20150909

Economía ou asalto

Esta tempada estamos vivindo na Mariña situacións que, por repetidas, non deixan de ser cada vez máis desastrosas e manifestación dunha tendencia que vai moito máis aló da nosa xeografía local. Poderían darse máis exemplos, pero hai dous que sobresaen, e non timidamente, sobre os demáis.
Un é o de Alcoa. Un ano máis, celebrouse a subasta enerxética que tivo (e ten) en vilo á planta. Calquera atento minimamente ás novas puido enterarse de que houbo unha rebaixa do 10%. Bravo! Non é abondo. Saíu peor parada que o ano pasado, en verbas de representantes empresariais. En que, como? Non hai información. Menor cantidade enerxética, vale. Custe? Non hai información. Non se sabe se vai haber continuidade, os traballadores, despois de presionar presionados pola empresa, seguen presionados pola empresa sen ter nin a oportunidade de presionar xa a ninguén. Ou si? Inmersos na sociedade, é a propia sociedade no seu conxunto a que actúa de refén, incluíndo as estruturas das que está dotada. E si, é certo que o sistema de cotas non parece a mellor posibilidade, e menos a unha empresa que necesita moita, moita enerxía, pero case seguro que o precio é abondo inferior ó que pagamos pola electricidade nas nosas casas, mesmo sen cota de conexión, a trampa que incrementa o prezo da electricidade ao través de aplicar as leis de consumo ó dereito de subministro. Repito, é o mesmo, e así a empresa conseguirá máis rebaixa nos soldos, se decide seguir pagándoos aquí. Por certo, non hai que esquecerse que comezou como unha empresa pública, privatizada, que eu saiba, sen deixar de ganar cartos nunca.
Vaca rubia galega pastando.
Outro, o da leite. O prezo de saída volve ser insostible. Menor que no resto da península ou que en boa parte do resto de Europa. Din que as grandes cadeas distribuidoras apretan ás fábricas, e estas, ós gandeiros, indefensos cunha cabana animal que coidar e á que están atados. Mais non se ve que noutros lugares a cadea de distribución sexa moi diferente, mentres que os resultados para os gandeiros si o son. Mellor non lembrar o tema da cota láctea, as ocultacións de produción (para obtela e despois de obtela) e da correspondente supertaxa, e cinguirse ó presente. E o presente é que as fábricas que quedan en Galicia non son galegas. As cooperativas desapareceron na práctica (pola zona hai unha, que segue a pagar prezos superiores ós de recollida das fábricas, e recollendo), e con elas, o poder dos gandeiros para negociar asociados. Hai poucos días, o alcalde de Ribadeo emitiu unha nota de prensa/alegato para que as cadeas de distribución non vendan con prezos demasiado baixos, tentando tocar o corazonciño das empresas. Non me parece mala idea acompañada doutras medidas, pero as empresas non teñen corazón, e soa, non creo que vaia a ningures. Por iso tamén a prensa se fixo eco de non consumir leite por baixo dun determinado prezo e iso si que creo que significa aumentar ganancias na intermediación para tentar que chegue algo ó gandeiro, abondo máis improbable. Mentres, a regulación de prezos, din, está poibida pola UE, que como Bruxelas queda lonxe é o chivo expiatorio cando xa pasou a elección correspondente. A problemática non se queda nos custes de alimentación do gando. Ten tamén algo que ver o endebedamento para a modernización das explotacións, por exemplo. Mentres, os gandeiros ven como se apoian outros proxectos veciños, e así, José Ángel Fernández, Gelo, gandeiro cunha das maiores explotacións da zona, apostilla que, estando na Devesa, quizais deba cerrar a súa explotación, reconverter a nave e aproveitar os cartos que se derraman sobre as catedrais, tanto de turistas como de apoio institucional.
En calquera caso, se nos centramos en solucións inmediatas, non hai, só parches, e as solucións a medio-longo prazo pasan por unha participación e implicación social a todos os niveis que precisamente se trata de liquidar.

20150908

Milagre! (un ano máis)

Nalgúns lugares danse milagres anuais. Algúns son do tipo de choros de imaxes de santos ou de licuación de sangue a día fixo. Noutros, como en Ribadeo, son máis humanos. En Ribadeo trátase da conversión periódica de alcaldes en fieis cristiáns representando unha comunidade de fieis cristiáns dun estado confesional en determinados actos relixiosos.
O certo é que aínda teño visto o tema tratado a modo de comentario, non teño ollado nada escrito para estudar o triple milagre. E é que polo menos trátase dun triple milagre, repetido ano tras ano.
En primeiro lugar (poderiamos comezar en orde inversa), un estado aconfesional constitucionalmente vólvese confesional institucionalmente, e polo tanto, desenvolve unha ligazón que implica representación nun acto relixioso.
En segundo lugar, un pobo de gran maioría de bautizados pero pequena minoría de practicantes pasa a ter unha representación practicante e mesmo mirala pasar en cabeza do pobo cristián.
En terceiro lugar, xente non practicante, agnóstica ou atea pasa a practicar unha relixión e dar exemplo de práctica.

Claro que o feito de ser 'como o Guadiana' aumentaría un novo milagre ó menos, o de facer a conversión inversa ó remate da procesión.
Un fenómeno a estudar, do que non cabe comentar nada sobre se ese fenómeno periódico fai mellores persoas, representantes ou institucións.
Mentres, bo día da patroa, que moito poder debe ter para efectuar tales milagres.

20150907

Queres consultalo? PXOM de Ribadeo

Nunha visita á web do concello fíxome que xa está dispoñible de novo (non sei o tempo que leva así) o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Pódese acceder dende a web do concello ou ir dende aquí mesmo, premendo na ligazón.

Aínda que só sexa para telo a man, para facer algunha consulta curiosa ou para coñecer un pouco de como se pretende Ribadeo no futuro, a traverso da ligazón. E coido que hai algo de interese, pois non é a primeira persoa que me pregunta se sei onde se pode ter información sobre o plan.
Bo proveito!

20150906

Non é festa

Teño localizado os restos dun devolto nouturno sen limpar de hai cousa dun mes. O concello foi avisado, pero aló segue. Restos de 'festa', si. Indesexables. Permitidos. Sen paliar.
Véxoos case tódolos días. Hoxe tráioos a colación despois de ter dado unha volta por Ribadeo, con algunha cousa que non deixa de ser sorprendente por máis que repetida.
Un vídeo do parque de amadora Suárez Couto, na r/Pintor Fierros, tomado esta mesma mañá:
Pero... en Ribadeo non estaba controlado o botellón? Calquera que viva en certas zonas sabe que nin o botelón, nin os vaos fóra dos locais, nin os berros cos locais abertos ou pechados (ou sen sabelo, que o horario de apertura debe ser segredo de estado e por eso o concello non responde a peticións de información)
Do ruído moito máis se podería dicir, pero sen ferir sensibilidades nin de feirantes nin de hostaleiros, cabe preguntarse por exemplo cantos músicos ambulantes (permitidos, non sei se autorizados) non usan altofalantes. Claro que, despois de que un concello veciño enviara o venres abondo tempo, e mesmo pasando por diante do concello, un coche co seu logotipo e con altofalantes a anunciar unha feira... (para quen non esteña informado, segundo a normativa municipal só poderán ser usados altofalantes en caso de necesidade)

20150905

AMENCE UNHA NOVA SENSIBILIDADE POLÍTICA? Artigo de J.Mª Rodríguez Díaz



Que unha luz de esperanza se converta en novidade nestes difíciles tempos nos que a sociedade parece que camiña para atrás como cangrexo, e a cultura, a ética e a moralidade pública brillan pola súa ausencia, é unha noticia digna dos mellores titulares.
E iso é o que se percibiu nas palabras pronunciadas pola Presidenta da Deputación Provincial, con motivo da súa visita ás obras da construción da nova residencia en Ribadeo en días pasados. Un asomo de esperanza de cambio nas actitudes ata agora mantidas polos políticos dos distintos partidos, albíscase no horizonte. Unha sutil sensación de que algo se está a mover nesta nova xeración de políticos saídos das urnas nas últimas eleccións locais.
En contra do que se espera das palabras dun político ó uso pronunciadas pola Presidenta, co gallo da súa visita a Ribadeo, e nas que o dardo da competición política acostumaba a dispararse en acusacións e reproches contra o opoñentes políticos, as palabras pronunciadas por Elena Candia nesa visita resoaron como un elemento balsámico de concordia e colaboración con todos os actores políticos alí presentes. Ofertas de colaboración, breves e claras, dirixidas á consecución do benestar cidadán e á solución dos problemas da xente, independentemente da cor política dos responsables implicados e por riba dos intereses partidistas. "O cambio de goberno na Deputación non implicará a rotura coas actuacións que repercuten no benestar dás persoas que mais o necesitan", foron as súas palabras. Só nos resta esperar agora que "do dito ó feito non haxa un gran treito", como con frecuencia está a pasar cos seus afíns políticos do goberno da Xunta. O tempo diránolo.
O alcalde de Ribadeo, pola súa banda, fixo gala do seu bo talante e educación política nas súas palabras de benvida á Presidenta. Sen agochar, por iso, as esixencias da axuda prometida pola Conselleira de Benestar a construción da nova residencia, e que tanto se fai demorar.
Pero non menos sorprendente e satisfactoria foi, tamén, a actitude e comentarios dos compoñentes dos restantes partidos políticos, presentes nese acto. Aínda que as súas palabras non resoaron ante os micrófonos, as súas actitudes e comentarios privados na reunión informal e distendida mantida despois entre todos, foi moi positiva. Louvanzas alentadoras dunha nova actitude sobre a primacía do servizo ós cidadán por riba do servilismo fronte ó partido. Recoñecemento do exemplar camiño seguido a partir da iniciativa popular pra acadar a construción da nova residencia, así como a participación e colaboración de tódolos políticos locais de entón na consecución deste obxectivo.
Un bo e prometedor augurio desta nova xeración de xoves actores da política local que, de seguir nesta actitude e por este camiño, nos pode deparar agradábeis sorpresas ás que non estabamos afeitos. Ata agora, o que adoitaba primar na actividade da política local era, salvo raras excepcións, unha encarnizada loita entre políticos elexidos polo pobo para o seu servizo, pro que se adicaban a servir os intereses dos seus partidos. Nas súas estratexias por conseguir o poder o pobo non era outra cousa máis que un instrumento a utilizar para os fins do seu partido e o seu propio beneficio persoal. Estamos ante unha nova sensibilidade política? Ou trátase,acaso,dunha utopía máis que nos levará a un amargo espertar?
Polo que toca á marcha das obras de construción da nova residencia, dicir, finalmente, pra satisfacción de todos, que marchan ó ritmo esperado e acordado.
José María Rodríguez Díaz, Vida socio-política en Ribadeo

20150904

Carta da Diócese á A. de veciños de Santalla de Vilaosende

Só a modo de constancia deixo aquí a copia da carta que o bispado de Mondoñedo-Ferrol enviou dentro da polémica relacionada con Emilio Silvaje:

Nenos na escuma: festa!

Comezaron as celebracións. Despois do vintecinco anos de vivencias ribadenses glosados no pregón, a diversión. Os cativiños son quenes máis se mergullan nas actividades, como a que onte permitiu que as burbullas da escuma os envolveran, á beira do parque e do cantón.
Son 'os nosos nenos', os nenos da nosa sociedade os que se están a divertir. Coincidente no tempo, estábase a difundir unha fotografía cun neniño vestido, tirado noutra escuma ben diferente, nunha praia allea a si, nunha praia tamén 'nosa', inmóbil, inane, morto.
Establecer unha contraposición é doado, e comezar a falar das diferenzas, tamén. Menos o é a procura das causas, e moito menos, das solucións. De sempre, as circunstancias do nacemento marcaron unha parte fundamental dos seres vivos. No caso dos humanos, chegamos xa hai tempo á posibilidade dun certo control dalgunhas desas circunstancias. Chegamos á posibilidade de mellora da vida por unha acción social. Mais esas posibilidades desa acción diferéncianse moito duns lugares a outros. Unha diferencia que pode chegar a implicar a visión da diversión ou da morte.
A problemática que da lugar a esa diferencia é complexa, e as consecuencias remiten a un futuro aínda máis complexo, pero hai tempo que se sabe que entre previr e curar, ven a conto previr, por moito que en situacións non quede outra que tentar curar, porque non todo se pode nin se sabe previr, aínda que se queira. Pero si sabemos que as crises teñen unha orixe, saibamos ou non manexala, ou sobre todo, queramos poñer os medios para facelo ou non.
En Galicia, en España, en Europa, con máis ou menos intensidade, temos unha crise económica (a maioría sófrea), pero dende hai tempo, unha crise social superponse con ela (que non é só consecuencia da económica), a máis da crise dos valores humanos (atención, non confundir os valores impulsados por unha visión economicista cos 'valores da civilización occidental') e da incrementativa crise medioambiental, do cambio climático á contaminación mariña. A máis, temos o que se chama 'crise demográfica', farto coñecida en Galicia, terra por baixo da taxa de reposición hai unha xeración longa, que se suma á 'crise migratoria' que se foi incrementando a medida que a ambición de parte do mundo contribuiu a desestabilizar as sociedades noutros lugares. Neste conxunto crítico, a 'invasión' 'musulmana' está sendo usada: sen importar se son ou non musulmáns, se foron 'os nosos' os que produciron as circunstancias que os botarón ó camiño, se non poden facer outra cousa para sobrevivir, virían quitarnos o noso, aproveitarse de nós, quitarnos a cultura, a relixión... é dicir, algo parello ó que sucedeu no seu momento coa colonización, por parte de 'Europa', dos outros continentes, por moito que daquela se fixera pola forza e agora a forza siga a estar desta beira (evidentemente, non toda, o mesmo que no momento da colonización) e a necesidade, da outra (evidentemente, tampouco toda, o mesmo que no momento da colonización).
En fin, podemos rasgarnos as vestiduras ou denunciar que a foto do pícaro do sur na praia do norte é unha manipulación sentimental. A oportunidade de seguir a facer fotos na escuma prefabricada ou na escuma da praia seguirá incrementándose mentras cada un de nós non sexamos conscientes dos pequenos actos individuais tanto como dos grandes actos sociais que se poden facer. Incluída a rebelión contra nós mesmos, sociedade e individuo.

20150901

Xordeira

Creo que as institucións -a grandes rasgos- son entidades que serven para administrar a sociedade. Como calquera outra cousa, para funcionar necesitan interacción: recibir información, procesala, actuar...
En España, caso coñecido por estar nela, as institucións preséntanse moitas veces como autistas, pero diría que máis aínda como xordas: teñen dificultades co tratamento da realidade, pero máis veces aínda pechan os ollos e tapan as orellas para soñar cunha realidade, en relación á que actúan.
Ben, certo, en xeral, as institucións non teñen directamente ollos e orellas, e mesmo pode resultar que os ollos e as orellas dos representantes institucionais esteñan ben abertos e atentos, sen invalidar o dito antes. Algo así coido que pasa en Ribadeo, no noso concello: do alcalde embaixo, se logras falar de xeito individual con alguén, en xeral notarás amabilidade, adicación de tempo, receptividade de información... Quedaron polo camiño varias constricións: falar, individual, información... Porque en canto se pase ó escrito colectivo, ou dirixido á institución, xa non sabes se se recibiu ou non, intúes que a información chegou, que o mecanismo de transmisión 'cara enriba' funciona, pero non tes a seguridade, porque o retorno é nulo. Fai a proba se non o comprobaches, e verás da xordeira da administración, non só para cousas de ruído, senón para cousas de papeleo.
Exemplos desa xordeira, no pasado e na actualidade, pódense dar en cantidades medible ó peso do papel que serve de testemuña. A miña experiencia, e outras que recollo, apunta a que só unha mínima parte dos escritos que se reciben no concello son contestados, incluíndo neles os solicitados por orde xudicial.
Din que para mostra abonda un botón, vaian varios destes últimos tempos, remitidos pola AVV O Tesón, escritos que non esgotan nin moito menos, os exemplos que se poderían dar deste período:
"(...)
Expón
Que a AVV O Tesón ten ingresado no concello diversos escritos solicitando información diversa,
Que, a día de hoxe, o concello hai moito tempo que non ten contestado ningún escrito da asociación,
Que temos noticia de que a persoas individuais lles ocorre o mesmo,
Polo que solicitamos que o Concello responda xa ás nosas solicitudes, conforme coa transparencia debida."
(agosto de 2014)
"(...)
Expón
Que ven sucedendo con demasiada frecuencia que a auga para beber cheire, o que leva á inquedanza ós nosos asociados e veciños en xeral.
Que dende hai longo tempo hai novas que achacan a contaminación da auga a efluvios do CAVI da Coop. Irmandiños, centro que se ben está situado en Barreiros depende dunha sociedade domiciliada en Ribadeo,
Que se teñen novas confusas sobre actuación dunhas ou outras forzas policiais ou inspectoras en relación á investigación da causa de contaminación,
Que aínda esta mesma semana xurdiu a alarma con dous bandos sucesivos da alcaldía alertando contra beber auga en determinadas zonas e logo, sen dar tempo nin que as tuberías se baleirasen, derogando a alerta,
Que parece evitarse toda mención a responsables concretos, aínda sabendo onde se produce o verquido,
Que o anterior motivou que dito tema fora tratado na directiva da asociación, mantida hoxe mesmo, que decidiu realizar este escrito que aoga se presenta,
Polo que solicitamos
A comunicación das medidas tomadas polo concello para un control independente da calidade da auga, e
Coñecer as iniciativas que ten tomado o concello para actuar contra a contaminación e os responsables da mesma,
ó tempo ó que instamos a unha actuación decidida do concello que nos representa."
(febreiro de 2015)

"(...)
"
Como tratar a xordeira? Pois non sei moi ben, pero estou seguro de que calquera método terá unha característica: implicará a actividade da xente.