Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Media Maratón Ribadeo - As Catedrais. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Media Maratón Ribadeo - As Catedrais. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220504

Preparando a 8ª Media maratón Ribadeo-As catedrais

    Onte foi a presentación da nova edición (8ª, 2022) da media maratón. Reproduzo a nota de prensa do concello.

Foto Media Maraton

ORGANIZACIÓN E COLABORADORES DESTACAN A SÚA IMPORTANCIA

VIII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais

03/05/2022

A VIII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais celebrarase o 17 de setembro. No acto de presentación, que tivo lugar esta mañá, participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, o delegado do Progreso na Mariña, Xavier Lombardero, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, e o técnico municipal de Deportes, Iván Rodríguez.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "aquilo que hai oito anos iniciamos como un experimento foise consolidando ata ser hoxe en día unha cita ineludible das medias maratóns, que discorre por un lugar do máis fermoso tanto de Galicia como de todo o Cantábrico e de todo o Estado. Centos de persoas son os que cada ano se anotan nesta media maratón entre Ribadeo e As Catedrais. Confiamos que centos de persoas o volvan facer para esta nova edición, na que contamos con moitos colaboradores que co seu apoio fan que sexa unha das carreiras con máis boas críticas, en canto a organización, a intendencia e a que os obstáculos difíciles destes 22 quilómetros se fan moito máis levadíos co apoio de toda esta xente, entre eles o xornal El Progreso, a asociación de comerciantes e o resto de xente que nos bota unha man".

O concelleiro de Deportes tivo palabras de agradecemento para os colaboradores: "agradecer a Acisa, ao Progreso e a todos os colaboradores, pero sobre todo ao voluntariado porque é importante no percorrido e sen os voluntarios non poderíamos facer este evento, para a que necesitamos moita xente e moito apoio. As inscricións vanse abrir a partir deste mércores, día 4, desde as cinco da tarde. Para os 100 primeiros serán 5 euros, despois dos cen primeiros a partir do 17 de maio serán 6 euros, do 18 de maio ao 25 de xullo serán 7 euros, a partir do 26 de xullo ata o 15 de agosto serán 8 euros, e do 16 de agosto ao 13 de setembro, 9 euros. Cremos que son prezos módicos, atractivos para todo o mundo que queira participar e competir dentro do que poidan. Esperemos que a máscara se quite, que non teñamos que volver a ela e que todo o mundo poida disfrutar desta proba única".

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou: "desde Acisa Ribadeo estamos moi satisfeitos de poder colaborar un ano máis con esta edición da media maratón. Para nós é moi importante este evento, que atrae a centos de persoas, entre participantes e acompañantes, e que axuda a levar o nome de Ribadeo a moitos lugares de Galicia e de España. Polo tanto poder colaborar con este evento e outros similares para nós é importante, como o é dar a coñecer Ribadeo e que a xente que participe disfrute da hostalería e do comercio. Polo tanto dámoslle as grazas ao Concello de Ribadeo por contar con nós".

O delegado do xornal El Progreso na Mariña, Xavier Lombardero, dixo que "As Catedrais vai a máis. Es una de esas pruebas que cuando hablas de ella o preguntas por cualquier sitio dicen que es muy bonita; la gente se acuerda de ella por el recorrido y por el ambiente y en El Progreso estamos encantados de estar siempre ahí. Es una estupenda bandera para A Mariña".

20210924

Sobre a media maratón Ribadeo-As Catedrais

   Éxito. Despois da pandemia, a media maratón Ribadeo-As Catedrais volveu xurdir con forza no mesmo lugar no que estaba antes. O número de inscricións fixo que Ribadeo se volvera encher de xente e que a carreira fose un espectáculo. A saída en grupos de máis ou menos 20 cada 20 segundos tamén fixo a súa parte, alongando o paso de corredoras e corredores polas rúas (a súa chegada ás Catedrais xa sempre foi dispersa).

   Os tempos realizados non teñen moita diferenza cos de anos anteriores, a pesar do vento durante a edición deste ano.

   En canto ó tempo do vencedor, en relación coas catro edicións anteriores marcou un novo fito, 1 h 11 min 42 s, rebaixando Carlos Villamor a súa marca do 2018, 1:13:23.

   En canto ó tempo medio dos corredores, este ano foi algo superior ás anteriores catro edicións, 1 h 52 min 4 s, se ben como se pode ver na gráfica abaixo, as diferencias marcadas con outros anos son menores que no caso dos campeóns (como é lóxico, por ser unha media). Como curiosidade, adxunto tamén a mediana, o tempo feito polo corredor ou corredora que chegou no posto medio (se é impar o número total; se é par, está entre os tempos dos dous do medio). Este ano, 1 h 51 min 47 s. Que a mediana sexa menor que a media só indica que os corredores máis rápidos teñen menos tempo entre eles que os máis lentos.

   O número de participantres que chegaron a meta é semellante ó da anterior edición::

   O anterior é un número que debe complementarse co de inscritos. Mágoa que só quede rexistro das últimas edicións sobre non presentados, abandonos e descualificados (1 nesta VII edición de 2021). A cousa quedaría así, tendo en conta que en 2018 (V edición) non hai máis datos que os de chegada a meta:

   O anterior indicaría un lixeiro descenso anual do interese pola participación na carreira. Aínda así, resulta curioso ver como o número de non presentados en saída foi diminuíndo no tempo (franxa vermella), o contrario que o número de abandonos, se ben isto, por ser poucos, non ten moita significación estatística.

   A meteoroloxía tamén debera ter algo que ver cos resultados e número de presentados... aínda que a comparación das condicións das 18:00 da tarde dos días da media maratón, hora á que se estaba a correr en todos eles (aínda tendo en conta que algunhas edicións comezaron ás 17:00, como este ano 2021, VII edición, e outras ás 17:30) non leve consecuencias interpretables de xeito doado. Os datos dezminutais desa hora e días eran abondo semellantes, sendo o máis destacado quizais o xa citdo, o vento desta última edición:

2016 (IV Ed, 20260910):

2017 (V Ed, 20170916):
2018 (VI Ed, 20180915):
2019 (VI Ed, 20190914):
2021 (VII Ed, 20210918):

   Pode que chame máis a atención a gráfica seguinte, se ben é posta cáseque só a modo de curiosidade, os tempos de tódolos participantes nas diversas medias maratóns en relación coa orde de chegada:

   Nela, poden albíscanse dúas cousas. Unha, a diferenza entre as dúas primeiras edicións reseñadas, que ata preto do posto 500 ían igualadas en tempos, pero, por ter máis participantes, a curva de 2016 alóngase máis, subindo en tempos (correspondendo co tempo medio maior), e indicando unha maior cantidade de xente cunha preparción máis popular. A outra, as curvas correspondentes ás dúas últimas edicións, onde se ve que os tempos ían lixeiramente mellor na edición de 2019 dende o comezo da chegada do segundo terzo dos participantes, aínda que se igualen ó final.
   Participarás o próximo ano? Para animarte, a segunda parte do artigo, 'Sobre a media maratón Ribadeo-As catedrais', e a páxina oficial da media maratón.

Sobre a media maratón Ribadeo-As Catedrais (II)

    Quixen separar esta parte da entrada da anterior, pois son moi diferentes unha da outra. Nesta van os dous vídeos que tomei, o primeiro da saída, pero sen os primeiros nin os últimos, en grupos que van sendo chamados para saír cada 20 s. Algún pequeno desaxuste, pero dun xeito mecánico. A segunda, o paso polo concello, no km 1,9 dende a saída, os mesmo grupos de xente, agora moito máis dispersos e misturados. Os vídeos oficiais da chegada de cada atleta poden verse na páxina de resultados, https://ccnorte.com/resultados/vii-media-maraton-ribadeo-as-catedrais/medio-maraton/1



   A primeira parte, con comparativa de resultados e algún comentario, 'Sobre a media maratón Ribadeo-As catedrais'

20141114

Habemus PXOM


Onte, á última hora do día, era un clamor en Ribadeo: hoxe, venres 15 de novembro de 2014, Ribadeo vería rematado o novo PXOM coa sinatura final.
Era 1977, é dicir, 37 anos fai, cando o anterior plan de ordenación municipal, con moitos menos requisitos e ben diferentes circunstancias daba o seu paso final. É dicir, non unha, senón cáseque dúas xeracións de ribadenses atrás.
E ben, agora saberemos dos entresixos reservados ata o momento ós nosos mandatarios? En moitos casos, teremos a oportunidade. Noutros, case seguro que esa oportunidade poderase dicir que chegou tarde.
O recorrido foi longo: houbo un intento xa no século pasado que pereceu, outro co anterior alcalde que non chegou a bo fin, e, tras outros sete anos, o que agora remata. A sinatura, esta mañá na casa do concello, será todo un acontecemento. Aló irá moita xente. Outros teremos que traballar para preparar ese futuro posible que está escrito no documento, sexa cal sexa a redacción final do mesmo. Non o digo con acritude nin con ganas de ir, senón cun sorriso que expresa un feito, algo natural, 'típico'.
De aí en diante, que variacións lle esperan? Algunha intervención xulgado por medio? Interpretacións diverxentes quizais? Algunha reforma substanciosa en pleno?  Ou ben habería que preguntarse sinxelamente que duración/vixencia vai ter? Ou debemos cruzar os dedos para que un plan no que non aparece unha definición clara de Ribadeo faga a súa función cos se si aparecera? Ó fin, con visión clara ou non, logrouse un consenso, e parece que debemos dicir benvido sexa.
A imaxe, do Sigpac, presenta o 'Ribadeo prePXOM 2014'.
--
Nota posterior do concello: http://ribadeo.gal/actualidade/nova.php?id=1668&lg=gal
E, como non cabe en comentarios, copio a entrada que o propio alcalde deixou na rede:
A longa carreira do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribadeo
As reflexións que me veñen á mente neste emotivo momento son propias dun simil dunha carreira, mais non dunha milla da San Silvestre de Ribadeo, nin sequera da Media Maratón das Catedrais, senón dunha auténtica Maratón de Nova Iorque. Na primeira parte da mesma, todo foi un desbaraxuste. O equipo, neste caso a Corporación, non estaba coordinado, polo que todo ía mal. É certo que naquel momento estábase a vivir aquela tolura colectiva que logo se deu en chamar a burbulla inmobiliaria. Houbo moitos momentos en que se pensou en abandoar aquela carreira.
Logo de todo aquilo veu a segunda parta da proba. E con aquela burbulla estoupada voltou a cordura e por fin conseguimos a coordinación e o traballo en equipo até acadar a meta que é hoxe. Todos os grupos da Corporación e por riba disto as persoas desta e da anterior corporación. Unha enorme complexidade na súa tramitación. Poucos Plans urbanísticos de todo o país teñen o nível de dificultade que tivo este para un concello de 10.000 habitantes con dezaoito informes sectoriais.
Aquí está o traballo condensado de tanto tempo. Tantas xuntanzas (con encontros e desencontros aínda que os primeiros foron a tónica nestes últimos tempos), tantas viaxes a Patrimonio, a Urbanismo, a Portos, a Augas, a Estradas da Xunta, a Estradas en Lugo, en Santiago, en Madrid, a Eptisa na Coruña, con xuntanzas interminables no Concello cos técnicos xunto cos voceiros dos grupos que se pausaban para xantar (un menú do día) e que se reanudaban de seguido para avanzar na súa tramitación.
Quizais non sexa o mellor dos Plans, quizais non sexa o mais ambicioso de canto puidemos ter parido, pero todo, no seu conxunto, está presidido polo ánimo de facer ben as cousas, de estaren adaptadas ás leis vixentes e de conseguir as maiores dotacións publicas posibles para uso e desfrute de toda a veciñanza, xa desde agora mesmo así como nos vindeiros anos.
Este Plan Xeral de Ordenación Municipal ten presente os obxectivos de un crecemento sostible, de obtención para a colectividade de espazos públicos, de novas zonas verdes e dotacións publicas que non viu Ribadeo e practicamente en boa parte do século XX e do que vai deste XXI, xa que debemos lembrar que os espazos públicos mais importantes do Ribadeo de hoxe veñen de mais atrás, do século XIX como o atestemuña o Parque de San Francisco, a praza do Cantón, etc.
Queremos que nas novas promocións de vivendas se destinen un mínimo dun trinta por cento a vivenda protexida (vpp); queremos que as novas rúas que se constrúan teñan uns anchos mínimos e dignos; que os edificios teñan normas de habitabilidade que fagan cómodo o seu uso; que en moitas das mazás de Ribadeo se poidan facer parques, espazos públicos, pistas deportivas ou de atletismo, etc. etc.; queremos que existan novas rotondas e avenidas que conecten mellor o tramado urbano e a súa conexión coa autovía A-8. Queremos que nas parroquias se atope unha harmonía entre a lexítima querencia de mellora e ampliación coa da preservación do patrimonio. Queremos que Ribadeo medre con xeito, pero que ao fin e ao cabo, medre.
Grazas á equipa redactora Eptisa, aos técnicos do Concello. Pido desculpas polo meu carácter, no que ás veces podo ser algo rallante de mais, dado sobre todo por tantísimos anos de tramitación deste Planeamento. Grazas aos e ás membros desta corporación e da anterior, tanto do goberno como da oposición. Sempre, como todo na vida, habería que facer algunhas excepcións, pero eu non as vou facer, porque simplemente a forza da maioría e da boa fe da práctica totalidade nesta e na anterior corporación fixeron posible esta aprobación definitiva.
Grazas tamén, como non á Xunta de Galiza, pois a pesares dos desencontros que poidamos ter noutras cuestións importantes para Ribadeo, non detectamos mais que colaboración técnica e políticas, nesta e en anteriores lexislaturas. Sabendo que era un plan moi complexo pois ao final tivemos que aceptar, adaptar e corrixir cantos aspectos se nos foron indicando. Estou convencido de que todo isto ha supoñer unha maior fortaleza xurídica e técnica deste Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Parabéns a todos os veciños de Ribadeo, aos da miña xeración e aos mais maiores, aínda que especialmente aos que veñen detrás nosa, para que coa paseniña execución das directrices que marca este novo Planeamento, á volta duns anos estes nenos e nenas convertidos na xente que tutele o futuro do noso Concello poidan ser depositarios e desfrutadores dun legado de urbanismo racional e sostible para maior honra todos.
Ribadeo, 14 de novembro de 2014. (Data da sinatura da aprobación definitiva do PXOM de Ribadeo)
Fernando Suárez Barcia
Alcalde de Ribadeo
 

20170919

Deporte e transporte parécense

Aparcadoiro de bicicletas do modelo posto de xeito recente en Ribadeo (pza. 8 de Marzo)

Este fin de semana houbo en Ribadeo dúas actividades deportivas multitudinarias.
A primeira delas (segunda no tempo), a festa da bicicleta, reuniu a varios centos de persoas que un ano máis se deron un paseo festivo o domingo pola mañá por Ribadeo, recorrendo o pobo, foi auspiciada de xeito privado e non foi reivindicativa como outras, máis minoritarias, que reclamaron o pasado ano outra consideración para os ciclistas, incluídos carril bici e aparcamentos.
Bici no auditorio (2008)

A consideración depende de cada un, e vaise logrando moi pouco a pouco, como puiden comprobar onte mesmo na rotonda na que a N-642 desemboca na N-640. O carril bici en Ribadeo segue a estar ausente e non se lle espera. Aparcamentos de deseño foron postos hai non tanto en varias zonas, ó pouco de instalar os carteis de vila amiga das bicicletas.
E mais a bicicleta parece ser o vehículo do futuro, e non só pola dificultade na procura de petróleo, senón porque a dificultade cada vez maior de dispoñer de transporte público na zona rural ten menos espazo na prensa e patrocinios que a bicicleta. Do transporte público só se fala para información xeral e pola xente que se vai quedar sen emprego. É lamentalbe a perda de emprego, pero tamén un indicativo de que a mala comunicación no rural non parece ser moi importante como servizo se non se pode exprimir moito beneficio.
A segunda cita deportiva, o sábado á tarde, foi a IV edición da Media Maratón Ribadeo - As Catedrais. Mais numerosa, con máis de 700 deportistas correndo, pasou a maior parte do tempo polo camiño do Cantábrico. Tamén promocional e festiva, desta volta, reivindicativa das catedrais ribadenses, o seu recorrido corre á beira dun trasporte colectivo en patente abandono e derribo. Tanto que din que o tren é unha ruína cando nin se fai por cobrar, nin se poñen maquinistas e moitas veces hai que levar á xente en autobús ou taxi contratado, e mesmo é un perigo polo descuido da vía e o esu entorno. Unha carreira que remata nun lugar para o que se pediu un apeadeiro ou estación para facilitar o acceso, pero o que leva funcionando xa varios anos é un aumento de aparcamento de tempada. Un lugar para o que se pediu transporte público, pero que incrementou as prazas de aparcamento para transporte individual.
Si, que ambas verbas rematen en 'porte' non parece asegurar que haxa unha conexión no seu uso máis aló da existencia dun movemento.

20230918

Sobre a presentación de 'En Brandán'

Sobre a presentación de 'En Brandán'

    Á mesma hora que en Ribadeo estaba a ter lugar o recital poético que daba inicio formal á homenaxe a Xusto Moreda (a exposición levaba aberta xa un par de horas), e que tiñan lugar os últimos movementos da Media Maratón Ribadeo - As Catedrais deste ano, como tamén estaba anunciado, presentouse o último libro de Lucía Ferro, 'En Brandán'.

    Dos outros eventos iremos falando. Vaian agora unhas verbas sobre este último acto.

Lucía Ferro, entre Daniel García, concelleiro de Cultura de Barreiros (á nosa esquerda), e Suso Fernández Acevedo, profesor e estudoso do galego (á nosa dereita).

    É raro que nun acto deste tipo se teñan que completar máis asentos, mais foi o que pasou este sábado, cando as 25 cadeiras dispostas quedaron escasas. Boa parte dos asistentes era a primeira vez que entrábamos nunha biblioteca que se pode cualificar de pizpireta e acolledora, a B. Pública de Barreiros.

    A introdución a cargo do concelleiro, curta, resaltou orgullo por dar acubillo á presentación dunha segunda obra dunha filla do concello, presentada ademáis por un estudoso publicado da lingua galega e profesor recoñecido non só por el, senón tamén por Lucía.

    Síntoo, a gravación do son que fixen desboteina sen querer, co que non podo precisar as verbas ditas como quixera, senón que só podo fiarme da miña memoria, polo que non me estenderei. E así, dicir que Suso Fernández fixo unha presentación que chamaría académica na que resaltou a claridade da lingua (naturalmente, a intriga necesita de puntos obscuros, pero iso é outra cousa), o progreso dunha escritora que segue dende nova ou a visión que lle dá a formación como enfermeira e a aplicación da mesma na primeira novela ó mundo das farmacéuticas e nesta segunda en relación ó que soe denominarse como enfermidades mentais.

    En canto ó dito por Lucía, centrou o libro de xeito inequívoco nunha vila galega que se diría xenérica, mais cunha xenericidade feita de particularismos. Explicou, ata onde podía, en que consiste a intriga do libro. Comparou os dous libros dos que é autora, non só por temática ou tamaño da obra ou tempo adicado, senón tamén pola aprendizaxe que foi aplicada e a que supuxo para ela.

    Remátame de chegar a ligazón a un vídeo do acto que tomou José Manuel Ventoso. Unha vez escritos os parágrafos anteriores, prefiro non borralos, e que quen quera, compare a miña percepción e memoria co captado polo vídeo. Asemade, deixo un audio da charla, complementario co anterior.

Vídeo: https://fb.watch/n852SEBV93/

Audio: 

https://www.podcasts.com/ribadeando-3a91407da/episode/sobre-a-presentacion-de-en-brandan