20090817

Sobre a ría de Ribadeo



Mentras seguen adiante os portos deportivos das Figueiras e Castropol, mentras a nova nave do porto da Veiga (industria de barcos deportivos en fibra, no concello de Castropol) xa está a funcionar, parece que na "Comarcadel Eo" volta a polémica sobre o nome da ría. Coido que xa se dixo abondo, pero non quita para que colgue dous artigos desta fin de semana sobre o tema. O terceiro, que parece terá unha segunda parte, colgareino máis adiante.

20090815

'Mentras os políticos de antes...'

En relación cos movementos cidadáns, os blog, os xeitos de activismo, ... unha entrada que serve como de pequena introducción á participación cidadá, máis aló das leis que a encauzan ou pretenden facelo (... mesmo cando non existan ou non se apliquen)

303

303€/ano. Moito? Non llo parece á SGAE, que quere recaudar máis, pois isa é a cifra media que recada a 'honorable sociedade' por familia con ordenador en España. A parte están cousas como o pago do concello de Ribadeo, rendido ás esixencias de convenio coa sociedade (non é a única que existe, pero é a que máis recauda con diferencia, e pretende liderar, cando non ser a única, o movemento para exprimir as ubres do consumidor) e que, segundo o propio alcalde hai poucos meses, aínda non sabe cánto pagará este ano.

De novo, Ribadeo 'pallá'

A ría de Ribambo en Google segue sen variar. Que saíra o tema ata na tele e se lograra unha ampla profusión de citas , dende ribadeando ata http://www.surfr.it/2007/07/12/foto-e-notizie-fondamentali-sulla-gallizia/lang-pref/en/ (onde, en italiano, pónse "unita ad ovest con l'Asturias dal fiume Rio de Ribambo, sfuma lentamente a sudovest nelle Rías Baixas") ou http://www.club406.es/foro/viewtopic.php?f=25&t=544 (onde aparece "Lugar: rio de ribambo Ría que separa Lugo y asturias") non fixo variar polo momento a denominación. Agora 'yo escribo' deixa un comentario en 'As bicis son para o verán' referindo unha nova tropelía xeográfica con Ribadeo, do estilo das que ten denunciado múltiples veces Gilberto Suárez na Comarca, pero dista, na tele. A vela: http://www.youtube.com/watch?v=r8NJZZbLpVk O resultado: Ribadeo está en Asturias.

As bicis son para o verán


Parece que as bicis municipais se van poñendo pouco a pouco en movemento. Séguenme faltando bicis e datos (teño a palabra de que me farán chegar algúns despois do verán), pero o feito de atopar as bicis en turismo vai animando ó seu uso, así como o díptico que adxunto en fotos (a parte escrita tamén a hai en castelán e en inglés). E os prezos non son caros (gardando as diferencias de tipo de aluguer, cousa da terceira parte que en Amsterdam)

20090814

Cancro


Adxunto a lista de premios do sorteo a Asociación Española Contra o Cancro, realizados o pasado día 7 en Ribadeo. Premios que se poden ver na antiga Casa Maseda, R/ Villafranca del Bierzo nº2

Tamén plan E nas lámpadas


Esta mañán fun a recoller un 'agasallo': a lámpada de baixo consumo 'plan E'. Resulta que o goberno 'agasalla' con lámpadas de baixo consumo á poboación que ten contratada electricidade. Boa cousa, verdade? Non estaría eu tan seguro ata ver os números, o custe desta promoción. Porque xunto coa factura de luz ven un papeliño para que se recolla a lámpada en Correos. E hai que ir recollela. E as lámpadas, ... apostaría a que as pagamos cos impostos! :-)
Ben, como non teño datos abondos, grazas ó goberno por este agasallo para conminarnos a cambiar o máis rápido posible a lámpadas de baixo consumo.
Pasando a otro tema (outra parte do mesmo tema) a parte da propaganda da lámpada, que a trae calquera de baixo consumo anunciando as súas bondades, non atopo un forte incentivo ó cambio con ista medida. O consumidor que non saiba máis atopará que o encendido é máis lento, e que as compoñentes da luz emitida cambian nese proceso, despistando un pouco. E logo, na factura non aparecerá o aforro dunha soa lámpada nunha casa... co que de pronto quedará como unha curiosidade máis, máis que como un estímulo ó cambio.
Pero, fíxome no envoltorio da lámpada, e vexo que un logo relativamente grande indica que se atén ás normas da C(omunidade) E(uropea), unha entidade que alomenos en parte xa está 'substituída' pola U(nión) E(uropea), mantendo unha confusión política considerable. Vése tamén o simboliño do cartón reciclabe da embalaxe, e, tamén, un 'Made in P.R.C.', é dicir, feito en China, na República Popular. Co que, ó final, a parte que debera ser maioritaria do gasto deste impulso do 'consumo responsable', é irresponsablemente traspasada á República Popular China e plena recesión e perda de empregos. Consólame ter conciencia de que é moi probable que dos cartos da promoción, na realidade sexa só unha pequena porcentaxe a que vai para á China. Aínda así, non temos fábricas de lámpadas de baixo consumo por aquí? Por certo, o recicle ise do cartón inclúe o seu envío previo á R.P.C.?
E si, a embalaxe tamén ten un apartado no que se proyecta ben a imaxe do IDAE (Instituto para a diversificación e aforro da enerxía), do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do Goberno de España, correspondente cos 1 300€/cartel das obras do 'plan E'.
... aínda non acendín a lámpada ...

Fin de obras: rematando obras en Ribadeo


Mentras outro ano máis as medusas na praia comezan a dar inquedanzas, Ribadeo comeza a ser algo máis normal. Normal dentro do atosigamento veraniego, pero con obras que pouco a pouco van quedando rematadas, unhas máis rápido, outras, menos. así, mentras que a Avda. de Luarca leva xa perto de dous meses en obras e a praza do mercado quedou remozada en dúas semanas, sen impedir o mercado dos mércores, hoxe xa se podía transitar pola rúa de Cantalarrana entrando por Paco Lanza (engadindo ó tránsito o pequeno tramo negro do mapa). E, tras a queixa esta mesma semana dun político local, xa se estaba amañando hoxe o furado baixo unha lamela de ferro antiestética e ruidosa (a parte de potencialmente perigosa) no entronque de Calvo Sotelo coa costa de Juanita (punto negro no outro mapa)

Diste xeito, cando veña o outono, e remate o plan E, Ribadeo estará algo mellor que antes, sen grandes carteis anunciadores e obras feitas (aínda que o rendemento da inversión en algunhas, cartel aparte, poidera ser mellorable)