A cousa veume a conta das Catedrais. Esquecendo a historia anterior coa proposta do alcalde de limitación de visitas, por exemplo, que as catedrais están en Ribadeo é un feito. Que se queran aproveitar, é un desexo compartido. As condicións de aproveitamento, iso xa é fariña de outro costal, ou quizás deba dicir debería selo, dentro da diversidade da xente, de Ribadeo e tamén de fóra. Que se defendan con malos modos, é cando menos, cuestionable.
Despois dunha xuntanza interinstitucional na que naturalmente non estiven pero que foi retratada polos medios de xeito unánime como de perda de papeis polo rexidor ribadense, xa estaba convocada unha xuntanza que non levaba alcume, pero que non puido ser outra cousa que informativo / aclamativa na que participaron 90 persoas no cine-teatro, co escenario ocupado por autoridades político-comerciais dunha determinada visión, e foi convocado un pleno de urxencia para refrendar o todos a unha que tan bo resultado deu coa residencia de anciáns (despois da negativa inicial do alcalde e verse impelido polo pobo). Non é necesario ser adiviño para imaxinar a situación onte no pleno.
O pleno tivo unha urxencia polas Catedrais que non parece merecer o faro, cando a situación ven xestándose nun período semellante. Pero o alcalde, como líder do pobo, pode marcar os tempos, os temas, e mesmo parece que os modos. E faino. Nese sentido, leva moito adianto sobre unha institución máis grande, e polo tanto, en xeral,, máis lenta, como a Xunta. Unha alcaldía recén renovada con maioría absoluta mellorada, cun alcalde que se medra pola situación fronte a representantes dunha Xunta que ven diminuída polas votacións e en xeral polas circunstancias. Nunha situación así, o alcalde leva as de ganar, e a Xunta terá que mirar de salvar a cara, abrandando a súa postura, facendo o paripé de que tamén consulta á xente, etc.
Só algún pensamento máis, a modo de indicador do que penso: naturalmente, as catedrais, non é Barreiros, co que a presencia institucional do 'líder' barreirense, copartidario da conselleira, debía ser cando menos, medida. Agora ben, no marco de propostas pospostas, está o aumentar o tamaño dos concellos, e non é improbable que nuns anos Barreiros e Ribadeo queden unidos. Será o reparto de pases prohibido en San Miguel de Reinante? E a compensación económica do aparcamento que pretende o alcalde, pago descontable en servizos en Ribadeo, non podería ser espellada tamén en Barreiros? E a protección física (non administrativa) do rochedo, en que vai consistir? Falouse algo con fondo na xuntanza en pleno ou en cine da xente que anda por enriba e pode caer? Minucias non urxentes, a solucionar despois de pechar filas a favor dunha praia das catedrais comercial fonte de riqueza para Ribadeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Por favor, pensa antes de escribir. Grazas!