20120421

Lembrando un post anterior: mañá domingo, manifestación

Movemento

Unha entrada sinxela para un fin de semana máis ... coido que dende o pasado xoves a martes tódolos días hai algunha cousa cultural/participativa. Aí están, A Mariña para igualdade cas súas actividades, o concello, a reclamación de participación para a construcción da residencia de anciáns mañá domingo, ou cousas de máis lonxitude e variedade, como ocorre nas xornadas de violencia de xénero. Total, comentábame alguén onte que en Ribadeo non se aburría, aínda que haxa sente que diga que non hai nada que facer. A esa xente que o di, coido que habería que darlle un consello, ou dous. Un, que tente organizar algo que lle encha. Seguro que o tempo se lle queda escaso. E, como a anterior é unha alternativa radical, unha segunda máis repousada: que tente enterarse das cousas que hai en ribadeo, que semana tras semana, no auditorio Hernán Naval, na Casa das Letras, no salón da Casa do Mar, no salón da casa sindical, nos lavadoiros ... ou mesmo ó aire libre se organizan. E si, todos-todos os días non hai actividades, pero para compensar, hai moitos días que hai varias e non se pode un repartir. Outra cousa é o non querer, o pasar, ou sinxelamente preferir ver a televisión. Coido que nesta entrada podería poñer unhas cantas ligazóns ás actividasdes destes días, como fago normalmente. Esta vez non: háinas. Pero, en xeral, participar nas actividades require iso, participar; unha perogrullada que se esquece que o é.

20120420

16,4 Gb (Moita memoria)

Publicado en A Mariña/O Progreso o 15/07/1999 ... e coido que aínda non se queda tan atrasado, a pesares dos cambios en 13 anos ...: 16,4 Gb (Moita memoria) Xa fai algún tempo, creo que foi polo pasado nadal, escoitei en Lugo a conversa de dous pequenos. Estiven a punto de chamarlles "mocosos" na frase anterior, pero contívenme: estou fixo que non tiñan mocos que levarse ó pano cando os vin, xa anoitecendo, por unha rúa céntrica. O caso é que non me chamaron a atencióna ate que estiven ó seu lado e escoitei dicirle un ó outro: ¿y para que necesitas dieciseis coma cuatro gigabytes de memoria? E eso me quedei pensando daquela: ¿para que os necesitará? A cousa vai máis aló, porque esa capacidade de memoria atreveríame a dicir que non hai hoxe tres ordenadores en Ribadeo que a teñan, e iso dando unha ampla marxe se tomamos en conta o que ocorría o pasado nadal. E aí estaba dous rapaciños duns 12 anos falando dunha memoria informática capaz de absorber no seu interior algunhas bibliotecas de pobos non tan pequenos. Tiña presa e non puiden seguir a historia, o que me gustaría, pero non podo menos que lembrar agora con máis tempo aquel retazo que me chegou. ¿Para que querería aquel rapaciño tanta memoria? Era evidente que, ben a tiña, ben pensaba tela en breve nun ordenador ó que podía optar con certa facilidade. O primeiro pensamento é sobre a permeabilidade que ten a xente nova para aprender. Eso, cando lles interesa. E aí, a crudeza con que se presenta un punto clave para o ensino hoxe en día: ter que competir uns coñecementos estructurados perante milenios dun xeito radicional coa tecnoloxía que moitas veces non somos capaces de seguir na súa evolución (xa non digo de usar preparando materiais para tecnoloxía punta) por falta de tempo, cartos e coñecemento. Despois ven outro sobre o avance da técnica cando hai interese de xeito contante e sonante pola súa aplicación práctica. Hai unha lei que di que o precio dun equipo informático redúcese á metade, e a capacidade que corresponde a un equipo tipo duplícase, nun periodo tan breve como seis meses. É algo que se obtén empíricamente, e que non fallo ate o momento polo que parece. Se collemos a evolución mantida dende principios dos oitenta, con aqueles micrordenadores (aínda non pc) ate agora, sobre 1982, unha memoria típica era de 1kb, mentres agora váise a memorias de 8Gb, é dicir, 2 elevado a 23, oito millóns de veces máis que aqueles aparellos. Ben, seguind a "lei" expresada ó pe da letra, tería que ser aínda máis, 2 elevado a 34, pero tamén hai que ter en conta que agora hai cousas que antes non se soñaban ou que a venda dos aparellos actuais multiplica ó daquelas pequenas marabillas de entón, ou que coa velocidade de proceso que tiñan, os actuais ordenadores personais tardarían unhas cantas horas cada vez que os quixéramos arrancar (o certo é que aínda nos aprecen lentos, moi lentos) Véñense á cabeza máis comentarios posibles a partir dunhas sinxelas palabras entre rapaces entusiasmadados cunha tecnoloxía que para moitos de nós é unha marabilla, e para eles nada máis que algo actual. Pero máis chamativo que o xa comentado me pareceu que dous rapaces de pouca idade estiveran a falar de algo que boa parte dos maiores da nosa xeración sinxelamente non usa. Xa non é que comprendan ou non, que saiban o significado ou non, que ... por certo, un Gb, gigabyte, é aproximadamente un millardo (ou mil millóns) de bytes, o que, ó tempo, representan oito unidades de información binaria, é dicir, a información que pode conter oito pares de opcións "1" ou "0". Este artigo, sen o formato no que aparece no periódico, ocupa 4kb, é dicir, caberían uns 250.000 artigos coma este nun só Gb. Pódense facer máis contas e comparacións. Agora, cos ordenadores, é máis doado (se se sabe como)

20120419

Curiosidades políticas a voapluma

Onte, nun momento que escoito a tele:
(referencia na miña mente: España é o 3º país de Europa en desigualdade - isto xa o sabía de antes, non saiu onte)
As enmendas do PP á lei do traballo son citadas por ser presentadas fóra de prazo. Decidirá a mesa do congreso sobre se as acepta ou non.
As enmendas de CiU, resaltando unha: que pide o 10% de distribución de dispoñibilidade horaria para a empresa, en troques do 5% disposto.
O resto non aparecen. O recurso ó Consitucional presentado por un letrado por varios puntos sobre o despido non é detallado en absoluto, pero iso si, dise que non retrasará a aplicación da lei ...
Que televisión era? Pois xa non me lembro, tan revolto está o cariz das novas e os perfís de presentación das mesmas nos medios ...

Hoxe ás 9 da mañá, pleno

Un pleno avisado coa antelación que foi posible, e do que se coñece a orde do día: o apoio á construcción dunha residencia de maiores en Ribadeo.
Un día no que coincide ademáis, a prensa coa unanimidade (casi) dos partidos políticos en torno á convocatoria da manifestación pro residencia, que terá lugar este domingo partindo ás 12 de S. Roque. No que os carteis xa están pegados e as volantas animando a unirse a unha reivindicación non só xusta, senón debida, deben estar repartidas por todos os puntos do concello. No que existe xa algún anel de correos en internet animando a sumarse, ...
Como exemplos de como está a cousa, a nova de hoxe na voz, e a nota do concello.
Segundo as previsións de meteogalicia, as probabilidades de chuvia o domingo serán do 20%, o que significa que choverá algo ó longo do día, pero salvo coincidencia, non debera afectar á manifestación.
E ti, xa decidiches onde te vas colocar para saír de San Roque?
- Última hora: voto unánime no concello dos concelleiros presentes.

20120418

Ondas na entrada da ría de Ribadeo

Estaban avisadas de 7 m. Coido que non chegaron a tanto, pero aínda así, pagaba a pena achegarse á entrada da ría para velas.

A vista comprende varias idas e vidas de vistas á ría, co fondo dende a illa Pancha á Punta da Cruz e logo, máis adentro na ría, as Carrallas co faro instalado alí despois da deriva do barco hai uns anos.

Interviú chega a Ribadeo: da Comarca a Interviú

Xa é unha nova atrasada, aínda que non a vin nos xornais: Interviu esgotouse antonte nos quioscos ribadenses. O motivo, aquí: 'el cura aristócrata y el misterio de las imágenes perdidas'.
A dicir que me ensinaron a revista, cunha muller espida de portada, pasando direitamente ás catro páxinas (máis abondantes en texto e fotos que a versión internet) e comprendín que o culebrón non é que chegara a Ribadeo, senón que foi xerado en Ribadeo por alguén que tan pronto di que está enfermo como quere protagonismo de revista sensacionalista. Entre outras cousas. Na revista, imaxes de santos agochadas nas catro páxinas á beira dunha foto onde amosa a súa posición económica para dicir que non lle fan falla as imaxes, ou a mesma foto da entrega das imaxes e demáis en Mondoñedo, nunha revista na que a liña é sexo, cartos, glamour, comidillas de artistas e famosos, ... e polo que se ve, o tema entra na liña tanto da publicación como do implicado. Mentras, o pobo é tratado dun xeito moi diferente a como o fai na Comarca. Da Comarca a Interviú. Polo momento.
* coido que é convinte ler algún dos artigos publicados ó respecto por aquí, abondo máis serios que a nova. Como por exemplo, iste.

20120417

a nosa saúde: fáigome eco

Fáigome eco dunha entrada, que copio abaixo literalmente, do blog Facendo Camiño:

O pasado 22 de setembro do 2011 o Presidente da UE asinaba o Reglamento de Execución nº 942/2011 polo que se establece a non aprovación da substancia activa Flufenoxurón, de conformidade co Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios.
A denegación desa aprovación débese a que as avaliaciones realizadas polos científicos revelaron un alto potencial de bioacumulación, un elevado risco para os organismos acuáticos, e non puideron desbotar a súa perigosidade para a saúde.
O parágrafo nº 7 do devandito regulamento di “Durante a evaluación da substancia activa detectáronse problemas. En particular, os que figuran a continuación. Non se puido finalizar a evaluación do risco para os consumidores porque a exposición dos consumidores no puido avaliarse dun xeito fiable, en particular no que respecta á magnitude e á relevancia toxicolóxica de diversos metabolitos. Ademais, o flufenoxurón ten un alto potencial de bioacumulación na cadea alimentaria. Pola outra banda, detectouse un elevado risco para os organismos acuáticos. ”
Consecuentemente, o Regulamento dispón no seu artigo 2 “Os Estados membros velarán porque as autorizacións de produtos fitosanitarios que contengan flufenoxurón sexan retiradas a máis tardar o 31 de decembro de 2011.”
Poren, é certo que no seu artigo 3 o mesmo regulamento dispón que “Todo período de graza concedido polos Estados membros de conformidade co disposto no artigo 46 do Regulamento (CE) no 1107/2009 será o máis breve posible e expirará, ó máis tardar, o 31 de decembro de 2012.” É dicir, a propia UE recomenda retiralo canto antes, pero abre a porta a prolongar por un ano o emprego do produto, para darlle saída ao que teñamos almacenado.
Curioso porque se imos velo devandito artigo 46 do regulamento nº 1107/2009 di o seguinte:
“Cando un Estado membro retire ou modifique unha autorización ou non a renove, poderá conceder un período de graza para a eliminación, almaceamiento, comercialización e utilización das existencias. Cando as razóns da retirada, modificación ou non renovación da autorización non estéan relacionadas coa proteción da saúde humana ou animal ou do medio ambiente, o período de graza estará limitado e non superará seis meses para a venda e a distribución e un ano adicional como máximo para a eliminación, almaceaxe e uso das existencias dispoñibles dos produtos fitosanitarios afectados. ”
Como pode observarse o que di este artigo é que da un ano se non hai risco para o medio ambiente on para a saúde das persoas, pero non din nada do prazo se SI hai risco para as persoas ou o medio ambiente. Dada esa omisión, a lóxica fai pensar que nese caso non debe haber prazo que valga: non se pode envelenar á xente e o medio para aproveitar os restos que temos no almacén.
Pois ben, estes días enterámonos por vías indiretas e por indiscrecións dalgúns políticos que “alguén” está a financiar en diferentes concellos de Galicia a aplicación, pola técnica da pulverización aérea, dun insecticida a base de Flufenoxuron, sobre os montes e do noso rural.
A cousa é moi grave, porque a maiores de ser un produto prohibido na UE, a aplicación de fitosanitarios mediante pulverización aérea, para a que algúns estudos estiman que máis dun 30% do aplicado se deposita fóra dos montes, ten sido relacionada con enfermidades graves dos veciños como a sensibilidade química múltiple. De feito, a Directiva 2009/128/CE establece no seu artigo 9 a prohibición da pulverización aérea dos fitosanitarios. Esta Directiva tiña que ser trasposta á nosa lexislación ao más tardar o 14 de decembro do 2011, pero aínda non se fixo.
O que sabemos polo momento é que a alcaldesa de Melide ditou un bando chamando aos veciños a apuntarse para fumigar de xeito gratuíto os seus montes, e que unha empresa de Valladolid fai o mesmo no noso concello chamando ás Comunidades de Montes ofertándolles fumigacións gratuíta.
¿Fumigación ilegal cun produto ilegal, para aproveitar os saldos da fin da tempada?¿E ese o valor da nosa saúde? ¿Quén paga isto e por qué non o dí? ¿Sabe que é perigoso e ilegal? ¿Por qué non comunican os riscos aos veciños? ¿Van poñer anuncios avisando ou poden sulfatarnos cando vaiamos pasear polo monte? ¿Sábeo oa Consellería de Medio Rural? ¿Está a investigalo?
Moitas preguntas sen resposta, esperemos que políticos e periodistas estean a face-lo seu traballo, descubran aos implicados e traballen para erradicar definitivamente estes tratamentos.