Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta aceas. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta aceas. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20241205

Un novo Chío!

    A revista Chío do mes de decembro está xa á túa disposición. A máis da portada (enriba) e a miña colaboración (embaixo), deixo a ligazón á revista por se queres baixala ou vela en liña. Que a desfrutes! Pode ser a última nun tempo...





Un chío encantado










Hai tempo, nunha conversa intranscendente, dixen algo como que calquera das nosas aldeas tiña lugares encantadores por descubrir. Algúns, auténticas xoias; outros, lugares agradables a desfrutar. En calquera caso, a desfrutar para o seu aproveitamento humano, polos poboadores próximos, aínda que tamén se puidera aproveitar para o desenvolvemento da zona. Despois de dicilo, quedei pensando se coñecería -eu- no entorno da vila, ou no termo do concello, lugares abondo para facer unha tal guía. E non, seguro que non coñezo todo o que hai, pero si abondo como para facer non unha guía turística, que non é a miña idea, senón un mapa de desfrute posible, un poñer no punto de mira algúns lugares agradables.

Pouco despois da conversa, quedou o rural de Ribadeo sementado de sinais e direccións indicando ‘Camiño do Encanto’. Tantas, que ás veces nun cruce atopas para a esquerda e para dereita a sinal repetida, a máis d que indica o sentido do que vés. Polo que parece a cousa foi froito dunha subvención na que houbo algún tipo de desaxuste entre a petición e a realización. De calquera xeito, deume azos para tentar poñer nunha lista curiosidades, lugares ou edificios a ver, de xeito de que quedaran salientados. E xa digo, non como unha guía turística tradicional, senón máis ben como mapa de sentimentos posibles, xerador de lembranzas agradables. Aínda que sexa incompleto, que non me cabe dúbida de que o será, por espazo, por descoñecemento e por folganza.

En Ribadeo, o mesmo que noutras poboacións, o ‘turismo’ concéntrase na vila principal, coa Torre dos Moreno como emblema, as terrazas vivas que invaden o terreo dos cidadáns, os miradoiros sobre a ría amosando unha beleza compartida, que non deixasalientar a vila dos comerciantes na que se debulla unha historia xa pasada, as casas dos indianos que unen un presente migratorio diferente, a ruta das pedras da memoria que nos ensinan nomes e lugares que non debemos esquecer, a sorpresiva Fonte Cavada... ou os seus arredores próximos, miradoiro de Santa Cruz xa na parroquia de Ove ou illa Pancha, na de Vilaselán. E claro, no caso concreto de Ribadeo, as moi famosas Catedrais, na Devesa, que para este caso, non contan como descoñecidas, e cuxo nome eclipsa (aínda que non a súa realidade) á zona de Os castros, Illas ou Esteiro, na mesma parroquia.

E fóra diso? Por onde comezamos?

Uf! Sinxelamente, por algures. Por exemplo, polas varias rutas que se poden aproveitar para recorrer dando un paseo ou facendo unha marcha. A que vai pola costa, ligando as Aceas ó porto e paseo marítimo e logo, costa da ría ata illa Pancha e seguindo pola beira do mar -Catedrais incluídas- camiño de Barreiros, o ‘concello seguinte’ nese ‘Camiño do Cantábrico’. Ou a ‘Ruta da ría’ que saíndo e retornando a Ove nos permite diferentes visións do entorno natural da ría de Ribadeo. Ou a ruta do monte, saíndo tamén de Ove cara a Remourelle (A Devesa), desviación ó Mondigo incluído, e que permite asomarnos, xusto pasando a Barreiros, ás mellores vistas das que coñezo sobre o Cantábrico. Ou prefires rutas máis inexploradas? Proba seguir a antiga ruta do ferrocarril mineiro dende que sae á ría nos Guildeiros (Ove) ata pasado Porto (Vilausende). Iso si, vai preparado: non está sinalizada nin coidada.

Es máis de ver, a secas? Ó antedito, o Val de Noceda na Devesa enche o espírito ó tempo que pode ser posto de exemplo de cunca fluvial e vista ampla cos seus campos. Ou, dende diversos puntos, Mondigo incluído (Covelas), o val do Río Grande e a súa variedade dende a veciña Fórnea en Trabada ata a súa desembocadura entre Ove e Vilausende.

Pode que sexas máis de lugares recollidos. Só baixarte do coche permíteche estar nun pouco antes da desembocadura do río Grande, contemplando os meandros ós que se une o río Pequeno. Claro que tamén podes recollerte nas casetas dos varios miradoiros sobre a ría -en Vilaselán, Ove, Vilausende... algún, a estas alturas, novo do paquete- e illarte. Ou recorrer un par de centos de metros dende a estrada para que sexa a propia natureza a que che ille no Pozo Mouro, vendo correr as augas do rego de Lexoso antes de ser Río Grande, e o seu accidentado descenso na propia fervenza.

Santuarios? Pásate por Vilaselán a contemplar os seus exvotos de paso que entras no ambiente dunha igrexa que con moita probabilidade te resultará diferente, sinxelamente. Ó fío do anterior, pode que sexa máis do teu gusto o contemplar ou mergullarte en arquitectura. San Juan de Ove, tan diferente e ó tempo parella á anterior. A igrexa Santalla da Devesa, fermosa. O sinxelo adro do templo de San Vicente de Covelas, a igrexa da Nosa Señora das Virtudes na Ponte de Arante e os seus murais de hai máis de medio milenio... Por certo, que non só de igrexas se compón a arquitectura do rural. Preto do adro está o Pazo de Cedofeita, con lugares abondo no seu interior para sentirse en diferentes ambientes e épocas, desfrutando en todo caso.

Para min, a arquitectura funeraria ten marcado lugares aparte. O cemiterio da vila está xa en terras de Ove, dende antes que o vello fora substituído no seu lugar polo Parador de Turismo, e ten particularidades como as vidreiras da súa capela ou o espazo para autopsias, que cando menos son curiosidades. E o cemiterio da Devesa? Preto da igrexa, coido que pode cualificarse de ‘cemiterio indiano’...

Es de castros? Achégate ás Grobas (Vilaselán) e verás foxos e catas na natureza do entorno actual dun antigo castro de costa. Por suposto, hai uns cantos máis. Só os estudados a modo de exemplo no libro sobre os castros de José Mª Rodríguez son sete!

E quedan ... Rinlo (aínda non coñeces as súas cetáreas?), Vilaframil e Piñeira (a costa agreste de Ribadeo) ou Couxela (onde a ría de Ribadeo aínda é meandro), das que non dixen nada antes, a máis doutras cousas que desfrutar nas parroquias xa citadas. E é que, cen quilómetros cadrados de concello nunha terra querida dá para moito!

20240708

Ribadeo e medio ambiente. Santa Cruz e as Aceas

    Mirando cousas da semana, chego a dous puntos concretos, ambos relacionados coa natureza.

    O primiero, Santa Cruz. Aló, hai tres semanas, publiquei unha entrada co aspecto provisional que tiña daquela. Agora, o que presentaba esta fin de semana:

    É dicir, adeus seto, a máis do desmeste de arbustos que se fixo. Pola casa da ría, preferín non pasar.

    O outro tema, a prolongación do camiño das Aceas, ven a conto de que a comezos de semana fíxose o anuncio de 'información pública' do proxecto (que deixo en baixo) e o propio procecto (máis abaixo). Un proxecto de máis de mil páxinas no que se poden otear planos e detalles, aínda que non se vaia ler todo. Onde se pode ver que unha vez máis non hai previsto ou acompañamento dun proxecto de impacto ambiental, ou que o título do proxecto é enganoso en relación á realidade. Pero non por iso deixa de ser interesante.


    O proxecto pódese consultar aquí, ou aquí, a máis de na sede electrónica do concello. Deixo dúas capturas (sen modificar; o que aparece a man non o puxen eu) Para dar unha idea de onde, como... Por certo, chega a entroncar coas vías de ferrocarril actual e do ferrocarril mineiro a Vilaoudriz. (na Galipedia)



20240619

RAQUEANDO. Pancho Campos Dorado

 

RAQUEANDO (1)

Pancho Campos Dorado

En La Comarca del Eo de 27-abril-2024 aparece unha entrevista co alcalde Castropol Sr. D. Quico Vinjoy, titulada, “Defendimos que Ría del Eo y Ría de Ribadeo tuviesen el mismo valor, que no se eliminase ningún nombre”. Sigue, por tanto, a senda da teimuda postura astur de querer equiparar o topónimo onomástico da Ría de Ribadeo, cun nome ridículo no ámbito marítimo, dado que un accidente xeográfico, como é o rio Eo, non ten nada que ver coa historia dos pobos que lle deron nome ó lugar. Esperpéntica actitude, que asume tamén o presidente “académico” do Instituto Xeográfico Nacional, un señor de Murcia, que equipara "Ría do Eo" coa denominación do Mar Menor. Menuda fachenda que ten o “elemento catedrático” ese. Por qué non fai a comparación coa a Albufeira de Valencia, que ten nome propio de lugar, ou coa Ría de Bilbao ou a de Vigo, ou todas as do ámbito nacional? Como é posible que este tipo de individuos cheguen a ser representantes relevantes da Administración do Estado? Realmente cuestión de vendidos, como se de república bananeira falásemos.

Don Quico, sigue a dicir que, “siempre estamos dispuestos a hablar, dialogar para impulsar proyectos que vayan en beneficio de ambos municipios”. Como dicimos os galegos, esta é unha mensaxe surrateira, pois a boas palabras non hai quen lles gañe, pero cando vemos as accións xa entendemos perfectamente que o que queren é, acaparar todo o que representa a forza motriz da historia e do porvir de Ribadeo.

Pero voulle dicir unha cousa por se non o sabe. Nunca, nunca será a ribeira dereita da Ría de Ribadeo relevante como a ribeira esquerda onde se sitúa o Porto milenario de Ribadeo, tanto en Mirasol como en Porcillán. E sabe por que, Señor Don? Porque por motivos que estableceu a Mamá Natureza, nunca terán calado suficiente para ser un porto de mar; se acaso, Castropol será equiparable a un porto fluvial de escasa relevancia, como Figueiras ou o da Veiga de Ribadeo, hoxe Vegadeo por aquelo manifestamente anti-galego de seguir borrando do mapa a denominación RIBADEO, tal como se leva agora, dicir que As Catedrais “están no Occidente de Asturias”, e non no Oriente do Reino de Galiza. Chorradas que a eito nos endosan sen azorarse.

Continúa falando da “boa relación” con Ribadeo, e que no único que atopamos diverxencia e co nome da Ría “que sempre estivo aí” e que tanto a denominación Ría de Ribadeo como Ría do Eo teñen que ser “equidistantes”. Por suposto, sempre estivo aí co topónimo “Ría de Ribadeo”, máis de 1000 mapas e cartas de navegación o acreditan, por NINGUN-HA de ría do Eo, polo tanto tal equidistancia nunca existiu.

Esa “boa relación” con Ribadeo, que si, vemos, é que esa “cooperación”, tradúcese en pegarse como unha lapa a Ribadeo, para sacar todo o proveito posible dunha ou doutra maneira, “legal” ou artimañeira, pois Ribadeo é quen ten a posibilidade de volver a ser a forza motriz da economía da zona. Agás o asteleiro de Gondán na ribeira dereita da Ría de Ribadeo, non hai nada mencionable de poder industrial, e polo porto de Mirasol saen máis de 700 000 Tm de mercancía tódolos anos, principalmente 540 000 Tm de pasta de papel de ENCE. Moi mal aproveitadas para a zona, tamén hai que dicilo.

De aí que ao Principado tamén lle interese en facer a Ribadeo o porto do occidente asturiano. Por suposto, xa se serviron del desde sempre, como é natural. Pero a ousadía de querer borrarlle agora o nome a Ría de Ribadeo, é para seguir coa expropiación que o Principado leva a cabo desde fai séculos, e poder continuar, se pode, neste ou no seguinte século, incluso borrando o propio nome de Ribadeo, pois xa chegaron desde fai anos as pancartas da denominación da Biosfera á rotonda dos Irmandiños, sen mencionar as Terras de Ribadeo por ningures.

Ribadeo, hoxe en día, tampouco ten nin unha sinxela industria que nos avale, e parece que ninguén se preocupa do asunto, pero verbenas e larpeiradas que non falten, o voto é o voto, e a pela é a pela. Tivemos a fábrica de Alginatos da Vilavella, os asteleiros de Floro, os aserradieros de Couso e Conde, talleres mecánicos no peirao de Figueirúa con máis de 25 mecánicos nos talleres de Seivane e Barcia, e outros tantos en outros pequenos talleres, como o de Jesús, de Severiano, Parga, etc. Había 350 mariñeiros rexistrados no Pósito de Pescadores, 54 postos fixos na Empresa Ribadeo de autobuses, a fábrica de gabardinas de Llaú que daba emprego a todas as costureiras de Ribadeo, que non eran poucas, había decenas de postos de traballo na hostelería, hoteles, ultramarinos familiares, ferreterías, panaderías, cines e Teatro, un tren de Vilaodriz-Ribadeo, arquitectura e albanelería, Institutos de Ensinanza e colexios, empresas de Gayol e de Manuel Lens de granxas de galiñas e de manufacturas de hormigón armado, as conserveiras de pescado de Pelaez, as Galerias Innovación de Andrés Tojal; o Rosa Lar de Manuel Lens e logo de Manolo, unha das mellores salas de Festas da contorna, etc.

En fin, Ribadeo tiña autonomía propia até que chegou a Ponte dos Santos.

Melloramos en calidade de vida o abrir a Ponte? Por suposto que si. Como todo o mundo que entrou na democracia na década de 1980 en diante e tiña posibilidade de medrar. Pero perdemos a autonomía. Agora temos moi poucas posibilidades de crecemento como porto comercial, pois a Ponte dos Santos cegou a entrada aos barcos de até 7000 TRB, que son os que fan o tráfico de cabotaxe internacional por Europa, con todo tipo de mercadorías. Unha ponte que se estivera situada naquela primeira e hipotética construción da Ponte dos Mortos, non se houbera pechado o tráfico da Ria de Ribadeo, e hoxe poderían atracar pequenos cruceiros e portacontenedores, que lle darían vida, non só a nosa zona, senón a toda a provincia de Lugo.

Estase a falar das malas condicións e pouco rendemento que teñen as vías férreas de FEVE. Se o porto de Ribadeo funcionara, como non funciona, isto estaría resolto, pois sería un ben urxente para a Administración local e provincial e pola conta que lles tiña, xa habería subvencións dabondo por parte do Estado para poñer un Tren da Costa con condicións de transporte comercial, ao menos como un TALGO.

Por outra banda, a desgraciada obra da escollera e espigóns engadidos seguen sendo un atranco para o tráfico polo canal, deberían ser cambiados de lugar para dar entrada franca aos barcos, que hoxe varan e encallan incluso en marea chea e en condición de lastre. Nunca tal cousa ocorrera en séculos de historia.

O Club Náutico debería pasar a estar na Vilavella alargando os atraques e pantaláns de amarre ao largo da costa das Aceas e Reme, e Ribadeo sería un gran porto comercial e un excelente Porto Náutico, un “Porto Banús do Cantábrico”. Melloraríase unha boa estrada Ribadeo-Porto, e abriríase outra ben habilitada entrando polas Aceas pasando por Ove e saíndo á estrada de Santa Cruz, así se estruturaría o municipio cun crecemento perfectamente asumible.

Pero iso non se fai. Hai que dragar a Ría de Riabdeo por parte de Portos de Galiza, sabendo que iso tiña que estar prohibido por Patrimonio, por ser a Ría un xacemento arqueolóxico subacuático de primeiro nivel europeo recoñecido pola UNESCO. Hai vestixios cerámicos do século IV a.C. Estaban 600 pezas gardadas na Casa da Ría e “desapaceron” pois a Casa da Ría ten a porta rebentada e está aberta todo o ano, pola desidia municipal de non coidala. Segundo “as malas linguas” as pezas de cerámica foron parar ó contedor do lixo, e outros din que foron para o Museo de Vigo, pero alí, parece ser, que nunca chegaron, e outras linguas din que as roubaron. O máis probable.

Por outra banda, na mesma entrevista dise que Ribadeo vive moito de Asturias, posto que a efectos comerciais naturalmente que Ribadeo ofrece variedade e diversidade que “nosotros no tenemos”. Efectivamente. Pero esta parte, enseguida a volve a amañar dicindo que temos o mesmo “ecosistema”, la “Ría nos vertebra”, e sigue cun discurso de obras de pantaláns para embarcacións deportivas, etc. que xa están a montar. Do cal, sinceramente, me alegro, pois teño amigos nese lado da ría, que están até as narices das malas condicións dos amarres.

O señor don Quico, fala de que Castropol e Ribadeo están no Inter-Eo, e na Reserva da Biosfera Oscos Eo (e Terras de Burón). Nomes sobre os que, xa no seu día, escribín cadanseus artigos neste tan apreciado semanario (01 e 12 -agosto de 2011), pois está falando das Terras de Ribadeo que foron borradas do mapa por simples privilexios diocesanos, entre o arcebispado de Mondoñedo, o de Oviedo e a usura do Conde de Ribadeo D. Diego Gómez de Sarmiento e Villandrando, que vendeu terras e servidumes no ano 1551 por 8500 ducados. Un tipo que en Ribadeo nunca estivo.

A entrevista é un discurso, un discurso non aceptable nin antes nin a estas alturas da película. Pois aquí non se trata simplemente do nome da Ría da Ribadeo, posto que xa nas propiedades territoriais do Condado de Ribadeo, a Pierre de Villaines no ano 1369, e en 22 de abril de 1435 a Rodrigo de Villandrando, está establecida a extensión das Terras de Ribadeo até a Pobra de Navia, cousa que como todo o mundo sabe, ou debería saber, chegan ata o río Frexulfe en Navia, polo que tamén iso das terras Eo-Navia é outra das tantas falcatruadas as que nos teñen acostumados.

Pero claro, válense da incompetencia e pasividade do actual goberno da Xunta de Galicia que leva cincuenta anos de democracia sen facer nada, máis 40 anos desaparecido na ditadura franquista, un século inactivo. Pasividade absoluta, que saben moi ben aproveitar desde o Principado para dividir a Ría de Ribadeo ó medio, con Franco en 1958, e agora levando tanto a aquel Sr. Touriño como ao “probe infeliz” do Sr. Rueda dun lado para outro inflándolles o ego con palabras ocas, grandilocuentes e aduladoras para que se sintan “grandes e relevantes”. Vaia forma de metelos no peto para que miren para outro lado e se siga perdendo o patrimonio de Ribadeo, e por suposto o patrimonio galego do Reino de Galicia.

Chega tamén ás miñas mans, un artigo de prensa do periódico El Comercio 19 de abril 2024, onde se da a noticia “El tesoro de la Ría del Eo ya está en el Museo Arqueológico”, de Oviedo, Asturias. “Un rollo de plomo, una roldana y un bolaño pertenecientes al buque hundido en la ensenada (de Arnao) en 1511”. Ë admirable a forma de darlle solemnidade a actos de piratería raquera, como vou a explicar, porque isto é de libro.

Primeiro e ante todo, en 1511 a enseada de Arnao era do Reino de Galicia, pois a venta das Terras de Ribadeo entre o Eo e o Navia, como xa dixemos, levouse a cabo en 1551. Segundo, a articulista de Castropol di: “las piezas de un barco halladas en 2007”, data na que estaba prohibida a inmersión en toda a Ría. Iso confirma o que levo dicindo desde 1991, queren roubar o nome da Ría de Ribadeo, para apropiarse do patrimonio da Galiza e levalo para os seus museos. Aí está. Feito. Pero por outro lado, como é que saben que o barco afundido é de 1511? Onde están os documentos da época que acrediten tal afundimento en Arnao? Atoparon os “Protocolos de Construción” do barco, ou estaba gravado o ano nunha táboa da estampa de popa? Isto parece de risa.

As pezas non son ningún tesouro. Una pasteca de bronce de 20-23 cm de diámetro pode ser perfectamente a pasteca de subir a cinza das caldeiras de carbón do Cabo Torres, polo pozo de cinzas e escorias, usada a cada relevo de garda polos fogoneros que limpaban os cinceiros, para deixalos baleiros para a seguinte garda. Non hai nos barcos veleiros de 1511 pastecas para nada, posto que a pasteca é un aparello que non ten redución de traballo, a potencia a exercer e exactamente igual que o peso que hai que levantar (P=T), e nos barcos había moito traballo de izado como para usar pastecas a pelo. Calquera que teña unha mínima noción de Física sabe isto. Incluso puidera ser a pasteca da escotera da botavara o unha guía de escota dun yate que fondeara alí o mes pasado, ou no ano 2007,  jajaja.

Por outro lado o rollo de chumbo é un respeto (recambio) de mantemento e reparación mecánica, usado nas tubaxes que poden sufrir vibración, ben no servicio de vapor ou ben, no de aire comprimido, pois as abrazadeiras de suxeición van enzunchadas con zapatas de chumbo. Este artificio se podía ver nas tubaxes de aire comprimido nos barcos das décadas de 1970, 1980 1990, como eu mesmo as teño visto.

Tamén puidera dicirse que sería usado pola carpintería dun barco do século XVIII ou XIX para reforzar os batideiros das vergas (antes reforzados con envoltos de coiro) ou para as cuñas da fogonadura dun mástil, ou sen ir tan lonxe no tempo, para os batideiros dos velachos dun vapor do século XIX, tal como, o Cabo Torres, que está afundido no canal de Porcillán, polo que non sería nada estraño que de alí saíra o tal rollo de chumbo e o “levantaran” en Arnao, ou din que apraceu alí, e listo, exactamente igual que a “pasteca de bronce”. Raque puro e duro do pecio Cabo Torres o meu entender.

Con relación ao bolaño, ou bala redonda de pedra dun canon do século XVI, tamén pode ser “reliquia” do pecio San Francisco ou do Galgo de Andalucía, que no século XVIII defendían o Porto de Ribadeo, sito no Condado de Ribadeo do Reino de Galicia. Pero seguramente, é máis probable, que sexa do galeón Santiago, posto que como eu mesmo teño recollido datos, no taller do peirao de Mirasol do meu amigo e recordado Gelo, cando o arqueólogo Miguel San Claudio retirou as primeiras evidencias do achado do galeón, sacáronse como mostra bolaños de 80-85 mm de diámetro, de 110 mm, de 145 mm, de 220 mm e de 330 mm, entre outras pezas interesantes de madeira. Todo para saber da súa procedencia e construción. Quedaban no fondo decenas de bolaños máis, que seguramente a estas alturas non quede ningún de mostra, por aquelo de estar baixo a ameaza do raque e o furtivismo subacuático.

Ao mesmo tempo dicir que o Galeón Santiago está sito no canal de Cabanela, hoxe transformado en parte da explanada da maldita escollera e precisamente na zona de dragado do canal, que debera estar prohibido dragar por Patrimonio, se é que acaso esta rama da Administración Pública da Xunta existira como tal.

Pois ben. No Principado de Asturias danlle relevancia e solemnidades o “achado en Arnao” e chaman para a “cerimonia de entrega do tesouro” ao Museo Arqueolóxico de Oviedo, nada menos que a un Vicealmirante e a un Tenente de Navío, que están extasiados (véxase a fotografía que acompaña a reportaxe) diante de tres cazolos de plástico coas pezas arriba mencionadas. En menudas películas se mete esta xente da Armada.

Total, e o meu entender, as pezas non teñen ningunha importancia histórica, pois carecen de contesto e valor engadido, e solo teñen o valor de chatarra atopada nun fondeadoiro, exactamente igual que a chatarra que se pode atopar nas decenas de fondeadoiros de toda a cornixa cantábrica.

O que realmente son tesouros da Ría de Ribadeo, son as pezas de cerámica, ánforas e cachos de pezas partidas con sinais inequívocas da súa época. Como xa dixemos, aquelas 600 pezas depositadas na Casa da Ría de Santa Cruz, até fai poucos meses. Esas sí, esas sí tiñan valor histórico recoñecido e que foron expostas na Oficina de Información e Turismo de Ribadeo, onde todos as puidemos contemplar e, onde van? Cando fixeron limpeza da esquecida e cochambrosa Casa da Ría, será verdade que as tiraron no contedor do lixo?? Onde están as pezas arqueolóxicas da Ría de Ribadeo? Aparecerán dentro dun tempo tamén en Arnao?

Supoño que San Claudio e a Armada Española saberán que se está facendo co patrimonio da Ría de Ribadeo. Non é pequena nin efémera a cuestión pois afecta a Historia da Navegación en Europa, non só a historia local e nacional de Galicia.

Onde están as nosas Autoridades Autonómicas e as do Concello de Ribadeo para pedir contas sobre tanta falcatruada? Seguirase gastando o presuposto do Concello de Ribadeo, de 12 millóns de euros, 2000 millóns das antigas pesetas, en enchedoiras, chocolatadas, feiras, festas e mercados dos amiguetes con dereito o voto? Seguirase a facer política clientelar en vez de facer polas cousas que realmente importan?

A política é para servir, non para servirse, pero hai individuos ben traxados e engravatados que as matan calando, e que, á primeira de cambio... En fin.

1 Raquear: andar na procura de restos de naufraxios.↩

20210325

Ribadeo natural: a enseada da Vila Vella

   A enseada da Vila Vella é un espazo cambiante por momentos, de luz, reflexos, marea, punto de vista... e máis aínda mirado con cariño. Hai xente que, camiño das Aceas (estes días non, camiño cortado polo desprendemento), pasa á súa beira ignorando o pracer para os ollos e o esprito. Quizais o mellor momento sexa o cambio de marea. Un par de fotos para captalo:



 ... pero mellor que en fotos, é gozalo no propio lugar.
--
Ribadeo Natural

20210127

Si, si, houbo un novo pleno en Ribadeo

   Síntoo. Vexo -hoxe- que debeu haber un pleno -onte-. A nota de prensa leva data de onte, e segundo datos extraíbles da web, a subida da información non se produciu ata pasadas as dúas e cinco da tarde de onte. Claro que, en tempos de Covid sen cobertura telemática, haberá que esperar á acta para ter algo claro, a máis da visión persoal que poda dar algunha persoa do pleno, pois nin a convocatoria está na sede electrónica do concello. Acta que pode ser rápida en ser cargada ou non: se se vai na páxina do concello ó apartado actas, a última sección que aparece é de 2019, con notables ausencias anteriores. Hai que mergullarse na sede electrónica do concello para ir sacando unha a unha as que alí constan. A última, abondo rápida na súa carga, é de data 29 de decembro, correspondendo ó pleno de 24 de novembro, 35 días antes. O que me da a idea de facer unha entrada ligando todas as actas dispoñibles en internet hoxe por hoxe para simplificar abondo a procura de quen esté interesado... Ata o de agora, o que levo feito é só aplicar a etiqueta 'plenos' a aquelas entradas relacioandas con eles, 133 nestes momentos, sen máis.

   Mentres, e a falta dun decreto público de convocatoria ou do resultado do pleno, deixo o máis aproximado, a nota de prensa a pao seco, sen comentar -xa digo, a falta de coñecer o desenvolvemento...-

A SESIÓN, QUE SERÁ TELEMÁTICA, COMEZA ÁS 20:00 HORAS

Pleno hoxe

 http://ribadeo.gal/imxd/noticias/imx/1611666355100420_Foto_Concello_3_-_copia.jpg

26/01/2021

No pleno ordinario que se celebrará esta tarde no Concello de Ribadeo analizarase a proposta para solicitar o proxecto Life Global, a emprender na costa das parroquias de A Devesa, Rinlo e Vilaframil. Trátase da adquisición de 27 parcelas, que ocupan unha superficie de 14 hectáreas, para restaurar os hábitats costeiros de flora autóctona. E tamén se analizará a solicitude de axudas ao IDAE para realizar melloras no alumeado público. O investimento total ascendería a 2 millóns de euros e a axuda demandada será do 80%.

O rexedor contou que "un dos temas que vai ao pleno hoxe é a proposta de solicitar un novo proxecto europeo, coñecido como Life Global, que segue a estela do proxecto Life Fluvial, que aínda está vixente e co que fomos expropiando nestes últimos tempos terreos na marxe galega da ría de Ribadeo para poñer a disposición de Conservación da Natureza para facer actuacións medioambientais. De aí que estivéramos substituíndo eucaliptos por frondosas desde As Aceas ata practicamente o inicio da traza do tren mineiro de Ribadeo a Vilaoudriz".

Fernando Suárez explicou que "agora neste outro Life que queremos solicitar trátase de pedir financiamento para adquirir unha serie de parcelas que lindan co mar nas parroquias de A Devesa (singularmente no entorno das Catedrais), Rinlo e Vilaframil. En definitiva propoñeríamos a compra de 27 parcelas, que ocupan unhas 14 hectáreas no seu conxunto, para lograr a restauración dos hábitats costeiros de flora autóctona. Este ambicioso proxecto tamén se levaría a cabo en coordinación con outras comunidades, como Asturias, Castela, Euskadi ou Navarra, a través do IBADER, que é o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago de Compostela".

O alcalde sinalou que "outro punto que plantexamos no pleno é a posibilidade de solicitar ao IDAE, que é o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía que depende do Ministerio para a Transición Ecolóxica, unha axuda económica de fondos europeos para accións de renovación de todas as instalacións de iluminación pública no concello, actuación cifrada cun orzamento duns 2 millóns de euros, dos que solicitaríamos o 80 por cento, que son 1.600.000 euros de axuda de fondos europeos. E con toda a humildade plantexamos esta acción que nos parece moi interesante e é o momento de que o pleno se pronuncie para ver se somos beneficiarios nun futuro máis ou menos inmediato".

20190806

Crónica dende os bloques

Este verán, a praia dos bloques parece estar especialmente concorrida. As novas duchas, que polo momento evitan a lama que xa se formaba arredor das antigas, supoñen un paso adiante, que acompaña ás boas temperaturas e a un auga que cada vez está máis quente. Hai veces que o campo está cheo, aínda que nunca como para dicir que non cabe un alfinete.
A instalación inchable segue a ocupar unha parte considerable da zona que antes era máis usada para baño. A cambio, as embarcacións parece que pasan máis lento, máis lonxe, pode que para non interferir nun negocio tan visible, mentres que os bañistas na auga pasaban tan desapercibidos que é un 'milagre' que unha motora con esquís detrás ou unha moto acuática non se teñan levado algunha cabeza por diante. De calquera xeito, xa me teñen comentado ocupantes dos apartamentos próximos que os vixiantes correspondentes do 'tráfico marítimo' só viu que se pasaran por alí unha vez, para dar cuns vellos que estaban fondeados pescando fóra da rada.
Chamoume a comezos de verán a atención que suprimiran as ostras dos chanzos da praia, como se pode ver na imaxe. Algo diferente ó que pasa coas ostras das aceas. E algo que era necesario para o uso da zona, aínda que non sei quen o fixo (nin os permisos para actuar alí)
A rapazada segue a andar polo peirao, aínda que despois dos sucesivos reforzos da separación entre praia e peirao, abondo menos. Claro que tamén hai quen, en marea chea e a última hora, baixa dunha barca tradicional (iso si, coa vela recollida, que é máis cómodo o motor) e pasa de peirao a praia por terra, que por auga hai que nadar.
A última hora a ocupación gratuíta dos inchables vai vento en popa, a pouco que a marea e o tempo acompañen, xa co edificio de servizo limpo e pechado. Sen vixiancia, pregúntome que pasará se hai un accidente, algo que non me preguntaría se ocorrera un accidente de alguén nadando (ententendo por accidente non un atropello motorizado)
A última hora, o baleirado progresivo vai deixando a zona en calma, o que é aprezado por algúns ocupantes que prolongan a estancia e por outros que van disfrutar dese momento.

20180524

Hoxe, 20180524, pleno

Non o procures na web do concello. Tes que ir alí e mirar entre os múltiples papeis diversos  para atopar a convocatoria. Unha convocatoria que inclúe a aprobación de dúas actas, unha expropiación forzosa en Ove para un depósito de auga e outra nas Aceas para o paseo peonil. A revotación cunha variación mínima do convenio coa Deputación para a Residencia de maiores (despois da marexada interna na Deputación)e diversas aprobacións relacionadas co estado financieiro do concello e facturas. A máis, claro, do caixón de xastre obrigado final, incluíndo decretos, mocións, rogos e preguntas. Mocións hai unha: da coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións sobre o rexeitamento dun produto paneuropeo de pensións individuais.

20180315

Centro de cultivos mariños

Unha nova de hai 25 anos chega hoxe nas lembranzas dun diario: O Centro de Cultivos mariños de Ribadeo lograba a reprodución de coquina, con vistas ó seu estudo e implantación na ría de Ribadeo, varios anos despois de que comezara o Plan Marisquero.
Hoxe na ría, cultivar, cultivar, coido que só se fai con ostras, aínda que se recollen outras especies. Á beira do Costal, o paseo ás Aceas pasa sobre unha pequena edificación que servía de apoio a unha zona de cultivo, hoxe non usada.
Se se mira na web do CIMA, atópase: "O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) realiza unha investigación orientada e aplicada, cal finalidade é lograr a xestión racional e eficaz dos recursos mariños renovables, no ámbito xeográfico de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.
O CIMA depende da Consellería do Medio Rural e do Mar. Intégrano o Centro de Investigacións Mariñas de Corón en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e unha planta de cultivos mariños ubicada en Ribadeo (Lugo).
"
En http://mar.xunta.gal/gl/cima/persoal aparece que traballan 12 persoas, cos seus nomes. Unha cifra importante para unhas instalacións que moitos ribadenses non saben que existen.
As instalacións dependen de Vilanova de Arousa, base do CIMA, e hoxe, na rede, están colgadas as memorias anuais dende 1999 a 2015, entre outras cousas que poden dar unha boa idea do desenvolvemento das instalacións nestes anos, aínda que non nos anteriores dunha xa longa historia. No 2015 aparecen 19 nomes no persoal de planta.
Embaixo, o centro de cultivos (tella de lousa no centro da foto, edificio administrativo), e a caseta no Costal, tamén no centro da foto.


20180306

Detalles no paseo das Aceas

Fotos para amosar cousas. O corte de eucaliptus e repoboamento de frondosas na zona do Costal permite fotos que posiblemente non serán repetibles dentro duns anos. E cousas como a invasión de ostras, que xa chega ás Aceas, tamén.
 As Aceas, en baixa, vista dende o paseo.
 Surco e meandros formados polo desaugue do encoro das Aceas, con Castropol ó fondo.
 Interior do encoro das Aceas en baixa.
 Racimos de mexilóns no interior das Aceas.

 Ostras invasoras colonizando o edificio do muíño das Aceas.


 Zona norte da enseada das Aceas.
 Encoro e construcións de muíños nas Aceas. Torrente de saída de auga do encoro.


 Canle da Vilavella-Mirasol.
 Parcelas de cultivos mariños abandoadas na costa do Costal.
 Tesóns de Vilavella e Mirasol, unidos. Mirasol, as Figueiras e Castropol.


 Rodas na Vilavella.

20171223

Sal no camiño das Aceas

Hoxe sorprendeume o ver sal estrada polas táboas de madeira do camiño das aceas que ahi subindo dende a Vilavella ó Costal, Pola apariencia, tivo que ser botada como cedo, xoves. Imaxino que o que se procura é evitar o esvarar dos camiñantes, que nesa zona segue a ser perigoso a pesar de que este inverno non hai árbores para facer sombra e deixar as súas follas facer unha capa deslizante. Os seus efectos? Supoño que serían estudados. O sal é higroscópico (ver os grumos de sal con auga que se forman nos salgueiros, impedindo moitas veces que saia polos furados de servizo), facilitando a súa diseminación que a auga non quede na superficie da madeira, coa criación dunha lamela de humidade e microorganismos que facilitan o esvaramento.



20171031

Conservación do muíño da Ignacia. Unha revisión

Hai xa moitos anos que o Muíño da Ignacia se restaurou. Sei que no seu momento quíxose dotar una uténtico mecanismo que funcionara coa auga, mais a falta de cartos deixouno como unha especie de muíño de xoguete, cun subministro de auta co seu correspondente acueduto e reservorio, pero sen un funcionamento real. Quizáis foi iso o que o deixou sen posibilidade de visitas, con porta permanentemente pechada e abandoado dende aquela.
O 7 de decembro de 2009, unha nota do concello difundía que a finalización da restauración do muíño da Ignacia estaba incluída na posta en marcha de tres rutas de sendeirismo. Daquela falaba de 50 000 € de subvención da Reserva da Biosfera no exercicio 2009. En febreiro de 2011, outra nota informaba da sinalización de tres rutas, as mesmas que na nota anterior, e de 37 000 € tamén da Reserva da Biosfera, incluíndo 'Ese investimento inclúe a remate e posta en valor do muiño de Ignacia'
Non obstante o anterior, xa no 2010 o blog tiña unha reseña sobre a queixa do propio concello por unha fogueira feita á porta do muíño. Precisamente, pouco antes de que As Catedrais rebicira a Q de calidade turística por primeira vez. Neste mesmo blog voltei reseñar o vandalismo no mesmo lugar un ano máis tarde, e aínda que esa entrada non ten foto, lembro ter pasado non moito despois pola zona e observar o mal estado da ponte que leva dende o camiño ó muíño xa daquela.
Estamos rematando o 2017, é dicir, máis de sete anos despois de que o concello se queixara polo vandalismo no lugar, e o Muíño está maís deteriorado ca nunca.
O Muíño da Ignacia, marcado no centro da foto do Sigpac, ó pé do Rego de Ramos (na parte inferior dereita, as Aceas; atravesando dende a parte superior á dereita, a LU-P-5207 Ribadeo-Vilela):

20170527

31 fotos da ría e algún comentario

Coido que a ría de Ribadeo debe ser tamén beneficiaria (estou seguro de que si o é) de toda a propaganda que está xerando o traballo de 'Por Nuestro Faro'. A notar unha diferencia: sen un peso, o tirón é grande, mentras que Faros de España tirou de chequeira para promoción dun establecemento, non dunha zona ou unha illa.
Voltando ó tema, hoxe facía un día que algúns cualificarían de avesío. bo para aprezar outras facetas da ría, e máis en marea baixa. As fotos a continuación foron tomadas comezando a subir a marea (a marea non comeza a subir ó tempo en tódolos lugares da ría, senón que comeza pola boca e vai progresando cara ó interior, ó mesmo que ó baixar) dende o miradoiro de aves (km 376 da N-642) ata a curva sobre a praia dos bloques.

 Dende o observatorio de aves, cara Asturias. Marea ben baixa.
 Cara á embocadura da ría.
 Banco labrado na pedra en As Aceas.
 A enseada das Aceas, coa remodelación e canle do muíño de auga doce en primeiro plano.
 a canle para levar auga do rego.
 Os edificios dos dous muíños, branco, do rego, e en pedra, de mareas. Entre eles, a barreira para embalsar a auga á dereita da imaxe.
 Aspecto da enseada das Aceas. No centro dereita, a árbore usada moitas veces por Suso Peña. Cara a esquerda estaría o vello recheo.

 Charca en marea baixa no encoro de As Aceas.
 Vida á saída da auga do encoro: cangrexos entre as pedras.
 O foxo que deixa a auga na procura da ría.
 E a vida, tamén dentro da barreira: mexilóns.
 Vista xeral da parte interna da enseada.
 Acehgándonos a Ribadeo, Castropol e As Figueiras ó fondo, e a corta de eucaliptus para replantación de autóctonas, presente.
 Unha ría? Si, lonxe da beira... Vista cara ó interior da ría.
 En pouco tempo, isto non estará así: a replantación está en marcha.
 Ribadeo e as Figueiras, sen árbores no medio polo momento.
 O tesón da Vilavella.
 Un detalle cara a Ribadeo.
 Outra vista do tesón da Vilavella entre peiraos.
 A beira, limpa de vexetación.
 Tesón, enseada da Vilavella, Bloques coa escollera dos '90, Mirasol...
 Mirando un pouco ara arriba, tamén no Costal están amañando a terra.

 O fondo da enseada da Vilavella, co paseo de hai poucos anos.
 Enseada, paseo, Costal...
 Madeira a carón da auga (en chea!)
 Detalle: o embarcadoiro para as embarcacións que se agochan na antiga fábrica de alxinatos, saíndo do recheo efectuado hai décadas.
 Cara á saída da enseada.
 Saída da enseada da Vilavella cara á beira asturiana.
 Bloques e tesón da Vilavella.
Dende os Bloques á Veiga. Xa é patente que comezou a subir a marea.