20080922

Será noticia



Xa foi noticia, pero parece que será. O terceiro atentado de ETA en 24 horas parece que tenta desviar a atención dende a economía á morte. Estráname que non saíra xa algún comentario nese sentido.
En Ribadeo, será noticia a obra que parece que esta semana pode tomar corpo do ascensor da Atalaia, que corresponde coas fotos á beira co resultado das primeiras intervencións na zona. Por certo, visitala en domingo levoume a ver o resultado da falta de limpeza con botellas esparramadas por calquera sitio ou ter que mirar onde se pisaba para evitar o que lle pasou a unha parella de turistas: finalizar cos pés con cagada de can incluída. O complemento de que algún local de copas pechara o sábado xusto antes das oito da mañá.

Despois do teatro



Rematou a Mostra de teatro Daniel Cortezón coa agrupación teatral da ONCE - Galicia "Valacar", con "Enderezo descoñecido", de Kathrine Kressmann Taylor, a que é considerada a súa mellor obra.
Á beira, dúas imaxes, unha de Tres sombreiros de copa, e a segunda de Enderezo descoñecido, obra consistente en recitación dun intercambio epistolar entre un xudeu e un alemán. A asistencia ás obras, escasa na última, máis nutrida na terceira do ciclo,pero de calquera xeito, escasa.

20080921

Guerra e paz

Na foto, a Travesía da Paz en Ribadeo, por detrás do cine da praza de Abaixo. Travesía, como a paz: algo transitorio. E coidada... como a paz. Ó igual que o título da obra 'guerra e paz' de Tolstoi, o día de hoxe, día da paz, foi precedido pola guerra, neste caso dúas bombas etarras en Euscadi. A pesares da distancia aparente, non podo deixar de xuntar este feito coas verbas de Federico Mayor Zaragoza que oín esta mesma mañá (a cita é só aproximada, non literal): substituír a ética pola economía é un grande erro. Quizáis esteña influenciado pola nova de onte de que os programas universitarios que seguen Bolonia téñense deseñado para que os alumnos traballen 40h á semana, nunha nova volta de tuerca de considerar ós alumnos como 'clientes' (versión economicista, cómputo horario) e non como persoas (educación e formación). O caso é que a substitución de moitos aspectos por outros de tipo económico fai derivar as relacións dentro da sociedade, enrarecéndoas e presentando en realidade outra nova sociedade máis deshumanizada ó ser rexida por outros principios. Voltando ó comezo, ten que ver a economía co de ETA? Digo eu, íase manter actuando como o fai sen financiación? Que a consiguan con ou sen extorsión é importante, pero é matiz. Que a zona de actuación corresponda coa da aplicación da facenda foral, ó mellor xa está algo máis relacionado. O tema realmente é expiñoso, e non se pode disculpar por criterios económicos e menos, éticos, a actuación de ETA, pero teño claro que o conflicto terorista quedou hai tempo reducido ó aspecto guerra e danos, ocultando así a análise social e unha visión máis profunda do problema, as súas causas e a posibilidade de solución. Cambiemos de tema, achegándonos a Ribadeo. Saíndose pola tanxente ó mellor se pode endereitar a conversa, e por exemplo, rir. Onte por fin puiden pasarme pola mostra de teatro Daniel Cortezón; o Grupo de teatro 'San Tirso del Eo' de San Tirso de Abres representou 'Tres sombreros de copa', de Miguel Mihura, e sinxelamente, divertiu. Unha cita do díptico (traducida): 'rir é necesario. Nestes tempos o deixar de rir é unha dieta que non podemos permitirnos' Outras cousas. Hoxe remata a feira da horta (9ª edición), da que non puiden dicir nada antes, entregando premios gastronomicos... outra volta o parque foi ocupado pola carpa, mesmo despois da pequena reforma sufrida, que incluíu as beiras. Como quedará a cousa despois, veremos.

20080919

30000 €

Antes de cargar no blog de notas de prensa sobre o concello de Ribadeo as últimas que me pasaron, fíxome en dúas novas, http://www.elcomerciodigital.com/oviedo/20080917/oviedo/venga-ramoncin-20080917.html, e http://octubre.cat/activ_fitxa.php?id_activitat=633, e lémbrome dos 30000€ que acordou pagar o concello á SGAE hai poucos plenos... como comezo dos seus pagos 'per saecula saeculorum'.

20080918

Renovando

    Deixarei tempo máis adiante para ler os periódicos de hoxe. As declaracións consecuentes respecto a ter evitado a nave en Mirasol son para reler así, con máis calma e perspectiva. A Voz e o Progreso dan abondo de si. Dende a xente que pasa páxina á que parece actuar como se non tivera pasado nada. Dende actores a comentaristas. E mentras, o tema xa pasou... por eso, gardemos un pouco espazo para máis adiante, porqeu vai dar máis de si. Mentras, outros temas xa teñen un sitio na prensa. Irán facendo cola para cando teña tempo.

20080917

Unha victoria: comentario de pasada

    A salto de mata estes días, entérome de que sae na prensa que portos comezará a dar marcha atrás (máis ben, cortará) o proceso administrativo correspondente á nave de Mirasol. 
    Non me engano: é unha victoria, pero non 'a victoria', pois está aínda lonxe a existencia dun plan de ordenación da ría que permita un mantemento cara ó futuro e un aproveitamento económico acorde da mesma. 
    Tampouco me engano sobre a importancia que tiveron as organizacións veciñais, os veciños, na resolución con este resultado: coido que máis ben pouco, pero determinante. Contradictorio? Non. A importancia foi pequena e non foi un factor definitivo pola forza feita. Non embargantes, foi absolutamente necesario para que a xente que realmente interviu de xeito decisivo no proceso revisara outras vías e decidira unha variación. Variación que aínda non sei moi ben en que rematará consistindo, xa que os cartos destinados polo momento á opción Xixón non cubren nin moito menos o previsto en dita opción. Pero iso non debe facernos crer que as persoas - votantes de Ribadeo e aledaños tivemos un papel clave (abonda con mirar un pouco o desenvolvemento do tema por exemplo na prensa). O que si, debe quedar un pouco a modo de caso de estudo para ver como actuar no futuro para, aínda con poucas forzas, poder influír en decisións que si nos atinxen. E, de momento, victoria parcial.

20080916

Abellas



Mentras se seguen a suceder novas diversas, como a repetición da cesión do colexio por parte do bispado para albergue de peregríns, ou saltan alarmas por acoso en Alimerka, dáse nova de que mañá comeza a selectividade, que xa non pasa o Talgo por Lugo ou se vai esquecendo a actuación de alcalde e banda de música o domingo nos Remedios, planean outras cousas sobre Ribadeo que aprensa interpreta como foráneas, externas. Aquí, por exemplo, parece que imos algo retrasados na crise económico-financiera mundial, que día a día, vai sorprendendo con máis profundidade. É evidente que aquí non están as sés centrais de ningún banco para pensar en que poideran quebrar (e mesmo en xeral os bancos españois, co aumento de ganancias declarado ano tras ano dende hai moitos, parece que poden resistir mellor que outros, ó contario dos cidadáns españois en moitos casos perdendo poder adquisitivo dende hai anos despois dun punto de partida inferior ó dos nosos veciños europeos). Pero tamén é evidente que cando os fortes sufren, que se vaian preparando os débiles, que lles tocará sufrir máis.
E nesas están os emigrantes. Onte, nunha nnova de prensa, un político queixábase de que houbera 120000 emigrantes cobrando o paro mentras 20000 españois ían vendimiar a Francia. Coido que as cifras están lixeiramente retocadas, pero a cuestión non é esa: no pagaron antes eses emigrantes? Porque se non tiveran pagado, supoño que non cobrarían agora. Logo o dito, pensado para sacar tallada política da xenofobia, está dirixido á rotura dun contrato entre a sociedade e persoas concretas. A parte de que os extranxeiros, por diversos motivos, podan caer mal ou ben, como calquera outro veciño (algo do que podemos falar outro día), coido que hai cousas que son de xustiza. Entre outras cousas porque se se permite a rotura do contrato social cos emigrantes, nada garante que a continuación non caerá a rotura dese contrato a outras capas de 'autóctonos', algo que xa se está intentando por varios camiños, dende a reducción de dereitos ata a de servicios, pasando pola erda de poder adquisitivo.
O dos emigrantes lémbrame algúns ditos para comentar de xeito máis amplo. Hoxe, só un, atribuído a Einstein, que di que se as abellas desapareceran hoxe a humanidade extiguiríase en catro anos. A razón sería que quedarían moitos tipos de plantas sen polinizar e morreriamos de fame trans consumir as reservas en xeito de vexetais ou animais mortos. Ben, eu coido que non sería a desaparición da humanidade, pero si da civilización, porque quedaría abondo menos xente e voltariamos, despois dun periodo de caos, á prehistoria. Cos emigrantes coido que pasaría algo parello. Hoxe por hoxe son preto do 10% da poboación de España, e en forza laboral andan polo 13%. se desapereceran de repente, significaría mermar un 13% a economía, cunha contracción que non lembro que se produxera en ningún sitio desenvolto dun día para outro, poñamos dun ano para outro, co impacto desintegrador que iso tería. E os dous parágrafos, este e o anterior, tomando ós emigrantes só como traballadores, e non como persoas.
Mentras, as grandes e novas noticias enmascaran outras pode que máis pequenas, pero máis achegadas, como a renovación do perigo das piscifactorías ou que portos siga adiante co tema da nave...
As fotos, un barco cargando en Mirasol a semana pasada e, o mesmo día, unha vista de Castropol ó atardecer.

20080915

Edificante?

Non, non me estou a referir á ofrenda ós Remedios do noso alcalde do BNG, nin a reclamación de máis infrastructuras xunto co obispado nun acto no que planeaba tamén a cesión do antigo edificio do colexio das monxas na r/Trinidad para albergue, nin tampouco a cousas máis lonxanas como o uso de fondos públicos para cousas privadas (segundo e como)na actual crise financieira (bo, en xeral, económica) mundial.
Estoume a referir a unha nova que escoite pola radio este fin de semana. Un pequeno coro de voces infantís alegres pediu de cara ó micro, 'queremos noches blancas todos los días del año'. Un locutor remataba de dicir que fora a noite branca de Madrid, un montón de actos culturais para impulsar a pasar a xente toda a noite en branco, especificando ademáis que moitos maiores foran acompañados por picariños, o que deu lugar á intervención do 'coro'. Coido que a hora de irese á cama dos pícaros, dende a existencia de luz artificial nas casas, foi sempre un pequeno problema. Problema que sempre se resolveu a favor do ciclo circadiano que temos os humanos. agora xa non. Polo que parece, o que toca é habituar ós pequenos a facer vida nouturna, para que logo podan berrar ás tantas da noite ou poucas alternativas máis teñan que atiborrarse de alcohol. Poderán aproveitar e disfrutar moito da 'cultura', poñamos, ás tres de mañá? Dubido que sexa outra cousa que usar cartos públicos para perxudicar as costumes privadas.