Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta asociación a concordia. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta asociación a concordia. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20230118

CORONA GONZÁLEZ SANTOS E RAMÓN GONZÁLEZ: Apuntes para unha biografía. Celia Castro

    Artigo aparecido en Croa, nº 32, ano 2022, 

CORONA GONZÁLEZ SANTOS E RAMÓN GONZÁLEZ:

Apuntes para unha biografía.

Celia Castro

1.Introdución:

A emigración a terras americanas, especialmente aos países de fala hispana, foi unha constante desde mediados do S XIX ata o primeiro terzo do S.XX. Os emigrantes que fixeron fortuna e que retornaron á península, os chamados Indianos, fixeron a miúdo unha importante labor benéfica, espiritual e material, no campo da cultura, da sociedade, e das artes, construindo edificios varios, como escolas, teatros, hospitais, igrexas, etc… dando bolsas de estudos para os xóvenes, financiando institucións, e levantando magníficas mansións que dan fe do seu gusto estético e potencial económico.

A Mariña de Lugo é unha comarca na que a pegada indiana pode verse por todas partes, e a axuda prestada por estes homes e mulleres é un exemplo de refinamento e solidariedade.

No caso de Corona González Santos e Ramón González esta axuda foi unha constante ata o seu falecemento, por iso falar da súa vida e do seu labor social e de mecenado, resulta fácil e complicado á vez. Fácil porque os seus datos biográficos aparecen en moitas publicacións, e as obras levantadas grazas á súa xenerosidade engrandecen hoxe varios concellos. Complicado, porque conforme se afonda nas súas biografías, atópanse novos datos que enriquecen as súas figuras e que permaneceron ocultos por mor da súa discreción.

Quero hoxe con este pequeño artigo, unha vez máis, subliñar a súa importancia na sociedade da época e aportar algúns datos pouco coñecidos da súa vida privada, que nos axuden a coñecelos millor.

2. Ramón González e Corona González Santos: Breves datos biogáficos.

Ramón González Fernández naceu en Ribadeo o 22 de Abril de 1856, no barrio de Porcillán, preto do peirao. Nesta vila pasou a súa nenez e primeira mocidade e estudou Náutica e Comercio. Rematados os seus estudos -segundo algúns autores á idade de quince anos- emigrou a América, establecéndose na Arxentina. De Bos Aires pasou a Rosario de Santa Fe, onde traballou primeiro como empregado na casa comercial Correa, Gana y Compañía, máis tarde como socio na casa Mendeto y Compañía ata 1890, e máis tarde na propia, Ramón González e Cía, ata 1896, data na que se retirou.

Lám 1: Ramón González. Foto Sellier.A Coruña.Tarxeta Americana. 16x11cm. Colección particular


Na Arxentina adquiriu unha gran fortuna e deixou tras de sí unha importante pegada: En Rosario de Santa Fe pertenceu á Asociación de Socorros mutuos, ao Club Español de Rosario (institución que faría unha importante labor social, e da que foi directivo) e ao Banco Español del Río de la Plata. En 1899 regresou a España. Unha vez na península continuou realizando diversas actividades financieiras, a máis importante foi a creación de sucursais do Banco Español del Río de la Plata en Santiago de Compostela e Vigo.

Cóntase que nun viaxe en tren que fixo a O Porriño para visitar a un amigo da emigración veu a Corona González Santos que paseaba pola estación cunhas amigas como era usual nas mozas acomodadas da época. Corona tiña vintedous anos e era filla do prestixioso médico de Mos Faustino Gozález Cobas. Casarían, tras un curto noivado, o 22 de Setembro de 1900 na Capela das Angustias de Sanguiñeda de Mos.

Lám 2:Corona González e Ramón González. Foto Napoleón. Fotografía á albúmina. Barcelona. Ca. 1900. Colección particular.


Corona González Santos naceu en Vilaño (Laracha) o 11 de maio de 1972, máis tarde a sua familia trasladouse a Mos, a causa do traballo do pai.

En 1900, tras a súa voda, o matrimonio González viaxaría entre outros lugares a París, onde tivo ocasión de visitar a Exposición Universal, e onde Corona mercou a súa primeira cámara de fotos. Esta afición cultivaríaa gran parte da súa vida ao longo da cal tomou moitas fotos interesantes -algunhas consérvanse no Museo de Pontevedra- que revelaría ela mesma(1). Este aspecto foi amplamente estudado pola investigadora Fernanda Padín Ogando.

Posteriormente pasarían grandes tempadas en Ribadeo e O Porriño, alternadas con viaxes por España e o extranxeiro. Nestas vilas fixeron unha importante labor filantrópica ademáis de participar activamente na vida social.

Entre as actividades máis importantes realizadas en Ribadeo destaca a pertenza de Ramón á Sociedade Obreira de Socorros Mutuos, ”La Concordia”, da que pasou a ser presidente en 1910. Foi tamén membro do Ateneo Biblioteca Popular, contribuíndo ao desenvolvemento desta institución ao subvencionar clases de distintas materias e financiar a adquisición de diversos instrumentos musicais para os estudantes. Ademáis adxudicou bolsas a varios alumnos da vila para que puidesen realizar os seus estudos.

Financiou tamén a construcción do Teatro, a da Praza de Abastos e doóu unha importante cantidade de diñeiro para as Festas Patronais de 1925.

En 1922 foi nomeado fillo predilecto da vila, facéndoselle unha grande homaxe en colaboración co Ateneo e La Concordia (2).

Estes quizais son os seus feitos máis coñecidos, pero as súas colaboracións chegaban moito máis alá, estendéndose a numerosas entidades da cultura e ás veces tiñan carácter menos oficial, como foron varios donativos a grupos musicáis de carácter folklórico ou deportivo.

As relixiosas do convento de Santa Clara de Ribadeo, do que unha irmá súa, Sor Antonia del Sagrado Corazón de Jesús, foi abadesa durante varios anos, tiveron tamén mostras da súa xenerosidade pois costeou o peche dos arcos do claustro alto, sufragou os gastos da instalación da luz eléctrica, e regalou á comunidade unha cociña económica(3).

Lám 3: Ramón González, a súa dona Corona González, e unha cuñada. Fotografía ca.1925

En O Porriño e Mos o matrimonio exerceu tamén un importante labor benéfico e cultural. En O Porriño, financiaron o templo parroquial que foi inaugurado en 1913. Posteriormente encargaron ao arquitecto Antonio Palacios o edificio do Concello que foi comezado en 1921 e rematado en 1924. Trátase de unha espléndida obra de arquitectura na que se combina o historicismo medieval con un sentido da monumentalidade e solidez moi de moda na época. Fixeron ademáis varias doazóns a entidades deportivas e culturais. Como recoñecemento, o Concello de O Porriño nomeou en 1915 a Ramón González fillo adoptivo da vila. Nela falecería o 15 de decembro de 1925 sendo o seu corpo trasladado a Ribadeo para ser soterrado, feito que acontecería o 17 do mesmo mes.

Tras a súa morte Corona continuou pasando tempadas en Ribadeo acompañada frecuentemente dalgún familiar e participando activamente nos eventos da vila. En 1926 o Concello nomeouna filla adoptiva:

    “en prueba de afecto y gratitud por su valiosa y eficaz valoración en todos los actos altruistas realizados por su finado esposo e hijo predilecto de Ribadeo, el Excmo Sr. D.Ramón González Fernández” (4).

Do seu labor filantrópico temos constancia ao longo dos anos: en Ribadeo, en 1929 cedeu os terreos para levantar unha nova igrexa da Orde Franciscana Terciaria(V.O.T) -á que ela mesma pertencía- por ser a antiga moi pequena e estar en malas condicións. Ademáis patrocinou económicamente esta obra, que foi rematada o 17 de xuño de 1931. Nun lateral da nave do templo encargou a construcción dun fermoso mausoleo Art Decó, a onde trasladou os restos do seu marido, dispoñendo ser ela mesma tamén alí soterrada, feito que aconteceu en 1972.

Aparte do seu interese pola fotografía e outras facetas artísticas, como a escultura en cemento, viaxou a diversos lugares de Europa e América latina. En 1931 trasladouse á Arxentina onde fundou un pavillón no Hospital Español de Rosario de Santa Fe, que leva o nome de Ramón González, quen, con outros directivos do Club Español de Rosario, creara esta institución benéfica en 1912.

Lám 4: Placa conmemorativa no Pabellón Ramón González. Hospital Español de Rosario de Santa Fe. Arxentina. Fotografía. Colección particular.

Cando se desencadeou a Guerra Civil, Corona e as súas irmáns colaboraron activamente coa Cruz Vermella.

3. Outros aspectos relevantes da súa biografía.

Ribadeo, no primeiro terzo do S XX era unha vila cunha intensa vida social. Ás asociacións recreativas como O Casino e o Teatro, sumábanse as propiamente culturais, musicáis ou simplemente as creadas con fins solidarios ou benéficos (5).

A música en especial tiña un papel importante, xa fora en rondallas informales de amigos, en grupos musicáis máis organizados, de carácter clásico ou folklórico.

A ensinanza da música, desde edades temperás, e a transmisión de esta inquedanza de pais a fillos, foi sempre unha constante.

Nos anos vinte un forte sentimento de galeguidade fixose extensivo a todas as artes, potenciado moito pola importante labor dos centros galegos e a saudade que levaba consigo o feito da emigración. Artistas plásticos, escritores e intelectuáis de todo tipo tiveron un importante papel no desenvolvemento dunha corrente galeguista de reafirmación da identidade.

De entre todos os grupos folklóricos creados en Ribadeo, destaca especialmente pola cantidade de participantes e a calidade da súa música e escenografía Cantigas da Mariña.

Cantigas da Mariña naceu da man do artista e intelectual ribadense Amando Suárez Couto, unha das figuras máis senlleiras do noso arte, especialmente ata a Guerra Civil. Creado en 1923, non foi presentado oficialmente ata o 2 de setembro de 1924 no Teatro de Ribadeo co gallo das festas patronáis. Este coro contaba cuns 33 compoñentes e nun principio foi dirixido polo mesmo Suárez Couto. Interrumpida a súa actividade en 1929, foi reanudada en 1933 grazas ao impulso de varias persoas entre as que destaca Claudio Pérez Prieto. Nesta última etapa foi dirixido por Leonardo Fernández-Reinante, e a partir de 1934 por Etelvino Méndez (6). Disolveuse en 1936, e tivo un pequeño rexurdimento en 1941, disolvendose definitivamente en 1942.

Lám 5: Coro Cantigas da Mariña. José Fernández Cancio. Fotografía. Ca 1933. Fototeca Ribadeo na memoria.

O vestiario do grupo foi deseñado por Suárez Couto, que escolleu tamén o repertorio, composto por pezas tradicionáis e tamén por novas composicións de música galega: foliadas, muiñeiras, etc, algunhas delas de autores locais. O grupo contaba cun cadro de baile, e durante a súa actuación poñiase como pano de fondo un fermoso paisaxe ribadense pintado polo artista santiagués Camilo Díaz Baliño.

Foi un ano de preparación e ensaios, tamen de buscar financiamento económico, como pode lerse ás veces na prensa da época:

    “Continúan con toda actividad y entusiasmo los ensayos del coro regional Cantigas da Mariña, que muy pronto hará su presentación ante el público ribadense.

    Han entrado a formar parte de Cantigas da Mariña varias bellas señoritas, cuya colaboración a esta noble labor galleguista es inapreciable.

    A beneficio del coro se celebrará muy pronto, acaso en la semana actual, una gran velada teatral en la que tomarán parte muy valiosos elementos” (7).

No coro figuraban varios nenos, un deles era José Ramón Fontán (8), de nove anos, sobriño carnal de Corona González Santos, que pasaba tempadas cos seus tíos en Ribadeo. Casualmente neste mesmo ano 1924, está datado un retrato de José Ramón feito polo artista da vila Benito Prieto Coussent, que por aquel tempo estaba a realizar estudos de Belas Artes na Escola de San Fernando de Madrid.

Lám 6: Benito Prieto Coussent. Retrato de José Ramón. Óleo sobre lenzo.62x35cm.1924.Colección particular.

Como pode verse está retratado co traxe típico galego -posiblemente o mesmo que utilizaba nas actuacións corais- nunha pose fotográfica, o que pode facernos pensar que o retrato puidera estar baseado nunha fotografía.

Estes datos parecenme significativos e non considero improbable que D. Ramón González contribuíse económicamente á financiación do grupo, posto que o seu interese pola música folklórica galega foi subliñado pola prensa en ocasións. Un exemplo disto é a seguinte reseña da actuación do coro rexional lucense Cántigas e Aturuxos no Teatro de Ribadeo o 16 e o 17 de setembro de 1922.

    “El distinguido filántropo, predilecto hijo de Ribadeo, D. Ramón González, obsequió a los coristas lucenses con un champagne de honor” (9).

E outra mostra do seu interese pola cultura e o folklore galego é esta fotografía tomada en O Porriño en 1905, que representa a un grupo de persoas da localidade vestindo o traxe típico de Galicia e compoñendo un precioso cadro escénico que tería paralelismo coas escenas de xénero plasmadas na pintura da época.

Lám 7 : Grupo de persoas con traxe rexional galego. Fotógrafo descoñecido. O Porriño.1905. Colección particular.

A escena ten como fondo un paisaxe rural da zona, cunha palleira nun plano máis alto, tras o que se ve un fondo de piñeiros. A composición está sumamente coidada e nela destacan á esquerda Ramón González vestido cun traxe escuro e tocado cun gran sombreiro de palla, e, a súa dona Corona sentada á o seu carón e ataviada co traxe típico galego en actitude de fiar nunha roca. O resto das figuras sitúanse en grupos de dous: mulleres ou unha muller e un home, que parolan, danse a man ou sosteñen algún obxeto. No extremo inferior dereito unha muller nova, un pouco aillada, mira cara á fronte, como querendo comunicarse co espectador e chamar a súa atención. Este modo de situar ás figuras por grupos, algunhas formando unha composición pechada e outras mirando cara á fronte, como subliñei, é moi común nas escenas de xénero da segunda metade do S. XIX e primeiro terzo do S. XX.

Ramón González é a única figura vestida á moda do momento, o resto viste o traxe típico galego, feito para a ocasión. Entre os participantes atópanse varias irmáns de Corona, varias amigas de O Porriño, o arquitecto Antonio Palacios -tamén desta localidade- que faría o espléndido edificio do Concello de O Porriño encargado polo matrimonio González, o seu irmán José Palacios, e outros mozos da localidade.

4. Conclusión.

Aínda que as biografías de Corona Gonzalez Santos e Ramón González son sobradamente coñecidas, neste artigo pretendín achegarme un pouco ao perfil humano dos dous e á súa integración na sociedade na que vivían. O seu gosto polas viaxes, o seu interese por patrocinar toda empresa cultural que tiñan cerca e a súa implicación no progreso das súas respectivas vilas, fan deles unha figuras especialmente entrañables.

Tamén, como era moi común nos galegos do primeiro terzo do S. XX, a súa relación con grupos folklóricos da terra e o afán por retratarse co traxe típico de Galicia, móstrannos a súa querencia e consideración polas súas raíces. A toma de conciencia da identidade galega foi moi forte neste período grazas en gran parte ao labor dos Centros Galegos dos países latinoamericanos, que agrupaban aos emigrantes chegados da terra. Estes atopaban neles arroupamento e saída para as súas inquedanzas .

5. Bibliografía.

ÁLVAREZ LEBREDO, Carlos. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos álvarez y Fernández-Cid. Lugo.Ed.Nigoba.2003

CASTRO FERNÁNDEZ, Celia. “Corona González Santos e Ramón González: un matrimonio de mecenas”. Lugo. Croa: boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga. ISSN. 1575-0639. Nº25. 2015. Pp96-101

DE CASTRO, Manuel,OFM, e, DE LA CRUZ, Mª Ángeles, OSC. El Monasterio de Santa Clara de Ribadeo. Salamanca: Kadmos 1989

GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ, Eduardo. Do vello Ribadeo.Lugo. Agrupación Cultural Francisco Lanza. 2005

LAZÚRTEGUI CUERVO, Antonia. 40 Historias de Ribadeo. Lugo: Diputación Provincial de Lugo, 2000

LOMBARDERO RICO, Chemi. Sociedade ribadense, 1900-1936. Ribadeo: Xesproin Norte, 1999

VV.AA. 50 aniversario Coral Polifónica de Ribadeo(1995-2005). Lugo: Diputación Provincial de Lugo, 2005

Periódicos e Revistas.

El Progreso. Año XVII. Nº5120. 5 de agosto de 1924. Lugo. Páx 2

El Progreso.Nº 4540. 20 de Setembro de 1922. Lugo. Pax 2

Webgrafía.

Blog Atalaia. Mércores 17 de decembro de 2008.Ribadeo

Fernanda Padín Ogando. https/www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972

--

Notas:

1 Fernanda Padín Ogando. ttps://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972/↩

2 Blog Atalaia. Mércores 17 de decembro de 2008.Ribadeo↩

3 Manuel de Castro, OFM e Mª Ángeles de la Cruz, OSC. El Monasterio de Santa Clara de Ribadeo. Imprenta Kadmos. Salamanca. 1989. Páx 80↩

4 Blog Atalaia. Mércores 17 de decembro de 2008.Ribadeo↩

5 Antonia Lazúrtegui Cuervo. 40 Historias de Ribadeo. Diputación Provincial de Lugo. Lugo. 2000 Chemi Lombardero Rico. Sociedade ribadense, 1900-1936. Xesproin Norte. Ribadeo.1999↩

6 Carlos Álvarez Lebredo. Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández-Cid. Lugo. Ed Nigoba. 2003. Páx 41↩

7 El Progreso. Año XVII. Nº5120. 5 de agosto de 1924. Lugo. Páx 2↩

8 VV.AA. 50 aniversario Coral Polifónica de Ribadeo(1995-2005). Diputación Provincial de Lugo. Lugo. 2005. Páx 101.↩

9 El Progreso.Nº 4540. 20 de Setembro de 1922. Lugo. Pax 2↩

20221029

Sobre a presentación dun libro: Catálogo de la exposición de ilustraciones de Amando Suárez Couto

    Hoxe foi a presentación do libro Catálogo de la exposición de ilustraciones de Amando Suárez Couto, cun acto promovido pola Asociación A Concordia como recuperación da exposición promovida en 2019 pola mesma asociación.

    O acto tivo como escea un salón do Hotel O Cabazo, e nel participaron, como estaba previsto, a presidenta da asociación, o historiador Chemi Lombardero e o prologuista, Francisco Crabifosse. Aquí, as verbas de Chemi e a disertación de F. Crabifosse. Algunhas fotos pasadas por Matilde González de varios momentos do acto:



20221022

Suárez Couto, de novo en Ribadeo

     A Asociación A Concordia presentará o próximo sábado 29 ás 6 da tarde no Hotel O Cabazo un libro sobre a obra de Amando Suárez Couto. Velaeiquí a información:

    Segundo a nota de prensa da Asociación A Concordia, o 'Catálogo' e un traballo de estudo e mostra dos debuxos e gravados menos coñecidos do autor. O libro é unha edición venal (non comercial), feita pensando nos socios, nas bibliotecas e entidades de ensino, pero a asociación fai un chamamento a toda persoa interesada:


20190330

Hoxe foi o acto de nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. Vídeo

Ás 12 da mañá, só anunciado de xeito público onte por Ribadeando e hoxe nunha nota curta por El Progreso, tivo lugar o pleno de nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. O acordo tomouse no pleno do pasado día 13 de marzo, de xeito unánime, tal como aparece no vídeo.
A cerimonia tivo unha carga emotiva, máis que polo que se dixo polo sentemento conxunto dos alí presentes.
O título:
A convocatoria do pleno:
O vídeo do acto:

Entidades que pediron o nomeamento (por orde alfabética):
Acisa
Amarante-Setem
Asociación Cultural Ronqueta
Asociación Cultural Francisco Lanza
Asociación Cultural Tá en Artes
Asociación Filantrópico-Dramática
Asociación de Veciños A Atalaia
Asociación de Veciños O Tesón
CIFP Porta da Auga
Colectivo 8 de marzo
Colectivo Por Nuestro Faro
Colexio Sagrado Corazón de Xesús
Coral Polifónica de Ribadeo+
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
SSM A Concordia

20080627

Que mala sorte!

Enténdaseme, non é que queira que perda a selección nacional (de fútbol, claro; ó 3-0 fóille rendido homenaxe aínda nas emisións francesas, por exemplo, sinal de que xogaron ben e o resultado foi merecido), pero non creo que fora en absoluto mala cousa. Dicían os romanos aquelo de 'panem et circenses', é dicir, 'comida e diversión', ou 'mantemento dun mínimo de supervivencia e distracción dos problemas reais'. E iso coido que é o que está a pasar. Pode que seguira a pasar aínda que perdera a selección contra Rusia, pero menos. Así o goberno ten uns días máis nos que as actuacións contra a crise, por exemplo, pasan a un segundo plano. E lembro que o de panem et circenses non foi popular en Roma ata que se chegou ó imperio e comezou o declive, comezando polo social. Ó pouco, continuaron o declive económico, político e de forza, chegou a inseguridade nos camiños e a desintegración social. Aí está a historia. España hai tempo que perdeu o seu imperio e que pasou por unha historia en certo xeito parella á mentada de Roma, polo que xa deberamos coñecer o tema e atallalo. Pero non. E non me refiro só a un resultado nun partido de fútbol concreto, aínda que sexa o que trouxo o tema a colación. Un titular de hoxe: 'Aburrimiento en verano, nunca', refírese non a que non sexa posible o aburremento, senón a que hai organizada diversión contínua. Aínda que despois haxa xente que diga que aborremento, intercambiando as verbas 'fastío' e 'aborremento'.
Pero voltemos a Ribadeo. Despois das dúas notas de prensa sobre a ría de Ribadeo e as actuacións para defendela, e sobre os cortes de luz que voltan a repetirse, coido que hai movemento abondo para contrarestar o de panem et circenses que dicía antes. Haberíao, pero 'queda aprazado o movemento ata despois de luns' a pesares das novas de prensa facéndose eco. A destacar o artigo de La Voz de Galicia sobre os cortes, con foto, impactante para quenes os coñecíamos, dos centenarios árbores da Pedro Murias tumbados a instancias de BeGaSA.
Poño a continuación o escrito do panfleto a repartir sobre as accións respecto da ría:
"
NON SE AMA O QUE NON SE COÑECE

EN DE DECEMBRO DE 1992 PUBLICAMOS UN ARTIGO DE PROTESTA POLO RECHEO DE 22.000 m2 DA ESCOLLEIRA RIBADENSE. ÍA ENCABEZADO POR UNHA VIÑETA DO MALOGRADO E ENTRAÑABLE AMIGO SUSO PEÑA QUE IRONIZABA SOBRE UNHA FUTURA RÍA DESECADA. HOXE, O RECHEO É POUCO MÁIS QUE UN SIMPLE APARCAMENTO.

NO MENCIONADO ARTIGO APARECÍAN ENTRECOMIÑADAS UNHAS VERBAS DO PROFESOR ISIDORO ASENSIO AMOR, DE QUEN RECORDAMOS EN BREVE CONVERSA AS SEGUINTES PALABRAS: "CREÍA QUE LOS RIBADENSES AMABAN LA RÍA".

DEZASEIS ANOS MÁIS TARDE E DESPOIS DE MÚLTIPLES RECHEOS E OBRAS, PORTOS DE GALICIA PRETENDE MONTAR EN FIGUEIRÚA UNHA GALPÓN QUE OCUPARÍA UNS 5000m2 CUNHA ALTURA EQUIVALENTE A MÁIS DE 8 PISOS. ESTA NAVE COBERTIZO PRECISA DE CIMENTACIÓN NA AUGA, NO MEDIO E MEDIO DO CANAL. E SE A ISTO LLE ENGADIMOS A PROLIFERACIÓN DE PROXECTOS DEGRADANTES NA BANDA DE ASTURIAS, COMO A NAVE QUE SE PRETENDE MONTAR NO CONCELLO DE CASTROPOL, NO "MUELLE NOVO" DA VEIGA, PODREMOS COMPROBAR QUE A RÍA SEGUE EN PERIGO E DESPROTEXIDA.

A CUESTIÓN E SE NOS ESTAMOS DISPOSTOS OU NON A CALAR E A DEIXAR QUE, HOXE CON ESTA OBRA, MAÑÁ OUTRA, DE FORMA LENTA, PERO IMPARABLE, REMATEN COA NOSA RÍA, COA RÍA DE TODOS, PORQUE A RÍA É SOBRE TODO UN BEN PÚBLICO, QUE CONSTITÚE E CONSTITUIRÁ UNHA ENORME FONTE DE RIQUEZA PARA O FUTURO. E ISTO SO SE CONSEGUIRÁ SE RACHAMOS COA ESPECULACIÓN E COA EXPLOTACIÓN EGOÍSTA DUNHAS POUCAS EMPRESAS QUE, ADEMÁIS, CONTAN COA COMPÍCÍDADE DE POLÍTICOS SEN CRITERIO NIN PERSONALIDADE QUE DESPOIS DUNHA CHAMADA TELEFÓNICA "ONDE DICÍAN DIGO, ESTÁN DISPOSTOS A DICIR DIEGO".

PRETENDEMOS MOBILIZAR Á OPINIÓN PÚBLICA DOS CONCELLOS RIBEIRÁNS DA RÍA E DO RÍO, PORQUE HOXE NINGUÉN PODE DISCUTIR QUE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E CONSERVACIÓN DA NATUREZA SON TOTALMENTE COMPATIBLES. O DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO NA MARINA LUGUESA E NO OCCIDENTE DE ASTURIAS NON REQUIRE O SACRIFICIO DA RÍA, NIN DA NOSA COSTA. A RÍA É O NOSO GRAN PATRIMONIO COMÚN.

PARA PARAR A SÚA LENTA DESTRUCCIÓN PRECISAMOS UN PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS NATURAIS DA RÍA, QUE, COMO NORMA SUPERIOR INTERCOMUNITARIA, A PROTEXA DE CALQUERA ACTUACIÓN PERXUDICIAL. ESTE PLAN DEBE SER PROMOVIDO POLOS ALCALDES DOS CATRO CONCELLOS.

A NOSA RÍA HAI QUE RECUPERALA, CONSERVALA, DISFRUTALA E DEIXÁRLLELA, COMO LEGADO, OS NOSOS FÍLLOS E NETOS.

ALGUÉN DIXO NUNHA OCASIÓN: " NON SE AMA O QUE NON SE COÑECE ". ANIMÁMOSTE A QUE COÑEZAS A RÍA, QUE CONTEMPLES OS CAMBIOS NAS SÚAS CORES, QUE DISFRUTES DA BELEZA DE CASTROPOL, Das FIGUEIRAS, DESDE ALGÚNS DOS MIRADOIROS QUE A CONTORNEAN. QUE VISITES OS MEANDROS DO RÍO ARRIBA E OS HUMEDAIS QUE SON MARABILLOSOS ECOSISTEMAS NOS QUE SE DESENVOLVE UNHA RIQUÍSIMA VEXETACIÓN, FLORA E FAUNA.

NON VIVAS DE COSTAS Á RÍA. OS MARIÑEIROS, QUE SON OS QUE MELLOR A COÑECEN, PODERANCHE CONTAR, SE NON O SABES, QUE NON HAI MOITO TEMPO COLLÍANSE LONGUEIRÓNS, SULLAS, LINGUADOS, AGUILLOLOS-BERBERECHOS, CANGREXOS... UNHA RÍA ONDE SAÍR DE "ZALEA" ERA, E SEGUE A SER, UNHA GOZADA. A RÍA SEMPRE FOI PUNTO DE ENCONTRO DE GALECOS E ASTURIANOS, SEMPRE FOI O NEXO DE CONCORDIA ENTRE XENTES DE RIBADEO, CASTROPOL, FIGUEIRAS E A VEIGA, OS QUE ADEMÁIS TIÑAN COMO NORMA DE CONDUTA A ÉTICA DA SOLIDARIEDADE."

O VINDEIRO DÍA 4 DE XULLO, ÁS 8 DA TARDE, E PARA FALAR DISTO, TEREMOS UNHA MESA INFORMATIVA NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DO MAR DE RIBADEO. CONTAMOS CONTIGO.



¡A DEFENSA DA RÍA ESIXE UN COMPROMISO CIDADAN!
PLAN DE PROTECCIÓN DE RECURSOS NATURAIS DA RÍA, XA!

VERÁN 2008
PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS “O TESÓN”
"

20070224

Continuando en Ribadeo (2ª de hoxe)

A outra de hoxe era sobre o esforzo. Esta, sobre actos. Onte tiveron lugar asambleas de O Tesón e a SSM AConcordia, un acto en teoría organizado pola asociación de amigos do país da zona para ser capitalizado eleitoralmente pola alcalde e o comezo das curtas nouturnas. O primeiro, pouco concorrido, foi un acto de trámite no que o único que se saíu de multitude de guións do mesmo corte foi a aprobación dun manifesto ás autoridades que verá a luz máis adiante neste mesmo blog, entre outros lugares. Do segundo non teño novas máis que por un despistado que apareceu na xuntanza do Tesón media hora antes de tempo creendo que era alí a da Concordia. O terceiro parece contraprogamación, organizado aparentemente esta mesma semana, para dar a coñecer o futuro parque de indianos que leva coleteando xa cousa dun ano e que xa apareceu neste blog. Estimaría ter ido (coido que pode ser unha boa cousa, como xa deixei dito noutro lugar), pero a coincidencia non o fixo posible, e só me ven a memoria para substituílo o que califiquei de 'primeiro acto eleitoral' desta campaña, e entón ocórreseme que aínda que tivera podido, ó mellor non ía. En canto á outra cuarta actividade, é a primeira dunha serie da que seguramente falaremos outro día, porque algunha vez penso asistir a ver esas curtas nouturnas con café (o do café, un invento para facer unha pausa, intercambiar pareceres, etc nun ambiente máis 'cálido': un bo invento, creo). Onte tamén houbo unha inauguración sobre a enerxía, do INEGA (aquí, a presentación virtual), no IES Porta da Auga. Inauguración, con representantes diversos das altas esferas políticas, dunha exposición sobre enerxías alternativas e aforro enerxético que será visitable dúas semanas. Poño neste post sobre actos e novas diversas unha entrada do blog do cargadoiro no que hai frases, no seu contexto, para meditar. Frases que se poden acumular a unha revisión sobre o funcionamento das asociacións en Ribadeo, á propaganda de corte político ou mesmo da actualidade cultural (por non nomear outraos feitos pode que menores como a nova transgresión polo concello das súas propias normativas anunciando altofalante en ristre as curtas). Cousas que, en conxunto, deberan de ocupar varios longos post, pero que seguirán a saír nas pequenas entradas, pouco a pouco, cada volta cun aspecto diferente para que cada un, cada unha que siga a trama, poda facerse unha mellor composición de lugar a base de intercalar o seu propio pensamento na lectura en tempos illados: é dicir, máis lento pero de mellor proveito para a persoa que se o lee de corrido en calquera sitio, mesmo neste blog.

20060425

Aparatoso

    Aparatoso. Por sorte, é o calificativo que mellor se axusta ó accidente de onte, pois non houbo víctimas. O remolque, cargado con chatarra, saíuse do seu carril, cruzou a vía (en negro na imaxe tomada do Sigpac), rachou a barandilla (en rosa) e caeu en parábola, cortou un par de árbores ó facelo e arrastrouse pola pendente un pouco ata parar á beira do precipicio (vermello) tras volcar lateralmente e quedar a parte de diante para atrás. Chama a atención ver o remolque alí e imaxinarse o que tería pasado se se cruzase con unha caravana de coches en sentido contrario como a que soe haber moitas veces os fines de semana. Aínda que menos, aparatosas tamén as declaracións do alcalde: o centro de día por fin merece a atención activa que reclamo fai tempo, ó declarar a congregación que o levaba que deixaba ás súas funcións. E velaí que nos enteramos (ou nos lembran) que ó ser doado pola SSM A Concordia, os membros desa sociedade terán preferencia. Nas mesmas declaracións, tamén aparece novamente a petición de cartos á Xunta para construír un aparcamento nas cocheras de ERSA ... que aportará algo (parece que dificil será que o faga nunha porcentaxe alta, ó que se ve) se o proxecto é prorogado (o célebre PAGUS) Aparece tamén no periódico o tema da recollida de sinaturas para declarar zonas acústicamente contaminadas en Ribadeo, como nota de titular para a Asamblea de O Tesón. Pero unha cousa é que se aproveite a Asamblea para decir que quen queira asinar que asine e outra diferente que ese tema se tratara polo Tesón en asamblea, o que non foi, xa que foron dúas xuntanzas extraordinarias cada unha cun punto na orde do día, com ose deu na nota de prensa. En principio, non penso mandar correción, pero coido que debe quedar claro polo menos aquí: unha cousa é que unha asociación se adique a recoller sinaturas e outra que se recollan unhas cantas aproveitando a asamblea da asociación, pois o resultado debe ser diferente (implicaría unha recollida moito maior en caso de que a asociación emprendera unha campaña), e esto segundo é o que ocorreu. Presento a nota de prensa enviada:

O pasado sábado 22 de abril tiveron lugar dúas asambleas extraordinarias da asociación de veciños “O Tesón” de Ribadeo.

A primeira delas, para elección dunha nova directiva, saldouse cunha continuidade axustada a un ano por compromiso dos eeelexidos da directiva saínte, para facilitar a renovación total da asociación. Renovan cargo Gilberto Suárez Méndez (novo Presidente), José Mª Rodríguez Rodríguez e Antonio Gregorio Montes (que continúan nos seus postos). Ós anteriores, unha vez rematada a asamblea, uníronse Mª Aurelia Rodríguez Rey, Mª Rosa García Méndez e José Antonio Fernández Méndez. Así, este conxunto coordinará a asociación ata que sexa presentada unha nova candidatura directiva, nn descartándose que aprticipe na coordinación algún socio máis para cuestións concretas, tal como foi exposto na asamblea. A directiva entrante a máis das propias labores directivas propúxose ter como punto de mira a promoción dun novo conxunto directivo no prazo antedito de un ano para facilitar a total renovación social, para o que se preveen accións de contacto cos socios, animando á participación na sociedade.

A segunda asamblea, mantida a continuación, variou os estatutos da sociedade para tentar que no futuro a transición entre eqipos directivos sexa máis suave e doada, xa que básicamente trátase de que os postos directivos teñan unha vixencia de catro anos, renovables de xeito parcial cada dous, facilitando ademáis que se presenten persoas individuais a postos concretos dentro da directiva.

A indicar que asistiron só o 15% dos socios, que ademáis asinaron unha petición para declarar as chamadas 'zona nova' e 'zona vella' de movida como zonas acústicamente contaminadas.