Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Discosta Norte. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Discosta Norte. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20220527

Vai de economía

    Polo que parece, remata de publicarse o último informe ARDÁN, realizado pola Zona Franca de Vigo. Quizáis é o informe máis completo sobre o tecido económico galego entre os que se difunden. É longo e con múltiples apartados. Para botarlle unha ollada, fun á páxina web da zona Franca e collín algúns dos últimos datos que afectan á Mariña (informe de 2021, con datos en boa parte de 2019) dos que alí están en aberto, e tamén collín algún dato da portada da Mariña da Voz de Galicia para empresas concretas de Ribadeo. Aí vai, de xeito correspondente co que fixen outros anos:

    A lembrar que as empresas que tributan en Madrid (Alcoa España), para moitas cousas non contan, o mesmo que non contan para o pago de determinados impostos en Galicia, o que distorsiona algúns datos. Aínda así, coido que paga a pena.

    A primeira táboa que deixo ordea as comarcas galegas polo peso do seu Valor Engadido xerado en Bruto, destacando o peso da comarca coruñesa, con máis da metade do VEB de Galicia (61,31 %), con só o 15 % da poboación pero o 31 % do emprego. A Mariña, en conxunto (a sumas das tres comarcas ficticias) xera o 0,91 % do VEB, para unha poboación que é o 2,62 % da galega e 1,77 % do emprego. Naturalmente, esas diferentes proporcións nótanse nos ingresos medios da poboación, abondo maior na comarca coruñesa. Comparando, e coa salvedade expresada das empresas que tributan enMadrid, na comarca da Coruña o valor engadido por traballador sería case catro veces o da Mariña, o que remata implicando ingresos e riqueza económica tamén superiores. E a relación de número de empregos/número de habitantes da Coruña é tres veces a que corresponde á Mariña, o que fai comprender a dirección dos movementos de poboación.

    Dentro da Mariña, as porcentaxes VEB - poboación - emprego son:

Mariña     % VEB     %     poboación     %     emprego
Occidental 0,40 0,95 0,78
Central 0,38 1,07 0,66
Oriental 0,13 0,60 0,33

    É dicir, dentro da Mariña, a comarca oriental, na que está incluída Ribadeo, ten uns indicadores económicos, medidos cos patrós actuais habituais, peores que os das outras dúas comarcas, tanto en rendemento de valor engadido por traballador como en número de empregos fronte ó número de habitantes (e, de xeito consecuente, en rendemento por habitante). Non obstante, iso está a cambiar de xeito recente. Aínda que A Mariña ten aumentos de valor engadido menores que a media de Galicia, dentro da Mariña hai diferenzas grandes nesa variación, sendo abondo maior o incremento na Mariña Oriental que na Central ou Ocidental, como amosa a seguinte táboa.

    En canto ás empresas máis destacadas (grandes en concepto de vendas), entre as 75 primeiras mariñáns, de Ribadeo só hai catro (a terceira parte das que lle correspondería por poboación, de xeito correspondente cos peores indicadores da Mariña Oriental en relación á Central e Occidental, como foi mencionado antes):

- Posto 8: Fertieuropa, 11 949 503 € de facturación. Como referencia, no 2009 figuraba no informe ARDÁN con 16 millóns de € (e 1 empregado), e tamén era a primeira ribadense.

- 42: Lido Marine, 4 210 302 €, non aparecía no 2009 é pertencente a un grupo multinacional.

- 53: Gasóleos Abelleira, 3 748 138 €, figuraba con 3 millóns de € e 4 empregados.

- 63: Discosta Norte, 3 297 053 €, figuraba con 3 millóns de euros e 21 empregados.

    As tres primeiras por facturación da lista de 75, ABSA de Burela, Pescados Rubén, de Foz, e Lonxa de Celeiro, as tres adicadas ó sector pesqueiro, facturan cifras semellantes, e en conxunto 150 millóns de €, a distancia da cuarta, que pasa a ter a metade de facturación, Acciona Eólica, en O Valadouro. Ningunha delas está na Mariña Oriental, e cada unha das tres factura entre catro e cinco veces o que a primeira ribadense. Por outra banda, que sone ou non o nome dunha empresa nesa lista non é unha referencia: con 4 100 638 € de facturación, Porcelanas de Sargadelos está na posición 49. Sen contar con que haxa entramados societarios que aglutinen ou polo contrario, desagreguen facturación.

20090702

Vectores da economía ribadense

    Atópome hoxe na prensa un especial sobre a economía da provincia. No mesmo exemplar, atopo que o coche máis vendido na actualidade é o Megane, que non é precisamente a gama máis baixa de Renault, e a nova de que o sector forestal da provincia segue caendo en importancia mentras os viños da Ribeira Sacra, que se están posicionando entre a gama alta, medraron as súas vendas un 35% en 2008, en plena crise. 

    Parece que a crise, como se ven mantendo non é para todos os sectores de poboación do mesmo xeito. A cousa foi que ó anterior cheguei despois de interesarme outra nova económica, a relación de empresas de Lugo, ordeadas por facturación. 

    A cousa foi que a empresa no lugar 13, Acciona Eólica de Galicia, con 48 M€ facturados, ... non ten empregados!. Pensei que sería un erro (coido que unha lista destas ten normalmente un índice de erros relativamente grande), ata que vin outras moitas empresas na mesma situación. 

    A seguinte nela é 'Cafés Candelas', marca coñecida, con 28 M€ facturados o pasado ano, no posto 24. E así poderiamos seguir. 

    E seguín. A primeira empresa que aparece afincada en Ribadeo é Fertieuropa, posto 52 de facturación na provincia, con máis de 16 M€, e... 1 empregado. 

    Xunto coa relación, tentei de achegarme o máis posible vía internet ós datos e web das empresas, pero poucas teñen unha web, aínda que de todas se atopan rastros diversos na rede. Salvo erro pola miña parte, a lista de empresas ribadenses contempla: 

Construcciones Coto Ribadeo, SL, nº 93, 9 M€, 33 empregados 

Garajes San Andrés, SA, nº 95, 9 M€, 23  

Comercial Agrícola Ribadeo, SL, nº 115, 7 M€, 6  

Tubolens SA, nº 136, 6 M€, 34  

Distribuciones López Abelleira SL, nº 312, 3 M€, 4 (a gasolinera)  

Discosta Norte SL, nº 316, 3 M€, 21 (viños Castillo San Damián) 

Tiver perfumerías, SL, nº 407, 2 M€, 21 (Tiendas Verdes)  

Escambruño SL, nº 500, 2 M€, 0 (di 'promotora', pero da como lugar ... a piscina?) 

Importaciones Carreira SL, nº 531, 1,9 M€, 10  

Coprori SL, nº 570, 1,8 M€, 0  

José Pulpeiro Doval-Os Gallopiños SL, nº 583, 1,8 M€, 25  

Agroquímica Fertipor, SL, nº 614, 1,7 M€, 3  (relacionada con Fertieuropa)

Gestión Gratelu, SL, nº 627, 1,6 M€, 18  

Comagru SL, nº 654, 1,6 M€, 1 ... 

    Aparte, hai que ter conta que por exemplo Alcoa non aparece na lista por ter a sé en España en Madrid. 

    O certo é que me levei algunha sorpresa. Algunha, que non coñecía, outras, que non asociaba con Ribadeo, varias que aparecen con 0 empregados, ... Como outras curiosidades, aparece Construcciones Coto como 9ª provincial por valor engadido e Electronima como 13ª (0,9 M€, 13 empregados) como destacada entre as empresas cun crecemento de máis do 25% anual estes tres últimos anos.