20051009

Visións de Ribadeo

Esta foto da rúa peonil de Ribadeo non estaba pensada para aquí, pero ó vela veume á cabeza unha imaxe: a de ribadeo en negro en en cor, un Ribadeo que sucede con certa frecuencia e no que uns pucos están 'iluminados' e os outros se ven reducidos á 'escuridade'. Exemplos? O primeiro que se me ocorre é o ruído nouturno, a consecuencia do que uns din recoller beneficios e os outros non poden durmir.
A continuación, un artigo o antigo blog, antecesor da crónica de febreiro de 2004 aparecida despois en Ribadeando (no libro):

"Outra entrada
Dicía un anuncio "tódolos días un plátano". Dicía Sta. Teresa de Xesús "a paciencia todo o pode". E digo eu, que se esas citas e outras polo estilo son certas, débese de insistir tódolos días. por eso, un anticipo en borrador dun artigo que espero apareza pronto en "pensamentos":
Febreiro dende a Atalaia
Nun ano, os meses van detras uns dos outros sen discontinuidade. Continuando en Ribadeo, despois de Xaneiro, ven Febreiro, que comeza como se de Maio se tratara (temperatura, ceo, frores...), co que dar unha volta pola Atalaia permite disfrutar á vez dun bó tempo, unha vista magnífica e o progreso das obras no porto deportivo, chamémoslle de Porcillán. Lentas pero continuadas (as obras...), como este mes parece pedirlle ó corpo en medio dun inverno normal, que non neste con temperaturas de xullo e de Siberia, alternadas de xeito rápido. O tempo inestable tamén parece unha sinal, algo que fixo marcar unha diferencia con Xaneiro: saíu á rúa un boletín do PP onde se fai queixa de exactamente catro cousas, pero que significa algo que o mes anterior non quedaba claro e que abre a porta ás eleccións xa próximas para Congreso e Senado: o dereito da oposición ó pataleo, sexa co base ou feito nas nubes. E parece que cara a esa cita electoral pasaron moitas cousas no mes: dende o antroido, onde a penetrou moi debilmente en comparación coa boda real, pasando polo Sergas, que anuncia na prensa a disposición do posto de pediatra, ó comezo de campaña, con dous mítins xusto ó comezo da da movida campañera. Aí tamén estivo presente o fracaso de fitur (segundo algúns) aireado na prensa do mes. E fóra do mes, unha primeira pedra política polémica, da que haberá que falar en Marzo. Rematou febreiro cun derrubio por sorpresa que a algún deixou branco para todo o día: o do edificio onde se atopaba a Farmacia de Nieto, que para evitar males maiores rematouse a golpes retrasando o mítin do BNG e cortando a rúa que din as malas linguas que fora cortada xa con anterioridade na viciñanza, pode que para evitar o derrubio do propio mítin. Noutra orde de cousas, xa se puxeron en marcha as escolas municipais e estase a desenvolver a “Oferta Cultural” do Concello, con curtos, actividades para nenos, ensino deportivo... ¿Marcha Ribadeo? É preferibe iso a Marchar de Ribadeo, e tamén á Marcha en Ribadeo. De calquera xeito, andan as augas movidas pola avaliación preelectoral. Traase de voltar ó revés aquello de que en augas movidas péscase ben: neste caso, axítase a auga para pescar, e, ás veces, péscanse... botas ou calquera lixo. A curiosidade de observar as correntes no remate da obra do Porto Deportivo sería unha alternativa ó tedio en contra do progreso da vila. E non é ironía: contemplación de obras como matar o tempo por falta de expectativas. E rematamos sen música máis que electoral, a pesares que precisamente co gallo desas eleccións fora lembrado Hernán Naval como antigo candidato. A banda ténnos desasistidos despois do concerto de reis, e o turismo un pouco esquecidos despois de Fitur, pero a continuidade dos días e os meses nótase. Marzo e as eleccións dan un certo formiguillo ó ambiente. Verase.
Antonio Gregorio Montes
... Xa veremos en que queda..."

(O anterior tamén era da entrada vella!)

20051008

Axuda na rede


Hoxe deixo Ribadeo con novas para mañá. Quero adicar o espazo a dar grazas a quen me axudou na rede. Adxunto un pantallazo do listado da lista de usuarios Debian en español no que aparece o montón de respostas que obtiven en pouco máis dunha hora sobre unha actualización de paquetes. Gracias a todos eles. ... pode que sexa algo que deberamos aprender en Ribadeo: a colaboración e a axuda sen fastidiar ós demais.

20051006

Hernán Naval, hoxe


Vai poucos días que atopei no mostrador da Escola Municipal de Música de Ribadeo ('Hernán Naval') un díptico que, a falta de comprobación, coido que sería o próximo concerto que Hernán Naval nunca chegou a dirixir co coro e Big Band da agemm. Así parece do dato que indica que Hernán tiña pensado gravar ese ano dous CD coa BSMR, aínda que non aparece o ano de celebración do concerto por ningures.
---
Do antigo Blog:
Unha visión. Negativa?

Poño o seguinte con medo de ser moi negativo, negativo de máis... tentarei compensalo noutro momento; tómese como un estado de ánimo... e, se hai algún lector coñecedor desta realidade Ribadeo e opina que algo non é certo (sempre nos podemos equivocar, e gustaríame que fora así) por favor, que mo comunique por correo-e para facer a corrección inmediata.

Ribadeo

Estamos en Ribadeo. Rúas levantadas, en aras do futuro que representa o gasto duns fondos europeos para reparar unhas rúas. Ribadeo, onde polo momento van cinco meses preguntando polos criterios de revisión dos locais nouturnos (e que si queres arroz, Catalina). Seguimos en Ribadeo: un devolto á porta dun garaxe segue hoxe, mércores, dende o sábado noite 'fever' sen baldear e cheirando (vai diminuíndo, cheiraba máis o domingo). En Ribadeo, si, onde despois de sachar por séculos un pedazo pequeño de terra descúbrese por casualidade un retazo da antiga muralla. No mesmo Ribadeo no que días despois de encabezar unha manifestación multitudinaria contra o recheo, o Alcalde pasa a apoialo, mentres outro punto fundamental do apoio, o Patrón Maior, pasa a calar e seis meses despois recibe unha axuda/subvención... (a forma non importa moito) de 12000euros (2.000.000 das antigas pesetas). O mesmo sitio onde os 900millóns de pesetas que deixaron de débeda os populares pensan ser reducidos diminuíndo as festas en cantidade (suponse que tamén en calidade), ó tempo que pasa a haber dúas liberacións por adicación ó Concello, subidas de máis do 50% nalgunhas taxas sen mellorar o servicio e aumentos de 600euros para algúns funcionarios (que non para todos) que quedarán cristalizadas a pesares de ser calificadas en función da productividade. O mesmo Ribadeo no que de pronto aparecen máis pisos nos edificios e máis casas, pero parece que as rúas seguen tan estreitas coma sempre e máis cerradas que nunca. O Ribadeo dos ruídos nouturnos, que xa cumpriron o decenio de protestas no medio dun aumento de vigor de xeito continuado. O Ribadeo onde unha discoteca leva anunciado todo o mes de maio 'aberto ata as 8 da mañá' sen que pase nada aínda que se salte á torera os horarios de peche, aínda aumentados este ano. O Ribadeo onde se retirou uns meses unha alfombra esvaradiza de goma para voltar a poñerse de novo. O Ribadeo que protesta pola externalización de servicios e vai externalizar máis. O Ribadeo que se ve dende a cúpula do observatorio de Sta. Cruz, pechada e sen amañar dende fai máis de seis meses. O mesmo Ribadeo que ten ordenadores ó servicio do público desaparecidos á vista do mesmo dende fai anos sen ou con internet. O mesmo Ribadeo que non ten polígono industrial e di que o vai ter... o mesmo que se dicía fai máis de vinte anos. O Ribadeo onde se propón que os plenos se rematen con preguntas dos asistentes e hai posibilidades de que se faga antes do próximo século. Si, o mesmo ...

Xa abonda. Lector, podes seguir ti, que a bon seguro no maxín tes cousas polo estilo que eu descoñezo. E, se non sabes abondo, pregunta. E lembra, lembra para o futuro, ese que pretendemos que sexa de tódolos ribadenses.

Mentres, lector, por se hai dúbida, quero que quede craro que quero a Ribadeo e que faigo por el, por nós, o que creo que podo.

Wednesday, May 26, 200404:23 p.m.

20051005

Unha curta: Ribadeo, en 'A nosa terra'

Hoxe por casualidade vin que este blog está ligado direitamente na páxina de A Nosa Terra. Moitas gracias, nosaterranos!

Minitesón

Coido que a algúns gustaríalles que o tesón, os tesóns da ría, foran do tamaño do que se ve na foto, o tesón de Mirasol a piques de desaparecer pola suba da marea.
O caso é que os temas se me van acumulando sen tempo para poñer moito novo, e é que en Ribadeo prodúcense realmente moitos temas para tratar, saian ou non nos periódicos, pois son moitos os que non ven a luz pública ben por ocultación, ben por seren difíciles de tratar, ben por... aquí deixo un esbozo dun artigo que teño entre mans e que non fago máis que comezar:
"Passa contigo, tío?
Unha expresión de típico colegueo pode ser interpretada de diferentes xeitos. Por exemplo, un interese verdadeiro no que está a facer o 'tío'. Tamén, pode interpretarse como unha petición de aclaracións sobre algo que non se ve claro, ou que se interpreta polo demandante como inoportuno ou contrario. Pode ser tamén un saúdo. De calquera xeito, non está ben visto usar esa expresión segundo en que ambientes. Por exemplo, ó sr. Alcalde de Ribadeo. Ou, no seu defecto, á estatua do Marqués que está dando un xesto ben do estilo da frase que da título ó artigo.
Nembargantes, gustaríame poder interpelar nos tres sentidos antes citados ó sr. Alcalde (xa que o Marqués non creo que respondera). Gustaríame facelo nos tres sentidos ó tempo para que non se me interprete mal: saudalo, preguntarlle que se está a cocer no Concello e tamén para clarificar algunha cousa. A modificación que pronto sufrirá o parque, o estudo do propio concello sobre a conveniencia ou non da planta de acuicultura de Rinlo, o por que non se decide a tratar o PXOM dende unha perspectiva poñendo as liñas xerais do Ribadeo que se quere antes de comezar a planificar sen xeito, ..."
En fin, o tesón seguirá a crecer aínda que non saiban xa para onde quitar a area, nun traballar por traballar que parece que só beneficia a quen leve a correspondente ganancia ou comisión por facer os traballos (a lembrar que o alcalde/o concello recibe unha porcentaxe por obra...)
---
Do blog anterior:
"1. Dende o pasado día 4 de xuño ata o próximo día 15, na oficina de Turismo de Ribadeo está exposta a mostra 'A ciencia ten nome de muller'. A exposición está adicada ás mulleres científicas ó longo da historia. Consta de unha introdución ó tema, un listado de biografías tratadas, as propias biografías agrupadas en diferentes apartados e dentro de cada un ordenadas por datas, e un apartado de conclusións en relación coa ciencia e as mulleres. A Exposición ten sido exposta con anterioridade en Ribeira, Narón, Ferrol e Noia, e está previsto que continúe o seu periplo no outono en A Coruña e outros lugares. A mostra, realizada no IES Porta da Auga a raíz dun proxecto Comenius 1, está organizada polo colectivo de mulleres 8 de marzo e o CIM de Ribadeo. A entrada é gratuíta. 2. O sábado 11 de xuño, ás 12 horas no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo terá lugar a presentación do libro 'Ribadeando. 2004. Ribadeo de 1X a 31-D' de Antonio Gregorio Montes, quen será acompañado na presentación de Amadeo Arango e José Mª Rodríguez. O libro é unha crónica de Ribadeo ó longo do 2004 narrada dende o punto de vista do autor. Invítase á asistencia ó acto."
... ata mañá.
Thursday, June 9, 2005 02:49 p.m

20051003

Eclipse en Ribadeo

Hoxe houbo eclipse en Ribadeo. Comezou ás 9:38 e finalizou á 12:17, tras pasar por unha cobertura do sol do 95% e unha diminución de luminosidade solar do 89%.
Aquí unha proxección da eclipse sobre os tellados ribadenses, pouco despois do máximo.
O próximo eclipse solar tardará en verse en Ribadeo. este aproveitouse. No Porta da Auga pasaron tódolos alumnos a velo, ben por filtro, ben por proxección. e todos sentiron tamén o frío a pleno Sol dun día despexado.

20051002

Un novo edificio, un novo descuido de mantemento

Xa está aberta a baixada do novo edificio de portos na dársena deportiva. A parte da baixada, ofrece a súa terraza (en realidade, as súas terrazas) para disfrute dunha boa vista, case tan boa como a que se tiña antes dende o chamado mirador de Calvo Sotelo. Non me gusto moito o edificio en si, nin que veña aparexado ó recheo en Mirasol, por exemplo. Nembargantes, as terrazas e a escaleira non están tan mal, ou ó menos on o estaban, pois como sepode observar na segunda foto, xa gozan dunha desatenció que esperemos que sexa temporal: a maleza avanza.
Non é un caso episodico, por desgracia é abondo común neste noso Ribadeo que se fagan cousas, ben ou mal, e logo se deixen semi abandoadas no seu coidado diario. Exemplos non faltan, dende a zona de recreo de Vilaframil ó mirador do cargadeiro...
Un comentario sobre economía nun periódico de hoxe chamou a miña atención. estudando a competitividade dos países, a española baixou este ano da posición 23 á 29 na lista mundial oreada segundo ese criterio. A razón do mal posto de España (creo que só entran algúns países, non os 200 do globo) parece ser que ven do retraso en dous factores: a eficiencia, baseada ó seu tempo en innovación e coñecemento, e a cohesión, baseada na calidade das interaccións, esforzo e esixencia mutua entre os 'axentes que compoñen as sociedades'. A aplicación a Ribadeo de ditos factores non da un bó resultado: a innovación en Ribadeo diría que non existe, mentras que a 'política de coñecemento' está desaparecida en combate. Alguén pode dicir que o Concello non ten facultades para rexir minimamente esas cuestións. Tampouco parece preocuparse de suplir, reclamar, etc, a xestión nestes campos. En canto á calidade das interaccións, un apartamento entre a estructura do Concello, comezando polo alcalde, e o resto da sociedade, xa foi denunciada vai tempo e non parece que mellore grandemente, pois se se deu algún paso positivo tamén houbo pasos atrás. O esforzo desapareceu en combate, e é arduo na actualidade esixir ós estudantes un esforzo: é o que están vendo a nivel social. En canto á 'política de esixencia' do concello parece baseada en que 'eu non te esixo, ti non me esixas', e pode darse multitude de exemplos.
Mentras, no mundo, Alemaña intenta formar unha grande coalición entre os dous partidos maiores para saír do impasse tras as eleccións, e Indonesia intenta recuperarse despois dos atentados de Bali que costaron 25 mortes.

20051001

Visións de sábado

Un sábado de orballo e ás veces algo máis. Despois do día en que caeu a grúa en Vilaframil nas obras da autovía, ver en que se está a converter a ampliación-recheo da parte norte de Mirasol... deprime, ó ver que o empregan como repositorio de area tras botar terra e pedra apra facer unha base, tras reitrar 100m de peirao, en espera de botar a area onde lles caiba (e queran metela), porque a ría hai que dragala, que no están pola labor do porto esterior, porque as labores de draga e demáis dan cartos, e o exterior xa se fará máis adiante, que haberá que facelo (como sabe todo o mundo...). Parece unha alegoría a foto: nubarróns sobre Ribadeo e a ría.
Nubes máis baixas, néboa de lume, é o que teñen sobre L.A., por un incendio dunha fronte de 25km que ameaza zonas residenciais de alto custe. Os árabes estarán dicindo que é parte do castigo divino para os EUA... Aínda que máis achegados a nós, o exército vai gardar a fornteira para que non entres migrantes, si, deses que morren a tiros ó tentar de curzar a barreira do que consideran un paraíso para eles.
**
De http:agremon.pitas.com:

Monday, January 3, 2005 01:41 p.m.

Adiantamento contra recheo: Nadal en Ribadeo
Uns reis anticipados permitiron a apertura da travesía da Avenida de Galicia ó comezo dun mes no que as verbas trocáronse, unha vez máis, para tratar de que significaran outra cousa diferente da realidade. Abriuse a rúa cando os baixos do edificio causante do peche xa estaban construídos, e aínda segue invadida a calzada e a pasaxe veciña. Dun xeito máis patente se cabe, no cartel que apareceu en Mirasol para indicar obras, pódese ler “adiantamento do peirao” e non “recheo da ría”. Hai que comprender que o anterior recheo ten moi mala prensa, e non debido á paisaxe semi luar que alí se foi creando estes últimos tempos coa acumulación de montóns de terra, pedras e area, substitutiva do armacenamento dos barcos na invernada pasada. Postos na beiraría, as obras continúan en terra e no mar, co novo edificio de Porcillán levantando columnas e o dique seco a punto. Unha nota: o 31 de decembro había atracados 15 pesqueiros na rada, 7 na parte sur “recheable” e 8 na norte, que libra polo momento.
Mellor rir. Pode que por eso se realizara o taller de risoterapia como colofón das xornadas contra a violencia de xénero. Ou porque afortunadamente fora desarticulada a 'pasarela catro calles' en medio da choiva que a facía intransitable, evitando sorrisos malintencionados por caídas alleas.
Tamén distendido foi o mercado de Nadal... na ponte da Inmaculada Constitución e con éxito de asistencia.
Decembro deu a renovación das directivas das dúas asociacións máis numerosas de Ribadeo: Amadores da Música e Clube Náutico. No primeiro caso, só se presentaba unha directiva de continuidade, con membros novos incluídos, pero con base no antigo equipo. No Clube náutico eran dous grupos os que se enfrontaban, resultando electo o equipo que marca a continuidade só por 258 contra 250 votos.
Falando de agrupacións, parece que houbo que facer unha mesa conxunta para que a alcaldía levase a efecto a contestación nos plenos ás preguntas das asociacións, con regulamento xa aprobado en setembro. Unha boa noticia que representa aínda un débil balbuceo na participación veciñal.
Para remate do ano, Ribadeo mediático: unha gravación dunha curtametraxe, colofón do curso sobre cine que se mantivo na derradeira semana, fixo posible que os ribadenses aprenderan as técnicas básicas da arte. Con outras miras, está a punto de abrirse a nova rúa semi peonal en Reynante e a distancia aínda a apertura da nova casa da mocidade; a carreira de fin de ano puxo un toque deportivo á vila, con participación de moitos veciños, mentras a derradeira noticia en Ribadeo foi que o xulgado decidiu que o convenio dos empregados municipais era axustado a dereito.
As noticias de algo máis lonxe trouxeron os ecos da polémica do discurso do Rei mentras o plano Ibarreche segue adiante e no Parlamento vasco falla oportunamente o sistema de votación electrónico. No extranxeiro, Iraq faise intransitable sen importar: as eleccións faranse de calquera xeito para que sexa un governo iraquí quen asine contratos ás empresas norteamericanas e calquera governo posterior non poda alegar en contra que foron as autoridades de ocupación quen asinou a venda do país. A Constitución Europea espéranos á volta da esquina, pero polo momento é unha descoñecida, ó contrario e moito menos salientable que o maremoto que deixou a desolación no Índico, con máis de 150000 mortes.
Entre moitos bos desexos para o novo ano 2005, esperemos que se extenda entre os veciños a participación na defensa dos seus dereitos e dos de Ribadeo: a Deus rogando e co mazo dando.