20230505

6 de maio, concentración

    Pasou o 1 de maio, igual que pasou a época de traballo de moita xente. Pero non por iso se solucionaron os problemas dos traballadores, nin tampouco o seu futuro pensionista. Mañá, sábado 6 de maio, ás 12 da mañá, diante do concello de Ribadeo, concentración como ven habendo dende hai xa anos en torno ás pensións, pero non só: equidade, traballo xusto, igualdade...

    Continuará...

20230504

Acta do pleno do Concello de Ribadeo de 20230404

      ACTA DO PLENO 2023-0006 [ACTA PLENO ORDINARIO. 04.04.2023]

    Actas e plenos anteriores.

Un chío de primavera. Xa é primavera en Ribadeo

    Remata de saír o número de maio de Chío, revista dixital da capital provincial que cumpre a súa vixésima saída e na que Ribadeo ten un oco. Este:

Un chío de primavera. Xa é primavera en Ribadeo

 

Hai non tantos anos ten sido célebre o anuncio ‘xa é primavera’ dunha nomeada cadea de comercios. Un anuncio que se apropiou dun dito común anunciando a chegada da primavera ó frorecer os campos e con eles os espritos. En Ribadeo tamén, xa é primavera. Vese no ánimo das xentes, no florido dos campos, dos parques, pero tamén dos tellados. Alí están os xardíns colgantes ribadenses, que animan a mirar cara arriba todo o ano, pero sobre todo nesta época de cores que alternan co verde e cun Sol que de cando en vez permite que as nubes desparramen as súas gotas para permitir a milagre da vida.


Falo dos tellados, pero máis que ós tellados, o territorio ó que me refiro son as canles que encamiñan as augas cara á baixante, onde se acumulan asemade terras, pó, sementes ou cagadas de paxaros, que en conxunto fan a base vivificante dese xardín do edén que parece colgar e que se estende visible a pouco que poñamos atención. A máis, o territorio esténdese polos altos dos muros das divisorias e por moitos outros saíntes.


Pódese facer un estudo da terraformación nos tellados. O mesmo que as illas que nacen dun volcán van sendo colonizadas pola vida pouco a pouco, as cubertas comezan por ser manchadas e logo colonizados por liques e musgo, criando o substrato fértil, formando a terra que acubilla primeiro a pequenas plantas, pero nalgún caso a auténticas árbores. Un descoido humano de adecentamento do propio que pasa a ter acubillo e coidado da man da natureza, na procura de recobrar o que é seu do inhóspito da nosa creación.

 

Dicimos que o ceo e azul e o mar é azul. Mais son diferentes azuis entre si, e dun día, dun momento para outro, os cambios son evidentes. Azuis si, pero cambiados: as verbas quédansenos escasas. É un fenómeno coñecido a escaseza da lingua para algunhas cousas. Na descrición da pimavera ocórrenos o mesmo. Grandes escritoras e escritores tiveron nela inspiración, e mesmo nalgúns casos parécenos que as súas verbas superan á vida que florece. Un paseo sosegado, unha mirada atenta e apreciativa, amósanos que ate as beiras máis humildes poden deixar pequenas as descricións literarias. Remato de dar un paseo así en Ribadeo.

Antonio Gregorio Montes

 

Por Nuestro Faro e os espontáneos. Covadonga Suárez, presidenta da AVV Por Nuestro Faro

Por Nuestro Faro e os espontáneos

    Por Nuestro Faro cumpre esta semana 8 anos de existencia, tantos como o uso e explotación exclusivas da illa Pancha. Foi este quizás o proceso de privatización máis opaco da historia recente de Ribadeo, en canto á tramitación do proxecto e á difusión da información.

    Desde a nosa asociación temos a impresión de ter exercido noso traballo sempre a contracorrente desas institucións que nos debían transparencia pero que actuaban seguindo patróns propios, sen dar contas de nada, moi lonxe do talante democrático e participativo que se esperaba ante a xestión dun patrimonio común tan emblemático como a illa Pancha.

    Pero non só tivemos que loitar cada miguiña de información conseguida de Portos ou do Concello de Ribadeo, recorrendo mesmo á Valedora do Pobo para que intervise ante o silencio consistorial, senón porque as institucións teñen movido montañas dende o seu poder para levar a cabo a privatización do espazo natural máis representativo e preservado de Ribadeo. E a calquera prezo.

    Todo comezou en 2015 co levantamento da lei que prohibía o uso hostaleiro dos faros, por parte do goberno de Rajoy, en Madrid. En aquel entón o único proxecto que tería en conta para instalar un hotel no faro da illa Pancha de Ribadeo xa estaba preparado de antemano e só faltaba esperar a que Madrid cambiase as leis. E así foi, a concesión deuse de inmediato baixo o manto da Autoridad Portuaria e o aplauso público do alcalde de Ribadeo. A nosa asociación viu que era tan doado lanzar o patrimonio ás mans privadas como cerralo ó público dando a mínima información. As montañas institucionais seguiron movéndose ata desdobrar o proxecto inicial en hotel e cafetería esquivando así o estudo preceptivo de impacto medioambiental que se exigía ao conxunto do proxecto: coa excusa de que o hotel non incluía ningunha obra exterior os apartamentos podían ir funcionando ata a aprobación (no concello e a porta cerrada) da licenza de actividade da cafetería. De nada serviron as leis españolas e europeas destinadas a protexer unha zona que pertence á Red Natura 2000, ou os informes obtidos do Defensor del Pueblo declarando a falta de estudo de impacto medioambiental. Aquí a complicidade Puertos-Concello ó servizo desa privatización foi máis forte que a nosa alegación, que, coas leis na man e o apoio do Defensor del Pueblo, foi calificada de incongruente por parte do Concello de Ribadeo.

    Por outro lado, a illa estivo cerrada durante 7 anos. Por iso na asociación nos quedamos tan estrañados cando vimos rotar a relación Puertos-Concello e o alcalde decidiu levarse por delante a porta que ignorara voluntariamente todo aquel tempo, así como tantos dos nosos escritos reclamando a súa apertura. Pero tampouco hubo resposta a moitos outros: sin ir máis lonxe, o último, de xaneiro de 2023, pedíndolle ao señor alcalde que comezase as xestións para que o faro sexa declarado BIC en base aos seus forxados de Sargadelos. Parece que a propiedade privada non se toca.

    Pero volvendo ao tema do acceso, onde estaban Portos e Concello cando denunciamos ante a fiscalía en xuño de 2019 que a porta da illa estaba pechada, a pesar de que a licenza que o mesmo alcalde outorgara en decembro de 2017 esixía o acceso. libre? Aínda que a fiscalía nos deu a razón, a porta seguiu pechada. Tamén neste último ano recorremos ao grupo parlamentario do BNG para pedir en Ribadeo o mesmo apoio que daban á Illa da Creba, para que fose público e de libre acceso.

    Aledámonos de que Portos dixera o verán pasado que a porta da illa permanecerá aberta durante o día. A súa espontaneidade despois de 7 anos resulta refrescante. Así como o alcalde, que no último ano se puxo a vixiar o acceso cunha vehemencia inusitada.

    Non sabemos que aire removemos ou cuál foi a nota que soou de pronto, pero todo o que queda por saber e por facer (fosa séptica sen legalizar, estudo de impacto medioambiental inexistente, etc.) lévanos a seguir adiante, por ética e por coherencia, co mesmo empeño que todos estes anos.

    Non nos engañemos, ninguén é un virtuoso por tocar unha tecla nun piano un día, despois de 7 anos. Se acaso, un espontáneo. Por iso, queremos dar as grazas aos que nos acompañaron e nos acompañan nesta loita de fondo pola protección real do noso patrimonio e contra o que segue sendo a privatización da nosa terra. Aínda que non teña porta.

Covadonga Suárez, presidenta da AVV Por Nuestro Faro

20230430

Os tres grandes problemas sobre os que ninguén se pronuncia. Pablo Mosquera

 Os tres grandes problemas sobre os que ninguén se pronuncia

Xa temos todas as fotos. Tras  das loitas internas propias da partitocracia. Hai infinidade desas obras tan evidentes que chegan a última hora. Levamos semanas “bombardeados” co que se fixo (?) dende a Deputación. Hai comidas de confraternidade para maiores. Ao final somos unha vella provincia habitada por veteráns/veteranas. E... promesas ás parroquias que son as que deciden a Alcaldía.

Sei os tres mandamentos para ser un político local. Candidatos cunha familia longa e ampla. Obras espectaculares moitas veces de dubidosa necesidade fronte a outras demandas sociais. Evitar ser politicamente incorrecto á hora de modificar o plan do partido que goberna en Galicia ou en España. "Fai coma min e quédate fóra da política".

Nesta costa -Mariña Luguesa- hai polo menos tres demandas sobre as que deberían pronunciarse os alcaldes e como primeira e seguinte instancia do poder popular ante outros poderes ESIXIR. Algo así como aquel 2 de maio de 1808...

Comunicacións dignas e adecuadas para medrar economicamente. Temos camiños cheos de fochancas, pozas de auga e curvas, mentres se esquecía a promesa dunha vía rápida, ou nas discusións bizantinas que xustifican a paralización de obras como a variante de Viveiro. O inconveniente é que existe unha certa relación perversa entre a densidade de tráfico, o estado da rede viaria e a vellez no parque automobilístico, cos accidentes. Engado o abandono que sofre o dereito a contar cun ferrocarril eficiente que estruture o territorio para os viaxeiros e as mercadorías diarias.

O estado da sanidade. Esa espera que se prolonga dende a pandemia e que vai en aumento por falta de médicos. Ou a intolerable actitude do SERGAS que diagnostica e atende os enfermos por teléfono -manda carallo na Habana-. 

E, por último, a contaminación que, como a persistente seca, a case ninguén parece importarlle e que ten como mellor expoñente a balsa de lodos vermellos sobre a que seguen botando. Amén deses vapores vermellos por terra, mar e aire.

Pablo Mosquera

20230429

Día do libro

Traballo de Lienhard Schulz en Berlín. Lic CC BY 2.5 , collido de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Printing3_Walk_of_Ideas_Berlin.JPG

Día do libro

    Nunha cidade, lonxe, baixo un sol que algún diría espléndido e outros de xustiza, repaso coa mirada os tomos expostos nas moitas casetas que se presentan ante os viandantes. Quixera -gustaríame- atopar algún libro en galego. Tarefa imposible. Pode que se me escapara algún, mais non foi así cos feitos en inglés, francés, alemán ou italiano, ou mesmo chinés ou catalán, nesta feira baseada sobre todo en libros en castelán. E sobre Galicia? Na sección de viaxes sempre cae algún solto, non moitos, pero pódese apostar por iso.

    Lonxe da terra, lembro a Andrés -dinlle as grazas pola última lectura que me recomendou?- e os escaparates que amosan xa non só libros, senón outros produtos que axudan a manter o letreiro de librería á porta do establecemento.

    Bibliotecas? Esta mañá, un apartado dun museo facía de biblioteca de animación á interacción co texto e imaxe, que non á lectura, complementando unha pequena biblioteca e suplementando cunha grande e imaxinativa. Non, non é exactamente unha biblioteca, mais achégase nun intento -desesperado?- de animación e ilusión pola lectura e a súa base, a escritura e composición ideal -de ideas-.

    E iso, que é? Unha librería na que se sirve café ou unha cafetería na que se venden libros? Sexa o que sexa, estase ben un rato alí. Acompañado, os temas de conversa vanse ampliando polo entorno. Só, puidera elixirse de xeito diferente lectura, saboreo ou ambos.

    Cruce de libros. Bookcrossing, libros libres, adopta un libro... as alternativas multiplícanse -en número- e divídense -en características e posibilidades- de paso de paso que aumenta o volume publicado e mingua o espazo adicado (ou adicable) e mentres medran as ideas impresas no espazo dixital, unha alternativa saudable, pero só iso, alternativa.

    Non, un día coma hoxe non me fixo por un club de lectura, pero haber, hainos, e imaxino como pode ser o que outro día anunciábame a tortilla compartida como reclamo extra de comunidade para a convocatoria do cartel, xa atractivo de por si -ao menos, para min-. Se non un club ou semellante, hoxe, sempre queda a nube para intercambiar.  De novo, Bookcrossing, ou Goodreads, entre os lugares máis concorridos.

    23 de abril. Os días seguen a medrar coa primaver anunciando e cumprindo se sobras co bo tempo e ánimo. Non escolleron mal o día do libro, máis aló de celebrar anos da morte de Cervantes ou o nacemento de Shakespeare (ou da batalla de Cacheiras!)

    Fóra do radar e deste escrito quedan outras cousas, como o nada desprezable uso -para a saúde da industria do libro- decorativo e de distinción que se deu e coido que aínda se pode dar nalgúns lugares, a queima de libros ou a súa prohibición (de actualidade nos EEUU) e outros.

Antonio Gregorio Montes

MÚSICA CLÁSICA FOLCLÓRICA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Groba no festival de Cans. Foto de Alberto Pérez Barahona en elDiario.es, lic. CC BY NC 4.0

MÚSICA CLÁSICA FOLCLÓRICA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Ponteareas é vila de grandes músicos. O director e compositor ponteareán afincado na Coruña, Rogelio Groba, finou o primeiro día deste ano. Meses atrás estreara a sinfonía “Voces da terra” para celebrar os trinta anos da Orquestra Sinfónica da Galiza, cuxa primeira actuación foi precisamente cunha obra súa: Ultreia. Baseouse para iso nos catro elementos fundamentais da natureza: aire (danza do vento a ritmo de foliada), auga (con xeito de cantiga popular), terra (aos sons da muiñeira) e lume (cun aquel de pandeirada). Para el, o folclore tradicional galego (de raigame estritamente popular ou modernizado como no caso das Tanxugueiras, por exemplo) é extremadamente variado e goza dunha excelente saúde, amais de non ser, en absoluto, incompatíbel coa música clásica sinfónica, mais disto podería falar moito mellor ca min outro colaborador neste xornal, amante e estudoso da tradición musical de Ribadeo: Carlos Álvarez Lebredo.

    Eu lémbrome de rapaz teimando en tocar ao piano as endiañadas, disoantes, desafiantes e “desafinadas” composicións de Groba case con tapóns nos ouvidos. Pido agora publicamente xa non o seu imposíbel perdón, mais desculpas por semellante herexía. Cousas da adolescencia e da súa rebeldía.

20230422

PINTORES QUE COLECCIONAN PINTORES. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

A italiana, de Corot (1796-1875), pintado cara a 1870.
 

PINTORES QUE COLECCIONAN PINTORES

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Moitos afamados pintores foron tamén importantes mecenas ou grandes compradores de obras de arte dos seus colegas, dos seus talentosos rivais, dos seus amigos máis estreitos ou dos seus admirados mestres fetiches. As razóns destas compras e poxas (moitas veces compulsivas) son de carácter artístico, sentimental, intelectual ou sinxelamente monetario. Moitos deles teñen á vez sensacións encontradas de profunda admiración ou de incontrolábel envexa por aqueloutros aos que pretenden imitar ou nos que se pretenden inspirar. Outras veces, ese amoreamento de lenzos tiña simplemente unha función de puro coleccionismo ou de futuro investimento para máis tarde vendelos a moito mellor prezo.

    Por poñer só un exemplo, Lucien Freud sentía unha especial devoción polo francés Corot. Durante moitos anos, aquel tivo o cadro de este, “L’italienne”, pendurado no salón do seu domicilio londinense. Cada vez que ía a un museo, adoitaba dicir que en realidade ía a un hospital porque el ía ver cadros como quen vai ao médico: “para que me axuden a sandar”. Así o confesou e recoñeceu algunha que outra vez. No seu testamento deixou como legado este retrato tan querido para el ao Reino Unido en agradecemento pola acollida que lle ofreceu tras da súa precipitada fuxida da Alemaña nazi.

    Outro comprador (lindando coa adicción case até a mesmísima ruína) de obra pictórica foi Degas, chegando a posuír 22 pinturas de Ingres e outras 16 de Delacroix. Esta mestura de admiración, ciumes, rivalidade e amizade tamén se deu entre Matisse e Picasso, que estiveron intercambiándose cadros durante anos. O primeiro agasallou o segundo cun debuxo da súa propia autoría como xeito de lle dar as grazas por ter vixiado a súa caixa de caudais durante a ocupación alemá de París. O pintor malagueño, pola súa banda, ofreceulle unha das súas obras máis cotizadas e cobizadas: o retrato de Dora Maar, unha das moitas mulleres coas que compartiría algúns anos da súa vida. Grazas a todos estes intercambios, moitos cadros poden hoxe estar en museos de todo o mundo en lugar de no baño dalgún hortera acaudalado.