20060712

Comentarios despois dunha primeira ollada á Ordenanza Municipal de protección contra a contaminación acústica de Ribadeo (OMPCCA)

Son 27 páxinas e por fin puiden botarlles unha ollada. Non se me vai que foi feita copiando e sen fixarse moito, como o indican determinadas faltas de lingua e outras lagoas. Segundo o alcalde, fai meses o dixo, querían facer algo pouco restrictivo, que se houbera posibilidade de que normas xerais foran menos esixentes, deixar a porta aberta para aplicalas cando conviñera, pero que se aplicaría como non se fixo co RAMINP nesta parte correspondente. No pleno mesmo dixo que non querían machacar ningún local. E de aí a 'operación acordeón', deixando sen efecto unha parte do RAMINP unha tempada e logo aplicando nova norma.
Ben, pois se se aproba, coido que ou machacan varios locais tendo que facer fortes inversións, en algún dos casos non rendibles, ou terán que pasar polo xulgado pola súa non aplicación, que será comisión de delicto. Chegados a este punto cabe pensar nos prazos e outras cousas, e na súa aplicación no seguinte mandato, do que pode que se libre o actual alcalde, pero alguén o terá que facer. É un pensamento lóxico, pois na norma non está previsto como facela cumprir, do mesmo xeito que saiu un informe positivo para a ampliación de horario dos locais nouturnos (verán, festas, Nadal, ...) dicindo só eso, que era positivo, sen máis explicación e contradicindo que hoxe en día, a pesares das promesas electorais realizadas, non haxa policía municipal que garante a noite a maioría dos días.
É dicir, o de pensar en aplicalo, polo momento, non o podo creer moito, e visto como funcionan as cousas, dubídoo. Quédame a dúbida da calidade en referencia ós mecanismos do concello, e xa fixen antes mención de que agora pode xerar casos xudiciais en relación coa responsabilidade da súa aplicación.
A ordenanza parece non prestar especial atención no seu art. 4 ós principais motivos de queixa acústica ata o momento, a pesares de adicarlle despois un capítulo enteiro que coido incompleto nas súas referencias.
No art. 5, menciona zonas de sensibilidade acústica e refíreas posteriormente á súa definición no PXOM... coido que sobran explicacións, pero aquí é necesario aclarar que houbo unha chea de veciños que presentaron no seu momento un escrito pedindo declaracións de zonas acústicamente contaminadas.
O art. 6 fai mención á normativa anterior e á vixencia dela mentras tanto, co que se esquecan os 6 meses que aparecen ó final (transitoria 1ª) para adecuación dos locais, pois en parte tiña que estar feita agora.
No art. 8.1 fai referencia ó proceso de avaliación de incidencia ambiental, que non aparece despois sinalado e que terán que referirse a outras normas de rango superior, cando o que se trata con este regulamento é de facer algo específico de Ribadeo (ou non? porque alquera sabe cal é o obxectivo). O 8.4 implica que os locales que xeren un minimo de ruído terán que ter un illamento de 50dB mínimo, e teño visto xa máis de un proxecto no que se contemplaba abondo menos (e non falo do que se facía despois). Paréceme ben, pero logo hai que cumprilo e facelo cumprir.
E referente a facelo cumprir, no 12.2 fáise notar, en conxunto cos prazos do final, que o concello non ten prazo de adaptación (coido que non o pode poñer). Aí mesmo aparece unha frase contradictoria ó meu ver: "adoptado nun procedemento contradictivo" Cando o vexa de segundas mirarei un pouco máis o sentido posible.
No mesmo art. 12 libera ás terrazas de todo control, ó non estar sometidas a illamento acústico. Pero son dúas cousas diferentes: está claro que unha terraza non pode ter illamento acústico, pero non se pode deixar sen limitar as súas emisións, sen asociar terraza cunha tipoloxía de local, etc.
O art. 13 permite ós locais pasar de 90dB interiores só con poñer un cartel dicindo que pode facer dano...
O 15 e o 19.2 fala dunhas placas identificativas que están por deseñar, mentras en noutros lugares levan décadas facéndoas. Supoño que eso non será dificultade, pero visto que as cousas do Pazo van despacio, convén lembralo.
O art. 30 non contempla cousas como tirar vidro ós contenedores ás 6 ou 7 da mañá, xa prohibido noutro lugar porque non son os contedores adecuados, pero...
Aparece noutro lado que o concelo poderá rebaixar os niveis permitidos ós locais cando por acumulación se sobrepase o límite en 3 dB no exterior. Eso, para quen coñeza as medidas acústicas, significa só que cando hai dous locais semellantes pegados (xa que 30dB + 30db = 33dB) hai que rebaixar o ruído permitido para cada un deles. Benvido!
No art. 46 non se determina ningún programa municipal...
É só unha primeira lectura, pero xa me deu abondo que considerar. Estaría peor feito e sería menos restrictivo (por moito que diga o alcalde que se permitirá ós locais), pero preferiría que se tivera cumprido o outro.
Continuará.

20060711

Ribadeo no tempo, a través das imaxes (outro Ribadeo foi posible) / 2ª entrada de hoxe

Parece que se perfila como un dos libros clave para este ano en Ribadeo. Chegarase á segunda edición? Douscentos cincoenta exemplares da primeira parece que se quedan insuficientes, se ben polo momento hainos porque só se reparten a socios de O Tesón. Se alguén quere un, que se poña en contacto... ser socio da asociación ten un custe de 10€
Datos:
ISBN 84-6110861-2
D.L. LU 281-2006
Edita: AAVV O Tesón, Aptdo.92, 27700 Ribadeo
Contidos: textos lic. Creative Commons c.i. 2.1.
Autores:
Antonio Gregorio
Gilberto Suárez
José María Rodríguez

Ribadeo, un pleno.


    No pleno de onte, 10/07/06, non había tal pleno de xente observando nin de opinións entre os concelleiros. Poucas cousas se votaron por unanimidade, e si moitas por 7/6. Entre as cousas das que deu tempo a entender algo estaba o convenio para formar un consorcio na área de benestar e igualdade de xénero, na que se manifestaron diferencias de interpretación sobre a autonomía municipal e comenzouse a falar sobre os interesese electorais das próximas locais, o que se repetiría varias voltas máis. Foi o primeiro dos 7/6 que houbo, pero só o 4º punto.
    Algo parello, pero con máis discusión foi o convenio con Aquagest, no que se reformou o sistema de tarifas e se ampliou o convenio entre 2018 (para o que xa estaba) e 2023, a cambio de 300 000€ e se manifestaron cousas como que un informe técnico do secretario leve unha valoración do propio acordo en termos subxectivos ou se reiterou que os cartos acordados non saían de ningures (de ningún cálculo) máis que de necesidade de cubrir un furado nos orzamentos para o próximo ano. Naturalmente, estas cousas dicíaas a oposición, mentras o equipo de goberno negábaas parcialmente e noutra parte dicía que era un método semellante ó usado pola oposición cando era goberno, pero o sistema de tarifas, mellor así. A min quedoume unha dúbida sobre atar a tarifa ó IPC, cambio que se fixo, pois considero que son os servizos públicos os que deberan tentar manexar o IPC e non ó revés. Pero o certo é que o de ligar subas ó IPC, é dicir, fundamentalmente ós manexos empresariais, cada volta se usa máis. E é que a importancia empresarial en relación á da xestión pública segue a crecer, tamén en Ribadeo.
    O tema anterior ligouse ó orzamento deste ano, que en pleno xullo foi presentado, o que deu lugar a discusións e comparacións, que pasaron logo ós números e a súa interpretación. Os 7 982 k€ deste orzamento representan 81 k€ máis que os do ano pasado, o que deu lugar a que se falara dos maiores orzamentos da historia de Ribadeo cando en realidade son un 1% máis que os do ano pasado e polo tanto, relativamente, inferiores se consideramos o IPC e o lixeiro aumento de poboación. Falouse de que representaban un aforro neto negativo (é dicir, un aumento de débeda) máis pequeno que outros anos, e de feito non se esperaba ter que pedir ningún creto... Hubo momentos en que botei moito en falta non poder dispoñer dos orzamentos en internet, cousa que sería totalmente factible e coido que desexable para que os cidadáns nos enteráramos un pouco máis: a oposición queixouse de falta de tempo de estudo dos orzamentos, cando sabe de que vai o tema porque no seu momento preparounos ela, ou sexa que os de fóra da política ... Deume tempo a pensar que 1€ de cada 10 000 vai ir parar á compensación xudicial polo ruido establecida no xuízo que me deu a razón (se as cousas non cambian, o que no leva camiño) ou fixarme no 72% de gastos correntes, dos que 38% de gastos de persoal, fronte ó 28% de inversión (todas, cifras redondeadas, claro) mentras hai un incremento de taxas e decremento de aporte doutras administracións (di a oposición). Ou nos 47 000€ de gratificacións que representan 8 000 000 de pts. en aumentos de soldo máis ou menos a dedo, e o aumento do apartado de gastos diversos nas concellalías fronte ós 3000€ de inversión en medio ambiente. Cun profe de matemáticas como xefe de oposición, a interpretación de números tivo arrastrado ó goberno (na miña opinión), comparando un 2002-2006 e outros lixeiramente 2005-2006 pero como ó final mandaron os número de votos, pois así quedou a cousa, 7/6. Tampouco un bó manexo de números quere dicir que o orzamento que se presentaría fronte a ese fora mellor, aínda que este sexa malo (ou bó). Os da grada, debido ó descoñecemento do conxunto, debemos ser moi cautelosos e opinar moi concretiño. Así, este ano non se vai pedir creto: pois moi ben (haberá que pagar o de anos anteriores), por poñer un exemplo. A antiga interventora mantívose atenta en todo momento; non sei que conclusións sacaría.
    A terminal de carga e descarga no polígono non xerou controversia, e logo pasouse á proposta de denominar ó auditorio como Auditorio Municipal Hernán Naval. Sigo opinando que o nome da escola era o propio para Hernán, e o de Carlos Álvarez Fernández-Cid poidera ser para o auditorio, pero que algo é algo, aínda que ó final pense que vai ser exactamente ó contrario de como penso eu. Houbo un panexírico de Mari Luz (que tentarei conseguir para a súa publicación no blog na liña de amosar cousas sobre Hernán como teño feito a finalis de ano) para rematar sendo votado 7/6. A votación tomou visos políticos, declarando o PP que se presentaba por ser Hernán representante do BNG, e que había outros ribadenses que o merecía e non se lles daba, aínda que non eran funcionarios (pregunto, ser funcionario implica minusvalía?) saíu o nome de Pancho Maseda, concedido á praza á beira do concello, asociado a 'alcalde franquista', etc, incluíndo nomes que non me esperaba que saíran nun pleno para o seu recoñecemento na actualidade. Ben, si son partidario dun recoñecemento a Hernán, a pesares de que non me satisfaza a forma. Por outra parte, non esperaba que non houbera acusacións políticas. Da xente que esperaba que acudira ó pleno por este punto, só Chenchu, Fernando, Suso e Rula foron para apoio á votación dende o público, aínda que algún, descontento polo que alí se estaba a dicir, marchou antes de se cambiara de punto.
    Entre os outros asuntos, a ordenanza de contaminación acústica manifestou a abstención inicial do PP e irá a pleno tras un mes de información. Haberá que leela e facer o informe correspondente. O alcalde reiterou que non era cousa de pechar locais ... como se alguén llo tivera pedido ou tivera pasado pola súa cabeza (cousa diferente pode ser por exemplo dicir que está concedendo licenzas ilegais e polo tanto, abrindo locais que non deberan). Co cansancio de tódolos grupos tras máis de dúas horas de pleno, comezou a marchar xente, aínda que o pleno aínda durou máis, contestando as preguntas de Valín (algunhas) e non o vin rematar.
Pero o pleno non foi a única nova de hoxe. a conclusión do traslado da fábrica de avións a Zaragoza ou o que sexa o único municipio da zona sen limpeza de praias polo momento chama a atención. A outra nova foi o noitebús, pero xa é esto moi longo hoxe.

20060710

Remato de enterarme (3ª de hoxe)

Remato de enterarme de que hoxe se vota para a súa aprobación inicial a nova ordenanza de contaminación acústica. Foi enviada para a súa vista á asoc. de veciños o mesmo día que pasaba pola comisión... así se fan as cousas (neste concello) Aínda non a vin, pero teño ganas de botarlle unha ollada.

Un repaso (2ª de hoxe)

Levaba varios días sen ler a prensa local, e atópome con varias novas que casi me obrigan a referirme a elas: Augasantas non é que non teña bandeira azul, é que hai que prohibir o baño por non ter nin vixiancia... (algo xa falara a semana pasada...) así, non creo que prospere a petición en Ejuropa da bandeira, como pretendía o alcalde.
Hoxe comeza o campamento de Amadores da Música coa temática musical. De seguro falaremos máis del: é unha expereiencia este a no que ten moi boa pinta.
Os xulgados provinciais, a tope. Non é de extrañar; só de Ribadeo, de xeito público, saen casos a montón.
E mentras volve xa Mar por Medio, como toca verán, toca a potenciación turística e non os criadeiros de peixe... é algo curioso. a ver se no inverno no cambia de novoa cousa.

Un éxito (de reparto)

Polo que parece, o libro sobre o Ribadeo posible realizado polo Tesón ten moita xente que o quere, tanta que hai que poñer cota para telo para os socios. E pregúntome, quererán telo como lembranza, porque trata de Ribadeo, como un obxecto turístico, ou porque é diferente e induce a pensar noutras posibles diferencias que poderiamos ter en Ribadeo hoxe? Moi posiblemente será algo do primeiro, pero, ó mellor, o libro ó velo fai pensar un pouco sobre o segundo. Sería algo así como 'obxectivo conseguido'.
En fin, a ver se agora ven unha tempada de escritura diaria do blog, aínda que non sexa antes das oito da mañá.

20060703

De amaños e consideración

Onte vin algo que non sae normalmente nos periódicos: a máquina de limpeza deixou un rego de pingas de aceite polas rúas (véxase esta mañá, por exemplo a r. San Francisco). Tamén, no mesmo parque, observei que o seto vai parecendo mortecino e asoballado.
Agora, veñen os pensamentos: a máquina non é a primeira volta que es estropea, e eso de ir deixando pingas que manchan dun xeito abondo duradeiro a nova calzada, é normal?
En canto ó seto, hai uns meses querían quitalo para ampliar o aparcamento por aí, e a protesta veciñal parou o tema (xunto cunha oficina de Lugo, o parecer, que se non, xa veriamos). O telo abandonado, sen renovar, con furados, e con árbores crecendo polo seu medio, algún de algura superior á miña e outros moitos dunha altura inferior, non será voltar a intentar que o seto desapareza por outros medios?
Mentras, o parque de bombeiros segue a estar pechado / bloqueado / sen acordo. Teremos incendios e lamentarémolo, pero seguiremos a botar a culpo ó do lado, igual que ven sendo. Habería que preguntarllo a alcaldes, Deputación e demáis, pero non fai moita falta, cando se tiran os trastos por esto e outras cousas nos periódicos.
Por certo, que parece que nos EEUU xa entrou de pleno a era dos blog nas primarias para a elección do Presidente. Aquí é de supoñer que nos iremos sumando pouco a pouco, pero o caso é que esa irrupción sexa positiva, e para selo, coido que necesita ir acompañada de concienciación cidadá, e de participación da cidadanía. Verémolo.

20060701

Música e músicos, e outras artes


Onte foi o concerto de fin de curso da escola municipal de música e danza Hernán Naval no auditorio Carlos Álvarez, ambos de Ribadeo (resño de novo que ningunha das dúas entidades ten o nome oficial polo momento...). Pachelbel con Tachaikovski, Jo Vlies, Abba, Mozart, conxunto da Un. de Berkeley... arranxados en algúns casos, como no de Martín Bucki ou Prisco. O auditorio foi outra volta o 'auditorio de Playmóbil' do pequeno que se quedou. Nese auditorio sobrecargado e sobrequencido desenvolveuse un acto no que participaou todo o mundo que alí estaba, porque a escola quere saír de si para chegar ó pobo, e háo de conseguir. de pronto, nunha semana comeza o campamento feito en conxunto con Amadores da Música, para comezar o verán sen esquecer o que se fixo musicalmente polo inverno. Como dicía a estrofa entoada polo público e coro na última parte do festival de ont: "... quitarse los miedos, sacarlos afuera,pintarse la cara color esperanza, tentar al futuro con el corazón". Pois en esa liña, ánimo!
E hoxe, presentación de dous libros. O primeiro, o de O Tesón, esta mañá, e ó que correspodne a imaxe, que xa se comezou a repartir entre os socios no mesmo acto de presentación (non estará las librerías á venda). Os autores falamos un pouco da nosa idea do libro, do título e da foto de portada: un Ribadeo en transformación no que cada decisión conta, polo que hai que tentar tomalas con serenidade e coa vista no futuro. tamén se leeron unhas verbas de Pepe para o acto. O segundo, esta tarde, a cargo de Gonzalo Moure, na Casa das Letras.
E polo demáis, como se dí na rúa, 'xa estamos todos', Ribadeo a tope. Ti estás a tope?