20151005

Complemento: Asemblea e viaxe

Cortopego dende o blog de O Tesón as actividades promovidas para este próximo fin de semana. A viaxe, como todas as que organiza a asociación, terá un fin social e tamén divulgativo:
Nota de prensa
20150929

A AVV O Tesón de Ribadeo ten establecida como actividade anual unha viaxe social aberta. Iso significa que a viaxe está pensada para fortalecer a unión entre os socios desenvolvendo os obxectivos sociais, e tamén pretende achegar a asociación e o conxunto da sociedade que na que está inmersa.
No presente ano 2015, está previsto que a viaxe se desenvolva polas terras próximas de Burela e San Cibrao, o próximo sábado 10 de outubro. A saída será ás 10 da mañá da praza do mercado de Ribadeo, e ten previsto artellar o día arredor de dúas visitas principais, en Burela e en S. Cibrao, o barco-museo e o Museo Provincial do Mar.
As dúas visitas complementaranse con outras, como a subida ó Monte Castelo para abranguer o arco de costa entre a balsa de lodos de Alcoa e Tapia. Asemade, está previsto comer de xeito conxunto, falando de temas diversos como preparación da asemblea da asociación, que terá lugar o mes próximo.
O custe da viaxe será de 8€ para socios e 12€ para non socios, en ambos casos comida aparte. Para máis información e inscricións, nos tf. 629806592, 617597062, 663749442 ou 696200678 ou con calquera membro da directiva.
O mesmo 10 de outubro de 2015, sábado, ás 20:00 horas en segunda convocatoria (ás 19:30 en primeira convocatoria, que previsiblemente non se fará por falta de quorum) tódolos socios de O Tesón están convocados á asemblea xeral ordinaria que terá lugar no local do lavadoiro (rua dos Fornos). Os puntos previstos na orde do día son:
1.Lectura e aprobación se procede, da acta anterior
2.Memoria de actividades e balance económico do ano ata o presente
3.Próximas actividades e previsións de ingresos e gastos
4.Rogos e preguntas
Ademais, os socios terán unha participación da lotería de Nadal da asociación (nº 69936).Ademais, hai participacións para a súa compra nos lugares habituais, Mercería Torviso, Foto Miguel, Estanco Pepita da Carrilla e Sargadelos/Xeito.

20151004

As catedrais, si ou non?

Entre o ateigamento veraniego e a tranquilade (que non vacío) outonal, quédome co segundo. Onte, a pouco máis de media marea, no aparcamento catedralicio axuntábanse preto de 100 coches. A praia non estaba baleira, non. Pero notábase algo: do impedimento e vixiancia do verán non quedaba rastro. A praia estaba desprotexida de novo.
Non sei se un cambio tan brusco do 'todo' (máis ou menos) ó 'nada' (sen o máis ou menos) ven ben para 'a protección do areal' da que tanto se leva falado .Levo recollido moitas entradas en relación ás catedrais, pero, despois de anos de afluencia incontrolada de visitantes e un de tres meses de control (diría máis ben, de fiscalización), a consideración xeral de actuación non parece ter variado moito, as medidas tomadas parecen non ter alma, esprito de procurar o mellor a longo prazo; todo o máis, de saír do paso.

A zona das catedrais, no Sigpac

20151002

Cultura feita en Ribadeo

O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo comezou a usar ese nome hai dous cursos. Iso, o poñerlle un nome foi quizáis o detonante para que o curso pasado se comezara co que pode ser unha longa tradición no futuro, as charlas de comezo de curso. Así, na primeira charla, curso 2014/2015, Toni Deaño, ex-profesor que exerceu a súa labor no mesmo edificio, falou sobre a figura do seu tio, Dionisio Gamallo, ilustrando o coñecemento dos alumnos coa figura de quen toma o nome o IES, nun acto que ademais se inscribiu na celebración do centenario do seu nacemento. Este curso, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, entre outras moitas cousas, Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, falou sobre outro home relacionado con Ribadeo, Isidoro Asensio Amor, e, a raíz da súa vinculación (de ambos) con Ribadeo, da paisaxe ribadense. Coido que é cousa de difundir ambas charlas, e iso pretende entra entrada no blog.
Charla do 1º Ano, Antonio Deaño falando sobre Dionisio Gamallo (texto). Comentario e fotos, aquí.
...
Charla do 2º Ano, Díaz-Fierros falando sobre "Xeoloxía e paisaxe. Na memoria de Isidoro Asensio Amor" (audio) e diapositivas. Comentarios e fotos, aquí.
... e como por cousas de configuración pode que non apareza a icona para escoitar, pódese facer nesta ligazón: http://www.goear.com/listen/72c5787/charla-inauguracion-curso-2015-ies-ribadeo-dionisio-gamallo-francisco-diaz-fierros-viqueira

O ceo dende a costa do Cantábrico ó atardecer.
Dúas fotos collidas dende a web do IES de Ribadeo, referentes ás dúas charlas:

20151001

Incendios

Coa estrutrua de mando dun concello pódese estar máis ou menos de acordo, ou discutir as súas ideas e ordes. Pero cando se trata dalgunha cousa como o apresar a quen está a prender lume na estrada cara á veiga, a unanimidade é a única resposta posible. Levábamos xa algún tempo se conatos de incendio na zona, e velaiquí que xa temos outro para apuntar na lista.
Lugar onde se atopa unha zona queimada correspondente a un dos incendios dos últimos meses. Mapa de openstreetmap.
O alcalde chama a comunicar calquera información sobre os incendios á Guarcia Civil ou a Policía Local. Boto en falta que comunique os seus números, que quizáis deberan ser sabidos, pero non o son, aínda que tampouco son ningún secreto por estar accesibles en diversos lugares: 982 128 048 (GC) e 982 120 714 / 689 55 00 55 (PL), a máis do de Protección Civil, 659 942 158.
Polo demais, sen facer un seguemento extensivo, chámame a atención que non se producen a altas horas da noite, senón a horas normais, como se quen quixera queimar o fixera de paso que vai ou ven, sen molestarse moito.

20150930

Do leite que se produce en Galicia: unha entrevista a José Ángel Salvatierra na revista Irimia

Onte, José Ángel Salvatierra, enxeñeiro técnico agrícola con ampla experiencia no agro galego e tamén coñecedor do sector en toda Europa, pasoume a revista Irimia co que coido é unha interesante entrevista que lle fixeron (fíxolla Daniel López). Velaieiquí:
"Os tractores na rúa foron portada, os prezos do leite caeron e as explotacións producindo á perda...
Isto dos tractores na rúa é cíclico en Galicia. E case sempre empezan na nosa Comunidade. Por una parte, porque aquí prodúcese aproximadamente o 45% do total estatal e hai máis de 9000 explotacións; por outra, cando veñen mal dadas, é a forma máis visible e máis fácil para mostrar o problema á opinión pública. Ata aquí todo ben, pero non é suficiente.
E pois...? Que marxe de intervención habería?
As Administracións non poden fixar un prezo mínimo para o leite. Isto sería contrario ás normas do libre mercado. Mesmo caeu niso a ministra española, dicindo que se o fixera Francia preguntarían a Bruxelas e que, se fose legal, tamén o farían aquí. A dúbida ofende na boca dunha ministra de agricultura. Xa non facía falta preguntar. O que fixo o ministro francés foi convocar ás partes, para que chegasen a ese acordo, e facer de animador, de árbitro e de testemuña, a través da comisión de seguimento, por se algunha das partes por separado rompe as regras escritas e asinadas. En Francia levan máis de vinte anos con contratos homologados en distintos sectores, non só no leite. Os prazos dos contratos son como mínimo dun ano, con cláusulas de corrección, segundo evolucione o mercado. Isto aquí nunca se fixo e estamos moi verdes.
Esa caída de prezos é resultado directo do final do sistema de cotas?
A situación á que se chegou nos prezos non é só polo final das cotas; xa ocorrera outras veces coas cotas en vigor, como nos anos 2007 e 2012, tamén con prezos por baixo dos custos de produción. Logo subiron de forma importante durante ano e medio e non se fixo nada, ata o 2012. Subida importante outros dous anos, e así chegamos ata agora. Desta vez si hai máis leite no mercado, tanto en España como en Europa. O corte de exportación a Rusia, polo bloqueo da UE, e o menor consumo de leite en pó de China, fixeron subir os excedentes.
Non se pode producir sen límite, como lles gusta facer os gandeiros galegos, que aumentaron moito a súa produción, xa desde antes de rematar as cotas, e máis aínda dende o dia 1 de abril. Aumentan as vacas por compra (máis carga gandeira), pero sen aumentar a terra; polo que se aumenta a compra de penso, máis alfalfa, mais, máis, comprando fóra da explotación, e se o prezo do leite baixa , volvemos ao círculo de perdas.
Aumentar a produción, non sempre leva a mellorar os beneficios. Bastantes veces diminuír o leite producido nunha granxa, trae melloras nas marxes netas. Ter un tanque grande e enchelo como sexa cada dous días, se os custos diso son altos, non vai levar directamente a ter una marxe neta mellor. Isto que parece fácil, a maioría dos produtores “intensivos” non o entenden.
Tes comentado reiteradamente que o sector lácteo galego é moi vulnerable. Por que? Que debilidades ten o “noso sistema”?
Aquí está a vulnerabilidade do sistema de produción de Galicia en xeral. É un sistema que se lle chama intensivo. De 3-3,5 unidades de gando maior –UGM- por Ha. Non porque todas as explotacións sexan pequenas en superficie. Hainas de máis de 40 e de 50 Has., pero deberían ter de 50-60 vacas, máis a reposición, e na realidade teñen de 100 a 150 vacas.
Por que?
Porque foi o que lles vendeu o “ sistema”, para ser grandes e competitivos...! Dicíanlles: “compra vacas, compra cota, amplía as cortes, cambia a sala de muxir, tractor máis grande e moderno, etc, etc”. Pero quen lle falaba de terra? Nalgunhas zonas escaseaba, pero xa non se pensaba nela. “Pon todo a millo”. Na maioría dos casos ese é o único cultivo. Comprar o que falte fóra: Penso, alfalfa, palla, raigrás secado, bagazo de cervexa, etc. O “sistema” véndelles todo isto. A semente do millo, os fertilizantes químicos , os fitosanitarios , o seme probado, as máquinas que eles non elixen, os “establos”, etc. “Pide un préstamo que o pagas fácil”...Pero quen lle facía un estudo de viabilidade? Se o prezo do leite se mantén a bo nivel ou sobe, todo vai funcionando. Pero se vai á baixa un período longo... E o que se vende baixa, pero o que se compra sobe ou mantense, e entramos no bucle.
Non sempre cambiar é mellorar...
Ollo. Non quero dicir con isto, que non se precise ir mellorando e actualizándose, pero con racionalidade e con números. Cousa que os gandeiros galegos nos lle gusta levar. Alguén ten unha corte para 40 vacas , e da noite para o día, decidir duplicar o número.
E pregúntaslle: “E a terra? Tamén a dobras?” “ Non, pero xa veremos se atopo algo”. Con esta alegría nas decisións coñezo cantidade de casos. E o problema é que non se aprende duns para outros e repítense erros. Salvo lixeiras excepcións, hai un sector de produtores con niveis moi baixos en formación. Non son quen de controlar os factores de produción e de manexo, nun sistema onde se move tanto diñeiro e de forma moi complexa, sen levar ningún tipo de contabilidade económica, nin programa técnico de manexo. Cando as marxes son amplas o sistema vai tirando. Pero cando se acurtan, o sistema rompe. E cando consultan aos “técnicos do sistema” que poden facer, que están perdendo cartos cada mes... Resposta: “hai que esperar que mellore o prezo do leite”.
Esas debilidades, quedan máis en evidencia se o comparamos co sistema francés ou bávaro?
Os produtores franceses e alemáns e, en xeral, os da UE, agás os portugueses do norte, que son aínda máis intensivos cós galegos ( será pola proximidade ou pola lingua), basean o seu sistema na base territorial, na terra. Sen terra non hai leite. Os franceses miman a terra. Non se pode traballar mollada, que se compacta. Evitan a erosión. Evitar, e se é posible, diminuír a utilización de herbicidas.
Isto lógrano con alternativa de cultivos. Por exemplo, o millo non volta á mesma parcela ata o quinto ano, que alternan con trigo, cebada, pradeira, colza, etc. Cultivos que consomen na granxa, para penso, e venden o sobrante, tendo ingresos, a maiores dos do leite. É un sistema de produción máis sostible, menos contaminante e moito menos dependente do mercado ou, ás veces, case nada das materias primas.
En Francia por exemplo, as terras no inverno, onde se cultivou millo, non poden quedar sen nada. Hai que sementar algo para evitar a erosión. Aínda que logo sexa para enterrar como abono verde.
Que poderiamos e deberiamos facer a partir do día seguinte de que os tractores volvan a casa?
Cando os tractores volvan para a terra, será preciso que os produtores senten a reflexionar. Coa cabeza descansada. Será preciso facelo tanto se conseguiron o que se propoñían, como se conseguiron tan só unha pequena parte, ou, poñámonos no peor dos casos, se o que se logrou os deixou defraudados.
Para os produtores galegos no ano 1987, o principal atranco que vían nun horizonte curto era o establecemento das cotas leiteiras, fixadas por Bruxelas, para frear os excedentes. Aquilo que ao principio se entendeu como un problema, logo se transformou nun elemento de estabilidade no mercado do leite. Non sen sacrificios para os gandeiros, pola necesidade de mercar cota. Outros non a mercaron, e conformáronse coas cantidades que lles regalaba a Administración, dos fondos que facía cos plans de abandono. No sistema de cotas a recollida estaba asegurada. Cousa que agora non o está.
Para moitos gandeiros galegos a data de 1 de abril do 2015, parecíalles una data liberadora, e que a partir de aí o camiño para vender leite sen o corsé do límite de producir, sería favorable para mellorar os ingresos e a rendibilidade da explotación, a base de producir máis litros. Por exemplo, os franceses sempre apostaron por un sistema de regulación do mercado. Agora mesmo teñen dous tipos de leite, tipo A, baseado na antiga cota, a un prezo acordado por contrato dun ano, e tipo B, a un prezo de leite en pó. Xa saben a que aterse se se pasan da cantidade A.
Despois das protestas hai que reflexionar e ver o camiño percorrido nos últimos 30 anos no sector do leite. Imos seguir así desestruturados, sen nexos?
Primeiro entre os produtores, constituíndo foros de debate periódicos e permanentes, a través de organizacións do tipo que sexa (asociados , sen asociar, cooperativas, técnicos , investigadores, etc), con mesas de traballo e, logo, asembleas, sobre os moitos problemas que ten o sector: falta de terra, sistema de produción, falta de incorporación de mozos/as, concentración ou permuta de fincas. Tamén transformación de produtos. Sabemos máis ou menos producir, pero non sabemos nin transformar nin, aínda menos, comercializar. Para iso hai que formarse e querer aprender, que é do que máis carece o sector, na miña modesta opinión. Non é só problema de prezo, que o é tamén. Pero hai outros.
Logo non hai que esquecer, as relacións coas industrias e as cooperativas de transformación, alí onde estean, como fan noutros países como Irlanda , Holanda ou Dinamarca. Non velas como inimigas, senón como posibles colaboradoras da cadea económica. Isto levará tempo. Pero creo que sería bo intentalo con unión, fe e perseverancia.
Anímoos a traballar nesta ou noutras liñas, de forma continuada, e non a volver cada un a súa casa, ...ata a próxima crise de prezos."

20150928

29 non, 18 si

Si, xa sei que hoxe o tema son as eleccións catalanas, pero con toda a súa influencia en Ribadeo, que a teñen, os números do título non representan votos nin porcentaxes referentes a elas.  Son algo máis 'de aquí'.
Resulta que onte collín un 'Ágape', a revista da parroquia, onde aparecían certos números referidos a todo Ribadeo, ás parroquias do concello, durante os meses de abril a xuño, o segundo trimestre do ano. Números que indican os servizos prestados. Os do título, 29 non, 18 si, representan algo así como os que xa non están entre nós e os que xa están entre nós: a grande maioría da xente segue a requerir os servizos da igrexa para rematar a súa morte e para dar a benvida á vida. E, se facemos unha extrapolación ó ano, resultarían 116 non, 72 si: cifras aproximadas ás de defunción e nacementos do ano pasado, que seguramente tamén o serán ás deste. Case un déficit de 50 ribadenses ó ano, sen contar os movementos migratorios, e equivalente á capacidade da nova residencia de anciáns. Ou se se quere, unha taxa de reposición de xente dun 60%. Por suposto non é a primeira vez que se di, nin que o digo: algo así como un suicidio como pobo. Que nos invaden, din algúns. Coido que tamén (máis apropiado) se pode pensar que están a ocupar o terreo que deixamos.

20150927

Da eclipse desta noite

Ía facer unha entrada sobre a eclipse desta noite, pero púxenme a editar a entrada da galipedia, e mellor que repetilo no blog, poño a ligazón á páxina da "Eclipse de Lúa de setembro de 2015" que seguro que mellorará co tempo.
Só uns datos:
Contactos
P1 00:11:47 UTC
U1 01:07:11 UTC
Máximo 02:47:07 UTC
U4 04:27:03 UTC
P4 05:22:27 UTC
... A ter en conta que para a hora legal actual, hai que sumar dúas horas ás horas que aparece en 'contactos'; naturalemente, a duración, diferenza horaria, non necesita desa suma.
P1: a Lúa entra na penumbra xerada pola Terra
P4: a Lúa sae da penumbra
U1: a Lúa entra na umbra (sombra) terrestre
U4: a Lúa sae da umbra
Duración (h:min:s)
Total 01:11:55
Parcial 03:19:52
Penumbra 05:10:41

Refuxiados? Non! Volkswagen!

As cousas, no seu sitio. Unha crise humanitaria (e polo tanto, tamén social e económica) a nivel continental (ou mesmo intercontinental, segundo como se conten os continentes) non pode facer fronte a unha fraude do fabricante de automóbiles maior (hoxe xa se fala de segundo, ou menos) de automóbiles do mundo. A fraude non é só máis actual, senón que afecta máis a unha economía central, e hai que darlle cabida nas novas e nas nosas cabezas. Os refuxiados poden esperar.
Xiro copernicano. E con causa: non son os refuxiados os importantes, senón a macroeconomía. Na realidade, os reuxiados nunca foron demasiado importantes: discutíase sobre se acollelos ou non, ou como acollelos, en función do impacto que ían a causar na sociedade de acollida, na nosa sociedade, nas nosas sociedades. Era o noso punto de vista, as molestias que nos podían causar, a avaliación de se é demasiado o disparar sobre eles se queren entrar ou non o é, enfrontada á molestia de ver as imaxes cos sus corpos destrozados pola guerra  (en casos coma este, que importan as orixes da guerra?) ou outras calamidades. Todo ven por iso dos prexuízos morais que temos aínda os humanos, ese aínda que tanto nos perxudica na nosa viaxe cara á cosificación e á deshumanificación nun entorno puramente financieiro (que non económico). Ó fin, o de Volkswagen non está sendo importante por ser engano ou por ser algo máis para cargarse de xeito consciente o planeta. Non, é importante porque "se perden" cartos. Adiviñas quen vai a ser máis perxudicado con esa 'perda'? Por certo, de canto foi a gratificación de despido do presi de Volkswagen? E coidado, que iso porque VW é unha empresa que non ten alma, non representativa. E porque os norteamericanos, como non producen case coches a gasoil, botáronse sobre unha pobre empresa 'europea'. Tiñan que copiar das institucións europeas, que sabían algo do tema dende hai anos...