Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Aluminio Español. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Aluminio Español. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240629

ALCOA, UN PROBLEMA PARA A NOSA SAÚDE. Pablo Mosquera

ALCOA, UN PROBLEMA PARA A NOSA SAÚDE

Pablo Mosquera

A incertidume que vive a factoría de Alcoa afecta a todo o legado que deixa detrás súa, incluíndo a “balsa de barros vermellos”, un depósito onde teñen rematado durante cuatro décadas todos os residuos químicos e non químicos despois de limpar a bauxita para extraer alúmina. Esta alúmina introdúcese en cubas electrolíticas que a transforman en aluminio líquido que se leva ós fornos de fundición para crear aluminio primario.

O transporte destes lodos faise en camión por unha estrada local que acusa xa os anos de idas e vidas destes transportes e a súa carga. A zona está cuberta dunha capa de arxilla vermella que en días de vento soe expandirse por todo o lugar, contaminando as parcelas privadas a máis de ocasionar molestias nas mucosas. 

Agora, e en previsión dun aumento na produción, a idea é ampliar a balsa para aumentar o almacenamento. “Claro que hai auga nesa balsa de barros, pero é augua procedente da chuvia e de regatos que van a parar alí”. “Esa auga é bombeada a uns depósitos para ser tratada e enviada ó mar a través dun emisario”.

O comité de Alcoa San Cibrao ten informado de que a Consellería de Sanidade catalogou a balsa de barros vermellos (Depósito de barros rojos, DBR) dA Mariña como “residuo perigoso”, polo que agora urxe á compañía a facer inversións para su ampliación.

Nun comunicado, o comité insta a que, á espera do trámite medioambiental, Alcoa aprobe “de forma urxente” a inversión do proxecto de ampliación do DBR ate a cota de 104 metros, catro máis da actual. Esta solicitude do comité procura “comezar de inmediato coa contratación das empresas concesionarias da obra e o acopio de materiais e maquinaria”.

Asociación pola Defensa Ecoloxista de Galicia: “O complexo de San Cibrao é dos complexos químico-industriais máis contaminantes de Galiza e dos que maior pegada teñen sobre o clima polas emisións e os enormes consumos de enerxía que demanda. Consume máis de 3700 GWh/ano de electricidade, o que equivale aproximadamente ao 20% parte de todo o consumo eléctrico de Galiza, ao 65% do consumo eléctrico da provincia de Lugo, e ao total do consumo eléctrico das sete principais cidades galegas. Agora, perante a desaparición da súa principal fonte de enerxía, a central térmica das Pontes, e no marco da transición cara a unha economía descarbonizada, as necesidades enerxéticas de Alcoa terán que ser satisfeitas a partir de enerxías renovables, o cal volvería a condicionar por completo o deseño do futuro sistema enerxético galego e español. Cantos montes, chairas e vales máis teríamos que ocupar con parques eólicos e centrais hidroeléctricas para satisfacer o consumo inxente de enerxía de Alcoa?

No seu proceso de fabricación de alúmina e aluminio, emite compostos gasosos á atmosfera con efectos perniciosos sobre a saúde ambiental e humana, sendo unha das cinco industrias asentadas en Galiza que máis dióxido de carbono emite (1 098 000 tm CO2), entre outros contaminantes: CO 31 000 tm; SOx 3740 tm; NOx 165 tm; HF (fluoruros) 114 tm e 177 tm de partículas PM10, segundo o rexistro estatal PRTR1. Só na fabricación de aluminio emite á atmosfera: CO2 419000 tm; CO 20.600 tm, NOx 207 tm, SO2 3.630 tm, PFC 1,3 tm; Ni 130 kg; Flúor 111 tm , PM10 232 tm.

Non só os sindicatos deben loitar polos postos de traballo. Son ciudadanos residentes na área de influencia da contaminación industrial que verte Alcoa por tierra, mar e aire. Non teñen patente de corso para esixir présa no aumento das dimensións dunha balsa que ten ao menos dous graves problemas. Físico. A acumulación de barros que podan romper o continente e producir unha catástrofe non natural. Eu sempre poño como exemplo lembratorio o que pasou co camping de Biescas, que levaba tempo sendo un risco por esvaramento, anunciado sen o menor cambio para evitar o que sucedeu. Químico. Os compostos que verten ó medio ambiente a transformación da bauxita en alúmina e esta en aluminio.

Non logro aceptar que non se siga unha continuada vixiancia sobre o impacto do medio ambiente na saúde. A Asistencia Sanitaria é unha fonte inmensa de información epidemiolóxica. Pero a máis, os Departamentos que vixían a Saúde Pública dunha Comunidade e as súas comarcas, deben ter moi presente o efecto dos cambios medio ambientais nas enfermidades que se diagnostican e tamén nas causas de morte. Ese aumento do cancro de pulmón que por fin dará lugar a un programa de diagnóstico precoz, como se implantou ou de Próstata ou o de Colon. Aí está a resposta ás sospeitas sobre a relación entre enfermidades oncolóxicas e vertidos procedentes da factoría de ALCOA.

¿E que se pode facer desde a sociedade civil? Non só aqueles colectivos concienciados en defensa do dereito ó patrimonio ecolóxico. As asociacións cidadás deben instar ós Concellos a investigar e persoarse ante ALCOA e esixirlle una información continuada, pero tamén ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, tanto ou máis que ese comité de empresa formado por sindicalistas ós que só parece importarlles o seu emprego e salario mentres disfrutan de privilexios e esquecen os vertidos industriais que se poden ver ou percibir en canto se sae das nosas casas. ¡A súa conduta resulta egoísta!

Pablo Mosquera Mata

 

20240408

Alerta ecolóxica. Pablo Mosquera

 

S. Cibrán, a mediados dos anos 1960

Alerta ecolóxica


O Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 20 de maio de 1976 anunciaba o inicio das negociacións para a ocupación da superficie de dominio público na enseada de San Cibrán -non San Cibrao- para a construción dun porto e instalacións que faciliten a carga e operacións de descarga de materiais para a industria "Alúmina Española S.A". Paga a pena lembralo. Pois estamos ante o maior activo que deixará atrás a actual ALCOA cando abandone as súas instalacións actuais ou proceda a vendelas. O porto-entrada que utiliza temporalmente a empresa do aluminio -só unha das súas marxes- pode e debe ser a gran oferta para o desenvolvemento dun espazo multinodal que favoreza a creación de empresas non contaminantes e alternativa á antiga e anticuada fábrica inaugurada en 1980.
Por Orde Ministerial de Obras Públicas e Urbanismo, do 14 de abril de 1978, atendeuse favorablemente a concesión do aproveitamento das augas públicas superficiais do río Cobo no concello de Cervo para abastecemento e aproveitamentos industriais de Aluminio Español e Alúmina Española S.A.
O proxecto establecía que se regulaba o caudal de 630 litros por segundo, dos cales 90 litros por segundo se destinaron a abastecer a zona industrial de San Cibrán e 540 litros por segundo para os usos das dúas industrias de aluminio e alúmina. O encoro de Riocovo terá unha altura máxima de 33,50 metros, unha lonxitude de crista de 478,62 metros, unha anchura de 6,75 metros; as ladeiras 1,75: augas arriba e 1,50: augas abaixo, cunha capacidade de encoro de 4,3 Hm3.
Houbo diversas oposicións ao proxecto pola súa repercusión nas explotacións de agricultores e gandeiros, e por suposto a de D. Carlos Sarmiento Fernández, responsable da industria do estaleiro por perda de calado para continuar coa súa actividade de construción e botadura de barcos. No mesmo sentido e razóns dona Berta Fra Ponte. Hai que citar o caso de Julio Pernas Insua e Mario Abad Martínez como arrendatarios dos muíños fariñeiros que se verían gravemente prexudicados.
A personalización do CIT foi moi importante, esixindo unha garantía de abastecemento de auga máis aló do consumo para aquela época e futuro dos habitantes de San Cibrán. O mesmo acontece coa Confraría de Pescadores de San Cibrán, caladoiro das súas embarcacións ante a previsible desaparición causal de tal caladoiro, así como para a súa entrada e saída ao que fora o porto de San Cibrán -Porto de Abaixo-. Neste último capítulo, a empresa viuse obrigada a permitir un caudal de polo menos 90 litros por segundo para circular augas abaixo do encoro.
ICONA, así mesmo, informou de que a construción do encoro en ningún caso debería afectar á riqueza piscícola. Debería comprobarse pola autoridade competente -Comisión de Augas do Norte de España- que o volume utilizado polo concesionario nunca supere o autorizado.
E para rematar e fundamental. Esta concesión outórgase pola duración da industria e un máximo de 75 anos coa obriga de cumprir o disposto na Lei de pesca fluvial para a conservación das especies.
Dadas as circunstancias de antes, de hoxe e de mañá, sería moi desexable comprobar todo o exposto e obrigar ó cumprimento; mesmo recomendaríamos iniciativas destas características a: asociacións veciñais, concellos afectados, colectivos ecoloxistas; Confraría de Pescadores e Comité Empresarial de San Cibrán, non vaia ser que co paso do tempo a ría de San Cibrán non estea a recibir os caudais de auga imprescindibles para manter o seu ecosistema.

Pablo Mosquera Mata

20220208

Das Tanxugueiras a Alcoa, pasando por Galicia

Imaxe da NASA: zona do globo oposta a norteamérica.

Das Tanxugueiras a Alcoa, pasando por Galicia

    Gústame a música. Non vin as actuacións do festival de Benidorm en directo. Sí estiven ó tanto -máis ou menos– da polémica posterior. E si, estou posicionado. Pero coido que o ‘posicionamento particular de cada quen’ está moi atrás das circunstancias, e non só pola necesidade de participación conxunta.

    Lembrará o lector unha referencia ó imperio español no sentido de que ‘esteamos preparados para que a próxima vez que o Sol pase por riba das nosas testas, poidamos aproveitalo’? Eu lembro o sentido, pero non as verbas concretas, o que me impide atopar a cita exacta, por quen e cando foi feita. Ben, a idea da frase é que as sociedades e as súas manifestacións organizativas, como poden ser os estados, rematan tendo oportunidades sucesivas de éxito. Oportunidades que, estando preparados –poñendo traballo previo, procurando coñecemento, información, disciplina...- poden aproveitar para obter un bo rendemento. No caso do imperio, pois a nivel imperial, claro!

    Volvendo ás Tanxugueiras, parece que o tiñan ‘todo’ da súa parte, que estaban preparadas. Mais a cousa non resultou. Por? Non sei se de xeito inocente ou consciente, foron meterse na boca do lobo, alimentar entidades con ánimo de lucro que se lucraron con elas de paso que as aproveitaban doutros xeitos. Por exemplo, propaganda. Porque anda que non deu lugar a propaganda (para as Tanxugueiras, pero tamén para as contrincantes) que sacaran case vinte veces máis votos do público que a ganadora, mentres o xurado as deixaba nun recuncho. Do desenvolvemento da polémica, os chamamentos á calma, etc, esqueceríame: é algo así como as árbores que non deixan ver o bosque de Tagore. É o sistema o que levou á polémica, ó pago por voto ou á elección de Chanel. E non, para iso non estaban preparadas nin elas, nin os votantes, polo que agora queda o recurso ó pataleo contra unhas normas postas por entidades que non son controladas publicamente (non, tampouco o ‘chiringuito’ RTVE). Non digo que coa protesta posterior non se resolva nada, aínda que o dubido. Nin que sexa doado facer o control do sistema, pero onde non hai control, hai... descontrol. Descontrol dende o punto de vista de quen non exerce control, claro. Se hai alguén que controla, pon as normas, por moi arbitrarias ou pouco democráticas que sexan, e fai que se cumpran. Para ese alguén, hai control. Está claro?

    E Alcoa, que ten que ver con isto? Alcoa é o último nome de referencia da fábrica de Alúmina-Aluminio de S. Cibrao, na Mariña. O último nome, que corresponde a unha empresa multinacional privada con sede na outra beira do Atlántico. É dicir, algo sobre o que non temos control. E iso, despois de nacer pública, que debera ser equivalente a ‘de todos’ e polo tanto, ‘controlada por todos’. Repito, debera. O caso é que a traxectoria pasou dun relativo ‘control’ a través das institucións públicas que deben ser a cabeza e as mans da xente, a un total descontrol no que queda o pataleo, a ‘loita’, dende a situación da balsa de lodos e o seu futuro ó apagado das cubas e o futuro dos postos de traballo. Aquí tamén, a ‘votación popular’ tomou partido, pero o ‘gran xurado’ tomou a decisión. Non, non o mercado ou o prezo subvencionado da electricidade –aínda que todo conta-, que escusas é doado poñelas, mesmo aproveitando situacións conxunturais, para centrar o debate onde interesa a quen pon as normas, remachar cravos ou esquecer os intereses de todos. Non fai falta nin que sexan cribles, senón só que se estea en situación de poder poñelas. No medio, moitos anos de bonanza que puideron aproveitarse para facer que agora foran algo máis ca unha simple lembranza. Moitos anos nos que se puido diversificar, crear industria de desenvolvemento de produto, procurar solucións ás debilidades percibidas, ou lembrar tamén que, a máis de Alcoa, outros sectores estaban en peor situación e tamén había que apoialos, desenvolvelos...

    No medio do título, aínda que pareza desprazada, Galicia. A situación de Galicia ten abondos máis exemplos equiparables ós dous citados. E, co conxunto deles, problemas derivados ou relacionados: na rede de comunicacións ou no despoboamento rural ou na emigración da xente nova ou na perda de identidade e de lingua, ou noutros máis. Por certo, un inciso: parece que a identidade e a lingua non pintarían nada no medio do resto do discurso económico ou social, pero si contan. E moito. Non só por ser a lingua un activo intanxible, senón porque para poder prepararse ou facer cousas hai que ser alguén, e ata o de agora, a lingua é parte fundamental da nosa identidade, esa que constrúe o noso ‘alguén’. Volvamos ó tema. Unha imaxe: mentres poñamos apósitos en troques de curar a enfermidade e levar unha vida saudable para prever futuras recaídas, pouco máis poderemos facer que laiarnos e como moito, confiar en solucións caídas do ceo, a modo de agasallo. Confiar nos demais? Si. Chuparse o dedo, non.

    Mentres, seguiremos a ocuparnos do que pasa en Madrid, ou Barcelona, ou Benidorm. Do que pasa en Washington xa se ocupan en Madrid ou Bruxelas.

20201208

A nosa paisaxe Navideña. Pablo Mosquera

 A nosa paisaxe Navideña

    Dicía Ramón Canosa, como o noso litoral desde A Estaca a Morás constitúe unha paisaxe brava sen esas blandenguerías do Mediterráneo, con furias abismales e roucos queixumes polos destrozos que sobre as rochas graníticas producen as ondas. Estámolo vendo desde que comezou decembro -Augas Santas- Ese Tempo de Advento que prepara para o Nadal. Será diferente, polas restriccións sociais que impón a pandemia, pero as poboacións -parroquias- seguirán pendentes das mareas co seu ruído ás veces ampliado polos ventos. Unha fermosa furia da natureza que invita a refuxiarse xa sexa en cantinas ou na propia casa que cambiou o lume das cociñas por cómodos sofás cara ao televisor de gran pantalla, capaz de facernos viaxar por eses mundos afastados ao mesmo tempo que mergulla ás familias en silencios de charlas e preguizas para a lectura dun bo libro.

    A situación, estraña e cruel, tapou os centenarios a Don Benito Pérez Galdós, Mario Puzo, Miguel Delibes ou Benedetti, quen nunha fermosa estrofa avisábanos: "No cabe duda. Esta es mi casa / aquí sucedo, aquí me engaño inmensamente / Esta es mi casa detenida en el tiempo". Tamén a Isaac Díaz Pardo.

    Son devoto de Cunqueiro. Fabulador. Mistura entre os mitos e a historia. E que de estar entre nós seguiría máis interesado nos seus artigos "El envés", pola outra actualidade, distraéndonos dese parte diario- con cifras de guerra- que ocupa o tempo nos medios de comunicación. Ensinábanos a ver o que non nos ensinan. Trasladábanos a un mundo máxico e genuinamente galego. Desde aquelas parrafadas que escoitou á beira dunha lareira ata as que compartiu en tabernas como a de "Póngalas" entre cuncas de viño do país. Seguro que perseguindo a sombra de Merlín por terras de Miranda.

    Permítome retroceder ata o outono de 1887. Apróbase e publicita o Plan Xeral para o Alumeado Marítimo. Comeza recoñecendo o escaso e imperfecto servizo dos faros, a diferenza de como estaban situados e funcionando en "todos os países cultos", e iso nunha España marítima de primeira orde. O descoido de tales sinais propicia unha grave inseguridade para a navegación. A piques de concluír 2020, tales faros están superados por outros artiluxios. Pero seguen sendo Catedrais da Mar e forman parte do alumeado Navideño dos nosos pobos costeros, moito máis fermoso que esas árbores importadas desde o norte de Europa e que xunto con personaxes que viaxan en trineos impuxéronse ao vello e fogareño Portal de Belén. Ata tal punto que algunha cidade galega compite con Nova York en tamaño e intensidade lumínica.

    O Nadal é punto de encontro. Tamén esperanza para lograr saúde e algunhas demandas. Así en 1979 aprobouse a construción do Porto de "Aluminio Español S.A" na ensenada de San Cibrao. Ou en 1986, cando a ilusión estaba depositada no funcionamento do novo Hospital da Costa, sito na parroquia de Santa María de Burela do Concello de Cervo. Pero tamén na inauguración da Casa do Mar en San Cibrao.

    Esta vez as peticións e atencións céntranse na chegada das vacinas contra o COVID-19; e mentres, nesa palabra tan nosa de "sentidiño" para evitar que as festas traian unha borrasca invernal que obrigue a fondear as nosas vidas e rematar afundindo a economía social.

20201012

De ‘traballar como chinos’ a ‘O traballo vos fará libres’

De ‘traballar como chinos’ a ‘O traballo vos fará libres’

    Alcoa. Un nome que esta tempada está na boca de toda a Mariña. Algúns aínda din, tentan lembrar, ‘Aluminio Español’, a empresa do INI que se estableceu en S. Cibrao, procurando a saída na nacionalización. No fondo, o traballo como medio de subsistencia, case máis ben como medio de ser, de vida, cun significado máis amplo co da procura de cartos para vivir.
    En tempos, dicíase ‘traballar como chinos’ por facer un traballo duro de xeito continuado e asumilo sen queixa, con naturalidade. Polo que parece, tiña o seu sentido, pola necesidade de traballo continuado e minucioso, coidado, dos campos de arroz, ou pola organización -anterior á europea e continuada no tempo- do traballo dos súbditos imperiais. De feito, houbo un momento no que a confrontación do traballo ‘como chino’ enfrontado ó traballo ‘como occidental’ quedou patente coa goleada a favor de oriente na construción do ferrocarril atravesando os EEUU. Avanzou máis rápido polo oeste cos chinos como man de obra... polo camiño perdeuse o comentario das condicións de escravitude, a cantidade de xente ou a proximidade ás subministracións para a construción, e así quedou no imaxinario e se fortaleceu aínda máis a idea. Hoxe, coa emerxencia china, non está claro que no futuro o dito se manteña e non pasen a ser os occidentais os que necesitemos/nos forcen a traballar máis -de novo, obviando sistema sociopolítico, financiamento, etc.-
   Outro dito sobre o traballo, ‘O traballo vos fará libres’, é unha frase que rematou como eufemismo sarcástico á entrada do campo de concentración de Auschwitz: traballo arreo, do que a liberación significaba a morte, única saída. Aí chegou despois dun recorrido como título de novela ou como lema nunha República de Weimar enxalzando os efectos da súa política de impulso de grandes obras públicas para combater o desemprego...
   Ó longo da historia, téñense sucedido ditos e refráns mantendo ideas diversas sobre o traballo, mesmo contraditorias en aparencia. Valla como exemplo máis próximo a nós o ‘Deus axuda a quen cedo madruga’ contra ‘Nin por moito madrugar amence máis cedo’. Pero non, non hai contradición entre estas dúas sentencias: a primeira indica a axuda do factor disciplina e traballo no desenvolvemento e expectativas da propia vida, mentes a segunda indica que hai que traballar, si, pero con xuízo, no momento e xeito debidos. En calquera caso, en ambos, aínda que non aparece o traballo como tal, está presente no seu significado. E é que o traballo hai moito tempo que no noso entorno se leva imbricando no desenvolver da propia vida.
    Volvamos a Alcoa, como verba indicativa do problema de centeas de persoas na Mariña. Deixemos aparte o que significa e significou non ter actuado a tempo fronte a un problema que se podía ver hai anos -e que foi sinalado en moitos lugares como este-. Deixemos a unha beira o problema ambiental da balsa de lodos ou as enormes necesidade enerxéticas subvencionadas -quizais menos que noutros lugares con menos imperio das eléctricas-. Poñamos fóra do campo de visión tamén a venda dunha industria concibida en clave de desenvolvemento estatal guiado pola razón pública a unha entidade de capital privado estranxeiro, ou a inexplicable ausencia de diversificación industrial ó seu arredor. Si, e centrémonos nun detalle que moitos desbotarán como accesorio ou irrelevante: ‘traballadores’ ou ‘empregados’, asalariados? Si, xa sei, ambos. Pero o sentido non é o mesmo. E, á fin, coido que tampouco irrelevante aínda que se trate con urxencia doutras cousas.
    Co primeiro concepto, traballadores, pódese discutir sobre o traballo e o seu sentido na vida. Co segundo, empregados, sobre a submisión (ou non), dependencia dun xeito de vida subordinado a un poder externo, sen interdependencia, como estamos tristemente a ver.
    Co primeiro, pódese falar de equilibrio do traballo dentro da vida, de compensacións, de cousas como a prestación por vivir ou mesmo da capitalista renda básica. Co segundo, só dun traballo a cambio de submisión e algo máis que permita non tanto vivir como sobrevivir -aínda que se pretenda ‘sobrevivir’ moi ben-.
    Co primeiro, pódese continuar cunha variación consensuada, acordada, colaborativa, do xeito de vida. Co segundo, o que se está é a pedir -e polo tanto, de xeito asimétrico- algún tipo de continuación da dependencia. Do sistema. Dun sistema que está amosando a súa incapacidade para manternos con xeito sobre a Terra, despois de esquilmala e esmagarnos.

20190331

O que non din sobre ALCOA. Pablo Mosquera Mata

Sei de certo que o que a continuación publico é "políticamente incorrecto" pero débome á miña conciencia de profesor de Saúde Pública na UPV.
O que non din sobre ALCOA
O diario nacional de máxima tirada en España, "El País", publicaba o 17 de marzo do 2010, un artigo titulado "Un estudo confirma contaminación por flúor preto de Alcoa". Nun radio de polo menos tres quilómetros a empresa con sé en Pensilvania e factoría aluminera entre San Ciprián e Xove, emitía partículas con alto contido en flúor. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) confirmaba o resultado dos estudos levados a cabo pola Universidade Compostelana. Pero non era a primeira vez nin a última. E é que o 9 de abril de 1979, hai unha reunión no Goberno Civil de Lugo coa asistencia de Eduardo Fernández Combarro, o Secretario Xeral, Delegado de Industria, Corporación Municipal de Xove, Confraría de pescadores de San Cibrao e altos cargos de Alúmina-Alumio, para poñer en funcionamento as medidas correctoras anticontaminación. É dicir, antes da inauguración da planta en 1980 hai preocupación e compromiso en relación aos cambios sobre o medio ambiente.
O que está escrito pode lerse e queda... En outubro de 1987 hai un movemento socio político en defensa da planta transformadora de aluminio ante a noticia da posta en marcha doutra planta no País Vasco, pero non se perdan o comunicado dos axentes sociais: "si Galicia soporta industrias altamente contaminantes como Aluminio Español, etc., debe terse a cambio algunha partida dos produtos obtidos nelas".
Máis recente, o 28 de xullo do pasado 2018, Ecologistas en Acción colocaron unha das súas 43 bandeiras negras ao Complexo de ALCOA POR CONTAMINACIÓN E MALA XESTIÓN AMBIENTAL. Por certo, non era a primeira vez que gañaban tal "galardón". Pero o publicado era "aglaiante": "Alcoa desfixo por completo unha zona costera de gran valor ecolóxico". "Os verquidos de sosa caústica están afectando á saúde das persoas e á contorna mariña". Avisábannos de algo que hoxe máis que nunca debería preocuparnos tanto ou máis que os custes energéticos da empresa: "o risco medioambiental que supón a acumulación de residuos tóxicos xerados no proceso de produción, lodos vermellos que se están acumulando nunha balsa de grandes dimensións".
Hai medo para dar argumentos que faciliten a deslocalización. Así se manifesta o médico Laureano López da coordinadora ecologista de Asturias, a mesma que recibe fotos de operarios de Alcoa con denuncias de irregularidades que impactan no medio ambiente, pero esixindo que non as fagan públicas por medo a perder o posto de traballo. Mentres tanto, convén lerse o informe realizado o pasado ano 2018, por vez primeira, polo Grupo Español do Cancro de Pulmón, formado por 463 expertos, e que debuxou por vez primeira o MAPA DO CANCRO DE PULMÓN EN ESPAÑA.
E agora, logo de todo o que nos deron entre traballo e contaminación integral -terra, mar e aire- din que se van e poñen como desculpa o prezo da enerxía, esa mesma que pagamos os fogares a prezos insostibles para o poder adquisitivo das xentes.



20090419

Pesimismo

Recollo uns cantos datos xa vellos de acó e de acolá:
1.Entre marzo de 2008 e marzo de 2009 o paro pasou de 2,3M a 3,6M, mentras os beneficiarios de prestacións pasaron de 1,6M a 2,7M, agrandándose a brecha de xente sen cobertura dende 0,7M a máis de 1M. O paro ten unha determinada duración, e cada vez máis xente se quedará sen esta prestación nos próximos meses, agravando a crise particular das familias.
2.Entre marzo e marzo baixou máis de 1,3M o número de afiliados á Seguridade Social, base para o pago das prestacións correspondentes que mitigan, fan de colchón, na crise.
3.Galicia tivo un aumento do número de parados nun ano de 32%, abondo abaixo de case o 50% nacional en España, o que abona o feito xa sabido de que, ó ser unha zona periférica, a crise chega con retraso.
4.As dúas principais caixas de aforros galegas, Caixa Galicia e Caixa Nova teñen unha porcentaxe de morosidade de 3,4% e 3,3% respectivamente, na media do sector financieiro español, pero teñen unhas porcentaxes de capital en relación ó risco asumido de 5,7% e 5,2%, o que as sitúa dentro da clasificación española en lugares próximos a Caja Castilla la Mancha, CCM, intervida polo goberno. E hai que ter en conta que a crise en galicia 'leva retraso'
5.Mentras que se ten claro a nivel de teoría económica que fomentar os monopolios e o proteccionismo é o mellor xeito de perpetuar a crise, a nivel Galicia está a haber presións para que o novo goberno siga a potenciar a construcción, en particular na costa, e a nivel local, segue o proteccionismo no caso das infraccións por monocultivo alcohol/ruído.
6.De cara a un próximo futuro, o sector do leite está a perder cartos, este mes comezan as restriccións de emprego máis fortes en Citroën en Vigo, e o sector relacionado co aluminio non ten prevista unha mellora rápida, tendo noticias de que os fornos están funcionando en mínimos en Alcoa-S.Cibrao.
Todos os datos están obtidos a partir de gráficos e táboas de xornais de 31/3, 3/4 e 12/4. Non atopei na prensa destas datas ningún estudo único referido ó futuro da crise en Galicia que se apoiara en datos concretos.