Non, non preguntes polos 7291 mortos das residencias madrileñas en
pandemia. Pregunta polo impacto da gastronomía galega na presidenta
madrileña.
Coido que o anterior podería tomarse como resume informal da
¿conferencia? que Díaz Ayuso quixo dar en Ribadeo en días pasados, nos
Foros de debate do Voar / Sargadelos. Foros polos que leva pasado dende
hai anos unha morea de xente, 45 persoas ben coñecidas dende Calvo
Sotelo a Isaac Díaz Pardo, e que polo de agora remata con Isabel Díaz
Ayuso. Con ela e con José Ángel Salvatierra Rico.
Salvatierra non estaba no cartel, non estaba na mesa, pero fixo a
intervención necesaria, a máis longa e contestada na quenda de
preguntas, e coido que o seu nome debe quedar asociado a esa charla do
14 de febreiro (San Valentín, patrón do amor e ben contraposto ó tema
debatido).
Vaiamos cara ó final da charla, que polo momento se pode ver en Youtube (“X FOROS DE DEBATE : Doña ISABEL DÍAZ AYUSO”).
A pregunta preparada polo presentador como remate da sesión era sesuda,
para deixar bo sabor de boca á presidenta e á concorrencia: ‘Que le gusta más a Isabel Díaz Ayuso, el lacón con grelos, el pulpo á feira, el marisco o la tortilla de Betanzos?’
A pregunta pódese escoitar aló polo 1:14:30 do vídeo, e hai que tomala
como un intento de remate distendido, intranscendente, dunha charla de
media hora e unha quenda de preguntas de tres cuartos, quizais alongada
un pouco máis para que non quedara mal sabor de boca pola pregunta do
protagonista da noite, Salvatierra.
E imos agora con el. No minuto 55:50 do vídeo comeza a súa pregunta.
Aconsello, de querer vela, facelo no vídeo completo e non en algún dos
cortes e montaxes que tentan aproveitar a pregunta de xeito combativo.
Aconsélloo por varias razóns. A primeira, porque nese vídeo non está
retocada, é unha ‘fonte primaria’ sen mediatizar, e polo tanto vese
mellor o que pasou. Aconsélloo tamén porque alí se ve o ambiente
seareiro que fixo que as cadeiras estiveran ocupadas ben antes do comezo
da sesión por afíns políticos da presidenta madrileña, pasando a ser
case unha falla organizativa que Salvatierra chegara a estar de pé ó
fondo da sala. Aconsélloo para ser conscientes da dificultade de facer
unha pregunta desenvolta dun xeito lóxico nesas circunstancias. Non, non
digo que sexa un modelo lóxico ou discursivo, por outra banda difícil
de manter no ambiente que se palpa, senón máis ben unha pregunta
cualificable de normal, iso si, documentada, e ó tempo, valente. A
pregunta, sobre os 7291 mortos nas residencias madrileñas, e a resposta,
sobre a ‘trufa de intencións políticas’ nunha charla con tema político,
sobre a mentira (a pesar de que esa cifra que non acepta, 7291, saíu do
gabinete que preside Ayuso) ou a descualificación (dunha persoa que só
coñece por unha única pregunta que fixo) como dixen, coido que é ben
escoitalas no vídeo máis que facer un resume, e por iso aquí paro.
Cunha excepción, porque para remate, gustaríame reproducir as últimas verbas de Salvatierra: ‘En recuerdo de los mayores y para que esto no vuelva a ocurrir’.
30 de abril de 1798. Habitantes das 17 parroquias próximas a Santiago de Sargadelos no Concello de Cervo marchan sobre a fábrica que rixe o ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez. Son recibidos non só con improperios. Reciben granadas e balazos. Hai un morto e moitos feridos. Causas do motín: o imperativo de que teñen que cargar carbón, e diversos materiais relacionados coa fábrica, por un salario mensual de 12 reais por carro, que necesita dous homes e unha parella de bois cun tempo de dedicación de tres días, o que leva consigo o descuido das tarefas de sembra e colleita. A desobediencia é sancionada con multas e prisión nun maldito cepo instalado nas fábricas.
Ibáñez logrou, pola autoridade central do reino, autorización exclusiva para manexar as fragas de Rúa. Ante tamaño mandato, os paisanos buscan amparo na Intendencia Xeral do Exército de Galicia, o que non logran e provoca o aumento na represión do señor feudal-ilustrado. Sargadelos é unha fábrica de municións con amplos privilexios reais. A fidalguía civil e relixiosa acusaban a Ibáñez de ser un déspota cuxa conduta industrial desarticulaba a economía agropecuaria da comarca.
No entanto, non podemos de ningún xeito obviar os seus logros. Dos seus fornos saen os potes que dan para comer a moitas familias humildes da zona, os proxectís que defenden á nación en momentos cruciais ou as tubaxes que levan o progreso á capital do reino en forma de auga corrente.
Con frecuencia gozo ensinando Sargadelos. O paseo desde os fornos até a presa coa canle e os eucaliptos aos lados do carreiro. O museo que garda e expón as catro etapas da louza que chegou a competir con Picman e Cartaxena, e na súa primeira etapa até con Bristol. A fábrica fundada por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, con ese fermoso mural que lembra un guerreiro do denario ibérico, ou a presenza escultórica dos grandes pais da nosa literatura Galaica.
Aínda se conservan as mouteiras do camiño con peaxe entre Sargadelos e o porto sito nos Campos-Ría de San Cibrán, onde a flota de buques con pavillón da fábrica, traían e levaban, materiais relacionados coa produción. O pazo coa súa heráldica e unha fermosa fonte, entre escaleiras de pedra e xardíns. Se pecho os ollos e poño atención creo escoitar aquelas orquestras que animaban as festas do Apóstolo Santiago pegadas á Casa da Administración. Bailes de outrora. Tango, chachachá, bolero, vals. Era unha muchachada alegre entre pegadas da historia.
Unha historia que debería ensinarse na disciplina de "sociais" nos centros de ensino, polo menos da Mariña mindoniense. No seu forno de fundición elaborábanse até 30 000 quintais de ferro que deron cociñas, balcóns, tubos, molinetes para barcos, rodas hidráulicas, baterías de cociña, municións, potes a estilo Bordeus. Eses consumos de 50 000 quintais de carbón mineral, outros 20 000 de carbón vexetal, uns procedentes de minas astures e outros das fragas sitas en Rúa e Trasbar.
E o máis importante. A industria empregaba até 1000 familias, 250 carros con 300 parellas de bois, que achegaban e trouxeron mercadorías dun porto -Os Campos de San Cibrán- que chegou a contar cunha flota de 22 buques.
Tal actividade foi causante da creación dese pobo-parroquia. Non só obradoiros, casas para residencia dos numerosos operarios e as súas familias, e desde logo unha igrexa que encomendaron ao Apóstolo Santiago, así como ese mesón que perdura hoxe esquecido.
En 1804 comeza o esplendor da louza que será contrasinal do bo gusto, até ese momento en 1848 en que até S.M. a raíña acusa mediante Real Orde haber recibidos dúas fermosas vaixelas de tal compañía -Sociedad La Riva- que se considera como presente das artes e homenaxe á industria de Galicia. Fago un inciso para comparar o que antecede coa pestilencia contaminante desa ALCOA moribunda. En Sargadelos houbo emprendedores, comerciais, deseñadores e continua mellora nas instalacións e ferramentas. Incluso un camiño de peaxe do que hoxe quedan as mouteiras que nos indican por onde pasaban os carros celtas desde o emporio industrial até o porto na ría do Covo.
En pleno primeiro terzo do século XXI, a louza daquel Sargadelos do século XIX é un luxo que adoita estar exposto polo seu valor integral, que ademais para un galego da Mariña é un símbolo que alimenta o orgullo identitario. De todas as pezas posibles quedo coas fermosas escribanías que a recado estaban na mesa escritorio dun catedrático, un bispo, un médico de prestixio ou un avogado triunfal. As súas cores poden confundirse coa louza de Cartaxena ou da Cartuxa, pero non para alguén que sabe de marcas.
8-M. Non debéramos necesitar que nolo lembren. A cidadanía, que é fonte de dereitos (fundamentais e sociais contemplados na Constitución española vixente desde 1978), non ten xénero. Pero é bo recoñecer e agradecer o que fixeron por nós, habitantes de Galicia entre os séculos XX e XXI, tantas mulleres que construíron o progresismo co seu esforzo exemplar. Entendendo por progresismo, que as xeracións sucesivas viven mellor que as anteriores. Polo menos eu sempre estarei en débeda con elas. Teño a sorte de pertencer a un espazo de traballo, o socio sanitario, onde dende a miña incorporación alá polo ano 1968, nese Hospital Clínico Universitario "San Carlos" de Madrid, vivín nun entorno con tres características: Actividade pública esencial e maioritariamente feminina. Igualdade de prestacións laborais, económicas e xerárquicas entre mulleres e homes. Dedicación exemplar das nosas damas, compañeiras dos equipos multidisciplinarios para curar e atender aos enfermos -penúltima vez pola pandemia-. Mais houbo momentos nos que as veciñas do meu Concello tiveron que loitar, e son momentos históricos dos que podo dar fe documentalmente e que quero compartilo como cidadán dedicado á cultura. No verán -23 de agosto- de 1892 as mulleres toman protagonismo e amotínanse, atacando as oficinas do Concello de Cervo así como a casa de José María Crego e Carlos Correa. Segundo informa a prensa, trátase dun problema chamado imposto ao consumo, que afecta a produtos alimenticios como carne, trigo, millo, centeo, patacas. Eran o alcalde Santiago Álvarez e o secretario municipal Justo Basanta, os que se atoparon con pedras e tiveron que refuxiarse na casa de don Jesús Balmayor. -O peor son as consecuencias, posto que a Garda Civil procedeu á detención das consideradas xefes do tumulto: Carmen Martínez Ben, Josefa Rey Castro, Carmen García Rodríguez, Concepción Paleo, Clotilde Rubiños Paleo.- O camiño pola area, dende as rochas nas que se asenta o pazo das Cubelas. Cando ía de Cubelas a Los Campos quedou aquela última imaxe das mulleres que traballaban na salgadura. Antes era habitual atoparse no Coto cunha pescadora vestida de negro rigoroso. Era unha desas viúvas dos vivos, cos homes da casa embarcados para traballar todo o ano ao cabotaxe. O domingo 13 de agosto de 1972 inaugurouse a fábrica de cerámica denominada “Pía do Xunco”. Pero non será só unha fábrica de cerámica e louza, estamos ante un enclave para a cultura, un punto de encontro de artistas e escritores, un laboratorio de formas e un mecenado do libro. "É bonito, traballamos e a fin de mes cobramos a nómina -- As nosas nais traballaban todo o día e parte da noite, por nada" - Así é ser asalariado nunha industria, algo parecido a o que pasa nas conserveiras de Celeiro e Vicedo- -A maneira de liberarse é co traballo, tal cambio débello á iniciativa de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.
Tito, Colaborador do Blog e da AVV O Tesón, humildes entre outras cousas máis relevantes, foi investido o día 3 como Académico de Número da RAG nun acto no Teatro Jofre de Ferrol. Deixo a continuación o vídeo do acto, un pequeno comentario meu e a nota de prensa da Academia, ambos con fotos.
Ó acto de Ferrol foi unha cantidade de xente que encheu o teatro. Entre ela, atopábamonos case media centea de ribadenses que queríamos acompañar a Tito. Foi un acto ó tempo entrañable e académico. De que resultara así encargouse principalmente el no seu discurso de aceptación da cadeira académica, que como se pode ver no vídeo ou no resume da nota de prensa da RAG, constou de varias partes ben diferenciadas, resaltando así o aspecto humano antes que o aspecto de estudo. Neste último tamén salientou aspectos humanos na confrontación entre Paz Andrade e Cela, mirando a súa proxección at a Galicia actual.
Lourenzo Fernández Prieto ingresa na RAG reivindicando a memoria silenciada como fonte para escribir a historia
Lourenzo Fernández Prieto
ingresou este mediodía na Real Academia Galega reivindicando o papel da
historia e a importancia da memoria na historiografía. O catedrático de
Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela
centrou o discurso de recepción
como académico de número na relación entre historia, memoria e política
no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha
discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade,
senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela,
senador por designación real. O episodio rescatado, vinculado á
reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás
raíces republicanas, é para o historiador un exemplo claro da “fondura
do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do
esquecemento da Transición”, e de como “o relato do pasado, tamén o das
vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor
foi verdugo”.
O director da Sección de Historia, Ramón Villares, dálle resposta a Fernández Prieto en nome da Academia.
“Hai
aspectos do pasado que foron agochados por outros, ou que simplemente
pasaron desapercibidos, e recuperalos permítenos construír un relato
máis plural e máis democrático do noso pasado”, reflexionou. A misión da
historia “non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar,
entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos
valores, que é o que non queremos herdar do pasado”, “pero tamén o que
queremos herdar” proseguiu o académico. Un obxectivo no que a memoria
cobra relevancia “como medio para facer historia, nunca para
substituíla”, matizou.
O investigador traballa dende os seus
comezos no eido da historia agraria e dende 2006 desenvolve tamén unha
importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra
civil e da represión do franquismo. “Nas últimas décadas, a
historiografía aprendeu que hai moita memoria na historia e, viceversa,
hai moita historia na memoria. Ambas as dúas aliméntanse se sabemos
usalas”, defendeu no seu discurso de entrada na Academia. “O caso é dar
con elas, escarvar ben os xacementos —o castro— deixando os muros
testemuña, comprobando a estratigrafía, e non deixarse confundir polas
chapas de gasosa, que os castrexos non bebían hai dous mil anos, pero si
os que, cincuenta anos antes ca nós, remexeron esa mesma terra nunha
escavación mal feita”, comparou.
Lourenzo Fernández Prieto
ingresou na RAG nunha sesión extraordinaria e pública celebrada no
teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou e estudou o bacharelato,
organizada co apoio da Deputación da Coruña. O novo académico entrou no
auditorio acompañado polas dúas académicas de máis recente
incorporación, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino. Nos
primeiros compases da súa intervención, apelou á memoria republicana na
súa lembranza de Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa dende
hoxe e coa que comparte raíces ribadenses. O seu sucesor retratou a
poeta como “unha muller doutro mundo” en plena ditadura, porque ela era
muller “do mundo republicano e democrático”, e subliñou a través dela o
papel feminino na recuperación da democracia. “As eleccións [de 1977] e o
seu resultado, o salto adiante cara a este futuro, pasou por mulleres
coma ela tanto coma pola acción política organizada da mocidade
antifranquista”, recoñeceu o historiador.
A memoria persoal e colectiva: da EXB a facerse neofalante Lourenzo
Fernández Preito (A Devesa-Ribadeo, 1961) converteuse en membro de
número da Academia nunha sesión extraordinaria e pública celebrada este
mediodía no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou. O historiador
tamén recorreu á memoria, neste caso a persoal, para trazar a historia
colectiva da súa xeración: a dos nenos e das nenas que estrearon a EXB, e
que se mobilizarían máis adiante a prol da democracia; e do que
significaba ser, coma el, neofalante nunha viaxe na que os fillos dos
que migraron do agro ás cidades semellaban destinados a perderen a
lingua do país.
“Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en
1º de BUP (curso 1975-1976). Unha presada de nós, coa compracencia de
profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel
Pose Mesura, Edelmiro Gil ou Luís Aneiros. En 2º (1976-1977) xa
celebraramos o Día das Letras Galegas dedicado a Antón Villar Ponte.
Aquela mocidade profesoral encargábase de todo e permitíanos moito.
Tamén axudaba a dirección do centro, que deixaba facer. Por exemplo,
organizarmos unha feira do libro galego cadrando coas Letras Galegas de
1977, na que o máis vendido foi a Control de natalidade. Métodos contraceptivos
de Cipriano L. Jiménez Casas, a mellor forma de engaiolar coa lingua os
adolescentes”, rememorou en referencia aos anos como estudante na
escola Jorge Juan, aos que lles sucedeu o curso preuniversitario no
Instituto Concepción Arenal.
O director da Sección de Historia, o
académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome
da institución o retrato do novo académico, un “intelectual comprometido
coa causa da lingua e da cultura de Galicia”. Lourenzo Fernández Prieto
-salientou- pertence á xeración que chegou á universidade a finais dos
anos setenta e que, no canto de pescudar sobre a súa identidade
individual e labrar un rápido cursus honorum, escolleu “unha
laboría colectiva capaz de soerguer a cultura e a ciencia de Galicia”.
“Con esta incorporación refórzase a potencia intelectual da Academia
como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido
histórico de Galicia nomeadamente nos tempos máis contemporáneos”,
valorou.
O lance entre Paz-Andrade e Cela Lourenzo
Fernández Prieto artellou o seu discurso de ingreso na RAG arredor dun
lance entre Paz-Andrade e Camilo José Cela que permite entender o
esquecemento que existía, na Galicia de 1977, respecto da tradición
republicana e da política autonomista, recoñeceu Ramón Villares. O
episodio chegou ao coñecemento do novo académico a través dun cartafol
no que Darío Álvarez Blázquez xuntara retallos de prensa da época que
dan conta do episodio. Entrevistado telefonicamente nas vésperas da
xuntanza da Asemblea de Parlamentarios de Galicia (27 deputados e 18
senadores), o xornalista solicitoulle a Paz-Andrade, senador pola
Candidatura Democrática Galega, a súa opinión en relación coa
reclamación do Estatuto de Autonomía na reunión que se ía celebrar o 4
de xullo, e sobre a súa lexitimidade. Dela derivouse un comentario sobre
os senadores reais no que Paz-Andrade viña a dicir que algúns
contactados pola Casa Real para seren designados preferiran someterse á
elección popular democrática.
Pouco despois Cela daríalle a
réplica na prensa con duras descualificacións persoais e críticas ao
documento que presentara ante a Asemblea de Parlamentarios de Galicia.
Afirmou que o xurista e empresario pertencía á “prehistoria política de
Galicia”, puña “en cuarentena su actitud de restar y no de sumar
respecto a Galicia” e, no artigo máis divulgado, referíase ao político
galeguista -un dos impulsores nos anos 60 do grupo Pescanova- como “Pez
Paz” e “pescadero mayor del Régimen” que desprende cheiro a “aroma de
pescadilla”. Paz-Andrade manteríase en silencio mentres saían na súa
defensa, tamén a través da prensa, figuras como Eduardo Blanco Amor e
Isaac Díaz Pardo.
Para Lourenzo Fernández Prieto, o ataque persoal
tiña un sentido claramente político: discutir a lexitimidade dunha
figura, a de Paz-Andrade, que representaba a memoria da República, e das
súas reivindicacións no Asemblea de Parlamentarios de Galicia.
O
certo é que Valentín Paz-Andrade foi o autor do único texto presentado
naquela reunión constitutiva do 4 de xullo celebrada no vello Hospital
Real da praza do Obradoiro, acabado de converter en parador turístico.
Na sesión discutiríase sobre a reivindicación ou non do Estatuto e sobre
a lexitimidade republicana que latexaba detrás dela. “A fractura
encarreirouse e foi resolta mediante unha comisión redactora constituída
in situ que reduciu e adaptou o texto de Valentín con algúns matices, o
máis importante eliminar a mención á República e ao Estatuto de 1936.
Unha solución case inevitable, a falta doutro texto alternativo sobre o
que se puidesen establecer transaccións, que tamén revela unha forma de
proceder que caracterizou a Transición neste período: a oposición
antifranquista fai propostas e o poder matiza, modifica, corrixe ou
amputa”, analiza o historiador.
“O balance político de todo este
episodio é que lle cortaron o paso a Valentín Paz-Andrade”, conclúe. “Na
súa proposta, pero tamén na súa lexitimidade galeguista, republicana e
antifranquista e na recentemente adquirida como representante de Galicia
na Comisión dos Nove que negociara co goberno de Adolfo Suárez a saída
democrática despois do Referendo de Reforma Política de decembro de
1976. Quen sabe se lle cortaron tamén a aspiración que moitos abeiraban
de que fose presidente do primeiro organismo provisorio da Autonomía de
Galicia que se estaba a fraguar neses días como Xunta preautonómica”,
suxire.
Perfil académico Lourenzo Fernández
Prieto estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela,
institución na que se licenciou (1984) e doutorou (1990) con premio
extraordinario. Profesor titular dende 1993 e catedrático dende 2005 na
mesma facultade, na actualidade é coordinador do Centro de Investigación
Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos
de investigación das tres universidades galegas nos eidos da historia, a
xeografía, historia da arte economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia
política e medio ambiente.
O novo académico investiga dende os
comezos no eido da historia agraria, unha liña á que sumou tamén con
éxito, na primeira década deste século, outra centrada na guerra civil e
do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que
aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario,
que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica
e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e da
sociedade rural cun enfoque ambientalista.
Os primeiros traballos
de Fernández Prieto centráronse na renovación técnica das labranzas,
profundando no rico fondo documental da granxa de Mabegondo, previamente
situada en Monelos (A Coruña). Aquela pescuda deu lugar ao seu primeiro
libro, A granxa agrícola-experimental da Coruña, 1888-1928 (1988), que tería continuidade e ampliación na tese de doutoramento, publicada como Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939
(1992). Posteriormente chegarían moitos outros traballos cos que
contribuíu, en palabras de Ramón Villares, a repensar, en Galicia e fóra
dela, o papel da agricultura nas sociedades contemporáneas.
En
2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a
guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións,
das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario
Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no
campo da historiografía española e internacional do século XX.
Ao
longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte
proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios
relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e
centros de investigación de institucións españolas, europeas e
americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto,
membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de
Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York
(Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).
Como xestor
académico, foi vicerreitor da USC entre 2006 e 2009, director do
Departamento de Historia Contemporánea en dúas ocasións e coordinador do
grupo de investigación de referencia competitiva Histagra, dirixiu
tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios, e é
vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA).
Como divulgador é ademais autor, entre outros moitos traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra
de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do
Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.
Dicía Ramón Canosa, como o noso litoral desde A Estaca a Morás constitúe unha paisaxe brava sen esas blandenguerías do Mediterráneo, con furias abismales e roucos queixumes polos destrozos que sobre as rochas graníticas producen as ondas. Estámolo vendo desde que comezou decembro -Augas Santas- Ese Tempo de Advento que prepara para o Nadal. Será diferente, polas restriccións sociais que impón a pandemia, pero as poboacións -parroquias- seguirán pendentes das mareas co seu ruído ás veces ampliado polos ventos. Unha fermosa furia da natureza que invita a refuxiarse xa sexa en cantinas ou na propia casa que cambiou o lume das cociñas por cómodos sofás cara ao televisor de gran pantalla, capaz de facernos viaxar por eses mundos afastados ao mesmo tempo que mergulla ás familias en silencios de charlas e preguizas para a lectura dun bo libro.
A situación, estraña e cruel, tapou os centenarios a Don Benito Pérez Galdós, Mario Puzo, Miguel Delibes ou Benedetti, quen nunha fermosa estrofa avisábanos: "No cabe duda. Esta es mi casa / aquí sucedo, aquí me engaño inmensamente / Esta es mi casa detenida en el tiempo". Tamén a Isaac Díaz Pardo.
Son devoto de Cunqueiro. Fabulador. Mistura entre os mitos e a historia. E que de estar entre nós seguiría máis interesado nos seus artigos "El envés", pola outra actualidade, distraéndonos dese parte diario- con cifras de guerra- que ocupa o tempo nos medios de comunicación. Ensinábanos a ver o que non nos ensinan. Trasladábanos a un mundo máxico e genuinamente galego. Desde aquelas parrafadas que escoitou á beira dunha lareira ata as que compartiu en tabernas como a de "Póngalas" entre cuncas de viño do país. Seguro que perseguindo a sombra de Merlín por terras de Miranda.
Permítome retroceder ata o outono de 1887. Apróbase e publicita o Plan Xeral para o Alumeado Marítimo. Comeza recoñecendo o escaso e imperfecto servizo dos faros, a diferenza de como estaban situados e funcionando en "todos os países cultos", e iso nunha España marítima de primeira orde. O descoido de tales sinais propicia unha grave inseguridade para a navegación. A piques de concluír 2020, tales faros están superados por outros artiluxios. Pero seguen sendo Catedrais da Mar e forman parte do alumeado Navideño dos nosos pobos costeros, moito máis fermoso que esas árbores importadas desde o norte de Europa e que xunto con personaxes que viaxan en trineos impuxéronse ao vello e fogareño Portal de Belén. Ata tal punto que algunha cidade galega compite con Nova York en tamaño e intensidade lumínica.
O Nadal é punto de encontro. Tamén esperanza para lograr saúde e algunhas demandas. Así en 1979 aprobouse a construción do Porto de "Aluminio Español S.A" na ensenada de San Cibrao. Ou en 1986, cando a ilusión estaba depositada no funcionamento do novo Hospital da Costa, sito na parroquia de Santa María de Burela do Concello de Cervo. Pero tamén na inauguración da Casa do Mar en San Cibrao.
Esta vez as peticións e atencións céntranse na chegada das vacinas contra o COVID-19; e mentres, nesa palabra tan nosa de "sentidiño" para evitar que as festas traian unha borrasca invernal que obrigue a fondear as nosas vidas e rematar afundindo a economía social.
Para un Mariñán. Para un galego. Para un Mindoñense do Concello de Cervo-Sargadelos. Ás veces pasan cousas que nos insuflan orgullo identitario. A noticia do Premio da Real Academia de Doutores de España, Premio Fundación Ignacio Larramendi, súmase ao crecente e imparable historial profesional desta moza nada en Sargadelos. E todo iso, constitúe unha razón máis para presumir e compartir o seu amor por Galicia, o seu compromiso con esta terra e as súas xentes, ao norte do norte, coa alma impregnada na maxia do Sargadelos ilustrado por aquel Marqués que un día tivo un soño entre auga, caolín, fragas e fornos de fundición. Para daquela ser herdanza que inspira a Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo e desde logo a Sara. E foi no ano centenario do gran mestre Isaac, cando esta Doutora, tivo un novo recoñecemento. Non é de estrañar. O seu traballo de investigación universitaria: "Presenza e nivel de actividade en redes científicas dos investigadores españois que publican en revistas de comunicación indexadas en scopus", é toda unha lección obxectiva sobre a situación actual dos traballos científicos nas redes sociais, facéndonos ver ese espazo infinito ao que acoden os humanos para comunicarse, atoparse e ilustrarse, tanto do pasado, como do presente cara ao futuro. A ex alumna do Instituto Marques de Sargadelos, leva unha singradura sen límites. Atrévome a prognosticar, como o fixen no seu día ante un responsable do Concello de Cervo, que estamos compartindo tempo e lugar cunha dama cuxa pegada será histórica no devir para as xeracións de mozas que toman a substitución ante o goberno do buque no que navega a sociedade civil, e como di a autora "para a sociedade, queda demostrado que a vontade maioritaria fai que as cousas cambien". Apliquemos as Tecnoloxías de Información e Comunicación con acento galaico, desde aquí e para aquí; sempre con orgullo de vello pobo, sempre coa nostalxia de pertencer ao Reino de Galicia, ¡Aí é nada!. Hoxe presta servizo nun gran Hospital público. O Hospital Universitario de Getafe, conta con esta Doutora experta en Documentación e Información Contemporánea tralo seu paso pola Universidade da Cidade Santa de Occidente onde a súa tese doctoral obtivo a máxima cualificación, e así realiza as memorias científicas dunha gran empresa hospitalaria que conxuga asistencia, docencia e investigación. Sara Mandiá pertence a unha xeración que sente Galicia nese proceso de coñecemento doutros pobos cos seus costumes e historia, pero dese xeito faise máis forte e convincente o seu núcleo esencial galaico, goza comparando o bullicio dunha capital no Estado, cos silencios só rotos pola música do vento e do auga, na súa Sargadelos de Cervo, botando de menos o son da gaita nas paredes do máxico Muiño onde San Pascual Bailón a agarda ou a escultura que Quique Guerra fixo, en óso de balea, un gaiteiro que saudará o regreso a casa dunha Doutora á que todos desexamos que algún día ou vento mareiro do nordés, nola devolva á nai terra -Ítaca- para ensinar ás súas xentes o moito que aprendeu noutros recunchos e con outros acentos. Mentres tanto, Os Aventados non só a felicitan, tamén lle desexamos mil primaveras de éxitos e felicidade.
Para os galegos o 25 de xullo é a nosa Festa Nacional. Como Comunidade Histórica temos, podemos e queremos, celebrar tal día como símbolo da nosa identidade como pobo, con idioma, cultura e territorio.
Os que vivimos e sentimos esta costa Cantábrica do norte Galaico temos un lugar de referencia. Como o tivo Isaac Díaz Pardo, cuxo centenario celebramos este ano malia a pandemia. Deulle continuidade ao espazo industrial e cultural do Sargadelos nado no século XVIII, inaugurando fai corenta anos esa Cerámica multidisciplinar que asenta na parroquia de Santiago de Sargadelos do Concello de Cervo, por onde discorre o río Rúa camiño da Enseada de Rueta deixando ao seu paso canteiras de caolín, fragas en Rúa e Trasbar, muíños que moven as augas, fentos que se volven cor ouro coas choivas do outono, ou esas marabillosas hortensias multicores.
Sargadelos é o corazón da Mariña. Os visitantes da fábrica inaugurada en 1970, sempre se quedan atónitos diante desas figuras denominadas Mambrú. Ese personaxe nada ten que ver coa canción que as mozas da miña xeración cantaban cando saltaban á corda. Posiblemente, a súa orixe teña que ver con aqueles alfareiros ingleses que entre 1845 e 1862 traballaron para Don Luís da Riva e saíron dos seus fornos na IIIª e IVª etapa, cando a industria dirixíaa Edwin Forester e a Dirección correspondía ao neto do fundador, Don Carlos Ibañez, ao que correspondería a triste sorte de pechar en 1875. Por certo, na nosa inmortal Mondoñedo, chamáronlles Pachecos ou Macacos.
Personalmente prefiro as escribanías e os tarros de boticas. Sigo escribindo con estilográfica e emocióname recordar aqueles plumines que mollados na tinta servían para longas epístolas que a data de hoxe conforman documentos cargados con historias e descricións capaces de axudar aos historiadores para aproximarse á verdade de condutas e razóns de ser en personaxes con valor comunitario. Os tarros son fermosos recipientes que a mandato manexaba o primeiro boticario de San Ciprián, Don Julián Lopez García, discípulo do Pai Baltasar Merino.
Pasear por Sargadelos é recordar a Isaac Díaz Pardo e aquelas palabras que a modo de sentenza pronunciaba en 1946 para unha entrevista: "O artista ha de desgarrarse as entrañas ao parir unha obra e as súas pingas de dor e ledicia lograrán facerse permanentes, de tal sorte que a harmonía maniféstase entre a expresión e a forma".
O pasado 27 de setembro tivo lugar fronte ó concello de Ribadeo, ás 20 horas, unha concentración polo clima.
Tempo ten pasado dende que a unha relixión se lle ocorreu meter nun libro, o da Xénese, aquelo de 'esparcídevos e dominade a Terra'. Aínda faltaba para que Darwin explicara a supervivencia das especies ou para que se poidera seguir a expansión da raza humana por todo o planeta. E polo tanto, para ver cumprida efectivamente a profecía do dominio sobre a Terra. Un dominio que ten levado a que creamos como se nós non formáramos parte desta Terra que andamos a dominar. Aínda estamos a caer na conta que litro de petróleo que se colla e queime é litro de petróleo menos que temos para mañá, pero tamén uns 1500 L de dióxido de carbono que se lanzan á atmosfera, a máis de calor que lle metemos ó medio ó queimar, e calor que facemos que se acumule ó non poder despedilo ó espazo, entre outras cousas. Como cativos sen control cun xoguete novo (cada vez menos novo, cada vez máis descontrolado) e complexo (con complexidade aínda por descubrir) xogamos con el como se non tivera fin, ata que nos cansemos ou 'se canse', se estropee.
E xa hai tempo que comezou a funcionar peor. Abres o xornal, e é raro que non atopes calquera día con novas 'illadas' como as que atopo esta mañá: 'Un glaciar no Mont Blanc, ó bordo do derrube', onde a nova salta máis que nada polo peche de estradas afectadas, ou 'A suba do nivel do mar ameaza con contaminar os acuíferos das zonas máis secas de España', onde a preocupación tamén é a consecuencia: a falta de auga para seguir o ritmo que se impón á natureza. Preocupados polas consecuencias, está tardando a viraxe á preocupación polas causas, necesaria para evitar a desfeita, e máis aínda cando as causas interfiren coa nosa vida máis inmediata. Aí temos, tamén estes días, con moita máis difusión mediática, os peches da planta de alúmina-aluminio en San Cibrao, cara ó que se vai, ou o peche da central electrotérmica das Pontes, anunciado. Moita máis difusión mediática porque afecta directamente ó emprego, e á riqueza, tal como se concibe de xeito maioritario hoxe en día. Sobre a xestión da planta de alúmina e os perigos de que a dirección emigrara xa alertou hai tempo xente (como Isaac Díaz Pardo na Voz de Galicia, o 7 de febreiro do 1998), aínda que neste caso a relación coa emerxencia climática non é máis ca unha mínima parte do perigo pola balsa de lodos, e -simplificando- o peche virá cando as regalías a Alcoa sexan inasumibes para garantir unha rendibilidade elevada. Nas Pontes, o impacto da empresa sobre o medio é máis visible a curto prazo, e directo: a planta é o principal foco individual de emisión de gases de efecto invernadoiro na península. Mais, en ambos casos, o sistema económico político viu ignorando as causas, e agora resulta difícil (máis ben imposible) combatir os efectos.
Cousas como estas, con efectos bruscos, fondos, e máis achegados a nós, son as cousas que están sacudindo o xeito de pensar ó presentar, de súpeto, un calexón sen saída. Son as cousas que rematarán sacudindo o sistema ante a necesidade de colaboración e distribución en tódolos sentidos, ante a supervivencia. Cousas que levaron á concentración de Ribadeo a contar cunha asistencia entre 200 e 300 persoas (segundo que se conten ou non as incorporacións eventuais) e a ser un éxito de cara ó comezo dun cambio necesario na bisbarra.
Quedan anécdotas como que unha parella de policías locais presentouse insinuando que a concentración non tiña autorización (e entón, a ver que se facía coa interrupción da vía pública que se estaba a dar), para rematar asumindo que nin Alcalde nin Xefe da Policía Local parecían estar enterados (e o que había que facer estaba moi claro, axudar a que todo transcorrera ben). Pero son anécdotas, o mesmo que a propia concentración, ante a magnitude do problema, que en Ribadeo xa levou a un aumento da temperatura media anual de 0,6 ºC no que vai de século. Considérase que sería un desastre chegar a un incremento de 2 ºC a nivel global sobre a media do século pasado, e ese aumento significa que xa levamos case a metade, pois a finais do século XX xa se tiña comezado a carreira cara arriba.
Venme á cabeza aquelo de 'a Deus rogando, e co mazo dando', que neste caso implica non só facer as cousas de xeito diferente, senón ir abondo máis aló, mesmo decrecer, algo que o sistema, tal como está concebido e funcionando, non permite.
Objetivo asistencial en FITUR: lograr ocupación en la hostelería. Al menos en lo que se refiere al norte Lucense. ¡No lo comparto!. Siempre son los Concellos quienes dinamizan la oferta ferial y no la sociedad civil. Volvemos a quejarnos de como la política estrecha el espacio del tejido real con habitantes del país y las asociaciones culturales que trabajan durante todo el año, a pesar de la política de una Diputación que convoca ayudas y luego las hace inaccesibles por burocracia de oficinas interventoras.
Tengo razones y conocimientos profesionales -cinco legislaturas en un Parlamento que logró hacer de Euskadi una cita para el turismo de calidad en pleno contencioso protagonista en las páginas de los sucesos- para señalar que las formas y el fondo de la cuestión siguen siendo un error. ¡No somos el Mediterráneo!.¡ Esto es el Reino de la Lluvia!
Mondoñedo debería ser la ciudad de la Cultura en la Galicia del norte. La ruta de los balleneros una oferta atractiva, desde Rinlo hasta la Estaca de Bares, con un centro que interpretara la "sinfonía" de toda la épica ballenera en la Galicia Cantábrica, más allá del éxito del Museo Provincial del Mar. Estamos ante la primera industria transformadora que fue el gran negocio desde el siglo XII hasta el XVIII. Sargadelos, un lugar a conectar con los visitantes de Auguas Santas, ofreciéndoles la historia de los tres Sargadelos: El arqueológico del siglo XVIII. El decorativo de la loza del siglo XIX. El sueño que pusieron en marcha Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.
Hagamos examen de conciencia. ¿Quiénes son los/las responsables de la cultura en A Mariña?. ¿Cuánto espacio y recursos ocupa la Semana Santa y cuánto se le dedica a "un mar de cultura"?. ¿Qué esfuerzo se hace desde la Xunta de Galicia y desde la Diputación para dinamizar, todo el año, el patrimonio histórico, artístico, costumbrista, ecológico de la vieja Britonia?. ¿Cómo influyen el estado de las carreteras y ferrocarril?
El otro día eché una flor a la mar. Lo hice en señal de duelo por el alma del yate Garoa. Por lo que fue y lo que pudo ser y no fue. Viajar por nuestras rías, acercarnos a las islas, mientras alguien cuenta leyendas y rinde homenaje a los mareantes, tendría enorme éxito.
¿Dónde está esa inversión productiva para recuperar los cascos históricos y convertirlos en escenarios para artes plásticas, artesanía, música, cita de juglares?. De todo lo que ha nacido nuevo, sin duda me quedo con el Ribadeo Indiano, y esa sorprendente cita cultural en Burela.
Cando escribo isto, chove, fai frío, anuncian temporal. Estou a piques de viaxar desde o norte Cantábrico á cidade das Murallas Patrimonio da Humanidade. Teño que contarlles aos lucenses, no impresionante marco do Círculo das Artes -1855- o contido do meu último libro: Islas San Cyprianus. Orgullo y Patrimonio. Somos unha tripulación de argonautas á procura daquel bálsamo para as almas que no Século de Ouro, Cervantes denomina de Fierabrás.
Carlos Novo Cal, Sito Otero Regal, Vicente Miguez Salgueiro e eu mesmo, "Bígaro", somos viaxeiros que no canto de vender Biblias ao estilo George Borrow, ofrecemos un territorio máxico, Reino da Choiva, con recunchos onde a alma sensible reconcíliase con aquel principio-maldición de Murphy, hoxe de rabiosa actualidade. A Mariña é un refuxio, como o era para os mareantes que chegaron ao Castro Celta da Atalaya, ou a San Martiño con Maeloc.
Estamos ás portas de FITUR. O turismo segue sendo a esperanza para os ingresos dun país endebedado ata as cellas. Máis aló de Toledo, Granada, Barcelona, están Compostela e Finisterre. Pero Galicia é inmensa e inmortal. Ao norte do norte, estamos os habitantes de Britonia, a provincia invisible de Mondoñedo, as praias de mica e caolín, os tres Sargadelos: Reais Fábricas; fermosas vaixelas; soño de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, con ese marabilloso mural que asemella un daqueles guerreiros nos Denarios Ibéricos.
A Mariña é moito máis que As Catedrais -Auguas Santas- É a épica ballenera: Noís, Burela, Rinlo, Bares, San Ciprián. Son as Illas coas súas lendas, desde os Trileucos ata a Coelleira. Os seus portos rías con aquela fermosa historia das carpinterías de Rivera, onde se constrúen buques nun rito que comeza elixindo a madeira do Carballo nas nosas fragas. Atalayas con faros ou con historias de fachos para orientar á navegación a vela, como esas ruínas en San Tirso de Portocelo, e desde logo o fermosísimo casco histórico de Viveiro.
Estamos dispostos a contar ao viaxeiro esas historias ou lendas nas acolledoras casas para turismo da natureza. A lenda do Mariscal; a da Serpe de Coído, a do Conde Santo, a de Merlín e familia, a de Simbad, a do Bispo que afundiu a unha flota Normanda; a das nosas sereas, a de mouras escondidas entre as pedras dos fermosos caseróns que foron lugar para salgaduras. En torno á hospitalidade das nosas xentes, coa súa arte culinario.
E o mellor: Os nosos personaxes. Xentes de mar. Patróns artesanos da navegación a vela. A personalidade das nosas bravas mulleres, viúvas en vida ou de naufragios. Artistas, artesanos, músicos, escritores, que conforman unha Santa Compaña que fai máxicos os nosos Campos Santos, á beira de lugares nos que celebramos as nosas romarías.
Explícase, desde o coñecemento, que a nosa costa e lugares como Illas San Cyprianus, aparezan en toda a cartografía mariña, portolanos, derroteiros e cadernos de viaxeiros. Somos un dos enclaves máis atractivos que pode visitar quen teña alma de trovador aventureiro, ou sinxelemente buscador do Santo Grial da Paz para conversar co ser humano que vai connosco mesmo e necesita curar as feridas que produce a propia vida no medio dun mundo complicado.
Hai xa máis de tres anos que, debido á oposición municipal, conseguiuse en Tapia que non se destrozaran os lagos de Salave para crear unha mina de ouro a favor dunha multinacional canadiana. Pois volta a comezar: outro proxecto, menos intrusivo, iso si, está xa sobre a mesa. Esperarei a saber máis que o que hoxe trae a prensa e conectarei coa presentación que daquela fixera: coido que agora será a cousa diferente, pero o fondo por desgraza seguramente será parello. Unha ventaxa: unha volta sabido e se venceu unha vez, o enfrontamento preséntase dende unha óptica diferente, con máis moral e tamén con posibilidade de mellorar a estratexia. Hoxe trae a prensa o resultado dunha sentecia do supremo: Segismundo García debe ser indemnizado. E, quen é? Por quen? Por que? É o propietario de varios negocios en Ribadeo, debe ser indemnizado por un dos iconos da cultura galega, Isaac Díaz Pardo, e porque iste, a raíz de diferencias sobre como se debe de levar a dirección do grupo Sargadelos, comezou a insultalo. Resultado: intromisión na honra. 100 € de multa. Despois do tratamento mediático que tivo o caso, unha indemnización irrisoria. Mentres, como segue o grupo Sargadelos, unha das insignias da industria galega pola proxección que ten? Da a impresión de que podía ir mellor. O caso que trata a prensa é só unha as arestas que leva anos emponzoñando un grupo de empresas punteiro, que inclúe un grupo de comunicación. Isaac Díaz, mentres, vai de xulgado en xulgado, como se pode ver seguindo a prensa. Para rematar doutro xeito, deixo algún dato estatístico sobre Ribadeo: o ano pasado había case un 3 % de residentes estranxeiros en Ribadeo, e a idade media dos ribadenses censados pasaba de 45 anos, sendo máis lonxevas a mulleres que os homes. O saldo de mortos / nacementos é de 108 contra 63, co que, se non fora pola inmigración, Ribadeo tería 45 habitantes menos. Contando con ela, ten 157 máis. É dicir, Ribadeo medra, pero en certo xeito é cada vez menos Ribadeo. Mellor: está pasando a ser 'outro Ribadeo'. Mellor ou peor para vivir nel? Sinxelamente, diferente. O de mellor ou peor incide noutras características máis relevantes para o tema.