Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta abuso bancario. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta abuso bancario. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20211110

10 de novembro, comeza a mobilización contra o abuso bancario en Ribadeo

   Ribadeo, 12:30, diante do Banco de Santander. Como entidade máis grande do panorama estatal, tocoulle a primicia das mobilizacións contra o abuso bancario. Semanalmente, en Ribadeo, haberá concentracións ata completar o abano de entidades bancarias da vila... ou a solución do problema.

   Mellor que resumir os puntos, deixo o texto lido por Meli Blanco Lombardero e o final da alocución, xunto con algunha foto de Suso Fernández. Ah! e a próxima concentración, o mércores 17, ás 12:30, diante de Abanca.
Foto de Suso Fernández

  Aí vai:

"Pois aquí estamos.

Nós, ós que eles chaman clientes, e que nos recoñecemos a nós mesmos como usuarios obrigados.

Esta é a primeira dunha serie de concentracións que iremos facendo os mércores para opoñernos de xeito frontal ó maltrato que nos dan os bancos. Quede moi clariño que non temos nada contra os seus traballadores, absolutamente nada: somos conscientes de que tampouco están a pasar polo seu mellor momento.

Un maltrato que se ve na usura que en moitos casos utilizan con nós. Bancos que gañan cartos a carrados, a conta de cobrar comisións, abusivas sempre e a conta de todos, que estamos literalmente obrigados a darlles os cartos co beneplácito dos distintos gobernos.

Hai unha necesidade urxente de crear unha banca pública, e non se trata de comunismo. Trátase de xustiza: cos teus cartos rescatáronse os bancos. E agora, esas mesmas entidades róubante e mesmo te din o horario no que tes que pasar a pagar, pois non lles vale calquera hora dentro da xornada laboral, ten que ser cando eles queiran, sen importarlles nada. Se traballas ou non, iso é problema teu. Como tamén é o teu problema ter un ordenador e facer ou non cursos de informática para dispoñer dos teus cartos, porque por ventañiña non poden darchos, como se foras alguén apestado. Como se todos nós lles debéramos sumisión.

Como persoas, non sei se lles importamos. Os nosos cartos si, si son importantes. Xa antes era bo o dito de ‘tanto tes, tanto vales’. Pois agora é máis certo: se tes moito pagas pouco, se tes pouco pagas moito.

O Santander, o banco diante do que estamos, logrou uns beneficios de xaneiro a setembro deste ano de pandemia, de 4800 millóns de euros. En nove meses! Case 18 millóns diarios!

Fai falta dicilo ben alto: Banca pública xa! É unha necesidade."


20211125

Para que os bancos non abusen... mellor, que indemnicen

    Onte foi mércores. E como tal, produciuse unha nova prevista en relación cos bancos en Ribadeo, e ademais, un 'bonus' imprevisto.

    O previsto, a manifestación diante de oficinas bancarias en Ribadeo, loitrando contra o abuso bancario. Esta vez, por tratarse dunha zona de alta densidade de oficinas, dunha tacada a concentración serviu a tres diferentes.

    A xente, algo máis de vinte persoas, fixo o recorrido entre entidades que non están separadas máis de cen metros entre si. Deixo abaixo o cartel de chamada e algunha foto diante de cada entidade.

    A outra nova, imprevista, tivo orixe no concello. A nota de prensa ó final da entrada dá conta dela. En resume: O concello, nomeado herdeiro de Francisco Moreda, viu que na herdanza tiña unha conta no B. Santander. Pero o banco non lle deixou acceder a ela nin para saber a cantidade dispoñible. Agora o xulgado remata de penalizar ó banco, dándolle a razón ó concello, a quen terán que indemnizar. Entre herdanza e indemnización, uns 85 000 €.





    

    Nota de prensa do concello:


SUÁREZ AGARDA AXUDA DA XUNTA PARA AS OBRAS DO HOSPITAL-ASILO

Indemnización ao Concello

24/11/2021

O Banco Santander terá que indemnizar ao Concello de Ribadeo por non permitirlle acceder ás contas de Francisco Moreda durante máis dun ano. Para o alcalde, Fernando Suárez, trátase dunha boa noticia "tanto por interese público como por orgullo e dignidade". Esa cantidade, uns 85.000 euros, sumarase ao resto da herdanza que este médico decidiu destinar ao Hospital Asilo.

O rexedor dixo que "hoxe empezamos cunha boa noticia tanto por interese público como por orgullo e dignidade. Acabamos de saber que o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Mondoñedo deunos a razón no preito contra o Banco Santander por non darnos acceso ás contas do finado Francisco Moreda durante máis de un ano. Isto supuxo graves danos no patrimonio desta herdanza, por canto ao non poder acceder no tempo razoable, houbo unha serie de produtos financeiros que viron reducido o seu valor. Desde o Concello, como titular do Hospital Asilo, e por extensión responsable da xestión desta herdanza, nada puidemos facer durante todo o tempo que o Banco actuou neglixentemente ao non permitirnos acceso ás contas e aos valores".

Suárez Barcia manifestou que "o que si fixemos durante todo este tempo foron os requirimentos formais reiterados, motivados a través dos informes da Tesourería e da Intervención do Concello, indicándolle a ese Banco que podería ser responsable, como así acabou sendo, por esta actuación neglixente. Á vista desta inxustiza, contratamos a un bufete de avogados especializados en Dereito Mercantil, Zamorano & Peleteiro, quen viron que había motivos dabondo para recorrer á xustiza para defender o interese público".

O alcalde sinalou que "o Banco estivo moitos meses sen darnos acceso a todas as contas esixíndonos documentacións inxustificables e cuestionando se o Concello era o herdeiro lexítimo, algo que o resto de actores neste caso non o fixeron (nin a Notaría, nin o Rexistro da Propiedade, nin o Ministerio de Facenda, nin o propio Xulgado cando nos deu as chaves do piso que estaban na súa custodia, etc.). Finalmente, a xustiza, oídas ambas as dúas partes, recoñece a neglixencia do Banco de Santander e obrígao a indemnizar ao Concello, xa que esa entidade non pode erixirse en xuíz da sucesión cuestionando a calidade de sucesor do Concello nin as vicisitudes estatutarias ou orgánicas do Hospital Asilo, dado que o Banco carece de toda lexitimación para iso".

Fernando Suárez indicou que "segundo os nosos avogados, a falta da precisión exacta do montante, este pode ascender a uns 85.000 euros. Desde o Concello sentímonos aliviados con esta sentenza, sabendo que o interese público non se ve afectado. E tamén podemos dicir como moralexa, como non, que o dito de que a Banca sempre gaña, non é certo. Agora este montante económico sumarase ao resto da herdanza, que xa temos a bo recaudo da Tesourería municipal, e que se completará coa venda do piso, que aínda que quedou deserto nesta recente poxa, xa estamos traballando en sacalo proximamente a unha nova con un valor algo mais inferior".

O rexedor ribadense engadiu: "e con todo o que teñamos, sabemos que non ha ser abondo para o tamaño proxecto de reforma do Hospital Asilo que temos por diante, mais confiamos que desta volta, a Xunta de Galicia poña a diferenza para poder executar estas obras tan necesarias".

20211118

Unha breve adicación ó 17N

   Onte foi 17 de novembro. Estaba convocada unha folga xeral na Mariña, en en Ribadeo pouca foi a actividade que se mantivo. Algún posto no mercado, que era mércores, e iso, despois de pasar os piquetes informativos -si, informativos-, algún establecemento hostaleiro que abriu pola tarde... Coido que, no sentido de participación, pode dicirse que a folga en Ribadeo, foi un éxito. No sentido de resultados... iso xa é fariña doutro costal e podemos discutilo máis a fondo, coa 'estratexia' para facer a Mariña máis... Industrializada? Rica? Con maior nivel de vida? Mellor lugar para vivir? Pois iso, outro día.

   O éxito citado mesmo se enfrontou á manifestación contra o abuso bancario, que esta segunda semana, despois da primeira diante da oficina do Santander, tivo lugar diante de Abanca. Ás 12:30 os concentrados manifestáronse neste día de folga, o que non impediu de fixeran o que tiñan previsto facer, como da fe a foto de Suso Fernández.




20211201

Concentración anti usura o mércores 1 de decembro en Ribadeo

    Unha semana máis, continúan as concentracións diante dos bancos en Ribadeo. Axudará a que recapaciten nos seus obxectivos? O abuso bancario ten que parar.

Plano centrado en Caixabank
    Por certo, o último desta primeira rolda.