Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta altri. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta altri. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240701

Sobre Altri e a saúde

    Só unhas poucas verbas para facerme eco dunha nova que máis que nova é un documento sobre os efectos  da pretendida celulosa de Altri na Ulloa sobre a saúde. A nosa saúde, a de todos, por moito que afecte máis, naturalmente, á zona da Ulloa e río abaixo. Por certo, apoiado no único traballo que existe sobre o tema, que saíu do grupo de Sonia Villapol, de quen seguro que tes escoitado falar aínda que do traballo emncionado non se escoitara nada nos medios 'tradicionais'.

     A ligazón: https://praza.gal/opinion/proxecto-altri-e-asma-bronquial

Captura de pantalla do artigo mencionado.


20240630

30 de xuño, domingo pola paz. E por unha Galicia sustentable

    Collo a primeira parte do título. Hoxe tivo lugar unha concentración pola paz. Outra. Pola paz en Palestina, en Ucraína, en Darfur. Tres exemplos (o primeiro, xenocidio) de guerras, de lugares que necesitan paz para ser humanos. Quince persoas baixo o sol preto de dúas terrazas con abondas máis baixo as sombrillas.

    Algunha foto de hoxe no Cantón e algunha palabra das que se dixo cara ó final na concentración.



 

    E máis aló, a case douscentos quilómetros, xente que tamén tería estado na concentración en Ribadeo, o mesmo que a xente concentrada en Ribadeo tiña un lugar na súa cabeza para a concentración de Santiago arrodeando o edificio da Xunta,  protesta e petición: Altri non, Ulloa Viva. Fotos recibidas hai un anaco.



20240606

Sobre a xuntanza pensionista de sábado 1 de xuño


    O pasado sábado foi a última, polo momento, xuntanza mensual (primeiros sábados de mes) de pensionistas en Ribadeo. Nela leuse un comunicado de Modepen e logo, tamén por Evaristo Lombardero, un pequeno informe relativo á última xuntanza a nivel Galicia. Aquí quedan ambos:

Primeiro, o comunicado a nivel europeo.

Resumo do manifesto acordado no Encontro de Plataformas de Pensionistas e Sindicatos de Europa

As plataformas e movementos de pensionistas e as organizacións sindicais que subscriben este comunicado, pertencentes a diferentes pobos da UE, valoramos positivamente o Encontro realizado en Bilbao e facemos pública a nosa determinación de facer fronte común ás reformas dos sistemas de pensións que se están a impoñer tanto dende as directivas e recomendacións da Comisión Europea como dende os Estados.

Aínda que a situación dos sistemas de pensións nos diferentes pobos europeos non é homoxénea, coincidimos en que as reformas que se están impulsando en relación coas pensións e os sistemas públicos de repartición caracterízanse por:

a) Redución progresiva das prestacións dos sistemas públicos de pensións (SPP), consecuencia tanto da perda de poder adquisitivo dos salarios e o aumento da precarización do emprego, como das reformas lexislativas que afectan negativamente ás persoas pensionistas.

b) Establecemento de pensións mínimas moi insuficientes, cada vez máis desvinculadas dos salarios mínimos en vigor en cada Estado.

c) Perpetuación da fenda de xénero, que se sitúa entre o 30% e o 40%, debido á escasa envergadura das medidas adoptadas para eliminala.

d) Redución da taxa de remprazo das pensións e aumento das vantaxes fiscais e de cotizacións sociais para promover as pensións privadas.

e) Cada vez maior número de pensionistas en Europa ven como as súas condicións de vida empeoran e vense obrigados/as a complementar a súa pensión prolongando a súa vida laboral en precariedade.

f) En definitiva, a voracidade neoliberal para incrementar os beneficios empresariais acentúa o desigual reparto da riqueza producida polos traballadores/as, base do chamado estado do benestar, incrementando os prezos das mercadorías e os servizos, reducindo salarios e pensións e utilizando recursos públicos para mellorar a súa conta de resultados.

Tralos debates mantidos no Encontro, demandamos:

1. Derrogar os aspectos regresivos das reformas que recortan os nosos dereitos e pensións.

2. Garantir o SPP de reparto e ingresos suficientes en cada un dos pobos europeos que permitan ás persoas pensionistas acceder a unhas condicións de vida digna.

3. Aumentar as taxas de remprazo entre salario e pensión, especialmente dos salarios máis baixos.

4. Medidas efectivas para eliminar a fenda de xénero en salarios e pensións.

5. Incorporar na Carta dos Dereitos Fundamentais da UE o dereito a pensións públicas decentes e aos SPP de repartición.

6. Incorporar na Carta Social Europea o dereito a unha pensión pública mínima, concretada polo menos no 60% do salario medio.

7. Reforzar a obrigatoriedade dos Estados a manter unha Seguridade Social satisfactoria e a protexer socialmente ás persoas de idade avanzada.

8. Derrogación da norma europea que regula os plans de pensións individuais privadas.

9. Plans concretos para impulsar a repartición equitativa da riqueza, a creación de emprego de calidade e pensións decentes nos diferentes pobos europeos.

10. Acceso a pensións dignas ás persoas que, malia traballar en Europa, non teñen recoñecida a nacionalidade europea, así como a súa regulación inmediata.

Por todas estas razóns, facemos un chamamento a realizar unha mobilización compartida no conxunto de pobos da UE, que se concretará nos próximos meses.

Estas demandas serán presentadas ao Parlamento Europeo, á Comisión e aos distintos Parlamentos dos Estados membros para o seu cumprimento efectivo.

Como se ten demostrado, a mobilización consegue resultados e é a mellor garantía para conseguir os nosos obxectivos.

Este comunicado está aberto á adhesión de cantas organizacións de pensionistas e sindicatos europeos o queiran subscribir.

Os nosos dereitos non caducan coa idade!

Esta batalla ímola gañar!

Bilbao, 24 de maio de 2024.

E o informe dos últimos movementos nos que tomaron parte xentes de Ribadeo, a nivel Galicia:

O luns seis de maio participamos na concentración de Modepén de A Coruña, fomos 15 e tamén houbo unha concentración en Vigo, formando parte das concentracions en todo o estado español promovidas pola Unidade de Acción e nas que se leu un comunicado cas reivindicacións que vimos defendendo nos últimos anos e que se concretaban nos puntos tratados.

Tamén o pasado domingo fomos á manifestación de Palas de Rei contra o proxecto da macropranta de celulosa que a empresa protuguesa Altri pretende instalar nese concello, como sabedes de chegar a realizarse tería unha extensión de 366 has, tomaría 46 millóns de litros de auga diariamente do embalse de Portodemouros e devolvería uns 30 millons de auga tratada e contaminante, ademais das emisións de gases cargados de partículas e productos químicos por unha chiminea de 70 metros de altura. O caso é que fumos un autobús de 55 persoas de toda a Mariña e alí xuntámonos con compañeiros e compañeiras de Vigo, Ferrol e outros de MODEPEN que levaban unha pancarta do noso grupo. Anque non é un tema específico das pensións, MODEPEN quixo estar presente e poñer o seu graíño de area neste movemento galego tan importante. Foi unha gran xornada de loita con mais de 20 000 persoas de toda Galicia.

Temos que comentar que para o día 14 de Xunio estaba prevista a Asamblea anual de Modepen en Valdoviño, perto de Ferrol, creo que non o comentamos na concentración do catro de maio porque estaba sen fixar a data, pero resultou que os compañeiros e compañeiras de Ferrol que se encargaron de organizar a xornada atoparonse con nun nproblema de última hora co restaurante que se comprometera e agora ten facer unhas obras e vaise aplazar a asemblea; de momento non se sabe o día definitivo, que se saberá o martes nun concello nacional que se vai celebrar ese día, pero estase barallando o 21, que aínda non é definitivo, xa o comunicarei no grupo de whatsapp. Pero se alguén se quere apuntar, que saiba que será por esas datas. Eu se é o 21 non vou poder ir por consulta médica en Oviedo e non a quero cambiar porque xa levo tempo agardando.

Outro tema que temos pendente é o do centro de saúde. Como recordaredes o 21 de decembro tivemos unha entrevista varios dos que estamos aquí co Sr alcalde e outras representantes do concello e nela expuxémoslle as nosas críticas ao proxecto do novio centro de saúde, sobre todo a localización onde o queren poñer que está a un km do casco urbano o do cenbtro quen é moito mais accesible para o uso dos v eciños. Eles deron unha serie de explicacions e promesas que non nos convenceron e quedamos que veria un técnico da consellería de sanidade para ter unha nova entrevista pero vilñeros as eleccions autonómicas e non se cedlebrou a devandita entrevista á que se comprometerá o alcalde e finalmente no pleno municipal do 14 demaio aprobouse seguir cos trámites para recalificar os terreos enfronte da estación de servizo e seguir adiante co proxecto demencial e descabelado de levar o centro de saude á esa zona enfronte da estación de servizo. Neste tempo tamén fixemos dous traballos: un foi facer unha enquisa a primeira hora da mañan ás persoas que viña nao dentro de saúde e preguntarles se viñan a pe ou en coche, e mais do 75 % veñlen a pé. A esta enquisa respostaron 260 persoas maiormente de idades avanzadas e outra cousa que fixemos foi poñernos diante da estación de servizo en distintas horas da mañá e contar os coches que pasan e puidemos comprobar que circulan unha media de 10 a 14 coches por minuto por esa zona en días de semana. Fumos seis veces, ou sexa que a proba e bastante representativa. Agora hai que pensar no que significa engadirlle 300 ou 400 coches diarios a ese punto, das persoas que accedan ao centro de saúde. Outra cousa que nos decatamos é que proxectan suprimir o servicio de radioloxía. Agora lanzan a mensaxe de que xa está todo feito e non se pode cambiar, pero esta é a eterna disculpa. Pola nosa banda segueremos loitando para que se desbote este proxecto e se valore restaurar o antigo centro ou construir o novo perto do casco urbano.

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE

20240604

Unha análise de título e subtítulo

Unha análise de título e subtítulo

    Cando isto escribo, faltan menos de seis días para que rematen as votacións ao Parlamento Europeo, 'as europeas'. Pese á escasa atención que se lle está adicando en relación a outras eleccións, aparecen varios titulares que tratan o tema, día tras outro, nos diversos xornais. E, mesmo a pesar desa escasa atención, xa dende os titulares os medios soen decantarse ofrecendo máis opinión ou tentativas de creación de opinión que feitos contrastados. Máis aínda: a intoxicación informativa chega a que, comparando diversos medios con calma, moitos titulares que aparecen presentando a información dun xeito máis ou menos neutro, poden destacar como un xeito máis de tendencia partidista se se fai a comparación cun pouco de présa ou con algo menos de coidado.

    Pode que sexa en temas políticos onde máis se vexa ese tipo de situacións, pero tamén é evidente que pode suceder na difusión mediática de calquera tema, guiada por calquera tipo de interese. E a máis, tendo en conta que a medida que pasa o tempo hai unha tendencia á concentración (sexa de sociedades que tenden a federarse, empresas que medran máis canto maiores son xa, partidos políticos que se integran en redes internacionais...), unha tendencia que fai que eses intereses tendan asemade a medrar e polo tanto a ter máis influenza.

    Aínda que non o mencionei antes, chega con falar só de titulares en xeral, sen entrar no desenvolvemento do que vai baixo deles. Un exemplo? Collo o titular dunha nova de onte nun xornal galego. A nova aparece doutros xeitos noutros medios, pero neste caso -cito textualmente-, di: "Altri tomará la decisión final sobre su implantación en Galicia una vez resuelva su licencia ambiental y una financiación con el 25 % de fondos públicos. El CEO de la compañía señala que detrás de las críticas al proyecto de Palas «hay mucha desinformación y muchos argumentos que no son correctos»". Unha nova de actualidade. Quen fala é un xefe da compañía que quere construír unha fábrica en Palas de Rei. Di que detrás das críticas hai moita falta de información, e fala de argumentos incorrectos. E é posible que haxa algo de desinformación, algo que non da a empresa. Sinala argumentos incorrectos, mais de xeito xenérico, sen citar, de forma que, que está a dicir el á súa vez? Iso no subtítulo. No título, está expoñendo un xeito de facer as cousas. Neutral... non? Pensando en que o mesmo título pode poñerse de xeito  'non menos neutro' como 'Altri tomará a decisión despois de que lle concedan o que quere e lle den cartos de todos para facer o que quere', coido que o que se chama neste caso neutralidade, aínda sen comparar con outros titulares equivalentes doutros medios, está claro.

    Nun escrito pequeno coma este, sempre queda fóra a maioría das cousas tratables dentro do tema, sexa o que sexa, que se está a desenvolver. Mais esa falta evidente non impide neste caso aproveitar o anterior para facer un chamamento tanto a quen escribe (eu incluído) como a quen le (repito o 'eu incluído' anterior) na procura dunha claridade que permita identificar o límite entre información e opinión, a falta moitas veces de posibilidade de identificar sinxelamente o que é mentira.

    [Nota. Definición de mentira segundo o Dicionario da R.A.G: "Aquilo que unha persoa presenta como verdadeiro sabendo que é falso."]