20080830

Confusións


Á espera de recibir as próximas notas de prensa do concello, miro a prensa con certo escepticismo. O primeiro co que me atopo é a nova de que a xente que non recolla os excrementos dos seus cans será multada. Se non lembro mal, coido que non é á primeira (e pode que nin a segunda) vez que se di o mesmo. Acompañando a nova, aparece -de novo- o rogo de botar o lixo en bolsas cerradas, e un lembra aquelo que escribiu respecto a outra cousa: 'Cando a lei non se cumpre' (publicado na Mariña o 14 de novembro de 1996). Por certo, atópome con que está unha referencia na rede, pero non atopo o propio artigo, que xuraría que coloquei; terei que voltar facelo.
A outra confusión ofrécea o plan acuícola da Xunta. Resulta que permiten dúas piscifactorías no termo municipal de Ribadeo, que corresponderían á solicitada por Pescanova no seu momento á beira do Castro das Grobas-Punta do Corvo, duns 250000m2, e outro o correspondente a Foxo Longo (Meirengos, pero dito Rinlo, de 240000m2), que correspondería á que deixou a lágoa Cascos, e que agora tería que retirarse. Pois ben, a prensa volta falar de 80 postos de traballo para a factoría de Pescanova, cando na de Acuinor (Cascos) falábase xa por parte da empresa de abondos menos. O caso é que anos despois de comezado o tema, a Xunta, coa oposición aireada do BNG, da para adiante ó plan, e permite as dúas... con cortapisas, pois non se poderá invadir a zona de rede natura (o que o faría inviable de por si, pero minorizando a rede....) co que Acuinor tería que retranquear e segundo o que di o representante da empresa, tería que facelo 400m, apartándose da costa en terreos que neste momento non ten, encarecendo o proxecto,... co que prefire pedir indemnización á Xunta a seguir adiante. Se mal non lembro, a situación é case exactamente a contraria que a que tiña ó principio, cando se lle facilitou pola Xunta a posta en marcha e a adquisición de terreos.
A foto, outra pequena confusión nunha paraxe bonita: a entrada á via de servizo do porto de Mirasol, con dous carteis chantados no medio, un dunha entidade oficial e outro dunha empresa privada, ós que non vexo sentido alí. Se se quitan os carteis, seguirá a ser bonita.

20080829

Escapes

A prensa ás veces non trae nas súas novas determinadas cousas. Está comprobado e dito por moitos estudosos do tema, a parte de ser evidente en pequenas comunidades como Ribadeo, que os medios de comunicación tan pronto magnifican determinadas actividades ou sucesos como minimizan ou sinxelamente ningunean outros aínda máis importantes. Onte entereime na rúa que o mércores 27 tivera lugar a primeira voda gai en Ribadeo. Non é para tirar foguetes, pero as primeiras veces soen considerarse novas. Asemade, segundo parece o mesmo día, na rúa Ramón González houbo un cheire a gas que chegou a preocupar a algún veciño. Posiblemente unha limpeza dun depósito ou cousa polo estilo que non chegou a máis. Onte tamén, a última hora, apareceu a auga clorada. Cousas equivalentes, outras veces foron tema de prensa, pero polo que sexa (por exemplo, por falta de coñecemento do suceso), esta volta non se viron na prensa.
O que si se viu foi a nova do pleno reproducida en tódolos medios. Cando me chegou (tarde) o comunicado de prensa do concello, púxeno no blog correspondente, que non ten opinións, senón só comunicados, e tentei facerme unha idea entre os medios de comunicación e algún comentario. Foi entón cando me decatei da semellanza do que se podía por exemplo ler nos xornais e a nota de prensa 'en bruto' do concello.
É evidente que a cantiade de literatura que se produce a diaro sobre Ribadeo nos medios leva (alomenos debera levar) moito tempo escribila, e as plantillas dos medios de comunicación están en chasis por diminución de persoal conectada co aumento de rendibilidade económica. Co que a proliferación de blogs (ver o lateral) e unha auténtica ameaza para a prensa en canto Ribadeo esteña conectado, é dicir, en cantgo se considere internet de uso e non só de disfrute (é dicir, se pase de maioría de aplicacións para xogos, chat e descargas a procura de información, formación e utilidade xeral).
Mentras, de calquera xeito, sempre se pode ler entre liñas a prensa para tentar chegar un pouco máis aló na noticia, tentar sacar consecuencias de que as campañas antitabaco sexan rendibles (nova de onte da prensa, que viña a dicir que por cada euro usado en prevención a sociedade aforraba 50) ou as multas de tráfico un aspecto recaudatorio máis do estado (nova desta semana, 1 euro de inversión en prevención por cada 10 euros recaudados) ... Por certo, tamén pode chamar a atención os diferentes razoamentos tio usados en diferentes noticias segundo as fontes: na nova da rendibilidade da campaña de tabaco, se non fora pola victoria neste caso da sensibilidade médico-social, a nova podería ser máis ben deste xeito: "a inversión de 1€ en prevención antitabaco impide un movemento económico de 50€, mermando o PIB da economía española e empobrecendo á sociedade nesa medida". Parece mentira, pero hai moitas noticias que son interpretadas dese tenor. E así poderemos interpretar mellor frases de Noam Chomsky, tomadas dun artigo/entrevista de Cuadernos de Pedagogía xa vello (nº 364), nas que di cousas como que unha grande parte da economía adícase a crear consumidores (e polo tanto a suposta riqueza que crea ese movemento é absurda dende o punto de vista da mellora da vida, sendo non obnstante a base da industria da publicidade), ou que as cuestións fundamentais seguen ocultas ó longo dunha campaña eleitoral porque non saen na prensa e polo tano, escamotéase o debate sobre elas, quedando a campaña reducida á elección entre aspectos irrelevantes de programas semellantes.
Saúdos.

20080828

Denominación de orixe





Enterámonos de que a faba de Lourenzá ten denominación de orixe protexida. E penso en Augas Santas/As Catedrais despois de ver atosigados dous aparcadoiros e proxectarse ampliación de prazas... Os orzamentos de Ribadeo foron aprobados en pleno antonte (abstención de PSOE e UPRi) e coido que non incluirían ningunha aprtida para algo equivalente a unha 'denominación de orixe' de Augas Santas. Claro que o que fai falta aí non é tanto cartos como ideas para facer unha promoción que rinda dividendos e non estrague o lugar, algo case contrario ó que é na actualidade. Dicíame un veraneante hai non moito tempo que era inconcebible que alí, por exemplo, non houbera unha caseta de atención turística. No momento non me lembrei, pero despois viume á cabeza que falouse de facer un centro de interpretación da costa alí, despois xa de ter abandoado o centro de interpretación da ría de Ribadeo que existe en Santa Cruz (que por certo, segue a deteriorarse sen aproveitar). Podería aportar algunha diea mías, como o rexerar os aparcadoiros actuais e construir un máis alonxado co centro de interpretación e oficina turística, así como servicios hostaleiros e un mini bus lanzadeira dende Ribadeo (que por certo, ó mellor podería aproveitarse para dar servizo ós veciños da rota Ribadeo-Rinlo-Devesa, a zona máis poboada do municipio). Desenvoltando a idea, coido que beneficiaríase tanto a zona que se quere manter e aproveitar como Ribadeo e os seus veciños.
Voltando ó pleno dos presupostos, despois de dúas comisións informativas previas, foron aprobados por BNG e PP, absténdose UPRi e PSOE. Foron incorporadas diversas variacións, en particular do PP,o que deu motivo para que o PSOE criticara de novo o que cualificou de 'goberno bipartito'. UPRi denunciou que as súas dúas propostas aprobadas (1/5 do total) fórono por coincidir coas do PP, ó tempo que lembra o informe de intervención coa advertencia de que é posible que a recaudación non chegue para o gasto. Así, pois, hai diverxencia de opinións, pois mentras a oposición abstencionista criticou xa no seu momento a cerrazón do grupo de goberno, iste, por boca do concelleiro de facenda, volta a dicir que se lle deu participación a tódoos grupos, engadido que este presuposto (é o do presente ano, 2008, e estamos a finais de agosto) posibilita que non se perdan subvencións para diversas realizacións, ademáis de asumir (segundo o alcalde) remantentes negativos duns 110Mpts e malas contabilidades da anterior etapade mandato na alcaldía. O resultado: 9,9M€, dos que 9,3M€ son para gastos e o resto para o remanente negativo do ano 2006, incluíndo 1,8m€ para inversión e un destino do orden do 40% para persoal. Pódese comparar co orzamento anterior (ano 2007) (e outros puntos do mesmo pleno, en diversas entradas).
Para rematar, onte tamén houbo concerto, 'Si suoni la tromba' ('así soa a trompeta'), na igrexa (a banda non, pero isto si), seguido por perto de 100 persoas, utilizando o órgano para a 'tocata' de Sweelinck, con ruido de fondo (non forte, é certo) de a música das atraccións da feira. Un concerto non habitual en Ribadeo, con calidade seguida quizáis por máis veraneantes que locais.

20080827

Cada vez existe máis conciencia de que no século XXI hai que ir más aló do lamento ante os abusos dende o sillón da nosa casa

"Cada vez existe más conciencia de que en el siglo XXI hay que ir más allá del lamento ante los abusos desde el sillón de nuestra casa", dice Fernando Moner, vicepresidente de la Confederación Española de Consumidores y Usuarios. Tomado de El País... outro xeito de dicir que está extendéndose a consciencia de que hai que participar socialmente.

Pequenas cousas



Un fallo na lembranza fai que do pleno dos orzamentos de onte só poda dicir que continuaba ás 21:30 en marcha, o que, apra ser un pleno extraordinario de curto recorrido, indica que non foi sinxelo, como por outra banda era de esperar. Como os medios ós que teño acceso a estas horas non me din tampouco nada novo, pois esperaremos un pouco máis a ver que pasou ó final.
Mentras, deixo o díptico de pequenas cousas (mellor dito, de 'o pracer das pequenas cousas'), obra teatral á que cheguei tarde igual que a metade da xente que alí había por mor de que no folleto trimestral estaba posta ás 21 e no aviso via correo electrónico (do que deixei copia) ás 21:30. En fin, 11 actores cun públido dunhs catro persoas por actor interpretando unha obra feita de pequenos anacos ('pequenas cousas') que amosaban o que inflúen as pequenas cousas na nosa relación cois demáis e polo tanto, na nosa vida. Ó carón, do díptico ampliable se se preme co rato sobre el, e no que se pode ver non só a sinopse, senón tamén outras pequenas cousas, como que a compañía figure como eescola de afeizoados, o patrocinio (por certo, comín no escaneo un carácter e é o IV encontro e non o V), que se puxeran abaixo os dípticos correspondentes as actuacións de Sarria e Samos, etc.
Pequena cousa é tamén as vías peonís que están a deixar nos laterais da Ponte dos Santos. Aparentementente, as bicis van telo difícil para pasar. Claro que, dende o coche é difícil precisar a anchura exacta, e estou desexando equivocarme no que remato de dicir.
E, afeitos ós altos prezos de vivenda (a crise polo momento non os fixo baixar tanto), tamén é das 'pequenas cousas' xa non o anuncio, senón o comezo de construcción das novas vivendas sociais.
Para rematar a entrada, lémbrome doutra 'pequena cousa' na que me fixei a comezos de mes en Couto de Arriba (Castro de Rei), unha casa á esquerda camiño de Lugo. alí estaban, a media tarde dun día luminoso pero non agobiante de agosto, diante da casa e polo tanto, diante da estrada, dous cativiños no banco de pedra adosado á construcción. A súa diversión non era ver pasar ós coches, nin falar, nin ler, nin pelexarse, nin... era xogar. Cada un coa súa maquiniña, absortos do outro, dos coches, do mundo. Pensei que diferencia co mundo e cos xeitos de cando eu era pequeno, e sígome a lembrar da súa imaxe as veces que pasei por alí dende entón, compadecéndome unha e outra vez de dous nenos que xa non saben disfrutar do mundo real. Aínda que tamén me pregunto se non serei eu quen non comprende o que é mundo real hoxe: na mesma viaxe, nun centro comercial de Lugo puiden observar que o que a vez pasada que alí estivera era un quiosco/revistería, pasou a ser un lugar de venda de xogos para máquinas diversas.

20080826

E máis unha terceira: Límites

Resulta que ía para o libro das festas, pero o libro está editado e esto non está incluído...

Límites


Cales son os límites de Ribadeo? Calquera foráneo que mire un mapa poderá dicilo: nomeándoos polo que hai máis aló, Ribadeo limita con Barreiros e con Trabada. Para moita xente, abondará con eses límites. Iso non obsta para que, a pouco que se colla un mapa máis amplo, por exemplo, poda (e podamos) ver que limita con Asturias. Distinguindo, co concello de A Veiga. Chegamos así a un primeiro 'Asturias (o máis aló) existe!' que pode ser administrativo ou con outro sentido, pero non deixa de ser certo, e ser un límite, Eo polo medio. Especifico o de Eo polo medio: nos casos dos límites internos a Galicia, os ríos ou promontorios que nos separan son máis tenues, menos separadores que o gran río.
Claro que, quedándonos con eses límites, teriamos unha grande falla: a ría de Ribadeo desaparecería do mapa. Así, pois, sigamos incorporando beiras, limitando: Ribadeo limita con Castropol. Si, os setecentos metros que separan os peiraos das dúas capitais de concello son de ría, a ría de Ribadeo. Pero Ribadeo non limita coa ría: limita con Castropol na ría. É algo que debe quedar claro, pois a ría é compartida e non propiedade de Ribadeo, aínda que non me quede claro de todo o vencellamento continuado dese espazo de xeito a partir da célebre desputa entre Bispos por terra e muller. Así pois, unha volta claro que a ría é de todos e polo tanto, non é fronteira (*), senón en todo caso, posibilidade de unión por medio da comunicación que resulta de surcala, continúo.
Indo máis aló, profundizando nos límites, ó norte do concello diriamos que Ribadeo limita co Mar Cantábrico. Se nos lembramos do nome dunhas célebres xornadas (alomenos entre nós), 'Mar por medio', os que vivimos por esta banda sabemos que o mar non limita, a pesares dos cantís que fan de contención da auga (ou da terra), e que dende o mar poden ser vistos como un auténtico muro, unha fronteira. Pero xa hai tempo que os mariños da terra e os comerciantes capitaneados polo Marqués de Sargadelos nos ensinaron que eso do límite mariño é algo difuso. Podemos dicir con máis xeito que Ribadeo limita con co sur de Inglaterra, ou coa Bretaña, por exemplo. Está claro que, mar por medio, Ribadeo limita con calquera outra costa de mar aberto: é o límite máis amplo dos enunciados, e non o digo polos recortes, entrantes e saíntes, furnas e covas, que forma o litoral, senón porque xeracións anteriores de ribadenses fixeron posible a comunicacion a traverso do mar e puxeron os límites de Ribadeo mais aló, moito máis aló dos cantís de Augasantas.

Pero estes novos límites, extensos, lévannos a pensar un pouco máis aló, a outros, e desta volta, descoñecidos ou desconsiderados: o primeiro, cara abaixo: pouco sabemos deses límites, que nos describen os xeólogos e que podemos ollar nas canteiras da Devesa ou nas covas do litoral. En calquera caso, non considerados, non citados como límites, esquecidos como tales. O segundo, cara arriba, o ceo infinito aberto á comunicación e á imaxinación. Lugar surcado ata hai moi pouco só por poetas, novelistas, pintores, ... que fai limitar Ribadeo coas estrelas. Este é o límite máis incógnito e ó tempo, sempre o máis achegado. Un límite que non pecha, senón que se deixa aberto. Un límite que fai de fronteira e, ó tempo, que nos permite albiscar máis aló, ó infinito. O único límite de verdade que debe ter Ribadeo, ou, ó menos, os ribadenses.

Antonio Gregorio Montes

(*) Sobre fronteiras, que poden ser moi diferentes a límites, un traballo de hai uns anos de Suso Fernández Acevedo, titúlase así.

"Eu veraneo en Ribadeo"


De pasada deixo nunha segunda de hoxe varias actividades para estes días (e despois veñen as festas), e decátome de que pode que o que lle faga falla a Ribadeo para 'lanzarse' no tema do turismo sexa un lema adecuado. Así, en galego, que sona ben e en verso, deixo a miña aportación: 'Eu veraneo en Ribadeo', cousa que por outra parte, fago dende hai 26 anos.
E como imaxe, a dunha casa recén remozada á beira da antiga cárcere. Unha renovación que parece ben feita a primeira vista, e que necesitan outras moitas casas de Ribadeo. A comparar coa súa imaxe de hai uns anos, en 'Ribadeo falls'

E agora, as actividades:
Primeiro, dende a páxina http://atletismoribadeo.com/, o mesmo que en carteis ó ancho de Ribadeo, unha cita atlética, a I Carreira de Sta. Cruz, o día 6 de setembro. Por certo, na súa páxina pódese atopar outras citas deportivas.
Bolos nas parroquias. O cartel non di así, pero ó longo de setembro, eso é o que haberá despois do éxito do clube de bolos no campionato rexional. É curioso ver no cartel o anuncio dos torneos, comezando todos por 'I', para indicar a súa primeira edición. O nome do clube, Ribatra. A destacar que foi no outono/inverno de 2005 cando este deporte colleu anzas.

Citas

ARTES NO CAMIÑO
TEATRO
O PRACER DAS PEQUENAS COUSAS
Unha produción propia con actores non profesionais dirixidos por María Vázquez.
No auditorio hoxe martes ás 21.30 horas. Entrada de balde. Patrocina Xacobeo
www.artesnocamiño.com

ARTES NO CAMIÑO
MÚSICA
SI SUONI LA TROMBA
Obras de Purcell, Scarlatti, Sweelinck, Torelli, Haendel e Vitali.
A cargo de CLARINO CONSORT, con M. del Mar Fernández Doval, soprano.
Igrexa de Sta. María do Campo mañá mércores ás 21.00 horas. Entrada de balde. Patrocina Xacobeo

NSAIO NO CAMIÑO
O VENRES 29 ÁS DEZ DA NOITE NO APARCAMENTO DA RÚA ROSALÍA DE CASTRO AS CONSELLARÍAS DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA, VICEPRESIDENCIA E CULTURA E DEPORTE PATROCINAN
SKANDALOGZ
SÍNEFRES
ROBERTO SOBRADO
BOIKOT
EN CONCERTO

ARTES NO CAMIÑO
MÚSICA
DELICIAS ESPAÑOLAS a cargo de CAMERATA DEL PRADO. Dir. Tomás Garrido. Obras de Monasterio, Chapí, Lerma, Adalid e Echeverría.
O sábado ás 21.00 horas no auditorio Hernán Naval. Entrada de balde. Patrocina Xacobeo.

Cun sol que presaxia un día de praia,

    Unha pregunta que estivo na mente dalgúns antes da manifestación: cal é o mellor tempo para manifestarse? Coido que a resposta noné sinxela. Para que asista moita xente, posiblemente sexa un tempo con nubes sen chegar a chover, se é verán, e despexado se é inverno. Para que sexa máis efectiva, é dicir, para que se note máis, pode que o tempo teña menos importancia que as outras novas do día, pois unha manifestación vive moito a expensas do que digan os medios de comunicación dela. 
    Ven a cousa a conto de que Portos de Galicia aínda non dixo nada sobre o tema da nave dende a manifestación. Haberá que esperar a comezos de setembro. E enviar as sinaturas, que está sen facer. A foto, dunha serpe de auga, presente nos nosos campos. Inofensiva. Aínda que por ter xeito de serpe a moita xente lle de medo.