20150926

Descubrindo algún libro de Ribadeo en internet: Sobre os castros de Ribadeo e Turismo y ordenación del territorio en el municipio de Ribadeo

Retomando a carga de documentos do vello 'publicado en Ribadeo' a internet, hoxe tocoulle a quenda a 'Sobre os castros de Ribadeo', de José Mª Rodríguez Díaz, editado polo Tesón e colgado en dúas partes: Sobre os castros de Ribadeo 1 e Sobre os castros de Ribadeo 2. Un libro que sempre está de actualidade: os castros seguen aí, aínda que se vaian pouco a pouco, ben destruíndo, ben investigando.

A súa relectura parcial e algo máis que está a tratar o Tesón levoume a mirar máis na rede, e atopei "Turismo y ordenación del territorio en el municipio de Ribadeo"
 

Un libriño que se pode ler parcialmente na rede, e que, sendo de hai 17 anos, ten algunhas curiosidades, a parte de gráficos ó estilo do que ilustra a portada, que non deixan de ser tamén curiosos, a máis de poder calibrar algunhas diferencias nestes 17 anos transcorridos dende a súa edición.

 Obras de José Mª Rodríguez

 

20150924

Tecnoloxía e vida en Ribadeo

Hoxe debe haber pleno en Ribadeo: os xornais anunciaron antonte varios asuntos a tratar. Sei de boa man que se deu orde de dar publicidade ó pleno en internet. Mais, a esta hora, na páxina do concello, non a atopo. Será falta miña...
A cuestión técnica está deixando ó mundo -non só a Ribadeo- descolocado en multitude de ocasións. Este verán un xornal deu como nova a parada dun coche en plena Rosalía de Castro, provocando un atasco. Durou pouco, pero iste paro 'fulminante' na calzada dunha vía céntrica non chamou a atención polo atasco, que non foi longo, senón por outra razón: a 'avaría' do coche foi solucionada a distancia, dende calquera sabe onde, pois non era un fallo mecánico, senón informático. É de supoñer que para o 'conductor' do vehículo resultaría unha toma de conciencia de que é o vehículo o que o ten a el de refén e o leva e o trae mentres non decida -o coche ou alén das portas, a unha distancia remota, calquera ó mando do coche cal dron de ataque- parar, deixar sen freos ou acelerar sen límite nunha curva.
Lembrei o tema polo 'asunto Volkswagen': a maior empresa de automóbiles facendo trampa á entidade de verificación do país máis poderoso do mundo. Véxome como cidadán dun país que certamente non é controlado polos seus cidadáns na medida que debera, enfrontado a uns medios non xa de control de comportamento, senón de orientación de decisión dos que non chegamos a saber deles, e...
... e mentras nos controlan, hai descontrol: son as 7:54 da mañá, moita xente durmindo (suponse), e o camión do vidro baleirando os dous contedores e producindo uns decibelios considerables, como tantas outras veces a unha hora aproximada.
Anoitecendo dende preto do forte S. Damián, a semana pasada.

20150923

300 m2 para un Ribadeo diferente

Ó saír da biblioteca Viejo Pancho e subir cara o centro do pobo vese unha pintura na beira dunha casa, sobresaíndo por riba do tellado de outra, que chama a atención e xa foi tratada algunha vez no blog.
Esta pequena mostra de arte leva aí máis de cinco anos.
Agora, nunha liña parella, pero máis ó grande, o concello tomou a decisión de pintar con grafitis máis paredes da vila, para o que tivo que facer unha reconvocatoria. O primeiro, a instalar no comezo da Avda. Rosalía de Castro.
A parede a grafitear é a que se ve xa tuneada embaixo. A outra parede leibre que se ve na imaxe obtida do google maps para ter unha idea de que ve quen chega a Ribadeo, xa non está así, cambiou o seu aspecto ó ser abertos ocos para fiestras e porta para o local de hostalería situado nos seus baixos.
Di a nota do concello que ten que pasar aínda por patrimonio para dar o visto bó, mais é de supoñer que despois de darllo á transformación da outra parede, neste caso, unha pintura, non haberá problema. Así pois, 300 m2 de parede (non 300 m, como di a nota do concello) cambiarán de aspecto o centro do pobo. E parece que só é o comezo. Poderá ter este grafiti o mesmo carácter que o da saída da biblioteca? Posiblemente, non, pero non é iso tampouco o que se procura.

20150922

De campos (artificiais) e sirios (naturais)

Diversidade. A diversidade fai o mundo máis rico, evidente.Tamén é evidente que a diversidade nas ideas leva producido, xunto con esa riqueza, unha morea de desastres ó non poñerse de acordo por ideas diferentes.
En Ribadeo, hoxe mesmo, pódese falar de sirios, a conta da proposta do concello, que se ten idea de que comezou co ofrecemento do polideportivo para pasar a requerimento de familias de acollida e con pouca resposta despois de facer notar que non había un plan detrás, á do campo de fútbol con herba artificial (por certo, xa sería o segundo, despois do do colexio público 'CEIP' Gregorio Sanz, algo que non se menciona), proposta polo grupo político do PP e só valorada, negativamente por cuestión de prioridades, por Cidadáns.
É evidente que cada quen ten unhas prioridades diferentes debido a gustos, crencias, estimación de oportunidade, etc. Parece lóxico que nun lugar como o a casa do Concello se actuase como un crisol, contando coa xente do concello. E situacións como as anteriores, sirios por unha beira e herba artificial por outra -á marxe do que eu poda pensar sobre cada caso-, manifestan que de crisol nada, pois ó máis que se chega moitas veces (hai honrosas excepcións, sexa por presión do pobo -caso residencia de anciáns-, concienciación ou por outras causas) é á toma de postura dende a propia visión. Coido que a postura pública de Marta Sáiz, lembrando o tema das prioridades, pode ser un primeiro paso en moitas discusións, pero non pode quedar aí, pois senón sería de novo só iso: discusións, non razonamento, nin aporte de ideas, nin entrada da xente no concello. Será que o desexo de inmediatez da resposta ás situacións, sexan ou non urxentes, se suma á incomodidade de lidiar con moitas posibilidades diferentes que da a pluralidade atendida. E iso fai que en troques de potenciar a participación máis ben se obvie a traverso da delegación nun voto cada catro anos, chámese o grupo correspondente asembleas abertas, popular, cidadán ou social.
Zona deportiva de Ribadeo: Campo de fútbol de herba artificial no Gregorio Sanz, parte superior esquerda. Á súa dereita, pavillón polideportivo novo. Case na punta dereita, pavillón polideportivo seminovo. Na parte inferior esquerda, campo de fútbol Pepe Barrera e piscina municipal de xestión privada. Sobre a grada do campo de fútbol, o pavillón polideportivo do Porta da Auga. Baixo o campo de fútbol de herba artificial, a pista cuberta do Gregorio Sanz.

20150917

Unha lección de historia? Un manexo: "Hable bien"

Despois de ver que os xornais o ignoraban...


Como é costume, o segundo exame das PAU foi o de Historia de España. O que non é tan habitual é que entre os documentos a xulgar se aporte unha reprodución dun panfleto repartido na Coruña no 1947 instando ó uso do castelán:
"
HABLE BIEN
Sea patriota - No sea bárbaro
Es de cumplido caballero que Vd. hable nuestro idioma oficial o sea el castellano. Es ser patriota.
VIVA ESPAÑA Y LA DISCIPLINA DE NUESTRO IDIOMA CERVANTINO
¡¡ARRIBA ESPAÑA!!
"
Así, sen coma onde debera e con diferente tipografía.

O documento ía na folla de exame en conxunto con outros que podemos comentar outro día, por xunto ou por separado. Pero con este chega para unha ampla análise. Para comezala, o de 'fala ben' tentaría descualificar un xeito de falar, pero non no sentido tantas veces aceptado de evitar expresións bruscas ou que podan resultar ferintes ó ouvido, senón que asimila ditas expresións ó galego...
A segunda liña enfronta patriota e bárbaro, primando o patriota -'español' nun sentido moi concreto, claro- con todas as virtudes (mesmo o primeiro lugar na liña) o barbarismo sendo asimilado a todo aquelo que non representa patriotismo no sentido antes dito, nun conxunto de dación e despoxo notable con poucas verbas.
O parágrafo máis longo faise eco doutra cita que aparece no exame e que chama en teoría á unidade, pero en realidade ó monolitismo  definido polo poder (a unidade en torno ó sinalado)
A liña seguinte... ben, por se non fora abondo a exaltación lingüística, aproveita para mentar a disciplina. Por suposto, disciplina arredor da pauta sinalada polo poder.
Por último, o de 'arriba España' necesita dobre admiración, rematando o crescendo da nota e sinalando o destino común, obxectivo e xustificación interpretada non só da nota.
Así, pois, non tanto unha lección de historia como unha parte da historia dun manexo... político-lingüístico?
Unha nota:o conxunto de documentos do exame versaba sobre a unidade/diversidade de España.

20150916

OUTRA ESCOLLERA NA RIA DE RIBADEO, artigo de E. Lombardero


A Consellería de Fomento de Asturias proxecta unha nova escollera na ría para “protexer” ao porto deportivo de As Figueiras, según o “Plan Territorial Especial para la Estrategia Integrada de Gestión Portuaria Litoral del Principado de Asturias”, exposto ao público nas últimas semanas. O proxecto contempla obras en numerosos portos. No caso que nos afecta prevé un gasto de catro millons de euros para un “dique vertical” que viría a sustituir ao pantalán flotante.
O día 22 de agosto, dentro do prazo, presentamos unha alegación da que a 16 de setembro non recibimos acuse de recibo.
Basicamente a nosa alegación prantexa o presumible impacto sobre correntes e sedimentación, por unha banda no conxunto da ría e particularmente nunha zona especialmente sensible como é a canle de As Figueiras, xa moi afectada pola obras executadas nos últimos 25 anos. Suliñamos que nunha zona próxima ao ponto onde se pretende construir este “dique vertical” a canle secundaria de As Figueiras queda totalmente en seco en mareas de mediano coeficiente, cousa que non sucedía hai 15 anos nen sequera nas mareas mais vivas. Ou sexa, o deterioro da canle en tan pouco tempo debera ser motivo de alarma para calquera cun mínimo de siso. Ainda mais a canle das Figueiras e vital para o Astaleiro de Gondán, hoxendía a industria mais importante da contornada, tanto polos postos de traballo directos e indirectos como por tecnoloxía, cualificación do persoal, etc. Pola outra banda suliñamos que os eventuais beneficios do proxecto son abondo discutibeis, habida conta de que xa é unha zona resgardada dos temporais do noroeste.
O proxecto técnico da obra ainda non se coñece nen hai prazos de execución pero algúns aspectos son preocupantes.
O primeiro e principal que ni tan sequera se prantexa o debate entre posibeis vantaxes vs perxuicios. Como tódalas obras que se viñeron facendo ao longo dos últimos 25 anos, os responsabeis do proxecto limítanse a dalo por bo en nome de intereses particulares e supostos beneficios para o turismo apelando agora á captación de clientela foránea. Esquécense os Estudos de Impacto Ambental e Dinámica Litoral, normas de protección, estado actual da ría, impactos acumulados de obras anteriores, incumplimento sistemático da normativa vixente polas diversas administracións implicadas (Xuntas de Galicia e Asturias, Ministerio de Fomento) pero na literatura “técnica” que soporta este “Plan Especial” abondan as referencias ao cambio climático, agora convertido no novo paradigma para xustificar estas tropelías. Mesmo o impacto paisaxístico queda fora da axenda.
Pola nosa banda agradecer a información a Coordinadora Ecoloxista d´Asturies que nos pasou a información e lamentar que o concello de Ribadeo siga dándolle as costas a protección da ría como no caso de Illa Pancha. Polo que atinxe ao concello de Castropol xa leva varios anos detrás desta barrabasada e mesmo dun novo porto deportivo en Berbesa.
Evaristo Lombardero Rico

Aportación á solución do conflito do leite

Un conflito en vías de solución, din. Un conflito no que o sector produtor segue como parte débil, só mantida polo apoio social que presiona.
Unha volta destrozado o pouco tecido asociativo de produción, e mesmo sen capitais galegos no sector de transformación (se iso poidera ser un atenuante), a solución aparenta ser fráxil, un parche para que a caída sexa menos traumática para a sociedade. Punto.
E, nestas, Le Monde Diplomatique en Español titula un artigo "Razia china por la leche", cun encabezado "de la Bretaña a Nueva Zelanda", na que, claro, non aparece Galicia, pero si unha axuda á solución: e se se abrira mercado no chamado 'xigante asiático'?
Claro tamén que, se a entrada no mercado chino está liderada polas empresas ás que se enfrontan os gandeiros, teriamos pan para hoxe, fame para mañá, porque o control sería sempre da mesma beira. E peor aínda, porque se a cousa fora mellor e aumentara o número de vacas por explotación, os gandeiros estarían máis vendidos aínda no futuro...
Ben, pode ser unha solución, pero sempre que se vexa acompañada dunha reforma do sector na que os gandeiros ganen poder. Vese o tema?

20150911

Avantaxes da pluralidade: Hospital da Costa

Bravo polo multipartidismo! O anuncio de que se vai comezar coas xestións da ampliación do hospital da Costa supón un éxito pre-electoral da ameaza ó absolutismo da maioría parlamentaria popular.
Maioría parlamentaria actual que non é maioría absoluta de persoas, pero non por iso deixa de ser maioría de votos. Esa maioría representativa vese ameazada, e hai unha reacción, non vaia ser que materialice a ameaza.
Pódese dicir que xa estaba previsto en marzo, "o 18 de marzo", antes das eleccións municipais, pero mira ti por onde se esperou ata xa preto das eleccións xerais para dar o paso adiante. Outras veces fora feito o anuncio con diversas cantiades e aí quedou, en anuncio só, algunha das veces, e outras, en remedos totalmente insuficientes para dicir que se fixera unha inversión. Parece que agora hai mesmo hai cartos, isos que se dixo moitas outrtas veces que non había, ou que non estaban presupostados e que había que esperar a que estiveran (non lembro que esta vez o estiveran tampouco, pero ó mellor me esquecín do anuncio). E parece que nun alarde de dar confianza, mesmo se van ter que empregar para levar adiante obras.
Vista do Hospital da Costa no Sigpac
Mágoa que outras cousas sexan máis difíciles e non só cousa de meter algúns cartos puntualmente e non regularmente ou outras solucións... Neste caso, cousiñas como a plantilla de persoal e a dependencia, pero o caso do leite, ou o dos refuxiados, son máis doutro tipo.