20190331

O que non din sobre ALCOA. Pablo Mosquera Mata

Sei de certo que o que a continuación publico é "políticamente incorrecto" pero débome á miña conciencia de profesor de Saúde Pública na UPV.
O que non din sobre ALCOA
O diario nacional de máxima tirada en España, "El País", publicaba o 17 de marzo do 2010, un artigo titulado "Un estudo confirma contaminación por flúor preto de Alcoa". Nun radio de polo menos tres quilómetros a empresa con sé en Pensilvania e factoría aluminera entre San Ciprián e Xove, emitía partículas con alto contido en flúor. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) confirmaba o resultado dos estudos levados a cabo pola Universidade Compostelana. Pero non era a primeira vez nin a última. E é que o 9 de abril de 1979, hai unha reunión no Goberno Civil de Lugo coa asistencia de Eduardo Fernández Combarro, o Secretario Xeral, Delegado de Industria, Corporación Municipal de Xove, Confraría de pescadores de San Cibrao e altos cargos de Alúmina-Alumio, para poñer en funcionamento as medidas correctoras anticontaminación. É dicir, antes da inauguración da planta en 1980 hai preocupación e compromiso en relación aos cambios sobre o medio ambiente.
O que está escrito pode lerse e queda... En outubro de 1987 hai un movemento socio político en defensa da planta transformadora de aluminio ante a noticia da posta en marcha doutra planta no País Vasco, pero non se perdan o comunicado dos axentes sociais: "si Galicia soporta industrias altamente contaminantes como Aluminio Español, etc., debe terse a cambio algunha partida dos produtos obtidos nelas".
Máis recente, o 28 de xullo do pasado 2018, Ecologistas en Acción colocaron unha das súas 43 bandeiras negras ao Complexo de ALCOA POR CONTAMINACIÓN E MALA XESTIÓN AMBIENTAL. Por certo, non era a primeira vez que gañaban tal "galardón". Pero o publicado era "aglaiante": "Alcoa desfixo por completo unha zona costera de gran valor ecolóxico". "Os verquidos de sosa caústica están afectando á saúde das persoas e á contorna mariña". Avisábannos de algo que hoxe máis que nunca debería preocuparnos tanto ou máis que os custes energéticos da empresa: "o risco medioambiental que supón a acumulación de residuos tóxicos xerados no proceso de produción, lodos vermellos que se están acumulando nunha balsa de grandes dimensións".
Hai medo para dar argumentos que faciliten a deslocalización. Así se manifesta o médico Laureano López da coordinadora ecologista de Asturias, a mesma que recibe fotos de operarios de Alcoa con denuncias de irregularidades que impactan no medio ambiente, pero esixindo que non as fagan públicas por medo a perder o posto de traballo. Mentres tanto, convén lerse o informe realizado o pasado ano 2018, por vez primeira, polo Grupo Español do Cancro de Pulmón, formado por 463 expertos, e que debuxou por vez primeira o MAPA DO CANCRO DE PULMÓN EN ESPAÑA.
E agora, logo de todo o que nos deron entre traballo e contaminación integral -terra, mar e aire- din que se van e poñen como desculpa o prezo da enerxía, esa mesma que pagamos os fogares a prezos insostibles para o poder adquisitivo das xentes.



20190330

Hoxe foi o acto de nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. Vídeo

Ás 12 da mañá, só anunciado de xeito público onte por Ribadeando e hoxe nunha nota curta por El Progreso, tivo lugar o pleno de nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. O acordo tomouse no pleno do pasado día 13 de marzo, de xeito unánime, tal como aparece no vídeo.
A cerimonia tivo unha carga emotiva, máis que polo que se dixo polo sentemento conxunto dos alí presentes.
O título:
A convocatoria do pleno:
O vídeo do acto:

Entidades que pediron o nomeamento (por orde alfabética):
Acisa
Amarante-Setem
Asociación Cultural Ronqueta
Asociación Cultural Francisco Lanza
Asociación Cultural Tá en Artes
Asociación Filantrópico-Dramática
Asociación de Veciños A Atalaia
Asociación de Veciños O Tesón
CIFP Porta da Auga
Colectivo 8 de marzo
Colectivo Por Nuestro Faro
Colexio Sagrado Corazón de Xesús
Coral Polifónica de Ribadeo+
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
SSM A Concordia

20190329

Mañá ás 12, Suso Peña fillo predilecto de Ribadeo


Remato de enterarme de casualidade, pois aínda que supoño que estará anunciado, non vin os anuncios: mañá sábado 30 de marzo ás 12, nun acto no salón de plenos, Suso Peña será declarado fillo predilecto de Ribadeo como foi acordado no último pleno. É de supoñer que está invitada calquera persoa que queira honrar a Suso.

20190328

Casa da Ría e Eleccións (locais)

 Casa da Ría de Ribadeo
Comezan as imprecisións (imos comezar por verbas suaves aínda que non sexan exactas) para facerse oco na campaña local cara as eleccións de dentro de dous meses, eleccións locais de maio de 2019.
O de 'comezan' é un dicir, pois de diferentes xeitos xa levan tempo rondando diversas novas, informacións, notas de prensa, etc que constitúen exemplos de precampaña ou mesmo campaña contínua.
Pero voltemos ó título. Agora (hoxe, xoves 28 de marzo, no xornal) di o PP de Ribadeo que eles van a usar o telescopio da Casa da Ría. Noutro momento, con seguridade veremos outras afirmacións de grupos variados (algunhas xa se produciron) pero hoxe, tocoulle a esta, non por ser especialmente importante, senón por estar no lugar e momento oportunos para poder tomar algunha nota.
En primeiro lugar, habería que formular ben a idea da que se trata. É dicir, que (supoño) se propoñen activar o observatorio, promover o uso do telescopio, actuar para que funcione... pero iso sería algo así como facer unha emenda á totalidade, pois non se trata de que (eles) o usen.
Evidentemente hai un fondo na cuestión: nestes momentos, hai un edificio desaproveitado e mal mantido. E diversos puntos nos que se podería incidir (e que non saíron na nova que vin) como as lembranzas dos sucesivos fallos do peche da cúpula e o seu por que, a existencia dun avispeiro entre a contra e o cristal dunha das fiestras do edificio (e o seu por que) ou o medre de árbores da terraza (e tamén o seu por que).
A máis, non se ten en conta algo necesario para clarificar o debate: o telescopio non é do concello. É dunha asociación, Xerfa, que ten un convenio co concello, aínda que agora tampouco esteña en condicións de facer que o concello cumpra coa súa parte.
Lembrando algunha cousa de cando Xerfa tiña máis actividade, negóuselle por parte da Asociación Puente de los Santos unha subvención para modernizar o telescopio e dar un impulso ó seu uso. O motivo que se barallou na xuntanza correspondente da directiva (na que entre o concello de Ribadeo e o de Castropol tiñan o 50% dos votos), segundo trascendeu, foi que a asociación tería que contratar unha persoa para estar alí e manter unha actividade de xeito continuado. Para unha asociación cunltural que nunca tivo ninguén a soldo nin cartos para telo, que organizaba actividades gratuítas, coido que é moito pedir. E máis aínda por parte unha entidade encabezada polo concello e que xestionaba os cartos do plan Leader, e que invertiu nalgún caso abondos miles de euros nun negocio con ánimo de lucro sen producir nin o primeiro e con abandono dos medios de produción (véxase o sucedido con Un puente a tu salud 2.0)
Por outra banda, xa en lugares como o programa de UPRI no 2007 aparecía algo abondo mellor artellado nunha soa frase (ver punto 2 de 'educación e cultura').
Non é unha desculpa, senón unha constatación, que o convenio non funciona dende hai tempo. Pero existe. Polo tanto, que un partido fale sen telo en conta é falar sen base. En principio, o que habería que facer sería poñerse en contacto con esa asociación para estudar a situación e reconducir o uso do espazo. Ou sexa, falar en serio, con resultado de propostas e papeis, antes de dar que falar nos medios e fóra deles para a galería.
-
Sobre a Casa da Ría no blog.

20190326

Verquidos: ate a próxima


Si, xa o sei: o dos verquidos tocaba hai un mes, non agora.
Pero diso se trata, os verquidos volverán a ser actualidade cando nos volte afectar de xeito directo. E mentres? Non habería que ir loitando para que non volvera ocorrer? Porque denuncias, habelas, hainas, reproches, tamén, pero solucións, iso de 'problema resolto', coido que non. Ou é que me perdín algo?
Así, no próximo episodio voltaremos ás andadas de paso que tamén voltramos a sufrir o episodio.
Coido que se se puxo algunha solución, debera ser algo público e verificable. Que se as denuncias non teñen visos de veracidade, deberan tamén ter ter o mesmo tratamento: desmentido con datos e verificable. E, noutro caso, se 'non hai total seguridade', tamén debera ser público e verificable todo o proceso e os reforzos de seguridade para que se volve a ocorrer un 'episodio' quede totalmente claro que a fonte non é a denunciada anteriormente.
Mentres, se non se fai algo parello, voltaremos a estar nas mesmas. O único que queda é a posibilidade de apostar sobre se sucederá antes ou despois ou será denunciado por uns ou polos outros en primeiro termo. Hai moita vontade de armala, pero parece que abondo menor de solucionar o problema. O caso non é o único con esta disposición...

20190324

Wikipedia:Comunicado 24 marzo 2019

Estimada lectora, estimado lector,
O 26 de marzo a Unión Europea votará se se debe proceder cunha proposta de directiva sobre os dereitos de autor que, se fose aprobada, danaría significativamente a Internet aberta que coñecemos.
En lugar de actualizar as leis de dereitos de autor en Europa e promover a participación de tódolos cidadáns na sociedade da información, a directiva ameaza a liberdade en liña e crea obstáculos para acceder á Web, impoñendo novas barreiras, filtros e restricións. Se a proposta se aproba no seu formato actual, podería ser imposible compartir un artigo de noticias nas redes sociais ou atopalo a través dun motor de procura; a mesma Wikipedia estaría en risco.
Xa se opuxeron firmemente a esta proposta máis de 70 científicas e científicos informáticos, entre eles o creador da Web Tim Berners-Lee (aquí [[1]), 169 académicas e académicos (ver [2]), 145 organizacións que traballan no campo dos dereitos humanos, liberdade de prensa, investigación científica e industria tecnolóxica (ver [3]), e a Fundación Wikimedia, a organización sen ánimo de lucro que promove, entre outros proxectos, esta enciclopedia libre (ver [4]).
Por estas razóns, a comunidade de Wikipedia en galego decidiu escurecer tódalas páxinas da enciclopedia. Queremos seguir ofrecendo unha enciclopedia aberta, colaborativa e gratuíta con contido verificable. Chamamos a todos os membros do Parlamento Europeo a votar en contra do texto actual, reabrir a discusión e reconsiderar as numerosas propostas da asociación Wikimedia así como a extensión da liberdade de panorama a toda a UE e a protección do dominio público.

Tradución do comunicado da Fundación Wikimedia

Tradución do comunicado da Fundación Wikimedia:
Non apoiamos a Directiva sobre dereitos de autor da UE na súa forma actual. Aquí tes por que non deberías facelo ti.
O texto final da directiva de copyright para o mercado único dixital prexudicará o acceso ao coñecemento e beneficiará indebidamente ás grandes corporacións e ás industrias dos titulares de dereitos. A pesar do texto escrito, Wikimedia non pode soportar unha reforma que, no seu seo, ten como obxectivo controlar radicalmente a compartición de información en liña.
28 de febreiro de 2019
Despois dun longo proceso lexislativo, o texto final da Directiva sobre dereitos de autor da UE cimentouse a semana pasada cando as negociacións a tres bandas entre a Comisión da UE, o Parlamento e o Consello se pecharon. Agora que o texto final está dispoñible, con só un voto de si-non no Parlamento que está a impedir a súa aplicación, Wikimedia determinou que non podemos apoiar a reforma como está. Aquí tes por que.
A evolución do texto da directiva
Nos últimos anos falamos en contra das partes problemáticas da proposta de Directiva de dereitos de autor da UE. Inicialmente, tiñamos esperanzas. A nosa comunidade apoiaba a reforma, xuntándose desde o inicio coa Comisión Europea antes de que se propuxese a directiva, e con deputados e representantes dos Estados membros sobre o que esperaban ver na directiva. Entre estas preguntas houbo unha ampla liberdade de excepción de panorama, para que os fotógrafos poidan libremente e compartan fotografías de arte e edificios públicos e unha maior harmonización das regras en torno ao dominio público, de xeito que as reproducións fieis de obras de dominio público non estarían suxeitas a novos dereitos.
Con todo, a Comisión da UE presentou unha proposta unilateral e engadiu elementos preocupantes á directiva. Mentres a comunidade viu as súas suxestións apartadas en favor das disposicións das grandes industrias titulares de dereitos e dos editores de noticias, as críticas á directiva creceron. As dúas disposicións máis prexudiciais, os artigos 11 e 13, mantivéronse a pesar de todas as críticas e agora forman parte do texto final que o Parlamento da UE e o Consello da UE concluíron a semana pasada. Aínda que se incluíron algúns bos elementos no paquete de reformas, é imposible que Wikimedia apoie unha reforma que inclúa estes dous artigos. Nunha última etapa, a Directiva sobre dereitos de autoridade da UE volverá ao parlamento esta primavera para a súa última votación.
En vez de crear, unha perda neta para o coñecemento libre
O artigo 11, dirixido a agregadores de novas pero cun alcance moito máis amplo, requirirá licenzas para todos os usos en liña do contido de noticias ademais dalgunhas excepcións. Isto significa que os sitios web que agregan, organizan ou analizan as novas xa non serán capaces de mostrar fragmentos xunto a estes artigos, o que fai moito máis difícil para os usuarios atopar e utilizar información en liña. Agradecemos que o artigo 11 inclúa polo menos algunhas excepcións para usos individuais, sen fins de lucro ou "palabras individuais" ou "extractos moi curtos". Non obstante, ao facer a información máis difícil de atopar en liña, o artigo 11 afecta á capacidade do colaborador voluntario para mellorar a Wikipedia, especialmente con fontes específicas de Europa.
O artigo 13 imporá a responsabilidade das plataformas para o contido infractor dos dereitos de autor subidas polos usuarios a menos que cumpran unha serie de requisitos rigorosos. A disposición require que os sitios web fagan "os mellores esforzos" para obter a autorización para todo o contido dos seus sitios web, así como para eliminar rapidamente o contido infractor e impedir a súa subida. Estas son tarefas complicadas para calquera plataforma que permita a un gran número de usuarios subir contido e só os sitios web máis sofisticados e ben financiados poderán desenvolver a tecnoloxía para facer cumprir estas regras. Isto diminuirá drasticamente a diversidade de contidos dispoñibles en liña se os sitios web cumpren estritamente estes requisitos e establecen un sistema para a aplicación privada de dereitos de autor a través de filtros de suba que poden levar ao exceso de borrado de contido debido ao medo de responsabilidade e falsos positivos. Como o contido fóra da Wikipedia se reduce, así o fai tamén a profundidade, exactitude e calidade do contido de Wikipedia. Confiamos no mundo exterior para construír a nosa enciclopedia colaborativa, e o que afecta ao ecosistema de Internet en xeral afecta a Wikipedia, independentemente das descargas legais directas.
Aínda así, dada a dura batalla que enfrontamos, a comunidade de coñecemento libre pode estar orgullosa do impacto que tiveron na reforma ata agora. O texto actual inclúe unha ampla excepción para a minería de datos e textos, unha salvagarda de dixitalización para obras de dominio público, unha disposición de obras descatalogadas que fará que máis contido do patrimonio cultural estea dispoñible en liña e unha excepción nun intento de limitar o efecto negativo do texto en proxectos non comerciais.
Estas son boas medidas e pretenden facer o que a reforma se propuxo orixinalmente: facer que a antiga lexislación do século pasado se axuste ao futuro dixital ao que nos enfrontamos. Tamén nos recordan dolorosamente que as outras partes desta reforma non están orientadas cara ao futuro.
Conclusión, o coñecemento libre afecta máis que só á Wikipedia
Preguntaranos por que non estamos satisfeitos con esta reforma se certos proxectos non comerciais están excluídos e podemos atopar algunhas melloras no dominio público. Ben, estas medidas non fan isto unha reforma boa ou equilibrada. A pesar de algunhas boas intencións, a inclusión totalmente problemática dos artigos 11 e 13 significa que os principios fundamentais do intercambio de coñecemento son derrocados: na práctica os usuarios e proxectos deberán demostrar que se lles permite compartir coñecementos antes de que unha plataforma permita a suba. A Directiva sobre dereitos de autor da UE prevé unha infraestrutura técnica e legal que trata os contidos xerados polos usuarios con sospeita, ata que se proben legais. Non podemos apoiar isto, é mellor non ter ningunha reforma en absoluto, que ter unha que inclúa estas disposicións tóxicas.
Haberá un último voto sobre a directiva no Parlamento, que terá lugar a finais de marzo. Esta votación é unha última oportunidade para que a comunidade de Wikimedia en Europa diga ao Parlamento Europeo que non apoiarán unha reforma dos dereitos de autor que aplique excepcións á comunidade aberta sen considerar todo o ecosistema de Internet. Neste punto deste proceso lexislativo, pasou o tempo para as emendas e as negociacións. O Parlamento Europeo debería rexeitar toda a reforma. Con este texto controvertido e moitos deputados pendentes da súa reelección en maio, sería prudente rexeitar a proposta tal e como está e seguir traballando nunha solución nun novo mandato.
Non é demasiado tarde para que Europa teña unha reforma positiva dos dereitos de autor, pero serao pronto. É por iso que os nosos afiliados en Europa están organizando as súas comunidades para actuar. Obtén máis información sobre o seu progreso e as súas accións.
Allison Davenport, Technology Law and Policy Fellow, Legal Fundación Wikimedia
https://meta.wikimedia.org/wiki/SaveYourInternet
A comunidade da Wikipedia en galego

Que parte de 'caciquismo' non entendiches?

Vénseme á cabeza o Ron Cacique, coa etiqueta caracterizada cun indio con plumaxe. O nome de cacique ven do que se lle daba ós xefes locais das comunidades taínas de América, e foi importado na idea de que eses xefeciños facían o que lles petaba nas súas comunidades, pola inexistencia de leis escritas e por ser considerados bárbaros sen tradicións. De aí que aquí, ó convertirse as leis, normas e costumes en papel mollado pola acción dalgunhas persoas con certo poder local ou a outro nivel, o nome viñera como anel ó dedo. E segue en vixencia total, sendo a rede caciquil un dos fundamentos das desigualdades de todo tipo que neste estado e neste país están á orde do día.
O cacique (soe ser home, aínda que tamén pode herdarse o posto ou mesmo xurdir por vía feminina) ten contactos na administración, de xeito que nos temas polos que se interesa, a administración pasa a ter unha compoñente importante de manexo privado. Os chiringuitos que teñen proliferado coa desculpa de facer as cousas de xeito máis eficiente (en troques de facer funcionar mellor a propia administración) deron un novo impulso, nova vida, ó caciquismo. Pois en resume son entidades que manexan o público de xeito privado por encargo da administración, personificada nos políticos de quenda no remprazo correspondente ou no anterior, que que para algo se acuñou hai tempo en España aquelo da alternancia entre conservadores e liberais. Claro que, voltando a aquela época, foi na que tivo lugar o desastre de 1898, só tivo un respiro ó quedar España fóra da Primeira Guerra Mundial, e rematou nunha ditadura...
O caso é que hoxe por hoxe, poñamos por caso Portos de Galicia ou Puertos del Estado, son entidades que controlan bens públicos, de todos, e nese sentido, comúns, de xeito opaco e con control deficiente cando non nulo. Sen control, sen dar máis explicación que algunha conta xeral de final de exercicio e unha relación de actividades nas que só aparecen as boas, pois as que non o son maquíllanse abondo e paréceno para pasar o trámite. Pedrilles contas? O goberno correspondente e 'en diferido', de xeito que se algún grupo de persoas quere chegar a enterarse de algo ten que procurar ter man no goberno para chegar a facelo. Goberno que por certo foi quen nomeou a xefatura do chiringuito, e polo tanto, a súa dirección, pero que non ten responsabilidade directa por vía legal.
Ese 'ter man' é a encarnación do caciquismo. E non val poder chegar á oposición que non tivera mando anterior que vaia coa 'alternancia', pois a cousa pasa tamén polo filtro da maioría dunha cámara, que se supón que está apoiando ó goberno  e con representante que antes da votación de elección polo pobo, foron designados por unha cúpula de partido na que tiña moitos puntos a xente do goberno. Por certo, que iso leva tamén ó caciquismo de diferentes niveis, sempre a través dos políticos ou quen os controla por cartos, amizade (interesada ou non directamente) ou por ambos (pois a relación entre poderes fai amizades e redes clientelares ou de favores tanto como dependencias económicas)
E por hoxe xa me despachei por escrito. Pero non aínda na loita diaria que -coido- debemos manter por unha sociedade máis digna e xusta que deixar ós nosos fillos, aínda que só sexa por compensar o desastre ambiental que lles legamos. O día aínda está a comezar.
Botella de ron Cacique, por Der Kreole, en Wikipedia Commons. Lic. CC-By-SA 4.0.

20190323

Nota de prensa Por Nuestro Faro: Resposta do Concello á resolucion da valedora


Como lembrarán os lectores que sigan o periplo, o día 4 de marzo recibimos a resolución da Valedora do Pobo na que esixía ao concello de Ribadeo que nos dese resposta a unha pregunta formulada o 10 de setembro de 2018 sobre a concesión da licencia de actividade para os apartamentos da Illa Pancha. O motivo concreto da pregunta era a situación da fosa séptica, cuxo proxecto de legalización se publicou o 24 de agosto de 2018, despois de executar a obra en Abril de 2017.
Xa temos publicado abondosa información sobre o tema e non nos imos repetir. So suliñar que nos vimos obrigados a recurrir á Valedora do Pobo, en aplicación da Lei de Transparencia, ao non recibir resposta algunha do Sr. Alcalde de Ribadeo.
Agora, seis meses despois de iniciado o proceso, concretamente o día 15/3/2019 recibimos un escrito do concello que nos ofrece a posibilidade de consultar o expediente devandito durante os próximos 30 días.
Folgan comentarios, porque ter que agardar medio ano para que os veciños teñan que facer un traballo que non lles corresponde para recibir unha información que se houbese resolto en cinco minutos da unha idea moi clara da calidade da democracia municipal que impera en Ribadeo.
Iremos ver ese expediente e daremos conta dos resultados. Pero non podemos negar que levaremos a mosca detrás da orella, porque as experiencias vividas ao longo de cinco anos longos de ocultación e manipulación de información por parte do concello e ontras institucións e entidades non convidan a ser moi optimistas. E sempre lembraremos aquelas declaracións do Sr. Alcalde ao diario El Pais en abril de 2015: “UN PREMIO PARA RIBADEO”, segundo a valoración do noso mandatario por aquelas datas.