20110312

Queima do antroido pasada por auga


Minutos antes do que tería que ser a quema do antroido, deixa de chover. O antroido está empapado. En lembranza, unha foto desta mañá, co boneco máis ou menos seco no campo á beira da estación de autobuses.
Queimarase hoxe?

20110311

Nota de prensa

Esta mañá enviei a seguinte nota de prensa a conto da aseveración do candidato socialista á alcaldía, de diversas cuestións que non son verdadeiras como base para dúas propostas, a retirada do pago mensual que o concello me aboa por sentenza xudicial e a imposición dunha taxa por medicións sonométricas en caso de que o resultado sexa 'negativo':
"Unha resposta sen ruído
En relación á nota de prensa e declaracións do candidato á alcaldía de Ribadeo polo PSOE polo tema do ruído, son un veciño estrañado de que un candidato use datos falsos en troques dun programa. Mais, non é raro que ocorra deste xeito ó afrontar un problema que se xestou durante o seu mandato e que non soubo afrontar no seu momento.
En canto á proposta dunha taxa de medición de ruído co sonómetro, a pesar das apariencias segue a lóxica de encarecer e entorpecer o acceso á xustiza para evitar casos, o que non parece moi xusto e equitativo. Se ben teño que dicir que a min non me afecta porque sempre as medicións sobrepasaron longamente os niveis permitidos, aínda que non servira para solucionar o problema. De calquera xeito, moito máis urxente sería unha taxa que os políticos tiveran que aboar se non demostran os feitos que aseguran, o que evitaría declaracións como as realizadas (salvo disposición abondante de cartos).
Quedo a disposición do candidato para as aclaracións que necesite.
"
É moi posible que o asunto traia cola. En tal caso, un comentario máis amplo e as aclaracións pertinentes virán despois.
De calquera xeito e para comparación, deixo a ligazón á nota de prensa do PSOE na COPE e a ligazón no mesmo medio á nova sobre a nota de prensa que expoño máis arriba, (sen ligar coas declaracións orais do alcaldable no mesmo medio, que tamén as houbo, incidindo no tema de datos que apunto)

A xenia do fútbol e a arte de Fabio

Onte, a entrega dos premios ós audiovisuais feitos nos colexios, 'cine nas aulas', para promoción da igualdade deu unha agradable sorpresa cunha curta de calidade. 'A xenia do fútbol e a arte de Fabio' presenta unha historia elaborada a partires dun guión sinxelo pero novidoso. Coido que contar máis sería estragar parte do encanto dunha obra curta na que afeccionados, moitos noveles, fan unha agradable interpretación da realidade.
É previsible, que, a parte de posibles proxeccións, a obra esteña máis ben pronto que tarde a disposición para a súa visualización en internet

20110310

Participando (e IV)

'Todas as enfermidades da democracia poden curarse con máis democracia' (Alfred E. Smith, foi Gobernador de Nova York)
Despois dunha introducción 'histórica' e unha pequena análise ó Regulamento Orgánico de Participación Cidadá de Ribadeo aprobado no pleno de xaneiro de xeito inicial, queda o remate da serie: as disposicións ó final do texto e un comentario.
En canto ás disposicións finais, a que leva o nome de disposición adicional reflexa a subordinación do regulamento a diversas leis (se ben dun xeito sui generis: supón que só no non previsto, e non como subordinación total que é a realidade). Por orde de datas de promulgación, estas leis serían:
Lei 92/1960, do 22 de decembro, reguladora do dereito de petición
Lei 2/1980, do 18 de xaneiro, reguladora das distintas modalidades de referendo
Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local
Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, do 28 de novembro de 1986
Lei 30/1992, de 26 de novembro do réximen xuridico das administracións públicas e procedemento administrativo común
Lei 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia. Estas dúas derradeiras serían as que farían desfasada a versión anterior do regulamento aprobada de xeito inicial con anterioridade a elas, e nunca aplicada.
A disposición transitoria xa foi comentada con anterioridade. Textualmente di: ”No referente ao procedemento para a designación dos representantes veciñais, previsto no art. 20, estarase ó que, previa consulta coas entidades representativas do movemento veciñal e a xunta de voceiros, se dispoña por resolución da Alcaldía.” Queda con elo un dos puntos claves da representación, a propia elección de representantes, sen resolver.
Co anterior, e visto en conxunto, o regulamento parece fortemente escorado cara a unha representatividade mediada, en particular, por entidades relacionadas coas empresas, en detrimento da representación das persoas, e controlada dende unha posición dominante, polos partidos. Copio o artigo 23.1 da Constitución Española (que se pode consultar por exemplo en http://www.congreso.es/constitucion/ficheros/c78/cons_gall.pdf): “Artigo 23
.1. Os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos en
eleccións periódicas por sufraxio universal.
” É dicir, a participación pode facerse por medio directo se así se desexa, ou pode delegarse. A delegación é o xeito usado, pero a participación directa está sendo menoscabada.
Fronte á proposta deste regulamento, no seu momento presentouse por parte da Mesa de Asociacións unha variación do mesmo, coa pretensión de botar a andar na participación en Ribadeo cun un mínimo que fixera que o déficit de democracia non fora alarmante. Estimouse que non era ideal, senón unha situación de compromiso tentando acadar uns mínimos. Mesmo se comentou que a proposta (que se pode consultar en http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Accións+diversas) non era moito menos farragosa que a aprobada inicialmente. Non obstante, e por propia consistencia, foi presentada de novo como alegación pola AVV O Tesón, a modo de enmenda á totalidade e tentando non apartarse do 'menos malo'.
Chegados a este punto, enfrontámonos a varias posibilidades. Está a 'solución dos 90', pola que quedaría sen entrar en vigor e relegada a participación cidadá a unha solución 'sine die', por non ser votadas as alegacións. Estaría outra posibilidade, de aprobar o regulamento de xaneiro de 2011 aceptando algunha alegación, que sería máis ou menos boa ou mala segundo as reformas aprobadas. E por último, a que estimo ideal en forma, pero con diferenza a máis alonxada en probabilidades: a de recomezar a bo paso para construír un regulamento de participación aplicando xa un embrión desa participación. Algo que por certo, e como queda dito nunha entrega anterior, parecía que ía ser a opción elixida esta vez.

20110308

Rematou o antroido. Ou debera ter rematado: Manifesto para o 15 de maio

'Manifesto para o 15 de maio', collido do blog 'tercera ola' e traducido ó galego. É un alegato para manifestarse antes das eleccións municipais. Pode parecer mesmo algo máis dunha charanga. Pero non o é.

"
Somos persoas normais e correntes. Somos coma ti: xente que se levanta polas mañás para estudar, para traballar ou para buscar traballo, xente que ten familia e amigos. Xente que traballa duro todos os días para vivir e dar un futuro mellor aos que nos rodean.
Uns considerámonos máis progresistas, outros máis conservadores. Uns crentes, outro non. Uns temos ideoloxías ben definidas, outros nos consideramos apolíticos… Pero todos estamos preocupados e indignados polo panorama político, económico e social que vemos ao noso ao redor. Pola corrupción dos políticos, empresarios, banqueiros… Pola indefensión do cidadán do montón.
Esta situación fainos dano a todos diariamente. Pero se todos unímonos, podemos cambiala. É hora de porse en movemento, hora de construír entre todos unha sociedade mellor. Por iso sostemos firmemente o seguinte:
- As prioridades de toda sociedade avanzada han de ser a igualdade, o progreso, a solidariedade, o libre acceso á cultura, a sustentabilidade ecolóxica e o desenvolvemento, o benestar e a felicidade das persoas.
- Existen uns dereitos básicos que deberían estar cubertos nestas sociedades: dereito á vivenda, ao traballo, á cultura, á saúde, á educación, á participación política, ao libre desenvolvemento persoal, e dereito ao consumo dos bens necesarios para unha vida sa e feliz.
- O actual funcionamento do noso sistema económico e gobernamental non atende a estas prioridades e é un obstáculo para o progreso da humanidade.
- A democracia parte do pobo (demos=poboo; cracia=goberno) así que o goberno debe ser do pobo. Con todo, neste país a maior parte da clase política nin sequera non escoita. As súas funcións deberían ser a de levar a nosa voz ás institucións, facilitando a participación política cidadá mediante canles directas e procurando o maior beneficio para o groso da sociedade, non a de enriquecerse e medrar á nosa costa, atendendo tan só aos ditados dos grandes poderes económicos e aferrándose ao poder a través dunha ditadura partitocrática encabezada polas inamovibles siglas do PPSOE.
- A ansia e acumulación de poder nuns poucos xera desigualdade, crispación e inxustiza, o cal conduce á violencia, que rexeitamos. O obsoleto e antinatural modelo económico vixente bloquea a maquinaria social nunha espiral que se consome a si mesma enriquecendo a uns poucos e sumindo na pobreza e a escaseza ao resto. Até o colapso.
- A vontade e fin do sistema é a acumulación de diñeiro, primándoa por encima da eficacia e o benestar da sociedade. Malgastando recursos, destruíndo o planeta, xerando desemprego e consumidores infelices.
- Os cidadáns formamos parte da engrenaxe dunha máquina destinada a enriquecer a unha minoría que non sabe nin das nosas necesidades. Somos anónimos, pero sen nós nada disto existiría, pois nós movemos o mundo.
- Se como sociedade aprendemos a non fiar o noso futuro a unha abstracta rendibilidade económica que nunca redunda en beneficio da maioría, poderemos eliminar os abusos e carencias que todos sufrimos.
- É necesaria unha Revolución Ética. Puxemos o diñeiro por encima do Ser Humano e temos que polo ao noso servizo. Somos persoas, non produtos do mercado. Non son só o que compro, por que o compro e a quen llo compro.
Por todo o anterior, estou indignado.
Creo que podo cambialo.
Creo que podo axudar.
Sei que unidos podemos.
Sal connosco. É o teu dereito."

O disfraz da torre dos moreno

... este ano decidiu disfrazarse ...

8 de marzo

    Tradicionalmente dende hai tempo o día de hoxe está dicado á muller. Segundo a fonte consultada, a denominación do día inclúe o termo 'traballadora' e/ou 'internacional'.
    Por cousas do calendario de celebracións relixiosas, no día de hoxe tamén coincide este ano o martes de antroido.
    O anterior non implica nada en boa parte do mundo. Pero si por estes lares. Hai xa cousa dun par de semanas que polas rías baixas houbo un rifirrafe a conta de ser incluído como de antroido un acto do día da muller. E é que más dun /unha pretenderá tomar a coincidencia de data ó pé da letra e tomar a antroidada o apoio á muller. En Ribadeo, un acto de entrega que estaba previsto para hoxe foi cambiado para xoves (ver e ampliar imaxe tomada dunha lista de distribución)
    Podería discutirse sobre o traslado, ou sobre a preeminencia dunha festa a mercede do calendario, pero de raigame secuar, sobre unha celebración a día fixo pero que aínda non calou como para conseguir uns obxectivos, entre outras cousas.     O caso é que a muller quedou desprazada polo antroido. Estamos no antroido, e ... non no día da muller?

20110307

Sobre o apuntalamento do Torre dos Moreno

Últimamente sucédense as novas sobre a Torre. En particular, en relación ós cambios de man da propiedade, da que se espera que en breve quede en só dúas mans, Paisajes de Asturias e o Concello de Ribadeo, e o apuntalamento. Coido que ir ó anuncio oficial do apuntalamento pode deparar algunha sorpresa. Quedan colgadas en Publicado en Ribadeo as páxinas correspondentes do BOP de 23 de febreiro nas que se da conta de dúas cousas no mesmo boletín: o anuncio da resolución de execución e o anuncio de adxudicación, con orzamentos ben diferentes.
Algunhas das últimas novas no blog sobre a Torre:
Máis do apuntalamento
Apuntalamento
Venda dun 10 %
Venda do 50 %
Anuncio do apuntalamento
Algún dato