20111229

Asemblea de Amadores da Música

570 socios, uns 30 asistentes ... parece o sino de case tódalas asociacións de Ribadeo o desentendemento polo que é de todos.
Onte celebráronse dúas asembleas, non unha. A primeira, ordinaria, e a segunda, extraordinaria para elixir nova directiva.
Non vou a 'levantar acta' como teño feito outros anos (por exemplo, o pasado), pero si facer algún comentario. En canto á ordinaria, deparou algunha sorpresa, pois Xa na convocatoria estaba a dación de contas e actividade, pero non o orzamento previsto e os proxectos para o novo ano. Aínda que non foi dito, debía entenderse que os proxectos serían cousa da nova directiva, que sería votada a continuación. Abrindo un paréntese, a directiva o pasado ano quedou de xeito provisorio uns meses para convocar novas eleccións, despois de non presentarse ninguén, pero dito período extendeuse o ano enteiro, co que voltou coincidir a elección coa asamblea xeral ordinaria.
Dentro do falado, revestiu especial importancia a viaxe a Viena. Resulta que a viaxe moveu abondos máis cartos que o resto do orzamento, e foi visto como un alicerce ós músicos segundo a directiva, pero como unha discriminación evidente segundo moitos dos presentes. a cousa é que os músicos, se querían ir, tiñan que poñer cartos, o que implica unha especie de 'copago' que resultou nunha subvención dos que non foron ós que foron, incluída xente externa (que tivo que pagar máis, por suposto). O que puxo Amadores de xeito directo foron 5 700 €  dun total de 42 300. Coido que foron 60 persoas, e polas contas que botei esa subvención dalgún xeito enmascarada existiu, aínda que unha vez expostas as miñas cuitas, dende a mesa se me tentou explicar que non. Un segundo aspecto discutido xurdiu e mantívose dentro dun caso concreto no que unha persoa pagou o adianto, non foi pero cubriu o posto outra, e non se lle rebaixo nada a ista segunda, co que houbo outro ingreso a fondo perdido.
O certo é que de música non se falou moito, e da distribución xeral de actividades, abondo menos que desta actividade en concreto. En rogos e preguntas, voltei a insistir como xa o fixen con anterioridade sobre o uso da web, na que poden estar tanto os estatutos de Amadores como o regulamento de ŕeximen interno da banda ou as actas das asembleas, e que coido que poderían clarificar algunhas cousas que se tratan nas Asembleas. A xuntanza durou cousa de hora e media, ó final da que houbo uns minutos por se se decidía a presentar un novo grupo directivo.
Comezou despois a nova asamblea, e ó non presentarse ninguén, se previo aviso voltou presentarse a mesma directiva (con dúas persoas cambiadas), lendo un decálogo de intencións (non un programa), que foi despois discutido nun punto concerto: a intención de ter unha única persoa como director de banda e escola. a discusión tivo diversos flecos, dende quen dalgún xeito pretende instrumentalizar a escola como canteira da banda (non só como unha saída natural), á lembranza de que existe un convenio que hai que seguir e mirar se se está a cumprir ou a petición de separar ben claro as dúas cousas e non tentar dalgún xeito de dicirlle ó director da escola o que ten que facer. Como dixo na explicación de intencións o novo (e vello) presidente, trátase de coordinar mellor, pero para iso hai que mirar o método, que non ten por que ser que o director sexa o mesmo (aínda que, se mal non lembro, está no convenio asinado hai tempo)
Nun momento dado, xa que estaba a concelleira de cultura, que leva a escola de música, pideuse a súa intervención, voltando ela a centrar o problema no futuro da banda, que pintou non moi halagüeño, en troques de en cuestións administrativas, e fixo patente que sería bo que na directiva houbera músicos, algo que non hai nesta (composta de pais), e máis conversa cos músicos (algo que foi repetido en varias ocasións tamén na asemblea anterior). Só unha pincelada sobre o futuro do que falou Mari Luz: a parte doutras cousas, a admisión masiva de xente nova en determinado momento de outros direcotres, en detrimento da conservación da xente que xa había, levou a un cambio de composición da banda que está agora deixando a formación en cadro, descompensada e sen xente abondo, algo que é urxente compensar.
En fin, así quedou a cousa, saíndo por votación 15 votos a favor, con xente en contra e dúas abstencións por motivos técnicos.
Rematada a votación, pedín a palabra para lembrar que 15 votos son a maioría dos presentes, pero significan menos do 3% dos socios, algo que habería que tentar corrixir cara ó futuro (e que xa dixen ó comezo que é un mal endémico das asociacións de Ribadeo). Asemade, tamén manifestei a miña sorpresa en que xurdira de novo a directiva, despois dun ano de ampliación de mandato, de pronto, sen previo aviso (coido que podo dicir que non fun nin moito menos o único sorprendido, pois mesmo vin contactar antes da asamblea a algunha xente para tentar formar unha directiva, incluíndo algún músico), solicitando que dalgún xeito se evitaran cousas chocantes dese estilo.
En fin, unha xuntanza de xente entrecoñecida con posturas diferentes, pero sen manifestar realmente unha tensión, aínda que si defendendo de xeito nidio o que cada quen cría.

2 comentarios:

Fer Trombón dixo...

A min o que mais me sorprendeu é que coma ti dis non se falase de ningún proxecto musical, nen programación concreta. Moita xestión, pero da música qué?

agremon dixo...

Pois non sei. De pronto, mañá actuación, pero non creo que se fale.