Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Fernández Reinante. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Fernández Reinante. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20241125

Un izado de bandeira

    Hai uns días difundín a convocatoria do izado de bandeira na praza de San Miguel de Reinante, correspondente co que o ano anterior se fixera na Frouxeira e cos que se fixeron tano o pasado ano como este ou no anterior máis en diversos puntos de Galicia. Deixo agora aquí algunha cousa sobre o tema, enviadas por Pancho Campos e Enrique Fernández Rivas, a máis do comunicado de Via Galega despois do acto.





    Comunicado:

Máis de 170 localidades izaron hoxe a bandeira e 56 Concellos realizaron distintos actos, na acción promovida por Vía Galega, nos que a bandeira galega foi protagonista

Durante esta semana, a bandeira galega tivo presencia na rúa e pendurouse en vivendas e fiestras de toda Galiza. Está acción enmárcase nas campaña que VIA GALEGA vén desenvolvendo para divulgar e e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira.

Levamos tres anos facendo coincidir esta campaña, na que a bandeira galega é protagonista durante unha semana, co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Este ano cúmprense 106 anos daquela efeméride, na que asinaban un manifesto, entre outros, Castelao, Ramón Cabanillas, López Abente, Xaime Quintanilla, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Victoriano Taibo, Anxel Casal, Ramón Villar Ponte e Xoán Vicente Viqueira que se proclamaban nacionalistas, afirmando: Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós, nomeámonos, de hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

Dando resposta a este chamamento de expresión da nosa condición nacional mediante a nosa bandeira, hoxe, 23 de novembro, máis de 170 localidades izaron a bandeira e 56 concellos realizaron distintos actos, nos que a bandeira galega foi protagonista. Nestes actos recitáronse poemas de Marica Campo (creados expresamente para está campaña), Manuel María, Ramón Cabanillas, Pousa Antelo, López Abente, Delgado Gurriarán alusivos todos eles a nosa bandeira.

Contouse ademais con diferentes actuación musicais e deuse lectura ao un manifesto referido á xestación e significado dos nosos símbolos, á relevancia e actualidade do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercermos e existirmos como pobo.

Para moitos destes actos contouse tamén co apoio dos concellos para a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira e que siga ondeando no futuro. Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos, hoxe, non lle foi posíbel, mais que teñen a intención de colocala no futuro.

Entre os concellos que se izaron bandeiras e se realizaron actos están: A Coruña, Guarda, Allariz, Ames, A Mezquita, A Pobra de Brollón, A Pobra de Caramiñal, A Rúa, Arzúa, Barreiros, Bueu, Cangas, Cedeira, Compostela, Fene, Ferrol, Gondomar, Lugo, Maceda, Mazaricos, Moaña, Moeche, Muras, Muros, Narón, Ourense. Outes, Pontevedra, Pontecesures, Porto do Son, Redondela, Ribadavia, Samos, San Sadurniño, Santiso, Taboada, Teixeira, Teo, Tomiño, Tui, Val Miñor, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vigo, etc.

VÍA GALEGA móstrase moi satisfeita polo resultado da campaña de exposición e exhibición da nosa bandeira levada a cabo do 17 ao 23 de novembro. Unha resposta activa que supuxo que se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas.

VIA GALEGA continuará no empeño de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois, se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son o noso carné de identidade que amosan a nosa pertenza a unha nación. Os símbolos patrios únennos como galegas e galegos; fortalecen a nosa tan necesaria estima colectiva e afirman a nosa vontade de sermos donos do noso destino como pobo.

20240930

Maragatos en Ribadeo

    Republico 'Maragatos en Ribadeo' despois da variación da páxina orixinal de EGERIA.

Maragatos en Ribadeo?

Maragato, pato,
unha zoca i un zapato.
Maragato, pato,
fillo dunha cincha,
cando o galo canta,
o maragato rincha.
(Ditos recollidos de 'Falan os de Ribadeo')

    Si, maragatos en Ribadeo. Din as indicacións de sistemas modernos que Ribadeo atópase a unhas 44 horas, 200 km, andando, da capital de concello maragato máis próximo, Brazuelo. Non é moito se consideramos que os maragatos tiñan fama de comerciantes que levaban produtos dun a outro lugar, e que ruta máis ou menos inversa facían de xeito anual aqueles que nomeaba Rosalía e que 'cando van, van como rosas, cando vén, vén como negros'. A lomos de animais ou en carros dos que os maragatos eran os arrieiros, veñen a significar seis ou sete longas xornadas de viaxe, se nos fiamos do que parece era normal na época, uns 30 km diarios no transporte de sal e outras moitas mercadorías. E se a maragatería era un centro de dispersión comercial guiada polas súas xentes, Ribadeo era o porto do Cantábrico por excelencia xa no século XVIII, onde as facilidades do transporte por terra tardaron en chegar, aínda coa ilusión do ferrocarril entre Ribadeo e o Bierzo truncada a partir da Pontenova dende hai máis dun século. Existen en Ribadeo as rúas de Vilaoudriz, moderna, pero adicada á outra punta do vello ferrocarril mineiro, unha realidade que dinamizou a cunca baixa do Eo, e de Vilafranca, antiga, pero adicada a unha ilusión: o entronque co ferrocarril á meseta, que nunca chegou e que sería o recambio dos arrieiros maragatos. Os maragatos forxaron a súa lenda neses tempos nos que se comezou a poder viaxar entre a meseta e Galicia con lentitude, pero cunha certa seguridade, e aqueles outros nos que a rapidez mecánica arrombou o poder animal no transporte nesas rutas. E tamén pola súa labor nos comezos desa nova época.

    Cando penso en 'maragatos', ás veces vén á miña cabeza a verba 'inmigrantes'. Cousas da historia, viñeron doutra terra, no seu momento, pero a integración, que en xeral comezou antes de establecerse aquí coas sucesivas viaxes realizadas, continuou, e xeracións despois, fai que hoxe, na zona de Ribadeo, non teña ningún sentido xuntar ambos conceptos, a pesar de seguir usando a cualificación toponímica de 'maragato' como recoñecemento dalgún ancestro nado aproximadamente na Maragatería.

    Os primeiros maragatos que se me veñen á cabeza son a familia Nistal, chegados da zona de San Justo de la Vega. Está ligada coa Empresa Ribadeo de autobuses, no que parece unha continuación lóxica do traballo familiar, e un Nistal é referido por Chemi Lombardero entre os maiores contribuíntes para elección de compromisarios do Senado xa no 1907, indicando en ambos casos unha saudable economía. Mais o mesmo apelido, a poucos quilómetros, en San Miguel de Reinante, atópase ligado a unha taberna e ultramarinos, do mesmo xeito que en Ribadeo tampouco se quedou estático en torno ó transporte, senón que diversifican a súa actividade no mundo do comercio ou a hostalería. Nada moi diferente do que pasou noutros lugares con outros maragatos. Iso si, se a xente que en España leva o apelido Nistal achégase en España as 3000 persoas segundo o INE, e unha cuarta parte está na provincia de León, á que pertence a comarca da Maragatería; en Lugo non chegan ós 50, o 1,5 %, pero de eles, case a metade está relacionada con Ribadeo.

    En 1930 constituíase a empresa Ribadeo de autobuses. Os donos? Tres familias de orixe maragato, os Freire e dúas ramas dos Nistal. Non hai xente de certa idade que non teña coñecido e viaxado coa coñecida en Ribadeo como 'A Empresa' ou coas siglas 'ERSA'. Empresa que aglutinou os transportes previos dos que dispoñían os seus donos e acadou gran pulo no transporte galego. Estableceu entre outras unha liña entre A Coruña e Xixón, colaborando con Automóbiles de Luarca, a actual ALSA, encargándose unha da parte galega e outra da parte asturiana, con trasbordo en Ribadeo. A empresa, segundo Martín Fernández Vizoso, era a principal fonte de emprego en Ribadeo a mediados do século pasado, mais a súa decadencia levouna a ser mercada por Industrial Auto, S.A. (IASA) e desapareceu como nome comercial a finais do século pasado.

    Os maragatos aparecen aquí e aló na zona de Ribadeo. Ás diversas ramas da familia Nistal engádense outros apelidos. Pódese descubrir, por exemplo, na colección de fotos 'Ribadeo na Memoria' a foto coa que ilustro este texto, anónima e de data indeterminada, que amosa a familia diante da Casa Maragato, na parroquia de Covelas, acompañada dunha lenda lembrando a orixe e o carácter comercial dos maragatos. Ou nas citas relacionadas con Jesusa Puentes, dos Maragatos de San Miguel, e dona de Don Ramoncito, parella ineludible da vida daquel entorno a mediados do século XX. Ou Alfredo do Maragato, con casa grande en Abelleira, San Pedro de Benquerencia, a comezos do século pasado.

    En Ribadeo hai un vello caserón almeado, o chamado 'cuartel vello', casa-torre con máis de tres séculos feita polos Sierra Pambley, descendentes fidalgos con orixe na beira da Maragatería, e que foron mecenas nesta terra adicando anos despois a casa a escola, a Obra Pía Sierra Pambley (1713), segundo relata Francisco Lanza no seu 'Ribadeo Antiguo'. Ós seus pés, como nos fai chegar Pancho Campos nun dos seus escritos, unha horta de hoxe con columnas de antano conta a súa historia como corte que servía para os bois dos maragatos chegados a Ribadeo. Os maragatos hai moito tempo que chegaron a Ribadeo.

-

En Maragatos de Lugo.org

Posterior alusión e audio no El Progreso (min. 15:50)

20231010

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE VALLEDOR. Pancho Campos Dorado

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE VALLEDOR

Pancho Campos Dorado

Pazo dos Valledor. Escudo.

O Pazo dos VALLEDOR está en Castropol. É un edificio do século XVIII ao que se accede por unha gran portada rematada por un arco de medio punto sobre impostas algo saíntes e con molduras. Os riles do arco están gravados en baixo relevo con motivos florais que ocupan o espazo até as dovelas laterais da clave, e o todo enmarcado entre dúas columnas, sobre cuxos capiteis se sostén a obra de cantería do gran escudo heráldico da familia VALLEDOR.

Escudo de armas medio partido de dous trazos e cortado de dous, coa campaña partida, traendo un campo de oito cuarteis. Escudo composto das Armas familiares da Casa dos VALLEDOR e que se atopa en magníficas condicións de conservación. Está protexido da choiva torrencial por unha cornixa de cantería formando un arco de medio punto, típico abeiro dos escudos heráldicos. O seu contorno é o dun escudo español de forma cuadrilonga, redondeado polo baixo e terminado en punta no medio da base ó estilo francés (1), cun contorno de gran campo para dar amplitude ás pezas e mobles dos brasóns representados. Está timbrado cun helmo de fidalgo, repuxado con resaltes de figuras en relevo, e adornado cun penacho de cinco plumas, dúas pequenas extremas e tres centrais de maior relevo. Está situado de perfil mirando a destra e viseira alta levantada, e a parte inferior baixada, colocado sobre unha gola ou gorxal amplo de dúas pezas. Cerrando a abertura do helmo percíbense catro grilletas perforadas, o que nos da a coñecer a súa distinción de fidalgo antigo e cabaleiro revestido de algún cargo importante no exército ou na corte do soberano, así como que o escudo representa tres liñas maternas e paternas, armas familiares con parentesco de consanguinidade.

O campo está rodeado, a destra e sinistra, de lambrequíns sinxelos a modo de ornamentos florais formando molduras enlazadas, e na punta (parte baixa) remata nun sostén a modo de vieira de peregrino rodeada dunha labor de “encaixe” de bodoques que conforman un conxunto de moi elegante e señorial presenza.

Na bordura alta podemos ler: “EL SOLAR DEL VALLEDOR ES ANTIGVO I DE GRAN VALOR”. É un lema algo máis curto do que describía o escudo, tamén dos VALLEDOR, que estaba na casa de don Justo Barreiro Martínez, na antiga rúa de Figueirúa de Ribadeo, hoxe rúa de Buenos Aires: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO” (2). Ao expresarse en ambos lemas o termo “EL SOLAR”, quizais é probable que Balledor / Valledor queira dicir Valadouro, do latín “Vallis” ou “Valles” (feminino) ou simplemente se refira á “Casa nobre e patrimonial”, aquela máis antiga da familia onde se mantén ou mantivo a liña sucesoria da súa liñaxe. O escudo da rúa da Atalaia de Ribadeo (3), máis antigo dos Valledor, carece de lema.

Primeiro cuartel: cortado. En xefe, ou parte alta, unha árbore arrincada (coas raíces á vista); e na parte inferior do mesmo cuartel, dous cans, o de atrás con colar, perseguen a un xabaril pasante a sinistra preto dunha árbore sinistrada e arrincada.

Segundo cuartel, en xefe, un cabaleiro con espada envaiñada á sinistra que pasa por detrás da figura e a punta saíndolle por destra, empuñando coa man dereita unha lanza alta (vertical coa punta arriba). Na parte inferior, un castelo con tres torres; da central de maior tamaño ou de homenaxe, sae o corpo dunha aguia coas ás despregadas. Parece ser o guerreiro dos VILLAAMIL (4), surmontando ó castelo e aguia das primitivas armas dos ALVARADO (en campo de azur, un castelo de ouro sumado dunha aguia) ou dos ARTAZA (en campo de azur, unha torre de ouro e nacente das súas ameas unha aguia de prata). Faltan os esmaltes para precisalo.

Terceiro cuartel, unha flor de lis superada dunha estrela de sete puntas sinistradas dunha árbore moi erosionada (en campo de gules, unha lis de ouro superada dunha estrela de prata sinistradas dun teixo de sinople). Son armas puras dos VALLEDOR. Na parte inferior, un home groso con faldra remexe coa man destra o contido dunha caldeira guindada do gancho dunha gramalleira, sinistrados dunha grande oriflama, insignia ou estandarte militar de dúas puntas ou farpas, fincado no chan. Figuras propias dos VALLEDOR reflectidas, en parte, tamén no escudo dos BALLEDOR de Ribadeo (5).

Cuarto cuartel, dous lobos andantes contornados (cara á sinistra) en pau (un sobre do outro), surmontando unha árbore desraizada acostada de dúas aspas, unha en cada flanco. O brasón total semella as moi antigas armas dos CRÚ(Z) MONTENEGRO DE BARRAGÁNS, de Pontevedra. En particular puidera interpretarse, como un brasón cortado: 1) dous lobos andantes contornados en pau; 2) unha árbore desraizada acostada de dúas aspas. Os lobos serían dun matrimonio OSORIO. Isto é dubidoso, pois os lobos de OSORIO, son andantes cara á destra, en pau, lampasados (coa lingua á vista, e de distinto esmalte) e desollados ou sanguíneos (de gules), isto non podemos precisalo nesta representación en pedra, pois carece de esmaltes.

Quinto cuartel: un escusón (escudiño do abismo ou centro do campo) coas armas dos YBIAS. Con bordura, na que se pode ler o lema “YBIAS YBIAS (en xefe) DIOS (flanco sinistro) ME A (en punta) YVDE (flanco destro), [“YBIAS, YBIAS DIOS ME AYUDE”] intercalado entre oito aspas. As figuras do brasón son: en xefe, unha torre de planta circular de catro ameas (á vista, dúas medias laterais e unha central) sinistrada dunha figura, quizais unha brisura (unha mirleta dun fillo primoxénito ou dun cuarto); e en punta, un cabaleiro armado na man destra cunha espada ou cun látego que serpentea no aire á súa sinistra (puidese ser unha serpe (6)), portando unha adarga e atacando a outro home case derrubado ou sentado no chan, que se escuda do ataque cunha adarga na dereita e a man esquerda apoiada no chan, onde parece ter unha espada desenvaiñada. Ao lado destro do cabaleiro en pé hai unha estrela, posible brisura tamén, correspondente ao brasón dun fillo terceiro cando o primoxénito, nas súas armas, luce unha mirleta.

En heráldica o escusón representa o corazón do escudo, e era unha peza que concedía un soberano por algunha fazaña merecente dun brasón que cargue sobre o todo. Anotemos, como curiosidade, que algunhas veces o escusón era un distintivo amoroso, pois a miúdo nos torneos ou lizas medievais, o cabaleiro colocaba no centro do escudo un sinal ou unha cor distinta que só podía ser comprendida pola dama por quen suspiraba. (7)

Sexto cuartel, unha torre redonda de cinco ameas, donxonada dunha torre de homenaxe tamén de cinco ameas, a cuxo arredor hai sete aneis; un superando ambas torres, tres e tres en flancos e unha máis dentro do portalón da torre baixa. Son armas dun brasón descoñecido tal como está, pero puidera tratarse dun brasón dos PÁEZ (en campo de azur, un castelo de ouro, aclarado de gules e rodeado de nove roeles de ouro en orla). Probaron a súa nobreza nas Ordes de Santiago, Calatrava, Carlos III e en San Xoán de Xerusalén, e son tamén familia de membros da Santa Inquisición (8).

Sétimo cuartel da campaña partida (cantón destro da punta), brasón cortado, na parte alta unha figura quimérica alada. Poden ser armas de REBOREDA ou o grifón alado dos ARRIBA que está botándolle a pata destra a un home encarado que empuña un látego que arrastra polo chan. A sinistra do home, centrada en xefe, unha estrela, probable brisura dun fillo primoxénito. Abaixo, unha aguia voante ou de ás estendidas, mirando a sinistra, que puidera ser a aguia dos PARDO de D.ª MARÍA PARDO Y LOSADA ou de D.ª MARIANA RAIMÚNDEZ PARDO OSSORIO MIRANDA Y AZCUEDO, ambas emparentaron cos VALLEDOR segundo consta na xenealoxía do Padre Crespo (ver abaixo)

Oitavo cuartel da campaña partida (cantón sinistro da punta), brasón cortado, presenta na parte alta unha ponte de pedra de tres ollos superada dunha árbore acostada entre dúas aspas, unha a cada costado. Son armas dos BEGA ou VEGA (de gules unha ponte sobre un río de azur e prata [neste brasón o río non se ve]. Unha árbore do seu color acostada de dúas aspas de ouro unha a cada costado). Na parte baixa, unha torre mocha con catro lanzas altas (puntas arriba), dúas a cada lado do portón; parece un dos variados brasóns das armas dos LANZÓS, particularmente co relacionado cos Condes de Maceda da fortaleza de Betanzos (en campo de ouro, unha torre de pedra co seu homenaxe, acostada de catro lanzas de ferro, con puntas de azur dúas a cada flanco). (9)

Este escudo de armas dos VALLEDOR, presenta en cada cuartel labras de brasóns matrimoniais, polo que parece ser posterior ao ano 1774, data que presenta o escudo da rúa da Atalaia de Ribadeo, onde se reflicten os brasóns individuais. (10)

Notar aquí, que era moi frecuente entre familiares de reis e de nobres a endogamia (matrimonios entre persoas dunha mesma liñaxe: primos carnais e segundos entre si, tíos e tías con sobriños, etc.). Esta era un costume moi antigo que xa practicaban os hebreos, os faraóns de Exipto, os incas do Perú ou os aztecas de México, con obxecto de conservar a raza de puro sangre azul. Hoxe practícase entre algunhas familias das altas finanzas, quizais máis por motivos de confianza e afinidade de raciocinio, que “de casta".

A xenealoxía que fomos recompilando comeza en, segundo a obra do Padre Crespo del Pozo, con: D. PEDRO FERNÁNDEZ DE VALLEDOR casado con D.ª MARÍA ACEBEDO PARDO Y TABOADA (coñecida en San Miguel de Reinante por D.ª MARIA PARDO DE ULLOA. Casados antes de 1656. D.ª María é a sexta filla de D.ª MARIA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA [da “Casa Torre de Pumarín” de San Miguel de Reinante] e de D. GREGORIO ANTONIO DE ACEVEDO PARDO VILLAMIL Y MONTENEGRO (de Castropol, fillo de D. Juan de Acevedo Pardo e máis D.ª Catalina Villamil y Bolaño)

Para non estendernos máis neste artigo, resumiremos a xenealoxía á contemporánea dos dous últimos séculos ata os nosos días:

D.ª MELCHORA VALLEDOR Y LAMAS (f.1829) casada con D. JUAN ANTONIO MENÉNDEZ NAVIA VILLAAMIL Y TRELLES (1752-1815)(fillo de D. BALTASAR MENENDEZ DE NAVIA Y VILLAMIL, Señor da Casa de Navia del Limonar de Navia, e da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante. Casado con D.ª MARÍA LUISA TRELLES PRELO Y CASTRILLÓN). Teñen por filla a D.ª MARÍA LUISA MENÉNDEZ NAVIA Y VALLEDOR (1771-1852) casada con D. VICENTE FRANCISCO JOSE LAMAS DE LA TORRE (1765-1817)(Señor do Pazo de Quintalonga) que teñen por fillo a: 1. D. RAMÓN DE LAMAS NAVIA OSORIO (n.1795) (representante do Reino de Galicia no Trienio Liberal de 1835) e a 2. D. VICENTE LAMAS MENÉNDEZ (1796) (señor do Pazo de Quintalonga) que casa con D.ª MARÍA TERESA NAVIA OSORIO Y ALVAREZ VIART (filla do VIII Marqués de Santa Cruz de Marcenado (1814). De este matrimonio nacen cinco fillos e pasa a herdanza ó cuarto fillo (despois de varios preitos) D. RAMÓN LAMAS Y NAVIA OSORIO (1851-1926)(Oficial do Estado Maior no Corpo Loxístico e Administrativo do Exército de Terra) que casa con D.ª ANUNCIACIÓN AMALIA SANJURJO. Teñen por filla a 1. D.ª MARÍA TERESA LAMAS SANJURJO (1886-1970) que casa en 1910 con D. JOSÉ NAVARRO REVERTER Y GOMIS (f.1942) Presidente de Telefónica entre outros moitos cargos. En Ribadeo viven na Casa de D.ª MARÍA LAMAS da rúa Viejo Pancho, que debido a lexislación franquista que negaba a autonomía da muller para gobernar o seu propio patrimonio sen permiso do marido, aínda hoxe se coñece esta casa como a Casa de Navarro Reverter, cando é a casa de D.ª MARÍA LAMAS)

Intentamos reunir as pezas que unen os Escudos de Armas do Concello de Ribadeo cós do Concello de Castropol, para coñecer a dimensión real que durante séculos unía con lazos de sangre ás familias nobles da Ría de Ribadeo, algo que hoxe, por desgracia, está totalmente perdido.

--

1 Heráldica española. El diseño heráldico. Luis F. Messía de la Cerda y Pita. Ed.1990. p.28↩

2 En Ribadeo a grafía expresaba BALLEDOR na lenda do escudo que estaba na Casa de D. Justo Barreiro. A grafía “Balledor” no escudo de Ribadeo; e “Valledor”, no escudo de Castropol, ambas da mesma familia, parecen ser a mesma palabra -“bale” ou “val”-, pero etimoloxicamente o seu significado podería cambiar: mentres un denotaría “a persoa que ampara ou auxilia a outra”(baledor, valedor), outro sería “val do ouro” -Balledor, Valledor, Valadouro-.(Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap. 18, p.146 / CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA)↩

3 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap.19, p.153 (ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA).↩

4 Heráldica de los apellidos asturianos. F. Sarandeses, Reedición, Oviedo 1994, p.376↩

5 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap. 18, p.146. (CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA)↩

6 Heráldica de los apellidos asturianos, Francisco Sarandeses, cita: “en una casa que llaman “de la Torre”, en San Emiliano (Allande) las armas son parecidas: Un castillo rodeado de ondas de azur y plata, bajo el cual está una serpiente de dos cabezas...” Reedición, Oviedo 1994, p.200↩

7 D. Modesto Costa y Turell, Ciencia del Blasón, Código Heráldico Histórico, 2ª Edición, 1858.↩

8 Blasones y Linajes de Galicia, Padre José Santiago Crespo del Pozo. Mosteiro de Poio, Edición patrocinada pola Real Academia Gallega, volume XXV, p.79.↩

9 Ibidém, volume XXI, p.147.↩

10 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap.19, p.153. (ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA)↩

 

20230820

Fotografando as Pedras da Memoria

    Hai tempo que Suso Fernández me pasara as fotos das Pedras da Memoria, e que eu esquecera o tema. Retómoo agora, usando asemade as follas de situación que chegaron á miña man a través de Miguel Jiménez Aleixandre e o mesmo Suso.

     Situación das 40 Pedras e texto de cada unha, máis foto de Suso Fernández ou Matilde González, Mati, á súa beira, e ligazón ás súas biografías se están na Galipedia con, entre paŕentese, algunha nota miña:

24 en PARQUE SAN FRANCISCO

EN RIBADEO VIVIU


MARCELINO

ÁLVAREZ LÓPEZ

NACIDO 1905

PASEADO 5.9.1936

A PONTE DO BARQUEIRO


EN RIBADEO VIVIU


DOSITEO

ÁLVAREZ SEIVANE

NACIDO 1904

EXECUTADO 24.2.1937

LUGO


EN RIBADEO VIVIU


JOSÉ ANTONIO

DÍAZ ÁLVAREZ

NACIDO 1897

PASEADO 20.9.1936

MONDOÑEDO


EN RIBADEO VIVIU


ANTONIO

FERNÁNDEZ SÁNCHEZ

NACIDO 1880

EXECUTADO 29.12.1936

LUGO


EN RIBADEO VIVIU


ANTONIO

GARCÍA FERNÁNDEZ

NACIDO 1891

EXECUTADO 12.07.1938

LUGO


EN RIBADEO VIVIU


JESÚS LONGARELA

MANCIÑEIRA

NACIDO 1881

PASEADO 7.10.1936

MONDOÑEDO


EN RIBADEO VIVIU


ANTONIO MARÍA

MARTÍNEZ LÓPEZ

NACIDO 1903

PASEADO 12.9.1936

MONDOÑEDO


EN RIBADEO VIVIU


ELÍAS

SOLIÑO MEDINA

NACIDO 1909

EXECUTADO 10.12.1937

CASTROPOL


EN RIBADEO VIVIU


MANUEL

SOLIÑO MEDINA

NACIDO 1918

EXECUTADO 10.7.1937

LUGO


EN RIBADEO VIVIU


ROSALÍA

ALONSO LASTRA

NACIDA 1875

ASASINADA 23.7.1936

RIBADEO


EN RIBADEO VIVIU


RAMÓN LUÍS

CRESPO RODAS

NACIDO 1911

ASASINADO 23.7.1936

RIBADEO




JUSTO

FERNÁNDEZ COUTO

(Nota: a Galipedia pono como Justo Fernández Suárez, exhumado en Ribadeo no 2023)

NACIDO 1910

ASASINADO 23.7.1936

RIBADEO




VICENTE

MUÍÑO TOJEIRO

NACIDO 1909

ASASINADO 23.7.1936

RIBADEO


EN RIBADEO VIVIU


MANUEL TELLA

NACIDO 1876

ASASINADO 23.7.1936

RIBADEO


EN RIBADEO VIVIU


MANUEL FERNÁNDEZ

PIÑEIRÚA

NACIDO 1890

EXECUTADO 2.1.1937

LUGO


EN RIBADEO VIVIU


JUAN

FREIRE MOSTEIRO

NACIDO 1913

ASASINADO 22.05.1938

NAVARRA


EN RIBADEO VIVIU


BEBEL

GARCÍA GARCÍA

NACIDO 1914

EXECUTADO 29.7.1936

A CORUÑA


EN RIBADEO VIVIU


FRANCE

GARCÍA GARCÍA

NACIDO 1915

EXECUTADO 29.7.1936

A CORUÑA




JAURÉS

GARCÍA GARCÍA

NACIDO 1920

PASEADO 12.1.1937

A CORUÑA


EN RIBADEO VIVIU


BENITO

IGLESIAS FERNÁNDEZ

NACIDO 1898

EXECUTADO 2.7.1938

VIGO


EN RIBADEO VIVIU


RAMÓN

MASEDA REINANTE

NACIDO 1880

EXECUTADO 31.8.1936

A CORUÑA


EN RIBADEO VIVIU


MANUEL

ODÓN SOTO

NACIDO 1876

FINOU NA CADEA 2.5.1939

VIGO




ANDRÉS

VALE BLANCO

NACIDO 1908

PASEADO 12.9.1936

MONDOÑEDO


EN RIBADEO VIVIU


JUAN ANTONIO

ARDAO SEIJIDO

NACIDO 1916

ASASINADO 9.8.1936

RIBADEO


4 en RÚA ENXEÑEIRO SCHULZ, 4 ( Antigo Cuartel de Carabineros)


AQUÍ TRABALLOU


ANTONIO

TRUJILLO RODERO

NACIDO 1888

EXECUTADO 24.10.1936

LUGO


AQUÍ TRABALLOU


MANUEL

MON MIRANDA

(Nota: exhumado en Ribadeo no 2023)

NACIDO 1892

ASASINADO 23.7.1936

RIBADEO


AQUÍ TRABALLOU


CASIMIRO

PÉREZ MARTÍNEZ

NACIDO 1893

ASASINADO 23.7.1936

RIBADEO


AQUÍ TRABALLOU


RAMÓN

LORENZO FERNÁNDEZ

NACIDO 1887

EXECUTADO 24.10.1936

LUGO


RESTO DAS PIEDRAS (nderezos ou traballo)


RÚA AMANDO PÉREZ, 42


AQUÍ VIVIU


FERNANDO

BELLÓN FERNÁNDEZ

NACIDO 1905

EXECUTADO 29.12.36

LUGO


RÚA CLEMENTE MARTÍNEZ PASARÓN, 6


AQUÍ TRABALLOU


JOSÉ CANTALAPIEDRA

CAPARRÓS

NACIDO 1905

PASEADO 1.9.1936

RIBADEO


RÚA GUIMARÁN 4


AQUÍ VIVIU


FLORENCIO

CARBALLO NOVIGIL

NACIDO 1889

PASEADO 12.9.1936

MONDOÑEDO


RÚA SAN FRANCISCO, 18


AQUÍ TRABALLOU


SANTIAGO

FARIÑAS REINANTE

NACIDO 1896

PASEADO 5.9.1936

A PONTE DO BARQUEIRO


RÚA ESPERANZA, 27 (RINLO)


AQUÍ VIVIU




AURELIO

FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ

NACIDO 1910

EXECUTADO 24.4.1941

FERROL


RÚA RODRÍGUEZ MURIAS, 1


AQUÍ VIVIU


CESAR MARGOLLES

DE LA VEGA

NACIDO 1910

PASEADO 11.11.1937

SANTALLA


BAIXADA A CABANELA, 10


AQUÍ VIVIU


BRUNO MARTÍNEZ

FERNÁNDEZ

NACIDO 1895

PASEADO 12.9.1936

MONDOÑEDO


RÚA ANTONIO OTERO, 29


AQUÍ VIVIU





LUCIANO

MARTÍNEZ PIÑEIRO

NACIDO 1882

EXECUTADO 29.12.1936

LUGO


PEIRAO DE PORCILLÁN, 8


AQUÍ VIVIU


ENRIQUE

NAVARRET GARCÍA

NACIDO 1900

PASEADO 12.9.1936

MONDOÑEDO


RÚA ANTONIO OTERO, 15


AQUÍ TRABALLOU


FAUSTINO

PENEDO GARCÍA

NACIDO 1890

EXECUTADO 13.9.1937

LUGO


RÚA ANTONIO OTERO, 23


AQUÍ VIVIU


JOSÉ TORVISO

FERNÁNDEZ

NACIDO 1883

PASEADO 11.9.1936

A PONTE DO PEDRIDO


RÚA RODRÍGUEZ MURIAS, 22


AQUÍ TRABALLOU


BENITO

LÓPEZ LÓPEZ

NACIDO 1897

FINOU NA CADEA 1940

A CORUÑA