20060930

Publicado hoxe na Comarca do Eo: Dous castros en Ribadeo? (2ª de hoxe)

É unha remodelación dun post anterior, ampliado. De calquera xeito, aí vai.
Dous castros en Ribadeo?
O Castro das Grobas é un emprazamento catalogado no Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, afectado polo 'Catálogo de Normas Complementarias e subsidiarias de planeamento' da Consellería de Cultura, na que ten o código de catalogación GA27051007. Neste castro foi onde un agricultor descubriu a célebre 'Diadema de Ribadeo', que posteriormente sería vendida en Madrid, segundo dixeron sucesores seus, por unha onza de ouro.O castro das Grobas en Ribadeo
Pois resulta que segundo as normativa vixente, toda obra que afecte a unha distancia menor de 200m a un castro castro, ten que levar un apartado de arqueoloxía no estudo de impacto ambiental, e ser informada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ese é o caso da factoría de acuicultura promovida en terreo de Ribadeo pola empresa 'Insuíña', dependente de 'Pescanova', factoría da que hai pouco rematou a exposición pública dun primeiro proxecto e que tamén toca lateralmente á zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) de As catedrais. Exposición pública si, en Celeiro, non en Ribadeo, onde está prevista. Polo que parece, ten un interese supracomunitario e polo tanto non ten por que estar exposta en Ribadeo a documentación (aínda que podería)
Ben, o castro ten unhas dimensións máximas duns 230 m x 180 m, ocupando algo máis de dúas hectáreas e media, centrado en 43º33'22”N, 7º2'53”O, é dicir, xusto ó sur, a carón, da ínsua de Vilaselán. No catálogo no que aparece referido, aparece o termo de 'punta mariña' como característica do emprazamento, a punta que se achega a ínsua. Hai que engadir que a insua viciña enténdese que ten algo que ver co castro, pensando aínda na súa pertenza ó mesmo, pois teñen aparecido alí restos arqueolóxicos, como cerámicas.
Na ficha de catalogación aparece que cando se fixo a catalogación non figuraban destruccións nin alteracións, así como tampouco había nin eran consideradas necesarias medidas de protección a parte das propias naturais, pois o estado era bo para seguir conservándose así. Os documentos de fichado inclúen planos, semellantes ó adxunto, con tres fosos paralelos escavados na rocha e de anchura entre 8 e 10m, separados por parapetos.
Na actualidade, o castro forma parte dunha mesma finca coido que comunal, creada a resultas da concentración parcelaria, como se pode comprobar por internet coa utilidade SIGPAC.
Fronte a un castro de verdade como o das Grobas, conservado ata o momento e que pode ter un futuro e contribuír ó futuro de todos nós pola súa dinamización, durante a semana das festas decateime da construcción dun pseudo-castro no centro do pobo. Para evitar que á xente lle pasara o que a min, procurei dar a nova, ó tempo que me lamentei de que se tentara recrear algo parello ó que de xeito auténtico, e cunha extensión moito maior, está sendo descoidado por completo.
Ó castro das Grobas non se lle deu moita importancia en panfletos, nin o van estudar e visitar os escolares ribadenses, pero quizais deberan: xa a finais do 1998 un arqueólogo da Delegación de Cultura en Lugo lle dirixiu un informe ó Delegado Provincial ante a criación da masa común que inclúe o castro a resultas da concentración parcelaria. Comeza dicindo ademáis que case todo o castro queda afectado pola zona de costa, o que ven sendo algo así como unha doble protección, e polo tanto, unha garantía. As medidas que se lle asignan difieren algo (non moito) das que expreso arriba, pero o importante é que fala de que 'As posibilidades de explotación turística e cultural do xacemento son excepcionais' (a negriña é miña). Aplícalle ese calificativo a) por estar encadrado nunha masa común, o que facilitaría as accións da súa posta en valor, b) pola existencia da franxa de protección de costa, que debera garantir a conservación do contorno, c) pola facilidade de comezo de posta en valor só coa limpeza do enclave, d) polo valor engadido da paisaxe onde está inscrita, e) pola facilidade cara á súa explotación que representa a proximidade ó pobo de Ribadeo, coas posibilidades de sinerxias que eso representa, f) pola posibilidade que o xacemento esconda mostras arquitectónicas e información científica, e g) pola facilidade previa da existencia dun levantamento topográfico anterior debido á concentración parcelaria.O Castro das Grobas en Ribadeo. Situación na foto
En fin, que cando hai algún tempo se me ocorrera facer unha pequena nota sobre o castro e as súas posibilidades non sabía que o traballo xa estaba feito dende hai oito anos, incluíndo algo que aparece claro na carta: a proposición ó Concello da súa recuperación. Esto último, aínda que expreso no texto, non sei se se chegou a facer ou non.
Coido que se debe insistir na promoción turística e cultural do castro, que entendo abondo máis rendible que o deseño ad hoc de algo parello a un castro, pero de mentira. Lembro ademáis que hai poucos días o catedrático de xeoloxía da USC Augusto Pérez Alberti traía unha pequena recua a estudar a zona de costa ribadense e falaba da potenciación necesaria da xeoloxía na zona, tamén dende un aspecto turístico. Xeoloxía que está fror de rocha tamén na zona do mesmo castro, zona na que a piscifactoría de Insuíña prevé rebaixar o terreo uns 15m.
Repito que teño a idea, pero que xa a tivo un arqueólogo, un tal G. Meijide, hai perto de 3000 días. E polo que parece caeu en saco roto.
Unha última cousa. Como a zona non está desenvolta de xeito turístico, ténme preguntado xa algunha xente onde é o castro das Grobas. Por se non quedou claro no plano e na imaxe do sigpac, queda pegado á insua. Se se quere ir a esa zona dende a pista costeira asfaltada, coller o camiño cara ó mar no punto máis alto da pista, por tras das casas de Vilaselán. Hai unha bifurcación, e collendo á esquerda ó pouco estaremos metidos un bó cacho entre dúas zonas máis elevadas, que fan como paredes do carreiro: son muros exteriores do castro, trazados en xeito circular, que o limitan cara á terra, como aparece no plano.
Antonio Gregorio Montes

Fadesa, Martinsa, ... pobre xente. Pobres de nós

Vin unha serie de gráficos na prensa de onte. A nova, a compra dunha construtora galega por outra madrileña. As cifras que se manexaban, mareantes para unha persoa de a pé. O fondo da nova, máis ou menos 'que se nos vai una empresa!'.
No primeiro, Fadesa, a construtora que se dicía insignia de empresas galegas, xunto con Zara e Citroën (si, aparece cantidade de veces como galega, si) implica que a construtora multiplicou por 4 o seu negocio entre 2001 e 2005. Crecemento rápido. Estamos a falar de case 1000 millóns de € no 2005.
O segundo, o beneficio. No mesmo periodo, multiplicouse por ... 9! Podería indicar só unha boa xestión, ou unha mellor xestión co paso do tempo. Pero estamos a falar dunha construtora que no 2005 convertía o 20% dos ingresos en beneficios. É dicir, parece ter algo que ver o aumento dos prezos da construción e dos solares que ten hipotecada a media España.
O terceiro e o cuarto significan que a empresa 'galega' que é adquirida por unha empresa madrileña ten uns 20.000.000 de m2 para construír. Eso da algo así como 200.000 edificios de 100 m2 de planta, o que é unha casa de dimensións normais. É certo que parte do terreo seguramente deberá quedar para infraestructuras e servizos, pero pónlle só a metade construído e catro plantas (ou 3 + baixo), eso implica 400.000 vivendas (ou 300.000 + 100.000 baixos), é dicir, a 2 ou 3 persoas por vivenda, construción posible para unha poboación como a de Vigo, A Coruña e Santiago xuntas. Para ser unha empresa que comezou a actuar algo en grande nos 90, coido que é unha carreira meteórica. A min non me cadran as contas de como se pode facer eso, ó menos se deixamos á beira a inflación urbanística. Ben, deses m2, 1.000.000 corresponde a Galicia (15.000.000 a España)
Outro gráfico máis nos da unha cifra que indica o perfil de negocio, e que para unha empresa pequena non tería nada de particualr, pero coas dimensións de Fadesa parece marcar unha tendencia: as vivendas de segunda residencia constitúen máis de 1/3 do negocio, e as protexidas, só 1/10. é dicir, algo así como que quen da o negocio é quen ten cartos, algo que polo demáis pode resultar obvio nun sistema sen compensacións.
Hai máis gráficos, pero fíxome só en dous a parte dos anteriores: nun, pon o capital social das empresas que adquiren esta 'xoia do patrimonio galego'. Se a prensa non se engana, o capital social das dúas é 1.200.000 €, mentras que van pagar pola metade da empresa 2.200.000.000 €. Significaría que manexan uns fondos de alomenos 2.000 veces o seu capital social. Eso fánno os especuladores, que esperan beneficios rápidos con poucos compromisos iniciais, ou os que queren sinxelamente invertir sen ter que poñer os cartos de veras se as cousas pintan mal. O outro gráfico indica que as dúas empresas adquirintes teñen 15 empregados (a de 900.000 € de capital) e 1 empregado (si, en singular, a de 300.000 €) Poden xestionar unha empresa adquirida con máis de 4000 empregados segundo o mesmo periódico, a parte dos seus propios negocios? Unha segunda pregunta: failles falta facelo?
Reflexiono e vexo ademáis que en ningunha parte do periódico se fai eco dunha análise semellante ó que faigo. Non mo explico. Por contra, encárganse de ver se a sé social (é dicir, onde se pagan impostos) se vai a madrid ou se queda en A Coruña. Certo, eso é importante, cos beneficios da empresa...

20060929

Película sobre película, e sobre película unha...

(parodia do Villancico...)
Parece ser que houbo viciños de Rinlo que se vestiron de luto por non realizarse a peli. A min paréceme que podería ser aproveitado para facer outra peli, e engrosar o conxunto de pelis sobre Ribadeo, que daría para outra peli máis... Ben, entendo que o pésame foi dado co traxe co que deberían actuar de extras, co que quedaría todo aclarado e a película (e as outras películas) sen facer. Hai contratos asinados e polo momento parece que todo está baixo control. Tamén parecía que a peli ía adiante porque estaba todo controlado. e 'entendo que', pero 'non estou seguro de'. Que queda claro.
De calquera xeito, hai outra película: parece que Ribadeo foi felicitado polo DVD sobre o comercio ribadense en séculos pasados. Está ben que se felicite fóra por algo que aquí aínda non se viu, supónse que será cousa de felicitármonos entre nós cando se poda ver aquí. Polo momento, só me queda unha pregunta: quen felicitaría e con que criterio.
Lembro que hai un ano, aparecía no blog unha foto sobre o chapapote realizada na praia ribadense de Os Castros, que ó fin, é algo parente do que é unha peli. O do día anterior máis non trataba de pelis en Ribadeo, pero como se o tratara...

20060928

Un Ribadeo de película

Deixo para mañá o que ía poñer hoxe, porque a nova pareceume resultona: comezan a rodar unha peli, pintan parte dun pobo (Rinlo) para facela, suspéndese a rodaxe porque non deron conseguido cartos, e ... as casas pintadas, que pasa con elas? Segundo parece o alcalde prometeu voltalas ó seu estado inicial. Agora cabe preguntarse con que cartos o pensaba facer. Con que cartos o pensa facer. Claro que os veciños poden estar contentos con como lles pintaron a casa e asunto amañado. Agora que xa estaba botada de novo a alfombra de recepción na rúa peonil, como se da alfombra vermella dos Oscar de Hollywood se tratara...
De calquera xeito, o alcalde está en Italia, onde anuncion onte novamente (non sei ben se é a terceira volta que o fai) que se vai crear o museo dixital famoso e que xa ten financiación para poñelo na rede. Ou sexa, que (salvando as distancias) xa ten amañado o que eu fixen con diversos sitios ó longo de máis de dez anos e de xeito máis ou menos gratuíto, e o mesmo Concello ten solucionado sen gratuidade tamén dende hai varios anos para a súa páxina. Ó mellor é que a prensa non é reflexo fiel das verbas do alcalde, pero o que pon é eso: que conseguiu cartos para o sitio en internet. Claro que eu non son moi serio e podo rirme da situación, e o alcalde de rir, coido que non o faga da situación.

20060927

A Mariña dos mercaderes separase de Asturias

Ó crear o que oxe coñecemos como Unión Europea, o primeiro que comezou a funcionar foi o que se chamou a 'Europa dos Mercaderes', de xeito que, aínda despois de chamarese Unión, índa o distintivo dos productos segue a ser EC, deirvado anos despois do chamado 'Mercado común Europeo'. Tamén, era unha das cousas pola que algúns votamos contra a constitución europea: consideraba ás empresas máis que ós cidadáns e á sociedade. Ben, podería falarse e discutirse moito do tema, pois é unha visión demasiado rápida. O caso é que parece que a Mariña vai polo camiño adecuado para facer o mesmo: primeiro, tres Mariñas, logo, aparecen cousas como as diferencias de financiación nos parques de bombeiros e que os 'promotores' inmobiliarios pidan orzamento para levar eles a electricidade ás novas urbanizacións, facilitadas polo que en Barreiros se chama o pelotazo urbanístico, mentres en Ribadeo, despois botarlle abaixo non unha, senón vinte urbanizacións, a resposta é 'modificaremos e veremos', sen ter estruturado o plan polo momento, ... o que nos espera aínda non o sabemos, porque a falta de información e transparencia tamén son parellas ó que ocorre coa transparencia da Unión Europea nas xestións internas e externas, ou preparación de normas e leis. Claro que, visto como actúa os concellos de xeito individual, ...
Como consecuencia do xeito no que se fan as cousas (e da mentalidade que subxace), a Mariña xa está un pouco máis separada de Asturias. En concreto Ribadeo, separouse varios quilómetros, e non como consecuencia dun terremoto, senón como consecuencia dunha obra que serve para unir: a autovía. Parece que o alcalde non sae a prensa polas xestións que esteña a facer neste caso... a cousa é que leva xa sen saír (digo na prensa, non fóra de Ribadeo)

20060926

Algo máis para hoxe...

De novo, algo chama a miña atención; aí vai sen traducción: "si las injusticias se repiten, ¿cómo no vamos a repetirnos nosotros denunciándolas?" (Rosa Montero, El País, hoxe)
Hai un ano saía 'Imaxe Típica', e hoxe é nova que Noam Chomsky (para algo curto, mellor aquí)sexa supervendas gracias á ponderación dun dos seus libros por Chavez (Hugo, o de Venezuela) na ONU.

Entre Pinto e Valdemoro

Hoxe tiven unha sensación rara ó leer os titulares de prensa: a de que estamos nunha especie de 'entre Pinto e Valdemoro'. O conto é que un borracho atravesaba o regato entre os pobos e dixo algo así como 'agora estou en Pinto', pero deu un paso atrás e voltou 'agora estou en Valdemoro'. A cousa fíxolle gracia, e coa borracheira, deu adiante e atrás varias voltas ata que por fin, coa súa compañeira borracheira, caeu ó regato. Tras o susto inicial, dixo 'agora estou entre Pinto e Valdemoro'. Pois algo así. Aparecen axudas pero son semi axudas. Anúncianse inversións, pero anúncianse e de seguro volverán a anunciarse. Comidas e festexos para maiores, e quedan aí, sen unha política para a terceira idade... as eleccións achéganse e hai que dar tumbos a unha beira e outra, co perigo de facer como o borracho do conto: caer ó fin no regato sen estar nin nun sitio nin noutro, sen cumprir nin acó nin aló. En Ribadeo (ou na Mariña), nin en Pinto nin en Valdemoro.

20060925

Foto e teatro


A foto, a descoberta de que a marea está a baixar, na Ponte dos Santos, ría de Ribadeo.
O teatro... A mostra continuou o sábado co grupo 'Conxunto baldeiro', cunha obra de Manuel María, 'A lúa vai encoberta', que me deixou ganas de ler a obra porque non creo que sexa tan mala como para destrozala dun xeito tan baldeiro. Non puxen onte a crítica porque non entendo moito de teatro e tiña mdo a equivocarme, pero... desafío a quen queira a atopar alguén que de unha crítica positiva, que foi o que fixen eu: ir na súa procura.
--
Despois das fotos e o comentario a parte de onte sobre a acción social significativa, hoxe lembro unha entrada dun mexón en Ribadeo