20220322

Un papel en branco

Un papel en branco

    Isto non vai da Ucraína (nin de Siria, nin do Sáhara, ...). Vai de nós.

    As novas da semana pasada deixaron un pequeno titular que pode resultar chamativo: algunha persoa tería sido arrestada en Rusia por asistir a manifestacións pola paz portando nas mans un papel en branco. Si, o primeiro motivo das concentracións tería sido a protesta pola invasión da Ucraína, mais o titular centraríase no ‘papel en branco’, é dicir, en ter sido levadas á cadea por ‘nada’, un ‘nada’ resumido nun papel en branco.

    Mais a cousa non é así. Admite outras visións, un papel en branco é moito máis ca nada, e o portalo e ensinalo é un xesto que pode valer moito para a persoa e para quen o ve.

    Nun papel en branco colle todo, calquera cousa. Pode acoller todo. A liberdade das posibilidades. Mais necesita de alguén, quen o use, para poder ser algo máis aló que nada. En certo xeito, tamén é un símil. É igual ca paz, acolledora pero que necesita ser coidada, que está necesitada de acollida: o papel pode acoller ideas, tanto escritas como simbolizadas na súa brancura, mais necesita ser usado, un xesto humano, para acollelas. E é ese o motivo de ir parar á cadea: a defensa das posibilidades que leva consigo o alzar un papel en branco. A defensa da liberdade. Incluíndo a paz.

    E é que un papel en branco non é un cheque en branco. Pode selo, se se usa dun determinado xeito, pero tamén pode ser moitas máis cousas, dende un manifesto pola paz a un acordo vinculante. Por certo, vinme obrigado a incluír o de ‘vinculante’ porque parece que os acordos á vella usanza, de palabra, todo o máis co selo dun apretón de mans, sería no mundo actual equivalente ó ‘papel mollado’. Por outra parte, o mesmo que moitos tratados, acordos e dereitos internacionais que, se impresos, parece que poden servir para limpar algún cu.
 
    Volvendo ó branco, non deixa de parecer curioso que sexa usado como símbolo espiritual, de paz (e de inocencia e pureza) e ó tempo, como símbolo en rendicións en guerra (bandeira branca). Ó fin, pola rendición chegaríase á paz, aínda que sexa unha paz con diferente significado segundo que a interprete o bando rendido (que soe ser o atacado) ou o vencedor (que soe ser o atacante, que, consciente das súas posibilidades, meteríase ó ataque)...

    Está visto que a paz hai que construíla. Entre todos. Colaborando. En igualdade. Dia a día. En todos os lugares. Como un papel en branco que hai que encher do mellor xeito posible. Usando a imaxe do papel, é tan fráxil como rachable o papel: vale con que alguén queira facer a guerra, que considere a guerra como un mal menor, como unha alternativa onde ten pouco ou nada que perder.

    Pola liberdade de poder levar un papel en branco. Non esborranches o papel. Úsao para ben (e antes de que non te permitan alzalo, para poder seguir a facelo...).

20220321

Coronavirus en Ribadeo, 20220321

    Comezo da primavera e segue a subir. 71 casos, incidencia de 710 por cada 100 000 habitantes a 14 días. A tendencia? A segir subindo nos próximos días.

Anteriores (e posteriores, se hai)


Coronavirus en Vilalba, luns 20220321

    186 no primeiro día da primavera. Incidencia de 1321 por cada 100 000 habitantes a 14 días. Segue a subir.

Anteriores (e seguintes se hai)


20220318

Onte, pola paz. Hoxe, pola paz

    Onte tivo lugar a 3ª concentración pola paz que se mantén en Ribadeo este 2022. Abaixo deixo algunha foto de Suso Fernández (abaixo) e un audio do groso do que alí se dixo. Falaron: Evaristo Lombardero (cortado na súa primeira intervención), Antonio Gregorio, Carlos Cid Tesouro, Mª Luisa Mon, Beatriz Irigoyen e de novo, Evaristo Lombardero.

    Hoxe ás 20:00 h terá lugar unha xuntanza aberta a todas as persoas que o desexen no salón de actos da Casa do Mar (/Escola da música, en baixo, plano en OSM) para prantexar a posibilidade de crear unha plataforma para manter estas movilizacións. Apúntaste?



https://www.openstreetmap.org/#map=18/43.53438/-7.04090

Coronavirus en Ribadeo, venres 20220318

    61 casos. Incidencia de 610 por cada 100 000 habitantes a 14 días.

    Ata martes!

Anteriores (e posteriores, se hai)


Coronavirus en Vilalba, venres 20220318

    E volta a aumentar. 158 casos, incidencia de 1122 por cada 100 000 habitantes.

    Ata martes!

Anteriores (e posteriores, se hai)