20240530

O 2 de xuño, pola paz

    Seguen os mortos, seguen as concentracións neste desenvolvemento desigual a nivel mundial.


    Un domingo máis de concentración pola paz en Ribadeo    

    Deixo aquí a máis, a nota de prensa enviada ós medios o pasado fin de semana, na súa versión en galego:

"

Ribadeo, 20240523

Nota de prensa

A PLATAFORMA POLA PAZ DA MARIÑA LUCENSE E OCCIDENTE ASTURIANO ten remitido unha carta a todos os centros educativos de dita comarca, facendo un chamamento para que se fomente neles a reflexión entre o profesorado e o alumnado “sobre as graves violacións dos Dereitos Humanos que ocasionan as guerras que estamos sufrindo a nivel mundial e especialmente a día de hoxe o xenocidio que sufre o pobo de Gaza, sen precedentes dende a Segunda Guerra Mundial”.

Tamén ofreceu a súa colaboración para levar adiante os actos que se pretenda realizar, na forma que cada centro considere conveniente.

"

    A carta, enviada a 31 centros educativos, dicía:

"

Ribadeo, 19 de Maio 2024

A PLATAFORMA POLA PAZ DA MARIÑA LUCENSE E OCCIDENTE ASTURIANO ten acordado na súa asemblea do día de hoxe facer un chamamento para que nos centros educativos das nosas respectivas comarcas se promova a reflexión entre o profesorado e o alumnado sobre as graves violacións dos Dereitos Humanos que ocasionan as guerras que estamos sufrindo a nivel mundial e especialmente a día de hoxe o xenocidio que sufre o pobo de Gaza, sen precedentes dende a Segunda Guerra Mundial.

Para levar adiante esta actividade ofrecemos a nosa colaboración, na forma que cada centro considere conveniente.

Os nosos mellores saúdos, esperando a súa resposta e que esta proposta teña unha favorable acollida.

"

    Por certo, este luns 3 tamén toca a concentración bisemanal en Foz, ás 20:00 horas diante do concello.

20240529

Turismo e marxinalidade: do 'ven!' ó 'non veñas! (se non es acomodado)'


 Turismo e marxinalidade: do 'ven!' ó 'non veñas! (se non es acomodado)'

     As reviravoltas da promoción, desenvolvemento e aproveitamento turístico dan moito de si para comentar, estudar e (coido) mellorar, segundo os criterios que se elixan e os fins que se pretendan.

    Agora mesmo, estes días, remato de ver varias novas que indican cousas como que España anda na procura de viaxeiros de clase alta para 'evitar a saturación' (= ter máis ingresos con menos viaxeiros), nova de eldiario.es. Ou como que Ámsterdam leva un ano tentando que os 'viaxeiros ligados á festa', o 'turismo máis barato', non vaia á cidade, noticia de La Vanguardia, cun lema que, nese caso, é claro: 'Non veñas!'. Cousas ambas que se poden traducir como unha 'táctica Alcoa' no turismo (por poñerlle algún nome): 'deixa sitio, que non produces tantos beneficios'. Ou outras novas que pouco van salientando as voces que cuestionan o turismo no seu conxunto, as aglomeracións que se producen en determinados momentos, a xentrificación mesmo moitas veces imperceptible pero non por iso menos efectiva, as vivendas de uso turístico co encarecemento do alugueiro e falta de espazos para alugar, o impacto medioambiental despreocupado mentres algúns teñan ganancias...

    Novas que informan de algo que quen o sufre ten moi sabido: o querer meter máis e máis turismo, sacar máis e máis beneficios, leva á falta de poder de xestión racional do medio ambiente, falta de equidade económica da zona, desprazamento da xente que sufre o fenómeno, etc.

    É un fenómeno, que se chama moitas veces 'turistificación', que se vai producindo nun e outro lugar, como se de contaxio dunha enfermidade contaxiosa se tratara. Hai zonas da xeografía galega que van máis adiantadas no proceso e teñen recibido máis impacto, e outras que van máis atrasadas ou que, sinxelamente non o sofren por quedar fóra dos circuítos turísticos.

    Aí entra a segunda palabra do título: a marxinalidade, que pode ser entendida en múltiples xeitos. Marxinalidade dunhas zonas que quedan fóra do desenvolvemento posible ou do desenvolvemento social. Marxinalidade de xente que queda á marxe das consideracións de servizos ou posibilidades que se fan mirando só ó turismo. Marxinalidade mesmo de consideracións que quedan á marxe, non sendo atendidas en favor doutras que son sobreatendidas ou miradas como únicas a atender. Marxinalidade tamén de beneficios, na procura dese ‘beneficio marxinal’ unha vez externalizados, pasados a outros, todos os prexuízos. Marxinalidade que remata por sobresaír a pesar de que sería case invisible, como tal estar á marxe dun proceso hexemónico que non mira máis que cara adiante. Marxinalidade do propio territorio, visto como lateral a aquel de onde veñen os turistas. E con iso, marxinalidade da poboación local. Na versión ‘ven’, máis punzantes algunhas delas. Na versión ‘non veñas’, outras... Nun e outro caso, en xeral, marxinalidades como tal descoidadas, fóra do foco, que parecen non existir sobre o papel aínda que sexan a realidade. E, polo tanto, ó non ter conta delas hoxe, con tendencia a seguir descoñecidas e medrando.

20240526

O BOSQUE ANIMADO DE VARI CARAMÉS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Estudo de Vari Caramés nA Coruña. Por Estevoaei en Commons, lic. CC BY SA 4.0

 O BOSQUE ANIMADO DE VARI CARAMÉS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O fotógrafo ferrolán asentado desde xa hai tempo na Coruña, Vari Caramés, mantivo entre os meses de febreiro e marzo na galería Trinta compostelá a súa última exposición polo de agora, titulada “O bosque animado” en homenaxe ao escritor galego en lingua castelá e un dos pais do que logo sería o realismo máxico hispanoamericano Wenceslao Fernández Flórez.

    Nela mestura unha ducia de instantáneas súas cunha decena de acuarelas de Ángeles Sales, quen fora a súa dona, compañeira de vida e musa. A idea foi propiamente súa xa que ela non cría tan seriamente no proxecto como el, malia a orixinalidade das acuarelas de Sales, frotadas ás cortizas das árbores na mítica Fraga de Cecebre antes de seren coloreadas, fraga que o propio autor tamén fotografou mesmo coa súa muller trafegando entre o mesto e autóctono arboredo.

    Na exposición tamén hai unha serie de fotos en branco e negro adicada exclusivamente á cidade de Santiago, coa que Caramés ten unha relación especial desde hai xa moitos anos. Ultimamente, estase tamén a interesar, como el mesmo confesou, pola edición do seu material en formato libro, algo que cre que está a pasar, na actualidade especialmente, por un momento estelar.

20240523

Guerra sanitaria para o tabaco e paz dos cemiterios coa contaminación. Pablo Mosquera

Balsa de lodos da factoría de Alcoa-S. Cibrán

Guerra sanitaria para o tabaco e paz dos cemiterios coa contaminación.

A exposición excesiva ao fluoruro pode provocar unha enfermidade ósea coñecida como fluorosis esquelética. Esta afección pode provocar dor e dano nos ósos e as articulacións durante moitos anos. Os ósos poden endurecerse e volverse menos elásticos, o que aumenta o risco de sufrir fracturas.

A exposición prolongada a certos niveis de cadmio no aire, os alimentos ou a auga produce acumulación de cadmio nos riles e posiblemente enfermidade renal. Outros efectos da exposición prolongada consisten en dano do pulmón e fraxilidade dos ósos.

A inxestión de hidróxido de sodio sólido ou líquido -sosa caústica- pode producir vómitos, dor do peito e do abdome e dificultade para tragar. A lesión corrosiva da boca, garganta, esófago e estómago ocorre moi rapidamente e pode causar perforación, hemorraxia e redución do diámetro do tracto gastrointestinal.

Respirar niveis altos de cromo pode producir irritación do revestimento interno do nariz, úlceras nasais, secreción nasal e problemas respiratorios talles como asma, tose, falta de alento ou xadeos.

Epidemiólogos e xeólogos españois atoparon asociacións entre o número de mortes por tumores de esófago e zonas onde abunda o chumbo, cancros de pulmón e terreos con máis cobre, tumor cerebral con arsénico, e de vexiga con cadmio. Estes vínculos estatísticos non indican unha relación causa-efecto, pero segundo os investigadores, deberíase analizar a influencia da composición dos solos na distribución xeográfica dos tumores.

De forma xeral, os científicos comprobaron como naquelas áreas tradicionalmente máis industriais, e por tanto con solos máis contaminados por chumbo, cadmio, cobre e outros metais pesados, hai, en xeral, maiores cifras de mortalidade en tumores como os de pulmón, vejiga, esófago ou estómago.

Medrar xunto a unha fábrica incrementa as posibilidades de padecer cancro de pulmón nun 50%, mentres que as opcións se duplican no caso das células pequenas dese órgano. Así o testemuña o estudo Capua, o de maior tamaño realizado sobre este tema en España. Os datos públicos dispoñibles apoian estas conclusións. As análises e entrevistas a máis de 1700 pacientes voluntarios do estudo Capua conclúen que "non inflúe a susceptibilidad xenética, senón a contaminación ambiental ou os factores de risco do individuo". Ou o mesmo lugar de traballo, xa que onde falta un servizo de prevención anual os riscos multiplícanse “por tres ou por catro”. Un cambio nos hábitos de vida e a redución da contaminación atmosférica rebaixaría o número de casos desta enfermidade.

"É como a peaxe que pagan para vivir", reflexiona o portavoz da Coordinadora Ecoloxista de Asturias sobre o alto prezo de convivir con industrias contaminantes. O silencio dos traballadores e veciños ten un beneficio: manter ás industrias. Así o entende tamén o doutor Laureano López. "Hai medo a dar argumentos para a deslocalización. É un xogo difícil atopar o equilibro entre investir en procesos menos contaminantes e manter esas industrias”, expón.

O Instituto de Saúde Carlos III elaborou unha serie de informes sobre o perigo de vivir xunto a focos contaminantes. As análises estadísticas suxiren que residir xunto a incineradoras e vertedoiros de materiais tóxicos podería incrementar a mortalidade de cancro de estómago nun 18% e nun 71% o de pleura, a membrana que cobre os pulmóns.

Recollido de diversas publicacións, o que antecede, constato que na nosa Comarca, afectada polas verteduras da multinacional aluminera ALCOA, xéranse verquidos por terra, mar e aire, que conteñen metais pesados, e por tanto con risco obxectivo para a saúde dos habitantes do territorio da Costa Cantábrica Galaica.

Como vello profesor de SAÚDE PUBLICA e habitante da costa ao norte do norte estou no meu dereito de preguntar á colega Ministra de Sanidade se a cruzada contra o tabaco ten relación cos seus efectos nocivos cuantificables en diversas enfermidades crónicas que inciden nos datos epidemiolóxicos de MORBILIDAD E MORTALIDADE que se recollen estatisticamente e obran para a posta en escena dos denominados PLANS DE SAÚDE. Seguro que estou de acordo coa Anestesista Hospitalaria, agora coxunturalmente dedicada a tarefas de alta xestión sanitaria, e activista para defender os dereitos da cidadanía a unha correcta e integral asistencia sanitaria.

Pero hai un paso máis. Sendo as verteduras continentes de sustancias moi perigosas para a saúde, e sendo o medio ambiente parte do patrimonio ecolóxico que constitúe un parámetro da terceira xeración dos Dereitos Humanos -Dereitos do Cidadán- cal é a razón pola que non se pon os mesmos métodos de prevención, educación para a saúde, vixilancia continuada, informes públicos estadísticos e peche dos focos contaminantes?

Comprendo a existencia da colisión entre dereitos fundamentais -intimidade e seguridade- pero angustiame ese comentario habitual nas parroquias desta antiga Provincia de Mondoñedo. "Prefiro morrer de cancro que morrer de fame". "Temos que evitar noticias que alteren o proceso de venda ou mantemento dos postos de traballo de ALCOA, AÍNDA QUE TEÑAMOS QUE MIRAR PARA OUTRA PARTE con relación ás verteduras de LODOS VERMELLOS". Colisión entre dúas perversas realidades.

E vén ao caso por dous feitos a investigar. Incrementaron, sen permisos, a altura do muro de contención na balsa dos lodos vermellos? Hai saída nocturna de camións trasladando lodos vermellos a vertedoiro situado en territorio do Concello de Ortigueira? Teñen datos as Confrarías de Pescadores na Mariña sobre desaparición de fauna e flora mariña nas proximidades da saída ó mar das verteduras procedentes do proceso Bauxita-Alúmina-Aluminio?

Pablo Mosquera Mata

 

Na procura paz: Ribadeo, 26 de maio

 

     Non debera ser necesario lembrar que está a facerse unha concentración semanal, os dominogos, pola paz. Pero tampouco debera ser necesario lembrar que a guerra deshumaniza e debera ser erradicada...

Recuncho da lectura: Le potentiel érotique de ma femme

 


Recuncho da lectura: Le potentiel érotique de ma femme

     Le potentiel érotique de ma femme. David Foenkinos. ISBN 2070309770. Folio. Éditions Gallimard. Paris 2018. 322 px. (Fr.)

     Suave divagación humorística sobre algunha cousa que de humano ten a vida. Empregando o afán de coleccionista que se pode manifestar na persoa, deriva nunha historia de amor que parece ser o comezo doutra colección, ó tempo que é base dunha vida tranquila e feliz.


20240522

Recuncho da lectura: Un anarquista

 

Recuncho da lectura: Un anarquista

     Un anarquista. Diego Ameixeiras. ISBN 9788411105156. Edicións Xerais de Galicia, S.A. Vigo 2024. 110 px.

     Curta, mais escrita sen apartes, fíxoseme claustrofóbica por momentos (ese xeito de escritura agóbiame). Ambientada xusta, coido que o trascurso ven ben intuído pola portada: ambiente nebuloso pero abondo descrito, comportamentos fixados pero non menos desdibuxados. Unha historia novelada con acerto descritivo que se fondamenta nas persoas aínda que se entrevé que os actores poderían ser ben outros porque non deixan de ser meros portadores da trama.

    Por certo, e por se houbera algunha dúbida, nada que ver con 'Morte accidental dun anarquista'.

20240521

Sargadelos, un val poboado por unha industria (1). Pablo Mosquera

Auga para Sargadelos

Sargadelos, un val poboado por unha industria (1)

30 de abril de 1798. Habitantes das 17 parroquias próximas a Santiago de Sargadelos no Concello de Cervo marchan sobre a fábrica que rixe o ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez. Son recibidos non só con improperios. Reciben granadas e balazos. Hai un morto e moitos feridos. Causas do motín: o imperativo de que teñen que cargar carbón, e diversos materiais relacionados coa fábrica, por un salario mensual de 12 reais por carro, que necesita dous homes e unha parella de bois cun tempo de dedicación de tres días, o que leva consigo o descuido das tarefas de sembra e colleita. A desobediencia é sancionada con multas e prisión nun maldito cepo instalado nas fábricas.

Ibáñez logrou, pola autoridade central do reino, autorización exclusiva para manexar as fragas de Rúa. Ante tamaño mandato, os paisanos buscan amparo na Intendencia Xeral do Exército de Galicia, o que non logran e provoca o aumento na represión do señor feudal-ilustrado. Sargadelos é unha fábrica de municións con amplos privilexios reais. A fidalguía civil e relixiosa acusaban a Ibáñez de ser un déspota cuxa conduta industrial desarticulaba a economía agropecuaria da comarca.

No entanto, non podemos de ningún xeito obviar os seus logros. Dos seus fornos saen os potes que dan para comer a moitas familias humildes da zona, os proxectís que defenden á nación en momentos cruciais ou as tubaxes que levan o progreso á capital do reino en forma de auga corrente.

Con frecuencia gozo ensinando Sargadelos. O paseo desde os fornos até a presa coa canle e os eucaliptos aos lados do carreiro. O museo que garda e expón as catro etapas da louza que chegou a competir con Picman e Cartaxena, e na súa primeira etapa até con Bristol. A fábrica fundada por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, con ese fermoso mural que lembra un guerreiro do denario ibérico, ou a presenza escultórica dos grandes pais da nosa literatura Galaica.

Aínda se conservan as mouteiras do camiño con peaxe entre Sargadelos e o porto sito nos Campos-Ría de San Cibrán, onde a flota de buques con pavillón da fábrica, traían e levaban, materiais relacionados coa produción. O pazo coa súa heráldica e unha fermosa fonte, entre escaleiras de pedra e xardíns. Se pecho os ollos e poño atención creo escoitar aquelas orquestras que animaban as festas do Apóstolo Santiago pegadas á Casa da Administración. Bailes de outrora. Tango, chachachá, bolero, vals. Era unha muchachada alegre entre pegadas da historia.

Unha historia que debería ensinarse na disciplina de "sociais" nos centros de ensino, polo menos da Mariña mindoniense. No seu forno de fundición elaborábanse até 30 000 quintais de ferro que deron cociñas, balcóns, tubos, molinetes para barcos, rodas hidráulicas, baterías de cociña, municións, potes a estilo Bordeus. Eses consumos de 50 000 quintais de carbón mineral, outros 20 000 de carbón vexetal, uns procedentes de minas astures e outros das fragas sitas en Rúa e Trasbar.

E o máis importante. A industria empregaba até 1000 familias, 250 carros con 300 parellas de bois, que achegaban e trouxeron mercadorías dun porto -Os Campos de San Cibrán- que chegou a contar cunha flota de 22 buques.

Tal actividade foi causante da creación dese pobo-parroquia. Non só obradoiros, casas para residencia dos numerosos operarios e as súas familias, e desde logo unha igrexa que encomendaron ao Apóstolo Santiago, así como ese mesón que perdura hoxe esquecido.

En 1804 comeza o esplendor da louza que será contrasinal do bo gusto, até ese momento en 1848 en que até S.M. a raíña acusa mediante Real Orde haber recibidos dúas fermosas vaixelas de tal compañía -Sociedad La Riva- que se considera como presente das artes e homenaxe á industria de Galicia. Fago un inciso para comparar o que antecede coa pestilencia contaminante desa ALCOA moribunda. En Sargadelos houbo emprendedores, comerciais, deseñadores e continua mellora nas instalacións e ferramentas. Incluso un camiño de peaxe do que hoxe quedan as mouteiras que nos indican por onde pasaban os carros celtas desde o emporio industrial até o porto na ría do Covo.

En pleno primeiro terzo do século XXI, a louza daquel Sargadelos do século XIX é un luxo que adoita estar exposto polo seu valor integral, que ademais para un galego da Mariña é un símbolo que alimenta o orgullo identitario. De todas as pezas posibles quedo coas fermosas escribanías que a recado estaban na mesa escritorio dun catedrático, un bispo, un médico de prestixio ou un avogado triunfal. As súas cores poden confundirse coa louza de Cartaxena ou da Cartuxa, pero non para alguén que sabe de marcas.

Pablo Mosquera Mata