20140901

Retorno ó pasado

Dende que se inaugurou o tramo da A8 evitando Mondoñedo, teño pasado varias veces de novo pola estrada 'vella' por estar cerrada a autovía. Como é sabido, non houbo cerre ata que morreu unha persoa e se accidentaron unha morea de vehículos, cun vídeo espectacular tomado con móbil.


Dende aquel día teñen sido moitos os días con corte de tráfico, a pesares de supostas melloras (se se entende como mellora por exemplo un cartel luminoso con aviso de néboa a quen ten que ver a néboa ó camiñar pola estrada). Tamén moito se leva falado de como se fan as cousas, e aínda que nos papeis non aparece a verba corrupción asociada a este caso, si que aparece na fala.
Onte tocoume ás nove da noite, de volta para Ribadeo, presenciar o sistema de peche da autovía, e a idea que tiña sobre a solución ó problema caeu aínda máis.
Resulta que á ida estiveramos falando sobre como se faría o cerre, ó ver aliñados na medianeira conos e depósitos de auga para a desviación do tráfico cara á saída en Lourenzá, incluíndo no discurso que sería factible un sistema mecánico automático, tras a evidencia de que era manual, e que, polo tanto seía sempre con retraso dende a toma da decisión de cerre, a máis de ter que manter xente adicada a iso.
Pois ben, o sistema é 'típico': unha patrulla da Guardia Civil de Tráfico fai o traballo (o que evita ter xente adicada de xeito único a iso), dun xeito moi sinxelo. Un move enriba e embaixo unha sinal luminosa de man, mentres o outro coloca os conos. Cando me coincidiu, o cartel luminoso situado algúns metros antes rezaba que había que ir con coidado por bancos de néboa. É dicir, que a estrada estaba practicable. Pero non, estaba a cerrarse, e eu estaba adiantando cando vin o movemento do luminoso, que en principio pensei que era manexado por un boneco dos que se usan nas obras da estrada. Cambiei de opinión cando vin que aumentaba bruscamente a velocidade de movemento, quizais porque estimou que eu ía rápido de máis (a lembrar que ía adiantando, polo tanto, con máis velocidade que o outro coche, e ademais polo carril da esquerda, o que antes se corta).
O episodio, a máis de revelar unha situación terceiromundista entre outras cousas, manifestóuseme como unha oportunidade máis ós accidentes, máis aínda cando o tramo de sinais de corte é ben escaso: atención.

3 comentarios:

Im-Pulso dixo...

¡Viva Paña! Grazas pola información.

agremon dixo...

... lamento ter que dala...

Anónimo dixo...

No "escaso" tempo que duraron as obras ningúen (de peón a inxenieiro ou arquitecto ou quen fose) observou a néboa. ¿ninguén? ¿ningúen desaconsellou o trazado? ¿non hai ningún informe negativo? ¿Fixo falta una morte para trar de evitar máis? Coincido con vostede, o sistema de peche é unha chapuza total e absoluta, e o peor é que isto desgraciadamente lémbrame sucedido no 24 de xullo de 2013. Chove sobre mollado; ninguén importa e ningúen mira por nós, eso sí, o gasto que siga, é necesario para "desviar propinas". Non nos preocupemos que neste país só son culpables e teñen responsabilidade os que rouban para comer.