Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Panchas. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Panchas. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20221015

As Panchas, tan panchas

    Un ano máis, chega unha nova edición das Panchas: este ano cada persoa poderá facerse con 400 P, podendo aforrar do seu peto 100 €, que se cargarán ó erario público. Este ano cada ribadense só poñerá 8,5 € para a edición (por 15 € do ano / edición pasada), se nos atemos á subvención de 85 000 € que di a nota do concello, e non sumamos outros gastos colaterais que puidera haber, xa que a 200 000 panchas que se poñerán en circulación correspóndelles unha ganancia para os adquirintes de 50 000 €, co que que é de supoñer que eses 35 000 € máis sexan para a impresión, anuncios en medios de comunicación, etc.

    No ano 2019 puxéronse en circulación 40 000 P, no 2020, 148 000 P, no 2021, 600 000 P, se nos atemos á nota de prensa correspondente en canto a cifra de negocio, equivalente ás panchas gastadas, e este, 200 000 P.

    Unha nota máis. Se o concello puxo 85 000 €, pregúntome o custe total da campaña, pois como se pode ver no cartel abaixo, están apuntados tamén, aínda que con letra máis pequena, co epígrafe de 'colaboradores', a Deputación Provincial de Lugo e tamén ACISA, entidade asemade subvencionada.

Cartel das Panchas
 

    Nota do concello:


A CUARTA EDICIÓN FOI PRESENTADA ESTA MAÑÁ

Chega a Pancha

30/09/2022

Dende o 1 de outubro en Ribadeo xa se poderá pagar con Panchas, coa a moeda local, coa que será posible mercar e gastar ata o 31 de decembro en máis de 100 establecementos de comercio, hostalaría, algúns servizos e este ano, como novidade, tamén no cine da vila. O programa leva aparellado un investimento de  máis de 85.000 euros por parte do Concello.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que "ao igual que na campaña anterior, a compra e uso da moeda será totalmente dixital, a través dun moedeiro, o Panchapeto, que se poderá adquirir na páxina web da nosa moeda local, onde tamén se atopa toda a información sobre a campaña, sobre as condicións e sobre os establecementos participantes".

O edil nacionalista subliñou que "nesta cuarta edición incrementarase o valor do aforro total, que pasa de 70 a 100 euros por persoa. Poderanse ir mercando Panchas en fraccións de 30 euros ata un máximo de 300, que se poderán canxear por 400 Panchas. Tamén se incrementa o número de Panchas permitido por operación, que pasa de 80 a 130.  En caso de ser unha compra por un importe superior, a cantidade restante ata o total deberá abonarse en euros".

Vizoso Galdo indicou que "o Concello realiza unha forte inversión, tanto desde o punto de vista económico como de persoal, para esta campaña que sitúa a Ribadeo como referente nacional, que dinamiza as nosas rúas e que supón unha gran axuda para todas as persoas participantes, especialmente neste contexto económico de alza de prezos". 

O concelleiro de Desenvolvemento Local contou que "nesta ocasión o Concello fixo un investimento de mais de 85 000 euros de fondos públicos, o que se traduce en 200 000 Panchas que se gastarán en Ribadeo durante o período da campaña e que suporán un retorno económico moi superior, ao igual que ocorreu nas outras edicións".

Pablo Vizoso seguiu a relatar que "desde o Concello ponse a disposición de todas as persoas que o precisen a axuda por parte da Área de Desenvolvemento Local ou das oficinas de Acisa, que actúa como entidade colaboradora, para asesorar e axudar a todas as persoas que teñan algunha dúbida, algunha incidencia ou algunha consulta relacionada co seu Panchapeto ou coa operativa da campaña". 

O edil ribadense anima "á toda a poboación de Ribadeo e dos concellos dos arredores, do resto da provincia e do Occidente de Asturias, a participar nesta iniciativa pioneira e que leva xa tres anos dando tantos éxitos e con tan boa acollida na nosa vila". 

Vizoso asegurou que "con esta iniciativa todas as persoas nos beneficiamos, tanto os establecementos participantes como as persoas consumidoras, porque podemos acadar un aforro nas compras de ata 100 euros, ademais de contribuír a fomentar o comercio de proximidade e a dinamizar e desenvolver o noso Ribadeo".

A cuarta campaña das Panchas foi presentada esta mañá. Ao acto asistiron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, así como unha representación dos establecementos participantes e de Acisa Ribadeo.

    E nota de éxito do concello:

A CAMPAÑA PROLONGARASE ATA O 31 DE DECEMBRO
Exitoso inicio das Panchas
03/10/2022

Nos dous primeiros días da Pancha, a moeda local de Ribadeo, un cento de persoas se fixeron co seu Panchapeto e o volume de negocio superou os 12.000 euros. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, fai un balance moi positivo do arranque da campaña.

O edil ribadense subliñou que "este arranque da campaña das Panchas no ano 2022 está sendo moi positivo: os primeiros datos rexistrados xa nos indican un volume de negocio de máis de 12.000 euros a tan só dous días de iniciarse a campaña. Ademais hai que ter en conta que o luns en Ribadeo é un día no que gran parte do comercio está pechado e polo tanto isto indica precisamente que durante todo o sábado e onte, domingo, realizáronse numerosas operacións pagadas en panchas".

Pablo Vizoso sinalou que "practicamente xa hai un cento de persoas que descargaron o seu Panchapeto e xa se estima tamén en case un cento de operacións o número de compras realizadas especificamente grazas á aplicación das Panchas. Evidentemente o volume de negocio é superior, pero exclusivamente xa a través das Panchas foron vendidos máis de 12.000 euros, o cal é un verdadeiro éxito nestes días de arranque da campaña".

A cuarta edición da Pancha deu comezo o pasado sábado, 1 de outubro, e prolongarase ata o 31 de decembro.  

20221223

Apunte de matemáticas


     Remato de ver a nota de prensa do concello de Ribadeo titulada 'Esgotadas as panchas'. O seu subtítulo é 'A cuarta edición da moeda local, a Pancha, está tocando á súa fin coa adquisición das 200 000 panchas que se puxeron en circulación o pasado 1 de outubro. Dende o inicio da campaña leváronse a cabo máis de 3300 operacións coa moeda local, cun aforro de máis do 33% en cada unha delas.'

    Quizais deformación profesional, pero o subtítulo convidoume a escribir unhas liñas sobre esta chamada moeda local (pouco que ver cunha moeda local, entendo) da que teño tratado unhas cantas veces no blog en relación a diferentes particularidades súas ou que se lle atribuíron.

    O caso é que o esgotamento produciuse nesta campaña sobre 200 000 panchas vendidas. Isto é, en consonancia coas notas de prensa difundidas anos anteriores, tamén neste hai cousas a 'aclarar'. A primeira, da que xa falei, tradúcese en que o 'aforro' de 50 000 € dos clientes tradúcese nun gasto do concello de 85 000 €, desglosados en 50 000 € de subvención e 35 000 de funcionamento da campaña (que non podo detallar porque non teño datos, pero que incluirá o mantemento da app, a propaganda, etc.). Isto é, 8,5 € por ribadense de calquera idade e condición para beneficio dun máximo de 5000 persoas (5000 paquetes), que en realidade son abondas menos, pois cada persoa pode adquirir varios paquetes, e de pensar en usalos, o lóxico é tender ó máximo de 'aforro'.

    No subtítulo fálase de máis dun 33 % de aforro. Se se consultan notas de anos anteriores, verase que para condicións semellantes o mesmo concello dicía que o aforro é dun 25 %. De onde sae pois ese 'máis de 33 %'? Para comezar, algo que soa a chiste. Con ese 'máis do 33 %' estánse a referir ó 33,333333... %, é dicir, a 1/3, un 0,333333... % máis do 33 %, que sae de pagar 30 € por 40 panchas, que non son convertibles en €, pero que para este caso, a nota de prensa identifica como tales. O 33 % de 30 € son 9,90 €, e ese 'máis do' son eses 10 céntimos ata chegar ás 40 P: 40 = 30 + 9,90 + ,10. Agora ben, volvendo ó 33 %, nunha compra de 120 € que se pague con 120 P, o 'aforro' son 30 €, o dito 25 %, non 33 %, pois esas 120 P costaron 90 €. Aínda por riba, eses 30 € hai que incluílos na declaración da renda, como se comentou moito na primavera, co que haberá de deducirlles os impostos relativos, que dificilmente baixarán, no mellor dos casos, de 5 €. É dicir, o 'aforro' quédase en 25 € no mellor dos casos, algo máis do 20 % (que segue a ser un 'aforro' considerable)

    Estou entrecomillando 'aforro'. Se o fago é porque é un aforro para xente moi especifica e non para todos. No mellor dos casos, unha porcentaxe pequena de ribadenses entre eles. Para o resto, só é un incremento de gasto. Logo, por que se fai?

    Por que se fai o que, o dicir que é aforro ou a campaña das panchas? Vou cntrarme na campaña das panchas. Que eu saiba, non hai ningún estudo de incidencia comercial. Dise que estimula o comercio, e nese sentido, creo que algunha mercadoría si se tería descartado, pero unha porcentaxe moi baixa. A máis, dise que esa estimulación afecta á hostalería, porque atrae a xente a Ribadeo. Entendo que a afección é irrelevante. Dise que o volume de negocio triplica o volume das panchas postas en circulación, e iso é sinxelamente un erro de contas, confundindo os cartos postos para a campaña co nḿero de panchas, e o gasto real máximo efectuado coas panchas cun 'volume de negocio' propoporcional segundo unha regla de tres sen sentido.

    Iso si, de novo a campaña volveu ser un éxito: gastouse toda a subvención.

Nota a 3 de xaneiro de 2023 (que poño tamén como entrada solta en Apunte de matemáticas. Segunda parte):

Onte o concello sacou unha nota de prensa na que se dan entre outras as seguintes cifras:

2822 operacións de compra

936 persoas mercaron panchas

200 000 panchas vendidas

50 000 € de subvención

35 000 € de gastos varios

232 000 € de cifra de negocio xenerado de xeito directo

Do que, á súa vez, podemos obter:

- a grande maioría de operacións con panchas só implicaron panchas, non euros adicionais.

- cada persoa mercou de media case 215 €

- cada persoa realizou algo máis de tres opercións de media

- como mínimo, o 91 % dos ribadenses non compraron panchas

- cada euro transferido ó negocio privado costou 1,7 € ó erario municipal

- coñécense as cifras aportadas, pero segue descoñecéndose o retorno efectivo para Ribadeo ou para o comercio, non habendo previsto un estudo nese sentido.

20210817

Cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de Panchas


Cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de panchas

    Segundo a nota de prensa que se pode ver na web do concello, cada ribadense subvencionará con 15 € esta edición de Panchas, a máis da parte de inversión que necesitan as súas promoción e xestión (operativa e organización), segundo di a mesma nota. Os 15 € é a cantidade que resulta de dividir os 150 000 € de subvención a esta edición de panchas entres os 10 000 ribadenses. O retorno inmediato correspondente para o comercio local e hostalería será a ganancia deses eses 15 € unha vez gastados, mentres os propios 15 € son a ‘ganancia’ que vai a mans dos mercadores de panchas, que por suposto, tamén podemos ser os mesmos ribadenses. Naturalmente, se hai máis movemento económico a causa da existencia das panchas, tamén será unha ganancia para o pobo en conxunto, pero habería que amosar que as panchas representan un motor dun maior movemento. As subvencións non teño claro se diminúen ó non ser empregadas (se non son mercadas) todas as panchas, ou se non son executadas compras coa totalidade de panchas mercadas. En calquera cso, estimo que a diferencia sería marxinal pois as panchas esgótanse (esa é a experiencia de anos pasados) e quen as ten no peto quere usalas para beneficiarse da subvención correspondente, quedando máis como un elemento para xulgar o seu desenvolvemento que como algo de relevancia práctica nunha edición concreta.

    Non coñezo ningún estudo dos resultados de anos anteriores, máis aló de que as panchas se consumiran, o que ven a ser algo así como estimar o éxito da chamada ’moeda ribadense’ pola cantidade de cartos que ten que aportar cada ribadense. Así medido, o éxito aumenta de edición en edición. A repercusión na economía local do emprego das panchas pola multiplicación en cascada ó ser aplicadas as ganancias noutras compras sucesivas ou o efecto doutros gastos colaterais no pobo de xente que veña ‘gastar as panchas’, queda en meras especulacións por plausibles que semellen, e como tales, son dificilmente discutibles.

    O que si teño claro é que nesta edición, o ‘Panchapeto’ dixital supón unha innovación cualitativa que pode potenciar o seu uso. Mesmo podería potenciar, de estar o comercio ribadense preparado, o desenvolvemento do negocio dixital, algo que por falta de preparación non vexo posible polo momento. Por ser a primeira vez pode que teña un impacto limitado debido á aprendizaxe necesaria do seu uso, rendibilizándose ese saber usar en futuras edicións, que ninguén dubida que haberá con ou sen estudo de rendemento para Ribadeo da ‘moeda local’.

    As moedas locais teñen amosado nalgunhas circunstancias de desenvolvemento ser fonte de dinamización da economía, ao menos xa dende a experiencia en Wörgl (Austria) antes da segunda guerra mundial. Pero hai que poñer fincapé nas circunstancias, pois as características, aplicación ou xestión dunhas moedas non teñen nada que ver cos doutras, e a pancha non sei se chega a poder chamarse con propiedade ‘moeda local’.

   Así pois, aquí, cales son esas circunstancias?

20220509

Unha lanza en favor das Panchas

Unha lanza en favor das Panchas

    Anda estes días en Ribadeo unha polémica sobre cartos dados, cartos recibidos e impostos debidos. En resume, o concello puxo cartos para subvencionar as compras no comercio local, e agora, época da declaración da renda, os beneficiarios intermedios (consumidores) teñen declaralos como ingresos. As Panchas, uns vales locais cualificados de 'moeda local' (calquera que teña visto ‘Das Wunder von Wörgl’ pode ver a diferenza cunha moeda local) foron apoiados polo concello de xeito que se ti 'comprabas' 30 € de panchas, dábanche 40 € para mercar. Resultado, 'ingresabas' 10 € do orzamento do concello.

    Anos anteriores, as Panchas, editadas en menor cantidade, parece que non tiveron problema fiscal, pero este ano o concello, pode que en parte polo sistema empregado, tivo que pasar unha relación ó Ministerio de Facenda, quen computou eses ingresos a quen recibiu as panchas. O resultado, a ollos da facenda, está claro: recibiches máis ingresos, pagas máis.

    As cantidades recibidas por cada persoa, son minúsculas en relación ós ingresos totais do ano. Minúsculas, pero non nulas. E saltou a noticia e os reproches. A máxima cantidade de subvención recibida por adulto intermediario consumista terían sido 70 €, pois houbo unha limitación da cantidade máxima a adquirir. 70 €, a un tipo marxinal de IRPF de 30% dá como resultado 21 € máis a pagar na declaración da renda. Unha cantidade aproximada do que tería que pagar, como máximo, cada persoa. Se a declaración se fai por gananciais, a cantidade pode ser dobre. E, se quen mercou as panchas é alguén que non tiña obriga de declarar por non chegar ó mínimo, agora pasa a ter que facelo ó diversificar as fontes de ingreso. Isto último, algo que pode ser beneficioso, pois pode que ó obrigar a declarar por baixo do mínimo, resulte algunha cantidade a devolver

    En calquera caso, a quen colleu desprevido o ter que declarar esa cantidade recibida, coido que agora estará reflexionando varias cousas sobre os impostos. Por exemplo:

- Son cos impostos dos ribadenses cos que se paga esa subvención do concello ó comercio. Algo así como unha transferencia dos teus cartos, a través do concello (e, ó mellor, de ti mesmo) ós comerciantes.

- Se ti recibes cartos dunha entidade pública, non te podes escapar de declaralos como ingresos. Cousa ben diferente é que eses cartos sexan legais ou non, que as novas sobre corrupción están á orde do día.

- Cando manexes cartos subvencionados, pensa de onde veñen: os impostos teñen mala fama, pero son a base que mantén a educación ou a sanidade públicas, a máis dos chiringuitos.

- Como pagas impostos, procura que sexan distribuídos e aproveitados e non asaltados e desperdiciados, vixía a política e implícate para que as cousas vaian ben.

- Non pidas á administración o que en xustiza non lle das, o mesmo que pretendes que non che pida o que en xustiza non debe pedirche.

    En fin, nunca tiven claro o tema das panchas nin a nivel teórico nin no de 'éxito' edición tras edición (aínda que nesta quedaran panchas por solicitar). Pero, aínda coas sorpresas de ter que declaralas cando non se esperaba (xa sabemos que todos podemos vivir nas nubes cando nos convén), coido que esta edición puido servir para reflexionar e aprender un pouco de economía...

20230103

Apunte de matemáticas, segunda parte

    Antes do Nadal blogueei unha entrada titulada 'Apunte de matemáticas', sobre as contas das Panchas. Onte o concello sacou unha nota de prensa na que se dan entre outras as seguintes cifras:

2822 operacións de compra

936 persoas mercaron panchas

200 000 panchas vendidas

50 000 € de subvención

35 000 € de gastos varios

232 000 € de cifra de negocio xenerado de xeito directo

    Do que, á súa vez, podemos obter:

- a grande maioría de operacións con panchas só implicaron panchas, non euros adicionais.

- cada persoa mercou de media case 215 €

- cada persoa realizou algo máis de tres operacións de media

- como mínimo, cousa do 91 % dos ribadenses non compraron panchas

- cada euro transferido ó negocio privado costou 1,7 € ó erario municipal

- coñécense as cifras aportadas, pero segue descoñecéndose o retorno efectivo para Ribadeo ou para o comercio, non habendo previsto un estudo nese sentido.

20241106

As Panchas e algo máis

    A raíz da polémica sobre a necesidade de incluír as Panchas na declaración da renda (IRPF) xurdida en anos pasados, tense tomado unha medida que supoño que será legal pero que tamén supoño que a máis dunha persoa lle collerá desprevida a conto da privacidade: a publicación das axudas por parte do concello, persoa a persoa, polo uso das Panchas.

    Así, pódese saber canto gastou das súas panchas cada persoa, individualizando os gastos por cada uso. Tódalas semanas (e van oito agora mesmo), no taboleiro de anuncios da sede electrónica do concello (en ordenador, parte inferior esquerda da páxina) aparece un documento cunhas cantas páxinas de nomes e gasto feito (subvención) polo concello en cada unha das compras que se usaron. Algo máis de douscentos usos das panchas a semana entre 25 e 30 de outubro; a cinco días hábiles, sae a algo máis de corenta usos diarios, e en número de persoas que fixeron uso, algo máis de trinta diarias. Cando menos, unha curiosidade.



20211017

Relaxing cup of café con leche in illa Pancha


 

   Vai para unha decena de anos, querendo facer propaganda de Madrid de cara a conseguir ser a sede das olimpíadas, a daquela alcaldesa de Madrid Ana Botella difundiu a súa famosa frase para invitar a tomar unha 'Relaxing cup of café con leche in Plaza Mayor'. Daquela, a inconsistencia inglispan xogoulle unha mala pasada á 'Mayor' madrileña, tomándose como un reflexo lingüístico da inconsistencia do proxecto que quería defender.

   Esta semana, enmarcado dentro da campaña das Panchas, o alcalde de Ribadeo colgou nas redes sociais unha foto na que aparecía o empresario contratista da illa Pancha cun cartel das Panchas diante da cafetería na illa. Fernando Suárez Barcia republicou na rede a foto colgada polo Concello de Ribadeo coa lenda 'Imaxinas tomar un delicioso café cos raios do sol na túa cara e fronte a unhas marabillosas vistas á ría de Ribadeo (...)?' Certo, quería promocionar as panchas, non Ribadeo... mais coido que para Ribadeo mellor iría unha foto da ría, non de cartel, empresario e local, e cunha lenda como "Imaxinas os raios de Sol acariñando a túa cara e fronte a unhas marabillosas vistas da ría de Ribadeo?" Sol, vistas, liberdade, son gratuítas. É dicir, non peaxe de entrada, a illa é común; non beneficio privado, senón beneficio público. A illa debe estar aberta non só en horario para consumo de cafetería, e mellor que ver as vistas a través de mamparas, velas directamente, sen intermediarios de vidro e sen ter que estar pendente da cunca de café e o seu pago.

   Non, neste caso a inconsistencia non está nun anuncio en inglispan, senón en empregar un ben común nunha promoción particular. Ben común que non queda circunscrito á illa Pancha, senón tamén a unha estrutura administrativa posta ó servizo da desposesión desa illa (que era, antes, en pasado) símbolo das xentes de Ribadeo mar adiante.

   Vivimos nun pobo marabilloso. A foto, tomada esta mañá dende as escaleiras de Ernestina Mansilla, sentado nos chanzos, relaxado co Sol de frente, ría por medio, dá testemuña de que non fan falta grandes cousas para desfrutar de Ribadeo. E non, non fai falta privatizar un ben común para desfrutalo. Máis ben ó contrario, é un impedimento.

20231129

A Pancha… non é unha moeda local. Iván Rodríguez Lombardero


 A Pancha… non é unha moeda local. Iván Rodríguez Lombardero

    O novo goberno municipal ribadense do PP mantén a iniciativa das panchas de fomento do consumo no comercio local. En resumo, dannos desde 40 a 400 panchas pagando de 30 a 300 euros o Concello paga por nós ós comercios os 10 a 100 euros restantes. Antes de comezar, cómpre lembrar que se trata dunha subvención que será comunicada á Axencia Tributaria e aparecerá nos nosos datos fiscais, e que nos obrigará a presentar a declaración do IRPF. Ollo que no caso de persoas antes non obrigadas -por ter só un pagador- pode obrigalas a pagar centos de euros: cada quen que revise e teña en conta a súa situación.

    Non serei eu quen se opoña a favorecer o comercio local fronte á forza que semella imparable do comercio telemático e as grandes superficies. Manter vivo o tecido comercial da nosa vila é un obxectivo loable e necesario. Porén, paréceme axeitado reflexionar sobre o tema, xa que pódensenos ocurrir diferentes xeitos de axudar ó pequeño comercio pola parte dos gastos (reducir a tarifa da auga, a taxa do lixo, traballar pola rebaixa dos alugueres de baixos comerciais…) e debemos ser conscientes do que estamos a facer cando optamos a subirlles os ingresos a través das panchas.

    Por unha banda, estamos a subvencionar o consumo de calquera tipo de cousas, tanto necesarias coma innecesarias, cos cartos de todas. Nun momento de crise planetaria debida ó exceso de produción e consumo, unha administración pública debera ter xa posto o chip da moderación, de garantir o preciso para todas sen incentivar o consumismo como forma -errada- de satisfacer o que tantas veces son teimas do noso espíritu.

    Pola outra, imos repartir cartos a quen xa temos cartos -e a darlle máis (ate 100€) a quen máis poida gastar- cos cartos de todas: os cartos públivos son de quen xa ten cartos e tamén de quen non ten nada e apenas chega a fin de mes co básico. Nun Ribadeo no que aínda vemos de xeito habitual persoas pedindo e mesmo durmindo nas rúas, destinar cartos para que quen temos abondo gastemos con máis alegría non sensibiliza nin fomenta a xustiza social e a solidariedade.

    En terceiro lugar, facelo a través dun peto dixital supón que as persoas que non dispoñan dun teléfono con acceso a internet e as que carezan dos coñecementos precisos non terán acceso á subvención. Hai moitas ribadenses sen esas capacidades e pese a que desde o Concello se artelle un xeito alternativo, parece claro que os beneficios dos cartos de todas non chegarán efectivamente e coa mesma facilidade a toda a veciñanza.

    Finalmente, é claro que os produtos consumidos na súa meirande parte virán de fóra, polo que non estamos aproveitando para fomentar a actividade local nos sectores primario nin da transformación, cuxo desenvolvemento precisa tanto ou máis o apoio institucional na nosa comarca. É de agradecer que as administracións traballen para favorecer o local nun marco de desglobalización como o que asistimos. Tan importante é que este traballo a debera ser unha liña estratéxica transversal a todos os sectores, non só o comercio e a hostalería. Existen xa disposicións legais que permiten favorecer ás iniciativas locais nos concursos públicos, xa sexa de contratas de limpeza, de xestión de residuos, de atención nas residencias de maiores, do abastecemento de auga, de adquisición de alimentos e mobiliario… Cómpre animar por ilo a Ribadeo e ós concellos da comarca a implementar criterios ambientais e sociais nos concursos e procesos de selección que favorezan ás cooperativas e pemes locais evitando a fuga do seu orzamento (millóns de euros dos nosos impostos) da comarca.

    Remato coa cuestión etimolóxica, porque chamar moeda local a unha subvención ó consumo pode levar a confusión, subestimando a potencia das auténticas moedas locais. Pero mellor que facer aquí unha tediosa explicación sobre que son e que non son, vou recomendar á lectora que busque en internet (si, de novo a brecha dixital) a película “El Milagro de Worgl” (2018) -recentemente dobrada ó castelán por un grupo de usuarias da moeda alternativa G1- que ilustra ben o auténtico potencial das moedas locais na loita contra a pobreza e na promoción da actividade económica dun xeito integral, especialmente en tempos de crise.


20230825

Matemáticas coas Panchas

Recorte do cartel dunha edición pasada

    O concello anunciou unha nova edición das Panchas para este outono/inverno de 2023. Cos poucos datos da nota de prensa, dicir que se parecería á edición do ano pasado, 2022, ou á do anterior, ou a calquera das outras. Este ano, con 80 000 € só dende o concello para este tema, a máis doutras participacións esperadas. É dicir, 8 € por cada ribadense de 0 a 110 anos, lembrando que non hai ribadenses maiores.

    Polo momento, non se dixo cantas Panchas ían poder usarse nin o resto de condicións. Mais as liñas xerais parecen ser as mesmas. Veremos. De pronto, quedamos co día de San Roque e o martes de entroido do próximo ano, festivos declarados como tgal no último pleno (do que só se coñece a nota de prensa ligada antes)

20190404

Éxito da Pancha


    A Pancha xa conseguiu a gloria. Se se van poñer en circulación 40 000 euros, iso implica unha subvención de 10 000, máis os gastos de posta en marcha, pois os anuncios que aparece na prensa teñen un custe.
    Enténdese que se fai unha promoción é para obter un rendemento, aínda que non ten por que ser inmediato. Neste caso, o rendemento viría a través dun maior gasto nos comercios de Ribadeo (naqueles adheridos entre os que teñen a posibilidade segundo o plan). A subvención ven do concello, e aínda que non se aclara na nota de prensa se como parte do convenio interanual con ACISA ou de xeito extra, polo tratado no último pleno, parece que extra. O fin declarado é 'inxectar diñeiro público na economía local' co fin de que 'se multiplique e xere consumo local' para loitar contra as novas canles de venda (internet)
    Parece que o meollo da cuestión é que durante o mes de abril (a campaña vai de 5 de abril a 5 de maio) vai haber 40 000 euros movéndose en Ribadeo, ou sexa catro euros por persoa do censo, dos que un é subvencionado polo concello, é dicir, polo cidadán, esa mesma persoa. Fago este apunte polo destaque que aparece nas bases, e que enfatiza que o consumo local de 5 euros á semana supón máis de 2 500 000 euros ó longo do ano. Supoñendo 5 €/per capita á semana, aínda que sexa de 1 ano, e parecendo que ese consumo implica que os dous millóns e medio de euros quedan en Ribadeo, e poñendo en relación unha subvención dun mes cun aumento dun consumo de período anual, etc.
    Agora ben, coido que ese non é o caso. E que, se a xente de fóra vai ter que vir a Ribadeo, a Abanca, na procura da Pancha, farao pola semna, que é cando ven menos, e non na fin de semana que teñen más tempo para vir... E, se non se 'descambian', só cambiará quen teña unha seguridade de que as vai aproveitar en compras non moi pequenas, pois non se devolve cambio. O que por certo, pode dar lugar á situación de que se pague con cinco Panchas algo de 4 € (e aínda se seguen a aforrar uns céntimos por parte do comprador, pero o vendedor pode presentar un ticket por esas Panchas e saír ganando igual...
    Vista a teoría de creación dos cartos e a facilidade con que se moven os cartos entre os bancos (sobre todo se son nosos), podería non ser mala idea... ou? Ó fin, a propaganda, que se fale da Pancha, xa está asegurada. Ou non?
    As bases da Pancha
    Impreso de adhesión do comercio

20220720

Acto do pleno ordinario de 31 de maio de 2022

    A acta do pleno do pasado día 31 de maio de 2022, ordinario, inclúe algunha cousas que non facía presupoñer o enunciado dos apartados da convocatoria. Por exemplo, as preguntas que quedaron sen contestar (ó final da acta), ou o extracto que saco da p. 13 e poño a continuación, dun aumento no orzamento de 90 000 €. Dese aumento, a maior parte lévaa o incremento da 'nosa' subvención ás Panchas, seguida polo correspondente á subvención ó Ribadeo Indiano, e por último a 'maquinaria para pintar', relacionada coa pintura de estradas que se difundiu en nota de prensa hai algún tempo.


: