Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta autobús. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta autobús. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20170602

Unha liña de autobús esquecida

Queres subir o luns en autobús de liña á festa das Cruces?
Agora que se trata tanto da reodenación das liñas de autobús en Galicia, e onte tamén en Ribadeo da promoción da Romaxe das Cruces a Festa de Interese Turístico de Galicia...
Estou tratando de enterarme, pero non parece doado. As liñas de autobús na zona van sufrir un cambio, aproveitando as liñas de recollida de alumnado. Vale, non é a primeira vez que se fai, e xa sufriu algunha 'operación acordeón': deixar, non deixar, regular (=deixar con condicións)... Por idea, está ben.
Hai ao menos dúas cousas que considerar, e non sei como o van facer. A primeira, o horario. Non sei se vai producir unha diminución de horarios, ou só unha adaptación dalgúns, entre outras cuestións relativas. A outra, sobre a subvención. Tampouco teño moita idea de ata que punto unha subvención de liñas pode significar unha sinxela transferencia discriminatoria que poda favorecer favores ou favorecer sinxelamente a comunicación de zonas máis illadas. Dependerá da regulación, claro. Pero é que non está nada clara esa regulación.
A cousa é que temos un problema de comunicacións comunitarias por estrada nun momento no que as súas equivalentes por vía férrea prevén un futuro moi negro. Mesmo hai liñas esquecidas.
No mapa que o outro día traía a Voz de Galicia había unha liña dende Ribadeo que dubido que moitos ribadenses souberan interpretar nunha primeira ollada. Trátase da liña Ribadeo- Trabada. O seu recorrido, no mapa que deixo embaixo, 37 minutos en turismo, 50 minutos en autobús segundo o horario da empresa que se encarga, Eocar:
 Fai servizo nunha zona rural de ambos concellos, permitindo que a xente veña a Ribadeo á mañá (chegada ás 10:40, pon o seu horario) e retorne ó mediodía (sae de Ribadeo ás 13:00). Non sei se é ou non deficitaria, mais entendo que na súa actual configuración pénsase precisamente para permitir que o autobús que a cobre poda facer tamén o transporte escolar e así aumentar o rendemento económico. Supoño que será unha das que se integre no transporte escolar que ven a primeira hora para o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros, pero as liñas de transporte escolar, coa súa necesidade de malla cerrada e os menos de 500 m cacareados estes días como un logro pola administración como distancias máxima para acceder ó bus, fan que non sexa tan doado o facer unha previsión sen estar 'na cabeza' da administración: as posibilidades son múltiples, e posiblemente, na procura de rendemento económico, non demasiado boas. Mentres, a dispersa poboación de Galicia seguiremos a sufrir algunha consecuencia indesexada desa dispersión (difícil de xestionar e coido que moitas veces mal xestionada): un illamento crecente nun momento no que o transporte comunitario vai véndose máis e máis necesario en todo o mundo por cuestións ambientais, de recursos e de custes.
Sobre esta liña e outras mantidas pola mesma empresa:
Ribadeo e a racionalización do transporte (20151123)
Autobuses ás catedrais (20150626)
Servizo complementario (20100709)

20150130

Debemos berrar 'habemus wifi'? (ou mellor, 'non habemos bus'?)

Século vinteún, metade da segunda década, un país supostamente do primeiro mundo, e a nova do xornal indica que haberá wifi gratuíto na estación de autobuses de Ribadeo...
Por suposto, está ben que haxa wifi. Hoxe en día, é de supoñer que a estación teña máis dun ordenador, e iso xa non se concibe sen internet. E os servizos de internet xa é normal que veñan coa instalación dun aparatiño para a wifi, que está incluída no custe de conexión. Logo, por que non? O raro, a nova, sería máis ben o contrario, aínda que non se publicitara ata o momento.
De calquera xeito, chama a atención que se leven reducido servizos de transporte de viaxeiros e a nova sexa esta outra. Que na mesma nova se diga que merca a empresa autobuses (2, e estamos a falar de Galicia, non de Ribadeo) e non que aumenta liñas ou frecuencia. A cousa lembra aquelo dos xornais de hai un século, onde se publicitaba a chegada ou saída de viaxeiros para lugares como Madrid.
Queres ir a Vilalba? Madruga, que non tes autobús nin directo nin circunstancial despois das 7 e vinte da mañá. Queres vir dalí? que sexa pola tarde, que pola mañá... A Avilés hai autovía, e 105 km segundo se pode atopar en internet, que especifica un pouquiño máis dunha hora para chegar a destino no centro dende o centro de Ribadeo en coche particular. A mesma web especifica o triplo de tempo para o autobús. A, si, que Ribadeo e Avilés están unidas por tren... O tren ve a necesidade de dar máis volta, pero tamén dura máis tempo a viaxe... e con dous servizos diarios, non esperes chegar a Avilés pola mañá.
E Burela, ó hospital? Neste caso é diferente: 34 minutos en tren e en coche particular, e 50 en autobús, con catro frecuencias diarias en tren e outras tantas en autobús. Claro que, se tes vez no hospital ás 9 e media, terás que estar na estación (de autobús ou tren) a iso das sete da mañá, o que alonga na realidade a viaxe.
Alternativas? As últimas veces, consultei a web BlaBlaCar... porque por wifi aínda non nos podemos trasladar.

20161206

Un paseo lembrando o ferrocarril mineiro

Mentras se van desenvolvendo outros actos de #AChocolateira, o domingo foi a andanza pola vía verde do ferrocarril mineiro, o tramo recuperado para o desfrute entre Santiso de Abres e A Pontenova.
É unha ruta que teño feito moitas veces, a pé e en bicicleta, mais esta vez tivo aspectos diferenciais.

Comezando a ruta, por A World to Travel
Chega o autobús á saída había máis xente que chegou por outros medios que a que ía no autobús. De feito, o espazo esgotouse varios días antes, aínda que non abondos como para calcular que se enchería relativamente outro autobús. Alí estaba a alcaldesa de Santiso, Goretti Quintana (PP) repartindo ela soa, folletos turísticos da ruta e do concello. Durante perto dunha hora, co seu chaleco reflectante... non é a imaxe típica dun alcalde do PP, ao menos para algunha xente. No autobús, varias concelleiras do equipo de goberno de Ribadeo (BNG), e ó chegar, Darío Campos (alcalde de A Pontenova) e Mayra García (Trabada), ambos do PSOE.
Houbo quen chegou tarde á saída, mais ninguén se quedou rezagado, mesmo familias con nenos en carriño. quizais algo de influenza tívoa o chocolate de Moreno á chegada, cociñado por voluntarios, igual que o resto da organización, sumándose á xente de A Chocolateira familiares e amigos, xente do club Albións ou protección civil de A Pontenova para que todo funcionase. E funcionou. A foto de A World to Travel que trataba de aglutinar a tódolos participantes, pero que non chegou a facelo porque unha carpa ocupaba a meirande parte da praza dos fornos a máis da xente que xa marchara amosa preto de 100 participantes duns 130-140 estimados (a que se amosa está alixeirada de peso para a súa carga máis rápida).
No medio, a charla podía descobrir ós viandantes que Santiso estivo a piques de ter unha fábrica de óptica e por que non a tivo, ou abandoar uns metros o camiño para observar unha escala de salmóns, a mais, por suposto, de observar a variedade de vexetación, descobrer os nichos dos túneles e o seu uso, distinguir entre as centrais do río, as diferenzas entre os tramos afectados por unha presa e os que non... ou moitas outras cousas, do ferrocarril e da súa proximidade.

20100225

Mobilidade

Estase comezando co plan de mobilidade. Unha persoa está entrevistando durante tres días a diversas entidades e colectivos ribadenses para pulsar a súa opinión sobre o tema e outros accesorios ó mesmo.
Consultado O Tesón, presentou tres liñas básicas de actuación, as referentes a transporte colectivo, alternativo (tanto bicicletas como mobilidade para discapacitados), e peonil (incluíndo a ordeación de tráfico para facelo posible). distingueuse a zona rural, cos transportes en autobús actuais (que os hai) e posibles variacións a estudar (como un posible autobús circular para as parroquias ou cara á zona turística de as Catedrais) ou estado dos accesos, e a zona urbana. Unha zona esta relativamente máis complicada, co abano que se abre dende a zona do IES Dionisio Gamallo (Avda. de Galicia, Xardín e a nova r/ transversal) e o cerre do perímetro urbano pola zona da avda. de Castelao e o porto, incluíndo o acceso ó centro vello de xeito radial dende o perímetro, cos aportes como posibilidades de carril bici ou circular, tanto na zona mencionada como no acceso á zona escolar pola estrada de Covelas, e a desconxestión do tráfico urbano co aproveitamento de aparcamento e facilidade para acceso ó centro, así como a conexión co litoral e a xestión que se pode facer do mesmo en plan turístico.
Preguntou ademáis outros detalles, por exemplo sobre o ruído ou a iluminación, e aportouselle asemade outros puntos en relación á accesibilidade de edificios, se ben temos claro que tras falar con COGAMI, as notas que poidera tomar na xuntanza sobre este punto concreto quedarían moi curtas respecto ás que lle poden aportar dende a coordinadora galega de minusválidos.
É unha primeira recollida de datos que é de esperar que se complete posteriormente, pois se se quere facer un plan, as vinte ou trinta consultas que pode facer estes tres días e que ten programadas é desexable que se vexan ampliadas cun traballo de campo consecuente para manexar os datos aportados con soltura (algo que en comentarios posteriores se lle suxeriu e implícitamente entendimos que así estaba programado), pois comentando os temas saiu a relocer por exemplo o pouco dominio sobre os lugares precisos sobre os que se estaba a falar ou a nula visión xeral sen un debuxo sobre un papel dun esbozo do plano urbano ou do concello, o que dificulta a comprensión do que se está a falar. Ou a ignorancia de detalles aproveitables (ou ó revés, que impiden unha solución determinada) que poden non saír aínda que se fale moito de mobilidade.
A empresa que leva a cabo o proxecto, Novotec, é xa vella coñecida en Ribadeo, pois ten tido contactos co concello sobre diversas cuestións.
Na foto, un dos detalles de mobilidade a ponderar (con implicacións noutros campos)
--
Versión recollida noutras publicacións:

Nestes tempos estase a falar de consultar ó pobo. De xeito indirecto, sexa a traverso de consultorías diversas ou de institucións, ou mesmo de partidos (a campaña xa comezou, e isto serve para as municipais ou as xerais). Non obstante, as consultas directas parece que aínda non están dispoñibles, que terán que esperar, e mentras a vontade do pobo chegará ós centros de decisión filtrada, tamizada, matizada por institucións como os partidos políticos.
Un exemplo no que non se trata de partidos políticos directamente e que polo momento coio que técnicamente vai polo manual: estase a comezar co plan de mobilidade en Ribadeo. Unha persoa estivo entrevistando durante tres días a diversas entidades e colectivos ribadenses para pulsar a súa opinión sobre o tema e outros accesorios ó mesmo.
Consultado O Tesón, presentou tres liñas básicas de actuación. Liñas referentes a transporte colectivo, alternativo (tanto bicicletas como mobilidade para discapacitados), e peonil (incluíndo a ordeación de tráfico para facelo posible). Distingueuse a zona rural, cos transportes en autobús actuais (que os hai) e posibles variacións a estudar (como un posible autobús circular para as parroquias ou cara á zona turística de as Catedrais) ou estado dos accesos, e a zona urbana. Unha zona esta, a urbana, relativamente máis complicada, co abano que se abre dende a parte do IES Dionisio Gamallo (Avda. de Galicia, Xardín e a nova r/ transversal) e o cerre do perímetro do centro urbano pola zona da avda. de Castelao e o porto, incluíndo o acceso ó casco vello de xeito radial dende as vías perimetrais, coa posibilidade de carril bici, que podería ser de tipo circular, ou abrindo vía tanto na zona mencionada como no acceso á zona escolar pola estrada de Covelas. Tamén falamos da desconxestión do tráfico urbano co aproveitamento de aparcamento e facilidade para acceso ó centro, así como a conexión co litoral e a xestión que se pode facer do mesmo en plan turístico.
O técnico preguntou ademáis outros detalles, por exemplo sobre o ruído ou a iluminación, e aportáronselle asemade outros puntos en relación á accesibilidade de edificios, se ben temos claro que tras falar con COGAMI, tamén consultada, as notas que poidera tomar na xuntanza mantida con nós sobre este punto concreto quedarían moi curtas respecto ás que lle poden aportar dende a coordinadora galega de minusválidos.
É unha primeira recollida de datos que hai que esperar que se complete posteriormente, pois se se quere facer un plan, é desexable que ver ampliadas as vinte ou trinta consultas que tivo programadas para facer nos tres días de andar por Ribadeo, cun traballo de campo consecuente para manexar os datos aportados con soltura. Algo que en comentarios posteriores se lle suxeriu e implícitamente entendimos que así estaba programado. Necesario, pois comentando os temas saiu a relocer por exemplo o pouco dominio sobre o campo ou a nula visión xeral sen un esbozo do plano urbano ou do concello, o que dificulta a comprensión das características e necesidades do que se está a falar, ou a ignorancia de detalles aproveitables (ou ó revés, que impiden unha solución determinada) que poden non saír aínda que se fale moito de mobilidade.
A empresa que leva a cabo o proxecto, Novotec, é xa vella coñecida en Ribadeo, pois ten tido contactos co concello sobre diversas cuestións. En cambio a persoa, aínda que demostrou estar facendo os deberes, non era coñecedora de Ribadeo.
E voltamos ó comezo: unha consulta, ou unha serie de consultas, sobre un tema determinado poden dar unha idea ou moitas ideas sobre o sentir da poboación ou aspectos a desenrolar, pero cun contacto máis directo, políticos, xestores ou decisores poderían sinxelamente sentir como o pobo, estar integrados nel, e non só procurar impresións e ideas para aproveitalas como instrumentos.

20091022

Un servizo menos servizo: outra falta para Ribadeo

A nova de que se suspenden o autobús de mediodía (14:15) a Lugo e queda só para os festivos o da tarde (18:20) á Coruña non é boa para Ribadeo.
Tradicionalmente non se pode dicir que Ribadeo sexa un pobo ben comunicado, e isto agrava as cousas. Si é certo que unha empresa como Arriva, (a máis sinais identificativas, empresa que mercou a IASA (antes Ideal Auto) que á súa vez mercara a 'empresa Ribadeo' que marcara na súa historia un fito continuado de comunicación en e con Ribadeo) necesita ganancias como razón de ser, pero tamén é un servizo público que, neste caso, a parte de reducir posibilidades sobre as que xa había, impulsa o uso do coche privado como única opción, introducindo un factor de discriminación da xente que non ten carnet, non conduce, non ten coche particular ou sinxelamente opta por contaminar menos.
E parece que o caso non é illado, pois dende que entrou Arriva na xestión do transporte en autobús na zona, non é a primeira vez que suprime ou varía servizos supoñendo un deterioro das posibilidades das persoas da zona (véxase nas hemerotecas os tiras e frouxas pola variación de horarios e supresión de transportes na liña que atende o hospital da costa).
Que quen usa o autobús neste época despilfarradora de gasolina en coches particulares? Máis xente da que parece, e máis que o usaremos de cara ó futuro, se é que nos deixan.

20181130

Ribadeo, Madrid. Transporte

Hoxe entra en vigor a prohibición de circulación sobre algo máis de 4 km2 no centro de Madrid. Contaminación, tráfico, aparcamento, desenvolvemento da vida no centro da capital van verse afectados. Comparar unha cidade de catro millóns de habitantes cun pobo unhas 700 veces menor non é doado, nin en tráfico. Mais, en medio da polémica do comercio que houbo días pasados, coido que ten sentido facer un pouco de planificación de futuro tamén en Ribadeo sobre o tráfico rodado, acceso, aparcamento, e, sobre todo, liñas de comunicación públicas ou compartidas de diverso xeito para facer as comunicacións e transportes mantibles e respectuosos co entorno. Hoxe por hoxe, as restricións ó transporte que pouco a pouco se van estendendo por todo o mundo teñen vairas cousas en común, entre elas, que deixan moito mellor paradas ás aglomeracións urbanas, con grande densidade de poboación, con moita xente coa que compartir e moitas posibilidades de uso de transporte público xa de xeito previo, fronte ás zonas nas que a poboación está dispersa, como ocorre no noso entorno. As liñas de tren de proximidade das cidades están a desenvolverse e fomentarse, mentres aquí o ferrocarril da costa cáese en anaquiños diante da nosa vista, desincentívase o seu uso, recórtanse conexións... algo polo estilo pasa coas liñas de autobús. Cabería facer unha excepción coa liña Viveiro-Ribadeo, pero está visto que unha cousa é a teoría e outro o funcionamento real, con pasos por paradas sen parar, retrasos ou ausencias (cousas vividas de primeira man), etc, e unha app para avisar de que vas viaxar que aínda non sei que lle fora útil a ninguén.
Cousa polo estilo pasa cos aparcamentos. Nas cidades están a estenderse os 'aparcamentos disuasorios', mentres aquí son aparcamentos complementarios polo reducido espazo de aparcamento que se estima nas rúas, dado ademais que o uso do coche particular é necesario ante a falta de alternativas. alternativas que pasan con moita dificultade polo uso de posibilidades como blablacar, pois para ir camiño de Xixón podes ter unha certa frecuencia, mais para ir a Lugo a cousa xa está máis difícil, e non digamos se tes que ir a Allariz, como me pasou a min hai non tanto tempo, ou sinxelamente desprazarte a Arante para facer alí algo pola mañá.
Coido que Ribadeo só non pode loitar contra iso, pero tamén que voluntarismos como ir ó encontro de fútbol entre os equipos de Ribadeo e Viveiro en tren (volvendo en autobús, que así están as cousas e non se pode un arriscar) ou esquecementos como a chamada do comercio a consumir aquí esquecendo que o transporte tamén atrae consumidores, e polo tanto, esquecendo esa compoñente que nos afecta a todos, non son loitar pola defensa dunha vida mellor para todos, cidadáns e comercio incluídos.
Agora ben, hai xente de Ribadeo que vive en Barcelona e non ten coche porque non le fai falta. Isto, antes da adecuación do transporte na cidade. Aquí, que nin hai nin se espera de momento dita adecuación macro, sen coche, estás atado, cautivo. Sexa para ir ó hospital da Costa (ou o HULA), sexa para mercar en Ribadeo xente de Barres ou en Lugo xente de Ribadeo, sexa para ir ó partido de fútbol en Vilalba, ou mesmo á charla que dan na Veiga. E a cousa tende a empeorar coa falta de mantemento e supresión das liñas ... sen unha loita organizada e con queixas dispersas que, ademais, pretenden facer un aproveitamento directo e non xeral (que reverquería despois no propio aproveitamento)
Autobús de liña en 1975. De https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:1975_-_Pontevedra.jpg; autor Antonio, lic. Creative Commons recoñecemento compartir igual xenérico 2.0

20181007

O transporte en Ribadeo: involución fronte a revolución

un esquema horario ligado á liña de autobús de escolares.

Mentres que estes últimos anos hai un movemento mundial con base nas grandes cidades para tentar solucionar o problema dos desprazamentos, en zonas moito menos poboadas, nas zonas cunha porcentaxe rural alta, os problemas estanse agudizando ó levar o mercado á dependencia de medios particulares, rubricada pola retirada de diversos xeitos dos medios comunitarios / públicos. Mentres nas grandes cidades o vehículo privado está a ser marxinalizado, non necesario, na nosa zona, con base rural, o que desaparece son os servizos públicos ou comunitarios, sexa tren ou autobús, rarificando o seu paso e o seu uso, facendo na práctica case imposible esa opción. O certo é que a reorganización de liñas de autobús pola Xunta o pasado ano mellorou a comunicación interna na cidade en liña que é a costa, mais os intereses empresariais inmediatos fan que a comunicación de Ribadeo coa Coruña, Santiago ou Lugo (incluído o hospital ó que son derivados cada vez máis servizos), estea baixo mínimos. Ou que, na zona interior do concello, o servizo teña un fin tan específico que fai que o seu uso sexa asemade específico, puntual e esquecible, pois non evita a necesidade do auto particular, que, ó telo, resulta de moito máis cómodo uso (e máis contaminante, máis caro, máis insolidario...).
Auméntase o servizo para turistas camiño das catedrais, pero se alguén de Remourelle ou Arante quere baixar a Ribadeo calquera tarde, lévao cru. Ou se alguén de Ribadeo -ou un turista- quere visitar o santuario das Virtudes na Ponte ou o Pozo Mouro en Remourelle, vai telo difícil como non leve unha tenda de campaña para pasar a noite para volver pola mañá. Son algúns caso que se poden presentar. Minoritarios e insignificantes, hoxe por hoxe en canto á vontade en relación a servizos que se podan prestar entre a Cibeles e a Praza de España en Madrid, si, pero tamén anulados por inexistentes e polo tanto, incomparables polo trato que se lles da...
A Galicia rural perde poboación non só por unha causa. Pero tamén, entre as causas, está a falta de condicións para o transporte. E, mentres o noso interior morre, tamén morremos nós no noso interior.

20100709

Servizo complementario

A nota do concello é abondo indicativa: haberá un autobús ás praias as tardes (o fin de semana, tamén as mañás) durante o verán. Será un servizo de Eocar, independente, pero animado polo concello. Coido que isto debe quedar claro: o concello ou a Xunta non subvencionan, senón que a Xunta permitiu e o concello animou, facilitou e está a promocionar o tema. É dicir, hai diferenzas aprezables con outro tipo de servizos, como o 'noitebús'.
Por diferentes motivos non está claro que vaia a funcionar; é unha crara aposta empresarial que pode desconxestionar o aparcamento das praias, en particular das catedrais. Ten unha poboación diana para o uso que é abondo importante, pero terá que competir co tren, cos gustos e manías dos usuarios e cos cambios de tempo en plena tarde. Por outra banda, de ter éxito, un único autobús quedaría pequeno. Ogallá suceda o éxito e se desconxestionen os aparcamentos das praias e haxa unha menor pegada ecolóxica nos veráns ribadenses, entre outros efectos beneficiosos.

20190728

Reflexionando sobre o transporte na Mariña


Hai un par de días tomei o tren de s. Cibrao a Ribadeo. Puntualidade (de 13:10 a 13:53 sen moita variación), duración equiparable á viaxe en turismo, comodidade, revisor e garda de seguridade no tren, posibilidade de levar a bicicleta, importe (3,60 €) non excesivo en relación a outros custes... algo que non se parecía moito a algunha outra vez que fixen algún traxecto pola Mariña. A ocupación do tren, a mediodía, non era alta: de media no traxecto, fomos no tren unhas 8 persoas.
Noutro lugar teño comentado a mellora do transporte en autobús na franxa costeira da Mariña, e a diferencia grande co que ocorre ó querer tomar un transporte público cara ó interior da Mariña ou a outro punto de Galicia ou de España.
Un par de semanas de aparcamento de coche nun aeroporto poden supoñer máis custe que unha viaxe en avión a centroeuropa, ou un valor semellante ó custe agregado (combustible, gasto de coche, impostos, etc) da ida e volta en coche ó aeroporto de Santiago, o que parece desproporcionado. Se comparamos por outra parte o custe dunha viaxe en autobús a Lugo (nunha das poucas liñas que hai cando hai algunha), 8,80 € (ou 11 €, segundo a liña), é dicir, de cousa de 0,10 €/km, sae algo máis caro, pero semellante ó transporte en tren dende S. Cibrao ou Viveiro (ver imaxe, cun tique dende Viveiro, a un custe de 4,70 €, 60 km de vía). Mais na mesma imaxe sobremontei outro custe: Porto (Portugal) - Santiago, uns 230 km, por menos de 7 €. É dicir, cousa de 0,03 €/km. É certo que é un billete de prezo variable, que pode saír a un custe por km semellante ós que estamos 'afeitos' no transporte público da zona. Pero non deixa de ser curiosa a variación, as oportunidades, comodidade de horarios...
O desenvolvemento de xeito asimétrico do transporte nas concentracións urbanas en relación ó medio rural, que é o noso, é cada vez máis preocupante. Novas oportunidades de transporte de todo tipo xurden como fungos nas cidades, mesmo antes de que dea tempo á súa regulación. No noso entorno, hai medio século había máis posibilidades de transporte público que na actualidade. E a tendencia, con excepcións puntuais, non é mellorar: nin en horarios, nin en tempos, nin en custe. As nosas xentes na aldeaestán moitas veces incomunicados na práctica, dependentes de familiares ou outros particulares para o seu movemento. E só xurde de cando en vez algunha voz por algo en particular. así, seguiremos a perde mentres non nos organicemos, pidamos con forza e aportemos o noso gran á organización comunal.

20171218

Perigos nas Catedrais


Despois de da Mancomunidade ás Catedrais, aínda quedan preto de 300 páxinas máis a comentar do Plan Especial de As catedrais.
O ultimo que ocmentei foi que recoñecía o risco da elevación do mar polo cambio climático, pero máis aínda o risco para a conservación derivado da aglomeración de xente (p.14, punto 4.6). Na mesma páxina prodúcese unha especie de esquizofrenia de concellos. Un par de lexislaturas despois e recoñecer que é necesario reducir o número de concellos en España, parece que séguese a loitar sen cuartel entre concellos veciños como indica que falando de transportes, se enumere para o tren non só o apeadoiro de Esteiro, senón tamén o dos Castros, pero non o de Reinante, no concello veciño. Faise nun marco no que se indica o baixo uso do transporte público (incluído autobús subvencionado que ademáis facilita a entrada polo seu mero uso, aínda que iso non se cite no documento), e no que se di que hai un aumento de transportes alternativos, referíndose ó uso testemuñal da bicicleta ou mesmo o bipedismo da xente do Camiño de Santiago. Enumera tamén na mesma páxina que na actualidade son 330 prazas de aparcamento de turismo e 14 de autobús as que hai en aparcamentos decentes, e esta vez si, incluído Reinante.
Na páxina seguinte, outra pequena sorpresa, pois entendo que non contempla na actualidade máis que un acceso, quedando o acceso oeste (o principal) como único, a máis de 'en marea baixa', o acceso directo dende Esteiro. E, como calquera sabe, moita area ten que haber e boa marea para poder facer ese paso sen mollarse.
Nesa mesma páxina, a 15, no punto 4.8, cartelería, fala doutra cousa que debera estar subsanada: a disposición de carteis informativos sobre o propio cantil.
E, un pouco máis abaixo, (4.10.2), descobre que a licenza de hostalería foi dada polo concello de xeito posterior ó establecemento da Rede Natura 2000 (aínda que tiña un permiso previo da Xunta) e que nos terreos de uso do local faise emprego de varias especies de plantas invasoras. Recoñecemento que parece que non implica en absoluto ningunha actuación de oficio.
Por último para esa mesma páxina, tamén fala das leis 42/2007 e a súa reforma pola 33/2015, que, referíndose ós monumentos naturais (como o caso das Catedrais) fala das actividades incompatibles, sempre e cando non quede recollida a actividade correspondente nas normas de declaración ou xestión, o que non é o caso. O mesmo que no parágrafo anterior, parece non ter consecuencias de oficio.
O Plan Especial (de agora en diante, PEC) da unha sorpresa de novo na p.16, punto 5.1.1. cando di claramente que os visitantes, en determinadas épocas do ano 'superan ampliamente a capacidade ecolóxica', que cada vez hai menos terreo para hábitas naturais e máis plantas invasivas, cunha zona de intensa acción humana... o que redunda na calidade da oferta turística do propio concello.
É evidente que as suaves indicacións á acción que deixa caer o plan pola mera constatación de datos necesitan resposta, pero de non ter un poder 'absoluto' (refírome a casos somo o cambio exprés da constitución), as cousas do pazo van despazo...
Na páxina 17, punto 5.1.3 fala de transformar visitantes en turistas. Que quede claro que o documento non é precisamente ambientalista, senón pragmático. No mesmo sentido cabe interpretar que non se contemple un novo apeadoiro, senón o traslado do de esteiro, coido que en contradición con novas de prensa nas que se lle pide a Adif  (RENFE-FEVe infraestruturas) precisamente iso, unha estación nas catedrais. Ou cando fala da captación de financiamento, insinuando a 'colaboración' público-privada, moi en consoancia cos tempos actuais. Outra cousa diferente no mesmo punto é que xa se esqueza da poboación cando fala dun 'marco de colaboración' administración-axentes implicados uníndoo á sostibilidade do éxito turístico das catedrais (lembremos o xa comentado da p.9).
Páxina inicial do punto 5.1.3
O dito, continuará.
--
Contiuou aquí.

20090703

Coñece o teu Concello, coñece a túa Provincia

Coñece o teu Concello, coñece a túa Provincia
Como xa dixemos nun artigo anterior, dende o día 1 ao 4 de Xuño se estivo a departir o cursiño "Coñece o teu Concello, coñece a túa Provincia" de 20 horas lectivas, impartidas pola profesora Elena e organizado pola Vicepresidencia Terceira da Deputación de Lugo.
O programa consistiu en un 1º día: onde se contou a historia do Concello. Lendas, contos e anécdotas que forman parte da cultura popular. A transmisión oral da historia local.
2º día. Practicar as habilidades sociais: aprender a comunicar os nosos coñecementos a un grupo de persoas (relatado no artigo anterior).
3º día. Posta en práctica dos coñecementos adquiridos: visita guiada polos alumnos na vila.
4º día. Presentación de un circuíto guiado modelo pola vila.
Pois ben. Os alumnos fixemos un circuíto comezando pola Praza de España, rúa Bos Aires, volta polo paseo marítimo, subida a Cabanela, paseo por Porcillán, subida polas escaleiras cara á capela de San Miguel, paseo ata o Cargadeiro de mineral, e volta polo Grupo San Miguel, avenida de Rosalía de Castro e terminando na esquina do Teatro.
Pero o día 24, cando nos visitaron os cursillistas da Ribeira Sacra de Monforte e de Pantón, comezamos as explicacións o revés. Pareceunos que sendo Ribadeo porto de mar, fixéramos a entrada como vindo en barco, de fora cara dentro. Circuíto máis lóxico, pois os turistas trátase de atraelos ó pobo, o seu centro neurálxico da historia, do comercio e do ambiente de diversión e de marcha. Por tanto o autobús deixounos na área do antigo cargadeiro de mineral e viñemos vindo, pola capela de San Miguel, baixamos a escaleira para o peirao deportivo, recorremos Porcillán e gustoulles, ("olvidámonos" de ensinarlles as obras de Cabanela) e subimos por Antonio Otero, comentando as historias e desenrolo das casas almacenes do porto, da Casa Armadora de Bengoechea e logo Bustelo, a Escola de Naútica, a casa da madre de Del Rio, e un pouco máis arriba a casa de Navarro Reverter, logo cruzamos por case fronte á Casa da Xuventude cara á Praza da Fonte dos Catro Caños, e na calle de Amando Pérez, vemos os escudos heráldicos da Casa de Miranda e lles contamos a lenda das Cen Doncelas, a cuxo tributo contribuían os veciños da Ría de Ribadeo, subimos e torcemos a esquerda pola Praza de Abaixo, e saímos a Praza de España pola calle da Fortaleza. Fómoslles explicando os edificios principais, que rodean esta axardinada praza. Falamos sobre do Pazo dos Moreno, da Casa do Concello, antigo Pazo de Ibañez, da Aduana, do convento de Santa Clara, e do convento de San Francisco a actual igrexa parroquial de Santa María do Campo. Recorremos a calle San Francisco, mostrándolles a casa da antiga aduana, torcemos a direita pola Avenida de Asturias, e chegamos a Praza de Abastos de Ramón González, baixamos ata a esquina de Gayol e recorremos as casas señoriais de San Roque e casas de indianos, ata a Casa Rosa do medio (que non é de indianos, pero pareceo), logo voltamos polas catro calles e o autobús que recollía os da Ribeira Sacra, esperábanos diante da Oficina nova de Información e Turismo.
O pobo gustoulles moito, pero non puidemos ensinarlles o Forte de San Damián para darlles unha mellor explicación pois sempre está pechado e para eles foi unha decepción atopar tamén a igrexa parroquial pechada, pois son xente de igrexas posto que na Ribeira Sacra teñen unha ruta que conservan como ouro en pano, de 10 igrexas (San Nicolao de Portomarín, Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi en O Saviñao, San Estevo de Chouzán en Carballedo, San Miguel de Eiré e San Vicente de Pombeiro en Pantón, Santo Estevo de Ribas do Sil en Luintra, Santa Cristina de Ribas do Sil en Parada do Sil, San Pedro de Rocas en Esgos e o Mosteiro de Santa María Montederramo en Montederramo, e ademais San Fiz de Cangas, igrexa románica antigo mosteiro de monxas beneditinas citado xa en documentos de 1108 e 1119). A fealdade tan a vista do deterioro do Pazo dos Moreno debera de ser un tema a resolver, difícil, pero debe resolverse, así como, o das casas sin cristais na Praza de España que deberan poñerllos e pintalas, aínda que solo fora como "atrezzo" para a estación veraniega en que tanta xente nos visita.
Francisco J. Campos Dorado

20200108

Viaxar ás capitais... dende Ribadeo?

    Hai unhas semanas aparecía na primeira dun xornal: 'Viaxar a capitais galegas en transporte público dende Lugo é unha odisea'. Coido que quen puxo o título non atoparía outro para poñer sobre o mesmo tema dende Ribadeo... a non ser que usara a palabra 'imposible'.
    No interior do xornal, o título era 'Unha vila (case) incomunicada", e incluía infografía cos tempos, en tren ou autobús, en chegar ás outras capitais, a cada hora de conexión, e indicando se había enlaces ou non. A (case) incomunicación permitíalle ó xornal desdeñar comunicacións por tren con Vigo por ter mal enlace en Ourense.
    Dende a costa vemos esas (case) incomunicacións como un luxo, un auténtico derroche que non podemos permitirnos. Vexamos como exemplo o caso de Ribadeo, deixando á beira do camiño solucións como a que plantea unha empresa de billetes por internet, facer a vixe a Lugo a traverso de bus e tren pola Coruña e Ferrol, ou ben en bus por Ponferrada e Oviedo.
    Anda! Se non hai autobuses para ir ó hospital a Lugo! Ben, non é certo, sempre podes ir ata  estacion de autobuses de lugo, e logo coller un urbano... e sorrir mentres. E hai ata catro servizos de ida e outros tantos de volta (os días laborables, a partir de hora e media de duración de cada traxecto), que permiten pasar literalmente o día en Lugo. Se tes que ir ó hospital e estás delicado... bueno, iso é 'algo' diferente, xa te amañarás para chegar. Por outra banda, se es de Lugo e queres pasar o día en Ribadeo, mellor, procura onde durmir se ves en autobús.
    Tren... coido que hai máis dun século que non se propón nin que exista unha vía férrea entre Eibadeo e Lugo.
    Pasemos á capital de Galicia. Se salgo ás 9 da mañá, podo estar de novo na casa en Ribadeo ás 10 menos cuarto da noite. Quédanme 5 horas e dez en Santiago! Claro que como chega ás 13:20 á estación de autobuses de Santiago, o de facer xestións non está nada doado...
    Vale, imos ver á Coruña. Procuro e... xa teño a volta para os días de diario... e a ida? Non aparece!... pensándoo mellor, vou a Ferrol, que si que atopo algo directo de ida e volta, a FEVE: 4 posibilidades de ida e outras catro de volta a diario, todo un luxo que ata me permite estar entre as 10 da mañá e as sete da tarde na 'cidade departamental', tras tres horas de viaxe de ida e antes doutras tantas de volta. E de alí á Coruña podo ir ata en barco! [Nota posterior: o servizo regular de barco entre Ferrol e Coruña comunícanme que hai tempo que desapareceu, quedando só un servizo turístico de verán que a estas alturas non teño confirmado se funciona] Non sei o que durará funcionando a liña Ferrol-Xixón, pero mentres dure, aínda cos contínuos fallos no funcionamento por diversos motivos achacables en xeral á falta de inversión en mantemento, bendita sexa!
    Claro que no caso de Ribadeo, extremo norleste da administración noroeste, sempre nos quedan Oviedo ou Xixón... cidades que por algo teñen a Ribadeo na súa esfera comercial, e aínda a pesares doutras tres horas ou catro horas de viaxe segundo o medio de transporte comunitario e horario elixidos, porque si, neste caso, ata se pode elixir!
    Unha nota final: Xa non poño nada sobre ir ata Vigo ou Ourense. Por que? Adiviña!

20191218

Polas pensións


O autobús vai enchéndose: Ribadeo, Barreiros, Vilanova, Mondoñedo... aínda non son as sete e media e as prazas están todas ocupadas. Esta xente madruga. Ó traballo? En certo xeito si: ó traballo de defender os seus dereitos despois dunha vida laboral que xa ten rematado.
Vellos coñecidos a través dos anos, de toda unha vida, aumentan o seu círculo de amizades na loita común, transversal a traverso de desenvolvementos laborais moi diversos, sexo diferente ou idades nunha gama limitada, aínda que extensa.
Amence mentres as conversas cruzadas contemplan o futuro, o presente e o pasado: negro na imaxinación do que ven, gris como o día desapacible que amence e de cores de todo tipo e matiz na ilusión verquida sobre unha vida enteira.
A xeración que viu a inflexión da historia, dende os tempos duros social e económicamente da ditadura á esperanza da democracia e á actualidade de golpes sen control, con guante branco pero non por iso menos duros a medio prazo, volve a loitar.
Aínda que á volta á loita é dalgúns. A falta de participación coméntase e critícase camiño da manifestación en Santiago ou mesmo alí: máis de 700 000 maiores de 65 anos, é dicir, tres cuartos de millón de galegos afectados directamente pola idade, son representados na loita por unhas 500 persoas que marchan do Toural ó Parlamento. 1 de cada 1500. Hai moitos e motas que por diversas razóns non poden estar alí, mais o ‘Que loiten por min...’ pronunciado dun ou outro xeito, con esas ou outras verbas que veñen dicir o mesmo está na mente de moita xente. Algo parello a aquelo de ‘ande eu quente...’, mais neste caso máis ben hai xa friaxe que calor para moitas persoas en estado de necesidade. Quizáis quen vai no autobús, de media, non é quen máis necesita protestar polas súas condicións particulares: os loitadores e loitadoras foron loitando tamén para mellorar xa no seu día a día anterior, e son por iso conscientes de que é necesario facelo, é necesario defender os dereitos de todos, dos afectados que non van ás manifestacións ós que se verán afectados no futuro mentres notan no presente a afección de contratos-lixo.
E é que Modepen, a plataforma dos pensionistas, é transversal. Incide nas pensións, pero sendo conscientes de que antes houbo -hai- unha vida de traballo que dignificar, que uns traballadores que se afaigan a ser maltratados non teñen futuro tampouco como pensionistas. Ven claro que se se quere futuro, non se poden descoidar cousas como o coidado da Terra, como tamén o teñen claro e o están amosando os máis novos. Non, non é unha manifestación ‘clasista’, senón interclasista, multietaria ou feminista no sentido da conscienca do longo camiño por recorrer para igualdade e das oportunidades que representa esa comunidade. Por riba de partidos -que xa non ningunean o movemento do mesmo xeito que ó comezo-, de ideas sobre cousas concretas, a comunidade vai aumentado a camaradería. E a todas luces, despois de xa moito tempo de mobilizacións, está claro que continuará no futuro, pero tamén na aglutinación de máis xente e no aumento da súa influencia, seguindo unha traxectoria que atopa eco noutros paises. E trabando conexión e aproveitando sinerxias con outros movementos que sobrepasan o nivel local, como os ambientalistas, feministas ou altermundistas: outro mundo é posible, outra vellez, tamén.
--
 Escrito presentado no Parlamento e algunha foto:





 







20130202

A Ribadeo, pola patroa

Hoxe foi a xornada de avistamento de aves co gallo do día dos humedais.

Esta mañá, un autobús de Eocar ás ordes de Enrique Sampedro deu a volta á ría parando en sitios con posibilidades para ver aves. E vímolas. No fondo da Liñeira, na praia de Salías, no puntal de Castropol, e no mirador da zona de Galicia, despois de pasar por unha curta charla na Casa da ría de Ribadeo, que completou a entrega dun pequeno manual para o avistamento de aves na ría.
Os cinco puntos onde parou o autobús
As aves vistas foron moitas, incluídas a que deu pé ó título, a águia Panchiña ou a garza e as dúas garcetas que acompañan ás espátulas no pecio da foto de embaixo tomada na Liñeira.
Asistentes, vintetantas persoas. O visto, moito. O aprendido, máis, aínda que poda ser só, como se di nalgunha película, 'o comezo dunha grande amizade'. E, no aprendido, tamén algunha historia: a águia foi con anel a pasar o verán en Francia, e foi vista antes das festas ribadenses voltando cara acó na zona das Landas francesas. Chegou xustiña, o día da patroa. Sabe da festa en Ribadeo...

Un par de fotos máis, pois houbo variedade na ruta: un grupo de gaivotas de dous tipos en Salías, e unha vista da ponte dos Santos dende o Puntal de Castropol.
Dentro dun pouco, presentación dun libro sobre aves.

20070705

Ribadeo, máis achegado de Asturias. O alcalde, aínda non achegado de Asturias a Ribadeo.

Esta mañá cedo unha veciña de Ribadeo (María Lines Martínez Díaz) chocou, vindo de Lugo, co autobús de IASA que ía para aló, morrendo e habendo varios feridos no autobús.
As estradas son traizoeiras, unha das razóns pola que se fan máis autostradas, como o tramo que se remata de inaugurar en Asturias e que volta a achegarnos máis ó Principado, unha vez decidido que a ría é de maioría asturiana (como ten dito algún a conto de que ten máis costa da beira leste).
Non se sabe moito da Xunta de Portavoces dos grupos políticos no concello que tivo lugar onte, polo que o novo pleno, a convocar de seguro para a próxima semana se todo vai de xeito correcto, decidirá. Polo que parece ofertou dúas prazas na Xunta de goberno, e claro, a UPRi non está de acordo (quedaría sen praza). De calquera xeito, hoxe trae a prensa que o rexidor de Vilalba cobrará só 62500€/ano (eso si, brutos!) o que fai que as posicións mantidas en Ribadeo se desdibuxen un pouco.

20171010

Sinsentido de Renfe e horarios de autobús (ribadeo, Burela, Viveiro)

Ímonos afacendo. Pode ser percepción da idade ou da comunicación, pero os sinsentido que nos chegan están medrando en número e 'calidade'. A última nova que leva a impronta 'sinsentido' aparece hoxe mesmo na prensa: a compañía que aglutina os ferrocarris en España, Renfe, encarga un estudo para saber cánta xente usa o tren FeVE na zona cantábrica. Iso quere dicir que podendo ter os datos pormenorizados de toda a liña ó día cobrando os billetes e polo tanto mantendo persoal e facendo o que ten que facer, vai gastar (que non invertir, que ten outro sentido) máis de 4000 euros mensuais durante dezaoito meses en persoal externo para facer un muestreo.
Non é raro despois do que leva pasado que a plataforma de defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo considere a decisión insultante. Mentres, o mantemento da vía ou os horarios son deplorables, e a compañía xustifica que así sexa.
O certo é que o tren ás veces é usado por pouca xente, pero iso non é porque non sexa necesario ou porque non poda ser doutro xeito, senón polas condicións do servizo. Aí está a competencia, o transporte por estrada, que na restruturción realizada resulta que no tramo Viveiro-Ribadeo, conicidente con FeVE, dispuxo horarios que achegan a liña a un autobús urbano, respondendo á idea de que a Mariña é pouco menos que un contínuo de vila á beira do mar. Outra cousa é o servizo en zonas da Mariña menos poboadas, pero pódese corroborar o que digo cos horarios que adxunto, obtidos da web da empresa. Queres comparar co horario de FeVE?


20160719

Mirando os números das Catedrais

Segundo parece, as Catedrais segue funcionando como atractor. Onte 18, a Voz de Galicia apuntaba que máis de 32 000 persoas tiñan pasado xa pola area da zona ribadense no que transcorrera de mes, 17 días, o que fai perto de 1900 persoas diarias. Se ben dita cifra non é nin a metade da cota diaria (4812 px), para media non está nada mal.
Como o que se procura é o rendemento económico (polo momento, a natureza considérase ó servizo da economía entendida como cartos) na mesma nova apuntaba a que case mil persoas, un 3% dos visitantes, se aloxaban en hoteis de Ribadeo. Estatísticas: os hoteis de Ribadeo poden emitir pases que se están a contabilizar a máis da cota. Iso faría 59 pernoctas diarias en Ribadeo debido ás Catedrais. Unha fracción substancial, mais non demasiado grande, das pernoctas na hostalería ribadense. Claro que os que obtiveron o pase pola web e logo pernoctaron non estarían incluídos.
Algo parello, se ben en menor escala, pasa co autobús (200 pases) e co tren (150). En concreto, o número de pases de autobús máis ben se asemella ós viaxeiros dun día que de máis de medio mes.
De calquera xeito, as cifras indican que un total duns 1350 visitantes de 32 000 usaron pases sen teclear na web, máis dun 4% que estarían fóra das limitacións impostas ó uso do monumento, e polo tanto, en certo xeito, de control (non estatístico)
O uso de guías de divulgación para grupos de ata 25 persoas contabilizou 1600, é dicir, o 5% dos visitantes, se ben non se pode falar neste caso de porcentaxe mínima ou máxima que representa a xente que viaxa en grupo, pois pode apuntarse un grupo de xente que viaxe de xeito separado e non apuntarse un grupo de xente que viaxe de xeito conxunto.
Canto representa para a economía ribadense (para a entrada de cartos en Ribadeo) as catedrais? Coido que a pesar do plan, un estudo tal está sen facer en serio. E dubido moito que nun primeiro intento cando se faga se consideren tamén cousas como impactos ambientais. Mentras, os números servirán só para presumir de cantidades.
Posta de Sol contemplada preto de As catedrais

20121001

De viaxe

Unha crónica tranquila:
Este fin de semana O Tesón foise de viaxe. Curta, só a Mondoñedo. Intensa ó tempo que tranquila, aínda que con algún susto.
19 persoas collemos o autobús e en xeral tivemos unha primeira impresión do trazado da autovía ó ser contemplada a costa dende o alto dun autobús e non dende turismos.
Mondoñedo sempre reserva algunha sorpresa. Nas súas rúas, a catedral, os Remedios, os Muíños, o Museo catedralicio, o Seminario, ... algúns exemplos:
O Bispo Veres non tiña cara para nós. Agora, a rúa de Ribadeo xa a ten mercede a este retrato que se conserva no Seminario, e un pouquiño da súa historia tamén, como emigrante a México ...

O Bispo Sarmiento soa máis; é un apelido máis coñecido en Galicia. Saber que os seus ósos descansan nos Remedios, dos que foi benefactor e reconstrutor, xa é algo que non é moi extendido en Ribadeo. E quizáis, menos o feito de que mandara que o seu enterramento fóra na entrada para que todo o mundo o pisara ó pasar. Algo que ós poucos anos foi desobedecido para construírlle este lateral que se ve na foto.

O Cemiterio de Mondoñedo coido que pode cualificarse como bonito. Unha vista parcial testemúñao, aínda que neste caso o enfoque ten naves ó fondo, cousa que non é moi representativa nin de Mondoñedo nin do cemiterio. O poñer un conxunto de tumbas e non a de Pascual Veiga, a de Cunqueiro, ... por separado ten unha razón sinxela: o número de xente de certo renome que está soterrado alí.

Non sei outra xente, pero a min sorprendeume ver nunha talla de cousa de tres séculos atrás un gaiteiro tocando nun nacemento a modo de substito do coro e trompetas celestiais ... o gaiteiro, na parte inferior dereita do cadro, axeonllado, está tamén nos Remedios, na parte sur da cruz da planta da igrexa.
A parte, houbo outras cousas que a viaxe e a comida propiciaron. E a falta de tempo fixo tamén que quedaran outras cousas por ver.

20051203

Amigos e música en Ribadeo


Pola miña culpa, non puiden asistir a unha reunión de asociacións contra o ruído en Santiago. Foi unha mágoa que tentarei suplir. En troques, tiven un día no que non só estiven acompañado pola familia, senón que puiden disfrutar da compañía de bós amigos, e para rematar, de música.
A foto corresponde á actuación da Real Filharmonía de Galicia no auditorio ribadense, interpretando a Rogelio Groba ('Catro bagatelas') e Luigi Boccherini (Retirada nouturna en Madrid, Concerto para cello n.9 en SiM e Sinfonía n.6 en Rem, Op.12 'A casa do diavolo') nun concerto sen cata que foi moi aplaudido, resistíndose o conxunto a agasallar á súa vez cun bis. A conta de celbrarse o concerto no, na época de Hernán, chamado 'Auditorio de Playmobil', aquí engado o meu artigo para o libro do 5º cabodano de Amadores, unha celebración preparada por Hernán cun libro que comezou a artellar Choupín e houbo dificultades para pagar...
--
Sonríe para hacer felices a los demás
Así rezaba o lema dun programa de corte relixioso fai cerca de trinta anos. Algo así pode ser tamén o lema de Amadores e a Banda: tocar para disfrute dos máis. Ó mellor non queda ben como lema, pero é unha realidade feita a base de traballo e esforzo diario. E colaboración, moita colaboración.
Igual que se celebra o cabodano do momento do parto, na banda celébrase o da presentación. Nembargantes, houbo unha xestación e tamén hai que lembrala. E en calquer caso, a moita xente: dende o primeiro momento, Choupo, e Tino, como os liantes do cotarro, pero tamén Ernesto, facendo desinteresadamente o lenzo que puxo o telón de fondo na presentación, César, sucesor del en moitas ocasións, del Río, cedendo instrumentos para o seu usufructo pola banda, Hernán, por suposto ... e moitos outros, como Pepe, co seu esforzo contínuo como pipa, que a parte de pagar as cuotas para manter económicamente a sociedade poñen o seu traballo e dan o que teñen para colaborar nesta empresa.
Tamén houbo os seus desencontros e miserias na vida destos anos. Non se trata de esquecelos, que quen esquece está disposto a volver a cometer os mesmos erros, senon de superalos nesta celebración.
A andadura da banda, primeiro, Banda de Ribadeo, logo Banda Municipal de Ribadeo (BMR), non foi sinxela. Diferencias e dificultades de todo tipo foron pasándose mellor ou peor, ate chegar a hoxe en día. E así podemos atopar a esta agrupación herdeira de outras anteriores, pero ó tempo, netamente diferente a elas na súa concepción. Se nalgún momento se viu a banda como unha nova época doutra banda anterior, pronto quedou anulada dita visión, tanto pola variación de músicos (novamente o Choupo, esta vez como nexo e testimonio de outra época), como polo tipo de música, a voluntade fortemente discutida de non combinar a interpretación coa marcha e moitos outros pequenos detalles.
Son opcións así escollidas, que configuran unha banda, repito novamente, diferente, pero que ten moi en conta, e disfruta das ventaxas que lle supón, a tradición musical en Ribadeo.
Noutro lugar se atopa un listado de músicos. Moitos deles, a maioría, seguen facendo a súa labor ensaio tras ensaio para que podamos escoitalos concerto tras concerto. Outros, como Enrique, Clara, Goyi, Charo ou eu mesmo, por diversas razóns estamos fora da formación, pero seguimos apoiando e disfrutando dela. Outros en fin, volven ocasionalmente, cando poden, á disciplina que manda a batuta.
A banda, dende o principio, foi unha familia, aínda que pola extensión actual variaran moitas cousas dende os comezos ate a actualidade. Esas e outras "moitas cousas" están incluídas tamén na historia: Olvidos de instrumentos por parte dos músicos para actuacións fora de Ribadeo (maiormente, clarinetes), necesidade dun servicio de orden que permitira ter a algunha actuación, como na Plaza Real barcelonesa, noites enteiras en autobús no medio dunha nevada ou polo contrario, actuacións cos ollos medio cerrados e sudando a gota gorda. Autobuses que se estropean e que fixeron chegar co tempo xusto ou aínda con retraso a algunha actuación, e coches particulares, sucedáneos de autobús, nos que o ambiente non deixaba de ter o mesmo calor que naquel.
Tamén, accidentes. Pequenas cousas polo momento, das que poden dar conta César ou Javi. Ou roturas inoportunas (¿cándo non son inoportunas as roturas?) de resortes ou mecanismos, amañados sobre a marcha polo "equipo técnico" da agrupación, a veces aínda con sofisticados instrumentos como gomas elásticas ou navallas.
Son montóns e montóns de anécdotas as que van conformando a cultura da banda, acompañando ás pezas tocadas, ó saber facer musical, a adicación, ... Esas cousas, que configuran a vida interna do conxunto, a que non se ve normalmente dende fora, van acompañadas doutros detalles que si se notan pola audiencia.
O que a banda saíra con carpetas deseñadas con coidado, aínda que baratas, a inclusión da manga corta de camisa no uniforme, carteis que son para coleccionar e que se poden ver en máis dun lugar como decoración de gusto, dípticos con información que tamén forma, saídas e recollidas do esceario en orde, a ilusión a flor de pel que rezuma nas actuacións, en particular na casa, ...
--
Tamén, as polémicas mantidas na prensa e na rúa, parte delas creadas cunha idea non musical, conforman xa a historia da banda e de Amadores. Ou a Escola de Música "Carlos Álvarez Fernández-Cid", ou os boletíns editados, ou ... a historia da banda é corta no tempo, pero dilatada en feitos. E segue.
--
* E tamén a colaboración de Hernán, cedida de xeito libre para dito libro:
--
>ASÍ QUE PASEN CINCO ANOS
Aviso inicial para leitores sagaces: este artigo comeza e acaba en páxina par, isto é, aberto o libro, ollemos á esquerda. Non en balde foi un membro do comité Central do PCP que xestionou a participación da banda que ate hoxe dirixo no Festival Internacional de Bandas Amadoras (amaters) de Loures (Portugal) en Novembro de 1995. E de tocar na mesmísima Lisboa ocupeime eu. Non vaia pensar ninguén, tras a leitura da penúltima plana deste heteroxéneo libriño, que só se accede á glória pasteleira dende unha das beiras. Lembro con saudade unha viaxe a Madrid con Eduardo Gutiérrez en Decembro do 94 para conseguirmos que a banda tocase na capital do Estado un mes despois (no Auditório de La Vaguada, no Hotel Foxá e... na Praza Maior!) sen arruinarnos de todo. O que leva chovido! (que lles pregunten aos de Múrcia...).
Este meu artigo, esta miña canción, leva letra, mesmo desde o título, de arrebatado bolero paixoal: "de lo que pudo haber sido y no fue".
Queria rememorar cun ponto de ponderación o congreso de Bandas de Música Populares de Galiza que organizamos en ribadeo en novembro do 94, pero entroume a amargura: só o concello -daquela- puxo o hombreiro económico institucional de xeito non limosneiro; os compoñentes da Banda sinfónica de Galiza que dirixiu Marcel van Bree cobraron con moitos meses de retraso as súas dietas, e se non é polo concello -daquela- e pola Federación de Bandas, había ter que pagar eu do meu peto a publicación das ponéncias. Miren agora este libro, pero insisto, a min léanme, con cartos ou sen eles, de páxina para a páxina par. De tódolos xeitos, o pior é que as propostas conceituais de renovación e de modernización que lanzamos naquel congreso, coa bagaxe ribadense como prototipo, estánna despensa mental, sen perspectivas de consumo, da maioría dos participantes foráneos; e van máis de dous anos.
Quería publicar, como se prometeu nas notas do programa do último Aqui como en Viena, a lista de paso-dobres interpretados pola Banda desde o seu debu o 25 de xaneiro de 1992, pero se hai entre os colaboradores do libro que se auto-limita o espácio para non falar de nós, da Banda actual, e si das de antano, conmigo pode a pereza -e o espácio- e non hai lista que valga, porque, pésie ao que digan, é case tan longa como a de Schindler, que musicalmente prefiro.
Releo o anterior e descúbrome algo influído polo exuberante barroquismo literário dalgúns articulistas precedentes (impares) que teñen algún pequeno problema coas comas, os guións, as frases parentéticas e as "aspas" (ouh!, as aspas), pero nengún co espácio. Pésie a que quedei coa directiva de "amadores ..." en coidar eu da edición do volume, non teño vocación e menos capacidade para actuar de censo, nen sequer fronte a un émulo do profesor Quintana que tamén circula entre estas páxinas (e menos mal que, como asertan vários, a música é unha linguaxe universal, unha linguaxe universal, unha linguaxe universal, etc.). Poñerlle a man a algun artigo seria, por suposto, excederme nas miñas atribucións, que hai que confunde con "atributos"; o dos atributos non son eu.
Tamén tiña pensado cantar as exceléncias da Escola Municipal de Música, pero xa hai -no libro- quen lle descobriu unha paternidade oculta e quenexpresamente me recomenda dirixila (e non falo de decretos, falo de algo que se di nesta publicación).
Neste libro fálase por primeira vez de licenciaturas en instrumentos musicais, de títulos de director de banda, de mestres, compositores e musicólogos dos que non sabia. E eu con istos pelos (poucos). Está claro que me teño que reciclar. No entanto, para qué dar outra vez o coñazo coa música de cámara, coa corda, coa Banda Sinfónica... Estudiarei en recollimento, con este documentado libro na cabeceira e os meus eses: Sibelius, Shostakovitch, Strauss...; e igoal discurro un método Stanislavsky (comeza por ese) para a interpretaciónmusical. Prometido.
Quería falar de como case non fumos a Barcelona en Abril/95 e de por que non fumos a Ourense en Xullo/93, pero con tanto patrocinador institucional polo médio será mellor que cale unha vez máis. a min mesmo si que me podo auto-censurar. E non pasará nada porque diga que a tocar ao teatro Colón da coruña, en agosto do 93, levounos a nacionalista Federación de Asociacións Culturais de Galiza, entidade hoxe desaparecida por inanición institucional, entre outras cousas, e que naquel concerto escoitounos e felicitounos a deputada Pilar Garcia Negro.
Destas cousas e dalgunha outras tiña decidio falar cando a Xunta Directiva de "Amadores da Música" ideou tirar este libro conmemorativo do quinto aniversário da Banda. Déixoo para o décimo. A ver se no segundo lustro Eli e máis eu vivemos tempos musicais de fartura, Coté e máis eu fartámonos de cervexas, lalo e máis eu montamos unha ópera (el xa sabe cando), a Banda -con Eva- e máis eu damos unha volta ao mundo de verdade e non só no pentagrama e grabamos o disco dunha puñeteira vez. Daquela, á nena oculta da fotografía da páxina anterior chegaranlle os pes ao chan, e agardemos que todos teñamos os nosos na terra. Asi que pasen (outros) cinco anos.
Todo, claro, se non sego algúns consellos nen sego a Carlos Núñez e á Nova trova Santiagueña cando interpretan xuntos aquela que di...
Hernán Naval

20170210

O comezo da historia de Ribadeo en internet

   O outro día pedíronme o correo electrónico  para unha xestión. A outra persoa quedou sorprendida porque no correo que lle din aparece o 2001. Non lle expliquei que antes desa data xa tivera outras contas de correo, pero quedeime pensando sobre a chegada de internet a Ribadeo.
    Hai unha parte, anterior á web, que polo momento, considero perdida. Houbo algún intento de conexión, pero non teño datos nin sei se se poderán conseguir datos precisos. Mais, a partir da existencia do protocolo hipertexto (html) e da worlwide web (as célebres www), a cousa cambia coa recollida de datos por parte do 'internet archive'. Aí pódense ver diversas páxinas recollidas, copiadas e almacenadas, podendo recobrar algunha versión e tendo apuntado datas de recollida das páxinas por IA. E aí poden atoparse datos sobre a historia das páxinas web de Ribadeo. Sobre todo, se por ter participado nela, se sabe por onde comezar.
   Pensaba que o primeiro sitio tiña sido un sitio familiar feito por min, que chegou a ter unhas 100 páxinas con información sobre Ribadeo, a banda, literatura en galego... e que chegou a ser reseñado  (en 1997? 1998? non estou fixo, tería que poñerme a procurar) no El País precisamente por iso, pola referencia á lectura. E, certamente, algunha das súas páxinas son as primeiras recollidas no arquivo, no que aparecen no muestreo de 2 de decembro de 1998. Así pasa por exemplo coa páxina que lle pedín ó alcalde de aquela como presentación para cando se presentou en Ribadeo un autobús da Xunta para presentar/ensinar no pobo o que era internet. Ó non haber páxina, e estar avisado de que viría, quixen facer unha presentación do pobo nas miñas páxinas, que rematou chegándome a traverso de Paco Rivas o día anterior. Esa páxina en concreto está recollida por internet archive o 2 de decembro de 1998 (é dicir, o que se pode ver almacenado corresponde á versión dese momento), pero fedellando no seu código pódese ver que aparece a data de 18 de xuño de 1996 como a de creación da páxina. A páxina tiña a dirección http://personal.redestb.es/agremon/j_carlos.htm (o sitio non existe xa dende hai anos, pero esa é historia para outra vez) e pódese ver en internet archive en http://web.archive.org/web/19981202065913/http://personal.redestb.es/agremon/j_carlos.htm.

    Outras moitas páxinas do mesmo sitio aparecen tamén referenciadas nos seus datos internos en xuño de 1996, aínda que recollidas por internet archive por primeira vez a finais do 1998 ou xa no 1999. Así, a páxina xeral adicada a Ribadeo, que aparece en http://web.archive.org/web/19981205201602/http://personal.redestb.es/agremon/ribadeo.htm, foi recolida o 5 de decembro de 1998, mais foi creada o mesmo día que a xa citada.

    O sitio avisaba na súa páxina principal, cun banner móbil, 'ten conta que é unha páxina personal...'
algúns outros exemplos das súas páxinas son:
    De calquera xeito, pensaba. Porque ó ir ó outro sitio do que sabía a súa existencia por aquela época, atópome que a súa páxina máis antiga aparece no medio do html como algo anterior, do 2 de abril de 1996, aínda que recollida por primeira vez por IA o 11 de maio de 2000 e accesible no arquivo de internet acrchive a partir de 4 de decembro de 2000. A páxina é esta: http://web.archive.org/web/20001204150500/http://www.ribadeo.com/
    A ela chégase por unha redirección dende eonet (http://web.archive.org/web/20010618044007/http://www.disbumad.es/empresas/eonet) redirección de retardo 2 s, ambas páxinas de Antonio Andina:
    Posto en contacto con el, temos clara a orixe, antes da chegada do célebre autobús, e que ambos comezamos ó tempo. Non cadra unha diferenza de más dun mes entre que unha e outra páxina foran colgadas.
    Ese foi o comezo. A partir de aí, virían moitas cousas máis. Como, anos despois, o primeiro anuncio pagado en Google dende Ribadeo ou multitude de páxinas e blog, moitos deles efémeros.