20210202

Rumore... os ósos panchos.

   Hai xa abondos anos que a cantante Raffaela Carrà lanzaba a súa 'rumore'. Para quen non o vivira e non saiba da que vai, abaixo deixo un vídeo. Lembreime dela ó ler hoxe a prensa, coas novas de Ribadeo. Ó fin, a canción trata dos rumores, se ben doutro sentido que os que afectan a Ribadeo, e o impacto na seguridade persoal.

   O caso é que se presentan dúas noticias, e nunha, a noticia é o rumor, e noutra, o rumor é a noticia. 

   A segunda: atopáronse ósos humanos nunha bolsa e preguntouse a posibilidade de custodia polo concello de Ribadeo. A polémica ven do tejemaneje concello - Guarcia Civil en troques de aclarar o fondo, a procedencia dos ósos humanos, se é que a houbo, e todo apunta a que si. Quen queira pode ir á páxina web do concello para ver máis sobre o tema. Eu coido que non paga a pena tratalo nese sentido. E no da procura da procedencia, non transluce que se estea a facer gran cousa.

   A primeira, surf a carón da illa Pancha, dun xeito organizado. Parece que a noticia céntrase na realización en si, botando balóns fóra quen di que non tivo nada que ver, ACISA (cunha extensa nota en castelán que non aparece na súa páxina) e o concello (cunha nota curta en redacción e substancia). Polo contrario, o portavoz organizador séntese mal polas críticas e -segundo a prensa- anuncia que non haberá máis Challenge illa Pancha. Mais, se conseguiu cartos para celebralo un ano coma este, a credibilidade de tal afirmación non é moi alta. Mentres, pásase de puntiñas sobre a infracción das normas sobre movementos, as de reunións, o uso do espazo, apertura da illa, etc.

   Manobras de distracción? Non, pois xa están asimiladas nas nosas cabeciñas certos xeitos de facer as cousas.



Progresión do coronavirus en Ribadeo (IX)

 Hoxe, 2 de febreiro, 26, 2 menos ca onte, pero aínda non chegaron as rebaixas::

Anteriores desta serie: https://www.ribadeando.com/search?q=Progresi%C3%B3n+do+coronavirus+en+Ribadeo&max-results=20&by-date=true


Coronavirus en Vilalba 20210202

 A 2 de febreiro...



20210201

É a confianza, idiota!

   No ano 1992, Bill Clinton usou un lema oficioso de campaña cunha idea que se ten parafraseado noutros campos. Dicía 'É a economía, idiota!', dando a entender que ese era o tema central sobre o que ían aquelas eleccións, no que había que fixarse, o importante. Recollo o lema e adáptoo á actualidade: É a confianza, idiota!

   Pouca confianza tiñamos xa nos nosos políticos. Ben, é un falar, non son nosos, sinxelamente, témolos. Pois iso, viñamos arrastrando unha baixa de confianza continuada dende non tanto tempo despois de comezar o estado democrático. E, despois da crise económica da primeira década do século, cando podía ter levantado algo a confianza se se viran os esforzos que eles mesmos podía e tiñan que ter realizado, a corrupción non deixou que tal cousa sucedera. Agora, o desenvolvemento da pandemia leva aínda máis baixo o nivel. E iso é malo para todos.

   Que si, que levar un estado nunha crise non é doado: por iso se lle chama crise. Pero o caso é que a navegación desa crise repercute, está a repercutir,  na nosa confianza. Nos políticos e na sociedade, que constituímos entre nós, os nosos veciños... E isto último é o que máis conta.

   A sociedade necesita confianza para funcionar. Non só por non ser posible que normas, decretos ou leis cubran todos os aspectos e pequeneces da vida diaria (de aí a importancia do que tamén se pode chamar 'memoria histórica', a tradición), senón porque a confianza impulsa a colaboración. A confianza lubrica e elimina roces, actúa como pegamento que refai o rachado, permite delegar no outro e quedar tranquilo, contribúe ó benestar. Polo contrario, a falta de confianza disgrega. Fai medrar a suspicacia e mesmo ver fraudes onde non os hai (que xa hai abondos). Déixanos intranquilos polo traballo dos demais. E a inquedanza temerosa non permite o asomo do benestar.

   Si, claro, o ideal é un equilibrio entre confianza e desconfianza: se confías plenamente, deixas de controlar, de preocuparte e participar, de ser, para pasar a ser só por delegación de algo alleo. Parello a cando tes plena desconfianza e convérteste nun pasota doutro estilo ou un antisocial (desa sociedade).

   Confianza, responsabilidade, exemplo. Tres palabras relacionadas e convenientes sempre, necesarias como nunca. Confianza e responsabilidade ou a falta de responsabilidade dos políticos polo seus actos (as súas decisións son actos tamén), blindados por si mesmos, que producen desconfianza. E a irresponsabilidade que amosan, en troques de ser exemplo para a cidadanía é tamén mal exemplo.

   Solución? Non hai pocións milagreiras, mais son coñecidas varias bases que poden facer aumentar a confianza. Transparencia, que todos podamos ver que pasa. Participación, o ter a posibilidade de que todos podamos poñer o noso gran de area. Vontade... non só fai falta tela, senón amosar que se ten. Pode que este punto sea o clave: deixar de amosar o que non se ten.

Tríptico PSOE para anuncio do programa das municipais 2003


Está numerado por razóns de análise. Non se amosa a outra beira: as fotos dos candidatos e unha carta en galego e castelán animando ó voto.
Para ampliar e ver ben o folleto, premer no botón esquerdo do rato sobre a imaxe.

Progresión do coronavirus en Ribadeo (VIII)

 Meseta? Si, inclinada... hoxe, 28 casos.



20210131

Primeiros días dun ano post traumático

   Din que de ilusión tamén se vive, e o mes que cumpre hoxe non deixa de pertencer a un ano post traumático porque o 2020 foino. Non deixa de ser certo por menos que non saibamos o que vai depararnos o 2021 -algo sobre o que, ó ir transcorrendo os días, temos cada vez menos incerteza por ser o noso presente-, ano que pode deixar pequeno o trauma de 2020.

   En calquera caso, nas nosas mans estaría o poñer os medios para atenuar catástrofes que xa se deixan sentir no horizonte tanto como no noso interior e potenciar a calidade de vida, dentro do que queda do ano en curso e tamén futura. Cada quen coas súas posibilidades, e todos en conxunto. Ambas cousas son importantes: moitas veces desprezamos as nosas posibilidades e por iso desprezamos a nosa acción e a nós mesmos, non aproveitándonos do noso potencial. E todos sabemos o difícil que é axustarnos para actuar en conxunto, ó unísono, para aproveitar mellor o que cada un pode aportar; pero tamén somos conscientes das posibilidade que temos cando somos capaces de facer ese axuste: non hai quen -nin que- nos pare.

   Ó igual que os desexos (ás veces, mesmo complementados con plans) a nivel individual, haberá que contar tamén cos desexos, concretados en plans, para os diversos grupos e niveis comunitarios ós que pertencemos. Así, a nivel local, tomado como máis visible e homoxéneo que outros, hai moitas cousas a amañar, a conseguir, a mellorar, sinxelamente, a cambiar, que poderían tratarse o novo ano: non hai data antes...

   Por exemplo, baseándonos en Ribadeo, o subministro de auga. Sendo un ben fundamental, resúltame incomprensible que se poda contabilizar xa en décadas a queixa sobre a infraestrutura de subministro, o tubo básico da traída de auga. E, por se non fora pouco o problema do reparto (cartos, responsabilidade, poder) entre Concello e Xunta, súmaselle o que a xestión sexa unha concesión. Concesión para gañar cartos, claro. Cartos que pon o cidadán, á marxe de que a infraestrutura sexa coidada ou non, de que se atalle a contaminación por vertidos ós cauces ou non... algo comunitario que se acolleu na infraestrutura pública para logo deixalo en mans privadas, logo, fóra do común, que perde non só a orientaciónda xestión do ben común a favor dunha compoñente de ben privado -é dicir, privativo de- senón tamén un coñecemento e experiencia de xestión, contraendo unha mentalidade de dependencia do privado.


Coronavirus en Vilalba

A cousa non vai ben...


  A gráfica actualizarase. A ser posible, a diario.