20200204

Unha necesidade cotiá

Preparándose ás portas do concello de Ribadeo. Foto de Suso Fernández
Hai máis de dous anos que os pensionistas veñen organizando actividades mensuais para lembrar que existen e que deben ser tratados con dignidade. Actividades de lembranza de feitos e situacións, así como lúdicas, de xuntanza e entrelazamento de amizade, entremistúrnse con outras reivindicativas duns dereitos que son seus. Que son nosos, de todos, como sociedade. Algo que está moi claro: unha consigna común, que pode parecer lateral ó movemento pensionista é ‘non hai pan para tanto chourizo’, vese acompañada por peticións dun salario digno para a xente nova, cunha relación evidente, a unión do traballo asalariado coas pensións que xenera e mantén, xunto coa non menos evidente do mal que lle fai a toda a sociedade a corrupción.
Non é necesario insistir nesa relación entre salarios e pensións, farto estudada e ó tempo, ocultada na procura da división de protestas e illamento de protestantes (quen queira profundizar, pode ver moitos artigos sobre o tema, por exemplo no blog de Vicenç Navarro, entre outros moitos). Nembargantes, o que se constata, a pesares desa tentativa de división, é un medre mes a mes das actividades de protesta dos pensionistas. Remato de mirar en Ribadeando fotos de diversas convocatorias anteriores. Por exemplo, en febreiro de 2018, unha foto de Suso Fernández rexistra 20 persoas nas escaleiras do concello de Ribadeo, ás que habería que sumar a el mesmo como fotógrafo. E ó alcalde, que non sei se volveu a asistir unha vez visto que non era unha protesta pasaxeira para saír nos medios, senón algo construído con paciencia para conseguir un obxectivo: unhas pensións públicas e dignas. Dous anos despois, con altos nos veráns e baixos co mal tempo, este mes os congregados triplicaban a cantidade. E as forzas non flaquean, coa conciencia de que mal que ben, non só se está a conseguir parar o desmantelamento do sistema público de pensións, senón que mesmo pouco a pouco están sendo algo máis equitativas, aínda que o poder adquisitivo medio retroceda.
As concentracións, marchas e outras actividades dos pensionistas están a deixarse sentir por toda Europa, nun movemento que acada un reflexo mesmo a nivel mundial, pero sobre todo que amosa dúas características. Unha, o lento aumento do convencemento da sociedade sobre todas as teses defendidas. Outra, que é un movemento que se engarza en toda a sociedade, atravesándoa finamente pero tamén necesariamente. Resultado o primeiro que da ánimos ó tempo que se constata o moito que queda de mobilización social: non é de onte que alguén se pregunte cántos pensionistas hai en Ribadeo para que asistan 60, incluídas algunhas persoas que non o son pero que están concienciadas e poden asistir ás veces. E engarce na sociedade que fai que o movemento non sexa algo illado, senón que se relacione con outros, que sirva tamén de vector de concienciación en canto ó cambio climático ou á destrución do tecido industrial. E é que como se está a amosar, estar xubilado non implica delegar as funcións que nos fai persoa, senón máis ben ser máis consciente delas e exercelas como unha necesidade cotiá.

20200130

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez. Notas de prensa sobre unha xuntanza

Poño a continuación dúas notas de prensa sobre a xuntanza que estaba prevista para este sábado na nova residencia de maiores:
A nova:

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

Nota de prensa

Ribadeo, 20200130 – Posposta de xuntanza



Tras recibir hoxe, 30 de xaneiro, a resposta do concello á nosa petición de 23 de decembro, negando a posibilidade de uso dun local na nova residencia de maiores para unha xuntanza, e ante a imposibilidade de procura dun local alternativo adecuado e de dar o correspondente aviso á xente interesada, posponse dita xuntanza, sen ter polo momento nova data e lugar de celebración.
Oportunamente, e con tempo abondo, poñerase en coñecemento de tódolos interesados a nova data, hora e lugar de celebración.

-
A vella:

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

Nota de prensa

Ribadeo, 20200129 - Lembranza



Ó achegarse a data da próxima xuntanza convocada para fundamentar a Asociación pro maiores José Mª Rodríguez, lembramos que terá lugar este sábado día 1, ás 18:00, nos locais da nova residencia de maiores.
Como nas ocasións anteriores, convídase á asistencia a toda persoa -teña algún familiar na residencia ou non- ou asociación interesada en colaborar para que os nosos maiores teñan a mellor calidade de vida.

20200129

Resposta da fiscalia a Por nuestro Faro: “A illa Pancha debe ter a porta aberta”

(Nota de prensa de Por Nuestro Faro)
 
O cartel estivo colocado.
Nos últimos días teñense dado algunas novedades importantes respecto da Illa Pancha das que daremos conta de seguido.

En primeiro lugar informar de que a semana pasada recibimos resposta da Fiscalía do Xulgado de Mondoñedo á nosa denuncia presentada o 5-7-19. Lémbrese que a denuncia prantexaba o feito de a porta da Illa Pancha seguía (e segue) pechada a público en xeral e so teñen acceso os usuarios dos apartamentos turísticos e persoas autorizadas. Como é sabido a licenza de actividade aprobada polo concello de Ribadeo o día 1 de decembro de 2017 esixe que a porta esteña aberta ao público. A resposta da fiscalía está no noso muro de facebook e aquí so imos suliñar algún párrafos.

No terceiro párrafo da resposta da Fiscalía atopamos a seguinte expresión: “… es clara la obligación del concesionario de facilitar el acceso a la isla del público en general…”. E no párrafo seguinte di textualmente: “…en diversos controles realizados por la Policía Local de Ribadeo a partir de septiembre de 2019 la puerta de paso peatonal ha permanecido abierta de forma regular…”. Finalmente a fiscalía fainos saber que queda aberta a vía xudicial.

A nosa intención non é ofender a intelixencia do lector, pero debemos suliñar o que vimos repetindo dende hai moitos meses. En primeiro lugar tamén a Fiscalía recoñece que a empresa concesionaría ten a obriga de manter a porta aberta, en cumprimento da normativa vixente e das condicións das licenza. E a policía local, en diversos controles, atopou a porta aberta. O problema é que os veciños sabemos que a realidade non é esa, por eso apelamos ao Sr. Alcalde e os concellais para que crarexen esa contradicción mentres seguiremos denunciando que se está usurpando o dereito democrático da veciñanza a acceder a un espazo de uso público e que o concello de Ribadeo non adopta medidas eficaces para garantir ese dereito.

En segundo lugar debemos notificar que a empresa concesionaria está tramitando un novo proxecto de cafetería. Tivemos coñecemento deste asunto a través da prensa e non a través do alcalde, como debera agardarse de unha corporación democrática, porque a información non é propiedade dos políticos senón da veciñanza e a falla de información xenera unha discriminación dunha parte da sociedade en beneficio de intereses particulares. Pola nosa banda presentamos un escrito no concello solicitando o acceso ao devandito expediente e estamos na agarda da resposta. Sin embargo hai que suliñar algún aspectos: O informe do Defensor del Pueblo que esixia a redacción de un Estudo de Impacto Ambiental foi aceptado pola Autoridade Portuaria, pero ese estudo nunca se chegou a realizar. Supoñemos que o Concello de Ribadeo non volverá a pasar de esguello por esta custión decisiva para calquer proxecto incluído na Rede Natura 2000.

En terceiro lugar debemos dar conta de que o proxecto de legalización do verquido e da fosa séptica sometido a exposición pública por Augas de Galicia en Agosto de 2018 ainda permanece sen resolución, despois de transcurridos 17 meses. O día 11 de decembro remitimos un escrito a Augas de Galicia, pedindo información sobre o expediente e as nosas alegacions presentadas o 9 de setembro de 2018 e ate agora non recibimos reposta pero hoxe tivemos confirmación telefónica de que o expediente segue sen resolución e non se sabe para cando pode recaer. Resulta como mínimo sorprendente que estando sen aprobar unha fosa séptica e un verquido para os apartamentos se tramite un proxecto de cafetería que tería un potencial de verquido moito maior e qu precisaría un novo expediente para ser legalizado.

Xa calificamos de esquizofrénica a situación da Illa Pancha e pouco mais podemos engadir. A pòrta de acceso está pechada, cando legalmente deberá estar aberta –agora xa o di ata o fiscal de Mondoñedo- o Estudo de Impacto Ambiental sen realizar despois de catro anos de ser esixido polo Defensor del Pueblo e admitido polo Ministerio de Fomento e a Proxecto de legalización da Fosa Séptica con verquido á Rede Natura 2000 ano e medio sen resolución. E de todo esto non se sabería nada se non houbese un colectivo social que o denunciase.

Colectivo “Por Nuestro Faro”

Fitur comeza en Ribadeo

A comezos de Febreiro 2020, en Ribadeo

  Si, si, xa sei: FITUR celébrase en Madrid, non en Ribadeo. Oficialmente. Pero o que en Madrid vai amosarse na feira internacional do turismo é cociñado antes nos respectivos lugares de orixe, sexan empresas ou localidades. E non só iso, senón que ten un impacto posterior noutros lugares diferentes da orixe -para iso se fai- pero tamén ten un impacto previo. Máis aínda, o impacto posterior buscado en canto a atracción turística (ben cantidade de xente, ben balance económico, etc) é só unha das facetas nas que se deixa sentir o efecto.
  Collo Ribadeo como exemplo, por telo máis a man, pero o método, sistémico, é algo común, aínda que en Ribadeo poda ter algunha significación especial en cousas concretas (hai cousas que aquí se fan mellor que a media)
  Toda actividade induce outras. Mais o que se está a dar -e moito- é que as actividades se autoalimenten, é dicir, teñan unha ‘autoinducción’ de tal xeito que só por facerse sexan promocionadas polos propios promotores como éxito: autopromoción independente dos obxectivos, da súa consecución, o xeito de realizar a actividade ou a existencia dunha medición obxectiva de parámetros para analizar. Debido a ese efecto, moitas actividades non se poden considerar ‘independentes’, non xa de outras do mesmo nivel ou asociadas directamente, senón de cousas como a parafernlia que as rodea. Así, No caso de Fitur, existe un efecto transferencia de actividade e ‘posta no foco de atención’ de Madrid a Ribadeo. As actividades de Fitur, que son en sí propaganda de lugares, experiencias, etc, teñen un efecto en Ribadeo, pois faise propaganda delas -das propias actividades- en Ribadeo. E, xa en Ribadeo, hai outra transferencia tamén, pois a propaganda das actividades realizadas en Madrid serve de promoción para os ‘emisarios’ aló enviados, de tódolos cortes políticos. Ía dicir tamén económicos, pero esta faceta coido que é diferente para considerar, habendo a posibilidade de loitas comerciais, mesmo internas nos grupos ou asociacións, a máis de que as responsabilidades asociadas son diferentes que no caso de responsabilidade pública.
  Coido que se podería dicir moito máis, pero que se pode entender mellor cunha referencia, aínda que poda dar unha visión parcial: hai anos tentei representar o impacto dunha campaña levada por Ribadeo a Fitur, “Ribadeoxqsi”, tildada de éxito. Para iso, puxen a etiqueta da campaña no buscador en sucesivos días, dende a celebración de Fitur 2015 durante dous meses, e reflectín os resultados nun artigo, “Medindo resultados de campañas de propaganda”. Resume: o éxito anunciado non impediu unha realidade na que a repercusión da campaña en Google (ó fin, estamos a falar dunha etiqueta de promoción de Ribadeo) nunca acadou nin o 1% de resultados da procura do nome do alcalde. Como non era un sistema deseñado de antemán para medición, senón algo a posteriori, collido ó paso, os resultados só poden tratarse como indicativos. Aínda así, coido que cabe dicir que a campaña, realizada en Madrid, tivo tanto impacto en Ribadeo, onde saíu máis dunha vez nos medios...

20200124

Pensando na auga cos pés na terra

  Aló polos 80, o concello de Ribadeo e o centro de Formación Profesional colaboraron de xeito que o principal motivo de iluminación nas festas era un escudo feito no centro. Orgullo para o centro e os alumnos que o fixeron, e aproveitamento tamén por parte do concello. Unha colaboración, como se di agora, win-win entre entidades públicas. Do mesmo feito, a finais desa década, o centro recuperou o cranio e unha mandíbula de cachalotes, nun taller que serviu de experiencia a profesores e alumnos, e logo cedeuno ó concello. Dende aquela, pola contra, tense realizada unha longa experiencia coa privatización. Por exemplo, da auga: o servizo foi alleado de xeito que unha empresa privada corre coa xestión. E, de forma semellante a outras privatizacións de servizo, o concello liberouse unha carga de traballo a cambio de soportar anos despois unha carga no mantemento da traída, a máis de seguir soportando en defensa da cidadanía tódolos inconvintes e queixas como a contaminación do CAVI ou o sabor da auga. Ben, a empresa ten que sacar un beneficio porque é a súa función (non a de subministrar auga, que é secundaria, un medio para o fin do beneficio)
  Non todas as colaboracións entre entidades públicas teñen por que saír ben ou ser útis. Por poñer un exemplo, o uso da Deputación como xeito de axilizar o cobro dalgúns impostos pode brindar unha maior cobertura de recursos, pero iso, que se comezou a facer na segunda metade dos anos noventa cun alcalde que tamén estaba na Deputación, non levou unha diminución de persoal no concello, e si implicou unha dificultade para algunhas reclamacións, ó afastar de Ribadeo a xestión, co que o balance neto non está tan claro como no caso que comeza este texto.
  Hoxe por hoxe, despois de anos de gabanza a nivel mundial das bondades do capitalismo, vese que na cesión de servizos non funciona mellor, nin á postre de xeito máis barato, un servizo privatizado que outro que non o estea: nin os intereses das empresas coinciden cos do servizo, nin os cartos se aplican só o servizo senón tamén á ganancia, nin a xente pode ter o mesmo control, nin se sinte coa mesma responsabilidade, nin o mantemento da rede de servizo a longo prazo interesa como algo que reporte á empresa beneficio. E, mentres a xente segue a perder poder sobre algo do que depende, mesmo vai perdendo a noción de que ese servizo foi público. Naturalmente, casos de xestión pública desastrosa existen, e máis dende que os intereses privados de dirixentes públicos están tan claros como as chamadas 'portas xiratorias' deixan ver, co paso de políticos á empresa privada e de dirixentes de empresas privadas 'chamados' a ocupar postos de xestión pública.
  Por esa visión cada vez máis clara, e a pesar dos inxentes intereses do capital concernido, estase a reverquer unha serie de privatizacións, en particular no servizo de augas, así como se comeza a levar a cabo a instauración de empresas municipais en campos como os do subministro eléctrico ou internet. É dicir, un fenómeno de execución local que se está dando a nivel mundial seguindo unha mentalidade de servizo, non da chamada riqueza.
  A conciencia da xente de que ten pouca participación na toma de decisións e o seu encadre en grupos que dun xeito ou outro presionan ós mandos da administración dende abaixo, permiten que pouco a pouco os servizos se volvan a contemplar como unha necesidade pública que non é boa idea transfeir a mans privadas.
  Por outra parte, séguese a facer presión sen disimulos en sentido contrario, para privatizar servizos como a sanidade ou a educación, con pingües beneficios para empresas privadas e encarecemento e dificultade de acceso para a xente, mentres se dificulta o funcionamento da prestación pública do servizo. Ou se deixan recolectar e usar datos públicos por parte de empresas privadas para subministrar servizos, nas tan cacarexadas 'smart cities', deformando un concepto de intelixencia colectiva en función da intelixencia do capital que recolle os datos. É o que ten un sistema que deixa florecer a corrupción.
  Por certo, dos restos de cachalote cedidos hai trinta anos en Ribadeo non se volveu saber: as institucións non sempre funcionan ben, como sinalei máis arriba.
  Mentres, que sorpresas en relación á auga nos esperan cara ó verán?

20200123

Fágase a Luz

  O pasado sábado Luz Pozo Garza foi declarada filla predilecta de Ribadeo. Non puiden asistir; como compensación engadín algunha cousa á súa xa longa entrada na Galipedia.
  En casos semellantes soe haber propaganda de diverso tipo, maiormente institucional, que anima a outra xente máis ou menos próxima a unirse á corrente, resaltando a bondade do nomeamento pola gabanza do/da nomeado/nomeada. E, por outra banda, tamén aparece un grupiño ou grupo de xente que argumenta en contra, ben sexa da persoa ou a súa idoneidade, ben, indirectamente, dos poucos méritos relativos para o nomeamento ou da capacidade de quen nomea para facelo.
  O caso de Luz Pozo non é diferente. Dende o goberno municipal, a concelleira de cultura defendeu o nomeamento, o mesmo que o cronista oficial, sendo o nomeamento decidido de xeito unánime na corporación. Pola banda contraria, algunha xente manifestouse nas redes sociais máis ben no sentido de que hai outros ribadenses que deberan ser nomeados antes. A unanimidade dos representantes electos no concello fixo a onda ó nomeamento. Mentres, boa parte da poboación (incluída con seguridade xente que ‘vota a favor’ tanto como que ‘vota en contra’) non leu nin un só poema seu nin podería falar máis de dez segundos (ao menos, antes da propaganda) sobre ela.
  Os nomeamentos son algo cunha parte importante de subxectividade, aínda que deban estar baseados en algo obxectivo. Así pois cabería preguntar, Luz Pozo, méritos? Para resposta, val con que se mire o que ocupa o nomeamento en relación á súa biografía (por exemplo, e porque xa está actualizada, en https://gl.wikipedia.org/wiki/Luz_Pozo_Garza).
  Pero para un nomeamento así non chega cos méritos persoais. Tamén están os méritos para/por ser ribadense. En comparación con calquera outra persoa. E nisto de ser ribadense, venme a memoria que, despois de máis dun cuarto de século en Ribadeo, tendo desenvolto o groso da miña actividade vital aquí, alegouse na miña contra como arma de desautorización -por escrito, en medio público e por persoa relevante- que non era ribadense, que era de fóra. Mentres, un tempo despois se reformou a normativa de entrada na vella residencia para facilitar o acceso a dúas persoas que marcharon de nenos de Ribadeo, sen voltar vivir ata a pretendida entrada na residencia.
  Así, é relativa a significatividade. O que é significativo para alguén pode non selo para outra persoa, e viceversa. É dicir, case é inevitable o desacordo en casos coma este, sendo diferente a escala (non só de valores) de cada quen, co que a outra xente lle iría moito mellor que fose(n) outra(s) persoas as nomeadas. A unanimidade na votación no concello só significa presión social para non discrepar, non que non se poda discrepar.
  Dito o dito, parabéns, Luz. Parabéns, Ribadeo.

20200115

O Colectivo Por nuestro Faro lembra que son dous anos sen acceso á illa Pancha. Nota de prensa

  O Concello de Ribadeo aprobou a licenza de actividade dos apartamentos turísticos da illa Pancha o día 1 de decembro de 2017, ao constatar que a porta de acceso estaba aberta ás 14 horas daquela data. Varios informes técnicos internos do concello e da Autoridade Portuaria esixian esa condicón dacordo ca lexislación vixente. Sin embargo, como ben saben os ribadenses, a porta seguiu pechada ao público en xeral e so poden acceder as persoas que arrenden habitacións no devandito estabelecemento. E estamos a 14 de xaneiro de 2020. Dous anos longos sen cumplirse as condicións da licenza polo que atinxe @s veciñ@s e visitantes.
  Nen o noso colectivo nen a opinión pública tivemos coñecemento da concesión da licenza baixo esta condición ata primeiros de xaneiro de 2019, cando tivemos acceso a unha parte do expediente da concesión da licenza trala presentación de unha denuncia diante da Valedora do Pobo Galego, que obligou ao concello a permitirnos consultar os documentos devanditos ao abeiro da Lei de Transparencia.
  Os días once de abril e oito de maio de 2019, visto que a porta de entrada na Illa Pancha seguía pechada rexistramos sendos escritos no concello de Ribadeo dando conta ao Sr. Alcalde desta circunstancia ao mesmo tempo que o puxemos en coñecemento da opinión pública. Folga suliñar que o Sr. Alcalde non respostou ou fíxose que non se daba por enterado.
  De seguido agardamos mes e medio e o día 24 de xunio de 2019 formalizamos unha denuncia por escrito na Fiscalía do Xuzgado de Mondoñedo polo recorte dos dereitos democráticos dos veciños, ao non permitirse o acceso a un espazo libre de uso comunitario, engadindo os documentos mais significativos que avalían os feitos denunciados.
  Agora sabemos, a través de informes xurídicos que o día 3 de Outubro de 2019, o concello de Ribadeo notificou por escrito á Empresa Eirobra SL a obligatoriedade de manter aberta ao público a porta de acceso á Illa Pancha para dar cumplimento ás condicións da concesión da licenza de actividade.
  A cuestión e rechamante: O concello esixe o cumplimento da licenza 21 meses despois de concedela, nun asunto de interés xeral, onde se ven afectados os dereitos dos veciños e visitantes, pero tres meses e medio despois desa esixencia, ou sexa 24 meses despois da concesión da licencia a porta segue pechada e os dereitos democráticos do vecindario, o dereito de libre acceso a un espazo público segue pisoteado e marxinado. E o Sr. Alcalde calado, deixando o tempo correr e ollando para outro lado.
  Nos últimos meses fixemos o seguimento da nosa denuncia na Fiscalía do Xuzgado de Mondoñedo e hai quince días informaronnos verbalmente que habería noticias en pouco tempo.
COLECTIVO POR NUESTRO FARO

Sostibilidade, unha palabra


  Hai palabras de moda. Na actualidade unha desas é ‘sostible’ (e as súas derivadas, como Sostibilidade). Moitas veces, o malo destas modas é que facendo ver e resaltando o que indica a palabra, banalízase o significado. As verbas trivialízanse, asumindo unha precisión imprecisa. Precisión de significado fixado; imprecisión de interpretación e cumprimento.
  Sostible. “Que se pode soster. Que permite preservar, manter e mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro.”
Nunha interpretación ampla, de miras curtas, na que se acepta o ‘máis ou menos’, todo é sostible, pois difícil que unha única acción leve ó desastre ó planeta de xeito inmediato, e con que produza unha apariencia de utilidade, xa ‘se pode soster con aproveitamento’, facendo énfase sobre todo no do aproveitamento, non en quen se pode aproveitar. Polo contrario, dun xeito estrito, todo nos leva á morte e á destrución, de forma que a única vía sostible sería non facer nada, morrer antes da morte. Hai unha conciencia interior diso. E do outro. E unha infinita diversidade tamén sen límites precisos entre medias, que se aproveita para facer da capa un saio.
  Din que estamos nunha era ‘líquida’, que significaría algo así como que a substancia das ideas na actualidade pode fluír, cambiar da forma e trasladarse, aparentar cousas diferentes dun intre a outro. Esa visión dos tempos axuda a que as verbas aínda vallan menos, esquecendo aquel vello ‘din a miña palabra’ como valor do que responder. Non, hoxe non é así. E hai xente mestra no cambio de interpretación ou o axuste da realidade á interpretación elixida. Con patente de corso para as súas verbas e para as dos demais.
  Oficina de sostibilidade: hai máis de once anos, o 16 de decembro de 2008, aparecía unha nota do concello na que se difundía a consideración de Ribadeo de ‘municipio galego sostible’ pola Xunta, poñendo o acento en que grazas a elo e á axuda correspondente o concello podería ter unha cousa tal. 2020... e a oficina? Nin idea, non debía ser sostible despois do período da remesa de cartos asociada. Resultados? De que, de ‘sostibilidade a 12 anos vista’? Dende o daquela, ten xurdido a acción local polo clima, con Ribadeo como concello asociado, pero segue sen un carril bici nin aviso de accións coordinadas. O uso do coche privado é cada vez máis necesario para cada persoa, e cada vez máis lonxe do necesario para todas. Hai rutas a pé ó longo do concello, aínda que mais máis ben parecen teóricas ou virtuais, e por suposto, turísticas. A substitución de árbores á beira da ría é unha realidade estética, mentres os eucaliptos seguen con tranquilidade xeral. Dende entonces houbo un bonito muíño eólico no porto deportivo, multiplemente publicidado pero que nunca estivo enganchado para ningún tipo de subministro, ata que se desmontou. Iso si, os paneis solares na piscina, abordados tamén na nota de prensa citada, seguen instalados.
  Sostible é unha palabra. Para aplicación polas persoas, a sociedade ou o planeta. Un exemplo ben trazable no tempo dunha institución só indica iso: exemplificación dun feito, sen carácter didáctico adoctrinante. Pero si, a nivel persoal, o mesmo que comunitario no concello, parece que a liña pasa por ‘adaptarse e morrer’ en solitario fronte a ‘loitar e continuar’ en conxunto. Poñer unha cagadiña ben coidadosa aquí mentras os cans espallan cagadas pola rúa... Non podemos botarlle a culpa só ó fracaso do cumio do clima. Nin ó capital, aínda que impoña o sistema que nos leva ó desastre.
  Rematando o artigo, vexo que é confuso. Como a situación actual. Mirareino de novo, como necesitamos mirar a situación planetaria? Amañarei algo, amañaremos algo cara ó futuro? Quizáis haxa que tirar moitas cousas ó lixo (a reciclar) para salvar algo. En ambos casos.