20070804

Un día máis, Ribadeo

Pode que debera dicir 'unha noite máis', despois de que on/off rematara anoite despois do permitido polos horarios oficiais, e unha noite máis un local de enfrente pechara tendendo á hora que lle deu á gana (eso si, advertindo a algunha xente da que saía de que pechaban por causa da Guardia Civil[que como veremos máis abaixo, esta noite posiblemente tiña máis que facer]), ou que tempo despois, mentras algúns guiris dos que antes abarrotaban o local (amosando empíricamente que cabe máis xente da que ten permitida) seguían de animado parloteo/berreo nas proximidades, algún coche pisara os vidros deixados na rúa.
Como curiosidade, copio os primeiros párrafos do Artigo 12º do Decreto 320/2002:.-"Ruídos no exterior. Os titulares de establecementos serán responsables de velar, para que os usuarios, ó entrar ou saír do local, non produzan molestias á veciñanza. No caso de que as súas recomendacións non sexan atendidas deberán avisar inmediatamente á policía municipal. Do mesmo xeito actuarán se constatan a consumición de bebidas, expedidas no dito local, fóra do establecemento e dos lugares autorizados."
En fin, só unha noite de venres a sábado, día no que hai entre outras cousas a percebada de Rinlo, a finalización de on/off, o torneo de fútbol "Enma Cuervo", e (ó mellor) o final da operación antidroga na Mariña, que parece ser que comezou en Ribadeo aínda que os presuntamente implicados non sexan ribadenses, segundo o xornal

20070803

Per crucem ad lucem

É unha inscrición que vin na catedral de Braga: Á luz pola cruz. Coido que se pode interpretar de máis dun xeito, pero que o sentido orixinal debe ser algo así como 'gañemos o ceo sacrificándonos na Terra'. Se me chamou a atención foi pola semellanza con 'quen algo quere, algo lle costa', que pode ser outra interpretación...

Paz, tranquilidade e un bo libro






Algo así tenta procurar moita xente en agosto. E hoxe en Ribadeo parece que llo tentan poñer doado.
Por unha banda, presentación de 'O bosque de Nadgor', de Farruco Graña (xa referido aquí), con ilustracións de Chema e portada de Chenchu, como lectura.
Por outra, continúa a exposición de mandalas, dos que poño unha pequena escolma (hei poñer algún máis), para tentar lograr a paz.
Se o libro é mllor leelo que resumilo, os mandalas teño que recoñecer que non é o que esperaba; alomenos, non esperaba que me gustasen, e vaia, que non foi así. Despois, para interpretacións e demáis, alí (en Turismo) hai tamén bibliografía e mesmo un kit para comezar a facelos, tanto pequenos como grandes, que reproducirei tamén noutro día.
Non son as únicas cousas previstas: este fin de semana, a Xira (ortganizada polo Concello), On/Off hoxe as 22:30 no porto, mañá roteiro da Paco Lanza (coido que estos roteiros estánse en parte a desperdiciar; deberan ter máis afluenza), e o domingo tamén, xunto coa xira, un recital lírico no 'Hernán Naval'
Máis? Podo asegurar que onte, a última hora da tarde a auga da ría invitaba...

20070802

Olladas de muller (II)





Ver tamén Olladas de muller

Olladas de muller





Aproveito un día sen novas relevantes en Ribadeo (por exemplo, sería nova un Ribadeo cheo, pero xa o estaba onte) para poñer unha escolma da exposición 'olladas de muller', xestionada en inicio polo Concello e a Delegacion de Igualdade da Xunta, e levada a cabo por Mr. Misto. Hai 3 Concellos en Galicia coa experiencia, que consiste basicamente nun obradoiro de fotografía para mulleres e posterior exposición dun xeito curioso como pode verse: como se se tendera roupa a secar. Neste caso, máis ben a mollar, porque algo si se ten mollado xa.
Ver tamén Olladas de muller (II)

20070801

Unha curiosidade :-)


Por suposto, o da sinatura non son eu mesmo... e conservo o orixinal para reclamacións. Por certo, era o voto para as municipais.

Sobre unha charla de arquitectura e urbanismo en Ribadeo

Onte, nas 'Xornadas de historia local', foi a quenda de falar sobre Ribadeo, historia, urbanismo e arquitectura. O poñente foi Ernesto Cruzado Estévez e aledeime de ter ido. Non dixo moitas cousas novas (no sentido de que non as tivera escoitado antes), pero enfiou, categorizou, relacionou e 'puxo en valor' (segundo termos que se usan agora) o que máis ou menos sabía. Escoitar falar de murallas dende o núcleo histórico ata as que hoxe forman autovía e circunvalación, ou de eixes, dende as baixadas/subidas a Porcillán e Cabanela ata San Roque-Xardín, transversal, nova, ... da unha imaxe dinámica do urbanismo que é necesaria hoxe en día para ter as cousas claras fronte ó plan que ven.
Faltaron cousas? Supoño que si. Non se meteu en xaleos actuais, por exemplo, pero tiña unha boa coartada sendo a charla no marco das xornadas de historia local. E nunha hora, con fotos abundantes e ben fiadas (máis de 100) non da para moito máis, aínda que o público coido que tería aguantado varias veces ese tempo se llo pediran.

De viaxe por Ribadeo

Parece xa institucionalizado que a Volta a Galiza en barco parta de Ribadeo, e que a volta a España en avioneta pase por aquí, entre as moitas celebracións que esta época de verán ten establecidas, e que se trata de non perder, como no caso da xira, collida este ano in extremis polo concello. Mentres, procúrase que outras crezan, como o festival de curtas.
Por outra parte, vai chegando o que xa se temía hai algúns anos: os recheos pola parte asturiana. Así, xa se prevé un nas Figueiras, e, como non, con motivo da ampliación do peirao para embarcacións deportivas. É dicir, o xa lóxico, despois de comezar os recheos en Ribadeo, seguindo a traer secuelas que afectan á ría (tanto da que sexa de Ribadeo como 'das Figueiras'...)
De calquera xeito, parece que en Ribadeo a moda é mirarse ó embigo. Acusación tras acusación cruzada sobre culpabilidades e demais, a débeda parece establecerse en 2,85M€. Non sei como está contratada, pero ó 4% (o que non parece moito ós xuros actuais) saen 114000€/ano de xuros (a parte amortización, claro), é dicir, algo máis de 300€/día ou o que é parello, algo máis de 50000pts/día. O tema da controversia da débeda é un teatro máis que engadir ás moitas actividades que se están a realizar.