Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Pablo Rodríguez Vivín. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Pablo Rodríguez Vivín. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240729

Falando do Viejo Pancho


Falando do Viejo Pancho

    Este días de xullo Ribadeo lembra ó Viejo Pancho.  De xeito privado ou social, co concurso de contos organizado por Eoditorial, coa publicación de El Viejo Pancho. De Ribadeo e El Tala pasando por Navia, ou coa celebración institucional que rematou cunha ofrenda floral despois de ser representada "El rigor de las desdichas, juguete cómico en un acto y en verso" e presentado "El Viejo Pancho. Antoloxgía poética bilingüe" ou a páxina elviejopancho.org, con información diversa.

    O que non sabía é que xa en 1956 Xulio Sigüenza Reimundez entrou na RAG cun discurso en castelán sobre "Un gallego universal:José Alonso Trelles (El Viejo Pancho)", que pode descargarse en pdf e que pode servir como introducíón ó libro de Pablo Rodríguez, Vivín ou ás poesías traducidas recentemente. Boa lectura!

20240619

Presentación de 'El Viejo Pancho. de Ribadeo a El Tala pasando por Navia'

     Deixo a invitación, a portada do libro e algúns axustes:


    O texto da invitación é claro:

'

INVITACIÓN
Antonio Andina Penabad EOditorial
Valentín de Torres Solanot Del Pino, E2 IN2
Pablo Rodríguez Fernández “Vivín”


Comprácense en invitar a vostede ó acto de presentación do libro:

El Viejo Pancho. de Ribadeo a El Tala pasando por Navia


onde diversas personalidades do mundo académico e cultural de Galicia e Uruguai
presentaranos as 744 páxinas coordenadas por Pablo Rodríguez Fernández “Vivín”, que inclúen traballos inéditos, novidades e estudos sobre a vida e obra deste ribadense universal.
Data: venres, 21 de xuño de 2024
Hora: 20 horas
Lugar: Teatro de Ribadeo 

'


Na presentación participarán:

Como presentador, o periodista e especialista en temas migratorios, además de ser un dos colaboradores da publicación, MARTÍN FERNÁNDEZ VIZOSO.

Mais 

- RAMIRO RODRÍGUEZ BAUSERO, Cónsul General de la República Oriental del Uruguay. 

- PABLO RODRÍGUEZ FERNANDEZ “VIVIN”. Autor do libro. 

- VALENTÍN DE TORRES SOLANOT DEL PINO, responsable de “E2 IN2” (patrocinadora do premio de Poesía 'El Viejo Pancho'). 

- ANTONIO ANDINA PENABAD, da editorial “EODITORIAL”. 

- EDUARDO GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ, Cronista Oficial de Ribadeo. 

- MARCELINO FERNÁNDEZ SANTIAGO, Consello da Cultura Galega. 

- DANIEL GARCÍA FERNÁNDEZ, Deputación de Lugo. 

- ANA ISABEL FERNÁNDEZ GARCÍA, Alcaldesa de Navia (Asturias).

E por por videoconferencia, dende a casa de “El Viejo Pancho” en El Tala (Uruguai), responsables da Comisión de Cultura.

    O libro ten 744 páxinas, contido inédito e estudos diversos. Case cen colaboracións danlle corpo. Indica o autor que pretende deixar constancia para futuras xeneracións de quen era Alonso Trelles a ambas beiras do océano, e valoralo.

20240308

No nome delas. Pablo Mosquera


 No nome delas

8-M. Non debéramos necesitar que nolo lembren. A cidadanía, que é fonte de dereitos (fundamentais e sociais contemplados na Constitución española vixente desde 1978), non ten xénero. Pero é bo recoñecer e agradecer o que fixeron por nós, habitantes de Galicia entre os séculos XX e XXI, tantas mulleres que construíron o progresismo co seu esforzo exemplar. Entendendo por progresismo, que as xeracións sucesivas viven mellor que as anteriores. Polo menos eu sempre estarei en débeda con elas.
Teño a sorte de pertencer a un espazo de traballo, o socio sanitario, onde dende a miña incorporación alá polo ano 1968, nese Hospital Clínico Universitario "San Carlos" de Madrid, vivín nun entorno con tres características: Actividade pública esencial e maioritariamente feminina. Igualdade de prestacións laborais, económicas e xerárquicas entre mulleres e homes. Dedicación exemplar das nosas damas, compañeiras dos equipos multidisciplinarios para curar e atender aos enfermos -penúltima vez pola pandemia-.
Mais houbo momentos nos que as veciñas do meu Concello tiveron que loitar, e son momentos históricos dos que podo dar fe documentalmente e que quero compartilo como cidadán dedicado á cultura.
No verán -23 de agosto- de 1892 as mulleres toman protagonismo e amotínanse, atacando as oficinas do Concello de Cervo así como a casa de José María Crego e Carlos Correa. Segundo informa a prensa, trátase dun problema chamado imposto ao consumo, que afecta a produtos alimenticios como carne, trigo, millo, centeo, patacas. Eran o alcalde Santiago Álvarez e o secretario municipal Justo Basanta, os que se atoparon con pedras e tiveron que refuxiarse na casa de don Jesús Balmayor. -O peor son as consecuencias, posto que a Garda Civil procedeu á detención das consideradas xefes do tumulto: Carmen Martínez Ben, Josefa Rey Castro, Carmen García Rodríguez, Concepción Paleo, Clotilde Rubiños Paleo.-
O camiño pola area, dende as rochas nas que se asenta o pazo das Cubelas. Cando ía de Cubelas a Los Campos quedou aquela última imaxe das mulleres que traballaban na salgadura. Antes era habitual atoparse no Coto cunha pescadora vestida de negro rigoroso. Era unha desas viúvas dos vivos, cos homes da casa embarcados para traballar todo o ano ao cabotaxe.
O domingo 13 de agosto de 1972 inaugurouse a fábrica de cerámica denominada “Pía do Xunco”. Pero non será só unha fábrica de cerámica e louza, estamos ante un enclave para a cultura, un punto de encontro de artistas e escritores, un laboratorio de formas e un mecenado do libro. "É bonito, traballamos e a fin de mes cobramos a nómina -- As nosas nais traballaban todo o día e parte da noite, por nada" - Así é ser asalariado nunha industria, algo parecido a o que pasa nas conserveiras de Celeiro e Vicedo- -A maneira de liberarse é co traballo, tal cambio débello á iniciativa de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.

Pablo Mosquera Mata




20160705

Ribadeo Indiano 2017

Xa saiu. Xa podes engaiolarte coa recreación indiana de Ribadeo, procurada por Fernando Suárez para a promoción indiana de 2017. Porque é o alcalde o que abre as curtas historias que foron colgadas onte na rede e que serán moi vistas en Ribadeo e alén.
O vídeo é un éxito sen paliativos: en 18 horas despois de colgado no Facebook xa ten 10000 visualizacións, pon o contador, así como 444 compartidas. Mais para animar a que a xente veña este ano, esta fin de semana, coido que é tardío. Quedará aí para futuras edicións. E para as eleccións, que a promoción pode ser multiuso e a imaxe do alcalde a cabalo, abrindo o tempo da paisaxe da ría en longo e solitario monólogo pode dar moito de si, e se se usa para portada do vídeo, máis. Tamén máis que o saír de secundario en 'Os mortos van ás présas', que no seu momento fixo algo pola imaxe do rexedor. Non se pode negar que ó alcalde gústalle a interpretación. E, despois de todo, naceu na emigración.
... E veñen de novo os indianos. Repasaba eu un artigo de José Mª Rodríguez lembrando que máis aló da festa hai moito que a festa non deixa ver, e non só ó estilo das árbores que non deixan ver o bosque. Moitas, moitas cousas que a festa non ve.
Máis a creación da festa xa foi un éxito que a todas luces se repetirá este ano. E a xente divírtese, ven a moreas, e quedan cartos no pobo... que é o que se procuraba con ela.
--
Por certo, o programa deste ano (2016):
Programa Ribadeo Indiano 2016
Venres 8 de xullo
18.00h. No Teatro desta vila, PROXECCIÓN DA GRAN PELÍCULA-DOCUMENTAL “A legacy of smoke” (Un legado de fume) dirixida polos afamados James D. Fernández e Luis Argeo.
A continuación, entretido COLOQUIO cos directores e descendentes de españois emigrados aos Estados Unidos, Anthony Carreño e Laura Goyanes, así como co ilustre John Rañón, descendente de emigrados a Tampa (Florida), saídos da Devesa.
20.15h. Dende o Teatro desta vila, animado percorrido musical ata o PORTO DE PORCILLÁN acompañado do reputado grupo de música Cuarteto Tradicional Illa Pancha.
20.30h. No histórico peirao de Porcillán, A CHEGADA DOS INDIANOS. Animación teatral a cargo das admiradas actrices e distinguidos actores do Grupo de Tetro de Ribadeo.
21.00h. SUBIDA DENDE O PORTO con recreación musical a cargo dos grupos Versiones al paso e Son de Puerto Rico, nas emblemáticas escaleiras de Martínez, no fermoso recuncho do Patín e na célebre Fonte dos Catro Canos.
21.30h. No quiosco da Música desta vila, lerá o PREGÓN Dona Panchita, amante dos libros e da música, chegada de ultramar para departir co noso ilustre ribadense Don Pancho.
22.00h. No quiosco da Música do fermoso parque de San Francisco GRAN CONCERTO MUSICAL da Banda de Música Municipal de Ribadeo.
22.30h. GRAN PASEO. Amenizado e comentado polo ilustre fillo de Ribadeo D. Xosé María Alonso de Trelles, o noso querido Viejo Pancho, que no presente verán de 1906 hónranos coa súa presenza para folgar durante un período de tempo na vila, recén chegado dos pagos da República Oriental do Uruguai. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte neste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.
23.00h. VERSIONES AL PASO. Ameno percorrido musical polas melodías americanas no Quiosco da Música desta vila.
Ao longo de todo este día cheo de marabillosas experiencias, a bon seguro que desexaremos cumplimentarnos nas nosas afamadas casas de comidas e bebidas.
Sábado 9 de xullo
11.00h. GRAN MERCADO DE PRODUTOS DE ULTRAMAR E INDIANOS. No barrio de San Roque desta vila, abrirá á concorrencia a dita hora.
11.30h. Na histórica praciña de Abaixo, apertura do RECUNCHO DA ARTE, con demostración e exposición de pintura para deleite dos transeúntes.
12.00h. Na buliciosa Praza de Abastos desta vila, exposición de COCHES CLÁSICOS: o progreso tecnolóxico feito beleza.
12.00h. GRAN PASEO polo Ribadeo Indiano. Amenizado por unha visitante misteriosa que vén ata estas terras na procura das raíces dos seus fillos. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte deste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.
12.00h. Na tradicional Praciña de Abaixo. ACTUACIÓN MUSICAL a cargo do popular grupo Los Nostálgicos.
12.30h. Na entrañable praciña de San Roque, para os pícaros e pícaras desta vila, MINIXINCANA. Previa reserva**
12.30h. No Teatro desta vila. CHARLA CONFERENCIA: “Os haigas dos Indianos”. Disertación a cargo de Don Ramón Roca Maseda, patrono da fundación cultural do RACE. Introduce o acto Don Eduardo Gutiérrez Fernández, ilustre profesor e historiador local do moi nobre concello de Ribadeo.
13.00h. PASARRÚAS a cargo do popular grupo de mariachis Hispanoamérica.
13.30h. No emblemático barrio de San Roque. ACTUACIÓN MUSICAL a cargo da prestixiosa Orquestra A Gramola.
17.00h. Divertida e emocionante XINCANA. As mozas e mozos que desexen tomar parte na mesma deberán realizar a súa reserva previamente.
17.00h. PASARRÚAS a cargo da divertida charanga Santacompaña.
17.30h. De novo en San Roque, DEGUSTACIÓN DE CÓCTELES por cortesía do antiquísimo Ron Arehucas: a historia feita aroma percorrendo o seu padal.
17.30h. No vello parque de Indianos. I GRAN ABERTO DE QUIMBUMBIA (Billarda) do Ribadeo Indiano.
17.30h. GRAN PASEO polo Ribadeo Indiano. De novo amenizado pola nosa visitante misteriosa. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte neste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.
18.00h. INSTRUTIVO TALLER DE BAILE DE SALSA CUBANA. No fermosísimo Cantón dos Moreno desta vila, a cargo de Don Miguel David Herrera Lage, prestixioso profesor de baile latino da universidade compostelana.
19.00h. No Teatro da vila. CHARLA E COLOQUIO. “A noventa millas: circuítos migratorios dos galegos en Cuba e os Estados Unidos”.
Moderará esta interesante charla:
·         Dona Pilar Cagiao. Profesora Titular de Historia de América pola USC. Membro da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega do CCG.
Instruirannos cos seus reputados coñecementos e ponderadas opinións:
·         Don Ramón Villares. Catedrático de Historia de América pola USC. Presidente do Consello da Cultura Galega.
·         Don Vicente Peña. Profesor Titular de Teoría e Historia da Educación pola USC. Membro da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega do CCG.
·         Don James Fernández. Catedrático de Literatura e Cultura Españolas pola New York University.
·         Dona Rosario Márquez. Profesora Titular de Historia de América pola Universidade de Huelva.
·         Don Pablo Rodríguez Vivín. Libreiro ribadense e estudoso da época Indiana.
20.30h. XXII FESTIVAL DE HABANERAS E MÚSICA HISPANOAMERICANA RÍA DE RIBADEO. Amenizado pola afamada Coral Voces Amigas de Medina del campo (Valladolid), pola distinguida Coral San Agustín de Guadalix (Madrid) e pola prestixiosa Coral Polifónica de Ribadeo. No indiano barrio de San Roque desta vila.
23.00h. GRAN VERBENA TRADICIONAL. No quiosco da Música do parque de San Francisco, amenizado polos afamados grupos Folkgazais e Son de Cuba.
Ao longo de toda esta intensa xornada a bon seguro que nos cumplimentaremos nas nosas concorridas e coñecidísimas casas de comidas e bebidas.
Domingo 10 de xullo
10.00h. GRAN MERCADO DA HORTA. Na Praza de Abastos desta vila, exposición e venta dos deliciosos produtos da horta ribadense.
11.00h. PASARRÚAS pola vila, a cargo da célebre Asociación Amigos da Gaita.
12.00h. GRAN PASEO polo Ribadeo Indiano. Unha vez máis amenizado pola nosa misteriosa viaxeira. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte deste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.
13.00h. GRAN CONCERTO MUSICAL, no Quiosco da Música desta vila, a cargo da prezada Banda de Música Municipal de Ribadeo.
17.00h. GRAN PASEO polo pioneiro e innovador Centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias, acompañado polo ilustre profesor e historiador local ribadense Don Eduardo Gutiérrez. (*)
(*) As señoras e señores que desexen tomar parte deste Gran Paseo deberán realizar reserva previa.
19.00h. Na prestixiosa Escola de Rinlo. EXCEPCIONAL ESTREA MUSICAL do Coro da Mariña.
20.30h. No Círculo Habanero da nosa querida parroquia da Devesa. PROXECCIÓN DA PELÍCULA-DOCUMENTAL “A legacy of smoke” (Un legado de fume) dirixida por James D. Fernández e Luis Argeo. Estará presente no acto John Rañón, fillo de Ángel Rañón, natural da Devesa, emigrado a Tampa (Florida) e un dos protagonistas da película.
21.30h. No Círculo Habanero da Devesa VERBENA DE TARDE a cargo do excelente grupo musical Son de Ley.
Un día máis, e tras emocionantes experiencias, a bon seguro que nos cumplimentaremos nas nosas concorridas e coñecidísimas casas de comidas e bebidas.

--
Máis sobre o Ribadeo indiano, xa publicado:
 Ribadeo indiano 2014:
Augurando éxito
Éxito!
Ribadeo indiano 2015:
Programa
Crónica do Ribadeo indianizado
Cara e cruz da festa


20120921

Curioso

Falei xa aquí varias veces do novo IES de Ribadeo. Pouco a pouco vai comezando o curso, os adultos aínda non tiveron a presentación, e os problemas diversos de todo comezo, agravados polo atropelamento administrativo, maniféstanse nas cousas máis nimias.
Neste punto, parece que a precupación de certa xente pública é a de poñer o nome ó centro. Máis ben, como din, 'repoñer'.
Para centrar a cuestión, ata agora o nome dos IES era proposto nos consellos Escolares e votado neles. E aínda non hai nin Consello Escolar, pero reclámase á Consellería que lle poña nome (aquí, unha versión suave, suxerindo) nunha especie de exaltación patriótica e histórica (ver o artigo de Pablo Vivín na Comarca). Cabe lembrar que o nome proposto, Dionisio Gamallo Fierros, foi un nome que ostentou o IES nº 1 de Ribadeo só neste século, despois de nacer como 'Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel' e caer oportunamente en desuso o nome a finais do pasado século tras perto de media centea de anos e antes da lei de memoria histórica, de xeito que cando poucos anos máis tarde foi nomeado como Dionisio Gamallo aínda tiña a inscrición do seu nome oficial 'anterior' nunca (que eu saiba) oficialmente retirado.
Con dous antigos claustros en unión, amén doutros problemas e cuestións legais, como acabo de expor, coido que o nome polo menos debera esperar. E logo, xa se decidirá, se se lle da outro nome, a quen ou a que se asigna. Seguro que hai varias propostas.
Unha nota: aínda segue existindo un IES co nome de Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel en Madrid.