20140629

Non se pode ser os mellores en todo...

Antonte mesmo un par de novas facían brotar outro par de notas do concello: a hostalería ribadense estaría nunha web clasificada como o segundo destino de calidade a pé de praia en España, e ademais, o incremento de reservas hostaleiras implicaría que este ano farase o agosto. Prácticamente ó tempo, dúas novas recibían moita menor repercusión: unha delas, a aparición de peixes mortos, que me atopo no facebook cargados por un coñecido que vive ó pé do río Grande. A outra, o alonxamento de atención e servizos de Viaqua a outros lugares, que se está comezando a comentar e que se nota como outro movemento de saída de Ribadeo dun servizo, a pesares de que debe estar protexido por contrato (Por certo, non era Viaqua/Aquagest a involucrada no pago de viaxes a Barcelona para ver o fútbol polas datas de adxudicación das obras da travesía?).
E é que non se pode ser os mellores en todo, dirase. E, se non se pode ser os mellores en todo, ó mellor hai que elixir... Non creo que se teña que elixir entre as opcións destacadas, pero si que hai que actuar nelas.

20140627

Apaga segue!

Hai tempo que sei de APAGA. Álvaro Doural e o seu equipo levan xa tempo loitando por mellorar o ensino, en particular a formación dos técnicos de automoción. Cónstame ademáis que moitas veces con abondo esforzo. As súas actividades inclúen xornadas, pero tamén foros, mostras, cursos, proxectos en conxunto con outras institucións ou asociacións no resto de de España ou Europa... O seu último movemento polo momento sae hoxe na prensa: unha base de datos para poñer en contacto ofertas e demandas de emprego no sector da automoción. É unha asociación que poidera parecer que nin nos vai nin nos ven, pero que periódicamente atrae a Ribadeo un carrado de xente, a máis de aumentar a nosa cultura sobre a automoción, e incidir en que o funcionamento dos talleres e a atención que recibimos cando imos reparar un coche sexa mellor.
Ou sexa, unha desas típicas cousas que non consideramos, pero que levan traballo e que notamos aínda que non lles deamos importancia. Por certo, a próxima actividade será a "II MOSTRA DE COCHES CLÁSICOS", o 29, 30 e 31 de agosto de 2014. En Ribadeo, claro. No Cabazo.

20140626

Deixando constancia

Despois do acto inicial, as obras da residencia xa comezaron. Polo momento, facendo sitio. Fotos de hoxe mesmo.


Que sabemos do concello?

A cousa é que é no concello onde se toman decisións de xestión inmediata que nos afectan. Dende hai tempo veño pedindo unha apertura para ter a posibilidade de coñecer non só as decisións a auga pasada, senón a tempo, e os datos que as poden fundamentar, etc. Tempo significa xa cousa de dúas décadas. Nese tempo, desenvolveuse unha web, pódese dicir. Unha web unidirecional e escasa. As comunicacións co concello seguen a ser lentas. Mesmo, boa parte da xente non sabe ben nin que horario teñen as oficinas. Isto indícanos que a xente, nós, temos unha parte importante de culpa. Parece evidente que se reclamáramos, quixéramos saber, pediramos os nosos dereitos, nos involucráramos na xestión de nós mesmos, a cousa sería diferente, con ou sen web.
Imos ver. Antonte celebrouse o acto de inicio de obras da residencia. Houbo unha manifestación dunha mil persoas no seu momento, un apoio de dúas mil sinaturas, unha presión social importante, as novas incluían o número de prazas... e chegamos a hoxe, obras xa comezadas, fotos xa tomadas, comentarios xa feitos, ... canta xente viu os planos?
Pódese dicir que non é necesario. Vale. Que se vai facer co edificio que vai quedar en pé das antigas casas dos profesores? Tampouco é necesario. Vale. Cantas prazas vai ter? Iso é mais doado, saíu moito nos xornais. Abondo probable que case todo o mundo poda responder que menos de cen. Afinemos logo un pouco máis. Máis ou menos das que ten o actual hospital-asilo? Iso xa é para nota, claro, e tampouco é necesario. Ben, que vai facer falta para entrar? Iso dependerá dunha regulamentación futura, claro. Vale, pero chegado aquí, cabe preguntar: e cando te vas preocupar dela, cando xa non sexa necesario? E da súa aplicación, cando queiras entrar e andes na procura dalguén que mova o tema?
Mentres, o regulamento de participación cidadá segue sen marchar despois de que a AVV O Tesón alegara debido a que máis que un regulamento de participación cidadá parecía un regulamento de relegación cidadá ós intereses empresariais.
Seguirá, que a cousa non remata aquí.

20140624

Foi o acto de comezo de obras para a residencia de Ribadeo: audio e fotos

Foi o acto de comezo de obras para a residencia de Ribadeo. O audio, 22 minutos.

As fotos, testemuñas dun acto para a posterioridade no que se enterrou unha caixa con xornais actuais e recortes da historia da loita para conseguir a residencia: o cartel cos planos de construción, a baixada da caixa ó furado, un edificio que será derrubado, a primeira terra sobre a caixa, botada man a man entre José Mª Rodríguez Díaz e o alcalde, e a preparación do acto co fondo a única casa que quedará en pé no triángulo.
Atención: os alzados están mal nomeados na cartelería, e polo tanto, entendo que nos planos. O alzado oeste, por exemplo, é NO, algo máis 'norte' que 'oeste'.




Un par de cousas máis:
Declaracións en nome de O Tesón para o xornal El Progreso/a mariña: "Estamos no medio dun proceso, non é un traballo rematado. E hai que atender á fase na que estamos: agora hai que procurar que a residencia se faga ben. En relación a sitio, tamaño, etc, é unha fase xa pasada. Cremos que non é a residencia ideal, pero é a que se conseguiu, e asinaríamos para que noutros temas se seguira o mesmo camiño que se seguiu neste caso para conseguila. A unión veciñal de Ribadeo que conseguimos a traverso da plataforma pro-residencia que agrupou as asociacións veciñais, e dos representantes institucionais, misturados coa plataforma nunha comisión, fixo posible algo que se se entrevía como moi longo e difícil. Dende O Tesón agradecemos todos os apoios e a boa resposta dende que decidimos poñernos en marcha, e resaltamos a labor de quen foi elixido presidente da plataforma, José Mª Rodríguez, figura fundamental no feito ata o momento."
Os terreos que ocupará:
A maior das tres construcións, o edificio de pisos, o máis ó norleste, esquina superior; o que quedará en pé, adosados, esquina inferior, suroeste.

Audios de Ribadeo a Debate (I e II)

Comezo a colgar os audios das charlas 'Ribadeo a Debate'. Por unha razón ou outra, a calidade deixa que desexar e os minutos recollidos son moitos menos dos esperados. Deixo aquí os dous primeiros, correspondentes ós primeiros minutos da charla de Xosé Carlos Rodríguez Rañón (Ribadeo visto dende fóra por un de dentro, 17 min) e á charla de Chemi Lombardero Rico (Ribadeo, un porto, un hinterland, dúas comunidades, 1h e 23 min).