.)
    Meténdome ó oficio de prospector afeccionado, situacións como a anterior serán presumiblemente cada vez máis frecuentes. ¿O motivo? As palabras xa non serven nin teñen valor, e os feitos cúbrense cun tenue velo que non permite ver o detalle, e, polo tanto, apreciar as pequenas cousas que delatan as ilegalidades.
    Tempos aqueles nos que se podía dicir “miña palabra é de lei” e todo o mundo o cría! Hoxe, do que se di, do que se oe, ¿que cousas se poden crer? ¿Canto hai que interpretar para acadar chegar a unha verdade ?
    E falando de verdades, de verdades “de lei”, hai que distinguir entre o que dicía a canción, “a miña palabra é a lei”, que é o que se leva agora (como na canción do "tractor amarillo") da realidade de ser persoa, a palabra “é lei” como o ouro, que pola súa escasez cada vez se considera máis e cobra maior valor.
    Xa que hoxe vai de palabras, vaiamos ó principio e recollamos palabras de políticos. Hai actualmente un doble incumprimento por esa banda: non legalizar o prometido, non cumprir o legalizado; é dicir, non facer lei do que se prometeu e non cumprir tampouco as leis que xa hai. A frase lembra aquel dito popular que reza “prometer ata meter, e despois de metido, olvidar o prometido” que nos leva a unha palabra: foder. Non só iso é malo; tornen ó é que os políticos sexan necesarios, aínda que cambien ás veces o amor polo (seu) pracer.
    Os incumprimentos acadan tales magnitudes que denunciar publicamente é en balde. Hai demasiadas cousas que non marchan como corresponde, unhas apoian as outras e “aquí non pasa ná”.
    Cal é a saída? Dende logo, non podemos esperar que saia do sombreiro dun mago, como un sinxelo coello. A solución, a saída deste círculo vicioso de incumprimentos e deterioro da persoa a nivel social, non só ten que ser boa, senón, máis difícil aínda, ser aplicada por unha persoa boa e que teña esa imaxe. Moita coincidencia.
   De calquera xeito, o 0,7%, incremento incumplido, o número de alumnos por aula, reducidos na letra grande e permitido o seu aumento na letra pequeña, os “grandes incumprimentos”, están relacionados con outras cousas a escalas máis achegadas as persoas de “a pé”. Partindo da relación con familia ou amigos, reprodúcense os mesmos patróns, aínda que a esta escala siga funcionando a confesión, o arrepentemento, o perdón, a penitencia; é unha sorte que temos, e que podemos aproveitar para rexerar a sociedade dende abaixo, se somos abondo ilusos. Nas outras escalas de grandes responsabilidades, decisións e soldos, pode que non haxa arrepentemento, difícilmente confesión, e as penitencias soen ser suaves aínda que os feitos sexan imperdoables.
Antonio Gregorio

De resaca







O 1 de setembro Ribadeo soe estar de resaca. De resaca do verán. é certo que sempre hai unha certa porcentaxe de veraneantes que se queda ata despois do oito, pero setembro, obvio, xa non é agosto.
Vomo despedida dese mes de verán con veraneantes (setembro é a maior parte verán astronómicamente, ademáis de selo tamén moitas veces en temperatura e sol), o festival das artes deixou 'Delicias española', música aplaudida polo público, que, por ser pouco (50/60 persoas) deu a sensación de non encher o auditorio, pese ó que o direcotr e artistas ofreceron unha propina de Rafael Pérez, un romántico Minueto para Cuarteto de corda.
13 artistas máis o director ofreceron un concerto do que creo que todo o público asistente saiu contento. a primeira impresión foi de suavidade, relaxo, ... unha mágoa (alomenos para min) que os focos estiveran enfocados de xeito que molestaba ó público, ó estilo de cando os fotógrafos deixan cego ó persoal a base de flash.
A actuación lembroume un conto de Isaac Asimov sobre o redescobremento da música (en realidade, no conto, dun certo tipo de música) como terapia nun futuro lonxano, así como no desfrute da música antes da existencia de partituras, establecendo pola miña conta neste caso un paralelismo co caso do conto oral vs. escritura.
O conxunto, ó meu ver, tivo unha execución técnica impecable, acompañando ademáis a estética dos movementos simultáneos dos executantes nunha especie de exercicio multimedia.
Así, o mesmo que onte un xornal daba espazo ó síndrome post-vacacional, deixo aquí unha idea para afrontalo un pouco mellor: algo de música a gusto.

20080831

Construír futuro, un artigo de Pancho Campos na Comarca desta fin de semana

    Deixo aquí un artigo dun amigo, na liña de oposición á construcción da nave en Ribadeo:
Construir futuro
Pancho Campos
Fai meses que estamos escoitando as moi diversas opinións sobre as consecuencias destructivas que para a Ría de Ribadeo sería a construcción da nave-garaxe que ENCE pretende facer como terminal de carga para a pasta de papel.
A este respecto, a maioría dos vecinos de Ribadeo e moitos dos pobos limítrofes a Ría, nos pronunciamos en contra de dita obra, considerando incluso unha vileza administrativa a simple proposición de obra para tamaño monstro arquitectónico no belísimo e incomparable ámbito natural en que se designa.
Pois ben. Agora leemos nos medios de comunicación o contrato ENCE-FEVE para o traslado da carga para o porto de Aviles, pois aínda que algúns din textualmente que sería para Xixón, paréceme estraño preten­der instalar unha vía de FEVE desde a praza dos Mártires o Musel. De todas formas sacar 500.000 Tm/ano de pasta de papel en un tren de vía estreita, non vai ser ningunha bro­ma, pois equivale a sacar 500.000 Tm/365 días = 1370 Tm diarias, e supoñendo 40 Tm para este tipo de vagóns-plataforma, son 35 vagóns diarios o qué equivale a un convoi de case 500 m. de largo. En Estados Unidos é fácil de levar a cabo co ancho de vía dos trens e coa orografía llana do terreo que te­ñen, eu alí teño visto trens de 12 e 14.000 Tm de varios kilómetros de largo con catro e seis locomotoras, na época de recollei­ta do trigo e do millo, e nos transportes de mineral e carbón. Aquí dubido moito que se
poida facer tamaño transporte coa cantida-de de curvas que ten o trazado da vía e a inseguridade de tracción de dito convoi en vía estreita, como é o caso. Pero ese non é noso problema, así que xa o solucionarán os "despertos" na materia.
Tamén se oe, que podemos perder postos de traballo no porto de Ribadeo senón se fai dita nave. Este comentario é realmente malvado, inxusto e malévolo. Vexamos. Recordando un pouco a historia da miña propia familia co Porto de Ribadeo, podo dicir que meu avó Pancho por liña paterna, cando a primeiros dos anos 1930 volta por segunda vez de Cuba, emprégase na colla, na que ten a desgracia de accidentarse o caer entre un barco de carga no que traballaba e o muelle, o que o leva a morte os seis meses como consecuencia do aplastamento que recibiu. Pois ben. Na colla había de 24 a 28 persoas ou o equivalente a dúas mans de traballo de doce ou de catorce homes, para facer a car­ga e descarga dos barcos mercantes, e aten­der do seu amarre. Nos barcos de pesca, estaban enrolados máis de medio cento de homes. Por outra banda, meu pai Pancho e seus irmáns, quedan orfos e pequeños can­do o óbito de meu avó ocorre, e miña avoa Pepa e eles, deféndense como poden para sobrevivir as penurias da Guerra Civil. Meu pai vai a Escola da Granxa pola maná, co para él o millor mestre e inolvidable Genaro. Pola tarde aprende o oficio de mecánico no taller de Larravide, e logo, xa maior de idade, pasa a traballar nos talleres do muelle por mais de 30 anos, con Jesús e con Seivane e Barcia, os Carrelos; mais tarde iría para a fábrica de Alginatos da Vilavella, onde por desgracia morreu tamén novo.
Cando traballaba meu pai no muelle de Figueirúa, polos anos 50, 60 e 70, eu mesmo recordó no ano setenta e tres, Seivane e Barcia tina mais de trinta empregados: mecá­nicos, soldadores, montadores, etc. propios e de subcontratas, pois facían para os bar­cos de arrastre de casco de madeira, todo o puente de aluminio e aceiro, así como, toda a instalación eléctrica, fabricación e montaxe de tanques, motores, servo motor do timón, alineación do eixe de cola e propulsor principal, montaxe aparatos de navegación diversos,.etc. etc. Nos talleres limítrofes, aserradeiros, fábrica de xeo e barcos de pesca de altura e baixura, podía haber outro cente­nar de homes. Pola outra banda, Asteleiros Gondán estaba construíndo 1 barco ramplero por mes, con unha plantilla de persoal moi grande.
Con todo esto quero dicir que se perde-ron moitos empregos no Porto de Ribadeo, e si se fixera o que vimos dicindo desde fai meses, os que nos manifestamos en contra da "nave-garaxe", esto é, montar unha grúa pórtico para carga de contenedores, eso si sería dinamizar a actividade do porto e tra­ballar en serio por un futuro mellor. Nos, non estamos en contra de activar o porto, e crear mais postos de traballo, senón que o que non queremos e seguir vendo a destrucción da Ría de Ribadeo, sen siquiera levantar a voz e gritar con todas as forzas, NON MAIS BAR­BARIDADES NA RÍA (léase escolleras ¿para qué?; pilastras do ponte ¿non hai outros tipos de construcción de pontes?; recheos ¿non hai explanadas naturais mellor feitas a todo o largo da ría sen tocar o seu álveo?)
Os vecinos de Ribadeo, polos anos sesen­ta e setenta, víamos medrar a actividade do porto de tal forma, que estudiamos e conse­guimos o título, dezaoito capitáns e xefes da Marina Mercante por aquetas datas. Algúns incluso pensábamos en navegar uns anos e volver para traballar no noso porto, cousa que nunca ocorreu, precisamente pola desi­dia das autoridades competentes que nunca emendaron as barbaridades que se facían e se humillaron para sobrevivir e defender prebendas complementarias en aras de que "creaban emprego" e non era cuestión de ir en contra das obras, o que eu traduzo por que "creaban cazo" e naide está en contra do seu propio peto.
Para terminar, se ENCE-FEVE fixeron un contrato, claro está que se van a gastar millos de euros dos fondos públicos, supo­nemos que a Administración do Tesouro Público agora considera o proxecto elixido mais "rentable" que o do Porto de Ribadeo, pois montar a grúa pórtico aquí, custará uns dez millos de euros, mentres que tender e poner a funcionar unha vía férrea, e montar a grúa pórtico de descarga de trenes tipo Porto de Amberes, en Aviles ou en Xixón, tanto me ten, pode saír por centos de millós de euros, a diferencia de capitales e clara, pero ... quizáis algún "defensor do cazo" nos siga achacando e dando a tabarra os manifestan­tes, culpándonos da pérdida de empregos o non deixar montar aquí tamaño enxendro de nave.
Ría sí, nave non.

20080830

Banda sonora de 'os mortos van á presa'

O outro día quedoume por pór a ligazón: http://www.losmuertos.es/descargas/mp3/banda.MP3. O que se escoita nese punto é o tema principal da peli. Eso e outras cousas son accesibles no blog.

O antroido do futuro

Na procura dalgún escrito vello, e como un a parte das outras entradas, aquí queda o pregón do antroido 97, leído por min o pasado día 7 de febreiro de 1997 na sá de festas Rosa-Lar de Ribadeo... ¡boa lectura!

"O antroido do futuro"

Boas tardes.
"Actuar é un luxo que permite mostra-los sentimentos que de outro
xeito daría vergoña ensinar". É unha cita de Robert de Niro, que debe saber
abondo do tema, tomada dunha entrevista de "El Semanal" de 24 de novembro
do pasado ano 1996. A traducción ó noso caso podería ser: O disfraz de
antroido permite facer moitas cousas que en outro caso serían vistas con moi
malos ollos (aínda así o son moitas veces). Dito esto, ¡pechade a porta!. Que
ninguén escape.
"O bo, se é breve, dúas veces bo", en pluma de Baltasar Gracián. Do
que non é tan bo, non dí nada. Polo tanto, temede o peor, porque xa non me
vexo constreñido pola sentencia.
Parece que este ano son eu o pregoeiro do antroido. Por eso aquí
estou, disfrazado de entendido na materia, e tomando as medidas oportunas.
Estou sen toga nin birrete: todo disfraz ten os seus límites, e un deles púxeno
aí. Disfrazarme con roupa non me gusta especialmente, pero actuar xa é outra
cousa. E actuar é un xeito de disfrazarse. Dende logo, hai outros. Por exemplo,
¿alguén se lembra do antroido que viveu o Inspector Lupa?. Ese sí que foi un
bo disfraz, tanto cando andaba vendo os disfraces como cando non o facía.
Aínda non sei quen foi, e non me parece que o saiba moita xente.
Xa metidos en materia, ¿por que me elixiron para o pregón?.
É unha pregunta que me fixen. Tiña o dilema de contestarme a min
mesmo de varias formas. Unha resposta sería: "porque és un paiaso" (podería
engadrille despois, por exemplo, "pailán", e así queda mellor: "porque és un
paiaso, pailán"). Por contra, tamen podía contestarme: "porque és serio" (neste
caso, engadiría algo así como "home": "porque és serio, home").
Elixín o último, gustóume máis. Por eso mesmo me permito facer un
comentario como este aquí, diante de tanta xente. Eu considérome serio, e o
antroido é para que os serios, as persoas que non se permiten o saírse do seu
papel, podan rirse e oficiar doutra cousa, poñerse unha máscara. Eso me
moveu a aceptar.
Así, o que me quedaba era disfrazarme. ¿De que?. Pois de
prospector. Non de prospector en busca de petróleo, que por esta terra non
parece ter moito futuro, se non precisamente de analista de futuro. Do futuro do
antroido, claro. Eso é algo así como ser adiviño, pero con outro nome tentando
coller categoría.
O seguinte foi o preguntarme, ¿por onde pode comezar?. Polo
momento, e para mín, o antroido estivo a punto de ser por primeira vez
entroido: descubrín que a palabra que usaba, antroido, non viña nos
diccionarios. Así, estiven por deixar de empregala para ocasións serias, coma
esta. Nembargantes, entroido nunca a usei, carnaval decidín fai algún tempo
deixalo para a meseta, lugares lonxanos ou festas con outro significado, e
antroxu, Nalón arriba, cáeme moito máis lonxe. Por eso decidín deixar as
cousas como estaban: antroido, para os amigos.
Son serio, xa o dixen antes. Así lle dicía tamén ó protagonista maior,
o piloto, ó Pequeno Príncipe. Como o Principiño non calaba con esas lerias, e
quería saber, continuar vendo mundo, ir ó seu antoxo, a súa vitalidade conduxo
a unha obra literaria para todo tempo e idade. ¿Por que?. Porque a todos nos fai
falla evadirnos. E iso é o antroido. Evasión. A grande evasión. Ademais, como
na película os prisioneiros do campo de concentración son ó fin tristemente
cazados, e así remata a súa ilusión de liberdade, os antroidos tamén acaban a
tiro fixo. Vóltase á liberdade condicionada. Condicionada pola nosa historia,
os nosos coñecidos, compromisos, ... en definitiva, por nós mesmos.
Centrémonos na prospectiva do futuro do antroido: aí van algunhas
reflexións.
Un. Hoxe en día tómase como unha festa, e parece que non decae a
pesar de que a vida é, cada vez máis, carnaval. Quen non o crea así, que lea os
periódicos, vexa a tele ou fale cos amigos, aínda que sexa de fútbol. En todos
os rincóns hai carnaval. Nembargantes, ese carnaval pretende ser serio, non é o
noso estilo de antroido. Aínda así, é previsible que siga a extenderse
contrastando coas ideas do antroido que por aquí se levan.
Dous. En Venecia teñen o seu carnaval de luxo, onde todos queren
ser Dogos de seu (non cans, entendámonos, senón mandamaises). Por Río o
carnaval é movemento e lucimento da vitalidade (e doutras cousas tamén
vitais). Aquí o antroido é máis unha evasión adoitando outro rol e
ocultándonos como pícaros para facer trastadas e figurar como reis, por unhas
horas, do noso destino. Nembargantes, a idade, a era de inocencia, está a pasar
rápidamente. É unha incógnita se o noso antroido vai resistir esa falta de
inocencia que se está a incrementar aló onde un vaia. Moitas cousas van ter
que cambiar para poder superala. Nembargantes, feitos como que hoxe
estemos aquí fan manter a esperanza de que esta evasión pode seguir facendo
os seus efectos benéficos e festeiros por moito tempo.
Tres. Non hai tanto o antroido estaba, empero, cáseque "morto por
orde superior". Esa orde non puido con el e aquí estamos de novo. ¿Pode darse
novamente no futuro o caso dunha prohibición directa ou indirecta?. Non
estamos exentos dela, pero sería en balde, como o foi a pasada vez: a festa
continuaría, aínda que pode que desvirtuado un pouco o seu espírito pola
prohibición, ó estilo da "lei seca". Eso mesmo fará cuidarse ós mandamaises
de tentar algo parello, aínda que aproveitando as máscaras se produzan
algunhas mascaradas que infrinxan as normas do antroido, que tamén as hai.
Catro. Se miramos ós carnavales de Venecia, Río, Tenerife, ...,
mesmo os entroidos de Laza, podemos ver que todos van cara á grandiosidade,
cada un no seu modelo, cada un á súa velocidade. Ó mesmo tempo, seguen a
ser unha actuación. Nembargantes, a grandiosidade esixe uns xeitos e un
dirixismo que impide manter o sentido do noso antroido. Para vencer outros
medios vistosos de diversión e/ou enaxenación, que eso é tamen ó antroido, e
facelo ademais dun xeito inocuo, necesítase cada vez un espectáculo maior. É
inevitable, tal como eu o vexo. O antroido terá que ir cambiando para combatir
este efecto ou aliarse con el. A alianza significa máis cartos e unha certa
profesionalización, ó estilo deses outros lugares.
Cinco. Téntase conservar o de cada un, neste caso o noso antroido,
pero a profusión de medios que nos poñen en contacto con outros lugares van
pouco a pouco influenciando esta festa. Non é problema, porque hai carnavales
de todo tipo, polo tanto as influencias serán variadas. Esto, esperando que ós
americanos do norte non se lles ocurra a idea de facer un novo carnaval,
porque se non, Holliwood rematará non só co noso estilo de facelo, senon
tamén por facernos creer que se fixo sempre ó seu xeito. Esperemos asemade
que manteñan a data do seu Halloween ben alonxada da nosa celebración, so
pena de perder un combate do mesmo xeito que os Reis o están a perdendo
fronte ó Santa Claus.., e eso que son tres contra un.
As conclusións anteriores, se ben son as máis xerais, non son as
únicas.
Por exemplo, visto que non podemos igualar os disfraces sen roupa
que fan as ledicias dos e das turistas en Río, e tamén dos propios cariocas, é
previsible que nos busquemos e atopemos novos medios de calefacción para
que as máscaras con pouca roupa non sufran os rigores invernais.
Nacerán novas máscaras. É un fenómeno que xa se ven estilando
dende tempo hai, e que está lonxe de esgotarse: na variación está o gusto,
como dí unha frase que máis dun e unha coñecerán e practicarán có gusto
anunciado.
A electrónica escalará postos nas preferencias dos antroidos. O
mesmo que se vai metendo en casas ou bancos, non poderia facer unha
excepción con este fenómeno social. Xa vimos algúns artiluxios desa especie
outros anos, como luces ben amañadas e sincronizadas, pero é posible que non
sexa nada comparado ó que se aviciña.
Son previsibles outras incorporacións no desenvolvemento destos
días. O antroido permite o anonimato social, e ven potenciado por el. Hoxe en
día estánse a extender novas formas de comunicación que outorgan a
posibilidade do anonimato. Tendo conta destas dúas premisas, pódese concluir
que é probable que se incorporen novas formas de antroido, por exemplo, "a
distancia", do mesmo xeito que o 28 de decembro é algo extendido usar o
teléfono para gastar bromas, mentras que no século pasado, antes de facer das
súas o señor Bell, evidentemente non se podía.
Podemos observar tamén que as carrozas motorizáronse. É
previsible, co uso dun parque móbil máis extenso e variado, que esta tendencia
continúe, incorporándose á mesma aínda os disfraces individuais.
Un dos festexos precursores do carnaval era unha especie de circo
naval fai vinte séculos, como din algúns estudiosos do tema. Do carnaval, si.
Do noso antroido, dubídoo. Nembargantes, cara ó futuro, todo é que ó club
náutico lle de por ahí, e entón o noso antroido podería ser precursor de esa
proxección naval futura. É posible, e coa motorización e en xeral a
instrumentación actuais, máis fácil que noutros tempos. Habería que
preguntarlle á directiva do club se está pola labor.
O antroido é educativo. Seguirase a usar nos centros chamados
educativos para facer algunha que outra trastada, ó tempo ou a parte da propia
educación. É posible ademáis, dentro da política ministerial, a súa inclusión
como liña transversal no currículum escolar.
Falemos de cartos. Estamos a vivir tempos de privatización. Se se
pensa en privatizar a xestión de hospitais públicos, por exemplo, ¿por que non
o antroido?. Nese caso, ¿que se preparen as comisións a non recibir
subvencións?. O antroido, teña ou non subvencións, sempre foi público e
sempre foi privado. Sempre necesitou dun espíritu social para levalo a cabo,
pero sempre foron os particulares as máscaras. Pola privatización, poderá
cambiar algo o modo de financiamento, pero nada máis.
En canto ós premios... é bonito e atraínte para o turismo que os
disfraces sexan traballados, pero por ese lado é difícil competir con outros
carnavales. Nembargantes, a competencia é a competencia, e as leis do
mercado inflúen en moitos campos. Pode que o factor máis influínte no futuro
desenvolvemento dos premios sexa externo ó propio antroido: máis que a
privatización, a marcha da economía en xeral.
En relación a outro aspecto, fai pouco leín que "os carnavales caen
baixos este ano". Espero que non caian baixo máis que polo número que ten
asignado o día no que comezan, pois non é esa a tendencia aquí en Ribadeo.
Hai que lembrar, sobre esto das datas, que xa se produxeron algunha vez
noutra temporada: os chamados "carnavales de verán", e a eses si que lles
chamo carnavales. ¿Lémbrádesvos do que xa dixen sobre a economía do
antroido e as influencias externas sobre o noso?. É posible que esas festas
carnavalescas se incrementen, pero non penso que se lles deba chamar
antroido. Serán carnaval. ¿A influencia sobre o propio antroido?. Polo
momento, está a salvo, porque son influenciadas por el e non ó revés. Perante
cánto tempo, eso xa é máis dificil o dicilo e dependerá de moitos factores.
Pola sequedade da boca ven outra vez ós meus labios o dito de
Gracián: "o bo, se é breve...". Por aí, pola sequedade, penso que é cousa de ir
rematando. Queda para outra o tratar de imaxinar o futuro do antroido en
relación a outras moitas facetas. Como exemplo delas sirven a música ou o
sexo.
En fin, isto é a prospectiva: analizar tendencias para vislumbrar o
futuro. Eu, de calquera xeito, non me fiaría moito dunha prospectiva do futuro
do antroido feita por un disfrazado.
Aínda así, costoume facela. E teño que dicilo, porque é tamén unha
metáfora do antroido. Nestas datas, hai moito detrás: ilusión, traballo,
imaxinación, persoas... é algo matinado para vivir uns días máxicos antes que
chegue o momento de quitarse a máscara.
Ben, penso que os obxectivos das cousas débense definir ó principio.
Nembargantes, acordei definilo ó final, tras ve-las caras dos que me escoitan
hoxe: O obxectivo era sacar á luz o espírito do antroido. Espero haber axudado
a facelo, e con eso remato esta pequena perorata. Meu disfraz xa non vale, este
pequeno antroido xa se foi. Agora comeza o antroido de todos. O futuro que
mencionei xa chega. Vivámolo.
Antonio Gregorio Montes
Ribadeo, febreiro de 1997.