Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta xuizo. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta xuizo. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240820

O futuro próximo da Illa Pancha

Foto subida por Lamasuela a Wikimedia Commons. A illa no 2017. Lic. CC BY SA 4.0

O futuro próximo da Illa Pancha

    Neste mes de agosto todo o mundo fala de masificación: é un feito que se non se adoptan as medidas pertinentes para xestionar a riada de visitantes, Ribadeo corre risco de morrer de éxito como tantos outros lugares da costa mediterránea, idílicos hai décadas, hoxe arrasados por un turismo recibido sen un control específico.

    No marco desta evolución un tanto desatada da nosa comarca, convén lembrar que no tema da illa Pancha xa temos entrado no ano final da concesión asinada o 30 de xuño de 2015 que autorizou a súa explotación privada para montar dous apartamentos turísticos no antigo faro por un periodo de 10 anos, prorrogable outros cinco, e que este pode ser un punto de inflexión clave para preservar a nosa costa e patrimonio natural e cultural.

    A asociación «Por Nuestro Faro» naceu coa vocación de defender o que era un símbolo de Ribadeo na conciencia popular, e un enclave único, avalado concretamente pola Rede Natura 2000, declarado zona LIC (Lugar de importancia comunitaria) e ZEPA (zona de especial protección para aves), sen esquecer que o seu marco preservado e salvaxe ten feito que a súa imaxe se teña reproducido en infinidade de ocasións por fotógrafos, pintores, e artistas de todo tipo. A defensa que desenvolveu «Por Nuestro Faro» arrincou con motivo da decisión arbitraria de poñer unha illa cerrada e preservada a disposición dun particular para explotala: unha nova mentalidade mercantilista banalizaba sen complexos o respecto e a protección do patrimonio ó desacralizar un lugar «intocable» até entón.

    Pero á marxe do mito que cada quen vexa nese lugar, a realidade concreta é que aquel espacio público, que permanecía cerrado, dicían, por motivos de seguridade, nin foi vendido ó mellor postor, pois non houbo concurso público. E o pobo de Ribadeo decatouse polos xornais: o goberno español do PP déralle a volta á lei que prohibía explotar os faros, un mes despois a entidade Puerto de Ferrol-San Cibrao presentaba a concesión asinada, e o entón alcalde de Ribadeo polo BNG, Fernando Suárez, congratulábase polo «premio» (sic). As palmadas mutuas das institucións propiciaron que o impensable se convirtira en banal e que «Por Nuestro Faro» se comezara a procurar o por que daquel volantazo no xeito de entender e xestionar a illa Pancha.

    Os que teñan seguido o tema lembrarán todos os esforzos deste colectivo para que a pouca información que se nos daba (a cuentagotas) saíra á luz. O Defensor del Pueblo nos seus 8 comunicados deu a razón á asociación, ante o oscurantismo e irregularidades do proceso, recomendando deter as obras e cerrar o negocio mentres non se presentase ó menos o preceptivo informe medioambiental. Mais nada en todos estes anos puido coa resistencia férrea das institucións, que permitiron que obras e local seguiran adiante, e que nas mesmas condicións, autorizaran a entrada de palas escavadoras para a instalación dunha cafetería coa súa terraza exterior con tarima e barandas e proteccións sobre varios niveis. A día de hoxe nin se sabe se existe un informe de viabilidade económica ou se xeneran algún beneficio esas dúas suites que se publicitaron como o negocio do sécuo, coa panacea dos postos de traballo que xeneraría e que ó final quedou en un.

    A asociación «Por Nuestro Faro» denunciou en múltiples ocasións todos os puntos escuros do proxecto, incluíndo a situación precaria da fosa séptica que quedou sen legalizar durante 9 anos, finalmente legalizada baseándose en documentos obsoletos. Pero as nosas alegacións non se tiveron en conta porque nada, repetimos, nada, ten podido impedir que o proxecto atado e ben atado por varias mans se desviara nin un ápice da traxectoria planificada. Ó contrario, serviu para que varios membros do colectivo e as súas familias foran ameazados e intimidados en plena rúa só polo feito de denuncialo, mesmo a empresa promotora levou a xuizo a un membro da asociación por ter mencionado a posibilidade de que houbera prevaricación, xuizo que a empresa perdeu.

    O periodo de concesión de 10 anos da illa Pancha chega ó seu fin dentro duns meses sen que o novo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, se teña manifestado ó respecto dende a súa toma de posesión hai un ano. E a posibilidade de prorrogalo por cinco anos existe. Por iso enviamos hai poucos días un correo á Xunta de Galicia, cuxa Consellería de Medio Ambiente, en resposta ó Defensor del Pueblo, comprometeuse a estudar os efectos de todo proxecto futuro sobre os espacios da Rede Natura 2000. Tamén escribimos ó Concello de Ribadeo, e esta semana farémolo á entidade Puerto de Ferrol-San Cibrao.

    Dende «Por Nuestro Faro» denunciamos a normalización da explotación privada dun ben público, e o adoutrinamiento indirecto das nosas xente nova na idea de que todo pode mercarse e venderse. Esiximos o cumprimento da lei, e o respecto das figuras de protección que deberan preservar a illa Pancha, en concreto que se reclame o estudo de impacto medioambiental, e que se estude o expediente que permite que, a pesar de todas as irregularidades constatadas e as resolucións do Defensor del Pueblo, a explotación dese espacio siga desenvolvéndose imperturbable a día de hoxe. Pedimos que, en caso de que se solicite unha prolongación da concesión hoxe en vigor, se garanta o cumprimento dos puntos antes citados, e se manteña informado ó pobo de Ribadeo de todo trámite, solicitude ou autorización que teña que ver con este lugar emblemático, patrimonio natural e cultural de todos os ribadenses.

    Como asociación e como ribadenses, queremos desexar para a nosa illa Pancha un uso público que protexa a súa identidade, a súa esencia e o seu entorno, e un futuro en cuxa construción participemos todos.

Covadonga Suárez, A VV Por Nuestro Faro

20221102

INFORME DA COMISION EPECIALIZADA DE NOMBRES GEOGRAFICOS (CENG) SOBRE A RIA DE RIBADEO. Evaristo Lombardero Rico

 

INFORME DA COMISION EPECIALIZADA DE NOMBRES GEOGRAFICOS (CENG) SOBRE A RIA DE RIBADEO 

 

    A mediados de outubro o Instituto Geográfico Nacional remitiunos o último informe da CENG sobre este asunto. En La Comarca del Eo do día 22 (Ribadeando 19 de outubro) publícase un extenso artigo de Pancho Campos ao que non temos nada que engadir dende o punto de vista informativo. Debe suliñarse que o informe da CENG non é unha resolución administrativa. A CENG é unha comisión asesora do IGN e os seus informes son preceptivos, pero as resolucións definitivas son competencia exclusiva da D.G. do IGN. A D.G. do IGN deixou en suspenso a sua anterior resolución o día 25.5.22 diante dos recursos de alzada presentados pola Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo, a Plataforma de Mariños de Ribadeo e outros e solicitou un novo informe motivado da CENG previo á nova resolución administrativa que deberá ditar cando proceda. En síntese, a decisión do IGN aínda está no aire e, como veremos mais adiante, é moi importante ter claro o procedemento administrativo para  entender o papel que xogan (xogamos) os distintos actores de este proceso. Na fase actual os recurrentes fomos convocados a presentar “documentos y justificaciones” fronte ao informe da CENG, cousa que fixemos dentro do prazo legal de 10 días. O noso escrito  está colgado  na páxina web de Antonio Gregorio “Ribadeando”.  

    Aquí ímonos referir a dous aspectos concretos do informe da CENG que poden dar unha visión mais completa de por onde van os tiros. 

    No parágrafo cuarto da segunda páxina pode lerse o seguinte: 

“… el hecho de que el topónimo “Ría del Eo” aparezca registrado en documentos de carácter oficial, al menos desde 1871, constata un uso extendido de este nombre ya en el siglo XIX, lo cual es muestra de una tradición en absoluto reciente.” 

    Deixando claro que non se trata de “documentos” senón dun único documento, a nosa opinión é que este achádego só demostra que unha persoa o escribiu no seu día pero de aí non se desprende que tivese un “uso estendido” nen moito menos. Calquera pode entender que se existen outros materiais historiográficos que acrediten o suposto “uso estendido” que presume a CENG debería citalos ou dar algunha referencia orientativa que permita contrastalos, pero afirmar que polo arte de birlibirlo  un só documento “constata un uso extendido de ese nombre” non deixa de ser unha afirmación gratuíta incomprensibel. Na nosa percura de mapas e documentos que xa publicamos, atopamos cinco escritos do século XIX onde aparece a denominación “ría del Eo”. En ningún deles figura con carácter nominativo. En catro aparece en primeiro lugar a denominación “Ría de Ribadeo” sempre mais resaltada. En un deles, encabezado pola “Ría de Ribadeo”  figura un texto descritivo onde pode lerse “ría de Castropol” e “ría del Eo” e so atopamos un documento onde aparece exclusivamente a denominación “ría del Eo” (Recuerdos y Bellezas de España. Parcerisa. 1855) onde di  “Castropol, villa asentada en la ancha ría del Eo”. Engadir que non atopamos ningún  mapa ou carta mariña do século XIX nin anteriores onde figure a “Ría del Eo”. Todos estes datos foron remitidos ao IGN nos nosos informes e recursos e están publicados en La Comarca del Eo e no blog Ribadeando.  

    En resume, a CENG atopou un documento oficial de 1871 onde aparece a denominación “Ría del Eo” e de ahí saca a conclusión de que ese topónimo estaba estendido naquel tempo.  

    O segundo punto que desexamos comentar atópase na segunda páxina, párrafo 5º do informe da CENG onde di: “el topónimo “Ría del Eo”ha adquirido un carácter tradicional y un uso incluso mayoritario en la margen asturiana de la Ría”. 

    O que queremos discutir desta afirmación non é a opinión, sempre respectable no plano persoal, que cadaquén poida ter desta cuestión, senón o feito de que en un informe con pretensións de rigor científico, non se pode – on no se debe - verquer opinións personais que non están contrastadas con estudos sociolóxicos rigorosos, so pena de poñer en ridículo á institución que se representa. 

    Para explicar de onde ven o mantra do uso maioritario da denominación “Ría del Eo” na bisbarra oriental de Asturias temos que remontarnos ao ano 2006. No mes de marzo de ese ano o goberno do Principado de Asturias comezou a dar os pasos para “poñer en valor” político o tópico da Ría del Eo. Así pois o día 6 de Abril acudiu a Vegadeo D. Carlos Madera, Director Xeral de Cultura, para anunciar a creación de unha comisión de “expertos” que estudiarían cal era o nome correcto da ría, si “del Eo” o “de Ribadeo”. Ao mesmo tempo xa se decantaba sen ambaxes, e declaraba que o nome correcto era “del Eo”; ou sexa a sentenza xa estaba ditada antes de comezar o xuizo (para escépticos están as hemerotecas). Constituída a comisión de “expertos” os seus traballos foron publicados pola Consellería de Cultura en maio de 2007 nun folleto de 57 páxinas que leva por título “Ría del Eo. Informe y conclusiois” (en galego de Asturias). Nese folleto aparecen tres artigos con pretensión de enquisas que non son senón 87 entrevistas persoais a veciños de algúns concellos da bisbarra galaica asturiana (0,11 % de 70 000 hab) das que se tira a conclusión de que a denominación “Ría del Eo” é maioritaria no occidente de Asturias. De aí nace este mantra que agora recolle a CENG sen contrastar a súa procedencia, nin aportar ningún dato obxectivo que o acredite. En realidade as supostas enquisas no son tales, nin a poboación foi estratificada, nin se fixeron unas preguntas concretas e sinxelas por escrito, nin se garantiu o dereito á intimidade, en fin calquera semellanza con unha metodoloxía de enquisa obxectiva foi pura casualidade. As supostas enquisas só foron entrevistas a persoas elixidas arbitrariamente polos entrevistadores que non son representativas e que nin tan sequera tiñan a opción  “non sabe non contesta”. As conclusións publicáronse nas correspondentes xornadas culturais e nos medios quedou a mensaxe de que tras un estudo de un grupo de “expertos” estaba demostrado que no occidente de Asturias etc. etc. En realidade unha lectura polo miúdo dos tres artigos devanditos demostra que nin tan sequera con este método tan peregrino se acadaron as conclusións que se pretendía, porque a maioría dos entrevistados respostan todo tipo de variantes e transmiten tantas dúbidas que non hai posibilidade real de sacar ningun resultado. Pero o Sr. Director Xeral de Cultura xa sabía un ano antes cal era o nome “correcto” da ría. Folga suliñar que estes antecedentes foron explicados nos nosos informes á CENG e ao IGN. 

    En resume, non hai ningún estudo sociolóxico medianamente serio que acredite a declaración da CENG de que o uso da denominación “Ría del Eo” é maioritario na poboación do occidente de Asturias.  

    Por dicilo en poucas palabras, entendemos que o informe da CENG carece da motivación requirida pola Dirección Xeral do Instituto Geográfico Nacional e, como se pode comprobar, estas afirmacións que serven de base á sua proposta de legalizar a denominación “Ría del Eo” non teñen ningún soporte documental. 

 

Evaristo Lombardero Rico 

 

Ribadeo 2 de Novembro de 2022

 

20130118

O CONVENIO ALCALDE-EON EMPEZA A FUNCIONAR - artigo de Evaristo Lombardero

O pasado venres 11 de xaneiro de 2013 varias máquinas dunha empresa contratada por BEGASA-EON entraron nos montes de Piñeira e As Anzas e comezaron as excavacións e movementos de terras para construir o tendido de alta tensión e a subestación eléctrica que se ven proxectando dende 2007. Tomemos nota do dato: cinco anos. Ao longo deste tempo e nos próximos meses calquer reclamación dos veciños foi e será respostada ca clásica demagogia: ¡é un proxecto decisivo para o desenvolvemento da comarca¡ ¡vai crear postos de traballo! ¡non se pode retrasar!
Como non podía ser doutro xeito as máquinas entraron por camiños particulares, sen pedir permiso e naturalmente sen avisar aos propietarios dos montes e das fincas afectadas.
Sorprende un pouco mais o silencio do Sr. Alcalde e dos seus corifeos, despois de enchernos os ouvidos cas marabillas que había traguer o proxecto devandito, entre outras vanse acabar os cortes de luz e xerar 400 postos de traballo no polígono industrial. Contentos estaríamos de darlle a razón.
Imos ver moi brevemente algúns antecedentes: No mes de maio de 2008 o concello asina un convenio con BEGASA-EON e outros organismos onde se acorda darlle a esta empresa todo tipo de facilidades. Folga suliñar que de información ao vecindario nada de nada. Este acordo xa desina o que vai vir despois. En xunio do mesmo ano, no periodo de exposición pública do avance do PXOM mais de trinta veciños suscriben unha alegación contra a ubicación da subestación. Resposta: Ninguna. Mesmo a Comunidade de montes veciñais de Piñeira alega polo mesmo motivo. Resposta: Ningunha. No mes de decemebro do mesmo ano 163 veciños de Piñeira, Cubelas e Obe presentan un escrito no concello solicitando información sobre o estado do proxecto. O Sr. Alcalde resposta: non hai nengunha información que dar. Despois matizao: hai información pero non é oficial. Ou sexa é secreta. O día 5 de xaneiro de 2009 aparece, na páxina web do concello, un escrito da alcaldía con insultos e descalificacions. As facilidades a EON empezan a concretarse. Nos meses seguintes EON presenta un proxecto de ocupación de 3 500 metros cadrados nos montes de Piñeira, que mais adiante convírtense en 11 800 polo arte de birlibirloque. O tendido dende Trabada, pasando por Anzas e Obe sofre modificacions que non ninguén xustifica. As sucesivas alegacións son respostadas con evasivas pola administración competente. Por fin o proxecto é aprobado definitivamente pola Xunta e comezan os movementos de terras, ou sexa as obras dun proxecto tan desexado e necesario envoltas nun silencio sepulcral.
Pola sua banda a Comunidade do Monte Veciñal de As Anzas ten interposto un contencioso administrativo contra o tendido e a comunidade Piñeira idem de idem pola ubicación da subestación e leva o mesmo camiño o expediente administrativo polo procedimento de expropiación. Sería moi longo exponer a riola de irregularidades ao longo destes procesos pero imos suliñar duas: 1.- A persoa que representaba á empresa nas Actas de Ocupación Previa (xullo 2012) carecía do poder acreditativo. 2.- O Sr. Alcalde, obligado por lei a presenciar ditas actas non compareceu, como tampouco outro representante legal do concello, pero asinounas en barbecho ao final da mañan. Sen comentarios.
Para rematar un breve comentario sobre as obras que promoven EON e compañía.
No mes de maio de 2006 un incendio forestal arrasou 1 600 Has de monte en Busindre (Valdés). Había un gran temporal de vento. En setembro de 2012 celebrouse o xuizo. Os técnicos do Principado de Asturias declararon que o causante do incendio foi o tendido eléctrico de EON, os veciños afirmaron ver moitas chispas sair do tendido e prender o monte. Os representantes do SEPRONA confirmaron estas declaracions, pero un técnico privado argumentou en contra. A xuiza deixou a EON libre de culpas. Un directivo declarou que os veciños querían facer negocio a costa do incendio. Outro caso: O 13 de setembro de 2012 unha avalancha de mais de 2 000 toneladas de auga, fango e pedras matou a unha muller de 73 anos en Arenas de Cabrales e desfixo casas, cuadras, e camiños. O derrubo procedía dunha canal que surtía un embalse da mesma empresa. Nos días previos unha empresa contratada por EON ensanchara un camiño e reducira a parede da canal que finalmente se derrubou causando a morte da muller o os destrozos devanditos. Polo de agora non houbo xuizo. Non imos extendernos sobre a subestación de Mondoñedo e a sentencia do supremo, poden preguntarlle ao alcalde da cidade episcopal que só está a 36 km de Ribadeo. ¡Tan perto e tan lonxe!.

Evaristo Lombardero Rico.

20120721

A corbeta mercante “BELLA ANTONIA”. Pancho Campos

-Artigo para o libro das Festas do Carme 2012 escrito por Pancho Campos, que espero en breve será acompañado con algún outro relativo á influenza no desenvolvemento da zona e capa da ría que tivo a ponte dos Santos, a punto de cumprir 25 anos (inaugurado o 29 de xullo de 1987)-
Os barcos representan desde a remota antigüedade unha das formas máis avanzadas de medir o grado de civilización en que se atopaban os pobos que os construían. Cretenses, fenicios, exipcios, gregos, romanos, escandinavos e chinos dan mostra nos seus grabados e restos arqueolóxicos, de ser pobos de ámplia civilización e desenrolo no estudio das ciencias, polas súas técnicas de Construcción Naval e como consecuencia das súas navegacións, foron precursores do Comercio Marítimo que abríu as portas do mundo o intercambio de todo tipo de produtos agrícolas e artesáns, extendendose as súas técnicas de cultivo e artesanais, por tódolos continentes. As rutas marítimas abriron as portas hacia o coñecemento máis profundo do saber de outros pobos lonxanos, abriron as portas da civilización mundial.
Sempre me gustaron os barcos e a Historia, e para a miña sorpresa, atopo con que as historias máis entrañables de barcos, están nos mercantes de Ribadeo. Unha lista de 43 barcos mercantes que me amosa o meu amigo Pablo Rodríguez Fernández, “Vivin”, foi a espoleta que fixo saltar a meu instinto de búsqueda das súas historias, todos eles son de Armadores afincados en Ribadeo. Coñecía a súa parte comercial, polo documentado libro de Chemi Lombardero Rico: “O Porto Comercial de Ribadeo”. Pero hai moito máis, de ambiente mariñeiro, e quero destacar hoxe aquí, unha das viaxes da Corbeta mercante “Bella Antonia”, cuxa parte da súa historia marítima dice así:
Corbeta mercante “BELLA ANTONIA” Porte: 309 Tm (TRB) Quilla: 91 pés de Burgos; Eslora: 100’; Manga: 27’; Puntal: 16’; Plan: 18’
(Nota: 1 vara de Burgos = 0,835905 metros 1 pé de Burgos = 27,8635 cm.)
(Características expresadas en escritura de 8 de Febreiro de 1852)
Armadores: D. Antonio Casas // D. Antonio García de Trío da cidade da Habana Constructor: D. José Ron, no Asteleiro de Viabelez.
Mandada polo 2º Piloto D. Agustín Torrontegui
Unha Corbeta de 100 pés de eslora, de mediados do século XIX, arbolaba tres palos: trinquete e maior con aparello redondo ou de velas cuadras, e mesana de cangrexa, con sobremesana e perico redondos. No bauprés catro foques. Era como unha Fragata, pero de menor tonelaxe. As alturas dos palos, según a lexislación Inglesa de 1835, eran das medidas aproximadas seguintes: macho maior: 78’; mastelero maior: 26’; mastelerillo maior: 13’ e para o galope ou mastelerillo de sosobre: 6’.
Resultando unha guinda de: 123’ (pés) = 41 metros (altura desde a fogonadura a galleta do pao). Así o Bella Antonia, non podería entrar hoxe arbolado no Porto de Ribadeo, pois non pasaría por debaixo do mamotreto, fruto da “modernísima” Inxeniería Civil, chamado a Ponte dos Santos.
Por motivos de fletamento ou de tasas, o “Bella Antonia”, en 8 de Xuño de 1852, volve a ser arqueado polo Carpinteiro de Maestranza da matrícula de Rivadeo, D. Antonio Martínez, dando: Eslora: 110 pes de Burgos; Manga: 29’; Puntal: 18’ o que resulta un porte de 402 Tm. Esto é unha tonelaxe 100 Tm. superior ca orixinal. Creemos que esto fora debido a motivos comerciais, pois en casi tódolos barcos, era práctica común o facer unha nova medida de Arqueo, según o flete, viaxe ou tipo de carga a que fora destinado.
E aquí chegamos a reseña documentada, transcrita a letra (sic), que despertou o meu interés por este barco:
“El Cónsul de S.M. (Su Majestad) en Singapur en oficio de 30 de Enero de 1860, remite a esta Comandancia (de Rivadeo) en cumplimiento de lo que previene la Ley 28-octubre-1837, un testimonio en que se expresa la carena y composición que se ha dado en aquel puerto, y su coste, a la Corbeta española “Bella Antonia”, al mando de su Capitán D. José Torrontegui, que llego con Gruesa Avería el 9 de Noviembre anterior (1859) procedente de Manila y salió para La Coruña el 20–Enero-1860”. “El testimonio es como sigue: “Consulado de España en Singapur Nº1, D. Balbino Cortés, Cónsul por S.M. (q.D.g.) = Certifico y doy fe que el día 5 de Noviembre de 1859, se presentó en este Consulado a hacer declaración de Avería el Capitán D. José de Torrontegui de la Corbeta española Bella Antonia, el cual después de cumplir con todas las prescripciones del Código de Comercio, se procedió al reconocimiento pericial de su citado buque y a su composición, la cual consistió: Primero: En reconocer los sitios por donde su casco hacía agua, siendo preciso darle de quilla y desforrarle los fondos. Segundo: Que en ellos faltaban algunas planchas de cobre y que hubo necesidad de cubrirlas con gala-gala y felpa, después de calafateado y forrarlo de metal de nuevo. Tercero: Que la tablazón roída por la broma, ha sido reemplazada con obra nueva de teca y claveteada de cobre. Cuarto: Que se le han puesto al timón dos nuevas hembras de metal con sus correspondientes pernos y Quinto: Que el coste a que han ascendido estas reparaciones han llegado a la cantidad de 3.413 pesos fuertes con 76 céntimos.
Certifico además que se ha entregado al dicho Capitán D. José de Torrontegui todo el expediente original, en el cual consta su tramitación y que ha quedado en esta Cancillería dicho duplicado y auténtico. En 30 de Enero del año de 1860 = El Cónsul de S.M. Balbino Cortés = Hay un sello”. Lo que se anota por providencia del Sr. Comandante de Rivadeo de 2 de Abril de 1860 (Firmado: Palacio)
Como podemos ver, esta Corbeta de 300 Tm de Rivadeo chegaba a Manila, a Filipinas ¡nada menos! e reparaba en Singapur de viaxe de volta. É de suliñar que non atopo ningún barco de Rivadeo, cun viaxe semellante. Os viaxes a La Habana; Puerto Rico; Bos Aires, Amberes, Cardiff, Liverpool, Londres, Terranova, eran os viaxes normales, pero a Manila non era nada normal, pois ¿cal non tería que ser o precio da carga, para que compensara traer algo máis de 300 Tm. netas?. Coloniales seguramente: vaixelas completas e pezas de porcelana fina, mantóns de Manila de riquísmo bordado; mobles e tallas de madeiras nobles de meticulosa filigrana, todas elas xoias da artesanía, ¡un flete chamado de “carga de valor ou preciosa”!
A seguinte nota, da idea do tempo que tardou en facer a viaxe: “El 2 de Junio de 1860 entró (en Rivadeo) la Corbeta “Bella Antonia” procedente de La Coruña”, así que si sale de Singapur 20-Xaneiro-1860, e entra en Ribadeo o 2-Xuño-1860, siñifica que en algo máis de tres meses, fixo a vela máis de 12.000 millas de navegación, pois xa procedía da Coruña, seguramente para descargar o cargamento de Manila, o que lle levaba máis-menos 20 días de plancha ou surto na abra do porto... toda a viaxe casi de un tirón. ¡Casi nada!
E como todo se acaba neste mundo, logo de 16 anos de navegación por tódolos mares do mundo, chega o retiro e dice unha nota: “A solicitud de los propietarios, este buque fue desguazado y desecho totalmente en el Carenero de la Villavieja, previo permiso del Comandante de la Provincia (Marítima) lo que se anota en Rivadeo a 10 de Marzo de 1868. El encargado del Detall (D. Juan Tomás Cucullu Alferez de Navío) (Firmado: Cucullu)”
Reflexionando sobre o antedito, e vista a Historia dos séculos XVII e XVIII e dos máis de 50 barcos mercantes que contribuíron ó Rivadeo próspero do século XIX, recorro con nostalxia as calles do noso Ribadeo antiguo para ver os vestíxios que quedan das casas de Armadores, Capitanes, Maestros Constructores, mariñeiros e da xente que traballaba no porto, para entender que pasou con aquel tempo que trouxo a construcción dos Portos de Porcillán, e de Figueirúa, as vías férreas, o Cargadeiro, as Casas de Indianos e os edificios emblemáticos como a Torre dos Moreno, a Plaza de Abastos, a Granxa Pedro Murias, o progreso e industrialización crecente, as conserveiras de pescado, a fábrica de liño, os aserradoiros de roble, castaño e pino, de Consulados, de Xuzgado de Primeira Instancia...de Academias de Enseñanza, talleres de Pintores e de oficios diversos de artesáns de tódolos gremios.... incluso por aqueles finales dos 1890 se reconstruíu a Terceira Órden e o Convento de S. Francisco, en fin, un pobo en progreso crecente... e por desgracia, chego a conclusión, de que nunca máis volverán aqueles tempos, pois tendo como tíñamos a magnífica herdanza da Ría de Ribadeo con calado dabondo, nun Porto Comercial coas rutas abertas o mundo enteiro, donde atracaban os barcos de mediano porte da época, fonte indispensable de propulsión da nosa economía local e comarcal, fomos incapaces de parar as obras da Inxenería Civil desastrosa, como: a Ponte dos Santos, feita como un tablón de andamio, apoiado entre acantilados e sobre pilastras centrales (para que non lles caiga o tablón) fincadas na Ría, e cuxas zapatas distorsionan o transcurrir natural do fluxo e refluxo das mareas, que xunto coas “magníficas obras de inxeniería” da escollera e recheos varios, producen a colmatación de area máis desastrosa que puidera imaxinar o mellor artificiero de destrucción masiva dun porto. En 1787 Porcillán tiña un fondeadoiro con amplias zonas de 8 e 13,5 metros de calado en marea baixa e hoxe o centro do canal ten 6 metros en marea chea. ¡Non hai derecho, que se permita facer obra pública con fondos do herario público a personas tan incompententes!
Non quero acabar sin decir, que a Ponte dos Santos é necesaria. Sin duda. Pero unha ponte feita baixo estudos serios de impacto ambiental, con inxeniería intelixente e con xuizo para crear futuro, con al menos 42 metros de altura ou con gálibo de navegación axeitado as necesidades dos barcos modernos; prevendo a menor obstaculización do canal, sin pilastras, nin zapatas fincadas na Ría, o que puidera ser resolto cun arco de alto peralte, estribado nos acantilados, tipo viaducto da Concha de Artedo, ou unha ponte atirantada, ou colgante... en fin, algo do noso tempo e non unha ponte “neo-románica” chea de máis badenes que unha montaña rusa, e que de seguir así, terminará caendo polo seu propio peso...
Por outra banda, para volver a ver un Ribadeo con Porto Comercial competitivo, debería unirse por vía férrea coa meseta, obra xa estudiada no século XIX hasta Villafranca, tan necesaria daquela como hoxe, para unha economía provincial próspera, e tamén será necesario facer limpeza total da escollera e dos rompeolas diversos, que fan de tapóns do canal e que non sirven para nada...
¿Como é posible que non se poida hoxe ir e vir a Veiga en piragua sin varar?. É intolerable que toda a pésima construcción civil que se fixo a partires de 1985 se siga mantendo en pé, a pesar de verse a todas luces que está destruíndo todo o noso futuro de desenrolo industrial, pois estase terminando de cegar de forma irreversible, a principal vía de comunicación de Ribadeo, a Autopista dos Océanos que representa a Ría de Ribadeo.
Felices Festas da Virxen do Carmen a todos, e invítovos a reflexionar sobre todo esto un minuto, en particular os que sentides o mundo do mar a flor de piel. Pancho Campos Dorado

20120620

O que pasou onte en Mondoñedo

Onte foi a vista oral do xuizo iniciado á petición miña contra Balbino Pérez Vacas por prevaricación. O xuízo trasladous ás dependencias xudiciais de Mondoñedo ó estar citadas 12 persoas para declarar, sendo levado por un dos xulgados de Lugo. Pouco que dicir: declaramos 11 persoas e unha máis non acudiu. A falta de escoitar a declaración do propio acusado, sin sorpresas (alomenos para min) nunhas intervencións que duraron dende preto das 11 da mañá ata pasadas a unha. Queda agora visto para sentenza despois dos alegatos finais dos avogados, e da intervención minimalista da fiscal. Coido que a sentenza debera estar clara, pero a xuíza decidirá nun caso que diríase que ven ó loro da situación actual de España e as súas causas: negación de información sobre expedientes que deberan ter sido abertos e que tras requerimento xudicial dende o mesmo concello din que desapareceron do mapa, causando un perxuízo mentras a nivel político facíase que se facía nun principio, e logo nin eso, con trasfondo de presión de intereses para que nada cambiara. Un xuízo que representa un paso máis cara á obriga da asunción da responsabilidade do tema do ruído en Ribadeo.
A senteza, probablemente o mes próximo.

20060428

Peonil? Volta as andadas

Unha imaxe dunha rúa peonil en Ribadeo non parece tan peonil como se quixera. Pode ser unha casualidade, pero non a única. Da que pensar cara ó verán sobre circulación, aparcamento, etc. Ou non?
A outra foto ten unha sinal de prohibido á beira dun algo máis que desconche á beira da Praza de España. Quedoume por poñer no das 'casas caíntes' e vai agora. En ámbolosdous casos, volta ás andadas.
E non son os únicos: xunto coa nova de que van pagar o debido (na realidade, sinxelamente de que han pagar, porque coido que non saben facer as contas, aínda non entregaron os cartos e non penso pasar un céntimo) e polo xuizo dende o concello, atópase hoxe no periódico que o CCA vai pedir ampliación de horario pubero para o verán. O ano pasado concedéronllo parcialmente. Este? Como compradores do comercio de Ribadeo vai haber que pedir ó CCA que fagan un escrito para a reucción de horario. Coido que os consumidores do CCA tamén temos os nosos dereitos. Unha pregunta, ademáis: haberá no concello quen asine unha petición que vai no sentido de incrementr o ruído nouturno, despois da sentencia?
Volta ás andadas tamén coa construcción: esta vez, por denegación de licenza en Vilaosende. O tema, ó Valedor do Pobo. A este paso, futuro previsible, xulgado (o único tema anteror do Concello que saiba que pasou polo Valedor, o dos ruídos, rematou no xulgado)
-- Unha nota: se usas CD ou DVD, ó mellor te convén asinar aquí...

20060219

Domingo alucinante

Non se me ocorre outra introducción a estas horas. Por primeira vez decátome de que podo acceder a un periódico xa e atópome que o PP teme que a liña de protección da costa chegue ós 500m. Será que despois de estar en vela varias horas a miña capacidade de xuizo xa non é a mesma (aínda que non sexa recoñecido dano físico por ruído). Ó mellor ó levantarme mañá xulgo a nova de outro xeito; polo momento, non me atrevo a profundizar e paso a un artigo de Hernán antes de deitarme. 

Unha nota: detectei un erro de visualización no post de onte. Corrixido. -- 

Continuando o que comecei en decembro, de Hernán Naval, en espera de ser colgado no sitio web de Hernán:

Data: 1992

Fonte: Km0

Título: Sinal de modernidade

Autor: Hernán Naval

Descrición: Artigo para a revista do Instituto de Bacharelato „F. Rodríguez de Valcárcel“ no que trata de marcar distancias coas bandas antigas.

Comentarios:

SINAL DE MODERNIDADE

HERNÁN NAVAL

Identificadas coa troula festiva, as Bandas populares sofren aínda un algo hoxe o aponte dun damóclito índice: dianas e alboradas entre nove e doce, procesión á unha, sesión vermouth (antes pezas da misa) ás dúas, concerto (?) ás sete, verbena de dez da noite a tres da madrugada...A soplar!

Vivin desde o atril, infante, xornadas de estío e hastío así. Facíamos cinco horas de autocar. Antes de arrincar co pasa-rúas ou pasa-corredoiras almorzábamos... viño! Tocábamos meio paso-dobre á porta de cada notable local de cuantiosa aportación monetaria á festa. Unha vez, a carón de Vigo, a santa siu tan correndo da capela que a seguemos, en “procesión”, ao paso da marcha militar El turuta. Na provincia de Pontevedra acostumaban a nos grabar os bailabeis do meiodia para poñelos pola megafonía, cal fío musical, durante as primeiras horas da tarde: nunha ocasión, entre-sesteando, escoitamos polos embudos aqueles a voz rexistrada do noso director no meio dun cha-cha-chá, quen amolado pola observación do aperitivo dun clarinetista a piques de se aderir á caña, bramaba: “Tira el chicle, coño!”. Xantabamos con viño. Largábamos unhas galegadas antes de cear con viño. Na verbena quen non durmíamos contra o atril, pasábamos a coitelo a Machín, a Lecuona, ao autor (cuxo nome non lembro neste preciso instante, e non podo demorar a entrega do artigo, senón os bacheleres pasaríanme a coitelo a min) do bolero Piensa en mí, que agora canta a paisana Luz Casal, pero non tocábamos Piensa en mí, que era moderno daquela e que o é agora, e nós, ai, diós! Éramos antigos.

Acabouse. En Ribadeo, corenta e un vimos de facer unha Banda moderna. Somos tan finos que non habemos tocar antes da hora do Ángelus; menos andando; en inverno, a cuberto. Pasamos o que se pode da música funcional e da incidental protocolaria. Se algún día cadrase termos que tocar nun acto de inauguración dun pantano, haberia que atreverse –sentados, of course- con Pompa e circunstancia, de Elgar. Góstanos os paso-dobres, pero máis aínda Wagner; tocamos Airiños, aires! Porque é noso e fermoso, aínda que preferimos o jazz ás muiñeiras. En fin, procuramos a versatilidade contemporánea do vento cando aínda moitos coidan que unha Banda é unha pachanga.

O que aconteceu o outro día en Lugo é produto da anormalidade (ollo!, non dixen sub-normalidade) dun país asinfónico. A excelente Banda Municipal da cidade ofreceu un concerto dominical no Círculo das Artes perante meia dúcia de persoas. A Municipal de Lugo é unha Banda de prestixio, pero hoxe as autoridades non a prestixian. A heroicidade auto-dignificante de se iren tocar ao Círculo fuxindo do frío de xaneiro na Praza de España pagárona tocando para o mármore. Deben insistir, sen embargo. Os músicos das Bandas non teñen por que conxelarse (conxélase Perales, gañando máis, sabendo menos?), nen por que abrir bóchegas en pes e beizos tocando pasa-corredoiras ou pasa-rúas interminabeis. Ser moderno é ser digno e que te escoiten, todos sentados. Ser moderno é tocar Wagner e non popurrís tabernarios, Bernstein e non El gato montés. Ser moderno é tocar na Banda de Ribadeo, donde, por riba, pasámolo bárbaro. Sen viño? Piensa en mí.

Ligazóns ó listado de entradas sobre Hernán (ata o momento):  

Hernán Naval, escritos e prensa VII

Hernán Naval, escritos e prensa VI  

Hernán Naval, escritos e prensa V  

Hernán Naval, escritos e prensa IV  

Hernán Naval, escritos e prensa III  

Hernán Naval, escritos e prensa II  

Hernán Naval, escritos e prensa I

Breve guía de referencia cronolóxica nos anos ribadenses

 

20060218

Hoxe toca aviso en ribadeando (e máis cousas)


Notei onte que ó acceder ó blog ábrense ventanas. Recomendo entón usar Mozilla firefox, descargable aquí, e configuralo para que non permita abrir fiestras emerxentes. É un consello... :-)
E falando de tecnoloxía, parece que o PP usou a miña idea de 'denuncia fotográfica' para o vertedorio, e fixéronlle caso. O dito: a idea tivo repercusión.
Por outra parte, o que non tivo repercusión é que tras outro xuizo máis, Adega non consegue parar a obra da piscifactoría. E é que un concello en fronte é moito...
Ben, coido que os comuneros de Ove tamén ganaron na instancia provincial en relación co conflicto que manteñen sobre unhas terras (uns montes) coa madereira que está en Sta. Cruz. Coido que nn é mala nova para o cidadanía en xonxunto.
Saíu xa vai varios días Komikea, cómic dos alumnos de 4º de ESO do concello pensado en ir contra as drogas. Leíno e gustoume. A súa eficacia, pouco a pouco.
Tamén leín, con moitos días de retraso, un artigo de Xerardo Estévez, arquitecto que foi asemade alcalde de santiago, sobre a construción en galiza. O seu título, 'Tierra prometida, tierra quemada', é abondo ilustrativo. Coido que lle vou pasar unha copia a varias persoas no concello, por se non o leeron. (O artigo sae el El País do 5 de febreiro, acompañado de outro con datos como que o 34% do primeiro km de costa mediterránea está ocupado por urbanizacións)
A foto? Pois collendo pedras no Cantón. Pódese ver como no dintel superior do balcón do segundo piso, por exemplo, faltan trozos, e como un operario municipal os está retirando da rede... alomenos non caen sobre os pícaros que aínda non foron botados do Cantón porque aínda on hai mesas nin nada deso. Mais, ata cándo seguirá a cousa así? Non creo que se lle escape á xente que a Torre dos Moreno é un dos principais activos turísticos de Ribadeo.

Nembargantes, as 'obras de humanización' de Ribadeo seguen, como se pode ver na foto da rua Pasarón y Lastra. De calqeura xeito, coido (alomenos polos berros de tan só dúas persoas ás 4:20 da mañá) que o que máis presa por humanizarse corre non son as rúas, senón as persoas. E sobre eso non se está a facer moito, ó meu ver.
Ben, o blog vai días que xa pasou das 4000 visitas, e segue aumentando o número medio de visitas diarias, nestes momentos de 21,39 (coa media das últimas 4 semanas de 32,14).
--
Un artigo meu publicado en A Mariña de El Progreso o 22/5/96, onde se poderá contrastar o avance da tecnoloxía e rede internet dende aquela a hoxe:

Estamos na periferia.
Moitas veces digo que Ribadeo é o cú do mundo. É un dito cariñoso, no que trato de deixar constancia de que estamos lonxe de Lugo, da Coruña e Oviedo, o que dificulta a relación con ese sitio onde hoxe se atopa cáseque de todo que é a cidade. O certo é que a mellora da rede vial fai que estas cidades esteñan moito máis achegadas á nosa vila (en tempo) que fai uns anos.
Nembargantes, seguimos sendo periferia e, polo momento, a nosa situación relativa está a empeorar nese sentido. Xa deixo craro que en termos absolutos a técnica permite unha mellor e maior conexión coas cidades, o noso entorno e, en xeral, co resto do mundo. Nembargantes, atopámonos agora conque para unha conexión mediante as novas tecnoloxías informáticas (a "rede" informática que pouco a pouco vai sendo tendida sobre o planeta enteiro) pode ser máis rentable conectar poñamos por caso, A Coruña con Toquio que Ribadeo con A Coruña. ¿Sorprendidos?. Pois sí. Explícome: como o enganche entre dous ordenadores fáise pola liña telefónica e a través de conexións especiais (os chamados "nodos" da rede), un ordenador da Coruña, para poñerse en contacto con outro de Toquio ten que realizar unha chamada urbana para conectar co nodo correspondente e iste traslada a chamada a Toquio.
Ribadeo non ten nodo. Logo, para chamar de Ribadeo á Coruña establécese a conexión mediante a liña telefónica, sin mediación de nodos. O caso é que hai que pagar, no primeiro caso, só unha chamada urbana máis o abono de conexión ó servidor da rede, mentras que no segundo hai que pagar a conferencia interprovincial, o que non evita ter que contratar o servicio da rede para outros casos, o que resulta en xeral abondo máis gravoso. É o mesmo caso que as chamadas ó viciño ou as chamadas ó parende de América, só que por ista vez, para os que viven cerca dun nodo, calquera de outra cidade "con nodo" está tan preto en custe de chamada como o "viciño", mentras que para nós, os "viciños" seguen a ser os de toda a vida.
Polo que parece aínda ha pasar tempo ate que alguén nos poña achegado un nodo de conexión á rede e evitemos as chamadas interurbanas, co aforro que iso supón. A Telefónica xa está suavizando dende algún tempo esta desigualdade, encarecendo relativamente máis as chamadas urbanas. Pode que cando vía ordenador se solucione o tema, entón o coste da chamada urbana sexa xa o mesmo que se se fixera ás antípodas. Claro que esto non nos servirá entón de moito.
Mentres, seguiremos na periferia aguantando cos cortes de luz no inverno que nos proporciona ¡gratis! Barras (que se chinchen os das cidades, que non os disfrutan), facendo compañía ós axustes telefónicos da dita Cía. Telefónica.
¿Que non somos o cú do mundo? Certo, hai sitios moito peores, pero bo, a idea ... ¿Ou que é iso de estar vivindo "no campo" e querer disfrutar das ventaxas da cidade?

20060104

Hoxe toca concerto en Ribadeo

A banda actuará hoxe en Ribadeo, no concerto 'aquí como en Viena' do que puxen o cartel de Chenchu vai días (o cartel na rúa apareceu o día 2). Onde terei o do ano pasado para establecer unhha comparación co deste? Xa aparecerá... 

Mentras aparece, unha felicitación que me fixo moita ilusión recibir, aínda que na realidade non é miña, senón que corresponde a todo o equipo da Galipedia, e a máis dun máis que a min. 

Coido que xa dixen que a Galipedia pasou de 10000 artigos. Hoxe xa está para chegar ós 11000. Ribadeo? Pouca cousa de novo: xa hai pediatra e o PXOM xa está na Xunta, e sigo sen saber se houbo algunha modificación no sentido de ter uns criterios xerais de actuación, a máis de declarar (por obriga) cinguirse a determinadas normas ou leis. 

E hoxe remata o ciclo de cine para nenos, mentras a carpa parece que tamén está a rematar a súa actuación co fin do curso de madeira. Mañá, cabalgata. 

Na outra beira da ría, Gondán ganou un concurso en Indonesia e ten carga de traballo para unha tempada. -- 

Sobre Hernán Naval:

Data: 21/9/96

Fonte: La Comarca del Eo

Título:cinismo político

Autor: grupo municipal nacionalista BNG. Pode que o mesmo Hernán sexa o seu autor.

Descrición: comentario sobre a obriga de Hernán a seguir no posto tra-lo pulso con Andina

Comentarios: Pedida autorización, en espera de resposta. Concedida, 05/01/06

De catro a catro

CINISMO POLÍTICO

Quizais algún dos leitores entenda que o titular é esaxerado; se así fose, rogamos-lle que agarde ao final para emitir un xuizo e que, mentras, lea con atención. Imos ocuparnos da demisión de Hernán Naval como Director da Escola Municipal de Música.

Comecemos por sinalar que en todo este xa longo asunto fomos sumamente prudentes e discretos. Primeiramente agardamos un tempo, e, logo, simplemente formulamos unha serie de preguntas á Alcaldía; foi no transcurso da sesión ordinaria do Pleno, o día 8 de xullo de 1996. Concretamente interesamonos por saber se o Alcalde decidirá ou non aceptar a demisión de Naval e se tiña pensado pronunciarse sobre dita demisión, tal e como pedía Hernán Naval. Pois ben: na sesión do Pleno do día 9 de setembro de 1996 (dous meses despois) a Alcaldía resposta negativamente a ambas cuestións. Cun laconismo improprio dun órgano deliberante dunha institución democrática disenos que non, ou sexa que nada decidira sobre a demisión do Director da Escola Municipal de Música e que non tiña pensado pronunciarse sobre a demisión.

Pero resulta que o día 11 de setembro o demitido Naval recebe un Decreto polo que se lle obriga a continuar na dirección da Escola, Decreto citado polo Alcalde o día 5 de setembro, ou sexa catro días antes de que se celebrara o Pleno e se nos respostara que nada había decidido. ¿Cómo calificar esta actitude? Pois claramente de cinsismo político, de desprezo absoluto ao Pleno do Concello que foi deliberadamente burlado e enganado. E que ninguén pense que nos van desviar colocando como pantalla ao Sr. Valín. O responsable desta tropelía é o Alcalde. Por iso cremos que quizaís chegou a hora non somente de que se enteren os ribadenses, senón de que o saiba o país. Ademáis; a actitude que veñen mantendo co Sr. Naval é absolutamente persecutoria aquilo que prometeron durante a campaña eleitoral: “Se gañamos Hernán para Siberia”.

Entenderase, agora, a nosa petición ao leitor para que adiara o xuizo até o remate do artículo. E aínda hai maís. Nunca entendimos moi ben para qué se recolleran asinaturas de apoio a Hernán Naval se logo non se lle entregaron a ninguén. Agora xa o sabemos: houbo moita xente que tiña medo a quedar “fichados” por parte do PP. ¿Non lles resulta familiar esta actitude?