20191113

A pista de xeo de Ribadeo morreu


Polo que parece, morreu de éxito: cada campaña era un éxito, ata a desaparición final. A última, con tanta concorrencia que deu un saldo negativo de 27 000 € para o concello. Ou sexa, 2,7€ por cada ribadense -que tal unha viaxe gratis a conta deses cartos?- ou 185 € por cada comercio de ACISA -anunciados beneficiarios da subvención extra, o número de 150 socios invariable dende hai moito-.
O caso é que este Nadal a pista de xeo para patinaxe non acompañará ás 800 000 led para máis brilo de Ribadeo, o parque non se amputará unha vez máis para a labor e Ribadeo non será lugar para escenas fotografables sobre xeo como en anos anteriores.
Polo que parece, estase 'na procura de alternativas' por ser o da pista 'un modelo esgotado'. Coido que, polo contrario, despois de varios anos coa pista funcionando, a xente dos arredores xa o tiña na cabeza e era máis doado sacarlle partido, pero habería que cambiar o sistema de financiamento para non disparar os números vermellos para o concello (non disparar a subvención). Números vermellos que coido non se presentaron nunca dun xeito consolidado incluíndo cousas como gasto de electricidade, por unha beira, ou cun estudo realista da súa influencia efectiva no movemento de cartos en Ribadeo.

20191112

Historia electoral de Ribadeo (eleccións xerais). V.201911

Seguindo coa historia electoral de Ribadeo (a versión anterior está aquí), de novo deixo uns poucos gráficos para facer unha primeira interpretación das eleccións xerais en Ribadeo, sen prexuízo de que o comentario se alongue e se aumenten máis datos máis adiante.
O primeiro é a porcentaxe de votos emitidos e abstencións. Pódese ver que a participación non está nos mellores momentos. Nas leccións pasadas a xente 'fixo un esforzo' e repuntou a participación, pero desta volta caeu claramente, por baixo dos máximos de arredor dos anos 2000. Coido que está claro o fartazgo.
Quizáis queda máis claro na seguinte, onde se ve que a abstención, en porcentaxe, foi a segunda máis ampla da historia electoral dende o 1977.

De xeito parello, En canto a votos emitidos, resulta que despois de estar subindo o número de electores por décadas, agora mantense case en plano, o que leva a que o perfil garde unha certa simetría co anterior, aínda que o número de votos emitidos esta vez sexa superior mesmo ó das primerias eleccións hai corenta anos:


 A decantación de votos a un ou outro partido complícase pola existencia de novas formacións, divisións, etc ó longo do tempo. Está claro que os partidos máis tradicionais seguen a manter máis votos nas eleccións xerais, pero é unha apreciación que hai que matizar, pois aí tremos o caso do BNG, que aínda que subiu en votos queda por baixo da nova marca de Podemos, e esta volta, tamén de Vox. cmo a cousa está liada nos últimos anos, deixo máis abaixo ampliados estes útlimos tempos.
Na ampliación, pódese ver queAsí como o que subiu Vox nas eleccións de abril parece que foi todo a costa do PP, desta volta subiron lixeiramente ambos. Polo contrari, mentres que en  abril PSOE e Unidas Podemos subiran ó tempo (subida que tamén acompañou o BNG, pero en menor medida), dun xeito enganoso ó ser Unidas Podemos a nova marca de Podemos, que desapareceu nunha baixada que case compensa as subidas citadas, nesta ambos partidos (PSOE e UP) baixaron, mentre o BNG 'desacoplouse' e seguiu medrando. De calquera xeito, parece que a abstención aumentou a conta das diminucións de PSOE e UP, máis a metade da caída de C's, coa outra metade aumentando PP e Vox.
Unha referencia de fóra: os territorios menos abstencionistas foron Madrid e Cataluña, que representan os dous extremos do conflito máis mediatizado da historia de España, e, ó tempo, case corresponde cos territorios nos que máis medra por unha beira, Vox, enfrontado ó separatismo pola outra. En ambos territorios a abstención foi menor que en Ribadeo.
--
Comentario doutro tipo
Sobre as eleccións de novembro de 2019

20191111

Perdemos todos. Por Pablo Mosquera

Si. Ata Marta Rivera de la Cruz. E fíxome en tal dama pola súa traxectoria. Chegou desde Madrid, aterrou como paracaidista na Coruña. Logrou que as xentes de Cs a votasen. Ao día seguinte das eleccións regresou á capital. Nunca deu as grazas. Só veu a Galicia para lucir palmito nas festas de San Froilán. Tivo a sorte de confundir a uns e de estar á dereita do pai. E así, sen merecelo, é a máxima responsable da cultura na Comunidade de Madrid. Pero o mellor é que lle serviu de refuxio para evitar que o derrube do edificio se lle caese enriba. E no peor dos casos, sempre lle quedará PODEMOS, que é onde se atoparía máis cómoda. Espero e desexo que teña a dignidade suficiente para dimitir de inmediato.
Perdemos o tempo, os cartos de todos, a esperanza no sistema, o espírito xurdido nas rúas tras aquela corrente de indignación. Fomos maltratados por uns poucos badulaques. Sufrimos unha crise na que sempre perdemos mentres uns "listiños sen escrúpulos" gañaron. Perdemos a fe e todo apunta que teremos necesidade vital de exiliarnos na nosa propia contorna. Por iso só gañamos os que nos abstivemos, é dicir, un 30%.
Perdeu o "empecinado da rosa". Tan listo chegou a crerse que convocou eleccións. Só ou con algúns gurús da socioloxía, estaban convencidos de que as urnas íanlles a dar máis escanos, abondos para facer da súa capa un saio. Unha vez máis. De vitoria en vitoria, ata a derrota final. Só que os derrotados, son eles e nós.
Perdeu o raparigo do sorriso eterno. O que cada día cambiaba de rumbo. Que tivo a oportunidade de ser útil ao seu país, facendo un goberno de apoio transversal cos seus 57 escanos, cos mesmos que non fai tanto asinara un acordo para botar a Rajoy e os seus corruptos. Pero esta vez, aos que botou foi aos mellores da súa compañía. Aos que deixaron de adularlle. Aos que algúns, como a inefable Marta das Murallas, consideraron uns vermellos infiltrados. E agora descobre que dilapidou máis de dous millóns e medio de votos, nuns sete meses. Todo un record!. Polo menos conseguiu parecerse, no final, á UCD.
Perdeu o da casona con gardas que lle protexan. Non pretenda enganarnos. O peor que lle pode suceder a un partido político é, por esta orde. Ser inútil. Perder o rumbo. Xerar rexeitamento. Dar medo. E é que de tanto acusar ao varón de machista. De tanto feminizar ao tecido social - de unidos a unidas- lograron que os varóns pensantes, moderados, cultos e respetuosos, lles den as costas. Parece mentira que non aprendese na Complutense que liberdade, dignidade, cidadanía e lei, non teñen xénero.
Perdeu o sucesor de Aznar. Agora na rúa Génova non hai discos duros. Esnaquizáronos a marteladas. Agora hai mozos de Serrano. Agora hai outra xeración con sorriso. Por certo. De que cona se ri?. Tiveron unha inmensa maioría e dilapidárona entre corruptos e tahúres como aquel inefable "campión". Pero, dáse conta o home das FAES de que alimentaron á extrema dereita? Si, a esa que saíu das súas novas xeracións.
Perdeu o español que reside sobre un polvorín catalán. Creron que estas eleccións ían dar un escenario onde se terminasen os complexos para aplicar o Estado de Dereito. Pero temos serias dúbidas sobre as intencións desta tropa. Para ser Presidente do Goberno, ou se logra un acordo tanxencial entre bloques, ou se lle dá manija aos nacionalistas, e a estes se lles antoxa que gañaron, e cheos de argumentos ou de votos, van provocar unha escalada de violencia para aproveitar a debilidade do sistema, e así internacionalizar o conflito, obrigando a que o Estado por necesidade deses "mequetrefes" que mandan ou queren mandar, se rendan e fagan con Cataluña o que De Gaulle fixo con Argelia.
Perdeu o paisano, as clases populares, os pensionistas, os traballadores en precario que non chegan a fin de mes, os pobres que comen grazas a Caritas Diocesanas, as xentes cultas e decentes, os habitantes da España baleirada, os que se enfrontan coa rapiña dos bancos, os que foron a defender aos españois atacados polos bárbaros do Proceso. Eses servidores da lei e a orde, que traballan nos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Perdeu a democracia. Que desenterrou unha memoria histórica miserable, que canto máis sabemos daqueles feitos incivís e crueis, que deron lugar a unha guerra, e unha insoportable posguerra, máis nos aterrorizamos e avergoñamos co que somos capaces de facer os seres humanos convertidos en lobos famentos. Regresaron as dúas Españas. As que xearon o corazón do poeta. A que espera axustar contas coa burguesía. A que está sacándolle brillo aos vellos correaxes dos seus avós, para saír ás rúas, camiños e cunetas.

Se non sodes iguais, amosade que sodes diferentes

Trasformado de Rama, CC BY-SA 2.0 fr, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=2067181

Noraboa, lográchedelo. Porque iso era o que íades procurando, o medre das posturas máis extremas, as diferentes ás nominais ata o de agora, non? Tentando igualar a corrupción por arriba, tomando unhas decisións mentres que se manifestan outras, con loitas internas solucionadas cun liderazgo non forte, senón baseado na eliminación do contrario, con esquecemento das persoas, substituídas por grandes palabras de anuncio, e sobretodo, botándolle a culpa o outro, xa sexa partido ou sinxelamente a quen é diferente, e criminalizándoo, polas verbas e polas leis. Procurando o poder polo poder, non polo ben común, e tomando o pobo por tonto refén... e esas cousas, en xeral, sábenas facer mellor quenes menos escrúpulos teñen, polo que medrarán máis.
Na noite electoral, unha vez máis, polas verbas que se ían escoitando e máis aínda polos letreiriños que se ían desprazando en pantalla, viuse o número de escanos, o produto, que representa ós políticos, moito moito máis que o número de votos, que representan as persoas, ou as porcentaxes, que representan á sociedade. Escanos, non votos nin porcentaxes: hai que ir ó práctico. E cando se asume iso, o práctico é o diferente se se percibe que o vello non funciona. E 'o novo' pode ser mesmo o que se ten esquecido, sempre que non se deixara ver demasiado nos últimos tempos como vello. O empaque dourado da propaganda pode variar a tendencia, pero non eliminala. Máis aínda, cando a propaganda baséase en fume, de novo os prestidixitadores maiores son quenes máis práctica teñen en enganar.
Coido que se pode falar de partidos concretos, pero, despois das eleccións, para que? Para botar as culpas a alguén, poñendo o énfase nunha cara, nunhas siglas, para que a cousa sexa máis directa, personalizando para poder atacar mellor e esquecendo o resto de culpa? Coido que é máis ben cousa de tomar conciencia de que o cancro esténdese a tódolos tecidos, aínda que non todos esteñan igual de contaminados. De tomar conciencia de que o pobo, refén dun sistema, é ó tempo quen o mantén, e polo tanto, quen pode cambialo. Quen ten que cambialo cambiándose a si mesmo.
E non, está demostrado que facendo as mesmas cousas chégase ó mesmo sitio, que para chegar a un lugar diferente hai que facer as cousas de xeito diferente, polo que raro sería que facendo a mesma política o resultado fose diferente...

20191110

Nota de prensa En Marea

Ribadeo, 6 de novembro, 2019.
O pasado día 4 de novembro rexistramos no concello de Ribadeo o Recurso de Reposición que anunciamos a semana pasada.

O motivo do recurso é que o concello non deu resposta ás preguntas e á petición que tíñamos presentado o día 27 de setembro. O contido destas preguntas xa o temos publicado pero non estará de mais recordalo. Concretamente as preguntas facían referencia á tramitación das xestións que levaron á permuta da parte da Torre de os Moreno da que era titular o concello de Ribadeo (o 21 %), ca empresa Paisajes de Asturias, a cambio de un edificio pendente de restaurar na Praza de Abaixo. A petición era que se publicase o texto íntegro do convenio acordado con esta empresa.

A resposta do concello chegounos a mediados do mes de outubro e nela figuran as actas de duas sesión da Xunta de Goberno (que polo demais xa coñecíamos e son documento público) pero ningunha resposta ás nosas preguntas nen referencia algunha ao misterioso convenio.

Na resposta do concello tampouco se nos ofrece a via do Recurso de Reposición, que é o trámite administrativo previsto na lexislación vixente antes de recurrir a outras vías posibeis.

Debemos lembrar aos lectores que o dereito á información é un punto básico de calquer democracia que o goberno do BNG de Ribadeo limita ou reduce sistemáticamente, como neste caso no que un convenio con unha empresa privada para cederlle unha parte sustancial do patrimonio municipal esta sendo secuestrado dende hai meses sen que se seipa cal foi a valoración económica da permuta, cal é prazo de execución, cales son as obras previstas e outro moitos aspectos que obviamente descoñecen os veciños e veciñas pola ocultación do equipo de goberno. Postura negacionista onde as haxa que tende a reducir a calidade da democracia e impedir a participación vecinal.

En conclusión agardaremos a resposta do Recurso de Reposición se a hai e decidiremos en consecuencia.

Eleccións: papeletas electorais

Hoxe son as eleccións xerais. Á hora de ir votar, hai moita xente indecisa, que non coñece nin os nomes dos canditatos do partido ó que máis ou menos pensa votar, etc. Quedan aquí abaixo as papeletas dos diversos partidos, tanto do Congreso como do Senado, pola provincia de Lugo, ordeadas as do congreso por orde alfabética:















20191102

Cunchas, fósiles, insectos: David Antonio López Álvarez

    Unha lembranza da labor de David López, e a súa relación co coñecemento, coa bioloxía, coa ecoloxía, co medio...


 

20191101

Elección non rima con bon

'Eran os mellores tempos, eran os peores tempos'. Así comeza a 'Historia de dúas cidades' de Dickens. E así podería comezar a nosa historia actual camiño dunhas novas (e)leccións o 10 de novembro.
E é que hai xente para quen 'as cousas' marchan ben. E para a que non, nin moito menos e diríase que cada vez en maior cantidade. No mesmo mundo, e con tanta diferencia. Quizás aí está a clave: o aumento das diferencias, e con elas, o aumento da falta de empatía, poñerse en lugar do outro ou da falta de colaboración, ou o aumento do 'primeiro eu, despois eu, e logo xa veremos se eu', ou do 'facer isto, a quen perxudica?' entrepechando os ollos ó mesmo tempo para non ver máis que o que convén.
O caso é que estamos de novo en período electoral, máis cartos gastados e os partidos botando contas sobre votos e escanos en troques de facelo sobre necesidades e benestar. Desviando a atención con Cataluña -ou con Franco- mentres o tecido industrial continúa a desfacerse, as pensións pasan a entenderse como un préstamo caritativo, pódente despedir se faltas aínda que sexa de xeito xustificado, as violacións quedan en abuso ou segue a corromperse o sustento vital que é a Terra, despois de que a corrupción campe na sociedade.
Vexo na propaganda electoral que chega ó correo -si, segue a chegar propaganda dalgúns partidos porque alguén se esqueceu / non quixo moverse para que non chegara papel mollado- a palabra España -ou Galiza- destaca nos sobres, mais boto en falta verbas como persoas, ou aínda cidadáns, ou comunidade. Outros, sinxelamente din 'vota': para que ir máis aló? Conta con nós... refírse a eles, non a nós. Pero o non plus ultra lévao o que resalta a bandeira -constitucional, iso si- como encarnando as esencia se que se quite o demais, que non importa.
Iso, polo exterior: os sobres non van dirixidos a min. E isto si é literal e figurado, ambalasdúas cousas ó tempo. Literal, porque non aparezo como destinatario, e figurado porque nos sobres aparece claro a verba 'propaganda', e iso é o que menos necesito, propaganda, que traten de dirixirme con teatro lonxe da representación real que é a vida. En realidade, algún si vai dirixido a min: 'electores residentes en' é un título xenérico que aforra cartos no envío e ó tempo sáltase a legalidade a destra e sinistra ó facer chegar os sobres a quen pediu que non se lle enviaran.
Votar? Mentres que non nos organicemos para facer un remake real do 'Ensaio sobre a lucidez' de Saramago, non quedará outra que facer uso desa partícula de liberdade que aínda temos a nivel político. Partícula de liberdade se non está xa perdida entre fake news, mentiras, promesas que non se pensa en cumprir, ocultación do negro dun tapado co negro do outro, ou sinxelamente, clientelismo, caciquismo ou intereses particulares contra o ben común, 'inconfesables'...
Aprenderemos a (e)lección ou deixaremos que nos apliquen o dito 'a letra coa sangue entra'?
--
Comentario posterior
Sobre as eleccións de novembro de 2019