Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta alumeado de Nadal. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta alumeado de Nadal. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240910

Algunha foto e algo arredor dela

Algunha foto e algo arredor dela

    Chegáronme por varias canles entre onte domingo, día grande das patronais de Ribadeo, e hoxe luns, varias fotos e varios memes feitos a partir delas. As fotos son tomas do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, coa vasoira e recolledor en man limpando a parte alta das escaleiras do concello ribadense o día da patroa pola mañá. É dicir, en plenas festas e despois de pagar, dende hai xa tempo, a unha empresa contratada un extra para reforzar o servizo de limpeza e manter impoluto o pobo, ou ao menos a zona máis visible del. Como complemento, outra foto tomada pouco despois, ó frente da corporación, escoitando á Banda 'de Gaitas' de Ourense en formación diante do concello. A esas fotos logo se lle xuntaron memes, con lendas commo 'novo fichaxe de FCC' (a empresa contratada para limpar máis, ou 'o castigado da clase', ou coa foto trucada como se estivera varrendo cartos (querendo supoñer que como comisión do contrato de limpeza).

    Como se pode observar, as fotos son de risa fácil, e iso pode provocar que sexan o que agora se chama 'trending topic' a través das redes. Mais, máis aló dese primeiro impulso a rir, coido que poden ter numerosas outras lecturas, mesmo contraditorias unhas coas outras. Por exemplo:

    - O alcalde de Ribadeo déixase sacar unha foto traballando nun traballo manual para o concello, o que o dignifica de xeito independente a que na súa labor como alcalde o faga ben ou mal. Mesmo diríase que a foto pode ser propaganda pagada polo alcalde!

    - O alcalde déixase ver limpando, como se por outra banda non estivera presumindo a diario dunha controvertida limpeza do pobo. Está visto que non é capaz de que a xente contratada de reforzo limpe nin a propia casa do concello!

    - O alcalde, á primeira de cambio, adícase a outras cousas que non son as propias da alcaldía. Aí están estas fotos para amosalo!

    - Que pouca previsión e que mala programación hai no concello para que o alcalde teña que estar a limpar no último momento para non quedar como un porco!

    As anteriores son só algunhas das moitas posibilidades que se poden pasar pola cabeza, ás que habería que aumentar as cábalas sobre a orixe do lixo que podía haber en tal lugar un festivo pola mañá, ou mesmo a natureza de tal lixo, que non se apreza (devolto dun botellón? Pipas dos pícaros de primeira hora do festivo?). De calquera xeito, de forma natural, a xente máis achegada a simpatizar co alcalde collerá as interpretacións máis favorables, mentres que no outro extremo quedarase cos memes máis punzantes. Moita xente non irá máis aló do 'desfrute' puntual, mentres haberá quen sinxelamente apartará fotos e memes como unha parvada.

    Parvada si, pero aí quedará testemuña dun feito que é posibe que se comente tanto como o custe aumentado do alumeado de Nadal ou a oportunidade, agresión á ría, perigosidade e presencia do novo mirador sobre a ría, por non falar doutros temas.





20211204

Mercado de Nadal en Ribadeo, 2021 (e programa mensual)

    Nun momento de pouca afluencia, despois dun descargue de choiva, o mercado de Nadal está apacible... Sábado 4 de decembro pola mañá.

    E o mes de decembro en Ribadeo, Nadal incluido, claro:

    ... e a nota de prensa do concello:

AS RÚAS ESTÁN CHEAS DE LUZ E DE COR

O Nadal chegou a Ribadeo

03/12/2021

Foto alumeado Nadal 

Hoxe deu comezo o XVIII Mercado do Nadal e procedeuse ao acendido do alumeado destas datas.

Esta tarde tivo lugar a apertura do tradicional Mercado do Nadal, que organiza o Concello de Ribadeo, e que se poderá visitar ata 8 de decembro no parque de San Francisco. Son 25 postos de artesanía e alimentación os que poderán atopar aquelas persoas que se acheguen a Ribadeo estes días. Ademais haberá actuacións musicais e actividades para as mais pequenas e os mais pequenos da casa. Ata o Mercado do Nadal se achegaron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Desenvolvemento Local, Medio Ambiente, Cultura e Igualdade, Pablo Vizozo, Jorge Díaz, Pilar Otero e Mariluz Álvarez Lastra.

E coincidindo coa apertura do XVIII Mercado do Nadal o Concello procedeu a inaugurar o alumeado de Nadal, que inclúe unha grande árbore no parque de San Francisco.


20201208

A nosa paisaxe Navideña. Pablo Mosquera

 A nosa paisaxe Navideña

    Dicía Ramón Canosa, como o noso litoral desde A Estaca a Morás constitúe unha paisaxe brava sen esas blandenguerías do Mediterráneo, con furias abismales e roucos queixumes polos destrozos que sobre as rochas graníticas producen as ondas. Estámolo vendo desde que comezou decembro -Augas Santas- Ese Tempo de Advento que prepara para o Nadal. Será diferente, polas restriccións sociais que impón a pandemia, pero as poboacións -parroquias- seguirán pendentes das mareas co seu ruído ás veces ampliado polos ventos. Unha fermosa furia da natureza que invita a refuxiarse xa sexa en cantinas ou na propia casa que cambiou o lume das cociñas por cómodos sofás cara ao televisor de gran pantalla, capaz de facernos viaxar por eses mundos afastados ao mesmo tempo que mergulla ás familias en silencios de charlas e preguizas para a lectura dun bo libro.

    A situación, estraña e cruel, tapou os centenarios a Don Benito Pérez Galdós, Mario Puzo, Miguel Delibes ou Benedetti, quen nunha fermosa estrofa avisábanos: "No cabe duda. Esta es mi casa / aquí sucedo, aquí me engaño inmensamente / Esta es mi casa detenida en el tiempo". Tamén a Isaac Díaz Pardo.

    Son devoto de Cunqueiro. Fabulador. Mistura entre os mitos e a historia. E que de estar entre nós seguiría máis interesado nos seus artigos "El envés", pola outra actualidade, distraéndonos dese parte diario- con cifras de guerra- que ocupa o tempo nos medios de comunicación. Ensinábanos a ver o que non nos ensinan. Trasladábanos a un mundo máxico e genuinamente galego. Desde aquelas parrafadas que escoitou á beira dunha lareira ata as que compartiu en tabernas como a de "Póngalas" entre cuncas de viño do país. Seguro que perseguindo a sombra de Merlín por terras de Miranda.

    Permítome retroceder ata o outono de 1887. Apróbase e publicita o Plan Xeral para o Alumeado Marítimo. Comeza recoñecendo o escaso e imperfecto servizo dos faros, a diferenza de como estaban situados e funcionando en "todos os países cultos", e iso nunha España marítima de primeira orde. O descoido de tales sinais propicia unha grave inseguridade para a navegación. A piques de concluír 2020, tales faros están superados por outros artiluxios. Pero seguen sendo Catedrais da Mar e forman parte do alumeado Navideño dos nosos pobos costeros, moito máis fermoso que esas árbores importadas desde o norte de Europa e que xunto con personaxes que viaxan en trineos impuxéronse ao vello e fogareño Portal de Belén. Ata tal punto que algunha cidade galega compite con Nova York en tamaño e intensidade lumínica.

    O Nadal é punto de encontro. Tamén esperanza para lograr saúde e algunhas demandas. Así en 1979 aprobouse a construción do Porto de "Aluminio Español S.A" na ensenada de San Cibrao. Ou en 1986, cando a ilusión estaba depositada no funcionamento do novo Hospital da Costa, sito na parroquia de Santa María de Burela do Concello de Cervo. Pero tamén na inauguración da Casa do Mar en San Cibrao.

    Esta vez as peticións e atencións céntranse na chegada das vacinas contra o COVID-19; e mentres, nesa palabra tan nosa de "sentidiño" para evitar que as festas traian unha borrasca invernal que obrigue a fondear as nosas vidas e rematar afundindo a economía social.

20191125

Luz sobre a luz: Nadal 2019/2020

O acendido da 'luz do Nadal' nalgunhas cidades con máis dun mes de antelación á celebración do Nadal voltoume lembrar o tema que xa tratei en 'Os deslumbrados non poden ver o ceo' e en 'A pista de xeo de Ribadeo morreu', e levoume a facer como complemento a táboa seguinte:
Aí se pode ver que se nos fixamos nas cifras relativas, o custe por persoa do alumeado de Nadal en Vigo é superior ó de Ribadeo, e o de ambos, ó de Madrid. Cabe lembrar neste punto que nos xornais houbo un certo desafío entre Vigo e Madrid, e na nota de prensa correspondente do alumeado de Ribadeo saíu esa referencia: Vigo. En canto ó número de led por persoa, Ribadeo gánalle ás dúas grandes cidades de longo, e é que os cartos non só van destinados ás led en número, senón tamén conta a potencia ou a que sexa un conxunto 'artístico'. E, claro, nas grandes cidades tamén se ve a diferencia entre o centro e os barrios
Por último, lembrar que o orzamento adicado ó tema en Ribadeo aumentou nun 77 %, mentres en Madrid fíxoo un 28 %.
Como comentario á marxe, tocoume pasar pola periferia de Vigo despois de terse acendido a iluminación extra: destacaban algunha rúas  sobre o que sei que é a iluminación normal, pero nada máis. E rúas fóra do centro non tiñan ningunha luminaria extra. O ceo seguía sen poderse observar ben, como nos arredores da cidade calquera outra noite. Máis adiante, algunas nubes iluminadas debilmente pola por unha Lúa minguada formaban unha paisaxe cambiante sobre a que destacaban as estrelas. Unha paisaxe inaccesible no seu esplendor en lugares con contaminación lumínica como o centro de Vigo ou de Madrid.

20191030

Os deslumbrados non poden ver o ceo

Nebulosa nas Pléiades. Obtida de https://www.spacetelescope.org/images/opo0036a/
    25 de outubro, nota de prensa. Resultado: Ribadeo terá máis luces de Nadal por persoa que Vigo. Os xornais destacaron a competición con Vigo, pero aínda así, non chegaron a ese dato: en Vigo, ao parecer, instalaranse unhas 10 000 000 de luces, ou sexa, sobre 25 por persoa. En Ribadeo, 800 000, iso é, contando a toda a xente do concello, 80 por persoa, máis de tres veces máis (máis de cen por persoa se se considera só os habitantes da vila).Parece que as árbores non deixan ver o bosque, e os visitantes no Nadal non poderán ver a magnificencia do ceo estrelado ou as nubes cambiantes ocultando a Lúa de noite, pois para algo están as luces. Neste caso, para deslumbrar ós visitantes (e, efecto colateral, ós locais)
A nota do concello destaca o esforzo para que Ribadeo sexa visible en toda a bisbarra. Custe, contaminación enerxética e visual, ou gusto, son arrumbados fronte as luminosas cifras postas sobre a mesa. Non en van dispónse de 23 900 €/ano que van ser radiados na noite ribadense como un extra sobre a iluminación normal. Se o ano pasado foron 13 500 €, implica un aumento do 77 % fronte a un ano atrás. Haberá quen diga, non importan os cartos cando se trata de fardar. Aínda que o pretendido, segundo a nota de prensa, é que 'se nos vexa' na bisbarra para que a xente consuma en Ribadeo. Ou sexa, trátase de consumir máis para facer que a xente consuma máis nese mesmo lugar. Enténdese pois que a acción está proposta non de cara ós ribadenses, senón como como subvención extra a ACISA (lembranza: asociación de comerciantes, industriales, servicios y autónomos de Ribadeo).
    Non se pode dicir moito máis, pois o único a considerar para o contrato da iluminación das oitocentas mil luces será 'a oferta económica máis ventaxosa'. Con iso, enténdese que as luces outras luces, como as do campo de fútbol, que levan anos deslumbrando ó ir pola estrada de Vilela, serán reforzadas para quedarmos máis deslumbrados, e, co deslumbre, convertidos os visitantes e tamén os ribadenses en consumistas.
    É posible que sexan 'luces bonitas', pero coa súa visión non poderei menos que pensar noutras cousas a máis de xulgar a intensidade da súa beleza. Por exemplo, a eficacia da medida na potenciación do consumo, o retorno directo ós ribadenses desa inversión ou se o Ribadeo que queremos é un Ribadeo 'deslumbrado' por luces artificiais.

A nota de prensa do concello:

AS EMPRESAS TEÑEN 15 DÍAS NATURAIS PARA PRESENTAR OFERTAS

Alumeado de Nadal

25/10/2019
O alumeado de Nadal en Ribadeo contará por primeira vez con 800 000 luces led entre farolas, arcos, árbores e figuras en 3D. O Concello sacouno hoxe a licitación por 23 900 euros ao ano. A vixencia do contrato será de dous anos con posibilidade de prórroga dun máis.
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que "no día de hoxe sacamos desde o Concello de Ribadeo, a través da plataforma electrónica de contratos, a licitación do contrato de subministro e instalación de elementos de decoración luminosa durante as festas do Nadal".
O rexedor dixo que "si ben é certo que cada ano imos tentando mellorar un pouquiño a iluminación do ano anterior, seguindo nesta liña, quixemos dar un paso adiante no senso de consolidar todo o que viñemos facendo para incrementar máis os espazos públicos de iluminación do Nadal, cambiando e renovando o aspecto das luminarias e incorporando novos elementos que confiemos sexan do agrado de todo o mundo".
Suárez Barcia subliñou que "segundo os datos que me pasan os técnicos, se sumásemos todas as microluces que conforman a totalidade dos arcos, das iluminacións nas farolas, das iluminacións das árbores e das figuras en 3D, estaríamos aproximadamente nas 800 000 luces led en total, unha cifra importantísima e nunca chegada ata agora en Ribadeo. Non imos ser como Vigo, que seguramente se vexa desde o espazo exterior a súa iluminación, pero a nós seguro que desde toda A Mariña e máis desde o Occidente asturiano se nos verá sen ningún problema. É moi importante que se nos vexa para que a xente siga vindo a mercar ao noso comercio e a disfrutar da nosa hostalería, e en xeral dos servizos que ofrece Ribadeo".
O alcalde explicou que "o importe deste contrato ofertado é de 23 900 euros ao ano, cunha vixencia de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis. E o criterio de selección do adxudicatario será o da oferta económica máis vantaxosa. Polo tanto, o prazo para presentar as ofertas as empresas cualificadas que queiran facelo será de 15 días naturais a partir de hoxe, ou sexa ata o 9 de novembro".

20160224

Mirando as contas de ACISA

Aparecía a semana pasada no xornal La Voz de Galicia, na súa edición de A Mariña unha nova aparentemente sen importancia, "Acisa Ribadeo prevé gestionar este año 139 394 euros, un 56% más que en 2015", co subtítulo "Proyecta duplicar el gasto en campañas, hasta los 54 985 euros".
Para os que temos certa idade, e traducimos aínda de cando en vez os euros a pesetas, 23 millóns de pesetas seguen a significar para o gasto dun ano unha cantidade moi considerable. E iso é o que son os presupostos anunciados: unha cantidade considerable. Entendo que nela deberan ir incluídas as dúas cantidades que destacaba nunha nova o pasado decembro (16 árbores, 25 comercios e (por outra banda) moitos euros) que sumaban 20 000 € do concello entre convenio e financiación directa do alumeado de Nadal, pero só aparecen 14 000 de subvención, co que o alumeado non está contemplado, non é tema de ACISA, a menos que vaia a 'campañas', pero entón debera figurar como entrada polo concello, e non aparece tal, segundo o xornal.
Pantallazo da web de ACISA, hoxe (así dende o 24 de abril de 2015)

Tampouco me queda claro polo resume do periódico o tema da pista de xeo. estará incluída nos 54 985 € de campañas?
Son contas dunha sociedade que non vin reflectidas en anos anteriores no papel. Estrañarme non me estraña: dos 139 394 euros, 100 000 son subvencións, polo que entendo que deberan ter unha transparencia pública total, pero resulta que son de xestión privada, e as administracións públicas esixen en relación inversa á forza do contrincante. Só un de cada catro euros gastados serían xerados pola propia entidade, o que non cobre nin os gastos de oficina, mentras que a entidade patrocina asociacións con cartos públicos e criterios privados, amosando unha influencia coas institucións que estaría relacionada con esas cantidades intercambiadas. Hai poucos días tamén apareceu a nova de que ACISA propoñerá ó concello que as festas sexan levadas por un patronato [que se desprende, da nova de prensa, que sería 'de eventos', incluíndo as festas, pero tamén outras cousas como o Ribadeo Indiano e o que puidera vir: "Acisa Ribadeo propone crear un patronato que organice las fiestas", La Voz de Galicia]. Aposto que dito patronato tería representación de ACISA, saíndo de novo ó seu través cartos públicos para as festas despois de ser privatizados e aparecer como tales.
Outros datos que se desprenden das últimas novas de prensa en relación a ACISA son:
Asociados: 150-155 (aprox, segundo o xornal)
Aportación media mensual por socio: 25 € (e non saen as contas dos máis de 150 socios e cotas previstas, quedando máis próximos a 120 que ós 150 anunciados na prensa)
Orzamento 2016: 139 394 €
Ingresos.
-Subv. Ben Empregado (Deputación): 39 417 €
-Subv. Concello: 14 000 €
-Subv. Xunta: 40 000€
-Cotas asociados: 36 000 € (a ter en conta que as cantidades en miles son aproximadas, e puxen esa cantidade en troques dos 40 000 que destacaba a prensa para que cadren sumas)
Gastos.
-Xerencia 21 837 €
-Traballadores 34 796 €
-Asesores externos 6 746 €
-Bolsas e banderolas socios 1 524 €
-Gastos oficina 11 530 €
-Patrocinio 4 000 €
-Campañas 54 985 €
-Comisións bancarias 800 €
Se se suma, verase un pequeno desaxuste ingresos/gastos, que achaco á imprecisión das cifras expostas, sen ter seguridade na afirmación.
ACISA Ribadeo coido que ten boa saúde, e estar activa (aínda que con menos socios dos de hai uns anos). E Mira polos seus fins, o que non debe estrañar a ninguén, como tampouco debe estrañar que as ideas de ACISA non sexan compartidas por todo o mundo, ou, noutra orde de cousas, que sexa subvencionada, incluíndo persoal (Deputación, programa 'Ben Empregado')

20151208

16 árbores, 25 comercios, e (por outra banda), moitos euros

Xa hai nova do éxito certo do mercado da Inmaculada Constitución antes de rematar, non sexa que non nos foramos enterar e se perdera unha oportunidade máis de facer propaganda, que estas cousas necesitan comunicación, non coma outras, que aínda que durman os papeis sen contestar pola casa do concello, non pasa nada.
Esta tempada, a máis do mercado, anunciado directamente polo concello, vai o anuncio de 13 000 € de convenio con ACISA, e máis doutros 7 000 € de financiación exclusivamente do concello para o alumeado de Nadal. Non sei se terá algo que ver niso (o lixeiro aumento de contribución do concello para espolear as vendas) o que o ex-xefe de ACISA sexa agora un opositor no salón de plenos. De calquera xeito, coido que hai unha nova relacionada coa animación das vendas que non foi patrocinada nin polo concello nin por ACISA á que se debera prestar máis atención por máis dun motivo.
A nova é que 16 árbores da avda. de Galicia foron engalanados a raíz da iniciativa dalgúns comerciantes (que chegaron a convencer a 25 comercios), sen participación do concello (máis que para a autorización) nin de ACISA (para nada). Cóidoo porque significa unha iniciativa novidosa, sen gasto de mantemento (son adornos, non gasta electricidade) e o xerme doutro tipo de asociación comercial fóra da estrutura actual de ACISA (web en mantemento segundo parece dende abril).
Non penso en que se vaia constituír outra asociación xa, senón máis ben en que o alumeado de Nadal e engalanamento de rúas ten máis desenvolvemento na zona peonil, e mesmo o mercado da Inmaculada Constitución atrae á xente cara ó parque e zonas limítrofes (zona peonil), co que a iniciativa constituiría unha especie de sistema de defensa dos comerciantes dunha zona que se pode ver relegada polas circunstancias. Sistema de defensa, polo que se ve, con menos aportación pública que o institucional.
Deixo unha mostra de fotos tomadas hoxe mesmo:
-Fronte ó nº 7 (dende o mercado, á esquerda)
 -Fronte á anterior, un pouco máis adiante.
 -Ó comezo da rúa, coas luces asignadas á zona en contraste: